Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de xaneiro de 2011

Pirómanos da lingua

por Joaquim Ventura, remexendo na polémica do uso do galego no senado,  no Galicia Hoxe:

Se é perigoso deixarlle unha lata de gasolina a un pirómano, non digamos se un político demagogo e monolingüe se mete a falar de linguas alleas. E moito disto houbo nas verbas que pronunciou Javier Arenas na convención do PP hai unha semana. Nótase que no horizonte xa aparecen eleccións e, por parte deste partido, cómpre coller de novo os tambores do anticatalanismo.
Entendería -sen compartilo- que tivese insistido na sentenza do Tribunal Constitucional a propósito do Estatut mais a estas alturas falar de nenos andaluces obrigados a aprender unha lingua allea é puro despropósito. Hoxe non hai nenos andaluces en Cataluña: en todo caso -falen catalán ou non- hai cataláns netos de andaluces. Como os hai netos de galegos, de aragoneses ou de casteláns.
Porque o que é evidente é que se un neno galego ou catalán vai vivir coa súa familia a Estremadura ou a Murcia, poño por caso, deberá esquecer na escola que, como aprendera en Naturais, as montañas rematan en cims ou en cumes e deberá dicir cumbres. E reservar a lingua de seu para o ámbito familiar. ¿Por que daquela os nenos andaluces, de existiren, terían privilexio? ¿Por falaren desde o berce en castelán, ou sexa en español?
E se a catalanidade ou a galeguidade nos se transmiten extraterritorialmente a efectos de dereitos individuais ou colectivos -a lingua non deixa de ser un sinal individual-, ¿acaso a suposta andalucidade pódese transmitir, como se se tratase dun xene, xeración tras xeración?
As verbas de Javier Arenas son combustible para engadir á ofensiva dos pinganillos no Senado, que esquece que o gasto en traducións é o chocolate do loro da democracia autonómica. Porque resulta que aqueles que agora predican austeridade son os mesmos que non dubidaron en gastar cartos sen límite en grandes premios de Fórmula I, en Cidades da Cultura ou en subvencionar aeroportos privados inviables (sen ter en conta os gastos investigados na trama Gürtel).
Resulta curiosa esta defensa da Constitución, ata o punto de querer volver ao espírito de 1978, nas bocas dalgúns que daquela estaban abertamente en contra do título VIII. Unha defensa amnésica verbo da condición de españolas que proclama o texto para as linguas que non son o castelán. Unha españolidade en chamas que pode actuar como todo incendio provocado: nunca sabemos como pode rematar. E non está o patio para andar con mistos..

"Vivindo en galego case todo nos é máis costa arriba"

Entrevista de Manuel Vidal Vilaverde, desta vez con preguntas sorprendendtemente curtas para o que nel é habitual,  a Francisco Castro, quen alén de náufrago é  escritor, editor e presidente da Galix

Francisco, se collemos como referecia os últimos dez anos das nosas vidas, e con respecto á evolución e situación da lingua galega, dende todos os ámbitos susceptíbeis de ter en conta á hora de facer resumo e balance, cal sería para ti a reflexión verbo do pasado, así como o futuro que nos agarda aos galego falantes nunhas circunstancias –ao meu ver e sentir– cada vez máis adversas?
Teño unha amiga que o outro día se definía como “ilusionada pero sen facerse ilusións”. Pois eu igual. Quero dicir, que eu son de natural optimista. E tamén optimista á forza, porque coido que o pesimismo leva ao suicidio, e é algo que non nos podemos permitir como país. Non teño outro remedio, como escritor, como editor, como pai, como persoa, que ser optimista e seguir apostando por esta lingua, incluso e a pesar de que moitos galegos e galegas non apostan por ela. A situación véxoa complexa, pero só se temos fe no futuro imos poder gañar esta batalla na que, a priori, temos todas as de perder. E eu non faría a reflexión verbo dos últimos dez anos, senón que levaría o asunto máis atrás. Teño a sensación de que nos anos oitenta do século pasado, cando eu era un adolescente, a sociedade era moito máis sensible fronte do galego que hoxe. Cústame entender que saian novas que falan dunha posible extinción da lingua e non pase absolutamente nada. Estou certo de que se perigase a costa galega, ou o marisco, ou a moda galega, sairían todos en masa a protestar. Pero este país é sabedor de que pode perder o máis propio, a lingua, e non se rebela diante dese futuro tan escuro.

Dende a inmersión lingüística proposta por nós hai tempo, e que agora mesmo avalía o profesor Blecua, actual presidente da RAE, e polo tanto nada sospeitoso para nós-outros, pero si, seguro, para o reaccionarismo españolista e condutual do PP as FAES aznarianas etc., é esta Francisco, unha solución posíbel para manter vixente e vigoroso o noso idioma?
Non é que sexa unha solución posíbel, e que é a única solución posíbel. Non pode haber outra máis que a inmersión. Cando enviamos os nosos fillos e fillas a estudar fóra esperamos que aprendan o idioma porque se meten dentro del, a inmersión aí é total. Non esperamos que lles falen tres horas á semana, como propoñen algúns, nunha escola, e que logo o resto da vida se faga noutra lingua. Para min a inmersión ten que ser absoluta en especial agora que todo vai en contra. Para os pequechos, por exemplo, a presión dende o audiovisual é terrible. Hai unha morea de canles de debuxos animados en castelán. Como eu digo sempre, é moi difícil loitar contra Pocoyó ou Bob Esponja. E sobre o que comentas do PP e as FAES etc, eu sempre digo o mesmo, e digo dende unha absoluta honestidade: estou convencido de que non todos os votantes do PP aproban o lingüicidio que ás veces demostran algúns dos seus dirixentes. O que non sei é por que ninguén o di. E iso é o que, por certo, nos mata á esquerda: que andamos a piñas e sábeo todo o mundo…

Outra cousa que levamos cavilando hai xa tempo, pero que o PP –e se queres tamén o PSOE– coa aquiescencia tan parva como mol de certos/certas galeguis tas/nacionalistas “bempensantes”, “tolerantes” e así; outra cousa é, digo, que se non cres ti que sería mellor unha discriminación positiva a favor do galego, dada a situación de desequilibrio e inxustiza. Así, Francisco, aínda non gustando da palabra discriminación polo seu connotado tremendismo, non atopo resposta mellor ca esa que digo, dado o panorama actual. É, ao meu ver, ­unha das alternativas xa non á Lei de normalización lingüísta feita desaparecer polo exabrupto atrabiliario do PP do Núñez Feijóo e os seus asesores; nunca a imposibilidade do bilingüísmo harmónico ou cordial, dúas opcións disparatadas, e moito máis ese trilingüísmo esperpéntico, que nos fai chegar –a min non– ao bilingüísmo restitutivo que como dubidosa solución propoñen algúns lingüistas, cos que por suposto eu compartillo a súa “opinión”. A inmersión pois, é hoxe a única saída viábel. Agradeceríache, Francisco, a túa opinión despois desta miña longa reflexión.
Pois sinceramente non estou a favor dunha discriminación positiva. Como ben dis, aceptar unha discriminación implica aceptar unha especie de situación, insisto, aceptada de inferioridade, e aínda que sexa así na praxe, o certo é que debemos aspirar, dende o comezo, a que non o sexa. Explícome: a min abondaríame con que se cumprisen as leis, todas, dende a Constitución para abaixo, para que de verdade o galego e os que nos expresamos e educamos os nosos cativos e cativas en galego tiveramos liberdade verdadeira dentro do noso país. Quero dicir, que é unha realidade obxectivamente comprobable que vivindo en galego case que todas as cousas se nos poñen máis costa arriba. A ver canta xente pode superar ­unha entrevista laboral entrando pola porta en galego. A ver canto se liga en galego en cidades como A Coruña ou Vigo…Temos que dar explicacións decote de por que falamos galego… en Galiza! Alucinante. O que habería que explicar sería falar en búlgaro neste país. Sobre isto comentarei como ­unha vez me pararon na rúa do Príncipe de Vigo os de Galicia Bilingüe para explicarme a súa campaña e todo iso. Pasei de parar, claro, pero a señoriña que me abordou dicíame, en castelán, como non, que eles esixían que o cincuenta por cento do ensino fose en galego. Eu botei un “¡oxalá!” porque xa sería moitísimo dada a situación na que vivimos. Eu aspiro, claro, a un cento por cento. Non quero nin bilingüismo nin polilingüismo por definición. Falar moitas linguas é san, valioso e bo para calquera persoa, galega ou filipina. Pero facer gravitar a vida cultural ou educativa arredor de linguas de fóra é, cando menos, discutible. As grandes institucións educativas internacionais teñen opinado claramente sobre isto. E sempre a favor da potenciación da lingua propia do país.

125 anos de Castelao. 2

Dúas intervencións na homenaxe que, desde A Estrada se lle fixo este domingo, 30 de xaneiro. Unha, a de Avelino Pousa Antelo, que nos conecta directamente con Castelao; na outra Clara Iglesias, presidenta da Asociación Cultural Vagalumes, presenta un fermoso e emotivo texto do escritor homenaxeado, redactado desde o exilio en Buenos Aires:
"din que as campás de Liripio fan escorrentar os tronos. Ogallá que resoen en Bos Aires as campás de Liripio e fagan posible a unión de tódo-los estradenses! Que se xuntes os ríos estradenses e que o  seu poderoso caudal desemboque noutra máis poderosa unidade: na unidade patriótica dos galegos."



100% anti-galega




Atopei o "L" que perdeu A Coruña, o "L"  que tanto debece Carlos Negreira; e velaí que vén sendo un chafaríz de leite. 
Agora resulta que o "L" transmutou  e neste spot aparece como *a "L", ou como din no novo atentado publicitario argallado desde a (ou será o?) Xunta: 
"Ga(l)lega 100%, para que distingas o leite galego de calidade superior"
Só unha cousa é segura, que esta campaña é 100% anti-galega.

Un erro na marca galega do leite

por Cris Moss, no Xornal:

Dende o vindeiro 7 de febreiro, os produtos lácteos galegos de calidade superior estarán marcados cun selo, Galega 100%, que servirá para recoñecer nos supermercados e tendas da comunidade a súa excelencia e asegurar así que están elaborados con materias primas do país. Unha boa medida.
Xunta de Galicia promociona esta nova marca cun lema, Galega 100%. Marca a diferencia, que contén un erro ortográfico que está enchendo varios xornais onde se incorpora o anuncio que aposta por un leite galego. Diferencia é en realidade diferenza, ao igual que pertenza ou querenza.
Este erro engádese á polémica dun lema, Galega 100%, que levantou dúbidas, xa que se galega se refire ao leite, debería ser en masculino, a non ser que o trazo do líquido que acompaña o anuncio constrúa un ele dobre (gallega) ou que o de galega se refira en realidade á marca e non ao leite.
Por outra banda, Anxo Lorenzo criticou onte nunha entrevista no ABC “o momento” para a introdución das linguas cooficias no Senado e debido ao gasto en tempos de crise. Fíxoo a mesma semana na que Núñez Feijóo empregou a posibilidade de tradución para falar en galego no Comité das Rexións.

As linguas do Senado

por Laura Sáez, lectora de galego en Óxford, no Xornal:

Moitas voltas lle levo dado ao asunto dos intérpretes no Senado. Aínda que absolutamente cada detalle da xornada do pasado martes xa daría para unha tese de doutoramento en sociolingüística, o que máis me interesa de toda a xornada foi comparar a intervención das senadoras replicantes, Saínz e Pan, coa declaración doutro senador do PP, o señor Barreiro, algo antes, cando dixo que “se cadra” falaba na súa lingua materna.
Estas dúas actuacións tan dispares e surrealistas, o feminino “amo al gallego pero no lo voy a hablar” (?) e o masculino “estar contra a lei non significa que non fale a miña lingua materna” (?) dentro do mesmo partido poden levar a pensar que o reparto de xénero neste asunto non é de todo unha casualidade.
Está claro que hai moitos galegos que non queren saber nada do galego. É máis, o galego é unha molestia, unha odiosa marca de clase, unha eiva de nacemento, unha espinilla purulenta.
E supoño que hai que comprendelo. Non aplaudilo, pero si entendelo. Supoño que haberá xente da xeración das senadoras replicantes á que aínda lle doan as orellas ou as fazulas da cara ao lembrar as labazadas ou os insultos ou as risas por conta de dicir algo en galego na clase, na rúa, ou por falar con acento galego polas rúas de Madrid.
Se cadra, logo de experiencias así haberá xente que teña ganas de mandar o galego a tomar polo saco, escondelo debaixo dunha alfombra, e perfeccionar o acento de Majadahonda ata pasar por nativo.
E que pinta o xénero en todo isto? Pois non teño nin idea, pero creo que é posible que xogue un papel importante nestas decisións linguísticas persoais.
A clave deuma un documental titulado A memoria da lingua, onde a xente fala da súa relación coa lingua en distintos momentos do tempo.
Unha muller declara que xa abondo teñen as mulleres con loitar pola igualdade, o seu traballo, a súa familia, como para aínda ir cargando coa lingua ás cóstas. E é que, di ela, en Galicia, falar galego marca, e se es muller e falas galego, pois ou es unha pailana ou unha nacionalista.
E voilá que se entende mellor a declaración amor-odio das senadoras replicantes. Son mulleres, non nacionalistas e non queren ser pailanas, ergo, falamos castelán.
Agora que entendo mellor a reacción das senadoras, tamén me fai sentirme moito máis orgullosa de todas as pailanas e nacionalistas galegas que falamos e tamén amamos coa práctica a lingua a pesar das marcas, e agora que está todo claro, se cadra as pailanas nacionalistas teremos que poñernos a traballar para que estas marcas desaparezan, e que futuras senadoras non teñan que renunciar á súa lingua para deixar de ser pailanas nin nacionalistas

domingo, 30 de xaneiro de 2011

Avelino e Castelao, sempre xuntos.

30 de xaneiro. Conmemorábase o 125 do nacemento de Castelao. E o ilustre galeguista volveu a pasear polas terras da Estrada da man de Avelino Pousa Antelo.
Avelino lembrou aos presentes como coñecera a Castelao nun mitin do Teatro Principal, en Santiago. Fixo memoria dos seus paseos ata os locais da editorial Nós, dos recados que lle facía a Ánxel Casal, das tertulias no Derby...

As  principais institucións, como a  Consellería de Cultura, viránronlle as costas  á lembranza de Castelao, e continuarán a facelo durante todo o ano porque o pensamento do de Rianxo fai agromar con toda a súa crueza a zunia e a mentira que espallan a cotío desde as webs oficiais e desde os medios ao seu servizo.

Defendendo o patrimonio, defendendo o galego

sábado, 29 de xaneiro de 2011

Presentación sobre os prexuízos lingüísticos

sobre os prexuízos lingüísticos

O Consello escolar contra a Lei de Convivencia

O Consello Escolar rexeita a Lei de Convivencia. Oito organizacións -CCOO, UGT, CIG, a Confe­deración de ANPA de cole­xios públicos Confapa, tres movementos de renovación pedagóxica e o Seminario de Estudos Galegos- pre­sentaron as súas respectivas emendas á totalidade, que se votaron de forma conxunta. Ó seu favor emitíronse 21 votos (o 52,5%), 11 en contra (entre eles os de Congapa, a patronal de centros concertados, o sin­dicato Anpe e representan­tes de municipios do PP- Outros dous votos foron abs­tencións, unha dos colexios relixiosos.
Esta lei leva está pensada para fortalecer o funesto decreto de plurilingüismo ao que pretende reforzar. Parece que vai levar o mesmo camiño que este último que tamén fora rexeitado polo Consello Escolar. Agora deberá pasar polas mans do Consello Consultivo e de seguro que finalmente, en contra de todos os axentes sociais, será aprobado sen consenso ningún para seguir estropeando xustamente o que se anuncia que vai arranxar: a convivencia no mundo do ensino.
Un dos aspectos máis salientables deste `proxecto de lei consiste na cobertura legal ás consultas ás familias sobre a lingua a usar nas aulas. Un paso máis en contra da normalización da nosa sufrida lingua no ensino.
Segundo a Confapa:  "Lonxe dunha participa­ción activa, o que agora se regula é unha consulta uni­direccional sen matices nin controis". Unha das primeiras reaccións foi o seguinte comunicado de Guillermo Meijón, o portavoz de educación do Grupo Socialista. A CIG-ensino concentrouse en protesta pola lei, a súa resposta, da boca de Anxo Louzao, pode escoitarse no seguinte vídeo.




P.S.: máis da Escola de Ferrado (Meijón), onde nos fala do enmudecemento da Consellería de Educación

venres, 28 de xaneiro de 2011

Que é unha hipotenusa?

P.S.: Un bo complemento a esta viñeta no relato de Imos Indo

Lois Pereiro, o poeta do 2011

A Revista das Letras do grupo Correo adicoulle o seu número do 6/01/2011 a Lois Pereiro

“Hablen español, already”

por Cris Moss, que alude este artigo do diario The Economist,  no Xornal:


Un dos argumentos máis recorrentes dos partidos e grupos contrarios ás medidas de normalización das linguas cooficiais coma o galego, o éuscaro e o catalán pasa por aludir á situación doutros países con varias linguas ou á imaxe que España proxecta no mundo a causa do “gasto” en varios idiomas.
Este foi, precisamente, o argumento empregado dende o PP, nomeadamente polo seu líder,Mariano Rajoy, para rexeitar a xeralización das linguas propias de Galicia, Euskadi e Cataluña no Senado. A xuízo do presidente dos conservadores, o plurilingüismo da Cámara alta non é propio “dun país normal”.
A afirmación de Rajoy deulle pé ao prestixioso diario británico The Economist para reflexionar sobre a introdución das linguas cooficiais no Senado, nomeadamente, a través dun blog no que os seus correspondentes no mundo escriben sobre “o uso da linguaxe na política, a sociedade e a cultura” no mundo.
Nun artigo datado en Nova York baixo o título “hablen español, already”, un xornalista do rotativo censura que se vexa “como apestados” a galegos, vascos e cataláns “por falar o seu idioma no seu país” e lembra que o plurilingüismo é propio de países tan “normais” como Canadá ou Nova Celandia

xoves, 27 de xaneiro de 2011

125 anos de Castelao

A Federación Galiza Cultura que reúne varias asociacións culturais celebrará o vindeiro domingo 30 un acto ás 17:00 consistente na realización de homenaxes simultáneas polo 125 aniversario do nacemento de Castelao. Ese mesmo día, en Bonaval celebrarase unha homenaxe semellante.
Na Estrada será na praza do Concello, onde se colocará unha faixa conmemorativa. Os organizadores neste caso, a Asociación Cultural Vagalumes e o Concello da Estrada, solicitan aos asisten que participen na lectura dun texto de Castelao en defensa da lingua.

Negreira e ‘La Coruña verdadera’

Cris Moss sigue repasando as actitudes dos políticos negacionistas, hoxe co caso clínico de Carlos Negreira, no Xornal:

A medida que se achegan as eleccións municipais, son moitos os políticos que lle quitan a ferruxe ás súas habilidades en internet e que, desta volta, se esforzan por seren visibles nas principais redes sociais, como Facebook e Twitter, co obxectivo de non quedaren descolgados da campaña que haxa na Rede.
Un dos alcaldables que nos últimos meses se incorporaron a estas redes, nomeadamente aTwitter, é o aspirante do PP ao bastón de mando na Coruña, Carlos Negreira, que no seu perfil convida os cidadáns a “hablar de cambio” e especifica que o perfil está “gestionado por Carlos y sus asesores”, asegura.
Entre as mensaxes que Negreira compartiu cos seus seguidores en Twitter ao longo do día de onte foi a frase “indignación en la Universidad de Coruña por el uso político del Paraninfo”, seguida dunha ligazón a un blog titulado La Coruña verdadera que, segundo afirma, conta “la realidad de nuestra ciudad”.
Os que onte seguisen a ligazón proposta por Negreira comprobarían que, ademais dun texto que censura que a presentación do “ultranacionalista” Xosé Manuel Carril se celebrase na Universidade, a páxina inclúe contidos bastante alonxados da cortesía política, como falar de “parejitas” no seo do PSdeG.

mércores, 26 de xaneiro de 2011

Etiquetaxe en castelán, en catalán,... e en galego?

Despois dun prazo de 6 meses, as grandes empresas, as de máis de 200 empregados, desde esta semana teñen a obriga de etiquetar os seus produtos polo menos en catalán en virtude do Código de Consumo de Cataluña. A medida aprobouse co rexeitamento de Ciutadans e o PP, ademais estes últimos recuriron a lei diante do Tribunal Constitucional.
Esta lei vén a restaurar, en parte, o dereito de recibir a información comercial en catalán. Aínda así, o único idioma que mantén na práctica a hexemonía prácticamente exclusiva no mundo do comercio é o español.
Na seguinte gráfica, elaborada pola Plataforma per la Llengua vemos a evolución da cantidade de disposicións legais que se van producindo cada ano, regulamentando todas a presencia do castelán no comercio; polo momento suman un total de 196.

E que pasa co galego? Polo momento temos a ameaza do Proxecto de Lei do Comercio Interior que vai consagrar o absoluto dominio do castelán neste ámbito. O resultado deste partido será de 196 - 0. Ningunha disposición legal vai establecer o uso do galego na etiquetaxe.

Redución e desorganización nos Celga

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua acaba de poñer de manifesto que, alén da redución do número de cursos de galego, hai unha falta de planificación na Xunta que  organiza directamente unha serie de cursos en concellos que de xeito arbitrario decide a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sen unha planificación territorial previa cuns criterios minimamente claros e, nalgúns casos, sen sequera contacto previo con eses concellos.
A pesar de que xa en outubro de 2009 a CTNL lle remitira SXPL unha proposta para corrixir os numerosos problemas que había nestes cursos, a SXPL fíxolle caso omiso e non tivo en conta as propostas de mellora sinaladas polos técnicos
E aos problemas detectados en edicións anteriores, súmaselle este ano a descoordinación total dentro da Consellería de Educación, que nunha mesma semana fai dúas convocatorias distintas de cursos preparatorios para os Celga, na maioría dos casos nos mesmos lugares, épocas e horarios, uns organizados pola SXPL e outros polas escolas de idiomas. Esta dobre convocatoria supón, por un lado a duplicación de procedementos e prazos de inscrición e a dispersión da oferta e da información, e por outro, que haxa cursos preparatorios para uns exames que non teñen en conta as datas deses exames, pois outro dos graves recortes que a SXPL fai este ano é o da eliminación dunha das dúas convocatorias de probas para poder obter o Celga.

Hernández fai obras en ‘La Guardia’

Cris Moss está pegándolle un repaso ás reprobables actitudes lingüísticas dos conselleiros, onte trataba o caso de Javier Guerra, o Conselleiro de Industria, hoxe tócalle a Agustín Hernández, o titular da Consellería de Medio ambiente (e Infraestruturas) de  no Xornal:


Por moito que se prometeran, hai compromisos que a Xunta está a demostrar, día tras día, que non é quen de cumprir. Un deles é a promesa que fixo o Goberno galego de ter máis coidado cos tradutores automáticos do galego ao castelán para que non se escapasen polo medio topónimos deturpados.
A polémica naceu coa famosa referencia do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, a Desván de los Monjes en lugar de Sobrado dos Monxes. Varela atribuíu o erro a que o texto orixinal en galego pasou por un tradutor informático e ninguén o revisou despois. A Xunta prometeu que tería máis coidado no futuro.
Porén, onte o Boletín Oficial del Estado publicaba en castelán un anuncio traducido do galego sobre unha obra da Consellería de Infraestruturas que dirixe Agustín Hernández indicando en tres ocasións que parte dos traballos se realizarán en La Guardia, errando así novamente no topónimo oficial de A Guarda.
En todo caso, o erro puntual do departamento de Hernández non debe facer esquecer que, pese a non nacer en Galicia, é un dos conselleiros que máis respecta o galego. Fronte a el, a consellería que máis erros de toponimia está a cometer nas traducións destinadas ao BOE é a de Economía de Javier Guerra.

Biblioteca Neira Vilas

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Hai que felicitar á Editorial Galaxia pola creación dunha biblioteca de autor dedicada a Xosé Neira Vilas -aquí materialízase iso da xustiza poética-, cando se cumpren 50 anos da publicación dunha das obras máis populares e emblemáticas da literatura galega contemporánea: Memorias dun neno labrego, que chega neste ano 2011 á súa 31ª edición en galego. A Biblioteca Neira Vilas é o primeiro caso entre nós en que unha biblioteca de autor se dedica a un escritor vivo, posibilitando así un espazo editorial destinado á publicación da obra literaria completa dun escritor plenamente activo -Neira Vilas é un autor que non descansa e está cheo de proxectos- e que foi convertido polos seus lectores e pola crítica nun clásico das letras do noso tempo. Eu teño lembrado en máis de unha ocasión como Lorenzo Varela, con motivo da presentación en Madrid da sexta edición de Memorias dun neno labrego -corría o ano 1976-, facía fincapé no inmenso amor aos nenos que Neira Vilas comunica na súa novela: nenos galegos pobres, como Balbino, o protagonista da obra, cos ollos poboados de tristura e de soños, ou como no verso de Manuel María: "nenos labregos de ollos quedos (...), ollos mouros o mesmo que unha noite/ de choiva e vento no corazón do inverno". Memorias dun neno labrego leva vendidos máis de 600.000 exemplares e foi traducida a 17 idiomas, sendo a obra literaria galega máis lida da nosa historia. Por iso a recén creada Biblioteca Neira Vilas abre a colección con este clásico e best-sellergalego, que é un dos grandes títulos populares, en palabras de Víctor Freixanes -outro sería o Catecismo do labrego, de Lamas Carvajal-, mellor "acollidos e recoñecidos polo pobo, polo conxunto da sociedade, que os fixo seus e soubo ler neles o discurso do seu tempo". Beizóns, pois, a Galaxia e a Pepe Neira Vilas, escritor de raza, home de letras noso e universal. O número dous da BNV xa está tamén na rúa. Trátase de Cartas a Lelo. 22ª edición. Iso é o que lles acontece aos clásicos. Os lectores non cesan.

martes, 25 de xaneiro de 2011

O amor polo galego

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

A senadora galega do PP, María Jesús Sáinz, non dubidou en afirmar, referíndose ao idioma galego, que o amaba moito -"amo a Galicia y a mi lengua, de la que me siento muy orgullosa"-, mais non quixo facer uso da lingua galega no Senado en momento tan solemne como foi a aceptación oficial dos idiomas galego, euskera e catalán para seren utilizados na denominada Cámara de representación territorial. Para entender isto das declaracións de amor ao galego, tan enfáticas a maioría das veces, talvez teñamos que acudir ao Peter Sloterdijk da Crítica da razón cínica, pois velaquí que tantos enamorados confesos do idioma galego -diríao así Francesc Torralba- practican unha sorte de camaleonismo postmoderno: "Seres sen convicións que manusean as grandes palabras para manteren a súa cadeira". Xulguen vostedes. Porque habería que lle lembrar á senadora galega aquilo que dicía Giovanni Bosco, que chegou a santo, sobre o amor: "Non é suficiente amar, senón que debes mostrar o teu amor, facer que se perciba. (...) Un amor que se expresa en actos cotiás, mesmo na expresión dos ollos e da cara". Calquera sabe -e isto é aplicábel, como non, ao amor que se expresa por un idioma- que toda demostración de amor (así falou o apóstolo) debe ir acompañada de accións que demostren ese sentimento, pois dicir que se ama sen obras é palabra morta. Eu non dubido, falándomos do declarado amor ao galego, da existencia na senadora Sáinz dunha cultivada sorte de sentido cósmico-metafísico depositado no obxecto lingüístico, e por iso se sente "muy orgullosa" da fermosa lingua galega, tan agarimosa ela, seda no vento, que mesmo chega a saber a mel. Mais tivo que ser unha muller vasca, a senadora Miren Leanizbarrutia, falando, ela si, en idioma galego, quen quebrase o soño amatorio da senadora galega: "É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos". E os ósos de Rosalía de Castro estremecéronse no sartego. ¿E a senadora amante? "Amo a Galicia y a mi lengua". Estraña forma..

Guerra ‘esquece’ o acordo pola lingua

por Cris Moss, no Xornal:


En febreiro do pasado 2010, o PPdeG tentaba, dende o Goberno e dende o Parlamento, comezar a rebaixar a tensión en torno á súa política lingüística e, en xeral, á súa posición sobre o idioma. Así, accedía a pactar con PSdeG e BNG unha proposta para instar os cargos públicos a empregar o galego.
En virtude daquel acordo tripartito, todos os representantes deberían, na liña do fixado na Lei de Normalización Lingüística, usar o idioma propio de Galicia nas intervencións que realizasen con motivo do seu cargo. Días despois, o popular Ignacio López-Chaves volvía empregar o castelán no Parlamento.
No Goberno galego, un dos conselleiros que ten pasado por riba do acordo en máis ocasións é o titular de Economía e Industria, Javier Guerra, que, por exemplo, a finais de 2010 presentaba un plan do seu departamento con Alberto Núñez Feijóo tras o Consello da Xunta falando unicamente en castelán.
Onte, Javier Guerra compartía acto público con representantes do mundo económico para presentar un estudo sobre as empresas galegas auspiciado por Novacaixagalicia. Tanto na súa intervención como nas preguntas dos xornalistas, todos representantes de medios galegos, evitou a lingua propia de Galicia.

luns, 24 de xaneiro de 2011

A carta de Elena

Hai cousa dunha semana que A Mesa denunciaba o caso do desprezo á nosa lingua onde o coidado debía ser exquisito, nos exames para premios extraordinarios da ESO. A organización de defensa da lingua facía de altofalante dunha denuncia que fixera públicamente unha alumna de primeiro de bacharelato. A rapaza chámase Elena Vázquez Sarandeses e estuda no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. A súa carta, que recollo do blogue Mesturas, é a aparece máis abaixo.
O obxectivo final da escola consiste en formar persoas autónomas, independentes, críticas, capaces de avaliar  as situacións que se lle presenten na vida e reaccionar diante delas. A pesar de enfrentarse a un entorno pechado e moi regulamentado, Elena foi quen de debullar o que sucedía máis alá das liñas dos enunciados das probas dos premios extraordinarios e aplicarllo acaídamente ao que estaba observando. Tirou conclusións propias, precisas e acaídas á situación. Identificou o problema, recoñeceu aos culpables, soubo como reaccionar durante a proba para super as dificultades que tiña diante súa, e finalmente elevou o seu dedo acusador a quen correspondía : a Consellería de Educación.
Non hai ningunha dúbida de que Elena acadou antes de acabar a súa etapa educativa, as capacidades que todos desexaríamos, non xa nun alumno, senón nun profesional. Elena sabe que o desleixo que se filtraba no exame debíase ás mesmas razóns polas que a ela lle queren desproveer dun profesor de matemáticas que lles ofreza cuestións da materia redactadas correctamente en galego. Se por estas razóns eu, sen coñecela, me sinto orgulloso dela,  os seus pais, os seus profesores e os seus amigos deben pasear por Pontevedra co peito enchido, ...e a un tempo, non lles quedaría outra, se tiveran vergoña, que andar cabeza gacha  a todos os da Consellería de Educación que dalgunha maneira sexan responsables deste e doutros desprezos semellantes.
Grazas Elena. Mañán entrarei na aula con máis folgos pensando en que entre os pupitres pode haber alguén semellante a ti, alguén a quen non podo decepcionar.

O día trinta de novembro celebráronse os premios extraordinarios da ESO, exame no que participan todos aqueles alumnos cunha media de máis de 9 nesta etapa. O exame consta de seis partes onde matemáticas, ciencias sociais e unha materia optativa, presentan un dobre formato no que por unha cara do folio o exame está escrito en galego e na outra está en castelán. Despois de ter feito o exame, tan só teño unha dúbida na miña cabeza, non é que desde que somos ben cativos nos ensinaron a non cometer faltas de ortografía? Non era que escribir incorrectamente denotaba non só un certo grao de incultura senón tamén de despreocupación? Ao comezar a ler os exames de matemáticas, historia e física e química, a ortografía brillaba pola súa ausencia. Estas faltas, como puiden comprobar ao tornar o papel, só se producían na versión en galego e non, non eran erratas, non era cousa de letras descolocadas senón que a penetración de palabras en castelán repetíase ao longo dos exercicios. O curioso é que ao outro lado do papel todo estaba correctamente escrito. Que pasa entón co galego? Pretendo deixar a un lado as ideas políticas, a polémica da supremecía dun idioma ou doutro, esquezámonos das imposicións e novas leis, na miña opinión anticulturais, e voltemos a aquelas clases de lingua, lembrémonos da monótona voz da nosa mestra, daquela musiquiña incesante que repetía unha e outra vez todas esas normas. Lembran? A miña intención é criticar a despreocupación do órgano que redactou o exame e que a Consellería de Educación se esquecese todas esas leccións que vimos de lembrar. Pois ben, isto indignoume e irritoume. Non só pola falta de atención da Consellería de Educación senón que non podo asimilar que os textos non estean perfectamente revisados e corrixidos xa que o nivel de importancia e seriedade é enorme. Como é que unha consellería pode permitirse a impresión de centos de exames sen que a pulcritude, a escrupulosidade e a limpeza gobernen nos textos de ditas probas? Cometíase a introdución da conxunción y, letra que nin existe no idioma, así como o cambio de artigos, aparecía una no lugar de unha e la no de a, omitíase a contración de con máis unha, no canto de país desenvolvido esubdesenvolvido, infiltrábase desenvolto subdesenvolto. Ler aquel exame resultaba semellante a ler something como this, é dicir, the inclusión of outras words which veñen from outro language. Pode que sexa algo esaxerado, que si, que somos bilingües e entendemos perfectamente pero iso non fai que poidamos marxinar á seriedade. O peor é que isto non remataba aquí, xa non só foi cousa desa arrepiante inxección de vocábulos foráneos senón que, lendo a versión da terra, non fun quen de entender un dos problemas de matemáticas. A cousa falaba dun foguete que despegaba e había que representar unha gráfica coa altura á que chegaba. Ao final, dicía: “dende o eixe do chan é x”. Con todo o que dicía antes e o pouco que viña despois, non puiden comprender o que esa frase viña a dicirme polo que tornei o papel para comprobar se é que o meu pavor polas matemáticas facía que non entendese de que ía o problema ou, como ben supuxen, era cousa da redacción. En castelán dicía: “donde el eje del suelo es x”. Obviamente, hai unha moi clara diferenza entre dende e onde. Coido que como estudante galega que son, teño todo o meu dereito a poder ler, entender e facer un problema de matemáticas no meu idioma sen ter que darlle a volta ao exame. Resúltame frustrante este abandono do idioma, é un desprestixio cara á lingua e cara a todas esas persoas que se esforzan por defender o seu uso correcto, desde os máis galeguistas até os que non o son e, sinxelamente, saben que cometer faltas ortográficas implica ineptitude e incompetencia.
Aínda non podo proxectar a idea de como puido ocorrer tal cousa, deume a impresión de que o exame foi feito e revisado por completos ignorantes e, se se me permite, por uns túzaros agrestes que non coidan algo tan fermoso, singular e propio como o é unha lingua. Seica foi iso o que pasou...

Cousas

por Iria Taibo Corsanego, en Terra e Tempo:

Desde esta semana, son propietaria dun piso de protección oficial. Este dato non lle interesará a ninguén, mais a última das xestións que tiven que facer en relación con ese tema fai que me sinta obrigada a aproveitar este espazo para facer unha reflexión. A cuestión é que despois de tres anos de obras, papeis e máis trámites, a finais do decembro pasado comunícanme que o banco e todos os organismos públicos competentes concordan en que podo finalmente asinar as miñas escrituras. Eu fixen saber ao notario (asignado pola cooperativa á que pertencemos os adxudicatarios) que quero escriturar na miña lingua. E aí é onde está a anécdota. 

Quizais fun un pouco inocente en pensar que era unha petición normal, nun país normal. A persoa da cooperativa que me atendeu quedou primeiro sorprendida, pois non tiña claro se o notario tiña obriga de facer tal cousa, pois el mesmo non estaba seguro de se o galego é lingua oficial. Supoño que a miña resposta, algo airada por cuestionar mesmo a oficialidade do galego, o desconcertou aínda máis, así que decidiu consultar co propio notario. "Las escrituras en gallego te van a tardar NUEVE días más". Obviamente, pasei a estar francamente indignada e dixen que o tería que pensar, mais que me parecía unha clarísima discriminación. A cuestión é que a persoa coa que falo, allea totalmente ao meu exotismo, di que entende a miña solicitude, mais de algún xeito teño que asumir que é normal que un servizo que eu vou pagar do meu peto (e non barato, por certo), que non é libre, pois non calquera persoa pode abrir unha notaría onde lle dea a gana, non sexa igual para quen decide escoller a súa lingua. 

Finalmente, despois de varias consultas e de moito meditar comigo mesma, decido aceptar a imposición (si, imposición) do castigo por pedir a documentación na miña lingua, pois non coñezo outro notario na miña comarca que traballe normalmente en galego, e opto por non obrigar as dúas persoas que me teñen que acompañar a vir a Santiago, onde si hai notarios que poderían cumprir con normalidade co meu exótico capricho. Mais insisto en informar, a través do meu intermediario, sobre un servizo gratuíto de tradución do que dispón a Xunta, que en 48 horas debería resolver o "problema" que eu lles estou a causar. Obviamente, eles xa teñen feito uso dese servizo (porque de redixir a documentación directamente en galego, nin falamos), e fan acuse de recibo da miña inocencia por pensar que a molestia que quero causar é menor do que é realmente. 

A partir de aí, chámanme varias veces para solicitárenme papeis e datos que me insinúan que co resto dos cooperativistas non foron precisos. O caso é que como os meus papeis os teñen que mandar a traducir fóra non poden "dejar huecos". En definitiva, quédame claro que querer asinar a escritura da miña vivenda é algo que só se me ocorre a min e ben me valería na lingua que polo visto debemos utilizar todos por defecto, se non queremos andar causando molestias aos outros e complicándonos a vida a nós mesmos. O resultado é que o día que comunico o meu interese por escriturar en galego é día 5 de xaneiro, e só puiden asinar o día 20. 

Durante esa espera (que desde o propio banco entenden que é inxusta e identifican clarisimamente o motivo), comento o meu caso con familiares, amigos e coñecidos, con curiosos resultados. Hai quen empatiza inmediatamente co meu enfado, indígnase inevitabelmente e tenta convencerme para que procure outro notario menos ofensivo. Hai quen o entende mais pensa que na mesma situación quizais tería optado por pedir a documentación en castelán, por aforrar tempo. Tamén hai quen, normalmente xente de fóra que non ten problemas para facer estas cousas na lingua da súa elección, considera que debería darme igual unha lingua ou outra. Estes últimos non entenden que eu prefira unha lingua á outra, e menos aínda que considere que os atrancos teñan nada que ver con discriminación. Simplemente é sentido práctico. Propoño entón que elixamos entre esperanto ou inglés e esquezamos o demais.

O que me dá por pensar é, á parte de como podo protestar ante este atropelo, se isto non mudaría, aínda que fose un chisco, se nos resultase un pouco máis difícil renunciar ao noso. Por exemplo, que pasaría se eu tivese obrigado ás outras dúas persoas a viren comigo a Compostela? Nese caso, esas dúas persoas teríanse exasperado ante a miña rixidez, mais quizais podería facerlles ver o inxusto da situación. E que pasaría se máis xente fixese esforzos semellantes por poder incorporar o galego á normalidade da súa vida en todos os aspectos? Non estamos en parte asumindo esta falta de normalidade?

Eskerrik asko, Miren

A foto é a da senadora Miren Leanizbarrutia.
por Iván Méndez López, acertado como sempre,  no Xornal:

“Esperpéntico”, “hilarante”, “obscenidade”, “patochada”, “circo rexionalista de covardes e mexericas”, “pallasos”, “ridículo”. Así abriu a prensa madrileña a súa edición do mércores. Artigos de opinión e portadas incluídas. Nalgunhas até se sinala os e as interpretes como os novos controladores aéreos por teren a ofensa de cobraren as súas tarifas.
Nalgunha prensa de provincias, os ecos dos ouveos escoitáronse mesmo amplificados. A “belxificación” orquestrada polos nacionalistas no Senado, supón un “drama para España”. Nesa prensa, galega disque, aínda non houbo unha palabra de benvida.
Os políticos, como non podía ser menos, tamén deixaron os seus titulares: para María Dolores de Cospedal o asunto é “un tremendo disparate”; Sáenz de Santamaría xulga a medida de “innecesaria e cara”, que atenta contra “o sentido común”; o senador Van Halen laiábase do “desprestixio cara os españois”. Supoñemos que nese desprestixio tamén entrarán os galegofalantes.
O “supremo representante dos galegos”, unha semana despois de se emocionar no Gaiás, considérao un “exceso económico e político”. Cando o dixo non se lle escoitou ningún riso. El continuou co seu ricto aínda que no fondo estaba a esmendrellarse.
Con todo, quen mellor definiu a “obscenidade” foi o líder da oposición, galego coma nós: “Isto, nun país normal, non pasa”. Por unha vez, comparto unha sentenza do pontevedrés, aínda que para nos referir cousas diferentes.
Nun país normal, as primeiras palabras na lingua propia nunha institución non as di unha foránea para recriminar unha nativa por o non facer. Nun país normal, o propio presidente non estaría contra unha medida que dignifica o propio país e a súa máxima expresión definitoria. Nun país normal, a prensa saudaría como mostra de dignidade ou feito histórico a medida.
Por desgraza isto só pasa nun país como este.Por certo, eskerrik asko, Miren

O senado e as linguas

por Manuel Bragado, do seu blogue Brétemas:


España é un estado plurilingüe onde, ademais do castelán, a cidadanía fala outras linguas recoñecidas pola Constitución e polos estatutos de autonomía como cooficiais nos seus respectivos territorios. Despois de tres décadas e de moi intensos debates, a pasada semana entrou por fin en vigor a modificación do regulamento do Senado que permite aos membros da cámara alta a utilización nas súas intervencións do galego, éuscaro e catalán, coa única excepción das interpelacións que realicen aos membros do Goberno. Unha medida política apoiada pola maioría dos grupos e xustificada polo recoñecemento da diversidade e riqueza lingüística nunha cámara á que se considera, ou se pretende considerar no futuro, como de representación territorial, porén rexeitada polos senadores e senadoras do Partido Popular por considerala no contexto da actual crise económica “un auténtico derroche dos recursos públicos”.
Particular atención mereceunos en Galicia que a primeira persoa que utilizou o galego na histórica sesión inaugural na que se estrearon todas as linguas oficiais fose a senadora guipuscoana Miren Leanizbarrutia que introduciu no seu discurso pronunciado en éuscaro unha frase lamentando que a senadora galega do PPdeG que ocupara antes a tribuna desaproveitase a oportunidade de utilizar “a lingua na que Rosalía de Castro escribiu fermosos versos”. Deste xeito, Leanizbarrutia entrará con letras de ouro a formar parte da historia da nosa lingua, mentres que a senadora galega, que confesa amar a lingua do seu país, prefire en xornada tan sinalada non utilizala, apoiando de forma inequívoca a estratexia que o seu partido está desenvolvendo.
A senadora do PPdeG desbotou unha oportunidade histórica de ofrecer un aloumiño a lingua galega, de facer un xesto de cordialidade, de pronunciar con amabilidade sequera unhas poucas palabras na lingua propia do seu país, lingua que sabemos é, ademais, a maioritaría nos seus electores e dos seus compañeiros e compañeiras do partido. Pola contra, a senadora María Jesús Sáinz preferiu adoptar as posicións anti-diversidade do partido uniformista, que non son alleas a doutros que xestionan a herdanza franquista nestes eidos da lingua, e xustificar a súa inhibición no suposto despilfarro de gastar máis de 300.000 euros na tradución simultánea dos dous plenarios mensuais do Senado. Unha cantidade destinada ao pagamento dos traballos profesionais de vinte e cinco tradutores e intérpretes, que constitúe apenas un dez por cento das subvencións públicas recibidas nun ano pola Fundación FAES, o 0,2% do orzamento do Ministerio de Cultura ou o 0,16% do das Cortes Xerais para o 2011. Sen menoscabo, dos criterios de austeridade e rigor que debe ser utilizados na xestión de todas as administracións públicas, o argumento do custe da tradución non abonda para rexeitar unha medida destinada a visualizar na cámara territorial a diversidade lingüística e cultural do estado, unha das claves da viabilidade do proxecto de convivencia recoñecido no marco constitucional.
No entanto, os termos deste debate, que sabemos esencialmente político, remiten ás intencións recentralizadoras do modelo autónomico que membros do Partido Popular xustifican, tamén, en base aos criterios do seu “elevado custe” no entorno da crise da nosa débeda soberana e da redución do déficit das CC.AA. Abandonadas polos conservadores as ideas de administración única, acuñadas por Manuel Fraga, e de reforma constitucional do Senado para transformalo en cámara de representación territorial, é innegable que vivimos unha durísima e moi ben planificada campaña de desprestixio, concibida e executada dende os poderosos foros madrileños, da descentralización política realizada dende a aprobación da Constitución, con especial animadversión cara aos procesos de autogoberno das comunidades históricas, Cataluña, País Vasco e Galicia, que contan con lingua de seu.
Desa estratexia de intención recentralizadora, semellante a unha nova LOAPA, deseñada dende hai tempo nos think thank conservadores, que pretende devolver competencias ao Goberno central, hoxe transferidas ás Comunidades Autónomas, forman parte tanto a nova política lingüística desenvolvida pola Xunta de Galicia nos dous últimos anos, concibida como un prototipo a exportar –a pesar de que supón un claro retroceso para os usos educativos do galego e para o seu futuro, na medida que recurta a súa vitalidade–, como a elaboración dun argumentario mediático que identifica de forma tan falsa como demagóxica a defensa das linguas e culturas propias coas posicións nacionalistas. O seguimento desa estratexia recentralizadora explica o comportamento das senadoras do PPdeG na epifanía da presenza do galego no Senado.

"Non hai vontade de restitución dos dereitos usurpados á lingua"

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Mariña Pérez Rei, escritora que 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Faneróga; no 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula; no 2009 publica o libro de poesía artesanal en edición limitada: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel... e tamén excelente compañeira, xa hai ben de anos, no IES de Ribeira.
Para a entrevista completa, premer na ligazón.

Problemas da lingua, do noso principal sinal identitario que o nacionalismo español de cheirume e arrecendo fascista quere arrebatarmos, ferir de morte… Cal o teu punto de vista, o teu posicionamento de militante galega?
Vou procurar ser o menos catastrofista posible e cinguirme aos feitos: se ben é certo que unha política lingüística agresiva e retrógrada contra o galego fai moito dano e hai que denuncialo ben alto, tamén o é que nunca se acadaron cotas de coñecemento e formación na nosa lingua tan plurais coma as que agora temos. E iso é imparable porque se suma a un mundo de comunicacións bastante máis emancipadas dos poderes tradicionais. A nosa cultura ten proxecto de futuro a pesar de non ser apoiada publicamente por certos grupos sociais que, e isto hai que recoñecerllo, teñen moito poder político e mediático. Por dicilo dalgunha maneira máis práctica e contundente: non creo que os Reis Católicos e Frei Jerónimo Zurita ("doma y castración de Galicia") desen creto a que no século XXI esteamos na Feira do Libro de Frankfurt, que sexamos lingua de uso no Senado e poidamos permitirnos (porque si, porque queremos, porque nos peta e nos dá a gaña) presentar candidatura na nosa lingua ao Nobel. Xa llelo dicía Ramón Piñeiro aos poetas amigos naqueles tempos aos que ti aludes, ben peores que os que hoxe corren, por certo: " Publica outro libro en galego, que iso aínda é o que máis lles doe". Non queda outra máis que arrimar o ombro e traballar arreo polo que nos transmitiron.
 Non cres ti tamén, Mariña, que o bilingüismo é un auténtico disparate que dada a situación sociolingüística actual fornecería xa de por si a estarrecedora diglosia, e aínda ampliándoa en dúas opostas direccións galego-castelán e castelán-galego, o que evidentemente provocaría, despois do enfrontamento, probablemente a desaparición do galego?
A estas alturas da película teño claro que non hai vontade de restitución dos dereitos usurpados á lingua. Persoalmente o que máis me doe é a manipulación da linguaxe que se está a dar nos medios e as estratexias partidistas con respecto a este tema. Se houbese verdadeiro interese sociolingüístico en investigar o bilingüismo e as inmersións na lingua dun territorio, analizando as súas repercusións a medio e longo prazo, creo que hai suficientes exemplos prácticos noutros lugares do mundo que amosan os beneficios a escala social. Se houbese ese interese real na nosa política lingüística actual, que está claro que non, tamén teriamos xente ben preparada e formada neste país que podería asesorar tecnicamente nese senso. O director da Real Academia Española, Blecua, é un filólogo español que defende a inmersión en catalán, galego ou éuscaro con profesionalidade e sen necesidade de manipular a linguaxe dicindo que o castelán corre perigo. El di que o castelán é unha lingua fortísima, que quen precisa apoios agora son as linguas periféricas da península. Pero aquí non estamos traballando nesa dirección, uns colleron atallos raros e outros andan enredando polos camiños prendidos en non se sabe que silveiras. Aí non vexo un proxecto de futuro sólido porque era preciso que os partidos tivesen un acordo nese eido e non se ve por ningures.

Unha enquisa verbo do idioma en que os pais decidan o idioma no que deben ser educados os seus fillos, non é unha babecada propia dos desnortados, e máis tendo en conta que estamos nun país que conta cun idioma propio e natural de si, que non é outro que o galego… Que pasaría en París ou en Madrid, por exemplo, se os galegos da diáspora nas dúas capitais europeas esixisen algo semellante?
Volvemos ao mesmo: o disfrace. Só me parece outra medida de pseudodemocracia rancia que oculta o desleixo de funcións e a implicación real no tema. O problema é que calle socialmente a mensaxe de que moitos nos opoñemos a esa falacia da consulta que quere pasar por ser a da verdadeira liberdade, porque non somos o suficientemente tolerantes e demócratas. O que hai que facer é dar a coñecer máis o Estatuto de Galicia e exixir dos gobernantes que gobernen e se deixen de tanta pregunta. Abren caixas de Pandora que non saben pechar e xa lles están a estoupar na cara antes de dar réditos políticos. Creo que é moi mala estratexia política e educativa, e que por suposto fai dano e crea tensións inútiles en torno á lingua. O único bo de todo isto é que a algunha xente lle caeu a careta definitivamente.
 Mariña, aquela "España es una unidad de destino en lo universal", do falanxista José Antonio Primo de Rivera, ideoloxía de todo o franquismo aínda vixente en moitos miolos infames e cavernarios, afoutece esta "monarquía" que sostén unha democracia burguesa imposíbel?
A esa cita opóñolle outra cita, a do Grupo Nós: "Galicia, célula de universalidade". Faremos de nós o que desexemos, podemos ser galegos universais. Castelao ten máis vixencia ca nunca.
 A literatura galega, está a vivir –cecais- unha das etapas máis brillantes da súa longa historia…?
A verdade é que a min faime moita graza esta teima por etiquetar o momento actual da literatura galega e valorala sobre todo con criterios cuánticos : número de publicacións, número de autores e autoras, número de vendas, premios, best sellers, traducións que se fan, Feiras ás que se acode, etc. Eu valoro moito máis que un escritor arrisque na súa escrita, aínda que se engane ou venda pouco. É posible que estea abrindo camiños. Poucas veces o éxito vai emparellado cun anovado literario, que eu saiba. A min paréceme que é de moi difícil interpretación a situación actual, simplemente porque non hai a suficiente perspectiva temporal, hai que agardar un tempo prudente para analizala dentro dun panorama máis amplo ou para poñela en relación con outras literaturas periféricas. Ás veces o que máis se ve ou destaca na actualidade non ten vixencia nin repercusión ningunha no futuro e a crítica debería sabelo e proceder con máis experiencia e prudencia. Esta euforia mesmo parece unha estratexia ditada por intereses de mercado, que non digo eu que non teña que existir, é só que da crítica profesional agardo outro discurso que se centre na análise literaria e fuxa de modas e de linguaxes persuasivas ou divulgativas. Iso xa o fan as editoriais. Despois tamén me preocupa que algunha xente perda de vista que somos unha literatura que ten os seus límites marcados tanto na xeografía como no seu número de falantes, así como nas súas posibilidades de repercusión no eido da literatura mundial. Somos un cirruncho marabilloso cunha cultura literaria moi rica, pero coidado con aparvar ollando o noso embigo!