Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de xuño de 2010

A Consellería de Educación contra o decreto de plurilingüismo

A Consellería de Educación vai ser a primeira en incumprir o funesto decreto de plurirlingüismo, o decreto 79/2010, e non tarda moito, só hai 13 días entre a publicación deste e a a orde que paso a comentar.
Hoxe, como comenza o verán para a xentes do ensino coma min, decidín coller un feixe de DOG e púxenme a ler. Non llo recomendo a ninguén, mais aínda que pensedes o contrario, algunha vez pode resultar gratificante, incluso divertido. O resultado foi que  atopei a seguinte Orde do 2 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Un dos dous requisitos para que o texto editado sexa subencionable pola Consellería de Educación:

Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente […]. Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que cando menos o 60% da proposta se realice en lingua galega e en que as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego,

Concreto.  Unha editorial  pode elaborar un texto que conteña, poñamos por caso, un 60% en galego tratando as unidades de Coñecemento do Medio, e un 40% do seu contido en castelán da materia de Plástica. Non sería raro que nun centro no que figurara a plástica como materia a impartir en galego, escolleran este material como libro de texto,  e aínda poderían argumentar que a elección está máis que xustificada por ser un libro coas características  idóneas para que a subvencionaran  con fondos destinados á edición de materiais didácticos en galego!.
E digo eu: se a Consellería de Educación promove e promociona que se editen textos en castelán para meterias que, vía o decreto 79/2010 terían que se impartir obrigatoriamente en galego, cal será o problema para que un profesor de matemáticas, que segundo ese mesmo decreto debería impartir a materia en castelán, o faga en galego? Ningún, o máis probable é que a Consellería de Educación o subvencione nunha vindeira orde.
Vou seguir a recomendación da Consellería de Educación. Por se cae algo.

Patético, dramático e ridículo

 Non sei como, pero remexendo na rede atopei este artigo de principios de ano (8/01/2010). Como eu daquela andaba bastante despistado nisto dos blogues, non o recollera.
por Alejandro Tobar, en Vieiros:

H. P. Lovecraft, a comezos da súa novela The Case of Charles Dexter Ward, deixounos, sen el o saber, unha descrición fidedigna do Núñez Feijóo do predecretazo. Que estrañas coincidencias as da ciencia ficción, o misterio e o terror.... Home, non! Traduzo: «A aparencia daquel home estraño e pálido, de mediana idade, era asemade patética, dramática e ridícula». Cravouno.
O proxecto de decreto contra o galego non hai por onde collelo, simplemente non ten pase. É unha rancia e vil desfeita, tanto dende unha perspectiva legal como de sentido común: así, é lóxico que ao cabo dunha semaniña de nada xa estea plenamente contrarrestado por expertos e xente do común, en masa. Sacáronlle as cores, coma quen di. De aí que unha nova análise particular dificilmente dea en achegar nada novo, pois os puntos do decreto, francamente, non dan máis de si; son perlas para o teatro do absurdo e para de contar. Porén, é certo que cómpre agardar por senllos ditames da Academia e do Consello da Cultura, que deben ser claros e contundentes.

Os puntos do infame predecretazo de Feijóo, Vázquez, Lorenzo e compañía de ridículos son exemplos de mesquindade que cun chisquiño de sorte nun futuro serán obxecto de estudo nas facultades deste país e doutros. Gardaranse se cadra no mesmo cartafol dos discursos de Hitler, dos reclamos de liberdade armamentística da Asociación Nacional do Rifle dos Estados Unidos e folio contra folio cos panfletos franquistas que animaban a ser patriota e falar a lingua dos patriotas e a profesar, por certo, a relixión da nación española, que «es y será perpetuamente católica, apostólica, romana, única verdadera». Tal cal figura nesa Constitución de 1812 que Feijóo, o estraño homiño de mediana idade, di admirar profundamente.
 
No canto de seguir polo camiño de lle sacar as vergoñas e incoherencias ao decreto, vexamos que din del os que xa opinaron con argumentos e cabeciña, algo que dende logo escasea na caverna de paxes do señor Yoprotesto, la voz de la calle... pobres esperpentos millanastrayanos. E fagámolo telegraficamente ―mais cunha ligazón ao texto íntegro, pois os xornais dixitais permiten estes e outros malabares (faise premendo nos respectivos números)―, para que a lectura non perda dinamismo: 


1.- «Con este decreto del gallego no se va a ninguna parte; es una aberración». José Manuel Suárez, presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia.

2.- «Un retroceso indiscutible que impedirá conseguir os obxectivos previstos nos documentos curriculares en vigor [...] Un retroceso que, ademais, contravén o sentido de progresividade e da necesaria protección da lingua propia establecido na Lei de Normalización de 1983». Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia.
 
3.- «Humillante proyecto lingüístico». Fermín Bouza, catedrático de Socioloxía da UCM.
 
4.- «A proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún bilingüismo cordial senón un conflito nos centros escolares e na sociedade [...] A súa elaboración xustifícase en falacias». Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística.

5.- «Unha ameaza á liberdade [...] un decreto coma este supón un intento de converter unha parte da cidadanía en cidadáns de segunda». Agustín Fernández Paz, mestre e escritor. 

6.- «O decreto parte dun suposto inexistente, reflicte a completa desconexión coa realidade social deste país e supón un significativo retroceso nos espazos conquistados nos últimos trinta anos polo galego, que debido á súa situación minorizada debe gozar dunha protección especial por parte das institucións democráticas, que deben promover o seu uso, como se recoñece na Constitución, no Estatuto de Autonomía, na LNL e no PXNL». Alfredo Iglesias Diéguez, doutor en Xeografía e Historia.

7.- «O que tiña que ser un elemento de cohesión social converteuse tristemente nun de confrontación, crispación e división da sociedade [...] Dóeme especialmente ter que enfrontarme ao partido no que milito por unha cuestión que nin debera estar no debate por evidente». Rafael Cuiña, empresario e militante do PPdeG.

8.- «Isto é unha ficción lingüística artellada para poder actuar en contra do futuro da lingua galega, iso si, no nome de nobres arelas. Porque diso se trata, dun atentado ao futuro do galego». Xabier P. DoCampo, mestre e escritor.

9.- «Xa está ben de insultar á intelixencia da cidadanía [...] O decreto é didacticamente inviable [...] O máis probable é que os únicos efectos prácticos sexan introducir nos centros e nas APA un motivo de discordia antes inexistente ou larvado». Justo Beramendi, historiador.

10.- «O decreto contravén o sentido da necesaria protección para a lingua propia incluída no Estatuto de Autonomía e pon en perigo a planificación lingüística». Nova Escola Galega.
 
11.- «Supón un ataque sen precedentes á liberdade e á igualdade [...] quebrántase o respecto pola igualdade entre os cidadáns [...] Ábrense as portas á segregación lingüística nas clases, fundamentalmente no ensino infantil». Análise crítica de Carlos Amoedo e Filipe Diez. 

12.- «Un texto galegófobo, que creará crispación entre familias e que é inaplicábel nos centros, se non é creando unha inmensa fractura social». Carlos Callón, presidente da Mesa. 

13.- «El decreto que regulará el uso del gallego en las aulas será un gran decreto. Para zaragozanos, murcianos y abulenses. Para los gallegos no tanto, pero para los centralistas que nos ven por un telescopio será un decreto insuperable». Ernesto Pombo, xornalista.

14.- «Supón unha involución na normalización lingüística e unha agresión ao noso idioma [...] Este borrador é o colofón a un proceso de involución e agresión permanente ao noso idioma». CIG-Ensino.

15.- «É un clamoroso erro pedagóxico e político [...] supón unha irresponsabilidade do actual goberno ao inhibirse de lexislar. Con toda probabilidade creará conflitos nos centros que ata hoxe non existían». Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza.
 
16.- «Un borrador confuso no fondo e impresentable na forma [...] totalmente antipedagóxico, inasumible didacticamente e imposible de levar á práctica nos centros [...] provocaría un conflito de dimensións incalculables [...] Confunde a terminoloxía e comete erros de vulto». FETE-UXT.
 
17.- «Un decreto trampa que vai provocar unha certa división social da que non podemos agora imaxinar a dimensión». Antón Baamonde, filósofo e escritor.

18.- «vulnérase o PNL e o espírito da LNL e do Estatuto, rachando coas liñas básicas do consenso lingüístico que nos demos. Cunha tal normativa nin o galego será lingua normal no ensino, nin se garantirá a competencia lingüística das novas xeracións que esixe a Lei. Ráchase co consenso lingüístico, xérase división social e faise camiño cara á marxinalización e dialectalización do galego» X. A. Pérez Lema, avogado.

19.- «El problema del borrador no está en que la solución sea mala, sino que es absolutamente inaplicable. Si Núñez Feijoo cree que hay que rebajar la presencia del gallego en las troncales, o que el gallego no puede ser el idioma vehicular de la ciencia y las matemáticas, y si se comprometió con Gloria Lago a corregir tal desmán, que lo diga, lo decrete, y que se enfrente a la historia y a las urnas. Cualquier cosa, menos huir de la responsabilidad de gobernar». Xosé Luís Barreiro, licenciado en Ciencias Políticas e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia.
 
20.- «Carece do máis mínimo rigor pedagóxico [...] vulnera a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, asinada polo Estado español en 2001, a propia Constitución e o Estatuto Galego [...] a dubidosa legalidade do decretazo tería que ser recorrida canto antes por entidades educativas e polo mesmo Ministerio de Educación». Manuel Miragaia Doldán, filósofo e escritor.

21.- «Unha ridícula operación matemática que resulta falsa xa desde o propio enunciado». Paco Martín, mestre e escritor.


Estas son algunhas das principais reflexións que dunha ou doutra maneira me chegaron ao correr destes días postborrador; no tinteiro, para non asoballar, quedan outras anotacións diversas, como por exemplo as opinións atinadas de Manuel Vidal Villaverde ou Xosé Ramón López Boullón. Á vista da práctica unanimidade crítica das Bases do decreto de plurilingüismo, mesmo nalgún medio que tanto ten apoiado a campaña dos galegófobos, o goberno debería pensar en retirar xa tales Bases; e de perseverar, por decencia, por dignidade, ou por ambas as dúas, o seguinte paso dos artífices deste despropósito debe ser presentaren cadansúa dimisión. Non obstante, este escenario semella pouco probábel, pois malpocadamente ―e desexo profundamente andar enganado― o monstro lingüicida non coñece o significado nin de decencia nin de dignidade. A ver se polo menos lle soa aquilo do amor propio. En fin, veremos que sucede, pero unha cousa está clara: en galego somos máis.

martes, 29 de xuño de 2010

Anacos de realidade desde O Carballiño

Eufalo.tv é unha idea ben pensada e magníficamente realizada. Non é a primera vez que deixamos por aquí un vídeo deles, e de seguro que non será a última. Neste pequeno documental falan os veciños do Carballiño, reflexionando sobre a lingua que usan, sobre a lingua da escola.
Un exemplo do que podemos ver e escoitar:
Alberte: Eu, falo en galego, e a miña familia tamén, normalmente en galego. Os meus fillos falan máis español, ves, vese que é un defecto de forma...do ensino.

Asamblea da Irmandade Xurídica Galega

De Vieiros:
A Irmandade Xurídica Galega celebra esta fin de semana en Lugo un seminario para contribuír á formación dos profesionais da Xustiza que desexen traballar na nosa lingua.
Da web da Iramandade Xurídica Galega: O obxectivo xeral deste Seminario é contribuír á formación teórica e práctica de  todos os operadores xurídicos que desexen manexarse e desenvolver o seu traballo cotiá en lingua galega. Pretende ofrecer desde unha perspectiva multidisciplinar as características deste traballo, os fundamentos legais e as ferramentas técnicas existentes que os poden facilitar, a posta en común das experiencias xa existentes e afortalar os vínculos entre as persoas que xa os practican, todo con vistas a facer os esforzos individuais neste eido máis eficientes, co obxectivo último de visualizar plenamente a lingua galega na Xustiza, desde todas as perspectivas.



O xenio creador do pobo galego foi quen de se dotar de formas propias para organizarse socialmente. O dereito consuetudinario, que regulou durante séculos aspectos tan diversos como a propiedade, dereitos reais, montes en man común, etc.. foron normas non escritas que segundo dicía o dereito positivo “en defecto de lei, aplicarase o dereito consuetudinario”. Efectivamente, así foi durante moitos anos. Coa promulgación do Estatuto de Autonomía o Parlamento de Galicia promulgou a Lei de Dereito Civil Galego, convertendo o costume en Dereito positivo.

A reivindicación dese Dereito propio de Galicia fíxose sempre en lingua galega. As quendas das regas, os muiños de herdeiros, os morgados… e outras institucións reguladoras da actividade social, instrumentos fundamentais na vida dos galegos, foron sempre invocados na nosa lingua. De aí que o Dereito e a lingua foran sempre da man. Velai porque Galicia tivo unha tradición xurídica propia, que se manifestou mediante unha antropoloxía cultural que a literatura popular e a cultura recolleron e recrearon.

Galicia foi terra de xuristas que exerceron a súa actividade profesional rentes da realidade cultural e lingüística do País. A Irmandade Xurídica Galega quere recuperar o fío desa tradición xurídica para devolverlle a súa función a indiosincrasia do seu contexto social. Eís, porque está a propiciar encontros, seminarios e outras actividades que espallen ese espírito de galeguidade que debe volver aos despachos dos profesionais do Dereito como unha maneira de prestaren os seus servizos, consonte co que dispoñen as leis e demais normas reguladoras do uso da nosa lingua nas instancias xudiciais.

Panteón da Memoria da Galeguidade

Por se alguén dubida que este artigo teña que estar nun blogue como este adicado á normalización da nosa lingua, direille que o aspecto máis decisivo na recuperación dos usos do galego nunha sociedade diglósica como esta na que vivimos é o da identidade. Polo tanto, ou ben facemos croquetas cos restos de Castelao e Rosalía, ou ben os respectamos como merecen no noso imaxinario colectivo. De facermos o primeiro, non hai lingua galega, polo que non queda outra que puxar pola segunda vía. E aquí vai.
por Francisco Fernández Rei, catedrático de filoloxía románica na USC, en Vieiros:
A finais da década de 1960 acudín por primeira vez á igrexa de San Domingos de Bonaval para visitar no Panteón de Galegos Ilustres a tumba á que trasladaran os restos do poeta Ramón Cabanillas. Despois de tantos anos desa primeira visita aínda lembro a sensación de tristeza que me producira o verdello das paredes e a escasa luz do Panteón, e lembro tamén un certo aquel de desilusión, porque inxenuamente coidaba que serían moitos os galegos ilustres que ía achar, cando só había catro (Rosalía de Castro e Alfredo Brañas en cadanseu mausoleo, Francisco Asorey e Cabanillas soterrados baixo lousas), e os catro xa me eran coñecidos por diversos motivos. Creo que non volvín a Bonaval ata que trouxeron a Castelao en 1984. Agora xa non había verdello, o Panteón estaba iluminado e parecía integrado no Museo do Pobo Galego, que se ocupaba de mantelo limpo e digno, aínda que non era obriga súa facelo.
Bonaval converteuse nun simbólico lugar da memoria da galeguidade desde que o 25 de maio de 1891 se inaugurou o coñecido como Panteón de Galegos Ilustres co traslado desde Padrón dos restos de Rosalía. A Bonaval acudiu Curros en 1904 para facerlle a ofrenda á muller que con Cantares gallegos fundou a literatura galega contemporánea, a muller que nunha situación moi adversa soubo reivindicar a lingua galega e asemade a dignidade das galegas e dos galegos como pobo. A Bonaval acudiron galeguistas e nacionalistas no franquismo para honraren as figuras da Patria alí presentes, como o seguiron a facer na xeira autonómica. A Bonaval acudiron (e acoden) os gobernos autonómicos para realizar diversos actos. E os escritores acudiron para velar no Panteón forxadores da Patria da Lingua como Uxío Novoneyra ou Manuel María.

A sentenza xudicial que hai uns anos lle outorgou ó Arcebispado compostelán a propiedade da igrexa de Bonaval, fechada desde mediados do pasado maio, non pode acabar con esa tradición e converter o edificio, tal como recolle a prensa, nunha igrexa parroquial, onde unha vez que se estableza o horario de misas, “xa se poderá contratar persoal ou organizar algún tipo de voluntariado para vixiar o acceso. Mentres tanto, quen o queira visitar non ten máis que solicitalo”. Gustaríame saber se nesa futura igrexa parroquial o Arcebispado compostelán vai asumir o innegable valor simbólico do lugar e desenvolver o culto unicamente en lingua galega.

Á marxe de quen sexa o propietario, cómpre desbloquear a situación do Panteón, que debería ser tutelado polo Parlamento de Galicia. Cómpre crear un padroado (ou órgano similar) do Panteón onde estean representadas, entre outras institucións, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, xunto con fundacións como a Rosalía de Castro, Brañas e Castelao e personalidades de diversos eidos científicos. Un dos labores urxentes dese padroado debería ser a redacción dun regulamento protocolario para establecer os valores cívicos, artísticos ou científicos que teñen que cumprir as mulleres e os homes que poden estar en Bonaval.

Tamén terían que establecerse criterios para o traslado dos restos ou do enterramento directo. O Panteón creouse para albergar os restos de Rosalía e uns anos despois acolleu os do xurista e político galeguista Brañas, promotor da idea, fechándose a partir de entón. Cando o 2 de xullo de 1961 morreu o escultor Asorey, o arcebispo Quiroga Palacios autorizou que se soterrase directamente en Bonaval, despois de llo solicitaren o Reitor da USC, o Alcalde de Santiago e o Comisario do Patrimonio Artístico; e cando no 1988 se trasladaron os restos do xeógrafo e matemático Domingo Fontán, foi preceptivo un acordo do Consello de Cultura Galega, que abriu un expediente para declarar a Fontán galego ilustre, con dereito a ser soterrado en Bonaval.

O vindeiro 15 de xullo, data do 125 cabodano de Rosalía de Castro, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vai facer un cortexo cívico co mesmo percorrido do traslado da escritora desde o cemiterio padronés de Adina ata Bonaval. Con este acto quérese reivindicar que o Panteón de Bonaval sexa un espazo “laico e aberto”, porque hoxe non o é, porque “está secuestrado á vontade popular, e calquera pobo que non esixa respecto para os seus propios símbolos fundacionais non terá senón sombra sobre o seu futuro. Ningunha nación pode renunciar a iso”.

Moitos arelamos ir un día a Bonaval para gozar dun auténtico Panteón da Memoria da Galeguidade, que non precisa traslado de restos mortais, porque, como ben sinalou Xosé Ramón Barreiro, a memoria non necesita sepulturas; pero nese espazo tan simbólico si cómpre que haxa monumentos, cenotafios ou memoriais que recollan actos meritorios e trazos fisionómicos da xente homenaxeada, porque a memoria quere imaxe.

Aínda que a igrexa e o panteón de San Domingos hoxe están fechados, desde o claustro do Museo do Pobo Galego pode subirse ata o fermoso coro da igrexa para contemplar a grandiosidade gótica de Bonaval e ver a entrada da capela da Visitación (onde están Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas e Fontán) e parte do sarcófago de Castelao na capela onde estivera o Cristo de Ferreiro. Logo, poden fecharse os ollos e imaxinar a Alba de Gloria pintada nunha parede e por toda a igrexa memoriais alusivos á xente que entregou o mellor da súa vida pola dignificación de Galicia e da súa lingua; pode imaxinarse unha intervención escultórica na capela onde está Rosalía, para que os que xacen baixo lousa nunca máis volvan ser invisibles cando alí se vele alguén; e tamén se pode imaxinar que a tumba de Cabanillas xa ten o seu epitafio-encomenda: 

Quero na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten aas: POETA
e esta palabra que ten luz: GALLEGO


Estes versos –moi posiblemente as primeiras palabras en galego que lin na miña vida– están gravados nun rústico panteón do cimeterio de Fefiñáns onde enterraran o autor de Vento mareiro a finais do 1959; pero desde que o 12 de agosto de 1967 o trasladaron a Bonaval, a lousa que lle dá sosego aínda non ten a encomenda que lle fixera á súa muller.

Outra de racismo lingüístico


por Alberte Ansede Estraviz, en Terra e Tempo:
O argumento central do PP para modificar a lexislación en materia lingüística foi sempre a de poñer fin á imposición do galego sobre unha maioría da poboación que tiña a expresa vontade de non "querelo". Polo tanto, se este era o argumento, a medida correctora do decreto anterior debería ser que, por fin, se posibilitase a escolla individual do idioma no que cada quen prefira recibir o ensino.
Mais afortunadamente, o movemento social en defensa da lingua encargouse de demostrar que o argumento non era máis que unha argucia e, pola outra parte, a realidade social e dos centros encargouse de inviabilizar en parte tal suposta escolla individual.
Agora ben, se o argumento da imposición non era máis que unha argucia, a medida da "liberdade de escolla" non era máis que unha coartada. E isto quedou outra vez ao descuberto cunha nova medida persecutoria contra o galego, xusto nun ámbito no que os pais/nais tiñan feito unha escolla favorábel ao noso idioma.
Desde hai catro anos existía a posibilidade de que os nenos e nenas de tres anos que se incorporaban á educación infantil se adscribisen a un grupo onde se impartisen as aulas totalmente en galego. A oferta era tremendamente limitada, pois afectaba tan só a 23 centros públicos en todo o país e a 19 concertados. Por outra parte, as condicións esixidas eran realmente restritivas: petición dos pais/nais, acordo do Consello Escolar, vontade do profesorado para impartir as aulas e reunir cando menos un grupo (25 alumnos/as). Esta oferta, pensada fundamentalmente para os contextos urbanos, era positiva, aínda que, insisto, insuficiente pois estaba lonxe de satisfacer as demandas de ensino en galego. Por certo, unha parte moi importante dos pais e nais destes escolares falan habitualmente en español, mais comprenden que para que os seus fillos/as saiban galego é imprescindíbel o recibiren a totalidade da docencia nesta lingua e así compensar o seu ambiente social e familiar español falante.
Non se detectara até o de agora ningún problema nestas liñas en galego. Aquí non se podía aducir "imposición" pois requeríase unha demanda expresa previa de pais e acordo da comunidade educativa. Tampouco supuña ningún custo especial para a Administración, pois esta xa retirara no curso pasado as axudas para a adquisición de material que establecera o goberno anterior.
Mais o goberno do PP non descansa na súa cruzada contra o galego e acaba de eliminar esta oferta practicando o racismo lingüístico contra o noso idioma. Unha eliminación que é simultánea a outras medidas -estas si con importante custo- como son a supresión dos libros de texto en galego cando aínda tiñan unha vixencia de dous anos, e a implantación inmediata dun terzo do ensino en inglés no tramo obrigatorio. Ou sexa, unha aplicación inmediata e apresurada do Decreto 79/2010 que supón incentivar aos pais e nais, profesorado e centros para que o ensino se imparta en inglés, español e galego a tempos iguais. O disparate académico e lingüístico desta medida, así como o apresuramento ao poñelo en marcha ben merece outra reflexión. Fagamos hoxe tan só algunhas preguntas:
No Estado español tamén se dá unha incentivación universal para instaurar o ensino plurilingüe no tramo obrigatorio? Na Europa Central desenvolvida promóvese a competencia nun idioma estranxeiro por unha vía semellante a esta ou con medidas específicas no ensino desas linguas? Os pais e nais, moi poucos por certo, que tiñan gran preocupación polo fracaso dos seus fillos ao recibiren as matemáticas en galego, poden agora ter máis garantías de éxito ao recibilas en inglés? Non choca este interese na promoción do inglés como lingua vehicular, co abandono na atención do ensino do inglés como materia específica? De verdade que hai alguén que se crea que ese ensino vai ser realmente en inglés e cunha calidade lingüística aceptábel? Pódese permitir un País como o noso, con case o 30% de fracaso escolar no ensino obrigatorio, introducir unha medida que aínda afondará máis nese fracaso? Nada se entende sen enmarcar o feito na tentativa do PP de ir eliminando os nosos sinais de identidade. No ano de Novoneyra, dicimos con el deste goberno: "Só loitou contra o seu pobo".

Ikea, en galego.

A pena é que mentres Ikea se publicitará en galego na súa web, os empresarios do moble de Galicia continúan a virarlle as costas á nosa lingua. Mal vexo a feira do moble da miña vila.
de Código Cero:
Que Ikea se comprometera coa nosa lingua xa antes da súa apertura na Coruña non é unha novidade. Pero que leve esa estratexia (lingüística e, cómpre non esquecelo, tamén comercial) até o punto de ofrecer unha páxina integramente en galego si que xa non se agardaba, e máis tendo en conta que estamos a falar dunha empresa multinacional, e a idea xeneralizada é que este tipo de firmas non soe destacar moito polo respecto ás linguas e ás identidades dos seus clientes. A medida de Ikea, que está a ser moi ben saudada na Rede galega (aínda recoñecendo a súa vontade de chamar a atención do mercado), foi dada a coñecer por Daniel Rivero, responsable da tenda na Coruña, quen nunha entrevista con La Opinión manifestou que a aposta de Ikea co galego é firme e que esta decisión veu tomada tamén polos problemas técnicos que se rexistraron para ofrecer unha versión bilingüe da web, e que postos a elixir entre castelán e galego, quedáronse co segundo.
Amais, está prevista a publicación en breve do catálogo de Ikea, que tamén se editará no noso idioma no mes de setembro. Con todo, e malia este esforzo salientable pola lingua, cómpre lembrar que non todo semella bos agoiros con respecto á chegada da empresa sueca á nosa terra. Así, non hai que ter moita visión de futuro para albiscar un panorama ben estreito de posibilidades para os pequenos e medianos empresarios do país ligados á decoración e ao mobiliario. O desembarco de Ikea á Coruña e logo (esta é a previsión da multinacional) a Vigo pode significar un bo golpe.

“É anómalo que só terme do futuro da lingua unha minoría activa”

entrevista a Xoán Ignacio Taibo, en Galicia Hoxe. Só vai unha parte, para vela enteira, premede na ligazón.
Xoán Ignacio Taibo naceu en Madrid en 1949 e vive en Galicia desde 1976. Licenciado en Socioloxía pola Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense, é catedrático de Lingua e Literatura Galegas no I.E.S. Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros). Ten publicado as novelas Homes de ningures, que recibiu o Premio da Crítica Española, na súa sección de narrativa en galego, en 1978; A semancia, Doncos, o Pacífico, A ponliña irlandesa, Por tras dos meus ollos, Salvador de Occidente. Tamén escribiu os libros de relatos Os Inmortais, O fotógrafo, que recibiu o Premio ‘Mesón do Labrego’ en 1976, Calendario, Informe Bestiario, Primeiro Premio ‘Carvalho Calero’ do Concello de Ferrol en 1990, A Odisea segundo Nacho, Viaxe atrás no tempo e Flor do grelo.

Nacho, chegas a Galicia xa mozo, aínda que sempre tiveches en pé os teus vínculos e orixes coa nación, e polo tanto o compromiso coa lingua: este é o motivo e a esencia fundamental. Por aí chegas a ser profesor de Lingua Galega e Literatura, e tomas aínda maior conciencia e compromiso coa cultura in extensum da nación, e polo tanto a obriga na loita de liberación nacional galega e contra o fascismo?
Non retornei a Galiza tan mozo, que xa fixera os 27; iso si, desde moito antes falaba galego. Lamento dicirche que esta profesión, moito máis que á acción directa, tende a aburguesar as persoas. Chega con ver de que vivían os escritores galegos antes do 75, Celso Emilio, Blanco--Amor, Fole, Antón Tovar, Daniel Cortezón, recentemente desaparecido... Compárense cos actuais, na maioría profesores do ensino público. Cotexemos o que escribían aqueles co que se crea hoxe. Falo en termos xerais, que as excepcións son meritorias e numerosas.
Chega á nosa nación negada un goberno como o de Núñez Feijoo, os seus "independentes", e o Decreto de normalización lingüística, ben de mínimos, múdase por este que nos venden como o mellor para o galego en inferioridade fronte ó castelán, ao xuízo de moitos de nós, un auténtico disparate que coloca o noso idioma en situación subsidiaria fronte ao dominante e imposto por múltiplas vías. O normal, aínda que non gusto do vocábulo discriminación e o que leva, neste caso sería lóxica a discriminación positiva a favor do galego fronte ao asoballamento do español… Cal é a túa reflexión verbo desta miña non curta pregunta?
O señor Núñez gañou as eleccións á conta de moita mentira e por moi estreita marxe. Que conte que mudar o Decreto de uso do galego no sistema educativo é un mandato electoral é falaz. Presenta as eleccións como referendo sobre o galego no ensino, e referendo sería, si, mais todos sabemos que versaba sobre outros temas, se os votantes preferían Audi ou Citroën, se os muíños de vento debían ser das Caixas ou de Fenosa... Na cuestión da lingua enganchouse á campaña orquestrada polos consabidos catro gatos, a microplataforma minoritaria que non é submarino do PP, senón de Rosa Díez, e o de ‘Díez’ dígoo no peor sentido da palabra... Agora Galicia bilingüe –o mesmo nome é impostor– finxe estar en contra das decisións do goberno Núñez. É a táctica dos extremistas que ben aplicou o franquismo cos Guerrilleros de Cristo Rey: se eu estou no extremo, que outros aparenten ir máis alá do meu fanatismo, e así aparecerei como minimalista, ponderado e de centro...
O galego non precisa discriminación positiva ningunha: chégalle con que o poder o trate igual que tratou o español nos últimos cincocentos anos.

Hai algo que está próximo ou semella unha contradición nos termos, é dicir, que a xente, en xeral le máis en galego, porén, os galegofalantes diminúen. Como se entende isto?
As novas xeracións len máis que as vellas. Antes de entrar o galego no sistema educativo, poucos galegofalantes lían a súa lingua, por non estaren escolarizados máis que en español: os últimos cincocentos anos antes citados. Agora ese abismo non desapareceu, mais diminuíu moito, porque os novos saben ler o galego. A caída de falantes a lectura mitígaa, mais non a amaña. Esa caída ten que ver con outros factores complexos, e un dos fundamentais é a falta de autoestima colectiva. Iso non o resolve a lectura. Non a lectura soíña.
[...]
Que as matemáticas, física e química se impartan en castelán e non en galego non é unha sintomatoloxía propia da idiotez e desprezo polo noso idioma xa coñecido pola mediocridade dos que habitan na autocolonización, no auto-odio e na diglosia mesmo dos "señoritangos" en masculino e feminino que van por aí de "cultos" e mesmo "intelectuais"… Non é, xa que logo, unha farsa que pon de manifesto a súa precariedade cultural propia dos colonizados que digo?
En relación con eses rexeitamentos, eu identifícome cun artigo que Manolo Rivas publicou cando comezaba a reacción contra a extensión do galego no ensino: en verdade non extensión, apenas aplicación da lei de 1983. A tese contrastaba como lle ía ao catalán e como ao galego, que tipo de presuntos prexudicados aparecían nun lugar e no outro, para concluír que contra a nosa lingua se opoñen os que se lle opoñen porque é fala de obreiros, de labregos, dos vulgares: unha lingua de clase. Non, o poema ‘Deitado frente ao mar’ de Celso Emilio non alude a outra época, lingua proletaria do meu pobo, aí a tes, labregos, mariñeiros da linguaxe, xusto, non falo para os soberbios, ruíns e poderosos, nada diso é cousa do pasado. Todo ese espectro que caracterizas na túa pregunta está xa naquel poema, con provecta precisión.
Consideras mesmamente dramática a situación actual do noso idioma?
Indiscutíbel e netamente dramática. Mais non terminal. A caída no uso constátase de xeración en xeración. Claro que existe unha minoría resistente moi concienciada e non pequena, pero sempre minoría, e con iso o galego non está ferido de morte. Mais nunha sociedade é anómalo que só terme do futuro da lingua unha minoría activa que non cede. A medio prazo implicará unha disociación social nada saudábel. Doutra banda, certa disociación social xa leva tempo aquí: é esa segregación que asigna o galego aos vellos, aos labradores e a determinada ideoloxía política. Tampouco nada diso é saudábel. Nin xusto.
[...]

luns, 28 de xuño de 2010

Abertos ao galego


por Carlos Callón, presidente da Mesa, no Galicia Hoxe:
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a semana pasada o certificado Abertos ao Galego, que a asociación formula como un dos seus "proxectos estrela" para os vindeiros anos. Ese distintivo concederase a empresas ou asociacións (non teñen por que ser só de natureza comercial ou industrial, senón de todo tipo) que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego.
A pretensión é ir creando e consolidando, aos poucos, unha nova rede de dinamización do uso do noso idioma no ámbito socioeconómico, que sirva de apoio, de estímulo e de referencia. De apoio ás empresas que xa utilizan o galego; de estímulo ás industrias, comercios, fornecedoras de servizos e entidades que aínda non usan o idioma de Galiza ou que non fan con el ou por el todo o que poderían facer; de referencia para o conxunto da sociedade, que pode e debe sustentar a idea de que nun consumo responsábel e sustentábel tamén ha de ter un papel crucial o respecto aos nosos dereitos lingüísticos.
Todos os estudos de mercado elaborados en Galiza tendo en conta a variábel idiomática conclúen que a inmensa maioría da sociedade galega ve con bos ollos o uso da nosa lingua propia no ámbito comercial e empresarial. Ademais, é significativa a existencia dun segmento social que demanda de forma expresa este uso do noso idioma. Este proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística quere aproveitar e darlle saída a estas potencialidades tan escasamente exploradas.
Abertos ao Galego naceu constituído por 62 empresas, que van desde xoiarías até pubs, pasando por tendas de roupa, librarías, xestorías, editoras, adegas etc. Estas conformadoras iniciais de Abertos ao Galego son a fornecedora de equipos de seguridade A-1; os pubs 14! e o Patachim (da Coruña); as tendas de comercio xusto A Cova da Terra (Lugo) e Amarante (Santiago), as editoras A Nosa Terra e Xerais (as dúas de Vigo), A Peneira (Ponteareas), Positivas e Urco (ambas de Santiago), Novos Vieiros (A Coruña) e a publicación Tempos Novos (Compostela); as xoiarías A Picota (Ourense) e Alume (Santiago); as tendas de roupa A Reixa (Santiago) e Nicetrip (A Coruña); as produtoras culturais Berrogüetto (Mos), Emedous, Escena Galega e Nordesía, Abada (estes catro últimos, de Santiago de Compostela); a distribuidora de Livros Portugueses (Santiago); as Adegas Durán - Vento Mareiro (Cambados); os estabelecementos de interiorismo Andrómenas e Nanube (ambos de Santiago); as entidades de educación ambiental Ardora (Vigo), Alvarella (Vilarmaior) e Ventos (Poio); as xestorías IPR Xestión (Cerceda), Neves (Ponteareas), Compostela Xestión (Santiago) e Inicia Xestión (Oleiros); a casa de turismo rural Budiño de Serraseca (Oia); as creadoras e distribuidoras de camisolas Caramuxo (Vilagarcía) e Reizentolo (Ponteareas); as fornecedoras de servizos informáticos, tecnoloxía ou instalacións eléctricas Ceroseuns (Ponteareas), Coa Innovación (Vigo), INGAECC (Ponteareas), Meigasoft e Viplaro (estas dúas últimas en Compostela); as librarías Como Unha Novela (A Laracha), Torga e A Nova (ambas de Ourense), Cartabón (Vigo) e Pedreira (Santiago); deseñadores Deseño e Cores SLL (Lugo); tradutores Eureco (Santiago); fabricantes de parques infantís Galopín (Cerceda); a produtora audiovisual Ignacio Benedetti (A Coruña); a empresa de subministros profesionais Laborgal (Ames); as centradas na alimentación Larpeiradas Anxo (Arteixo), Lugar da Veiga (Chantada), Arcobaleno (Ponteareas) e Xamóns A Paradanta (na Cañiza); a imprenta Litonor; o estabelecemento de reparación do calzado O Zapateiro (Betanzos); a cooperativa Pegadas (Arteixo); a Sala Nasa (Santiago) como organizadora de espectáculos, e Xeneme (Santiago), como dinamizadora de actividades sociais. Vai aí unha boa listaxe para termos presente, mais que sabemos que non fará máis que crecer nos vindeiros días e semanas.
Calquera entidade interesada en formar parte do proxecto só ten que cumprir tres requisitos: ter unha disposición favorábel ao uso do galego, analizar a súa situación lingüística (a través dunha ficha que fornece A Mesa) e proporse obxectivos de mellora, así como pagar a cota mínima (de 48 euros anuais) para ostentar o certificado. Todas as cotas recadadas irán destinadas de xeito íntegro á xestión e ao desenvolvemento do proxecto Abertos ao Galego (edición de soportes, mantemento do catálogo web na páxina www.amesanl.org/abertosaogalego etc) e ao obxectivo de promover a extensión do uso do idioma de Galiza no ámbito socioeconómico. Para máis información, as entidades interesadas poden dirixirse á Mesa pola Normalización Lingüística a través do correo electrónico abertosaogalego@amesanl.org ou do teléfono 981 563 885.
Dado que a restauración ou extensión da lingua galega para todos os ámbitos é un proceso que imos andando pouco a pouco, o certificado Abertos ao Galego nace con catro graos diferentes, que tamén podemos ter presentes á hora de exercermos este consumo responsábel co galego:
NIVEL UN
Adoptaron e están a desenvolver medidas para a normalización do galego. Están aínda a dar os primeiros pasos.
No caso das empresas, estabelecerase como mínimo para este nivel o uso non deturpado da toponimia e o cumprimento da lexislación lingüística.
No caso das organizacións, o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego será suficiente para este nivel, malia que tales medidas aínda non se concretasen. A Mesa realizará un seguimento específico da aplicación das medidas nos prazos acordados coa entidade correspondente.
NIVEL DOUS
Empresas e entidades que ofrecen toda a súa información exterior en galego.
No caso de facer uso tamén doutros idiomas, o galego será a lingua de opción positiva e que apareza salientada ou en primeiro lugar.
NIVEL TRES
Ofrecen toda a información exterior en galego e, ademais, utilízano como lingua interna de traballo: nóminas, xestións administrativas, contabilidade, etc.
NIVEL CATRO
Ademais de realizaren un uso sistemático do galego tanto interna como externamente, solicitan a información e a documentación en galego a provedores e administracións.
Son entidades e empresas que dinamizan de xeito especial o uso e a extensión social do galego.

Volve Piñeiro

Sempre é grato ver como hai outros que opinan igual ca un.
por Xosé A. Perozo, en Galicia Hoxe:
Dixo Goya que os soños da razón producen monstros. Digo eu, parodiando o xenio, que os delirios dos políticos producen estupideces. Os monstros e as estupideces ás veces danse a man e mesmo producen mitos que nunca desexaron selo. Algo así acontece con ese gran comunicador galego chamado Xosé Manuel Piñeiro, que vai quedar nos anais da televisión autonómica como superpiñeiro e a quen os amigos o nomean co agarimoso diminutivo de "pi". Na pasada semana saltou a noticia do retorno de Piñeiro á programación de verán da TVG e unha veciña comentoume:
-¡Vaia, volve o río á súa canle! ¡Será que é verán e ten pouca auga a teuvegá!
-Pode -respondín sen dar máis corda ó comentario.
Para min é unha boa noticia o retorno de Piñeiro á pantalla porque el nunca marchou do imaxinario popular da nosa Galicia. Nun país no que non sobra ninguén é un desbarate prescindir dos bos profesionais por estúpidos e imaxinarios motivos, con sospeitosos selos ideolóxicos. O fenómeno Piñeiro na TVG é realmente curioso. Na última etapa dos gobernos de Fraga unha suposta corrente culta tratou de vincular este personaxe, xunto con Xosé Ramón Gayoso, coa imaxe daquel PPdeG decadente. Co cambio do Goberno, grises pensadores do bipartito decretaron a desaparición de ambos da pantalla. Por fortuna, a realidade e a profesionalidade dos dous comunicadores gañou a partida á estupidez.
Desaparecido o bipartito, os novos xestores da imaxe institucional volveron contra Piñeiro, para eles convertido na imaxe do Goberno derrotado, desterrando da programación un espazo diario no que o comunicador conseguía manter fronte á tele a media Galicia, cun esquema fresco, ameno, informativo e, mesmo, educativo. Piñeiro conseguira desprenderse do sambenito de simple presentador de concursos e programas populares, acadando o aplauso de sectores da cultura que antes o ignoraban. Desaparecido o programa os responsables da TVG non puxeron nada mellor no seu lugar. O termómetro da estupidez sectaria chegou á temperatura máis alta posible. Neste verán volveremos ver a Piñeiro presentando verbenas. Tanto ten o que faga porque o fará ben, pero é unha mágoa que este home teña que volver facer todo o camiño xa andado como un mítico peregrino. Polo menos volveu gañar a sensatez.

Panteón da Galeguidade

Corren malos tempos para a cultura. As grandes persoas da nosa terra están secuestradas no Panteón de Galegos Ilustres, ben o sei eu, que pasei alí boa parte da miña eternidade.
por Manuel Bragado, editor, no Faro de Vigo.
A noticia é triste: dende hai pouco máis dun mes o Panteón dos Galegos Ilustres está pechado ao público. Situado na capela lateral esquerda do convento de san Domingos de Bonaval, alí repousan dende 1891 os restos de Rosalía de Castro nun sepulcro encargado por emigrantes galegos residentes en Cuba e alí foron depositados, ao longo de máis dun século, os doutras cinco personalidades de noso: os do político rexionalista Alfredo Brañas en 1900, os do poeta Ramón Cabanillas en 1967, os do cartógrafo Domingo Fontán en 1988, os do escultor Francisco Asorey inhumado alí en 1961 e os do polígrafo e político nacionalista Daniel Castelao trasladados en 1984. Da noite para a mañán pechouse o acceso público dende o Museo do Pobo Galego dun espazo emblemático para a memoria do galeguismo civil, respectado por todos como símbolo da achega da galeguidade ao patrimonio da humanidade.
Tras un longo litixio xurídico entre o concello e o arcebispado de Santiago sobre a propiedade da pequena basílica de Bonaval, á que se accedía dende o claustro do Museo do Pobo Galego, unha recente sentenza do Tribunal Supremo adxudícalle á Igrexa católica a propiedade dunhas instalacións que dende hai cincuenta anos viñan sendo xestionadas polo patrimonio municipal compostelán. Máis alá da enorme estrañeza que produce o contido desta insólita sentenza, que revirte a titularidade duns bens expropiados no século XIX, produce auténtica alarma que o acceso ao Panteón permaneza pechado dende que o concello entregou por orde xudicial as chaves á Igrexa católica, tanto polo seu carácter simbólico como polo feito de que ao longo das tres últimas décadas foran as entidades públicas (concello, Xunta e Ministerio de Cultura) as que se fixesen cargo das obras de rehabilitación e mantemento deste Ben de Interese Cutural.
Non teño dúbidas sobre o carácter estritamente civil deste Panteón da Galeguidade (unha denominación máis acaída para unha sociedade na procura da igualdade) nin tampouco que a súa lexítima propiedade corresponde a todos os galegos e galegas; razóns polas que non abonda que a Xunta de Galicia acade un acordo co Arcebispado para permitir a súa inmediata apertura ao público. O Panteón da Galeguidade é patrimonio de Galicia e como tal debe quedar asegurado no futuro. Máis aínda, tal como dende hai tempo ven propoñendo Xosé Ramón Barreiro Fernández (homenaxeado onte en Trasalba pola Fundación Otero Pedrayo polo seu labor teimoso na defensa da cultura galega, parabéns!), o Panteón de Bonaval debera ser recoñecido como outro dos símbolos de Galicia (como a lingua, o himno, a bandeira e o escudo). Acadar esta nova consideración institucional, iniciativa que contaría co consenso parlamentario e social, obrigaría a que fose a Xunta de Galicia a que asumise a súa titularidade, xestión, dirección e mantemento dunha institución netamente aconfesional e aberta a toda a cidadanía. Un novo marco xurídico que aconsellaría que alí estivesen representadas simbolicamente (non é necesario que fosen alí trasladados restos mortais) moitas outras figuras que traballaron por Galicia, dende trobadores como Martín Codax ou Mendinho, pasando polas figuras da Ilustración como Feixóo ou Frei Martín Sarmiento ou dos nosos precursores como Manuel Murguía, a outros escritores, pintores, músicos, historiadores, artistas, investigadores ou científicos de noso que co seu traballo contribuíron dende Galicia ao desenvolvemento da humanidade.
O Panteón da Galeguidade, até agora, constituíu un respectuoso punto de encontro da civilidade galega. Superado este lamentable episodio do seu peche por parte da Igrexa católica, no futuro deberá seguir o ronsel da memoria aberto polas ideas dos nosos Precursores, actualizadas agora como un espazo tanto físico como virtual no que amosar de forma didáctica e atractiva a continuidade da pulsión dos galegos e galegas na súa contribución á causa da humanidade. Lonxe de calquera intención chauvinista ou de exaltación saudosa do pasado, este Panteón da Galeguidade debera ser refundado coa intencionalidade de constituírse nunha das iconas da Galicia do novo século, un país europeo que conta cunha cultura milenaria e que teima no seu compromiso de non desistir en ofrecela ás novas xeracións para que elas a volvan a actualizar.
Nese esforzo de orgullosa continuidade da nosa cultura enmárcase o cortexo cívico que o vindeiro 15 de xullo celebrará a Asociación de Escritores en Lingua Galega para conmemorar o traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, realizado o 25 de maio de 1891 dende o cemiterio de Adina até o Panteón de Bonaval. Ese percorrido de Padrón a Compostela amosa un vieiro posible de actualización do Panteón da Galeguidade para o que esiximos a súa apertura inmediata.

Ano de poesía con Lois Pereiro

por X. H. R. Corcón,  poeta e guionista, no Xornal de Galicia:
Vén a Real Academia Galega de designar a Lois Pereiro como o escritor ao que se dedicará o próximo 17 de Maio, e xa escoitei e lin varias voces que falan de valentía da RAG por este feito. Incluso algúns chegaron a dicir que non pensaban que existise Academia que fose quen de designar a Lois Pereiro para ser o homenaxeado o 17 de Maio. Fálase da súa actitude de poeta vangardista, que racha coa tradición poética do país, cualifícase de poeta urbano, ata de punk, e por todo iso, ademais de ser poeta de obra pouco extensa e por ter morto moi novo, pensan que tomar a decisión foi un acto inesperado e valente dos señores académicos.
Sei que estes comentarios están todos feitos dende a boa intención e movidos pola admiración a Lois Pereiro e pola súa condición de ser un poeta que ben podería encadrar no cualificativo de “maldito” ao xeito de Baudelaire, Rimbaud, Verlaine, Panero... e que por iso non resultará cómodo aos poderes establecidos, e nese sentido pensan que a Academia consagra a un “fóra de xogo” da poesía, e iso a fai valente.
Ben sei que esta nosa Academia é valente, e isto dende que accedeu á súa presidencia Francisco Fernández del Riego, continuando coa súa valente labor Xosé Ramón Barreiro e agora Xosé Luís Méndez Ferrín, pero é valente por defender no día a día a cultura propia do país que tantos embates con vocación aniquiladora ten que sufrir, e son valentes os señores académicos porque son todos eles, cada un na súa disciplina, homes e mulleres que escriben no idioma galego.
Lois Pereiro é antes que nada, antes que vangardista, urbano, punk ou maldito, un autor dunha obra poética dunha calidade de gran altura, iso que se pode cualificar de “alta poesía”, e por iso é merecedor de que durante un ano os galegos e galegos esteamos a pescudar na súa obra para coñecela o mellor posible, que é obriga nosa coñecer do mellor xeito do que sexamos capaces a obra dos escritores que se esforzaron por construír unha obra honesta e de altura no noso idioma. Creo que esta é unha das maiores achegas do 17 de maio cada ano, a posibilidade que abre de coñecer mellor a obra do autor galardoado.
Como autor dunha obra de calidade, sen cualificativo, o de calidade é o único cualificativo necesario, que Lois Pereiro sexa o designado polos académicos non debe sorprender a ninguén, nin sequera positivamente, é un feito inmerso na lóxica. Aínda que non se me escapa que non todos os académicos estarían de acordo, e seguro que os que defenderon a súa candidatura tiveron que esforzarse. Imaxino ao bo de Manolo Rivas nesta tarefa.
O ano de Lois Pereiro vai ser un gran ano para a poesía. Teño a certeza de que a divulgación da súa obra vai servir para gañar lectores para a poesía, e iso é sempre algo a celebrar. Lois vai gañar unha gran batalla despois da morte, a batalla de facer da sociedade galega unha sociedade un chisco máis poética. Ningunha alma sensible poderá resistirse a versos como: E por primeira vez / desde que souben / que aínda respiraba e seguía vivo / sei o que é sentir medo a non estalo.

Cal é a lingua materna?

 É moi frecuente no ensino das matemáticas o uso dos exemplos para facer o estudo dunha propiedade ou incluso dun concepto.
Pensemos no que significa a idea de número. Cando nos primeiros anos de escolarización resolvemos problemas de artimética estamos identificando a utilidade dos números ao tempo que conformamos unha idea do que significan. Ao traballar coas divisións e os problemas de reparto (de tartas, de cartos, de produtos diversos), aprendemos a necesidade das fraccións e tamén ampliamos a nosa idea do que significan os núemeros. Outro tanto podemos dicir a respecto da resolución de problemas nos que aparecen débedas e precisamos da introdución dos negativos. En cada un destes pasos rexeneramos o concepto de número.
A historia demostrou que este método, consistente na análise de exemplos, é en moitos casos unha boa forma de proceder no estudo científico, e supoño que ninguén lle nega o seu valor didáctico.
Eu, como son un ignorante en sociolingüística e ademais estou moi confuso, decidín aplicar este modo de traballo a un concepto que non dou entendido: o da lingua materna. Pregunteime moitas veces polo seu significado e, por máis voltas que lle daba acababa escorregando e só concluía que ningunha das ideas que eu podía ter do que significaba iso da lingua materna me servía. Velaí vai o estudo que me permitiu achegarme a ese concepto.
Problema 1.
a) O pai fala en galego e a nai en castelán. Cal é a lingua materna do neno?
b) O pai fala en castelán e nai en galego. Cal é a lingua materna do neno?
c)  Os pais falan en castelán pero están en Suiza. O neno está ao coidado dos avós que falan en galego. Cal é a lingua materna do neno?
d) Idem ao anterior pero co avó de Zamora, que aínda que leva trinta anos viviendo en Galicia nunca pronunciou unha palabra en galego. No entanto a avoa só fala nesta lingua. Cal é a lingua materna do neno?

Problema 2. 
a) Os pais falan sempre en galego pero diríxense á filla en castelán. Cal é a lingua materna da nena?
b) A nai fálalle en sueco, o pai en galego, pero o neno está de luns a venres case todo o día cos avós que sendo galego-falantes sempre usan o castelán coa rapaza. Cal é a lingua materna da nena?

Problema 3.
a) Os pais fálalle normalmente en galego pero a nena pasa tres horas diarias vendo Clan TV (en español). Cal é a lingua materna da nena?
b) Os pais fálanlle en galego e como son lusistas só teñen na tele canles portuguesas. Cal é a lingua materna da nena?

Problema 4.
a) No caso dos pais lusistas do problema anterior resulta que o neno vai a unha escola infantil de cidade de ambiente castelán-falante que antes tiña unha liña en galego pero que cos novos tempos desapareceu polo que o ensino nesa escola é completamente en castelán. Cal é a lingua materna da nena?
b) Os pais chegaron de León hai 15 anos. El é veterinario e fala en galego fóra da casa. A nai só usa o castelán. Viven nunha vila na que a lingua máis usada é o galego, no entanto nos comercios úsase maioritariamente o castelán. Cal é a lingua materna da nena?
c) O neno aprendeu a falar en romanés e ten sete anos. Como quedou orfo foi adopatado por unha familia galego-falante. Na escola o ambiente é castelófono. Cal é a lingua materna do neno?

Solución: Da pregunta 1 deducimos que a lingua materna non é a da nai, pero tampouco a do pai nin a dos avós ou titores do neno. Polo tanto a lingua ambiental familiar non é a lingua materna.
Na pregunta 2 reafírmase as conclusións tiradas da pregunta 1 e ademais sácase que a lingua materna non é a lingua na que os pais ou familiares se dirixen ao rapaz.
Ao lermos a terceira pregunta decatámonos de que a lingua materna tampouco é a dos medios de comunicación.
Da cuarta pregunta extraemos a conclusión de que a lingua materna non é aquela na que aprendemos a falar, nin a lingua ambiental da sociedade na que vive o neno.
A conclusión é clara: iso da lingua materna non é un concepto, é un prexuízo.

A ver se cabemos todos

Parece ser que as Letras Galegas do 2011 van para Lois Pereiro. Teño que confesar que só coñezo a un seu irmán, e que este escribe con intelixencia. Pois xa temos deberes: ler a Lois Pereiro.
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia:
Que equivocados estabamos. Durante os catro anos que levamos traballando en Contra a morte, o noso documental sobre Lois Pereiro, Alexandre Cancelo e mais eu fixémonos cen veces a mesma pregunta: que clase de Real Academia Galega lle dedicaría o Día das Letras Galegas a un poeta coma o de Monforte? Ningunha, claro, contestabámonos afoutos. Que soberbios. Vaia mantra de saldo o noso.
Parecía difícil que na casa da lingua se acordasen de Lois Pereiro. Publicou pouco, fardou menos e morreu axiña. Perdón pola crueza, pero deixou un cadáver perfecto. Foise con 38 anos e dous libros que mancan: Poemas 1981/1991 e Poesía de amor e enfermidade. O resto é póstumo, inacabado ou noso. A biografía prestábase. Convertémolo no reverso de todo o que hai. A falta de comité de empresa, lanzámolo contra a patronal da literatura. Desculpa, Lois.
Case mellor así, pensabamos. Deixádeo estar. Mentres as vosas sucias mans sigan nos petos, nós seguiremos sendo apóstolos na seita secreta de adoradores de Lois Pereiro. O poeta de Berlín. O único punk con galóns para estar no panteón laico dos galegos ilustres. A poética bisturí dos oitenta. O tráxico narcisista do cabalo e a colza. O enfermo. A ver como llelo explican aos cativos nas escolas.
Que equivocados estabamos. Había unha Real Academia Galega capaz de dedicarlle a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas. Cando mo dixeron onte, fixen dúas cousas, por esta orde: lanzar a noticia no Twitter coma un pailán e acordarme dun mundo de xente. De Inés, de Xosé Manuel, de Pedro, de Raúl, de Geluca, da outra Inés, do pequeno Lois, de Piedad, de Saco, de Couso, de Amelia, de Pepa, de Suso, porque a biografía de Luisón está chea de xente. Só despois pensei nas Maribolheras Precarias: mellor descontroladas que institucionalizadas.
Tamén niso estabamos equivocados ao principio, supoño. Primeiro buscamos esa voz radical que nos lixara a mocidade toda dende un número solto de Luzes de Galiza que atopamos en Librouro. Despois pasamos do abraio á épica e intentamos reconstruír entre os cascallos o home atrás dos versos. Que idiotas. Coma se alguén puidese obrar semellante milagre. Coma se fose necesario. Coma se non abondasen xa as momias e os exorcistas neste país tan antigo.
Ao final acordamos. Decatámonos de que Lois Pereiro eran eles e elas. Os lectores, as amigas, os cómplices, os que se chaman coma el, todos os que perderon antes. Esa estirpe da fame e os grillóns que o poeta invocaba na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Porque teñen dereito. Porque temos dereito. O ano que vén van ter que facer sitio no Día das Letras Galegas. A ver se cabemos todos.

domingo, 27 de xuño de 2010

Carta aberta a Anxo Lorenzo

Xa máis dunha vez puxen aquí algunha carta aberta asinada por Xabier Docampo, do mellor que temos lido nos últimos meses. Agora baixo esta denominación quen asina é a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Como todo o que fai esta xente, como para non perderlo. Vía Xornal de Galicia:
Desde a coordinadora galega de ENDL, como docentes e moitos tamén como nais e pais, dirixímonos a vostede para amosarlle a nosa enorme preocupación e o noso abraio sobre o que vai ocorrer coa lingua galega no ensino, especialmente na etapa de infantil, onde non se garante a súa aprendizaxe, máis ben o contrario.
Nós, que interpretamos a riqueza lingüística de Galicia como unha vantaxe, porque cremos que as linguas realmente suman, asistimos con perplexidade ao feito de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística que vostede dirixe, creada para impulsar a normalización da lingua galega, non faga nada para conseguir este obxectivo. En realidade, as medidas artelladas ata o momento, levan –e vostede como sociolingüista sábeo moi ben e así o ten manifestado– á castelanización dos galegofalantes e a seguir convertendo o galego nunha lingua estranxeira para os nenos de contextos castelanfalantes.
Todos os docentes sabemos que o que está redactado no Decreto 79/2010 referido a esta cuestión: “Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, ben que deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo” é imposible de levar á práctica en contextos castelanfalantes.
Deixando á marxe o pouco rigor do termo “lingua materna” e o pésimo sistema que se propón para dictaminala, como sociolingüista, sabe que o peso social do castelán na nosa sociedade e a presión que exerce o grupo nestas idades, require a posta en práctica de medidas concretas e activas que garantan a aprendizaxe da lingua minorizada en todos os contextos pero especialmente nos castelanfalantes, onde –se non é así– resulta imposible que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas por igual nesta etapa tal e como establece a LOE.
Como docentes coñecedores da realidade diaria dos centros, informámolo de que nos resulta máis imposisible aínda atender “de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna” con ratios de 25 nenos e nenas por aula, o que leva a unha clara marxinación lingüística do alumnado galegofalante, que deixa de selo na primeira semana en que asiste ás clases.
Esta filosofía de atender o alumnado segundo a lingua materna xa rexía o Decreto 247/1995, tendo como consecuencia unha clara e masiva desgaleguización da poboación máis nova durante os últimos anos, tal e como se aprecia en todos os estudos e informes existentes... ou simplemente escoitando o que se fala na rúa.
Non atopamos por ningures as medidas de apoio á lingua galega que vostede anunciou, polo momento, a única medida tomada foi en sentido contrario: a eliminación dos Proxectos de Innovación Educativa para as aulas de Infantil en galego en contextos castelanfalantes, programados no PXNLG, plan que axudou vostede a redactar e que foi aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, co voto do actual presidente do Goberno. Estes Proxectos de Innovación Educativa, denominados “liñas de galego”, foron avaliados moi positivamente porque se mostraron eficaces na aprendizaxe do galego por alumnado de contornos castelanfalantes, sen que se resentise nada a adquisición de castelán presente de maneira permanente no seu contorno habitual.

Dada a gravidade deste asunto, pedímoslle, señor Lorenzo:
a) Que se permita a permanencia das “ liñas de galego” en contextos castelanfalantes nos máis de 40 centros da nosa comunidade que están funcionando sen custo ningún para a administración. Facer isto non sería outra cousa que aplicar unha medida normalizadora e mais –de paso– cumprir o prometido por vostede e mais polo señor conselleiro de Educación na reunión mantida connosco hai escasamente un ano.
b) Que se teña en conta a situación de desprotección e debilidade en que se atopan os nenos e nenas galegofalantes, aínda en contextos de uso habitual do galego, pois a presión social do castelán é cada vez maior. Solicitamos, por tanto, medidas concretas para a súa protección.
Como responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística está na súa man demostrar que esta institución traballa para os fins para os que foi creada e que a Consellería da que forma parte realmente busca a igualdade das dúas linguas existentes na nosa comunidade, feito que pasa –e vostede ben o sabe– por axudar á minorizada.

sábado, 26 de xuño de 2010

Conexións

Conexións é un programa de divulgación científica e tecnolóxica de uns 25 minutos de duración que se emite os domingos ás 15:20 na TVG1. Contradictorio que agora que se prohíbe impartir clases de ciencias en galego, a tele galega comence a emitir un programa de ciencia en galego. Claro que o día e hora de emisión non son os mellores para realizar realmente a divulgación. Gardarán o mellor horario da grella para o "Tantarantán".
 O equipo do programa está formado por unha entrevistadora, Iolanda Vázquez, e polos divulgadores científicos Ramón Núñez, Xurxo Mariño e Javier Pedreira "Wicho". O novo espazo é unha produción da TVG con Adivina, en colaboración coa Dirección Xeral de Investigación, e proponse ser a revista audiovisual de todos aqueles aos que lles interesa mellorar a calidade de vida persoal e laboral, innovar nos negocios, optimizar os modelos produtivos e, en xeral, beneficiárense dos últimos coñecementos, as novas tecnoloxías e a investigación, nas áreas temáticas de ciencias naturais; tecnoloxías; biomedicina e saúde; matemáticas, física e química; humanidades e arte; ciencias sociais e comunicación, política científica e tecnolóxica. Nas diversas seccións do programa participarán xornalistas ou especialistas tecnolóxicos e científicos, e constará de reportaxes, monólogos, entrevistas, curiosidades científicas, novidades tecnolóxicas e outros recursos para facelo dinámico e onde cada espectador pode atopar a súa sección favorita.
Tamén podedes consultar os programas mediante a aplicación de televisión á carta da TVG

Presentación de "En castellano no hay problema" na Estrada

Despistóuseme a presentación do libro en Lalín de hai uns poucos días, pero recibín  a seguinte nota que anuncia o mesmo na Estrada.
A Plataforma “Queremos Galego!” da Estrada, no marco das actividades que está a desenvolver para defendernos dos gravísimos atentados contra a nosa lingua que está levando a cabo o actual goberno da Xunta de Galiza, acordamos levar adiante unha xeira de conferencias que tivera como obxectivo desmontar as calumnias e mentiras que está a usar o actual goberno do PP como coartada para exterminar ao galego. Con este fin imos celebrar a presentación dun libro do portavoz nacional da Plataforma, Carlos Callón, que se titula “En castellano no hay problema”. Este acto terá lugar o vindeiro mércores 30 de xuño, ás 20:30 na sala de exposicións de Caixanova (A Estrada). Intervirá o propio autor, Carlos Callón e o portavoz da plataforma na Estrada, o escritor David Otero.

Anxo Lorenzo ten razón


Lendo no Galicia Hoxe:
"Os pais ou titores só teñen que responder á pregunta de cal é a lingua materna do seu fillo, non se lles pide a súa opinión sobre cal debe ser a lingua predominante na aula nin que se pronuncien sobre o idioma que ten que falar o profesor", indicou Lorenzo na comisión parlamentaria para responder á deputada do BNG Carme Adán. O cuestionario, reiteroulle, está encamiñado unicamente a "saber a lingua materna de cada neno".

Polo tanto, polo que di Anxo Lorenzo, da resposta que os pais den sobre cal é a lingua materna do seu fillo, non se determinará a lingua predominante na aula, nin se determinará a lingua que deberá usar o profesor. Pois fagámoslle caso ao secretario xeral de política lingüística, e no caso de que a resposta sexa maioritariamente "galego", impartamos aulas en galego para, "en primeiro lugar, manter o número de galegofalantes"; e se a resposta é maioritariamente "castelán", impartamos as aulas en galego para, "garantir a reprodución lingüística"
Continuamos a ler:
 No caso concreto de Educación Infantil, segundo o secretario xeral, as previsións regulamentarias permanecen "igual" ca en 1995, baseándose nun modelo que recolla a lingua materna predominante tendo en conta a lingua do ámbito circundante.
"Isto garda evidentes similitudes co disposto no decreto 124/2007", evidenciou, aludindo así ao decreto aprobado polo bipartito.

Pois eu non podo facer outra cousa que darlle a razón ao señor Anxo Lorenzo, que el debe saber moito máis ca min do asunto, e se en Educación Infantil, o regulamento do chamado decreto de plurilingüismo é "igual" ao do 1995, ou con grandes similitudes ao do 2007, pois apliquemos, por exemplo este último que non xenerou polémica nin problemas de aplicación, e esquezámonos do decreto 79/2010 que non fixo ata o momento que provocar líos que polo que se ve son innecesarios.
Estamos plenamente de acordo co señor Lorenzo en que cando se trata dos neofalantes  "é necesario desenvolver un discurso positivo que poña en valor o seu papel como usuarios e usuarias do galego”,  polo que consideramos moi acaída, neste sentido, a supresíón da proba de galego na administración autonómica, ou as medidas do citado decreto que reduce a presencia do galego no ensino non universitario, ou que os dirixentes políticos da súa formación aproveiten todas as ocasións que teñen para proclamar que "si hablo en castellano es porque tengo la libertad de hacerlo y nadie me va a imponer hablar el gallego".
Concordamos co señor secretario en que a mellor forma de promocionar e extender o uso do galego e restrinxíndo éste e poñéndolle todas as trabas posibles.
E por último tamén coincidimos con el en que "unha das claves da recuperación está en garantir a reprodución lingüística, algo que é responsabilidade última dunha cidadanía informada, implicada e lingüisticamente dinamizada", polo que é moi necesario saber cal é a resposta á pregunta que se lle fai aos pais de nenos que ingresan en infantil, para evitar o seu contacto co galego. E a este respecto tamén consideramos moi positiva a medida de eliminar as liñas de galego en infantil, consistente na inmersión na aula en galego en contornos castelán-falantes e para aquelas familias que así o solicitaban.

venres, 25 de xuño de 2010

Obrígannos a tomar partido (II)

Este artigo xa vai máis en tempo que o anterior.
por Iria Taibo Corsanego, en Terra e Tempo:
Hai uns días, fun incapaz de evitar unirme a un grupo no Facebook chamado Camareiros que traduzem automáticamente quando pedes '"um café com leite", incitada por recentes anécdotas persoais relacionadas co seu título e outras semellantes, de maior ou menor nivel de agresividade contra a liberdade persoal de quen elixe facer a súa vida en galego.
Unha destas anécdotas máis habituais é a que ilustra o título do grupo do Facebook, que calquera que vaia co galego por diante a diario vive con máis frecuencia da desexada en moitos establecementos de hostalaría do país. Hai outras, por desgraza, moi variadas, referentes a servizos públicos nos que só conseguen a documentación en galego persoas extremadamente insistentes e decididas a facelo. Tamén hai empresas nas que, con toda a liberdade do empresario, os servizos en galego poden resultar máis caros que en castelán. E tamén hai podemos escoitar sen querer a dúas persoas conversando, no hospital ou nun restaurante, falando con durísimos prexuízos sobre unha lingua coa que conviven.
Mais hoxe quería determe na outra parte da anécdota, na versión de quen recibe a tradución do café que pediu ou de quen ten que repetir tres ou catro veces que o quere con xeo. Sobre todo, porque ás veces é difícil xestionarmos o tremendo nivel de frustración que produce termos que insistir tantas veces ao día na nosa exótica elección lingüística, que tanto nos define e identifica. Tamén porque vemos o prexuízo na resposta do que está enfronte, e resulta difícil non tentar abrir os ollos desa persoa: a señora que lle di á amiga que o galego non vale para nada en Suíza parece pedir a berros que alguén lle diga que en Suíza o galego vale tanto ou menos que o castelán.
O exemplo do café é bo para isto: cando pedimos un con leite e a outra parte traduce a nosa inocente petición, podemos pensar que non nos entendeu, que ten un certo prexuízo contra o noso idioma, que só repite por asegurarse, etc. Mais confirmamos "si, con leite" e insisten "con leche, entonces?". Entón pode ser que vaiamos eliminando algunhas das opcións anteriores. A partir de aí, temos que decidir como actuar e as posibilidades cada vez son menos. Teremos que escoller entre o sorriso condescendente, continuarmos até o infinito co diálogo bilingüe ou directamente discutir coa persoa que pretendemos nos poña un café. É unha elección importante, pois non queremos quedar de esaxerados, mais tampouco nos parece xusto ter sempre que ser os que cambiemos de lingua.
Como co café, a nosa situación sociolingüística está nalgúns ámbitos a limitar co enfado de quen decide facer do galego a súa elección e mesmo facer causa desa escolla. Tamén está a obrigar a moita xente a optar entre pór boa cara e facer como que non lle importa que o galego sexa considerado unha lingua de segunda ou facer un esforzo e, por pura coherencia, significarse por defender a súa elección.
Coa aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, consúmase só a máis recente das agresións ao galego por parte do Partido Popular na Xunta. Ademais diso, o goberno considera que é positivo investirmos, en tempos de crise, inxentes cantidades de diñeiro en impor o seu punto de vista sobre o decreto a través dunha campaña publicitaria.
Mais cada unha das medidas que adopta un goberno afecta a un ou varios sectores sociais e normalmente a moitos individuos que deben elixir se concordan con elas ou non e como van convivir con elas desde a súa entrada en vigor. O exemplo neste caso é o do ensino e unha parte dos afectados pola aprobación do decreto é o profesorado. O novo decreto obriga a impartir certas materias en castelán. En xeral isto é unha novidade, mais no concreto é tamén digno de mención, pois falamos de materias como as matemáticas ou física e química, que fican lonxe do tópico de relacionarmos o galego con aspectos máis vinculados á lingua e os asuntos culturais. Polo tanto, parece que quen toma a decisión de especificar que esas materias concretas deben ser impartidas en castelán parte dun prexuízo, a pesar das escusas que se dean. Porén, esta decisión implica a moitas persoas, profesores e profesoras, que viñan impartindo esas materias en lingua galega, nalgúns casos desde hai moitos anos.
Moitas destas persoas están agora a meditar como van xestionar esta decisión do goberno no que lles afecta directamente. Unhas cantas van tomar a decisión de incumprir esta norma, con todas as consecuencias, abertamente, sen agocharse detrás de ambigüidades cando teñan que pór por escrito como van dar as súas aulas o curso próximo. Algúns deixarán de pedir libro ningún para o curso próximo na súa materia, pois iso aforrará o gasto das familias nos libros novos innecesarios, mais tamén porque poderán utilizar materiais de elaboración propia ou mesmo os libros, aínda vixentes, de anos anteriores.
Outra parte desta cuestión está nas familias. Hainas que decidirán facer constar a súa preferencia clara polo galego na educación dos seus nenos e nenas, independentemente da lingua coa que se comuniquen con eles. Ás veces pode ser unha decisión complicada, pois todos sabemos que a cuestión da lingua está en primeira liña do debate político, polo que pode haber quen non queira polemizar nin causar problemas aos seus fillos. Mais claro, tamén está o outro elemento, a certeza de querer que o fillo ou filla sexa educado en galego e de que o sistema está cada vez menos deseñado para que iso sexa posíbel.
A outra parte son os estudantes. Hai uns días, Silvana Castro publicaba un artigo nesta mesma sección, no que falaba tamén destas decisións e dos condicionantes engadidos que enfrontan os adolescentes na cuestión da elección da lingua. Xa é difícil para un adolescente en moitos contextos facer visíbel unha opción diferente á da maioría, como para que a lexislación complique aínda máis ese exercicio de elección individual.
Non se trata de estarmos a crear unha nova clase de heroes, contra todo e rifando con todo o que atopamos. Trátase máis ben de parabenizar a coherencia persoal, a consciencia de que os cambios sociais dependen tamén das decisións que cada un toma. E tamén de estarmos orgullosos do que somos.
Parece entón que o curso próximo vai estar cheo, grazas á entrada en vigor do novo decreto, de decisións individuais relacionadas co uso do galego no ensino e co nivel de esforzo persoal que cada un dos implicados está disposto a pór da súa parte. Igualmente, nós seguiremos pensando que facer cada vez que nos fagan repetir tres ou catro veces que o café o queremos só. Pode ser que a próxima vez á segunda cambiemos de bar.

Obrígannos a tomar parte

Este artigo xa ten uns días, pero despistáreseme.
por Iria Taibo Corsanego, en Terra e Tempo:
Nestas últimas semanas, o goberno galego está a demostrar a súa capacidade de sorprendernos chegando até límites e barreiras que ninguén antes ousara superar. Até esta mesma semana, podiamos pensar que a estratexia do goberno actual sería a de cansar á masa social que defende o galego. Na segunda metade da lexislatura darían o tema por rematado, deixarían que esmorecese, co obxectivo de que a parte menos belixerante desa base o esquecese. Dentro desa teoría, podiamos pensar que farían pequenos retoques no decreto, co obxecto de rebaixar pouco a pouco o nivel de mobilización, e pasado o comezo do próximo curso o debate iría acalmando.
Esta teoría parte da base de que os dirixentes do Partido Popular teñen claro que o idioma é para eles unha interesante arma electoral. De feito, en parte grazas a teren sido capaces de crear unha confrontación lingüística até entón inexistente, cren que gañaron as eleccións. Nin a vitoria foi tan estrondosa nin é todo branco ou negro neste tema. Mais a propia idea de usar a lingua como parte da estratexia electoral é unha irresponsabilidade. En calquera caso, si que parece que o partido do actual goberno e os seus satélites gañaron a batalla nos medios de comunicación. Conseguiron que na rúa se fale da imposición do galego, cando a día de hoxe eu non conseguín que ninguén me explicase un só caso no que unha soa persoa fose obrigada a escribir ou falar en galego. Casos de xente que é obrigada (presionada, coaccionada, etc) a usar o castelán nos máis diversos ámbitos si que coñezo uns cantos. Por desgraza. En fin, o que nos debe facer pensar é a facilidade que ese discurso tivo para callar, coa escasa substancia que ten.
Mais en dúas semanas sucederon moitas cousas importantes que fixeron mudar a miña teoría. O ditame do Consello Consultivo, unha manifestación multitudinaria en defensa do galego e a aprobación do "decretazo".
O ditame do Consultivo, sen dúbida, representa un duro golpe para o decretazo e para os seus piares fundamentais, como a consulta aos pais e a propia falta de medidas de apoio á lingua galega.
A manifestación con certeza foi significativa para o goberno. De feito, só tres días despois aproban o decretazo, en resposta que ofende aos que acudimos ese día a Compostela, que por moito que digan non eramos pouca xente. Por certo, sen entrar na guerra de cifras, aínda que só fosen 20.000 persoas (como dixo a policía), alguén entende que esa cantidade de xente se manifestase en Madrid, Barcelona, Sevilla ou Teruel e que non aparecese a máis mínima referencia a esa mobilización na capa dos principais medios de comunicación do estado o día seguinte? A mañá do 18 de maio, eu encendín a radio como case todos os días, na emisora máis escoitada en Galiza, e na súa programación para todo o estado durante unha hora non escoitei nin unha soa referencia a unha mobilización que, de terse dado en calquera outro lugar da península ibérica, tería sido unha das principais noticias do día.
Ademais da lectura xornalística, a manifestación ten outras moitas. É verdade que podiamos pensar que o pulso da mobilización en defensa da lingua galega estaba a piques de decaer, mais o día 17 viuse que non é así. Que o goberno de Feijóo aínda ten unha importante oposición social. Tamén continuamos vendo que se mobiliza unha importante cantidade de persoas castelán falantes, ou polo menos non militantes do monolingüismo en galego. É tremendamente positivo que sexa así, pois demostra que Feijóo e os seus palmeiros obrigan a polarizarse a toda a opinión pública, e cando é así, erran ao pensar que a maioría social quere medidas que vaian en contra do galego. Por outra banda, esa polarización tamén axuda a rachar con esa idea de que o nacionalismo patrimonializa a defensa do galego. Non é certo, nin tampouco xusto: o que sucede é que en tempos relativamente calmos, só algúns sectores fan o esforzo de defender a nosa lingua, por desgraza. Canto maior é o ataque, máis amplo é o abano de defensores do galego. Cada quen cos seus matices, mais seguramente nesta cuestión o Partido Popular está a conseguir o efecto contrario do procurado.
En fin, tres días despois desa significativa mobilización, Feijóo anuncia a aprobación do decreto, tendo en conta, só parcialmente, o ditame do Consello Consultivo, para a retirada de parte da polémica consulta ás familias. Como era fácil prever, os entes que propugnan o falso bilingüismo móstranse tremendamente airados e xogan co goberno a "policía bo-policía malo". Chaman a Feijóo "mentiroso en el sentido literal de la palabra" por retirar a consulta aos pais. Curiosa defensa a ultranza do bilingüismo, por certo, só en castelán.
Mais seguramente máis preocupante que todo isto é a intención de Feijóo de modificar a Lei de Normalización Lingüística. Parece que non vai ser posíbel rebaixar o ton de crítica contra este goberno, pois en lugar de procuraren o consenso (máis alá das palabras e declaracións de intencións en días sinalados), cada medida que toman en relación co galego é un paso atrás para o noso idioma. Até esta semana, todas as medidas lexislativas aprobadas en relación co galego no ensino pretendían, aínda que fose só como declaración de intencións sen verdadeira aplicación, a promoción do galego neste ámbito. Partían da base da realidade, o galego é unha lingua que precisa protección, e procuraban un consenso o máis amplo posíbel para a súa aprobación. Outra cousa é que o seu cumprimento práctico fose máis ben relaxado. Mais agora mesmo, o odio contra o galego domina as accións do goberno galego. A instrumentalización electoral dun sinal de identidade do noso pobo tan importante como o idioma, sen ningún tipo de complexo, antepoñendo sempre a cuestión das urnas e do programa, parece que o permite todo. As cousas están así, cando unha lei me impide deixar de protexer a lingua de todos e todas as galegas, cámbioa.

En Galicia Hoxe están de vacacións

Moitas veces destaquei novas de Galicia Hoxe pola súa orixinalidade na redacción e por comprobar que estaban máis enterados que outros medios. Pero parece que o que escribía marchou de vacacións e  que xa comenzaron a época do corta e pega. E iso non é periodismo, como moito é un blogue como este.
Podemos comprobar o que estou dicindo se miramos tanto a foto como o que está escrito nesta nova do Galcia Hoxe, e despois imos á páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non varía nin unha coma.

Un curso "sen problemas"

Nova Escola Galega xa nos regalou este ano varios documentos moi ben realizados sobre o decreto cando aínda non era tal. Un deles foi a análise  titulada O PERIGO DA CONFORMACIÓN DE DÚAS SOCIEDADES EN RAZÓN DE LINGUA, o outro, unha excelente comparación entre os decretos do 1995, o do 2007, as Bases, e o Proxecto baixo o título  O "Borrador" para a lingua.
Desta volta Nova Escola Galega achéganos un lúcido documento sobre o caso "Abalar", a avaliación diagnóstica e, outra vez, sobre a lingua. O encabezamento do boletín reza: Remate dun curso "sen problemas"  .  Para abrir o apetito destacamos cinco retallos do documento:
1.Por primeira vez na democracia pónselle límites ao desenvolvemento da nosa lingua no marco escolar
2.Os esforzos realizados polas comunidades educativas de moitos centros escolares para normalizar a nosa lingua propia resultan agora un “exceso”
3.Na secundaria, e atendendo ao reparto de materias para ambas linguas que se concreta no novo decreto, a consecución do “equilibrio” en canto ao número de horas de docencia é, na práctica, imposible de conseguir.
4.Ademais, a norma aprobada fai desaparecer o idioma galego do ámbito científico-tecnolóxico, profundando nos prexuízos respecto da nosa lingua e ignorando o traballo realizado neste ámbito polo profesorado e as comunidades educativas, no marco do previsto no PXNLG que o goberno di respectar.
5. Un estudante pode pasar pola escola sen ter por que usar o idioma propio –máis aló da clase de lingua galega– co permiso da propia administración educativa, malia que o propio sistema escolar ten a obriga legal de desenvolver competencias lingüísticas nas dúas linguas oficiais.