Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 1 de outubro de 2014

Temos plan para despois?

por Alfonso Vázquez Monxardín, en La Región:

A cousa non lles vai demasiado ben. A Galicia de sempre, simplemente, desaparece. A falla de recambio demográfico no medio rural fai que cando se arruínan os tellados e entran as silvas, tamén se arruínan as falas, pois entra, escuro e frío, o silencio. Diciamos os arqueólogos da miña xeración, cando estudabamos, que cada vello que morría era unha folla arrincada do libro da historia, por iso era máis urxente recoller as lendas, os contos, as palabras do vello antes que furgar na terra para desenterrarmos algo que levaba alí dous mil anos. Se tal fixera, ben podía botar outros vinte... pero o vello, habíase reintegrar no humus húmido de humanidade, moito antes. É así.

E hai dez anos, en 2004, o Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento foi saudado con entusiasmo contido, pois estamos afeitos a que os espellismos da ilusión nos manquen nos ollos e nos prúan no corazón. Pero tamén viviamos esperanzados porque eran tempos de ver como o galego chegara a tempo dunha revolución tecnolóxica. Perderamos a imprenta, a radio, a televisión, pero chegaramos á informática, aos ordenadores. Pero axiña empezaron os desencontros, reticencias e as fallas de vontade. Algo de espellismo foi. Hoxe, unha década despois, os símbolos da mellora non melloran. Tamén porque o mundo, a nivel comunicativo, pouco ten que ver con aqueloutro de hai dez anos. Aos nenos xa non lles cobiza vérense na pantalla de Xabarín Club; prefiren colgar a súa foto na rede. A aceleración dos cambios sociais enfróntanos a este lapso como a unha eternidade. Saben en que ano se inventou o Whatsapp? Pois en 2009. E en abril deste 2014, nun só día, procesou 64 mil millóns de mensaxes. E o Facebook?, pois tres despois de aprobarmos o Plan Xeral de Normalización Lingüística, e hoxe ten 1.400 millóns de contas de usuario. Desde o ano do plan, multiplicouse por cinco o número de teléfonos móbiles –convertidos agora en pequenos ordenadores contectados- e xa hai 6.500 millóns no mundo. As cousas, sabémolo, non van ben para as palabras ditas mirando os ollos ou aloumiñando con voces. As novas tecnoloxías, a cultura das pantallas, achégannos aos que están lonxe e afástannos dos que temos ao lado. As teclas, o Skype bendito para os que temos aos fillos fóra, son parte xa deles e de nós. Que a modernidade na que nos metennos, non nos engula.

Creo que cómpre actuar coa máxima decisión e compromiso común na traxedia demográfica e na esperanza lingüística. Porque o país cultural estásenos escorregando entre os dedos como se fose auga e é imprescindible, para seguir de noso no mundo, laborar xuntos, co-laborar. Comunicar amor á fala. A crise e o tsunami da instantaneidade comunicativa abanean ata o máis fondo as vellas formas culturais e a nosa lingua é unha folla movida polo torbón da historia. Manuel Rivas urxía o outro día na recepción do premio de Celanova Casa dos Poetas, á busca de lugares de encontro e afabilidade ante as liñas vermellas traspasadas... Si. En realidade, a política importa pouco. Nin deu matado nin dará salvado a lingua. Só nós, a xente, falando. Para iso cómpre unha revolución social de sorrisos e compromisos. Temos que ter un plan que funcione. E o plan somos nós, para que viva a nosa liña da vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario