Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de maio de 2011

Unha cruz contra o galego

Xa o fixera no mes de marzo. A Consellería de Sanidade anunciou no seu día no Diario da UE que as ofertas para realizar unha campaña de prevención do alcolismo entre os menores que realicen as axencias de publicidade interesadas se presenten só en castelán e non en galego.
Despois de ser denunciado o caso públicamente, chegou a explicación razoada da Consellería. No cuestionario que deben encher as administracións para publicaren no Diario da UE inclúe as linguas consideradas estatais como o español e neste caso basta con marcar unha cruz. Se a administración quer incluir algunha outra lingua, como o galego, debe encher un campo de texto libre indicando "galego".
Analfabetismo ou, simplemente, desprezo?

Como en Irlanda ou como en Islandia?

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

A República de Irlanda, a nación celta que se tivo de dividir para conseguir a súa independencia após séculos de dominación británica, foi un referente para o emerxente galeguismo decimonónico. Tamén por tanto para o católico e conservador Alfredo Brañas -tomado por súa vez como referente ideolóxico do Partido Popular na Galiza, cando menos até hai pouco-, que chamaba á loita pola "independenza da nosa Pátrea" e pola conquista da liberdade seguindo o exemplo da verde Eirín: "Ergue, labrego! Érguete e anda! / Coma en Irlanda! Coma en Irlanda!". Este país celta conseguiu liberarse do xugo británico en 1922, mais a súa lingua propia, o gaélico irlandés, embora declarada lingua nacional de Irlanda e primeira lingua oficial da nación, non deu recuperado os usos normalizados doutrora e na actualidade corre serio perigo de extinción. 

No plano económico, Irlanda, após figurar tradicionalmente como un dos países máis pobres da Europa occidental xunto con Grecia, Portugal e España, tivo un grande desenvolvemento económico na última década, chegando a falarse mesmo do tigre celta e do milagre irlandés. Porén, coa actual crise financeira mundial volta a se situar nunha posición precaria e inclusive a súa economía foi intervida -ou resgatada, como se costuma dicir- pola Unión Europea, igual que aconteceu en Grecia e Portugal e pode aínda acontecer en España. Como se ve, a substitución da lingua propia polo inglés non librou Irlanda da pobreza durante moito tempo e agora, após un breve período de bonanza que aquí se nos tentou vender como consecuencia do uso do inglés, volta a unha situación económica deprimida a pesar de continuar a empregar moito marioritariamente a lingua mundial das finanzas e lingua do imperio americano. El non será que falar a lingua de países ricos non garante a riqueza? 

Existe outro país insular paronomásica e xeograficamente próximo de Irlanda. Chámase Islandia e tamén  estivo de actualidade nos últimos anos; de facto, aínda o está, a pesar de os grandes medios de comunicación non pareceren ter moito interese en falaren del. Con certeza, eses medios informaron profusamente das revoltas no mundo árabe -Tunisia, Exipto, Libia etc.-, mais silenciaron a revolución pacífica islandesa, exemplo de reacción cidadá digna contra un poder corrupto e inepto e contra uns mercados depredadores. Esta revolución fixo caer a clase política islandesa instalada no poder, botou a baixo a lei de devolución da débeda ao Reino Unido e a Holanda, forzou unha investigación sobre os responsábeis da crise e, finalmente, conseguiu que algúns destes -nomeadamente banqueiros e altos executivos- ingresasen no cárcere e outros tivesen de abandonar o país. 

Que solución tan diferente da que se deu noutros estados como o irlandés, o grego, o portugués ou o español, onde son as clases traballadoras as que pagan a crise coa redución dos seus salarios e das prestacións sociais, en canto os auténticos culpábeis da situación ven incrementados os seus ingresos de forma escandalosa e obscena! E cal é a reacción social nestes países? Salvo contadas excepcións, énchense os estadios de fútbol en apoio das equipas que disputan títulos ou que están en perigo de perda da súa categoría deportiva, e mesmo se producen concentracións masivas de exaltación duns deportistas de elite que cobran en un ano -e nalgún caso en un só mes- máis do que un traballador en toda a súa vida laboral, mais resultan testemuñais as convocatorias de mobilización ou folga dalgunhas entidades e sindicatos non coniventes co poder político-económico dominante. Eis, pois, a oportunidade de ollarmos desta volta para Islandia, como os nosos devanceiros o fixeron noutrora para Irlanda. E non esquezamos que, embora sexa un país pequeno que alcanzou a plena independencia política en 1944, talvez posúa a democracia máis antiga do mundo -data do século X- e que ocupou o primeiro lugar no informe da ONU sobre o Índice de Desenvolvemento Humano de 2007-2008 e que no mesmo 2008 o seu PIB nominal per cápita era o sétimo máis alto do mundo.

Mais tamén podemos ollar para Islandia no tema lingüístico. O seu idioma oficial é o islandés, que falan con total normalidade os aproximadamente 330.000 habitantes da illa, bastantes menos que os falantes de galego, o cal non lles impediu conservalo na súa plena funcionalidade social. É unha lingua escandinava que provén do nórdico antigo e que presenta trazos moito arcaizantes a respecto das outras linguas da mesma orixe, como o noruegués, o dinamarqués ou o sueco, sendo o feroés a lingua de que está máis próximo. O uso e ensino do islandés está ben regulado e protexido na Plano de Estudos Nacional. Como até despois da Segunda Guerra Mundial Islandia facía parte da coroa danesa, o dinamarqués era a única lingua oficial, en canto o islandés era a lingua coloquial. Porén, após a proclamación da independencia da República de Islandia, o islandés converteuse na súa única lingua oficial e o goberno promoveu un esforzado e meritorio labor de planificación lingüística que dotou a lingua das ferramentas precisas, nomeadamente terminolóxicas, para a súa plena normalización, claro exemplo do que se pode conseguir en materia de lingua cando existe vontade política. 

De todos os xeitos, isto non impediu que os islandeses estuden e coñezan outras linguas. De facto, dominan tamén o inglés, amplamente utilizado como segunda lingua, igual que o dinamarqués, ambos os idiomas de ensino obrigatorio. A maioría aprende este último de modo que sexa comprensíbel tamén para as persoas de fala norueguesa e sueca, pois é ben coñecida a proximidade destas linguas de orixe común, cuxos falantes xa teñen experiencia na práctica do sesquilingüismo, isto é, dominio cando menos pasivo das linguas próximas, neste caso escandinavas; os islandeses costuman denominar skandinavíska esa especie de modalidade común. Canto aproveitamento poderiamos tirar na Galiza desta experiencia no noso relacionamento co ámbito da lusofonía e en todo o occidente europeo da proximidade entre as linguas romances! E tamén hai moitas persoas islandesas que saben alemán, sen que ese coñecemento de linguas lles impida a manutención do seu idioma propio, que ten poucos falantes mais que goza de plena saúde e non está ameazado. 

Infelizmente, non é este o caso do galego nin do irlandés, linguas que figuran na ampla listaxe daquelas que están en perigo de extinción. Sobre a relación entre ambas trata un recente libro, Galician and Irish in the European Context. Attitudes towards Weak and Strong Minority Languages, da autoría de Bernardette O'Rourke, irlandesa de nación e na actualidade profesora da Heriot-Watt University de Edimburgo; hai uns anos exerceu de lectora de inglés na Universidade da Coruña, onde iniciou a realización da súa tese de doutoramento sobre o tema. Neste interesante e ben fundamentado estudo, a autora compara as debilidades e fortalezas destas dúas linguas 'minoritarias', terminoloxía que habitualmente se utiliza para se referir a elas e non ao islandés, por exemplo, que posúe bastantes menos falantes que o galego e talvez que o gaélico. Este gozaría de maior protección institucional que o galego por ser a primeira lingua oficial do Estado, o cal constituiría o seu punto forte, en canto o do galego sería a súa condición de lingua aínda maioritariamente falada na Galiza. 

No entanto, ambas as afirmacións son matizábeis. Por unha parte, e baséome nas impresións persoais dunha recente viaxe a Dublín, non parece que a política gobernamental de protección do irlandés sexa na actualidade moito decidida ou comprometida, a termos en conta simplemente manifestacións externas como a rotulación, as publicacións escritas que se visibilizan nos quiosques, as programacións televisivas, o ensino etc., para alén do feito de a música tradicional que se escoita nos bares ser maioritariamente en inglés; acho que desde un goberno soberano se podería facer máis e na Galiza as persoas comprometidas adoitan exixirlle máis ao goberno 'autónomo'. Por outra parte, hoxe xa resulta infelizmente arriscada, a meu ver, a consideración do galego como lingua maioritariamente falada, pois a perda de falantes nas últimas décadas está a ser brutal, para alén do propio proceso de degradación interna da lingua. Como moito ben afirma a autora do libro, estas fortalezas aparentes de cada unha das linguas non garanten a súa sobrevivencia no futuro, pois ambas, xunto coas outras linguas das nacións celtas, están asociadas ao mundo rural e labrego, o cal lles resta prestixio nas modernas sociedades urbanas, a se constituír este nun dos seus puntos fracos. 

Constata a autora que a pesar de existiren diferenzas entre o galego e o irlandés debidas a factores macrosociais, ambas as linguas partillan moitos aspectos relativos a actitudes e ideoloxías lingüísticas, ben como unha historia sociolingüística en parte similar e común coa das outras linguas minorizadas de Europa. Porén, en canto o irlandés se mostra como un exemplo de declive inusualmente rápido dunha lingua, o galego polo contrario ilustra o caso dun proceso de substitución lingüística comparativamente máis lento. As dúas linguas foron fortemente estigmatizadas e os seus falantes sufriron penalización social e económica severa durante séculos. En ambas as sociedades as clases política e economicamente dominantes estenderon as súas ideoloxías lingüísticas ás clases inferiores, que foron asumindo actitudes negativas e preconceptuosas a respecto do propio idioma que falaban, de modo que nos finais do século XIX e nos primordios do XX os perfís sociodemográficos dos falantes eran moito similares, segundo a investigadora irlandesa. Foi neste século XX cando se produciron mudanzas políticas importantes nos dous países, con repercursións sobre as linguas, en Irlanda bastante antes -década de 1920- que na Galiza -arredor de 1980. O problema máis importante que se presentaba nos dous casos canto á planificación lingüística era reverter a situación de desprestixio das linguas e dotalas dun status legal que o fixese posíbel. En canto o goberno irlandés realizou nos primeiros anos de política lingüística unha forte intervención en prol do idioma propio, na Galiza realizouse unha política lingüística de baixa intensidade, como a definiu o actual responsábel gobernamental da materia.

Sabemos, pois, que no caso galego houbo unha escasa vontade realmente normalizadora por parte dos gobernos de Partido Popular, incluído o actual como o peor de todos eles, e aínda confiamos en que unha política lingüística máis decidida e coherente, levada a cabo por un goberno galego autenticamente comprometido co idioma propio, poida nun próximo futuro conseguir o obxectivo normalizador. Mais o exemplo irlandés debe servirnos de permanente alerta para non confiarmos todo á acción benefactora dun desexábel e futuríbel goberno amigo da nosa lingua e para incidirmos na responsabilidade social colectiva e no traballo e compromiso individuais. Se a profesora O'Rourke cualifica como strongly intervencionist a acción gobernamental irlandesa nun primeiro momento, os resultados finais desa política resultan descorazonadores, pois hoxe o gaélico só mantén unha presenza significativa nas Gaeltacht areas, en canto no conxunto do país apenas se fala e no mellor dos casos é aprendido como segunda lingua, correndo serio risco de desaparición. Por internet circulaba hai pouco un vídeo dun xaponés que decidira ir vivir a Irlanda e, após se informar de que a lingua oficial do país era o gaélico, púxose a estudalo até o aprender ben; mais cando chegou a Dublín ninguén o entendía nesa lingua "oficial". Felizmente, na Galiza isto aínda non acontece, mais pode acontecer nun futuro non moito lonxincuo.

Como en Irlanda? Nestes momentos mellor como en Islandia, tanto no plano sociopolítico e económico como lingüístico.

Emma Pedreira: "Non ten nada que ver co natural ese desequilibrio ao que se nos está levando"

Vai un anaco da entrevista que Manuel Vidal Villaverde  lle fai á poeta Emma Pedreira para o Galicia Hoxe. Para a entrevista completa premer na ligazón.



Semellemos unha viraxe, cecais aparente, de máis de 90º a babor, ou se queres a estribor; o barco navega por ese mar onde os fíos dos soños se enguedellan coas palabras. Falemos entón do noso idioma, da súa situación actual, do momento que vive mesmo acosado polos que ignorantemente mamaron do seu leite nutricio (non pode haber palabras, sintagmas prohibidos polo status mental da mediocridade). O Decreto de Normalización Lingüística, que foi derogado por este goberno do PP, coa aquiescencia mesmo "colonizados" e mesmo dos que se reclaman defensores da nosa lingua, "independentes asociados", e outros/as, etc., in nomine, polo menos para min, dunha falacia, dende logo non inocente, pero si ignorante e disparatada, dun bilingüismo adxectivado con edulcorantes tan perversos como desnortados, velos aí, máis ou menos en fileira de "a conga aí vén/a conga aí vai", harmónico, cordial, restitutivo ou natural (síntoo polo profesor e amigo Henrique Monteagudo), mentor das últimas adxectivacións aquí citadas. Así, a equiparación do trilingüismo xa transcende ao dislate, disparate. 
Unha sinxelísima ollada ao estado histórico da cuestión, ao meu ver, só admite estas dúas propostas para sancionar unha morte anunciada: Inmersión lingüística e polo tanto discriminación positiva a favor do galego que é o idioma hoxe ferido e en retroceso. Advirto que nun gusto da palabra e o feito discriminatorio, pero non deben de esquecer elas/eles, que aquí en Galicia ou Galiza, a discriminación, digo, xa se está a padecer hai moitos anos, e nunha soa direción que favorece ao castelán ou español, que ningún de nós-outros desprezamos, e moito menos desecamos exterminar, non ho! Perdón polo "discurso", Emma, quecín un chisquiño, e non nego a femencia, pero si a belixerancia, a violencia… Túa é , a palabra, a opinión, a resposta?
Aborrezo termos como o de restitutivo –empregado para calquera caso– e que semella o bico hipócrita e falsario que che dan despois dun dano feito á matenta. Harmónico, cordial, e demais adxectivos parécenme colocados para eliminar ou maquillar esa sensación de descompensación que se foi retorcendo sobre a situación da lingua até relegala ao punto da resistencia e a supervivencia. Non ten nada que ver co natural ese desequilibrio ao que se nos está levando, e cualificar como harmónica unha situación de opresión e de desprezo –de autodesprezo en grande parte– deixa entrever unha actitude tan humillante como a de pegar sorrindo. Penso que en cada unha das compensacións que se tratan de facer vai implícito un dano irreparable e previo. Esta adxectivación é puramente retórica e empapa cada termo dunha algo de burla sobre a situación; a situación lingüística, espida desa tal harmonía, cordialidade e restitución publicitarias, fica nun bilingüismo que non é tal, senón unha loita pola liquidación do máis feble, que ademais é avalada politicamente.

domingo, 29 de maio de 2011

Doentes

Así andan no audiovisual galego, doentes.
 Nunha cidade na que se exhibíu a mesma película en galego e en castelán, as cifras de asistencia na versión galega supoñen só un 10% do total de espectadores” explica Miguel Anxo Fernández, autor do estudo “Para un Informe sobre lingua e audiovisual en Galicia”. Dato para reflexionar.
Unha das conclusión máis importantes de Miguel Anxo Fernández é que  cómpre  crear unha rede pública de salas. “Salas institucionais públicas (concellos deputacións organismos) ou privadas (caixas de aforros, fundacións…). Esta rede permitiría unha mellor distribución de películas como Doentes, que vén de estrearse hai unha semana e  que tivo que afrontar problemas de rodaxe case insalvables. Doentes sofreu do mesmo caso que Rosalía, Castelao ou Fontán no Panteón de Galegos Ilustres.

Queremos galego, mais... sabémolo vender?

por Carlos Negro, en Terra e Tempo:

O pasado 17 de maio de 2011, na vila pontevedresa de Lalín, quen lles fala participou, como un colaborador máis, na mobilización expansiva organizada por Queremos galego co obxectivo de reivindicarmos o uso do noso idioma nos concellos, mais tamén de denunciar, dun modo colectivo e visíbel, as políticas de marxinación da lingua galega postas en práctica polo actual goberno do Partido Popular de Galicia.

Logo da celebración deste acto simbólico, e ao fío doutras convocatorias case idénticas, quixera facer públicas certas cavilacións que se cadra son froito do meu maxín afervoado, que tende case sempre a buscarlle cinco pés ao gato e tres patas á mesa; mais, por se acaso convidan a iniciar un proceso de reflexión sobre a necesidade de renovar as estratexias comunicativas en torno á defensa da lingua, procedo a poñelas por escrito, sendo consciente de que algún pau hei levar por non saber estar calado. Ou como aconsellaría un vello petrucio, con sabia prudencia: "Non metas os fociños nos asuntos da política".

Permitan, logo, que expoña as miñas divagacións a xeito de sucintos telegramas:

a) O modelo reivindicativo que vencella, unha e outra vez, lingua e nacionalismo presenta evidentes síntomas de esgotamento. Sempre nos reunimos as mesmas e os mesmos, en palcos e prazas semellantes, con lemas e consignas cargados de razón cívica e compromiso identitario, mais escasos de eficacia publicitaria. Dito doutro xeito: vendemos paraugas no deserto e frigoríficos no ártico. Ou como ben dixera aquel cacique indio dun relato de Eduarno Galeano logo de ter escoitado o discurso evanxelizador dos misioneiros católicos:"Eso rasca. Y rasca mucho, y rasca muy bien. Pero rasca donde no pica."

b) Resulta conmovedor que músicos, poetas e artistas de variedades sexamos o prebe de todos os pratos festivos, o adobío simbólico que igual vale para un roto que para un descosido; e aí seguimos, que tumba que dálle, ano tras ano: a soster pancartas e ler panfletos en público, mentres as nosos veciñas e veciños van á praia, pasean o can ou rifan de fútbol. Mais os tempos son chegados de que os manifestos a prol da lingua os faga públicos o panadeiro de barrio ou o promotor inmobiliario que nos vendeu o piso, e non un fato de poetas inspirado polo monótono fungar dos rumorosos.

c) Invocar os textos canónicos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ante un auditorio previamente convencido das súas bondades ideolóxicas e literarias resulta tan previsíbel como unha ladaíña que se recita de memoria para as devotas da novena, e que actúa máis como contrasinal relixioso que como catalizador de vontades. Dito doutro xeito: hai que renovar o repertorio para que o público, por moi fiel que sexa, non cambie de orquestra.

d) Un manifesto, como texto de intervención pública que procura conmover os ánimos dunha cidadanía necesariamente heteroxénea, non pode redactarse como se fose un memorial administrativo de ofensas e agravios, destinado a consumo militante, e desprovisto de elementos persuasivos como o humor e a ironía, a elegancia retórica e o esmero léxico, a apelación ao entorno afectivo das persoas que teñen a ben escoitarnos. Pois non se pescan troitas coas bragas enxoitas nin con discursos resesos na codia do estilo.

e) Por último, vai sendo hora de que ninguén, sexa cal sexa o seu grao de responsabilidade na defensa pública do idioma, se considere unha especie de cabaleiro da Táboa Redonda á procura do Grial identitario; pois, gústenos ou non, a sociedade galega contemporánea resulta un organismo demasiado complexo para reducilo a fórmulas de libro de texto, e só poderemos conquistar un futuro vizoso para o idioma desde a intelixencia política e a flexibilidade ideolóxica, sen dividir o país en bos e malos, en indios e vaqueiros, en mártires e verdugos.

Porque quizais, para derrotar o discurso insidioso que fomentan os sectores máis reaccionarios do nacionalismo españolista (que habelo, por suposto, hailo), a liña máis recta segue a ser un carreiro cheo de curvas. Unha corredoira de ideas anovadoras en troques dunha barricada de preceptos defensivos.

E quen queira entender, que entenda. E quen non, faga favor de seguir libremente o seu camiño.

sábado, 28 de maio de 2011

Wolof

Mais de 80% da poboación senegalesa pode falar a língua wolof. Menos do 10% pode escribila. 
A educación escolar realizada exclusivamente francés, e ésta é tamén a lingua dos medios de comunicación escritos, tanto en papel como en internet. Porén o francés só o  comprende o 20% da poboación, mentras que o wolof é a lingua vehicular da gran maioría dos senegaleses. Así e todo o panorama é moito máis complicado pois nese país aficano podemos atopar outras 14 linguas estudadas e codificadas  xunto a outro grupo de linguas de pequena difusión   (por exemplo o kobiana conta con aproximadamente 400 falantes). ata sumar un total de 37 falas distintas.


venres, 27 de maio de 2011

Aniversario da aprobación do Decreto de Plurilingüismo




Como por mor das leas internas a aprobación do funesto decreto de plurlingüismo, inicialmente prevista para despois do día das letras (20/05/2010), se retrasou unha semana, é hoxe (27/05/2011)  cando se cumpre un ano da súa data de posta en marcha polo Consello da Xunta. 
Para facer unha análise do que significa esta aprobación eu quédome con este debate, celebrado un mes antes, dentro do marco das XX Xornadas de lingua e literatura, que aínda que ten referencias á situación que se vivía naqueles momentos, é do máis lúcido que nunca se ten dito sobre o decreto que tan negras consecuencias está tendo no desartellamento da normalización e os usos da nosa lingua.
 Intervén Anxo Louzao (CIG-Ensino), Carlos Callón (Mesa pola normalización lingüística), Román Landín (Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística) e Xoán Costa (Presidente da AS-PG).

Anglovisión

por Manuel Núñez Singala, n´A Nosa Terra:


Sempre pensei que un dos aspectos que contribúen a facer grande esta vella Europa na que vivimos é o feito de estar constituída por un mosaico de países, de pobos, de culturas, de linguas... Europa é diferente (non sei se mellor ou peor, pero diferente) dos Estados Unidos, polo menos no que respecta á pluralidade lingüística e cultural. E creo que se trata dunha diferenza que aos europeos nos conviría non só preservar, senón tamén potenciar como unha riqueza inestimable e, polo que parece, cada vez máis fráxil.
Vén isto a conto porque no pasado Festival de Eurovisión sorprendeume comprobar que  a maior parte dos participantes empregaron unha única lingua para as súas cancións: o inglés. Tanto os alemáns como os rusos, os suecos ou islandeses, mesmo os italianos ou os bielorrusos, gregos ou romaneses... ata os gañadores da República de Acerbaixán triunfaron cunha canción en inglés. De feito, se non me engano, dos 25 países finalistas só Lituania, Serbia e Francia (cunha canción en corso) ademais de España, co agradecemento final de Lucía Pérez en galego, foron quen de lle facer fronte á presión do inglés.
Trátase dun indicio máis que sinala cara a unha sociedade plana, uniformada, pouco diversa, cunha lingua única e polo tanto tamén cun pensamento único, que me parece moi preocupante. Se as cousas seguen así xa non serán só as linguas chamadas minoritarias, senón axiña tamén as europeas máis faladas, como o alemán, o francés ou o español, as que comecen a sentir unha asfixia que, curiosamente, pode acabar resultando similar á que durante moitos anos elas mesmas provocaron

xoves, 26 de maio de 2011

“O PP non fai galeguismo cordial, o que fai é atacar a lingua”

Alberto Ramos entrevista a Ramón Lorenzo para o Xornal:


Ramón Lorenzo (Eirapedriña, Ames, 1935) recibirá este ano o Premio Trasalba 2011, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, celébrase a súa longa traxectoria como escritor e investigador. Lorenzo é catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos cofundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG), que a semana pasada celebrou o seu corenta aniversario. Ademais, Lorenzo é especialista en literatura medieval e creador da revista Dorna. É membro de número da Real Academia Galega e foi un dos compoñentes do grupo Brais Pinto, xunto a Fernández Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Herminio Barreiro. No último domingo de xuño, Ramón Lorenzo recollerá o premio Trasalba nunha festa ao redor da lingua galega.

Dá vertixe recibir un premio a toda u­nha traxectoria como é o Trasalba?
(Ri) Este tipo de premios recíbense sempre con alegría e con gran pracer. Estou encantado de que decidisen darmo.

Outra alegría para vostede estes días foi a celebración do corenta aniversario do ILG, do que forma parte vostede dende os comezos. Nese afastado 1971 pensaban que o Instituto se ía converter nunha peza clave para a normalización e estandarización do galego?
Adiviñar o futuro sempre é difícil e xa van corenta anos alá... O que tiñamos claro é que precisabamos facer algo a prol da lingua e que os métodos de galego eran algo fundamental que había que facer. Daquela non existía ningún e só había algunhas gramáticas, pero estaban en castelán e non respondían ás necesidades de aprendizaxe da lingua. Tiñamos esa conciencia de que había que facer ese traballo e de feito fomos facendo cada día máis. A propia creación do ILG respondía a unha conciencia que nos dicía que había que loitar neses momentos difíciles.

Hoxe a lingua vive tamén momentos difíciles?
Son momentos bastante difíciles, a situación non é nada boa. As autoridades políticas que nos mandan actualmente non están polo labor de potenciar o galego. Sabemos que o PP non ten interese ningún pola fala. O equipo actual segue totalmente as consignas que veñen de Madrid. Non o faría mellor o PSdeG, porque os dous son partidos nacionalistas españois que non teñen interese polas outras linguas do estado. Nos momentos actuais non se fai un labor positivo, mais ben todo o contrario.

A semana pasada escoitamos da boca do presidente da Xunta varios conceptos referentes á lingua e ao galeguismo. O Día das Letras Galegas, Feijóo dixo que Lois Pereiro era símbolo do “galeguismo cordial”. O día antes, rexeitaba o “galego de resistencia”. Que pensa destas palabras do presidente?
É un absurdo que xa non ten nada que ver coa realidade. Está claro que el sabe falar moi ben e que todo o PP ten unha dialéctica tremenda para terxiversar a realidade. Eles, os do PP, non fan ningún galeguismo cordial nin da cordialidade, o que fan é atacar o galego. Fan todo o contrario. Nós non facemos galeguismo de resistencia, o que facemos é defender a lingua. O PP terxiversa a realidade e logo convence a moita xente de que nós somos os malos e eles, os bos. Nestes momentos, nos que fan todo en contra do galego, oxalá houbese un galego e un galeguismo de resistencia forte. E que o pobo reaccionase máis.

Este Ano das Letras foi un ano moi activo ao redor de Lois Pereiro. Hai medo na Academia de que o próximo ano toda esa actividade desapareza? Imaxino que dependerá de a quen se escolla, non?
Sempre depende da elección. Uns nomeados sempre teñen máis capacidade ca outros para reunir a xente e que se fagan actos. Este ano estaba condicionado tamén pola vida deste home, non só pola súa obra, que estaba formada por pouca literatura... Iso si, pouca, pero boa literatura. Tamén podemos supoñer que todos estes actos teñen que ver coa situación lingüística. Eu espero que vaia a máis non só o Día das Letras, senón todo o Ano das Letras.

Nos últimos meses houbo un debate ao redor da presenza feminina na RAG. Que opina deste debate como académico?
E por que non falan da presenza feminina noutros eidos? A Academia non é unha institución para meter homes ou meter mulleres. Na Academia entran personalidades pola súa traxectoria e non temos que estar pensando en que ingrese un home ou ingrese unha muller. Por que non se fala diso en todos os sitios? É unha cousa absurda. Ademais, se miramos a cantidade de escritoras que houbo, non agora, senón antes... Pois vemos que non hai tantas para poder escoller. Antes había máis escritores e menos escritoras, lamentablemente. En fin, a min non me gustan estas polémicas. A RAG non é un partido para falar de cotas nin de porcentaxes.

Made in Galiza, máis que un libro

Escrito por Séchu Sende e publicado por Galaxia, "Made in Galiza" foi o gañador do Premio Ánxel Casal ao libro do ano 2007 concedido pola Asociación Galega de Editores. É unha obra literaria pero tamén é un libro para aprender e pensar a sociolingüística. Trátase, en definitiva, dun texto de obrigada lectura para todo o mínimamente interesado na cultura en Galicia e ademais moi acaído para ser libro recomendable no ensino secundario.
O seu éxito de público é indiscutible como demostran as seis edicións en tan só tres anos. No 2010 publícase a súa tradución ao curdo, co título "Nin en soños vou perder a miña lingua" (Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim).
Pois agora, grazas a Pilar Ponte, A Profa, e á AELG, o "Made in Galiza" conta cun complemento educativo multimedia que nos achega vídeos, información, reflexións, ...., un blogue  cunha chea de recursos para disfrutarmos aínda maís deste libro que non pode faltar en ningunha biblioteca nin no pouso cultural de ninguén.
Pois agora, a ler o libro, e a remexer neste blogue.

As matemáticas teñen o seu porqué en galego

Cartafol é o nome dunha publicación sobre o ensino galego que lle dá especial relevancia á normalización. O seu primeiro número foi recibido nos centros escolares no mes de febreiro. Se hoxe o comento aquí é porque vén de publicar no seu último número un artigo sobre o uso do galego nas aulas de matemáticas. Para botarlle un ollo tanto ao artigo como a este semanario ao que, por certo, pode conseguirse mediante subscrición.
as matemáticas teñen o seu porqué en galego

mércores, 25 de maio de 2011

Carta a Mar Pereira: galego máxico e desesperado

Para entender mellor esta carta aberta a Mar Pereira, Secretaria Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica cómpre coñecermos os antecedentes. Non hai que buscalos moi lonxe pois podémolos atopar entre a restra de mentiras habituais da política lingüística deste noso país, concretamente as divulgadas por mor dunha xornada de carácter político-propagandista, revestida de normalización das novas tecnoloxías que se celebrou o pasado 19 de maio en Compostela e que debullei un pouco máis abaixo, neste mesmo blogue. Só agradecerlle a Miguel Bouzada as aclaracións que publica en Galicia Confidencial:

Non podemos asumir nin perdoar que se diga que o Plan de Acción de Fomento do Software Libre facilitou desde o 2010 que a Asociación Proxecto Trasno fixese un “importante” traballo ao traducir ao galego “diversos” aplicativos... é indignante a desinformación e imperdoable a ignorancia.
Por se non o sabe, o labor de galeguización de software, tamén o libre, ten décadas de tradición. Linux Torwalds crea Linux en 1991 e durante os anos 90 xa centos de galegos comprendendo a importancia do que significaba ter software en galego e a necesidade dunha Galicia dixitalizada se autoorganizaron para non perder tamén, como coa imprenta, este último tren para a sociedade galega. Quero lembrar cando menos o traballo de tradución durante moitos anos de Proxecto Xis, Galego21, Plataforma polo galego na informática, Ciberlingüa, GPUL, GLUG, Linux en Galego (LeGAL) e ultimamente Trasno (1999) así como de ducias de persoas individuais e con achegas concretas nunha cantidade inimaxinable de ferramentas e proxectos.
O monstro burocrático e as autoridades da Admón. responsables do idioma e da formación dos cidadáns estiveron clamorosamente ausentes. Estiveron dedicadas a asuntos transcendentes que xa ninguén recorda e financiando recursos para gardalos en sotos. O galego está nas TIC pola visión histórica da sociedade civil.
Hai que chegar nada menos que ao 2006 para ver a primeira participación da Xunta de Galicia neste ecosistema ao que entrou aplicando apisoadora, desprazando o traballo dos tradutores, financiando egos persoais de xente allea á comunidade e creando conflitos nun intento fracasado de ocupar de golpe o seu lugar. Outra vez, permítame dicilo humildemente, foi a sociedade arredor do Software Libre a que reconduciu a situación institucional a onde se necesitaba para sumar esforzos, crear vías produtivas, evitar desvaríos e por fin abrir o ámbito da Administración ao software que, por calidade e custo, é compatible co interese público, chegando a instituír e proxectar recursos para a creación das solucións que necesitamos.
No 2009 sofre de novo este ecosistema da galeguización de software unha agresión brutal, antieconómica, inxustificable, sectaria desprezando o que a comunidade: tradutores,  desenvolvedores, divulgadores, formadores, empresas, institucións e usuarios tiña logrado e suprimindo a única canle de cooperación porque na súa ignorancia non soubo ver a diferenza entre xestión política e xestión institucional.
Agora di vostede que Trasno fixo algo importante traducindo varias e inconcretas cousas. Falamos de case 15 anos de desprezo da Administración que xa son abondo como para que agora veña, señora, a insultarnos cunha inconcreción como "diversos" .O grupo Trasno é o primeiro que propón converterse en equipo “oficial” recoñecido internacionalmente por GNU. Esta é unha diferenza específica de Trasno fronte a todos os demais grupos de galeguización. Hoxe en día este colectivo representa dignamente a Galicia no ámbito internacional nos proxectos de software de maior proxección social.
Miles de aplicativos, centos de miles de cadeas, millóns de palabras en galego en proxectos que son sostidos hoxe ou teñen vinculación actualmente co Proxecto Trasno: Mozilla (Firefox, Thunderbird, Fennec,...); Chromiun (1ª tradución mundial do navegador e sistema operativo); Calibre (xestor de libro electrónico); Abiword, Koffice, OpenOffice.org, LibreOffice, Ubuntu (el só máis de 3.000 aplicativos onde o galego ocupa o posto 15 a nivel mundial), Fedora, Debian, GALPon MiniNo, Linux Mint, Mandriva, openSUSE, Gnome (o galego entre os 10 primeiros do mundo), KDE, LXDE, Xfce, CMS (Spip, Drupal, Joomla …); Translation Project; Locamotion (TTK); ROX-Filer; iceWM; Inkscape; FileZilla; Xogos: 0 A.D., 4DTris, Atomic Tanks, A batalla por Wesnoth, DccNiTghtmare, Enigma, FlightGear (e ducias máis)... para que seguir?
O 80% do software en galego que se usa é Software Libre. O software máis usado en galego en calquera ámbito é froito do traballo da Asociación Trasno; é tamén froito de Trasno máis do 95% do software actual libre, aberto, de balde e en galego. E iso é así desde hai anos, sen recibir ata o de agora ningún tipo de recoñecemento substancial nin axuda básica por parte dos responsables das políticas de promoción do noso idioma. Creo que debe ser para non sentir vergoña.
O voluntariado que traduce software en galego desde hai máis de 20 anos é o responsable do 90% do galego nas TI. Se se financiase o SwL como se fai co privativo, todos os cidadáns poderían optar polo galego en calquera situación. Se os proxectos lingüísticos e de software financiados con diñeiro público tivesen asociada unha política de cumprimento dos estándares e de licenzas libres (que protexen a propiedade intelectual) o galego podería gozar dunha situación de vangarda tecnolóxica, un inmenso celeiro de recursos e servizos aos cidadáns que se poderían reutilizar, mellorar ou adaptar a plataformas e tecnoloxías do porvir e constituiría para Galicia un sector económico de innovación a escala mundial.
O proxecto Abalar é un acerto pero estase implantando con miras de curto alcance. As traducións dos programas para que se poidan utilizar en galego fanas os voluntarios sen ningún tipo de compensación. A sostibilidade do galego nun proxecto tan oneroso e importante non está garantida.
Falla estrepitosametne a credibilidade da súa política, moita propaganda e poucos efectos prácticos: Ese Plan non debe ser grande cousa cando a inmensa maioría da poboación non sabe nin o que é o Software Libre aínda que o utilice a diario na Internet. A única voz que se escoita é a da Admón. autonómica, por que? A súa propia Admón. emprega software privado e en castelán nas actuacións públicas. Non se corrixiu a politización da acción da Admón. Neste campo, séguese desmontando o que funcionaba moi ben e cortando a evolución de proxectos galegos claves de innovación e galeguización, protexendo o elitismo ante unha sociedade que xa decidiu non esperar a que os respecte e que os supera, e cada contrato que asina amplía os complexos sobre a capacidade dun desenvolvemento autocentrado.
Galicia estivo sempre chea de persoas emprendedoras, xenerosas e cunha mentalidade permanentemente aberta ao mundo, do que participa sen renunciar á súa galeguidade.
Vostede non está proxectando Galicia internacionalmente, nin conectando a sociedade galega coas demandas do sec XXI, vostede está proxectando en Galicia a empresas foráneas, someténdose a multinacionais diversas que non crean nin un posto de traballo no país e que non supoñen ningunha adquisición de capacidade e coñecemento tecnolóxico con valor creativo, de futuro, alimentando intereses alleos ao desenvolvemento propio dos galegos, que é moi diferente. Chámanlle política bananeira.
Haberá que dicilo claramente. O Software Libre e en galego non é unha opción, é imprescindible. Afortunadamente está a salvo de manipulacións políticas aínda que haxa políticas que o combaten. Está aquí para quedarse máis que os políticos de oportunidade. Vostede quizais crea que está chegando á xente pero non, protagoniza como moitos neste Goberno unha política de bandazos, elitismo, agresións e descoordinación brutal entre departamentos, sumando incompetencias, molicie e desenfoques de todos eles.
Pero sobre oportunismos hai algo máis que dicir. Aproveitarse do traballo da comunidade de Software Libre para os seus proxectos políticos sen asumir a súa cultura participativa á hora da formación da vontade e acción pública, sen garantir aos cidadáns galegos sequera que a súa Admón. se responsabiliza de ofrecer os medios para que se poida usar en galego é unha fraude política, socioeconómica e cultural.
A comunidade non fai maxia e necesita recursos, perspectivas prácticas de emprego, desenvolvemento profesional e empresarial, respectabilidade, como os que a Admón. ofrece ás grandes empresas para beneficio dos seus propietarios. Non nos dedicamos ao negocio económico e cremos que tampouco debería ser obxectivo das políticas públicas axudar a cadrar balances das corporacións privadas estranxeiras que teñen un nulo compromiso coa sociedade galega. Non se engane, non é ese o beneficio que debe procurar e igual que vostede agora pasa por riba dos demais, virán outros que tirarán por terra incluso o bo que vostede poida deixar. Son vostedes así.
O Software Libre non ten propietarios, claro, senón participantes, comunidade de ámbito global, aberta a todos, plural e meritocrática de onde todos e todas tomamos e que se realimenta do mellor de todos, progresando responsablemente. Competindo con igualdade de armas e transparencia. Usar, adaptar, aproveitar é algo pero remata nunha visión pobre e acomplexada sobre o Software Libre. Galicia debe contribuír, crear, compartir como mínimo en dúas facetas para construír a sociedade que queremos, un mundo máis xusto, cálido, libre e sustentable: innovación e  galeguidade.
Así o leva facendo Trasno desde hai máis de 10 anos en “diversos” aspectos.

O 22-M do galego

por Iria Taibo Cosarnego, en Terra e Tempo:

Estes días vai ser difícil escribir algo no que non teña protagonismo o resultado electoral. Tamén falando de lingua. A importante suba da dereita, en votos e en poder real, ten un significado e, sen dúbida, terá consecuencias tamén para a nosa lingua.

Seguramente, unha das cousas que dan que pensar no día despois das eleccións é se a cuestión do idioma tivo algunha incidencia no resultado. Sobre todo, porque nos últimos meses este tema está a ter un protagonismo importante entre os debates públicos. De ser así, por que? 

Durante a campaña das autonómicas e a posteriori, xa o Partido Popular asumira a importancia das súas posturas a respecto do galego na consecución da súa maioría. Nas cidades, sobre todo nas que o PP consegue agora a absoluta, presentan candidatos cun discurso moi abertamente anti galego. Unha vez máis temos o exemplo do paradigmático caso da cidade da Coruña, polo simbolismo que neste tema inevitabelmente ten. O presidente da Xunta fala, en campaña, sobre a posibilidade de levar ao Parlamento o cambio da lexislación en canto ao topónimo da cidade. Por fortuna, Carlos Marcos, que co seu partido Unión Coruñesa prometera cambiar a Concellaría de Normalización Lingüística pola de "Normalidad", quedou sen representación no concello, mais ese discurso tivo uns tremendos altofalantes durante a campaña. Mais falabamos aquí tamén do significativo lema electoral dos populares coruñeses: "Ayer por Galicia, ahora por La Coruña". 

O preocupante é, precisamente, por que a cidadanía dá o seu apoio a estas opcións tan abertamente belixerantes contra unha lingua que continúa precisando protección por parte dos poderes públicos. 

Pode ser que á cidadanía non lle interese en absoluto este tema, por moitos motivos. A dereita, mais non só, esgrimiu a crise como argumento para cuestionar (e en moitos casos reducir) o gasto público destinado, por exemplo, á promoción do galego. É un argumento demagóxico e hipócrita, se revisamos outros ámbitos nos que estes aforradores non están dispostos a deixar de investir nin un só euro. Podo poñer por exemplo, arriscándome a ser impopular, o fútbol profesional. Canto diñeiro público se inviste e cantos impostos se perdoan aos equipos (insisto, profesionais), que teñen perfectamente capacidade para conseguir polos seus propios medios fondos procedentes da publicidade, por exemplo. 

Outro dos motivos pode ser tamén que a imaxe de conflito, alentada pola propia dereita, cree rexeitamento nunha parte da cidadanía, non especialmente concienciada con esta cuestión. É algo que podemos escoitar frecuentemente nas tertulias políticas, porén a participación de persoas castelán falantes ou non vinculadas habitualmente á defensa do idioma nas mobilizacións destes últimos meses podería desmentir, cando menos en parte esta teoría. 

Outra posibilidade é que verdadeiramente desde as institucións non se visualice unha defensa decidida do galego. Un exemplo pode ser o da Coruña, onde unha parte do goberno usa o galego habitualmente e fai bandeira del, mais o rueiro e a documentación da propia institución continúa estando case totalmente castelanizada, e a outra parte do goberno nin sequera usa o galego nas súas intervencións públicas. 

A respecto disto, hai no ar outra dúbida. Quen defende o galego "pásase" por exceso ou por defecto. Pode ser, e de feito hai, tanto quen pensa que é un erro apoiar o goberno dun partido que continúa sen desprenderse da herdanza do lacoruñesismo. Tamén hai quen pensa todo o contrario, que só desde as institucións é posíbel facer cambios, e que estes deben facerse aos poucos. 

Exactamente igual que entre as persoas que defenden o galego collen tanto as que pensan que só se cambia a tendencia en descenso da mocidade co galego a través de políticas de "sedución", evitando esa asociación co conflito, e quen pensa que a iso hai que sumarlle a reivindicación, ás veces desagradábel mais tamén necesaria. 

Haberá que pensar en todas estas cousas, respectando moito o criterio e a opinión duns e outros. E mentres tanto, terémonos que alegrar de escoitar o novo alcalde da Coruña dicir que o do topónimo "aún no toca". 

martes, 24 de maio de 2011

Letra en obras

Non é unha revista de crítica literaria, nin un guieiro de novidades, nin unha editorial ou unha tenda de libros. O portal letraenobras.com naceu da man de tres xornalistas do desaparecido Vieiros coa idea de abrir unha fiestra aos novos autores da literatura galega.
Presentouse o pasado 17 de Maio, e para termos unha mostra do que pretenden xa podemos descargar un arquivo en pdf ou epub con 17 relatos. Pero hai moito máis, e promete renovarse cada pouco.
Para botarlle un ollo, e non perdela de vista.

Falando galego por aí fóra

por Manuel Vidal Álvarez, en Terra e Tempo:

Cando ando por aí fóra procuro sempre dicir de onde son: de Galiza, e cal é o meu idioma: o galego. Así a finais da década de 1980 andaba por Londres. Para afondar no coñecemento de certas materias e do inglés, matriculeime nuns cursos de antropoloxía. Nunha das clases o primeiro día o profesor, recordo o seu nome Theodore Abrahans fillo de exiliados etíope e eritrea, pediunos que nos presentáramos e dixéramos os motivos polos que escolléramos aquel curso. "Eu chámome tal e son da India, veño a este curso porque quero ir de misioneiro ás illas Maldivas e gustaríame ter uns coñecementos de antropoloxía". Esta foi, máis ou menos, a presentación dun compañeiro que andaría polos corenta. Nun descanso pregúntolle: "de onde es da India?" 

A miña pregunta non tiña máis interese que non estar calado durante o breve tempo de descanso ao lado dun compañeiro, xa que os dous, os únicos que non éramos ingleses, estabamos na última fila da aula. Non era a miña intención falar da India, pois os meus coñecementos dese subcontinente eran e son máis ben escasos. A resposta foi: "son de Goa". E seguimos falando: "Entón aínda fostes a escola en portugués?", pregúntolle. "Si", dime, "son da última xeración escolarizado en portugués, fáloo, pero raramente". Entón fálolle en galego e respóndeme en portugués. Unha compañeira inglesa, algo sorprendida pola lingua que escoita, mira para nós e pregúntanos en que idioma falamos. Respóndolle que eu na miña lingua materna e el na da escola. Entón queda aínda máis sorprendida e dime: "pero si ti es spanish e el da India". "Pois falamos unha lingua común", díxenlle. Pensou que estaba de broma, pero díxenlle que non.

Algunhas veces ía a un pub no norte de Londres, máis alá dos estadios onde xoga o Arsenal e Tottenham, un barrio de emigrantes irlandeses, gregos e doutras minorías. Naquel pub, moi estartelado, facíanse actos sobre diversas causas, como a irlandesa, por entón moi represaliada. Eran os tempos duros da Dama de Ferro e ser irlandés era delito. Lembro unha noite agardando polo metro para volver á casa. Era tarde, para os horarios ingleses, e estaba só sentado nas profundidades da estación. Non hai ruído, escoito voces que me chegan por un dos túneles de acceso á plataforma. Ao pouco distingo claramente que o que escoito é xente falando galego. Unha noite londiniense, unha estación de metro nun barrio periférico e só se escoita falar galego. Vexo chegar a dous rapaces, seguramente fillos de emigrantes que aínda non esqueceron o seu idioma materno nesta urbe e fálano con normalidade. 

Unha sensación semellante sentín cando na porta dun colexio neoiorquino escoitei falar galego. Eran mulleres de Carnota emigrantes na gran mazá agardando polos fillos. Pregúntolle a unha señora, que agardaba polo neto, cantos anos levaba alí: "ui filliño trinta e pico, pero falar fáloche como cando cheguei". Non esquece a súa lingua, nin a súa casa. Esta é a que está en Carnota e na que pasa só un mes ao ano, o resto pásao nunha casa no barrio de Queens, pero nesa casa na que vive 330 días desde hai case corenta anos non é a "súa casa", a súa está neste lado do Atlántico e "cando a arreghlamos non o fixemos ben, porque non temos un sitio pa ghardala leña", aínda que no verán non precise leña e no inverno nunca estean aquí.

Un caso distinto pasoume no aeroporto londiniense de Gatwick. Agardaba un voo que me trouxera de volta á casa e que se tiña retrasado varias horas. A noite íase cando nos dixeron que podíamos embarcar. Pasamos o control e entramos nunha área onde había un bar. Entón escoito a un home dicir: "Aquí tamén hai un bar. Queres tomar algo?", dirixíndose a un mozo. E este respóndelle algo así como: "I´m not thirsty, I´m just hungry", que non tiña sede, que tiña fame. Ao que o señor, supoño que o pai, lle responde: "Carallo, xa tes fame outra vez". O galego xa non era o idioma vehicular deste mozo, mais o pai faláballo, cousa que outros non fan na emigración porque os fillos "nono entenden xa", como ocorre na Casa Galicia Unity Gallega of the U. S. de Nova York, á que axudou fundar Castelao no seu exilio neoiorquino e antes de marchar para a "Galiza ideal". Algunhas das actividades que organizan, como os cursos de pandeireta e gaita, son xa en inglés. 

Hai uns anos tiven que montar unha exposición nunha cidade da Terra Ancha. Pregunteille á persoa relacionada coa sala por alguén que puidese axudarnos. Faloume dun mozo universitario que coñecía e que podía estar interesado. Ao día seguinte pola mañá alí estaba o mozo. Como os meus compañeiros eran galegos falábamos entre nós na nosa lingua e, cando o facíamos, o mozo mirábanos con cara de moi sorprendido. Entón quero preguntarlle que pasa, pero xa me espeta: "¿por qué hablais en gallego?". Dígolle que é como sempre falamos entre nós. Entón dime: "pero no estais en Galicia". "Si, xa o sei, pero ti cando non estás aquí e estás cun amigo seguro que falas castelán". Entón dime que lle parece de mala educación que non falemos castelán, que podemos falar mal del e que non se decata. "Síntoo", díxenlle, "non teño motivos para falar mal de ti, pero tampouco para falar cos meus compañeiro na túa lingua. Imaxínate, si en vez de estar aquí estamos en Berlín ou en Atenas, pensas que íamos falar en alemán ou grego?". E seguimos falando en galego.