Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de marzo de 2012

O galego no hospital

por un excelente Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

Non utilizo neste título o masculino singular para me referir ao conxunto prototípico de persoas galegas, uso que con certeza debemos condenar por sexista e por tanto discriminatorio para as mulleres. Refírome á lingua galega, que, como idioma natural e propio deste país, tamén está presente na vida hospitalaria, como non podía ser menos, aínda que tal presenza teña certas peculiaridades que a seguir se comentarán. Tamén podería suxerir este título que a lingua galega está hospitalizada porque sofre algunha doenza que require un tratamento e uns coidados especiais nun centro sanitario. No entanto, ben sabemos que non é así. E non de certo porque non precisase esa atención especializada que lle devolvese a plena saúde de que gozou en tempos pretéritos. Máis ben porque os gardiáns oficiais dela –a Xunta e o conxunto das institucións públicas– lle están a aplicar un severo plano de austeridade que só dá para un que outro coidado paliativo na propia morada, cal se dun doente terminal se tratar. E aínda temos a sospeita de que alguén lle estea a subministrar subrepticiamente medicación daniña co obxectivo de acelerar a súa morte.
De calquera forma, non é o galego unha lingua tan idosa que xa non teña cura e que, por conseguinte, sexa mellor deixar morrer dignamente, sen moito sufrimento. De facto, a maior parte das súas irmás –francés, italiano, español etc.–, dunha idade similar, gozan de plena saúde, embora algunha outra, como o catalán, presente certos problemas que están a ser tratados con grande dedicación e relativa eficacia, pois xa se sabe que as recuperacións costuman ser lentas. Compénsalle a Cataluña tanto investimento en coidar a súa lingua? Parece que si, pois ben sabemos o reparadas que son as persoas catalás en asuntos pecuniarios. E en lugar de a internaren nun centro sanitario, onde de certo tamén estará presente con todo o amparo legal, prefiren facilitarlle as mellores condicións de vida posíbeis nos diferentes ámbitos da súa vida cotiá. Porén, sabemos que na Galiza non acontece o mesmo coa nosa lingua, que ten graves obstáculos para desenvolver as súas funcións vitais en campos como a economía, o deporte, a relixión, o comercio etc. E unha lingua, para poder sobrevivir, precisa estar operativa en todos eles.
Aínda que se concentrou a atención á mellora do galego na Administración pública e no ensino –con resultados deficientes, hai que o dicir–, existen outros ámbitos tamén de moita importancia para a vida dun idioma. Un deles é o sanitario, que dá ocupación a moita xente e polo que todas e todos acabamos pasando, ben como pacientes, ben como familiares e acompañantes doutras persoas con problemas de saúde. Embora dunha forma ou doutra sempre teñamos algún contacto cos hospitais, nunhas determinadas épocas tócanos a cada un de nós visitar con maior ou menor asiduidade uns lugares que prefeririamos evitar. Na observación directa e temporalmente sostida da vida hospitalaria pódense detectar os comportamentos lingüísticos habitualmente mantidos tanto polo persoal sanitario como polos doentes e acompañantes; e o tema préstase para interesantes reflexións de natureza sociolingüística. A primeira que cómpre facermos, sempre de acordo coa experiencia persoal en centros asistenciais públicos, é que en xeral o galego non goza de má saúde nos hospitais, cando menos aparentemente.
Óuvese, con certeza, moito galego no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e no Hospital Abente Lago, tamén da mesma cidade, os dous centros que frecuentei nos últimos tempos, máis se callar que nalgúns centros de ensino ou mesmo que nas dependencias administrativas da Xunta, da Deputación e do Concello da Coruña. Porén, isto non quere dicir que a saúde do galego sexa óptima no ámbito da sanidade. Tanto nas salas de urxencias como nos cuartos de hospitalización predominan, como é natural, as persoas idosas, moitas delas de procedencia rural, e estas utilizan habitualmente o galego, lingua por tanto plenamente vigorante nese ámbito. Mais inexorabelmente esas persoas con moitos anos ás costas van morrendo por lei natural e podemos dicir que cada vello ou vella que desaparece vai restando falantes á lingua galega. 
Nas salas de visitas dos hospitais e nos cuartos dos doentes pódese achar, simplificando moito, unha radiografía da situación sociolingüística galega: as persoas idosas falan galego, os seus fillos e fillas de entre 50 e 60 anos manteñen o galego con elas e entre si falan español, e os netos e netas xa se exprimen unicamente nesta lingua. Certo que hai casuísticas moito variadas e que desempeña tamén un papel importante o hábitat rural ou urbano de procedencia, mais en liñas xerais o esquema é ese. Podemos dicir, pois, que o galego goza de boa saúde entre as persoas idosas e que ten unha saúde pésima entre a xente nova (e urbana). Xusto ás avesas do que adoita acontecer coa saúde corporal, xeralmente boa na mocidade e precaria na vellice. 
Por outro lado, tamén o comportamento lingüístico do persoal sanitario dá pé para algunhas consideracións. Alén da amabilidade coas persoas doentes, maioritariamente idosas, que estas tanto agradecen e que, sendo habitual, debería ser tamén universal e obrigada, o factor lingüístico desempeña igualmente un papel importante tanto na relación entre médico ou médica e paciente, como entre o resto do persoal sanitario e doentes. É evidente que no estado de enfermidade en que as persoas galegofalantes chegan aos centros hospitalarios o feito de seren recibidas e atendidas na súa propia lingua é un factor que lles fornece maior seguranza e confianza, por si propio con efectos positivos para a saúde. Consecuentemente, non semella despropositada na formación de todo o persoal sanitario a inclusión regrada de coñecementos efectivos de lingua galega, nomeadamente na vertente comunicativa e sociolingüística, como máis unha materia formativa necesaria para o posterior desempeño profesional. De igual forma, habería que proporcionar –e logo exixir– formación lingüística ao persoal de procedencia foránea. Supón isto un dispendio ou unha imposición? De ningún modo. É un investimento en calidade asistencial e unha forma de garantir os dereitos das persoas doentes, alén de contribuír para a preservación dun valor patrimonial como a lingua galega, que debe ser un elemento de cohesión social imprescindíbel para termos futuro como pobo.
Na vida hospitalaria podemos dar con profesionais da sanidade que falan habitualmente galego e outros que o empregan só con doentes galegofalantes. Mais tamén se poden observar casos de profesionais que tencionan falar galego coas persoas enfermas e, a pesar da súa boa disposición, non teñen a capacidade de o faceren por falta de competencia lingüística, a se limitaren a utilizar algunha palabra isolada neste idioma, o cal en ocasións pode soar a condescendencia de quen se sente en posición superior. Inclusive se poden presenciar casos de verdadeira dificultade de comunicación entre médico e doente que precisan da intervención dunha terceira persoa para facer posíbel a comprensión mutua. É aquí onde se bota en falta unha eficaz capacitación lingüística na formación do persoal sanitario, que debería ser obrigada e que se presenta como imprescindíbel para o desempeño profesional, pois a lingua tamén ten funcións curativas. Neste sentido, coñécense casos de persoas idosas que prefiren deslocarse a un centro de saúde máis afastado da súa morada polo feito de nel seren atendidas por un médico ou unha médica que lles fala sempre en galego e que por iso as fai sentir máis cómodas e confiadas; nestes casos costuma acontecer que á boa praxe lingüística se une tamén unha grande profesionalidade por parte do persoal facultativo; ambos os aspectos están, na realidade, relacionados dalgunha maneira.
Porén, a interacción diaria mediante a linguaxe nos hospitais dá lugar a múltiplas situacións que veñen a confirmar a existencia dun conflito lingüístico derivado da presenza de dúas linguas en contacto, das cales unha –neste caso o galego– posúe un status claramente inferior a pesar de algúns signos externos, como a rotulación, pareceren indicar o contrario. É evidente que na estrutura hospitalaria a clase médica é a que goza de maior prestixio e esta, salvo honrosísimas excepcións, utiliza maioritariamente o español, como costuma facer o persoal de enfermaría. Mais, como se acaba de dicir, non faltan casos de profesionais que se dirixen aos pacientes na lingua destes; isto é en xeral moito ben recibido, mais tamén dá pé a situacións que poñen ao descuberto as consecuencias dese conflito lingüístico secular: en canto o persoal facultativo fai preguntas en galego, a persoa doente e galegofalante tenciona contestalas en español, por veces con evidente falta de competencia nesta lingua, pondo en evidencia a profundidade e permanencia dos preconceptos lingüísticos. Como tamén a poñen certos comentarios despectivos de persoas galegofalantes a respecto dalgunhas indicacións escritas en lingua galega que costuman utilizarse nos hospitais públicos, como é o caso de "En xexún", por exemplo: en lugar do esperábel interese ou curiosidade por aprender e mellorar os coñecementos lingüísticos, acódese ao fácil tópico descualificador do proceso de recuperación do léxico propio.
Outra curiosa situación, constatada en primeira persoa e ratificada por testemuños diversos, é a de doentes idosos que, após unha prolongada estadía nun centro hospitalario, acaban por se sentiren desorientados canto aos referentes espacio-temporais e inician un proceso de desconexión do contorno que os leva a se encerraren en si propios; nestas circunstancias non é raro que persoas que sempre falaron galego, mesmo por moraren toda a vida no medio rural, acaben emitindo mensaxes en español nun estado de semiinconsciencia. "Agora dáselle por me falar en español", téñolle escoitado a unha muller que tiña a súa nai nonaxenaria en estado crítico e que nunca falara nesta lingua con ela. Eis máis unha manifestación dese longo conflito que debería ser obxecto dun estudo aprofundado por parte de psicolingüistas. Con certeza, o paso polos hospitais dá ocasión para moitos e interesantes traballos lingüísticos, tamén os sociolectais e dialectais, alén dos máis propiamente sociolingüísticos. Nos hospitais coruñeses escóitanse deliciosas conversas nun auténtico galego bergantiñán ou da área fisterrá, por exemplo, con todos os trazos peculiares que caracterizan e enriquecen estas falas, conversas que merecerían ser gravadas e conservadas como valorosos testemuños dunha maneira de falar da xente de máis idade, infelizmente en transo de desaparición.
Con certeza, o galego está vivo na actividade hospitalaria, embora precise mellorar a súa calidade de vida. Ten aínda uns órganos vitais fortes e con capacidade para unha longa sobrevivencia, como puña en relevo, por fuxirmos dos tan citados e controvertidos estudos demoscópicos galegos, un inquérito dirixido e publicado por Miquel Siguan nos finais do século pasado (Conocimiento y uso de las lenguas, CSIC, 1999), onde se achaba á cabeza das linguas minorizadas do Estado en case todos os parámetros estudados que facían referencia ao uso, moitas veces por riba do catalán e case sempre –e a moita distancia– do éuscaro, mais situándose xa por debaixo de ambos canto ás preferencias da xente en ámbitos como o ensino ou a televisión; isto é, tiña menos prestixio social. Ben sabemos que as cousas non foron a mellor desde aquela para o galego, todo o contrario, en canto o catalán e o éuscaro experimentaron substanciais melloras. 
Por iso talvez hoxe o galego precise dunha hospitalización para mellorar algúns aspectos da súa saúde. Máis analíticas xa non fan falta, pois ben coñecemos o seu estado e as súas deficiencias: quebra da transmisión interxeracional e por tanto perda alarmante de falantes entre a xente nova, diminución progresiva dos seus usos no ámbito urbano, avanzo da erosión interna por castelanización no plano da oralidade, desamparo institucional etc. O que precisa son coidados intensivos e achegas vitamínicas, mais no seu lugar está a ser vítima directa dos recortes asistenciais e sanitarios. Como poderá resistir así o doente? Que clase de coidadores son aqueles que deixan que este morra, sen lle aplicaren os remedios estabelecidos, cando aínda ten unhas boas constantes vitais? Só se postula a eutanasia para a lingua galega?

Ningún comentario:

Publicar un comentario