Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 22 de setembro de 2016

As sombras do Plan Proxecta: o caso da normalización lingüística

Captura de imaxe do portal da Consellería de Educación
A Consellería de Educación anunciaba no seu portal unha nova convocatoria dos programas do Plan Proxecta. Facíao ofrecendo unha ligazón á convocatoria no DOG en español. Que ninguén pense que se trata dun erro xa que volvemos a estar diante doutra agresión á lingua galega premeditada. A estratexia consiste na aplicación dunha serie de microaccións que van sempre na mesma dirección: a redución de espazos para o galego.
O Plan Proxecta é un absurdo caixón de actividades programadas pola Consellería no que cada ano caben máis cousas: desde programas de igualdade de xénero a outros de climatoloxía ou de prevención do tabaquismo.
A Consellería anuncia  a incorporación de 9 programas para este ano ata sumar un total de 41. Isto non é necesariamente nada positivo. Pola contra, hai moitas zonas escuras neste Plan. Poñamos por caso o programa do Aliméntate ben. As convocatorias deste plan xa foron publicadas no seu día e mesmo a da Froita na escola tiña un prazo de presentación de solicitudes que rematou o pasado 4 de agosto. Velaí que non é certo o que afirma a propia Consellería de que o prazo de solicitudes dos programas estará aberto ata o vindeiro 15 de outubro. O único que se abre é un novo trámite burocrático que antes non existía. Agora esíxenlle aos parcipantes unha inscrición na plataforma dixital do Proxecta para poder ter posibilidade de solicitalo. Non aclaran que farán coas convocatorias xa extinguidas. En resume, líos, atrancos e burocratización.

A normalización no Proxecta
Poderíase pensar que o exemplo anterior, o da Froita na escola, está escollido con mala idea. Non é así. Para verificar que non se trata dun caso único basta con botarlle un ollo á convocatoria do Proxecto didáctico Antonio Fraguas, anunciada pola SXPL o 2 de Marzo deste ano, cun prazo de presentación que xa venceu o pasado 31 de maio...... e cuxos premios xa foron entregados. Tal é o desleixo da Consellería de educación que a información que nos ofrece o portal do Plan Proxecta sobre a convocatoria do Premio Antonio Fraguas non se refire a este curso, senón ao pasado. Para colmo de males a edición correspondente ao curso pasado non se celebrou e a ligazón que ofrecen a modo de orientación non leva a ningures.
Referencia equivocada do Proxecto Antonio Fraguas, do portal do Plan Proxecta

Para máis, a convocatoria de todo tipo de actividades dentro do Proxecta aumenta o escurantismo e a falta de garantías que debe ter calquera organismo público. Algunha das convocatorias, polas súas características, deberían publicarse con todos os avais das convocatorias públicas. De non facerse así non hai garantías de que a resolución de premios ou concursos se faga cos controis habituais. Tamén se perde a información sobre o orzamento adicado a cada programa. Dos proxectos en innovación en dinamización (léase normalización) lingüística do curso pasado sabiamos que se outorgarían un total de 5 premios cunha dotación de 2.000 euros cada un. A incorporación destes proxectos na normalización ao Plan Proxecta non clarifica se vai manterse o orzamento, nin tan siquera sabemos se con este cambio vai modificarse tamén a orientación que se lle estaba dando ao mesmos. O que si sabemos é que polo camiño pérdese por completo a finalidade da súa convocatoria: segundo podemos ler no web do Proxecta o obxectivo fundamental para o alumnado é
"Mellorar as competencias e habilidades lingüísticas con especial incidencia na oralidade e/ou no emprego das TIC, tanto dentro como fóra do centro"
Como podemos comprobar, ningunha referencia á normalización. Xa que logo, a única función da inclusión dos proxectos de innovación en dinamización (léase normalización) lingüística é a dunha nova barreira administrativa para os centros que queiran presentarse á convocatoria. Se antes chegaba coa presentación do proxecto en tempo e forma, agora a Consellería esixe a preinscripción na plataforma dos Proxecta. A quen lle temos que agradecer toda esta desfeita?

Ningún comentario:

Publicar un comentario