Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de outubro de 2014

Filgueira Valverde e as Letras Galegas

por Luís Bará no Sermos Galiza:


A posición do BNG de Pontevedra a respeito da elección de Xosé Filgueira Valverde foi desde o primeiro momento clara. Sen entrar a valorar os seus méritos culturais e intelectuais, que non se poden negar, consideramos que non era unha elección acaída para a celebración das letras galegas pola súa traxectoria política durante o franquismo, período no que asumiu multiples responsabilidades e ao longo dun período de tempo moi longo. A este respecto, non se pode esquecer que a Ditadura franquista foi unha época de persecución feroz do idioma, que ficou prohibido e marxinado en múltiples esferas da vida social, económica e cultural.O feito de que o profesor Filgueira Valverde teña unha extensa obra xornalística e ensaística en galego e sobre múltiples aspectos da historia e a cultura galega dálle ao personaxe unha dimensión intelectual innegábel que é de xustiza recoñecer. Mais de aí a convertilo en figura homenaxeada na conmemoración das letras galegas hai un abismo. A festa das letras ten unha función dinamizadora e normalizadora que se dirixe a toda a sociedade e especialmente a comunidade escolar. En calquera sociedade democrática normalizada, que exerza conscientemente a memoria, unha persoa tan implicada no rexime franquista coma Filgueira Valverde estaría inhabilitada como modelo e exemplo para a normalización da lingua. Porque unha das lecturas posíbeis da decisión é tan evidente coma perversa: o franquismo non foi tan malo porque se podía ser unha autoridade franquista e defender e promocionar o idioma.
En realidade, o franquismo tolerou certas manifestacións culturais e certos usos rituais da lingua. E houbo intelectuais e escritores que loitaron contra a ditadura –coma Carballo Calero ou Manuel María- e houbo outros que coa súa actuación política –non coa súa actuación cultural- lexitimaron e deron cobertura a un rexime que fixo un enorme dano ao idioma e que deixou secuelas que perviven na actualidade.

Non se trata de condenar a Filgueira Valverde polos aspectos máis polémicos e contraditorios da súa personalidade. Trátase de criticar que se utilice como modelo unha persoa tan comprometida politicamente no franquismo. Quen defende con tanto entusiasmo a elección, debe asumir que a exhaltación do personaxe non está exenta de riscos. E que vai ser unha oportunidade para botar luz nas zonas escuras da Ditadura, para facer lecturas críticas da traxectoria biográfica do homenaxeado, para poñer en cuestión as estratexias de lexitimación do rexime, na que participaron moitos intelectuais, con mellor ou peor intención.
Filgueira Valverde coma Paz Andrade
Unha vez adoptada a decisión pola Academia, e feitas as consideracións críticas sobre a elección, a postura institucional do BNG no concello de Pontevedra era a de non facer causa do tema. Coma noutras ocasións -coma a recente do escritor, economista e política lerezán Valentín Paz Andrade- a posición do BNG era a de colaborar institucionalmente na organización dos actos mediante a cesión do Teatro Principal ou do Pazo da Cultura, atendendo as demandas que nese sentido fixera a RAG.Cando o PP, secundado polo PSOE, fai unha proposta de celebración institucional e homenaxe a Filgueira Valverde que vai máis alá do que é habitual; cando o PP fai causa dunha celebración que ten unha dimensión polémica evidente, está a convertir a Filgueira Valverde nun campo de batalla político e eleitorial. E nese sentido deben saber PP e PSOE que asumen o risco de meter o personaxe nunha lameira da que ninguén vai sair ben parado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario