Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de setembro de 2014

A caste e o Oso de Salcedo

por Miguel Louzao Outeiro, na Praza Pública:


Nas primeiras semanas deste verán outonal que nos veu, este escribidor acompañou a uns familiares a unha tenda de roupa de toda a vida situada no centro da vila en cuxo concello naceu e do que é toda a súa familia. O motivo non era outro que axudar a que súa avoa, con máis de oito décadas de vida, e cobradora dunha pensión pola agraria das máis baixas que existen, comprase un traxe para un evento vindeiro. Esta escena cotiá non tería maior importancia se non fose polo trato lingüístico recibido por todos nós. Si, trato lingüístico. Ambos os tendeiros, muller e home, amables e rápidos, dirixíronse a nós en todo momento en castelán, incluso cando a miña avoa, con lixeira perda auditiva, preguntaba de segundas e recibía unha condescendente resposta en castelán, dando a entender un certo paternalismo caricaturesco sobre a súa (nosa) orixe humilde, se non fose pola amabilidade amosada. Unha vez máis o uso lingüístico era empregado, consciente ou inconscientemente, como como marca de xerarquía, de clase, algo tan frecuente que case lles parece o normal aos meus familiares. Tal e como acontecería na década dos 40 ou 50 cando ela era unha moza en pleno franquismo.
Unha vez máis o uso lingüístico era empregado, consciente ou inconscientemente, como como marca de xerarquía, de clase, algo tan frecuente que case lles parece o normal aos meus familiares. Tal e como acontecería na década dos 40 ou 50
Esta breve historia, repetida a diario en múltiples vilas e cidades do noso país, debruzoume unha vez máis sobre a situación lingüística dos galegofalantes e sobre a situación da lingua propia, aínda que nesta ocasión non na coñecida política eliminadora da lingua e da cultura galegas desenvolvida pola actual Xunta de Galicia co Secretario Xeral de Política Lingüística á cabeza, senón nos discursos alternativos para reverter esta situación e camiñar cara á necesaria normalización que permita a pervivencia do galego e a existencia normal dos falantes.
E neste cavilar meu xorde o fenómeno de moda nos últimos meses, Podemos, e o seu relato alternativo recentemente triunfador entre a opinión pública progresista. A falta de que se concreten o que de momento non son máis que unhas ideas básicas do que propugnan, destaca un novo termo para alcumar aos responsábeis da situación de regresión política e económica en que nos encontramos: a casta, o que no galego popular chamamos caste, for de viño, de gando ou de xente.
Segundo ollo polas redes sociais, moitos dos Círculos (maneiras de artellarse deste partido a nivel local) e simpatizantes desta organización política en Galiza mostran unha actitude de escaso compromiso coa nosa lingua
Pregúntome cales serán as orixes desta teima antigaleguizadora e xórdenme hipóteses varias:
Será que a política lingüística aplicada durante o fraguismo (de folclorización e identificación da lingua galega co rural), a pesar dos escasos avances, triunfou nas novas fornadas de galegos castelánfalantes urbanos e vilegos? O galego sóbralles? Moléstalles? É unha carga negativa que lles custa levar? Obviamente, os prexuízos sobre a nosa lingua reforzáronse e mesmo apareceron outros novos. Diso pouca dúbida hai.
Será que o grupúsculo extremista que marcou a liña da política lingüística da Xunta de Galicia, e do partido que a sustenta, lles moveu os marcos, os de Lakoff, non os da leira? Quizais, pois a maioría dos Círculos existentes maniféstanse nas redes sociais en castelán ou en galego e castelán, como se este galego normativamente castelanizado que hoxe escribimos fose unha lingua inintelixible pola cidanía galega (e incluso pola foránea aquí establecida).
Ou será que nos consideran caste aos galegofalantes? Será que sermos cidadáns de segunda (a nosa lingua constitucionalmente éo), que os nosos fillos non poidan aprender en galego nas escolas (e que outros moitos nenos e nenas sexan analfabetos na lingua propia de Galiza), que na maioría dos casos (xustiza, sanidade, incluso na administración) a nosa lingua estea relegada, oculta ou directamente marxinada, e con ela os seus falantes, ou que nalgunhas cidades galegas nos sintamos coma extraterrestres os fai pertencer á deostada caste? Pertence a miña avoa a esta caste?
A miña avoa e toda a xente labrega e mariñeira e as clases sociais máis humildes mantiveron o galego a pesar das aldraxes, que de tan continuadas chegaron a parecerlles normais, fronte ao poder establecido polos franquistas e todos os seus compañeiros de viaxe (fosen comerciantes, avogados, médicos ou curas) que traballaron arreo para desterrala, como ben souberon ver, durante a transición da ditadura á democracia, os opositores ao réxime de Franco, ao terror e á miseria física e moral, os defensores/as da liberdade. Si, o galego foi daquela lingua de liberdade contra a caste.
Neste contexto, é verdade que non axuda que un líder histórico do galeguismo enterrase de vez a súa historia política a prol de Galiza ao afirmar que esta soa non ten capacidade para desenvolverse. Ou que a forza que encabeza teña o tema lingüístico como algo secundario no discurso actual, aínda que de uso habitual, como outras forzas estatais. Tampouco contribúe que a nova intelligentsia que participa neste movemento, algúns con grandes dotes de funambulismo, outros que reclaman con grande énfase que os múltiples manifestos de arestora tamén estean escritos en castelán, non considere que o galego forme parte dese relato en favor da mellora da situación económica e de mudanza das maiorías sociais. Acaso non formamos parte os galegofalantes desas maiorías agredidas (tamén lingüisticamente)?
Só pretendo centrarme naquelas propostas presuntamente renovadoras, mais o caso é que a desgaleguización do noso país avanza a pasos axigantados e uns por acción e outros por omisión contribúen a que isto sexa así.
Cando penso nisto non podo evitar que me veña á cabeza o acontecido un domingo chuvioso de hai uns meses cando se celebrou un acto de promoción do Entroido galego na Praza do Obradoiro. Nel, participaron asociacións e veciñanza das diferentes zonas onde se desenvolven tradicións típicas desta festa pagá. Entre eles, non podería ser menos, ía o Oso de Salcedo, alá das altas terras da Pobra do Brollón, onde desde tempo inmemorial esta figura do entroido baixa ao medio do lugar e axudado polos criados, acompañantes vestidos de farrapos, enzoufa a todo aquel que non dá fuxido das súas gadoupas. Nesta representación estaba presente o actual presidente da Xunta que comentou divertido: “Mira, el hombre del saco”. Obviamente non ten por que coñecer o noso presidente tan antiga tradición antropolóxica, mais a súa espontaneidade retratou a caste á que pertence. E así o sentiron os amigos e amigas de Salcedo que o escoitaron: o afastamento do pobo galegofalante e o descoñecemento do propio con altivez e superioridade.
Pois ben, será que as persoas que defenden un novo relato progresista de futuro que precisamos, coas que partillamos moitas ideas, verán tamén en nós, os galegofalantes, un home do saco?

Ningún comentario:

Publicar un comentario