Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de maio de 2014

Linguaquetraba



Outra vez o IES As Barxas (Moaña). Nesta ocasión coa colaboración da actriz Isabel Risco, o alumnado do Obradoiro músicasbarxas e o Equipo de normalización lingüística do IES As Barxas ao pleno protagonizan este novo video clip comprometido co ritmo e coa nosa lingua.
Vía CGENDL

venres, 30 de maio de 2014

Xabier P. Docampo: as aulas do franquismo e o anel de chumbo



Falabamos en castelán na aula e en galego no recreo.
Sempre nos enche de gozo escoitar a Xabier P. Docampo porque vendo como se desenvolve un gran mestre os que nos adicamos ao ensino podemos aprender un mundo. Nesta enuncia o brutal retroceso que supón a LOMCE e relata a súa experiencia nesa futura escola franquista.
Docampo cóntanos que o primeiro que se aprendía na escola era  a terlle xenreira á túa propia lingua. O relato do anel de chumbo é tremenda, pero non é a única. Falou tamén da segregación, das reválidas, as visitas do inspector, a promoción do clasismo, a xerarquización, as ratios, o profesorado, a regra de 3, a LOMCE,... Estes 20 minutos de clase son unha marabilla.
A lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28 de maio.
Desde a Plataforma promóvese que o vindeiro día 4 se faga lectura do manifesto nos centros de ensino.

En Salceda de Caselas trabállase polo futuro da nosa lingua

por Xosé González no Galicia Confidencial:

En Salceda de Caselas remata o mes das Letras Galegas cun acto de reafirmación do galeguismo individual. Ben están os outros que foron convocados arredor da figura de Díaz Castro. Pero de nada servirá que enchamos os andeis das librerías con libros galegos se a maior parte da sociedade galega vive desgaleguizada. A lingua galega ten que procurar outros espazos sociais para que sectores tradicionalmente alleos ao discurso da normalización o fagan seu. Para que isto aconteza cómpre mudarmos o discurso e medios empregados deica hoxe.

xoves, 29 de maio de 2014

Aulas na rúa do profesorado Celga



O pasado 14 de maio o profesorado que era contratado irregularmente para impartir os cursos Celga ata o ano pasado montou unha aula na rúa da Raíña en Lugo para demostrar que son docentes de primeira e denunciar o seu despedimento.
Explicaron que leite é un substantivo masculino, a pesar da campaña da Xunta na que promocionaba *a leite galega
Tamén puxeron un exemplo do ridículo que fixo o noso presidente Núñez Feijóo cando dixo nunha rolda de prensa: "Temos o 18% do total dos cus de calidade de España" cando pretendía  falar dos Q de calidade turística.
Noutra das súas explicacións botaron man do fermoso relato A marquesiña, de Castelao, para dárlle unha reviravolta e tratar de contar como era a súa precaria situación laboral. Agora fican tal e como se ve neste vídeo, na rúa, e todo porque reclamaron os seus dereitos laborais e a Inspección de Traballo lles deu a razón. A resposta da SXPL foi a de botalos fóra e contratar mediante a rede caciquil do Partido Popular ao profesorado Celga deste ano.

mércores, 28 de maio de 2014

Cóntoche o seu segredo

por Susana H. Blanco Nigro, nas Voces de Prolingua:


Onte o meu psicólogo díxome: “coñezo máis de Galiza nos seis meses que te atendo, que polo que lin en toda a miña vida”. E é que, aínda que eu vivo en Buenos Aires, teño un anaco do meu corazón ollando cara a Galicia. Son unha das tantas galegas porteñas que falan galego e, xunto co “asado” o domingo, trinco unha tortilla ou unha empanada; e se teño sorte, algunha colega invítame a unha copiña do mellor licor de café do mundo. Tamén porque son parte dun grupo de mozos e mozas que nos xuntamos nalgún dos mil bares porteños só para falar en galego. Chamámonos “Tira a Lingua” e facémolo como sexa, cos nosos erros e cos nosos acertos. Algúns saben máis ca outros, mais entre todos “imos tirando”. O máis gracioso é ver a cara do camareiro que despois de escoitarnos dicir cousas como “onte orballou no serán” escoita: “che, ¿me traes un cafecito?”.

martes, 27 de maio de 2014

Rith 2014



Rith é a denominación do Correlingua irlandés. Trátase dunha serie de carreiras que teñen como obxectivo fomentar o uso e do gaélico irlandés. Celebrouse por primeira vez no ano 2010.
O percorrido deste ano desenvolveuse no mes de marzo. Comenzou en Baile Bhuirne e rematou nove días e 1000 km despois, en Belfast. Algúns dos participantes levan un bastón que van entregando a outro participante que o portará na seguinte etapa ao estilo dunha carreira de remudas.
Como na Regadeg bretoa, as entidades ou os particulares poden mercar os quilómetros do percorrido para axudar a financiar a Rith anual.
De regalo, unha ligazón a unha curta que promocionan desde o Correlingua irlandés: An Díog is Faide. Nela cóntase a historia do granxeiro Sonnie Murphy que no 1932 ten a oportunidade de participar na Olimpíada de Los Angeles. Pero... ben, o mellor e ver a curta.

luns, 26 de maio de 2014

Redageg 2014



Rematou o Correlingua e comenzou o Redageg que entre discorrerá entre o 24 e o 31 deste mes. Esta celebración celébrase cun percorrido por toda a Bretaña día e noite simbolizando a transimisión da lingua bretoa. Pasa por máis de 300 concellos desenvolvevendo todo tipo de actividades como concertos, bailes, cine, música, eventos gastronómicos, deportes,....
O percorrido total desta edición é de 1531 km. Persoas e entidades poden contribuir económicamente comprando quilómetros da carreira. Os participantes, ao estilo do facho olímipo, trasladan por toda a Bretaña unha mesaxe que só se lerá ao remate da edición.

As actividades desta celebración reivindicativa poden seguirse nesta conta de twitter

P.S.:Ar-Redadeg, o correlingua da Bretaña

X. M. Díaz Castro: Euskal Herría ao fondo

por Xosé Estévez, no Sermos Galiza:


O Día das Letras Galegas deste ano 2014 foi dedicado a Xosé María Díaz Castro, autor de NIMBOS e poeta da Lus. Abondaron deica agora as colaboracións, conferencias, artigos, documentais, libros e toda clase de actividades encol das diferentes facianas da súa polifacética personalidade. Mais foron dabondo escasos os que trataron dous temas: a xeira de Manuel María na canonización, espallamento e acollemento de Díaz Castro no universo literario galego e as súas vinculacións con Euskal Herria. A este segundo asunto vou dedicar as liñas seguintes

domingo, 25 de maio de 2014

X. M. Díaz Castro, por Serafín Marcos


Serafín Marcos / X.M. Díaz Castro from SonCine on Vimeo.

Serafín Marcos volveu ao Porto do Son coa mochila cargada de maxia e poesía. A ducia de minutos que dura este vídeo son como unha ducia de ovos, perfectos e gorentosos. Con eles podémonos facer boa idea do ben que o pasaron e o moito que aprenderon os rapaces do instituto nesta xornada que ficou para sempre aquí nesta memoria audiovisual.
Insisto en que me gustou moito a forma de retratar a intervención de Serafín Marcos nesta peza audiovisual, con anacos da intervención intercaladas por recortes a velocidade rápida que nos ofrecen unha idea exacta de como se desenvolveu a intervención de Serafín.

http://etikeles.blogaliza.org/tag/serafin-marcos/




sábado, 24 de maio de 2014

Penélope: stop motion de infantil




Desde a Biblioteca da EEI do Barrio Novo-Pastoriza (Arteixo)chéganos unha fermosa demostración de como se pode facer chegar un poema como Penélope ao alumnado de infantil.
Ademais para explicar o proceso da elaboración do vídeo á comunidade eudativa, engadiron este audiovisual elaborado coa ferramenta animoto de creación e elaboración de vídeos on-line.

venres, 23 de maio de 2014

Instrucciones para aprender a hablar en gallego



Outra vez Séchu Sende, e nesta ocasión co respaldo do ludolingüista Carlos L. Medrano.
As protagonistas do audiovisual son Antía Quintá Gayoso e María Martínez Martínez, alumnas de 1º de Bacharelato do Fogar de Santa Margarida (A Coruña) foron as que realizaron esta adaptación do relato «Instrucciones para aprender a hablar gallego», do libro Made in Galiza

A oportunidade do presente continuo

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:


Afirmar que a maioría social galega é fiel ao uso do galego, lingua propia deste país das mil primaveras resistentes, é dato contrastado, malia prexuízos intereseiros e xogos de palabras confusionistas de prestidixitadores de provincias.

xoves, 22 de maio de 2014

Galeguismo xurídico

por Xosé González Martínez (*), no Faro de Vigo:


Cando hai trinta anos o maxistrado Claudio Movilla Álvarez, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, ditou a primeira sentenza en lingua galega algúns tiñamos o convencemento de que estabamos a retomar os fíos da historia tronzada polos "séculos escuros". O amigo, xa falecido, comunicábame a boa nova ao tempo que me indicaba as dificultades que daquela tiña a utilización da nosa lingua nos usos xudiciais: "Esperemos que nun próximo futuro, o que agora é un acontecemento --que triste considerar esto como un acontecemento!--, se converta nunha rutina".

O mestre e o neno

por Lolo Pavón en La Región:


A Irmandade Xurídica Galega tributará o sábado 24 unha homenaxe a Amadeo Varela Rodríguez, co descubrimento dunha placa na fachada do inmoble de Progreso no que viviu e traballou o recoñecido avogado ourensán, que será seguido dun acto no Paraninfo do instituto Otero Pedrayo. É un grao de area na recuperación da débeda histórica que Ourense con quen foi xurista destacado, intelectual solvente e demócrata apegado ó seu país e a sua língua. (Forma parte da extensa nómina de persoeiros esquecidos, da que Olga Gallego, Alfredo Cid ou Segundo Alvarado constitúen exemplos clamorosos de víctimas da incuria e a racanería no recoñecemento do labor e legado dos homes e mulleres que deixaron pegada nesta terra. Por certo, Amadeo Varela deixou unha extraordinaria biblioteca, que se mantén no edificio de Progreso 75, que merecería a atención dalgunha institución ou entidade).

Queremos galego. 17 de maio 2014



Outro novo éxito na convocatoria de Queremos Galego noutro 17 de maio.
Vídeo da manifestación en Santiago
Vídeo da manifestación en Lugo
Vídeo da manifestación en Ourense co Carrabouxo dando lectura do manifesto
Vídeo da manifestación en Vigo
Crónica dos actos do día no Sermos Galiza: Reivindicación e cultura: un Día das Letras na busca dun porvir para a lingua

mércores, 21 de maio de 2014

Falade galego

por Héctor Fernández Leiro, na Praza Pública:


Non é casual que o libro que oficialmente se considera como o renacemento da cultura galega, o amencer no que espertou desa longa noite de pedra que describiu Celso Emilio Ferreiro, sexa un poemario. A lírica, sempre vencellada ó noso idioma, e viceversa, ben parece que como dous namorados, están feitos o un para o outro. Será porque os galegos gustamos como os poetas de expresar emocións sen mencionalas? Como nos versos, os que vivimos mirando cara a inmensidade do atlántico estamos empapados de esa sensibilidade para amosar os nosos sentimentos ó tempo que os agochamos, como o son da gaita, que rindo chora.
Pero non quixera facer deste texto una alegoría da calidade da nosa produción lírica, senón por a atención nos acontecementos que envolven a resaca das letras galegas.

Comentarios sobre a entrevista a Alonso Montero na TVG



 Alonso Montero (actual presidente da RAG) e Valentin García (secretario xeral de política lingüística) foron entrevistados esta semana no programa da TVG 'Bos Días'. De seguido algúns comentarios sobre a primeira destas entrevistas, realizada o pasado 13/05/14.
Alonso Montero
O que trascendeu aos medios das declaracións de Alonso Montero foi a frase "o día que se ligue en galego, que se cante en galego, o día que un guiñe un ollo a unha moza en galego, o galego daría pasos cualitativos de xigante ". E menos mal, pois a frase dá a entender que o que cómpre é avanzar na normalización. Porén Alonso Montero non tivo o acerto de explicar que a Xunta non está a facer unha política lingüística que ofreza nin tan siquera unha medida favorable ao uso normal da lingua galega e que pola contra si que multiplica o seu acurralamento.
Bo foi que non se divulgara que por non darlle a razón á Mesa cando denuncia que a situación do galego é a peor compartivamente respecto das do resto do estado español, Alonso Montero non dixera outra cousa que a situación do galego é peor que a do castelán e non profundizara nas razóns de que isto sexa así.
Outra pregunta: estamos a perder galego falantes? A resposta do ilustre profesor pasa por destacar que a xuventude, que non fala galego, recibe clases da materia de lingua e literatura galega, e segue sen falar en galego. E punto. Sen dar nin unha mínima indicación das causas.
Bo foi que non se divulgara o anaco da entrevista no que se lle pregunta polo desapego que se percibe na cidadanía respecto da norma. Polo seu cargo debería ter feito polo menos dúas cousas. Unha, defender os criterios científicos na elaboración da norma frente a preferencias máis ou menos ventureiras, e outra, ofrecer unha visión da norma como unha opotunidade de situármonos no mundo como unha comunidade con capacidade para construir un estándar aceptado e que en contra do que divulgan os inimigos da nosa lingua, mantense desde o 2003 sen cambios cando, por exemplo o castelán realizou unha de certa importancia no 2010. Pero a Alonso Montero pareceulle mellor incrementar os prexuízos cos que carga a nosa lingua destacando os conflito que xeneraa norma do galego, pois un rapaz de bacharelato ten en escribir palabras como "produto"  na aula de galego, pero "producto" na de castelán (eu engadiría que tamén na de matemáticas). E polo resto, só falou de problemas e máis problemas cando se trata o tema da normativa da lingua galega. Manda truco! Se isto é todo o que podemos tirar dun presidente da RAG, estamos aviados.

Penélope

por M. Bragado no Faro de Vigo:

A coincidencia cada 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet é unha oportunidade para avaliar o estado e o futuro da nosa lingua na Rede. Este dezasete, coincidindo coa homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o poeta dos nimbos de luz, foi a grande noticia para a nosa lingua a posta en produción da primeira web co dominio punto gal. Un fito histórico, un éxito extraordinario de toda a sociedade de noso, no que moito tivo que ver a teimosía esperanzosa e o compromiso do profesor Manuel González, presidente da asociación Punto Gal, mais tamén das institucións culturais do país (Academia, Consello da Cultura e Museo do Pobo Galego), das tres universidades, dos centos de colectivos empresariais, culturais e cívicos, como dos milleiros de persoas que apoiaron esta iniciativa pola que Galicia, o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura milenaria contarán cunha presenza diferenciada na Rede. Grazas ao dominio punto gal, Galicia establecerá un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas, ademais de poder, por vez primeira, participar na gobernanza de Internet e contribuír a desenvolver o proceso de alfabetización informacional e a suturar a fenda dixital que aínda arrastramos. Un éxito, pois, para celebrarmos, outra volta, o 25 de xullo cando se incoporen as primeiras noventa webs e tamén catro meses despois cando entren en produción aqueloutras direccións preferentes.

martes, 20 de maio de 2014

Documental sobre Díaz Castro



Se hai uns poucos días salintábamos o traballo que realizaron no IES Bouza Brey tomando como base a figura de Díaz Castro, hoxe volvo sobre os pasos anteriores para recoller outra alfaia do alumado dese centro, un documental sobre o autor protagonista das letras 2014.
Hai outros dous documentais imprescindibles sobre a figura de Díaz Castro e que foron emitidos pola TVG:

Solucións para o galego

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:


No que atinxe á nosa lingua propia, hailles feitos evidentes. Galego e portugués son ponlas do mesmo tronco lingüístico, afastadas pola separación política dos irmáns do sur . Deste xeito, mentres o vello galegoportugués chegou ser o código común de 230 millóns de persoas na Africa e Asia lusófonas, Portugal e Brasil, na Galicia foi excluído da vida administrativa, relixiosa e profesional por parte das autoridades civís e eclesiásticas , moitas veces foráneas, como escrebiu o padre Sarmiento. Velaí que o galego tivese de fixar o seu propio padron culto pola falla secular de uso nos ámbitos da vida empresarial, educativa e do pensamento. Foi éste un proceso non sempre comprendido polos falantes naturais dunha lingua usual moi deturpada e a respecto do que a minoría dos inimigos da lingua despregou un bó feixe de lugares comúns. Mais o proceso desenvolveuse e o galego ten, hoxe, un padrón culto.

Das letras dos vivos

por Xaquín Núñez Sabarís, no Sermos Galiza:

Casualidades das calendas, quixo o azar que me estree nesta sección coincidindo coas festividades do Día das Letras. Pero que ninguén se inquiete, que non penso insistir nas merecidas ponderacións da obra e vida do conmemorado. Xa o ano pasado, nas páxinas do Diário do Minho, tiven oportunidade de glosar os méritos do homenaxeado no 2013, que por razóns biolóxicas, ben merecía aínda non ter cumprido un dos requisitos do recoñecemento e seguir contándonos as fisterrás historias sen gloria de Laudamuco ou dos ocupantes do Santa Liberdade.

luns, 19 de maio de 2014

En defensa dos acusados do 8-F por defender a nosa lingua

Prolingua recupera o seu comunicado en apoio dos procesados do 8-F. Efectivamente no mes de outubro do 2012 a entidade xa emitira unha nota mostrando o seu apoio ante a inxustiza que se adiou ata estes días.
Quen se fai cargo dos dereitos lingüísticos dos galegos? en Olláparo
Prolingua pide a retirada dos cargos aos acusados de rebentar a marcha de Galicia Bilingüe en 2009, en Praza Pública
ProLingua solidarízase coas persoas procesadas por “defender a lingua dun ataque extremista”, no Sermos Galiza
Eis o comunicado de Prolingua:

Pasaron xa máis de cinco anos desde o 8 de febreiro de 2009 e daquela protesta inédita na historia da democracia. Un grupo de persoas, convocadas pola asociación Galicia Bilingüe (GB), fixo ecoar na capital de Galicia consignas que abaixaban a dignidade da lingua galega e dos seus falantes. Os manifestantes non só clamaban contra os principais textos normativos que durante décadas artellaron a convivencia lingüística neste país –desde o Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización a pasar polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento- senón que denunciaban a “opresión” sufrida polo castelán en Galicia. Non só. Falouse alí de “lingüicidio” e dunha pretendida “política impositiva” da administración galega, obrigada, por esas mesmas leis que os manifestantes deostaban, a defender a lingua propia de Galicia, que é o galego, segundo reza o artigo 5.1 do noso Estatuto.

Entrevista no programa de Proxecto Neo

O pasado mércores 14/05/14 os do Proxecto Neo tiveron o atrevemento de facerme unha entrevista para o seu programa radiofónico que emite Radio Burela.





Video streaming by Ustream

Os exemplos

o artigo gañador do premio xornalístico de Carballo, por José Casás García, no Sermos Galiza, por exemplo (aparece publicado en moitos medios):


Leopold Bloom falou en galego antes que en ningunha outra lingua da Iberia alá polo ano 1926. Don Ramón foi quen de traer ás nosas palabras a xenialidade narrativa do irlandés James Joyce. O Dublín de Ulises respirou na nosa lingua no breve suspiro que supoñen seis capítulos para tan grande obra literaria, pero respirou. Reducir este feito a anécdota sería propio de porcos que camiñan de pé. Suporía desmerecer o labor dun colectivo de homes que puxeron o protagonismo en Nós, nun mundo no que viviamos totalmente Inadaptados. Eles, que coma Adrián Solovio, buscaron o coñecemento, a beleza e a arte por todos os continentes ata que foron conscientes de que os tiñan Arredor de si, e quixéronnolo transmitir. Converteron tal empresa en xornalismo, en literatura e en arte gráfica. O resultado foi a revista Nós. Durante 16 anos cada palabra, cada título, cada portada alumaron un pouco máis a nosa cultura, poñéndoa na altura das vangardas daquel momento.

domingo, 18 de maio de 2014

A lingua que nos dá identidade

por Manuel Mera, en Galicia Hoxe:

Non coincido con aquelas persoas que fan unha análise dramática da situación da lingua galega sen diferenciar o papel antagónico que neste aspecto teñen, por unha banda, os poderes fácticos, e pola outra, as clases populares. É un feito que o galego está en inferioridade de condicións, e que por cada caso que se poda dar de discriminación dos castelán falantes hai centos que se producen contra os que utilizan o galego; a maioría como se fose algo normal. Ficamos nun contexto que impón o castelán nas empresas, nas relacións comerciais, no ámbito relixioso, xudicial e educativo, así como na maioría dos medios de información e na cultura de masas.

E ti por que cantas en galego?



As bandas Nao, Machina, Arrhythmia, Zenzar, Superoito, Familia Caamagno, Caiman do río Tea e Lydia Botana contestan á pregunta.

O mellor galego do mundo

por Nel Vidal en La Voz de Galicia:

Son abondas as persoas que a diario falan galego e que din que non o saben falar ben, porque falan o de aquí, e non o fan igual que, por exemplo, o presentador do telexornal. Pois vou dar un dato obxectivo e, incluso, como se adoita dicir, cientificamente demostrado: as galegas e os galegos, e, claro, tamén as bergantiñás e bergantiñáns, falamos o mellor galego do mundo. Si, é así, somos nós quen mellor en todo o mundo falamos a nosa lingua.

Prolingua das linguas

por Franciso X. Fernández Naval, nas voces de Prolingua:


Regresamos de Islandia, terra insular e volcánica, coma nós atlántica e confín, onde conflúen ventos, correntes e soños. Dende sempre é o seu un litoral de crebas e cavacos, que xa nas Sagas se fala do costume vikingo de percorrer os areais de mar aberto e as ribeiras dos fiordes, procurando o que sobre eles cuspen as ondas, principalmente madeira. Na inauguración da exposición de Maribel Longueira, Xente no medio, na Universidade de Reikjavik, o pasado día 2, tivemos ocasión de coñecer a Vigdis Finnbogadóttir, quen fora xefa do goberno do país entre os anos 1980 e 1996, primeira presidenta ou primeira ministra elixida democraticamente no mundo. Hoxe, retirada da política activa por vontade propia, a súa actividade céntrase na problemática da muller nas sociedades contemporáneas, na defensa das linguas e do medio ambiente e na promoción da cultura, o que non deixa de ser un xeito comprometido de facer política.

Miguel Moreira: "Falar galego supón unha actitude ética"

Montse Dopico entrevista a Miguel Moreira para Praza Pública:


Hai xa tempo que se está a falar de como renovar o discurso arredor da normalización do galego. Non para negalo, senón para apontoalo. Son diversos os debates que se desenvolveron, ao respecto, nos últimos anos. E unha das perspectivas que se está a abrir camiño con máis forza é a ecolóxica, proposta por autoras como Teresa Moure. Un dos alumnos desta, Miguel Moreira, acaba de publicar en Xerais o ensaio Contra a morte das linguas. O caso do galego, que afonda, precisamente, na óptica ecolingüística. Falamos con el deste libro, repasando, ademais, boa parte das controversias sobre o tema. O autor presentará esta obra o vindeiro día 17, acompañado por Pilar García Negro, ás 18:00 horas no local Test Pop Up (rúa Barcelona, 58), na Coruña, nun acto organizado pola libraría Suévia.

O teu libro desenvolve unha perspectiva ecolóxica sobre a lingua que estaba xa presente en obras de Teresa Moure ou Goretti Sanmartín. De que maneira se pode renovar o discurso a prol do galego a través desta óptica?
É un campo moi pouco traballado no noso contexto. A perspectiva ecolingüística ofrece alternativas para a conservación da diversidade lingüística. Trabállase nesta dirección no campo da biodiversidade. Mais a desaparición de linguas non causa a mesma alarma social que a extinción de especies animais ou vexetais. Se cadra tamén porque desde ámbitos científicos como a lingüística ou socioloxía non se desenvolveu esta perspectiva. Fáltannos traballos desde o galego e feitos en galego que a adopten. Porque ten moito que achegar.

Lingua de meu, insubstituíbel

por Manuel López Foxo en Terra e Tempo:

Digo “fuente” e apenas digo nada. Digo “fonte” e digo ai!, Fonte da Pichoca, Fonte de Candales, Fonte da Medrosa, Fonte do Espiño…, e digo auga daqueles días aínda fresca na miña boca, grandes sellas de auga nos vertedeiros de toelo, fontes comunais feitas hai mil anos polos nosos devanceiros, clarísima auga que nace incesantemente entre as pedras, á sombra dos castiñeiros, na beira do mar, auga para matar a sede, para recobrar a vida, para recuperar a forza, e digo días calorosos de sega, e digo avoa, e digo papá, e digo mulleres e homes de mans escravas, rostros de suor e alegría, e digo señora Lola, Pedro, Andrés, Benedita, José de Pastora…, e digo Espiño, Chousa de Loureiros, Barco Feito, Tristimil, A Reguiña, Caioga,

sábado, 17 de maio de 2014

E se eu vos digo que o galego é a lingua do amor?

por Alexander Schmuck no Sermos Galiza:


Todas as linguas son útiles, fermosas, non hai linguas nin máis doces nin máis brutas, nin unhas máis modernas ca outras. Sabemos que o que existen son prexuízos lingüísticos, eses xuízos de valor apresurados que provocan o rexeitamento dunha lingua, tan introducidos na sociedade como o racismo, a xenofobia ou o machismo.

Por que en galego?

Editorial da Praza Pública para os días que non sexan o 17 de maio:


Na rimavera de 2011 unha campaña da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística espallou un deseño no que o debuxante Fran Bueno amosaba un elocuente diálogo: “Por qué hablas gallego?”, preguntaba un home alto. “Por que o preguntas?”, contestaba unha nena con cara de incredulidade. Os prexuízos contra os que loitaba aquela campaña e que pretendía reflectir este cadriño abordáronse tamén en anos pasados sen abandonar a retranca a través da rede social Twitter, onde un grupo de usuarias e usuarios popularizaron a etiqueta #díadelgallego para, en clave de humor, poñer o foco nalgúns usos máis ou menos rituais que a lingua sofre cada 17 de maio.

Os camiños esquencidos



Encantoume ver ao matemático Víctor Pollán nun pequeniño papel nunha das primeiras escenas interpretando a un republicano.
Todo un atrevemento o poñerse a facer unha película na se implicou toda a comunidade educativa do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz)
Para saber máis sobre a realización da película pódense consultar outros tres vídeos nos que se nos explica cómo se fixo a película: [1], [2] e [3]

Sinopse
Unha casa de aldea e un feixe de papeis desencadenan esta historia na que Iago, un rapaz de doce anos, descubrirá cousas sobre o seu avó que non coñecía e que sen dúbida, lle axudarán a entendelo mellor, a el e ó seu tempo. Unha viaxe ó longo de case un século de vivencias nas que a poesía e a imaxinación cobran un especial protagonismo para recrear as emocións dun tempo pasado que recibe a mellor homenaxe de todas: ser recordado.

Vía @alusdomundo

Bilingüismo cordial e exterminio

por Ana Pontón no Sermos Galiza:

Confésome entusiasta da palabra de Eduardo Galeano. A súas letras agasállannos textos fermosos e cargados de crítica, reivindicación e sensibilidade social. Gosto especialmente da súa denuncia sobre a perversión da linguaxe, a apropiación e deturpación do poder de conceptos: “O capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado, o imperialismo chamase globalización. Chámase Convivir algunha das bandas que asasinan xente en Colombia, á sombra da protección militar. Dignidade era o nome dun dos campos de concentración da ditadura chilena e Liberdade a maior cárcere da ditadura uruguaia.” Na Galiza tamén vivimos a nosa particular manipulación da realidade e a linguaxe: “Chámanlle Bilingüismo Cordial á política de exterminio e asfixia da lingua galega”.

venres, 16 de maio de 2014

Xermolos e Díaz Castro

por Raúl Río Díaz en Terra e Tempo:


Maña é un dos días grandes da nosa Patria porque maña reivindicamos a supervivencia do noso idioma, desa fala que herdamos dos nosos devanceiros e que temos a obriga de entregar viva e rexuvenecida aos nosos descendentes para que viva mil primaveras mais. Tamén é un día grande para todos os veciños e veciñas dos Vilares de Parga e para todos os amigos de Xosé María Díaz Castro que apreciamos a súa poesía, pero sobre todo, é un día grande para a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, que foi quen o redescubriu e deu a coñecer ao poeta que homenaxeamos este ano polo Día das nosas Letras.

Altura da torre de bombeiros de Silleda



O que máis me gusta poñer neste blogue son aquelas entradas que, facendo sempre referencia á normalización, tratan algún aspecto das matemáticas.
Con completo acerto desde a Comisión de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC convocaron hai 3 anos o primeiro concurso de vídeos 'explícoche matemáticas 2.0" (o de 2.0 fai referencia a que deben durar 2 minutos). Este ano volve a dar na diana pois ampliaron a participación aos centros de ensino non universitario. Velaquí os vídeos finalistas.
Con todo, o vídeo que presento aquí non é ningún deses pero como foi o relizado por tres alumnos meus de 1º de bacharelato (Alberto Fariña, Isidro Gil e Román Estévez), fago referencia a el.
Nesta peza audiovisual quixeron mostrar unha aplicación práctica das matemáticas que coñecen xa de cursos anteriores para actuar sobre o entorno.
Escolleron unha construcción moi visible desde a N-540 situada na estrada de Silleda a Lalín, no polígono industrial de Silleda. Trátase da torre de bombeiros da localidade.
Aplicando a semellanza de triángulos e tendo en conta a propiedade que determina que o ángulo de incidencia coincide co de reflexión, bastábanos un espello e un observador .
Marcaron sobre o espello o punto no que o observador vía o punto máis alto da torre. Medimos:
  • A distancia dos ollos do observador ao chan.
  •  A distancia do observador o punto do espello
  •  A distancia da torre ao punto do espello
A partir disto, calcular a altura da torre é ben simple, basta con aplicar o concepto de semellanza de triángulos.

Finalmente, non deixedes de botarlle un ollo aos vídeos escollidos, especialmente o gañador da edición deste ano, "O xadrez, as progresións e a rapaciña de Friol", realizado polo alumnado do IES do Camiño (Palas de Rei), seguro que cos bos consellos de Manuel Vilariño, o seu profesor de matemáticas.



xoves, 15 de maio de 2014

Ana Pontón defende a lingua no parlamento. O PP rexeita o Plan Xeral de Normalización.

O Parlamento rexeitou cos votos do PP unha iniciativa do BNG sobre a lingua galega, apoiada polos grupos da oposición. A deputada do BNG Ana Pontón denunciou a situación de discriminación que padece a lingua galega e defendeu que a posición do seu grupo é simplemente reclamar que se cumpra o Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade nos ano 2003.
Ao BNG non lle queda outra que colgar vídeos na arañeira da rede porque a clausura informativa é total. Na semana da celebración das Letras Galegas os medios esconden unha iniciativa de impulso do uso do galego que pasa necesariamente por unha denuncia da política de negación e secundarización da lingua que se está a levar por parte do goberno de Feijóo.
Aquí non pasa nada porque ninguén o conta. Será que nunca se aprobou un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, será que o goberno actual non implantou ningunha medida deste Plan, será que despois de votar a favor del agora o PP non o rexeita radicalmente, será que a política lingüística da Xunta non tomou unha dirección radical de imposición do español. Se é así, o mellor será mellor que non miredes estes vídeos. Quizais, despois de todo, Ana Pontón tampouco existe.
E eu sen enterarme.



A noticia vía Galicia Confidencial

Benito Montero: ' Xunta non ten ilusión por normalizar o galego, senón todo o contrario'

Miguel Pardo entrevista a Benito Montero, fiscal da Audiencia de Pontevedra, para o Praza Pública:


A Irmandade Xurídica Galega celebra o vindeiro 24 de maio en Ourense a súa sétima asemblea. Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, aglutina xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados) e funcionarios xudiciais. Unhas 150 persoas na actualidade, todas elas partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol. Un dos seus socios fundadores, o fiscal da Audiencia de Pontevedra Benito Montero, fai agora balance e analiza tamén a situación do galego, tanto na Xustiza como a nivel global.
Como se creou e que balance fai do traballo da Irmandade Xurídica Galega?
A Irmandade Xurídica Galega (IXG) naceu hai seis anos co impulso de catro ou cinco fundadores. Algúns que levabamos tempo facendo o noso traballo na administración de Xustiza en galego decidimos que sería bo facer algo para apoiar outros compañeiros que quixeran seguir o mesmo camiño. Fomos incrementando ano a ano a xente que se sumou e que prometeu levar a cabo o seu labor profesional en galego e uníronse xuíces, fiscais, notarios, procuradores, rexistradores... O crecemento foi exponencial e xa somos sobre 150 tendo en conta as últimas incorporacións que se confirmarán nos vindeiros días.

mércores, 14 de maio de 2014

Penélope desde o IES Bouza Brey



Nestes días imposible seguirlle a pista a Díaz Castro. E iso está ben. 
Por medio dun chío da CGENDL souben das iniciativa do IES Bouza Brey (Vilagarcía). Destaco aquí este vídeoclip da súa propia versión de Penélope, que con ser excepcional, non é a única actividade que desenvolveron neste centro educativo. Vexamos: photocall Díaz Castro, Penélope en checo, webquest das letras 2014, a súa versión musical de Penélope con fotografías de traballos do alumnado, a versión en italiano de Penélope dunha alumna de 2º da ESO,... e o que virá.

Nimbos ilustrado polo alumnado do IES Blanco Amor

Unha marabillosa colección de publicacións escolares da obra de Díaz Castro é a que nos chega desde o IES Blanco Amor (Ourense). O alumnado de 1º, 3º e 4º da ESO do centro elaborou unha serie de debuxos tomando como referencia os poemas de Nimbos.
Segundo se nos informa no  ilustracións dos textos foron feitas con diversas técnicas. Os alumnos de 1º ESO empregaron máis a colaxe, mesturada con liña gráfica. Os alumnos de 3º e 4º utilizaron os materiais clásicos como lapis de grafito, lapis de cores, rotuladores e pasteis. Algunhas imaxes de 4º levan unha capa de cor con ceras, e despois unha augada de tinta chinesa.





O francés

por Eva Vieites Salmonte, no Sermos Galiza:


Nunca estudei francés. Non sei fiar dúas frases deseguido nesta lingua. Isto non é algo do que me sinta orgullosa, pero as cousas ás veces son así.
Nunca pensei tampouco, que este idioma se chegara a converter na única lingua posible de comunicación cunha veciña da Coruña.

Galego de sempre. Por sempre

por Farruco Graza na Praza Pública:


Falo galego de sempre. Nacín nun barrio conformado maioritariamente por xentes vidas da aldea que, en moitas vilas e cidades ao longo dos anos 60 e 70, reproduciamos día a día os sons e xiros sintácticos da nosa lingua, mesmo falando en castelán. Vivimos os anos da presión sobre o uso do galego tanto directa e explicitamente (castigarnos por falalo na escola, ser reprendidos por usalo en público) como indirecta e sutilmente (valorarnos menos porque o galego non era fino). Pero a configuración social dos barrios das nosas urbes posibilitaba que sobrevivise a nosa lingua pois, dun ou doutro xeito, o pouso de xeracións agromaba da nosa memoria colectiva. Cantas veces, falando en castelán, non nos temos atopado na tesitura de ter que expresar algún sentimento ou situación en galego porque, doutra maneira, non nos daba xeito?

martes, 13 de maio de 2014

Nimbos e Esmeralda


Nimbos e Esmeralda from Cultura galega - Xunta on Vimeo.


A Consellería de Cultura vén de presentar dúas pezas audiovisuais realizadas a partir dos versos do escritor, ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

As dúas pezas que se emitirán na Televisión de Galicia durante o mes de maio baséanse en versos de dous poemas de Díaz Castro, pertencentes ao seu poemario ‘Nimbos’: o propio poema homónimo, “Nimbos”, e “Esmeralda”, ao que se lle deu un enfoque máis infantil para dirixilo á poboación máis nova



Galeguismo xurídico

por Xosé González Martínez, en Galicia Confidencial:


Cando hai trinta anos o maxistrado Claudio Movilla Álvarez , maxistrado da Sala do Contecioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, ditou a primeira sentenza en lingua galega, algúns tiñamos o convencemento de que estabamos a retomar os fíos da historia tronzada polos “séculos escuros”. O amigo, xa falecido, comunicábame a boa nova ao tempo que me indicaba as dificultades que daquela tiña a utilización da nosa lingua nos usos xudiciais: “Esperemos que nun próximo futuro, o que agora é un acontecemento -que triste considerar esto como un acontecemento!-, se converta nunha rutina”.
Non é xusto, dicíame, que os profesionais do dereito e xudicatura recorran á argallada de non utilizar o galego por non estaren avezados no uso das súas regras gramaticais. Os que con tanto esforzo estudaron o dereito e prepararon durísimas oposicións poden facer o mesmo estudando a nosa gramática.

luns, 12 de maio de 2014

Cónclave empresarial no Pazo de Mariñán

por Xosé González, no Galicia Confidencial:


En certa ocasión respondín a unha pregunta que me fixeron sobre o proceso de normalización lingüística dicindo que os que queren non poden, e os que poden non queren; non queren que a lingua galega traspase os lindeiros tradicionais da literatura na que vive choída. Este dilema está aínda sen resolver despois de moitos anos de apelarmos á necesidade de planificar a política lingüística. Conseguido este obxectivo coa aprobación polo Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización Lingüística en 2004, ben mirado, pouco se ten feito desde certas instancias.

Aprender a buscar na rede con eficiencia

Esta presentación infórmanos sobre como mellorar as nosas búsquedas na arañaeira da rede


Na gala das letras

Discurso do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na gala das letras, acto de entrega dos premios anuais que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra o pasado sábado día 3 de maio, no Sermos Galicia:

Hoxe é un dia de celebración das obras de creación, dos saberes e oficios que se fixeron escrita ou oralidade creadora ao longo do ano 2013 e viron a luz nas editoriais galegas e nos diversos medios escritos.

domingo, 11 de maio de 2014

Palabras de Díaz Castro no Portal das Palabras




No Portal das palabras están a publicar toda unha serie de vídeos sobre o léxico de Díaz Castro.
O léxico dun poema que vale un Día das Letras, desde o Portal das Palabras, contado por Carme Pazos



Análise das palabras do poemario cos rapaces e rapazas do IES Poeta Díaz Castro




O léxico da súa vida, coa colaboración de Alfonso Blanco

sábado, 10 de maio de 2014

Coordinadora Comarcal de ENDL Deza Tabeirós Terra de Montes

Un novo paso no proceso de normalización lingüística da man dos ENDL dos centros de ensino. Neste caso trátase da constitución dunha nova coordinadora comarcal de ENDL, a de Tabeirós, Deza e Terra de Montes.
Despois de reunírmonos os cordinadores de varios Equipos de Normalización no mes de marzo, tomouse o acordo de crear un blogue colaborativo dese o que multiplicar a visibilidade do traballo que se está a realizar nos centros da comarca. Tamén se creará unha rolda de correo co fin de compartir información e ter unha canle de contacto que permita o traballo en común.
A representante desta coordinadora comarcal ante a Coordinadora Galega de ENDL será Irene Fuentes, do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada).
Polo momento esta Coordinadora Comarcal está formada polos equipos do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), do CEIP Xoaquín Loriga (Lalín), do CEIP da Bandeira e o IES Pintor Colmeiro (Silleda) e do IES Chano Piñeiro (Forcarei). Tamén se estableceron contactos cos CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces) e co CEIP A Nosa Señora das Dores (Forcarei).
Esta nova Coordinadora vén sendo a sucesora doutra que se formara no 2009 na mesma zona e da que teño especial recordo de Xaime Varela e Tino Regueira

Nota da nova no Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Eurovisión, globalización e linguas minorizadas

por Francisco Fernández Rei, membro da cerna de Prolingua, nas Voces de Prolingua:


A comezos do pasado mes de marzo a prensa informou dunha carta privada do presidente da Real Academia Española (RAE) ó presidente da compañía RTVE en que lle manifestaba que no plenario da institución provocara “desconformidade e certa inquedanza” que se elixise unha canción cantada parcialmente en inglés para representar a España no Festival de Eurovisión. Trátase de Dancing in the rain, que escolleron os espectadores de TVE e un xurado profesional e que a murciana Ruth Lorenzo interpretará na gala eurovisiva do 10 de maio en Copenhagen.
Segundo fontes afins á RAE, a institución quixo “ser discreta”, pero non podía deixar pasar “un feito así” porque o español é unha lingua que falan 500 millóns de persoas e porque o emprego do inglés nesa canción sorprendeu nalgúns países latinoamericanos, que se dirixiron á Academia para saber se ía manifestarse verbo diso.

venres, 9 de maio de 2014

Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”

Da Plataforma Queremos Galego:

Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo, que será lido nas 8 mobilizacións que terán lugar o 17 de maio de 2014 na Galiza.
O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover libremente polas diversas estancias.

Desde o mundo a Forcarei



Gustoume moito esta entrevista a Nicoleta Rasuceanu, alumna de 1º de bacharelato do IES Chano Piñeiro (Forcarei), que leva oito anos en Soutelo de Montes.
No blogue do ENDL coméntase que éste pretende ser o primeiro dunha serie de vídeos que realizarán dando protagonismo ao alumnado procedente doutros países tratando a cuestión da relación que manteñen coa nosa lingua e as reflexións que realizan sobre a situación da mesma.
Cómpre escoitar a Nicoleta con atención e decatármonos da importancia da lingua ambiental. Na súa estancia en Pontevedra  falaba en castelán, pero ao chegar a Forcarei enganchouse á lingua dos seus compañeiros.

xoves, 8 de maio de 2014

Entrevista a Suso de Toro


Hai un mes Suso de Toro visitaba o IES Pintor Colmeiro (Silleda) para unha xornada maratoniana. Impartiulle unha longa conferencia ao alumnado de 3º e 4º da ESO, participou nunha lectura/presentación das súas obras cos grupos de bacharelato, inaugurou unha aula co seu nome, e compartiu o traballo realizado polo alumnado do centro arredor da súa obra con achegas tan orixinais como esta representación en teatro de papel xaponés (kamishibai) de "Unha rosa é unha rosa" ou o audiovisual dun artigo de prensa titulado Non marchedes sen loitar antes.
E o home aínda tivo folgos para reglarnos esta excelente entrevista que dúas alumnas de 4º da ESO, Sonia Framiñán e Martina Domínguez lle realizaron na Aula de Vídeo e Radio do Colmeiro. Paga a pena escoitala. Nela fálase de literatura, da súa función, do papel do escritor, da falta de apoio da Xunta á escrita en galego,  situación actual da lingua galega, de política, de Zapatero....en definitiva, unha entrevista ben preparada e con respostas substanciosas.

mércores, 7 de maio de 2014

A mestra

A Mestra from Isaac Xubín on Vimeo.

Cunha música acaída, "Good and Comparatively Evil" de Caitríona ní Chatháin, imaxes suxerentes editadas por Pedro Fernández e bo recitado de Isaac Xubín, chégame este engaiolante vídeopoema a través dun chío de Mario Regueira.

martes, 6 de maio de 2014

Materiais Díaz Castro

Por quinto ano consecutivo a Coordinadora Galega de ENDL achéganos un completísimo portal con recursos, actividades e noticias sobre a figura homenaxeada no Día das Letras. Lembremos que xa o fixo así nos anos 2010 ( Uxío Novoneyra) , 2011 (Lois Pereiro) , 2012 (Valentín Paz Andrade) e 2013 (Roberto Vidal Bolaño).
A estrutura do portal segue as mesmas directices que a de edicións pasadas: desde a páxina principal do portal podemos acceder a distintos recursos ordenados coas etiquetas: Materiais didácticos, Para saber máis, Bibliografía, Ligazóns, Audiovisual, Actividades dos centros, Arredor de Díaz Castro.
Todo este material, xunto coa peneira de materiais feita  Botóns, son os mellores puntos de achegamento a Díaz Castro.

luns, 5 de maio de 2014

Són bojos, aquests catalans!?



Neste documental de David Valls realizado por Zebra Produccions, podemos seguir os pasos de Alina Moser, unha moza alemá que percorre Cataluña intentando comprender a situación lingüística que se vive alí. Alina leva dous anos en Cataluña e aprendeu a falar catalán; porén non fala o castelán.
O documental realizouse grazas a unha campaña de micromecenazgo e xa foi emitido na TV3. Nel podemos ver moitas situacións que non nos son alleas aos galegos: hai xente que se nega incluso a ler unha nota porque está escrita en catalán, podemos ver como ofrecen servizos en castelán e e inglés pero non en catalán, pero tamén se nos presentan persoas e entidades comprometidas coa lingua do país e, sobre todo, atoparemos moitas reflexións sobre a situación dunha lingua en proceso de normalización.
Agora David Valls está realizando outro proxecto, Que èns passa valencians!?

domingo, 4 de maio de 2014

O galego e o curriculum

por Francisco Castro no Sermos Galiza:


Pasamos boa parte da Semana Santa lembrándonos dese hotel ou hostal ou casa rural ou non sei que asturiano, que lle rexeitou a candidatura para un posto de traballo a unha rapaza á que de paso aconsellou que borrase do seu curriculum o dato referido ao seu alto nivel de galego. As redes sociais arderon de carraxe eses días e incluso a prensa escrita galega se ocupou do caso (case que en todos os casos en castelán).

sábado, 3 de maio de 2014

Penélope, por Fuxan os Ventos



O audiovisual, ademais dunha nova interpretación do poema Penélope por Fuxan os Ventos ten outro valor engadido, o de incluir o recitado do poema polo propio Díaz Castro.
Vía Caderno da Crítica

Na procura do mellor dos manxares

por Manuel González Prieto nas Voces de Prolingua:

Vilafranca do Bierzo é unha vila senlleira polo carácter da súa xente que manifesta abertamente a súa raiceira galega.Está xa todo preparado. Os maios vestidos, as maias floridas, albiscamos as canaveiras sobrantes ciscadas polo chan... Comeza un día duro que require da astucia dun plan concienciudo argallado polos veciños da vila para solucionar o grave problema que os atinxe; o operativo require dunha especial sutileza que permita calar os ruxerruxe provocados polo baleiro dos estómagos atacados pola fame.

Tíralle da lingua

por Xoán Carlos Domínguez Alberte no Sermos Galiza:


A pasada quinta feira 24 de abril celebrouse en Compostela a fase final do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”, que, cada curso convoca entre a comunidade escolar a AS-PG.

venres, 2 de maio de 2014

Con Díaz Castro


Xa que este mes estaremos cargados de actividades arredor de Díaz Castro, será certo o que di a canción de Paco Nogueiras Nodar.
O certo é que me propuxen buscar algo na arañeira da rede que non estivera na recompilación de Xosé María Díaz Castro feita por Botóns, ... e custoume ben de traballo atopar algo.

Marcos Maceira: " todos os avances que tivo o galego foron na medida en que houbo presión social"

Natalia Sequeiro entrevistou a Marcos Maceira para o Galicia Hoxe:

Marcos Maceira preside desde o pasado sábado a Mesa Pola Normalización Lingüística. Licenciado en Historia e xestor cultural, presentou unha candidatura de continuidade co labor realizado durante doce anos polo seu predecesor Carlos Callón. As mobilizacións en defensa do galego e as denuncias polas discriminacións que seguen a sufrir os seus falantes centrarán o seu traballo nos próximos anos. Maceiras, malia recoñecer os avances que ten acadado a lingua galega, denuncia que nos últimos anos o retroceso é claro.
En que situación está o galego tras cinco anos do Goberno de Núñez Feijóo?
A situación do galego hoxe é a peor con diferenza de tódalas linguas que hai no Estado español. Vemos como o catalán ou o eusquera soben en falantes e como o galego está en retroceso. A política do goberno de Feijóo ten moito que ver con esa situación. Os dereitos dos galegos falantes non existen. No ensino é o único sitio do Estado no que está prohibido impartir determinadas materias en galego.

xoves, 1 de maio de 2014

De blogues.21

Hemeroteca, 02/04/14, no blogue do ENDL do IES da Terra Chá (Castro de Rei)
Un encrucillado bilingüe de Paulo Freixinho, 18/04/14 por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
La conjura de los necios: El INTEF y la quema de libros, 19/04/14 no blogue de Antonio Pérez Sanz fálase do peche dos webs do INTEF creados nos últimos 18 anos, ao estilo da queima dos libros de matemáticas e tecnoloxía feita pola Xunta cando a aprobración do funesto decreto do plurilingüismo.
Telexornal Díaz Castro e outros materiais audiovisuais do CPI Os Dices de Rois, 21/04/14, por Román Landín no seu Caderno da lingua
Relatos, misterios e criptogrmas, 27/04/14 por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
Un diálogo trastempado, 27/04/14 por Suso en El toupo que fuza
Onte 958: Detrás de PISA, 28/04/14, por M. Bragado en Brétemas
Reimprímete, 29/04/14 por M. Bragado en Brétemas
sobre o libro dixital escolar, 29/04/14, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Proposta para elaborar o Proxecto Lingüístico de Centro, 29/04/14, por Román Landín no Caderno de lingua