Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de xaneiro de 2015

Pablo Iglesias e a lingua como cuestión secundaria

por Xosé Mexuto, no Sermos Galiza:

Nunha recente entrevista en El País, Pablo Iglesias -o líder, alfa e omega de Podemos- afirmou algo que, obvio é dicelo, non improvisou, PI non improvisa nada, que por algo encarna o novo paradigma da comunicación política: “A min o que me importa é que haxa unha sanidade pública para todos, que se estea atendendo en catalán, en euskera, en galego ou en castelán é para mín unha cuestión secundaria”.
A verdade é que a frase ten o seu miolo e ecoa moitas outras que aquí na Galiza teñen proferido millenta veces dirixentes diso que PI ten cualificado con innegábel fortuna comunicativa como Casta, dirixentes do PPSOEdeG terán asentido ao ler este fragmento da entrevista do fundador de Podemos. É un discurso ese certamente rancio e moi pouco rupturista. Mas como aquí escusamos falar de improvisación é ben pesquisarmos que é o que nos tenciona dicer o factótum do Yes We Can español con semellante declaración.

En realidade, trátase dunha mercadoria moi vella, consiste en disociar a lingua da materia como se aquela fose simplesmente unha efusión do espírito, puro sentimento prescindíbel. O importante é o corpo, non a alma. É esta unha visión propia dunha escolástica idealista que mete medo. Escolástica idealista e españolista, of course, porque poucas cousas hai máis materiais para un pobo que a súa lingua -que é a que, aliás, expresa e contén a súa forma de ver o mundo- e temos experiencias abondo como galegas e galegos para sabermos que deixar de defender a lingua (considerar a súa causa como algo secundario) é o primeiro paso para deixar de defender a economía, o territorio, o país (o primeiro paso, non o último). Nun segundo nível de leitura, o que nos vén suxerir PI é que a axenda social é máis importante que a axenda nacional e que, portanto, esta pode agardar. Ou sexa, xeralicemos primeiro os dereitos sociais e logo xa nos ocuparemos dos nacionais. Aquí tamén se estabelece unha dialéctica falsa porque a lingua é por definición un fenómeno social e o seu arrombamento -”é para min unha cuestión secundaria”- só se pode concebir desde posicións de hexemonía cultural ou lingüística, val dicer, colonizadoras.
FRASE TRAMPULLEIRA
Non nos enganemos: a frase nen a improvisou nen é inocente e, aliás, é trampulleira. Sabe perfeitamente PI que das catro linguas que invocou na súa sentenza, hai unha dominante e que ten garantida sempre a súa presenza, o español, e que por tanto as persoas utentes dela sempre teñen asegurados os seus dereitos, en todo lugar e momento, os dereitos, por exemplo, a seren perfeitamente entendidas polas profesionais da sanidade cando requiren os seus servizos (e iso, en cuestións de saúde, costuma ser vital). Esa normalidade da que goza o español non a coñece aínda no seu propio territorio o galego.

Así que o líder rupturista decide máis ben non rachar o statu quo lingüístico no Estado, ben sabe el que desequilibrado a favor da lingua dominante. É sintomático que a frase sexa como resposta a unha pergunta en que é inquirido a respeito de se prefere un Estado federal ou un Estado que concentre aínda máis as competencias. Aí PI aposta na ambigüidade calculada e astutamente asemblearia (entendida esta como a de ollar para as bancadas con mentalidade catch all party, non hai voto do PP malo) e di: “Poñamos acima da mesa nun proceso constituínte todas as opcións e vexamos cal é máis eficaz para garantir os instrumentos soberanos”. Ou sexa, eu non opto por ningunha en concreta, ou sexa, tanto ten que se fale en galego ou en español, tanto ten porque xa sei que se tanto ten ao final acabará falándose en español, que é o que interesa ao bloco nacional dominante no Estado.
Na mesma entrevista, Pablo Iglesias dixo que nas próximas xerais a escolla será entre o PP e Podemos. Se pensamos na normalización do galego, esa escolla é falaz e non nos leva a ningures. Felizmente o reducionismo binario, español e bipartidista só habita na mente de PI. Hai máis opcións sobre a mesa, opcións que -na Galiza, en Euskal Herria, en Catalunya- non se conforman con que as linguas galega, vasca e catalá vivan eternamente secundarizadas nos seus respectivos países.
Este artigo fai parte da sección de Opinión do número desta semana de Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques e na nosa loxa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario