Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 26 de outubro de 2014

Cartas de Ken Keirades a Ben Cho Shey e outros documentos. Recompilación en Tabeirós Montes

Este venres 24/10/14 presentouse na Estrada a apertura dun cartafol dixital dentro do web de Tabeirós Montes con documentos de  Manuel García Barros (Ken Keirades) dos que se destacan 35 cartas que éste mantivo con Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho Shey) por seren unha mostra da dignidade na resistencia cultural antifranquista. O período desta correspondencia abrangue de 1956 a 1969. A recompilación total dos documentos que se puxeron a disposición dos internautas supera os 200 elementos.
Comenzou o acto coa presentación por parte de Xoán Carlos Garrido como o fornecedor do material que se estaba a divulgar e xestor da páxina na que se aloxa toda a documentación. De seguido Clara Iglesias explicou os temas tratados nas cartas que Ken Keirades lle escribiu a Ben Cho Shey. Diferenciou tres bloques principais: un deles sobre lecturas e opinións de García Barros sobre as novidades editoriais, outro das súas relacións co galeguismo do interior (Galaxia e RAG), e unha última sobre temas máis persoais arredor da labranza, a casa e a familia.
A última intervención foi levada por David Otero quen fixo un repaso polo resto da documentación que de Ken Keirades: anotacións, cartas non enviadas, reflexións,...
Un exemplo pode ser este texto de Ken Keirades, 'Xa que son  académico', no que nos ofrece unha crítica demoledora do uso que os membros da Academia facían (ou máis ben deixaban de facer) do galego:
“Xa que son académico, anque aínda me custe traballo crelo, coido ter que ir pensando na maneira de facer algo que poida corresponder dalgún xeito ao feito ese de o ser.Non teño aínda o regramento nin me vale o selo de oficio por ter o lema en latín, idioma que descoñezo, apesares de habelo practicado bastante en tempos lonxanos axudando a misa os domingos e días de novena cando o sancristán me deixaba, pois había que contar coa súa venia. Pero tampouco coido necesario para comprender que o obxecto e fins da nosa Academia serán, terán que ser, o depuramento e fixación da lingua galega, que é a nosa, a de todos os galegos, quéirase ou non, anque haxa desleigados que a repudien, “imbéciles e escuros” que dixo Pondal. E velar polo seu prestixio e expandimento ata conseguir que non haxa ningún nado na Terra, ou fillo de quen o fose, que deixe de falala.


Non quixera deixar de poñer por escrito o primeiro que pensei cando comencei a escribir esta entrada. Con algo de maldade imaxinei nos problemas que tería Ramón Nicolás se un día quixera escoller só un manuscrito de Ken Keirades para a súa colección do Caderno da crítica.

Ofrenda lírica.
Para completar o acto tamén se presentou a gravación que X. R. Fernández Oxea lle fixo á súa filla Isabel con motivo da súa primeira comunión  con poemas de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Augusto Casas, Xosé Díaz Jácome, Avelino Gómez Ledo, Ánxel Xoán, Ramón Otero Pedrayo, Victoriano Taibo, Celso Emilio Ferreiro e o propio Ben Cho Shey, Jesús Carballeira López e Anisia Miranda. Esta ofrenda lírica podemos escoitala no portal de Tabeirós Montes.


Un Manuel García Barros moi completo.
Non son éstes os únicos recursos que nos ofrece a Asociación Cultural Vagalumes sobre García Barros. A colección sobre o autor é moitísimo máis completa. Ademais dunha biografía hai vídeos con actos de homenaxe, documentos, fotos, e arquivos diversos  sobre un congreso arredor de Ken Keirades celebrado na Estrada no ano 1992 ou libros sobre a súa figura.

Teño a completa seguridade de que non será, nin con moito, ésta a última vez que teña que facer referencia ao portal Tabeirós Montes pois se non é pouco ao que se fixo referencia aquí, a cantidade de documentos que xa hai recompilados é como para ter este web ben á vista no escritorio do computador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario