Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 18 de setembro de 2017

A aposta de Feijóo polo plurilingüismo en castelán



Co inicio do curso 2016-2017, o presidente da Xunta trouxo un discurso destacando que o seu goberno apostaba polo plurilingüismo e a educación dixital. Os medios reproduciron a mensaxe acríticamente.
Para facer esta presentación oficial do curso escolar Feijóo visitou o IES Blanco Amor (Ourense). Alí acudiu acompañado deses fieis medios que recolleron algunhas imaxes neste vídeo. Feijóo chega a unha primeira aula:

-Buenos días... Que tal?
Dirxíndose a un rapaz:
- Qué número de clase tienes?
- Yo el diez - responde o cativo

Feijóo entra nunha segunda aula, dirixíndose agora a unha rapaza:
- Eres nueva? El primer año?

Velaquí o plurilingüismo, consistente en que o máximo representante dos galegos divulgue e faga pedagoxía de que a lingua galega é prescindible e, como moito, secundaria. Nestes parámetros, o funesto decreto 79/2010, o de depreciación e criminalización do galego,  son nos que nos temos que mover para entender que fose adxectivado como decreto "do plurilingüismo". Velaquí vemos descarnado, sen adubíos,  o plan do presidente da Xunta. Resulta que o plurilingüismo tradúcese en falar en castelán.
Tal é o carácter de impunidade coa que actúa Feijóo e, en xeral, todo o seu goberno, que sabendo que o están gravando non lle importa amosar a súa verdadeira cara: a do desprezo á lingua galega. Para engadirlle (aínda máis) gravidade á escena vemos ao presidente acompañado de Román Rodríguez e Jesús Vázquez,  Conselleiro un, ex-Conselleiro o outro, de Educación e Cultura. A actitude mostrada por Alberto Núñez Feijóo non se trata, xa que logo dunha arroutada presidencial, é un plan de ataque á lingua galega  compartido por todo o executivo. Neste retrato é especialmente vergoñento o papel da Secretaría Xeral de Política Lingüística. De certo que o responsable deste organismo non vai saír a afearlle a Feijóo e á súa cohorte o desprezable papel que xogaron neste comenzo de curso. Non o fará porque o que menos lle importa é unha normalización da que renegou o mesmo día en que xurou o cargo.
Por último unha nota innecesaria desde o punto de vista estritamente sociolingüístico. Comenzaba a entrada dando conta do discurso de Feijóo e o compromiso do goberno coa educación dixital. Comento un caso persoal. O meu fillo pequeno tivo a mala sorte de estar nun grupo no se introduciu o Edixgal. Ao cabo dun par de meses, pais, profesores e alumnos estabamos que botabamos pestes contra esa patufada dixital que consistiu nun pdf que había que ver nun computador incómodo, extremadamente reducido, lento, e de moi mala calidade. Así que a solución foi imprimir o pdf e así rematou toda a aventura dixital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario