Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de marzo de 2015

Darlle á lingua en cantidade e con calidade

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:


Afirmar que a boa saúde dun idioma é diagnosticada a través da natural transmisión interxeracional e da fidelización intraxeracional do seu uso social pleno e, consecuentemente, ilimitado, é redundar na evidencia do acontecer lingüístico-cultural de cada comunidade.
Adoitan ser estas dúas fortalezas ou debilidades quen nutren ou mirran o estado clínico dunha lingua viva, nomeadamente no caso dunha lingua sometida á incesante minorización por parte doutra lingua teito que couta a súa expansión normalizada.

Soubemos dos efectos nocivos de certa liberdade condicionada, embora resistente, en que sobrevive a nosa lingua propia, con datos contrastados empiricamente a raíz de diferentes estudos académicos e oficiais publicados nos últimos anos canto ao seu grao de competencia lingüística e niveis de uso por parte dos falantes.
Mais é precisamente no ámbito académico onde xa se nos está a advertir dun outro pé irrenunciábel na planificación dunha política lingüística que de verdade camiñe vocacionalmente cara á normalización lingüística, entendendo que este non debe participar dun proceso que permaneza alleo á preocupación polo emprego dun modelo lingüístico tendente á autenticidade, isto é, consolidado desde unha referencia de calidade, sen interferencias innecesarias da lingua de prestixio –o español- que erosionen a súa cerna indebidamente, pois, en caso contrario, a tendencia será a empobrecelo até o baleirar de singularidade para certificar o seu esvaecemento definitivo.
A desequilibrada realidade sociolingüística actual, en que cada vez custa máis recoñecer niveis de lingua de calidade nos falantes en contextos informais, nomeadamente orais, mais sobre todo estándar e de forte influencia como modelos para a sociedade, ameaza o asentamento dun bilingüismo con dominio cada vez maior do español, lingua expansiva, que invisibilice a lingua recesiva, o galego.
Ben clarificador a este respecto resulta o recente volume colectivo intitulado Modelos de lingua e compromiso* en que se analizan as consecuencias de non pór en práctica unha política lingüística sen complexos que atenda, desde unha perspectiva retroalimentadora, as causas da perda de falantes e a deturpación das estruturas internas da nosa lingua, a erosión nos piares basilares, desde a evidencia máis notoria como é a substitución léxica directa con voces españolas, até a anulación das capas máis íntimas e delatadoras como son a entoación, a fonética e a morfosintaxe.
E traio para aquí a lembranza daquela atentísima veciña que, en me vendo apurada e sobrecargada de mans, amabelmente se dirixiu á súa compañeira para a advertir da miña necesidade de axuda cun tenle cuenta de la puerta del ascensor ou aqueloutra que, camiñando despistada, cando se decatou do meu saúdo, me respondeu cun no me daba de cuenta tuya.
A preocupación pola calidade da lingua ten sido xa obxecto de atención por parte da intelectualidade galega dos dous séculos precedentes, aquela que comprendeu que o compromiso co país érao tamén co seu idioma.
Desde o final do século XIX e até o comezo da Guerra Civil, o discurso da intelectualidade ao redor da recuperación e valorización do galego soergueuse na dignificación desde a erradicación dos castelanismos que contribúen ameazadoramente para a corrosión do idioma. Un proceso de contacto desnaturalizador que, efectivamente, non é exclusivo do galego, mais que si presenta un alto nivel de afectación debido á proximidade homofamiliar entre os dous idiomas.
Resulta indiscutíbel a confirmación do acelerado proceso de substitución lingüística no último tránsito intersecular, así como da permanente erosión do galego coa penetración masiva de castelanismos que coloca nunha situación de perigo evidente a súa vitalidade como lingua autónoma de prestixio.Ignorar ou infravalorar a afectación do discurso hibridista, isto é, aquel que interiorice como normalidade a aceptación da españolización do galego, semella cando menos desatender a diversidade lingüística no seu conxunto e a futura vitalidade lingüística autóctona galega en particular.
Entender a constante procura da corrección e calidade lingüística como un proceso normal só para as linguas normalizadas e ficar impasíbel ou comprender a degradación imposta no caso das minorizadas, aprofundándoas na maior precariedade, non semella acomodar nun camiño honesto cara ao pleno compromiso lingüístico.
E para concluír, a profesora Goretti Sanmartín Rei ofrécenos un punto de inicio para avanzarmos na procura dun modelo de lingua de calidade, un modelo que posúa raíces populares e se asente na lingua oral, mais nunha lingua oral en continua interacción coa literatura, a estética e a creación, con quen fomos, coa lingua histórica e literaria e con quen queremos ser.
Poderanse conciliar outras propostas, mais a única que non deberamos atender é a inacción.



* SÁNCHEZ REI, X. M. (ed.) (2014): Modelos de lingua e compromiso (A Coruña: Baía Edicións)

Ningún comentario:

Publicar un comentario