Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 27 de febreiro de 2017

Philip Duncan Webb

Xosé Antón Laxe Martiñán entrevista a Philip Duncan, nas Voces de ProLingua:


Philip Duncan Webb (Cheltenham, 1992) estudou galego o ano que viviu en Bos Aires como bolseiro da University of Birmingham. Escolleu o destino, di, en gran parte, pola importancia da cidade arxentina na historia de Galicia.

Agora vai para tres anos que vive na Coruña, onde traballa ensinando inglés. Pero tamén é estudante; o ano pasado cursou un máster en Historia contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, e alí acaba de empezar a súa tese doutoral.
Tocante á literatura, hai anos participou no II Certame de Narrativa Breve da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina co relato A meiga galega, un dos poucos textos presentados en galego.
Agora acaba de gañar o II Concurso literario Mazarelos que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC co relato Satanás fóra!: realidade e ficción no Códice Casabraván. O xurado salientou “a orixinalidade desta actualización da técnica do manuscrito encontrado”, así como que “o dominio técnico e a fluidez lingüística resultan notábeis”.
Di que seguirá escribindo.

Levas en Galicia desde 2014 e acabas de gañar o II Concurso literario Mazarelos. Por que Galicia e por que en galego?
Mudeime á Coruña para vivir coa miña moza, que é valdeorresa de orixe, e empecei a dar clases nunha academia de lingua inglesa. Sigo traballando alí, pero tamén acabo de comeza-la miña tese de doutoramento en Santiago. O galego estudeino orixinalmente na University of Birmingham, no seu Centre for Galician Studies, que desafortunadamente pechou hai pouco. Escollín este idioma porque o meu profesor de castelán do instituto nos ensinou algunhas cousas de Galicia porque era a súa rexión favorita de España –lembro sobre todo un vídeo da Rapa das Bestas no que soaba música de gaitas- e eu pensei (con razón) que sería interesante aprender máis sobre ela.
Quen fixo o escritor que es?
A miña nai, creo. Penso que un dos motivos principais polos que me encanta a lectura é que a miña nai me lía cando eu era pequeno, antes de deitarme cada noite. Así limos case tódolos libros de Harry Potter e Narnia. E claro: se non me gustase ler, dificilmente se me ocorrería escribir, digo eu.
Que autores ou autoras galegas cualificarías de imprescindibles? Por que?
Primeiro diría que Rosalía, e penso que esta escolla non necesita explicación. Ademais, xa que me sinto identificado con Valdeorras, a zona da miña moza, teño que recomenda-los poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Tamén me gusta Manuel Rivas, especialmente Todo é silencio; é como sería Narcosse Pablo Escobar vivise na Costa da Morte. Finalmente, vou tirar do tema da miña tese: a emigración galega ao Paraguai. O muxián Victorino Abente y Lago (o hospital coruñés leva o nome do seu irmán maior), trasladouse a Asunción en 1870 e rapidamente se converteu nun dos poetas esenciais daquel país suramericano. Victorino volveu varias veces a Muxía e nunca perdeu a súa identidade galega, pero as súas obras son case descoñecidas aquí. En fin, sería bo que máis xente puidese coñecelo.
Que aprendes de literatura lendo literatura galega?
É difícil sinalar unha cousa concreta que aprendese. Iso si, ao ler un libro galego, sei que estou lendo algo que é distinto, e non falo soamente do idioma. Non sei expresar exactamente por que a literatura galega é distinta, máis éo. E isto, dende o meu punto de vista, é un dos mellores argumentos en defensa da lingua. Se unha persoa é capaz de ignorar tódalas historias, poesías e cancións deste país e aínda dicir que “el gallego no sirve para nada”, como moitas veces me din ao escoitarme falar, diría que se trata dunha persoa con moi pouca imaxinación.
Visto o caso islandés, con pouco máis de 300.000 falantes e cunha literatura expandida polo mundo enteiro mediante políticas de protección, que camiños precisa a literatura galega -con calidade acreditada de sobra- para ter repercusión fóra?
Imaxino que habería que comezar traducindo os libros que teñen máis posibilidades de atraer un gran público e converterse en bestsellers. Libros de detectives, aventura, suspense… os máis divertidos, digamos. Penso que A praia dos afogados de Domingo Villar, que me enganchou totalmente, sería un bo candidato neste sentido.
Cal é a túa relación cultural coa lingua portuguesa? Axudouche o coñecemento do galego?
Nunca asistín a unha clase, pero grazas aos coñecementos do galego que xa tiña cando comecei a aprender portugués, a día de hoxe fáloo con fluidez, aínda que non sen erros. Teño amigos en Portugal e no Brasil, e algúns dos meus cantantes e autores preferidos son de países lusos. Ou sexa, si, o galego axudoume moitísimo. É unha mágoa que o goberno non promova máis o contacto cultural entre Galicia e Portugal.
Que hai detrás de Satanás, fóra!...?
O meu traballo de fin de grao en historia foi sobre os peregrinos xacobeos nos séculos XI-XIII. Un día estaba repasando os meus apuntes e ocorréuseme a idea de escribir un relato a partir deles. Velaí o tema de Satanás, fóra! Ao mesmo tempo, acababa de ler Yo, el supremo de Augusto Roa Bastos, unha novela que se presenta como se fose unha recompilación de escritos do ditador paraguaio José Gaspar Rodríguez de Francia, e que inclúe algunhas notas de pé con comentarios do autor. Como me gustou moito ese libro e quería experimentar con esta técnica de pseudo-investigación, fixen o meu relato no estilo dunha pesquisa histórica. Esta foi a miña inspiración principal, aínda que, claro, espero que o relato leve a miña impronta persoal tamén.
Como avalías a situación actual do idioma galego?
Vivo na Coruña, onde ás veces parece que hai máis falantes de inglés que de galego. Tamén paso moitas findes en Valdeorras, onde tampouco se escoita moito o galego entre a xente nova, polo menos no Barco. Por iso, a miña impresión é moi, moi negativa, e incluso cústame crer que a lingua vaia sobrevivir até finais do século. Por outro lado, os meus amigos doutras zonas asegúranme que alí a cousa non vai tan mal, e espero que teñan razón.
Na xeira autonómica non houbo unha política lingüística digna de tal nome. Unha vez que o Parlamento galego aproba por unanimidade un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que fora impulsado pola Xunta do PP de Fraga, cando o goberno do PSOE e o BNG comezaron a aplicar, por fin, medidas dese plan, foron presentadas como imposicións desde ideoloxías moi concretas. Como ves estes feitos e a reacción da sociedade galega?
Paréceme que son a culminación lóxica dun longo proceso de opresión lingüística por parte das elites neste país, especialmente durante a ditadura. Esta é a resposta “racional” que son quen de comprender. Por outra banda, teño que confesar que, ao nivel emocional, non entendo nin a apatía nin moito menos a hostilidade cara a lingua, malia que son actitudes habituais aínda. Pero tal vez isto sexa unha falta de empatía pola miña parte, non sei.
A literatura galega non é allea ao mercado anglófilo. Desde Chales David Ley a Michael Smith, John Rutherford ou Erin Moure, autores e autoras contemporáneas como Ferrín, Chus Pato ou Manuel Rivas pódense ler en inglés, algúns mesmo con rotundo éxito. Pode un goberno permitirse afogar ese capital cultural?
Sen dúbida, calquera goberno debería facer todo o que poida para fomenta-las artes. Non todo é diñeiro neste mundo. Ademais, non estaría mal que os ingleses lésemos un pouco de literatura estranxeira. Entre o meu país e España o intercambio cultural padece dun grave desequilibrio. Por exemplo, cando estamos no coche escoitamos Los Cuarenta (ou Radio 3 se queremos parecer sofisticados), e digo sen esaxerar que catro de cada cinco cancións están en inglés. Mentres tanto, no Reino Unido o único tema que coñecemos en español é La Macarena. Este desequilibrio probabelmente sexa menos extremo nos casos do cine e da literatura, pero tamén existe alí. O que quero dicir é que estar máis aberto á influencia doutras culturas sería bo para o mercado inglés.
Cando a norma obriga á inxustiza (por exemplo, cando non permite explicar matemáticas en galego), a xustiza pode vir por atopar unha físgoa pola que burlar as prohibicións?
Absolutamente. Non sei moito da normativa concreta, pero tódalas linguas naturais teñen a mesma capacidade expresiva. Polo tanto, non existe ningún ámbito no que sexa lícito prohibi-lo emprego dun idioma pola súa suposta inutilidade. É máis, é de xustiza protexe-lo que historicamente foi oprimido.
As políticas lingüísticas do Goberno galego están a ser letais para o idioma propio de Galicia, como ve isto un inglés de 24 anos?
Pois véxoo moi mal. Unha lingua é moito máis que unha serie de palabras e regras gramáticas; é a herdanza colectiva dun pobo e a manifestación máis importante da súa cultura compartida. A ninguén se lle ocorrería aprobar unha lei para derruba-la Torre de Hércules. Acaso unha lingua vale menos?
Será o idioma unha paisaxe á que ir de turista ou o medio de transporte para chegar a un futuro mellor?
Se as cousas seguen como son agora, dentro dun ou dous séculos creo que o galego deixará de se-la lingua da gran maioría da xente de Galicia. Pasará a se-lo hobby dun puñado de entusiastas ou un obxecto de estudo académico, como o latín. Non obstante, tamén creo que non é demasiado tarde para que se produzan os cambios necesarios para garanti-la súa supervivencia. Finalmente, creo que non contestei a pregunta, o cal é moi galego.
Cales serían as túas propostas de cara á recuperación do galego entre a xente nova?
Os colexios e os institutos son a clave. Como xa dixen, eu traballo nunha academia de inglés na Coruña. Entre os meus alumnos de primaria e secundaria, case ningún fala galego habitualmente. Malia isto, nos últimos tres anos observei moitas veces que os rapaces de once ou doce anos en adiante si que teñen un certo orgullo de Galicia, a súa cultura e os seus costumes. Para dar un exemplo, cando lles pregunto “where are you from?”, é máis común que me digan “I am from Galicia” que “I am from Spain”. Neste senso, diría que o problema non é a actitude da xente nova, senón a existencia dun sistema educativo no que a lingua galega está moi desprestixiada. Isto é o que hai que corrixir. Se se puidese conseguir este cambio, coido que só sería cuestión de esperar dez ou quince anos para que toda unha xeración saíse das aulas falando tanto o galego como o castelán con total normalidade e en condicións de igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario