Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de febreiro de 2011

Manifesto do Día de Rosalía

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, le no Panteón de Galegos Ilustres o manifesto do Día de Rosalía publicado por esta asociación e no que desde o Panteón de Galegos Ilustres. Reivindica a celebración no 24 de febreiro o Día de Rosalía e o uso do galego no ensino como o alicerce do futuro do tecido cultural galego.  O vídeo remata cun recitado de poesías.


Velaquí o manfiesto da AELG:
Estamos aquí unha vez máis para honrar a nosa poeta nacional Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento.
Os actos nos que hoxe a estamos a reivindicar en toda a nación (Compostela, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Betanzos...) queren dicir alto e claro que foi levada a Bonaval pola sociedade galega, consciente naquel momento da necesidade e transcendencia de rememorar publicamente a Rosalía e visualizármonos no presente, con ela e nela, como pobo.
Seguimos a ter a mesma vontade reivindicadora que a manifestada hai poucos meses en Compostela, celebrando o aniversario do traslado do seu corpo material a San Domingos de Bonaval, recoñecido como o Panteón de Galegos Ilustres, nun acto cívico e reivindicativo como este de hoxe, alimentado pola personalidade e obra da poeta fundadora da literatura galega contemporánea.
A mensaxe da nosa poeta nacional, a de reclamar a redención da patria galega, segue a estar vixente, así como a súa obra, a que acrisola os valores de noso, a que asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento.
Neste acto cívico e reivindicativo de hoxe queremos reafirmármonos, máis unha vez, como galegos e galegas conscientes, e apelarmos con orgullo á súa figura para, asemade, apelarmos á actualidade dos nosos dereitos nacionais.
Demandamos para San Domingos de Bonaval a permanencia do Panteón de Galegos Ilustres, pois ten a lexitimidade da historia e o respecto da tradición como símbolo colectivo, ao tempo que reafirmamos como irrenunciábel que sexa de titularidade pública e de uso laico e público para aqueles que a queiran honrar coma unha das personalidades fundadoras da nosa nación.
Denunciamos, asemade, a regresión na política de investimentos en todos os sectores das cultura por parte do Goberno da Xunta de Galicia, que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras, e por toda a sociedade galega no seu conxunto. Estase a destruír programática e estruturalmente, reiteramos, o xa creado ‑e aínda mínimo‑ tecido industrial na cultura galega canto á necesaria profesionalización na mesma, desaparecendo de facto a promoción da cultura de base que é, na realidade, a seiva nutricia de todo o tecido cultural galego, sendo este de feito quen crea, promove, demanda e goza da cultura de noso.
Reafirmámonos no pronunciamento público, expresado reiteradamente nos dous últimos anos polo Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado na escola, ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía. Apoiamos, máis unha vez, todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua, desde o convencemento da súa validez como ferramenta pedagóxica e da súa necesidade de uso curricular como procedemento de apoio á arredada normalización lingüística.
Demandamos, finalmente, que a Consellaría de Educación, máxima autoridade responsábel do proceso educativo da nosa infancia e mocidade, que ha converterse na madurez futura, recolla no calendario escolar oficial anual a data do 24 de febreiro como o Día de Rosalía, co obxectivo de recuperaren os centros educativos para a práctica docente regular a organización de actividades conmemorativas sobre a vida, obra e pensamento da nosa escritora, significativamente válidos, onte coma hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario