Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 29 de xullo de 2011

Bilingüismo hipócrita

Nin equilibrado nin harmónico, o adxectivo máis acaído para explicarmos o bilingüismo en Galicia é hipócrita.
Non fixen grandes estudos para chegar a esta conclusión, tampouco consultei manuais de sociolingüística nin as estatísticas da RAG ou do Instituto Galego de Estatística. Decateime de súpeto desta evidencia o domingo pasado cando fun á compra ao mercado de Cee, e supoño que calquera que esté un pouco atento pode contar capítulos semellantes ao que relato aquí e que demostran ben claramente como se desenvolve a relación entre o galego e o castelán na sociedade galega. No caso de estar eu no certo estaríamos diante dunha sociedade enferma de hipocrisía que cómpre tratar desvelando aquelo que se oculta continuamente para que abrolle a realidade espida de finximentos pois unha sociedade hipócrita é unha sociedade autodestrutiva.
En Cee hai feira os domingos. A vila énchese de xente e nun dos postos de peixe do mercado estabamos moitos agardando o turno. Levaba polo menos dez minutos agardando. Foi cando a dependenta da pescadería limpaba unha pescada do pincho cando unha muller cunha chaqueta vermella se achegou pola miña dereita e berrou abrouxándome o oído:
- Mira, perdona. Sólo quería saber a cuanto están los bueyes.
- A diez el kilo -contéstalle a dependenta sen deixar o seu traballo. Todos nos enteramos do prezo do marisco.
Ao pouco a parella da muller da chaqueta vermella xúntase ao grupo e, en voz baixa, que eu puden oir por estaren á miña beira:
- Que? levamos bois?
- Non. Están a des. Non sei que che parese,.... será mellor procurar outra cousa - contestoulle ela. E marchan ao tempo que chega un home con botas de auga e cunha caixa de xelo. Entra no despacho e repárteo entre as caixas expostas.
- Le parto la cabeza a la mitad? - preguntaba en voz alta a peixeira á clienta que estaba atentendo nese momento.
- ... si. Mejor si. A la mitad.
O home das botas de auga murmúralle á peixeira ao marchar cando pasa ao seu carón:
- Coidado co machete, que está ben afiado.
- Xa teño conta, xa teño - respóndelle ela, tamén moi en baixo. Entón diríxese cara a min e continúa, pero agora falando claro e alto:
- Es usted el siguiente, no?

xoves, 28 de xullo de 2011

Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas

Libro da AS-PG editado por Xistral no15 de marzo 1980, na véspera da celebración da marcha sobre o Foxo (A Estrada) baixo o lema "polo uso irrenunciabel do noso idioma, contra o decreto de bilingüismo", convocada pola Asamblea Nacional de Ensinantes de Galicia.
Autores: Luís V. Aracil, profesor de sociolingüística da Universidade de Barcelona,  María Pilar García Negro, profesora no Instituto Eusebio da Guardia, Francisco Rodríguez, profesor no instituto d´A Estrada, Pilar Vázquez Cuesta, profesora da Universidade de Salamanca, e Carvalho Calero, profesor da Universidade de Santiago.
Un libro para ler coa perspectiva dos 31 anos xa pasados desde a súa publicación.

martes, 26 de xullo de 2011

Entre bois

Unha de Davila que me quedara no arquivo desde hai ben de tempo pero que desafortunadamente sempre é actual:

luns, 25 de xullo de 2011

Ángel Carracedo, ciencia en galego

Acabo de poñer aquí abaixo un post sobre as Medallas de Galicia. Este ano danlle unha a Ángel M. Carracedo, director do Instituto de Mecidina Legal da USC. Todos os recoñecementos son poucos para este científico galego que se sinte orgulloso de o ser.
Cantos outros sabios galegos colaborarian nunha campaña como a de En galego tamén se fai ciencia?


Ángel Carracedo from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Cara e cruz das medallas galegas

por Xulián Maure, no Xornal:


Este vello Reino de Galicia, que, segundo as estatísticas oficiais dos últimos quince anos, no seu movemento vexetativo vén perdendo máis de sete mil nativos por ano, celebra hoxe o Día da Patria cunha serie de actos, cerimonias e festexos. Este ano, o presidente da Xunta e outros servidores públicos que temos decidiron distinguir coa Medalla de Galicia o Instituto da Lingua Galega e o profesor Ángel María Carracedo Álvarez.
As caras destas dúas medallas non poden ser máis dignas de celebración e recoñecemento colectivos. Todos os habitantes de Galicia podemos sentir orgullo e maior estima despois dos 40 anos de traballo arreo do Instituto da Lingua Galega, que levou o noso idioma ós máis altos niveis dos estudos lingüísticos e promoveu a produción masiva de instrumentos de aprendizaxe da nosa lingua, mediante o asesoramento xeneroso a investigadores, escritores e editores.
Todos os habitantes de Galicia somos e podemos sentirnos máis universais como galegos ó sabermos que o profesor Carracedo, na vangarda da xenómica clínica, dirixe un equipo internacional no que traballan centos de investigadores pertencentes a dezaseis nacionalidades.
Este profesor é o mesmo que apadriña unha promoción de alumnos da universidade da capital de Galicia; é o mesmo que vai de pregoeiro na I Festa Celta de Santa Comba; o mesmo que dá unha conferencia e comparte ­unha cea no Instituto de Estudos Miñoranos. Este galego universal, doutor honoris causa por varias universidades, e o Instituto da Lingua Galega pertencen á cara máis fermosa simbolizada na mellor medalla institucional e pública que poidamos outorgar os galegos.
Outra cousa é a cruz das nosas medallas nestes últimos anos. Os criados públicos que escollemos os galegos e que Galicia contratou para este cuadrienio non saben o que é a fidelidade ó noso.
Prepotentes na súa ignorancia lingüística negan nos primeiros anos da escola a unión entre a nosa lingua, as ciencias e matemáticas, tan compatibles na mente do profesor Carracedo. Cun decreto de falso plurilingüismo desprezan 40 anos de traballo de mestres, artistas, escritores, tradutores, xornalistas e investigadores que tiñan e seguen tendo o Instituto da Lingua Galega como referencia segura da nosa lingua.
Esta cruz dos negativistas do noso patrimonio, que tan destemidamente denunciou o escritor galego e universal, Agustín Fernández Paz, é un coitelo envelenado para todos aqueles que queremos celebrar co ILGA e con Carracedo este Día da Patria coa esperanza de que nesta terra naza e medre xente nova sen que teñan que renunciar á propia fala deste vello Reino de Galicia

Patrimonio da humanidade

Xosé María Lema imparte clases nun instituto da miña vila. Cada vez que leo un artigo seu sinto pena porque os meus fillos pola escola á que lle corresponde asistir, non vaian ser alumnos seus. Só recomendar isto que publicou no Xornal o 20/07/2011:


POUCO QUEDA POR DICIR do roubo do Códice Calixtino da catedral de Santiago. Seguramente traerá consigo unha teima esaxerada por ocultar os tesouros artísticos en vez de amosalos ó público, cando precisamente o que desapareceu foi aquilo que estaba agochado á vista do común da xente. Estou seguro de que se estivese exposto nun museo de forma permanente, coma tantas obras de mérito, isto non tivese acontecido.
O lado positivo –se é que o hai– é que a sociedade galega soubo que en Galicia tamén temos un patrimonio importante, e non só unha cultura ensimesmada que os propios gobernantes foron os primeiros en subestimar. A ver se tamén serve para nos decatar de que non só nas catedrais hai un patrimonio artístico valiosísimo; tamén o hai na zona rural e está moi desprotexido. A resultas da miña tese de ­doutoramento sobre a arte relixiosa dunha comarca galega, escribín varios artigos na revista Encrucillada denunciando o perigo que corrían os arquivos parroquiais polo abandono das casas reitorais; mesmo avisara de desaparición de dous deles, pero ninguén dende o Arcebispado compostelán se preocupou moito.
Eran os anos noventa. Sen remontarnos tan atrás, desde novembro de 2008 levamos enviando varios escritos á Dirección Xeral do Patrimonio e á Consellería de Cultura solicitando a declaración de BIC –e, polo tanto, a protección– para un dos cruceiros máis antigos e máis artísticos de Galicia, o dos Santos (Vimianzo), unha verdadeira xoia gótica do século XV con nove figuras na cruz. O silencio administrativo foi a resposta. Ó estar nun camiño de monte a obra está en perigo constante; cando o rouben ou destrúan virán os lamentos. Desde que se coñeceu o roubo do Calixtino afloran os comentarios dos voceiros políticos e dos articulistas de todos os xornais. Case todos coinciden en que é un ataque, un duro golpe, á identidade dun pobo (galego, español e universal): “Nos han arrebatado ese cimiento de memoria, conciencia e identidad; es como si nos hubieran quitado la parte más sensible de Galicia”. Nos foros de opinión dos lectores hai de todo: desde o que lamentan fondamente o roubo ós que lle quitan importancia, que non é para tanto.
Non falta quen mesmo reacciona con xenreira contra os galegos que non saben valorar un tesouro bibliográfico coma o Códice: “Con gente así de ignorante uno se explica el atraso de los gallegos”. Non é nin máis nin menos que o resultado dunha educación orientada a subestimar o propio e valorar o alleo.
¿De que nos estrañamos se é o mesmísimo goberno galego actual o empeñado en rebaixar todo o que soe a símbolo de identidade galega: lingua, historia, himno… Mesmo as seleccións deportivas foran cualificadas por un alto cargo de “circos identitarios”. Recóllese o que se sementa. Un dos comentarios máis repetidos de indignados foi o seguinte: “No hace falta ser muy nacionalista para defender nuestro patrimonio”. Certo. O propio presidente da Xunta, como é lóxico, non quedou atrás á hora de lamentar o roubo deste documento de “enorme valor, tanto desde el punto de visto histórico, como para el patrimonio de Galicia, de España y de la humanidad”.
Fago miñas as súas palabras, pero tamén me alegraría que o señor presidente aproveitase para reflexionar sobre a lingua galega, que tan pouco parece valorar: ¿e logo ela non será, señor presidente, tan patrimonio de Galicia, de España e da humanidade coma o Códice? Algúns compararon o Calixtino co Pórtico da Gloria, pero Castelao chegara a valorar a nosa lingua máis que a catedral de Santiago.
O goberno do señorFeijóo dende que tomou posesión non fixo outra cousa que lexislar contra a mellor obra colectiva do pobo galego: o seu idioma milenario. Visto o pouco que o aprecia, un xa se conformaría con que polo menos o deixase en paz, que non lle faga máis dano, porque, como afirmaba o xornalista Fernando Ónega ó fío do Códice: “Lo malo es que nos damos cuenta [del valor] cuando el daño está hecho y no cabe reparación”. Xa sabemos, señor presidente, que vostede non é responsable da protección do Códice; pero da lingua –tan patrimonio da humanidade coma o Calixtino ou a catedral compostelá– si.

Misa e foguetes

por José Luis Sucasas, no Xornal deste 23/07/2011:


A últimos do mes de xuño asistín a unha cerimonia relixioso-festeira dun familiar da muller. Recibe o nome de Sacramento e, que eu saiba, é tradición endémica da comarca do Salnés. E non de todo o Salnés, senón das parroquias do rural e non todas. Así, en poucas palabras, a cerimonia en cuestión vén sendo a renovación do compromiso matrimonial, con oficio relixioso, banquete posterior, bombas de palenque e incluso agasallos dos asistentes. Algo así como as populares vodas de ouro ou prata, coa diferencia que o Sacramento está institucionalizado dentro da parroquia, e agás solteiros e outras excepcións, tódolos veciños rematan pasando polo aro.
Petaba o sol ese día e procurei a sombra da igrexa, pero pola parte de fóra. Arrimei o lombo na parede, acendín un chéster e pensei que ben podía aproveitar a postura e mailo tempo en argallar o argumento dalgún artigo para Xornal. A voz do crego oficiante chegábame nidia e potente dende un altofalante espetado no campanario. Eran palabras nun castelán metálico, case lineal. Xaora, non había dúbida, era a palabra de Deus Noso Señor. Cando o cigarro ía nas últimas, collín a cabicha entre o polgar e o maior e lanceina en voo parabólico riba dunha viña albariña que estremaba co atrio, Deus me perdoe!
Eu insistía en coller o fío dalgún artigo posible, mais era escusado: a palabra divina esfarelaba os meus intentos. Non sei, será que escoitei tanta e de tan novo, que como se me achegue non son quen de risparme dela. E será por iso tamén que moitas veces poño no coche Radio María sen querer. E mira que sei que é mentira! Aproveitando un silencio prolongado do altofalante veume ó maxín o vindeiro 25 de xullo e pensei que sería aquelado ir preparando unha homilía para data tan senlleira. Incluso me deu tempo a artellar os piares da prédica arredor dun feixiño de preguntas:
Por que se escolleu a data do 25 de xullo para o día nacional de Galiza? Por que precisamente o día do Apóstolo, que xa é patrón de España? Cales foron as razóns? Ten algo que ver a escolla deste día coa nosa sempiterna submisión e o medo a incomodar ó resto dos españois? Acaso foi unha mensaxe subliminal tipo “pódense botar fóra cataláns e vascos, pero non teñades perda, con nós sempre contaredes”?
Despois dun terzo de século democrático, recuou algo o noso autodesprezo por sermos diferentes e pobres? Cando falamos castelán seguimos a disimular o acento propio, húmido e tenro, para parecer outros que non somos pero que nos gustaría ser?
Nesas teimas andaba cando o estrondoso chis-pum dun foguete terra-aire rachou o silencio do mediodía e despegoume de golpe o lombo da parede. Non creo que lle dera tempo á cana a caer no chan cando unha ducia de músicos uniformados comezou a soprar o inconfundible chunda-chunda do himno español. A violencia das trompetas e timbais guindoume de novo o lombo contra a parede, coma nun retroceso de tiro de escopeta.
Recuperada a presencia de espírito, non me fixo falta axexar na porta travesa para saber que se cociñaba no interior do templo: nese intre preciso o crego erguía nas súas mans a ostia e mailo viño cara o ceo, e cando os volvía pousar na ara cerimonial, unha sorte de maxia xa os convertera en carne e sangue de Xesús.
Xa non dei retomado o fío do artigo matinado. Vinme transportado a fai trinta anos, con pelo vizoso tapando as orellas e unha chea de mozas trasfegando de neurona en neurona, nas festas patronais de Cadrón, Vilariño, Erbo, Cornado, San Xoán de Camba e tantos outros lugares da Galiza profunda. Ademais do pelo, que cambiou en todo este tempo? Porque as mozas seguen a rebulir nas neuronas.

venres, 15 de xullo de 2011

Matemáticas en galego.2

No mes de abril escribín un post co mesmo título que este para anunciar a publicación por parte do ITE (Instituto de Tecnologías Educativas), organismo dependente do MEC, dun recurso educativo en galego que, desde o meu punto de vista é o mellor que hai  para o ensino das matemáticas. Trátase dunha colección de 60 unidades didácticas que tratan todo o temario da ESO. Coñecido como 'material ed@d' a este recurso pódese acceder desde aquí ou ben premendo nunha ligazón que desde aquela deixei ao principio da columna dereita deste blogue.
Agora a novidade é que podemos descargar as unidades que queiramos desde esta nova páxina. Basta con marcar as unidades que queremos e premer en 'descarga', así de simple. Polo que eu sei, de non ser polos atrancos postos desde a Consellería de Educación, esta ferramenta estaría á nosa disposición desde hai un ano. Como proba do interese que manifesta esta Consellería, eu envieille hai máis de dous meses unha solicitude para que cargaran este material no repositorio de contidos do 'Espazo Abalar' e aínda non tiveron tempo para o facer. Despiste ou zunia?. Eu teño ben clara a resposta.

Se non vedes a aplicación que deixo aquí como exemplo, extraída dunha das unidades de ed@d, pode ser por non terdes instalada a máquina virtual de JAVA ou plugin DESCARTES. Paga a pena facer a descarga.
Outros requisitos: Flash Player 7 ou superior, Acrobat Reader


Esta unidad interactiva requiere la máquina virtual de Java J2RE.

Fermín Bouza Brey. Un xuiz de lei

Fermín Bouza Brey era xuiz na Estrada cando o levantamento fascista do ano 1936. Grazas ao seu labor salvaron a vida moitos veciños, pois a Bouza Brey ocurríuselle que podía procesar el aos que podían ser víctimas dos militares e con esta maniobra garantía que mentras

estiveran por el ancausados non foran sacados da prisión da Estrada por ninguén que non lle dera garantías de que non era para aplicar a lei de fugas. Así, mentres participaba nas manifestacións públicas de adhesión ao réxime, en privado tecía a súa particular estratexia para evitar maior número de crimes que puidera nun pobo no que xa non se podía administrar xustiza.


Esta xa sería razón suficiente para que toda a miña veciñanza coñecese e gabase o seu labor ou para que calquera galego lle tivese noticia da súa figura e das características principais do seu labor. Para contribuir neste sentido deixo aquí este pequeno documental da canle galeguizargalicia.tv, magníficamente realizado.
Engado tamén dous documentos. O primeiro pode consultarse nesta ligazón e tamén foi editado por Galeguizar Galicia baixo o título 'Fermín Bouza Brey. Xuiz e galeguista'. O segundo é da autoría de Jesús Palmou e aparece no último número da revista 'A Estrada. Miscelánea histórica e cultural' e que vén de publicarse na rede hai unha semana. O artigo de Palmou leva o título 'Fermín Bouza Brey. O xuiz da Estrada'

xoves, 14 de xullo de 2011

A causa das cousas. A ciencia galega.

Hoxe presentouse o novo web da CRTVG. Co novo formato podemos compartir documentais como este, da excelente serie documental Historias de Galicia, no que se explican as principais achegas que sen axuda gubernamental fixeron tres astros galegos da ciencia: Fontán, Aller e Gallástegui. Un recurso educativo fundamental para as clases de ciencias que agora ten un acceso máis fácil, de mellor calidade e con máis facilidades para compartilo.

null

Polo si ou polo non, un libro para termos nos andeis

Moitas expresións en castelán inzan os programas de radio e televisión. Eran menos frecuentes nos medios escritos cando éstes existían. Para correxir estas incorreccións temos unha nova ferramenta editada por Meubook e da autoría de Xosé A. Pena quen, tomando como base un seu anterior traballo do ano 2001 ofrécenos 8.500 frases feitas en castelán xunto a 25.000 en galego. Con esta obra procurarase satisfacer as necesidades da tradución cando lle veñan mellores tempos e mentras, forneceranos cunha ferramenta que pode axudarnos a recuperar expresións de noso frente á invasión do castelán que está a sufrir a nosa lingua.
No canto de 'con creces' podemos dicir 'ben ás cheas', en troques de 'a diestro e a siniestro' diremos 'a torto e a dereito' e 'polo si ou polo non' non repetiremos iso de 'por se as moscas'.

mércores, 13 de xullo de 2011

Dossier de prensa sobre o cumprimento en Galicia da CELRM

Só son 291 páxinas. Feito pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)
Dossier de Prensa III Informe sobre o cumprimento en Galicia da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Mino...

O xermolar de Galicia Hoxe

por Xosé Lois García no Galicia Hoxe:

O comité de expertos do CELRM (Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias), remate de emitir un comunicado sobre a situación do idioma galego e a deturpación que está soportando pola lapidación que a santísima trindade do xuntoiro, Feijoo-Vázquez-Lorenzo veñen mantendo obsesionada obstinación contra calquera manifestación expresiva do idioma nacional de Galiza.
O empeño que se ten posto na Normalización Lingüística e nos proxectos que poñan barreiras a esa degradación tan palpábel que nos ben da propia administración da Xunta, que non cesa en pór atrancos con decretos depredadores e creando confrontacións e inestabilidades a non respectar consensos das verdadeiras entidades con experiencias e con cifras ben desconsoladoras que manifestan que desde a ascensión ao poder de Núñez Feijoo en 2009, o cataclismo que se cerne ao redor do idioma galego non pode ser mais arrepiante.
A confabulación hermética e demagóxica que a Xunta está manifestando, con ousadía interesada de que todo o que ule a identidade o afastan con silencios e decretos, co fin de amparar realidades alleas a nosa idiosincrasia. Neste contencioso, expertos europeos non desminten o que as organizacións galegas que veñen facendo un traballo serio e reivindicativo, como é “A Mesa” e outras entidades da nosa entidade.

O atributo mais poderoso e resolutivo da nosa identidade e o noso idioma. Os nacionalistas españoleiros, montados a cabalo da Xunta, saben moi ben por onde atacar e crear espolio. Neste sentido, se verificamos as prácticas con que tratan de confundir ao colectivo de ensinantes, desde a confusión e a parcialidade. A liquidación das galegoescolas, loadas polos expertos do CELRM, corroboran as excelencias desas manobras contra a nosa identidade.

Remata de desaparecer “Galicia Hoxe”, un xornal herdeiro de “O Correo Galego”, que apareceu naquel día máxico do 6 de xaneiro de 1994. Tivo longa vida propia, dentro dun contexto en que se conformaba a primeira experiencia dun diario en galego. Longos anos emitindo e defendendo nas súas páxinas a nosa lingua e todo o memorial que nela se pecha. Unha dirección e uns redactores determinantes na hora de proclamar democracia e liberdade de expresión por parte dos que colaboraron e opinaron. Algo fundamental para que o público e o social tivera un respiro elocuente dun país en tódalas súas problemáticas.

Nacimos el 31 de diciembre

Entre os territorios de Colombia e Venezuela viven os Wayúu, cunha língua falada, segundo o Ethnologue, por 305.000 persoas. Neste vídeo móstrase como nun deplorable acto de desprezo os funcionarios colombianos deturpánrolle os seus nomes e a data de nacemento. Deste xeito, bautizando a milleiros de persoas como Alka-Seltzer, Payaso, Arrancamuelas, Bolsillo ou Mariguana,  aniquilaron, aínda máis, a identidade dos Wayúu que ademais eran utilizados como mercancía electoral.
Unha historia ben triste que eu non podo desligar da cruzada contra a toponimia que sufrimos por aquí.

Xavier Rodríguez Barrio: 'Non facer caso da RAG ou da AELG non resulta comprensible'

Anaco da entrevista que Alberto Ramos lle fai a Xavier Rodríguez Barrio para o Xornal:


Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema "Penélope": “Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move”. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.

Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.

martes, 12 de xullo de 2011

«Perder unha lingua é case peor que perder unha especie»

Miguel Rodríguez Fernández entrevista a  Francisco Díaz-Fierros para o Cartafol da USC:

Francisco Díaz-Fierros é catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC. A súa meritoria carreira como docente e investigador neste eido está acompañada dun teimudo compromiso co idioma e coa nosa cultura, que o levaron no ano 2002 a ingresar como académico na Real Academia Galega e a coordinar a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. O profesor Díaz-Fierros desvélanos as súas impresións a respecto da situación do galego no mundo da ciencia e apunta as posibilidades que ten o galego para facerse espazo neste mundo.


Vostede é un home de ciencias e académico da RAG. En que pode contribuír a perspectiva dun científico á lingua?
A ciencia é un dos piares da Real Academia Galega, que sempre entendeu, dende a súa fundación, que era un valor cultural importante da nosa época e que non podía manterse allea a esa realidade. Por iso, dende que se fundou tivo científicos no seu corpo. Cando eu entrei, en 2002, o único que fixen foi encher a vacante que quedara trala morte de científicos anteriores, mantendo así ese vínculo entre ciencia e galego tan necesario. 

Como valora a progresión entre os usos que actualmente se lle dan ao galego na ciencia e aquel ideal do Seminario de Estudos Galegos, que era un ideal concreto con apartados específicos?
O Seminario de Estudos Galegos foi a primeira institución que decidiu que o galego non é só unha lingua popular e de literatura, senón que tamén é quen de expresar calquera tipo de contido cultural ou científico. Dende daquela mudaron moitas cousas e, en especial, mudou o papel da ciencia na sociedade. Daquela non había unha evidencia tan clara coma hoxe da importancia das tecnoloxías na nosa vida e a comunidade de científicos non era tan ampla coma agora. 
Pero o cambio substancial tivo que ver coa hexemonía que a partir dos anos oitenta acadou o inglés no campo científico en todo o mundo. Nos anos setenta, co espírito da transición, produciuse unha especie de novo renacer galeguista; moitos científicos do sector agrario, pesqueiro ou biolóxico comprometéronse co idioma, e mesmo impulsaron publicacións científicas especializadas en galego. Mais daquela non existía a enorme presión que existe hoxe en día sobre os científicos á hora de posuíren un bo currículo, un currículo que se compón en gran medida pola participación en publicacións que se valoran se están escritas en inglés. 

Cre que na actualidade, malia estas presións, rexorde o compromiso coa lingua por parte das novas fornadas de científicos?
Coido que si e ademais están a incidir no ámbito da ciencia onde o galego ten máis posibilidades, a divulgación. Publicar en galego investigación especializada xa é unha batalla case perdida. No ensino acadouse moito terreo e gañouse unha situación de estabilidade, especialmente no ensino medio. Na Universidade aínda queda, iso si, moito por facer, sobre todo se queremos chegar ás situacións como a que se vive en Cataluña, onde o 70% das horas clases na universidade son en catalán. Mais precisamente por iso é importante que esta comunidade de científicos galegos se comprometa co idioma, porque o labor do profesor na aula poda axudar moito a mellorar os usos do galego na ciencia en xeral.

É o profesorado, logo, o responsable desta situación?
Principalmente, os profesores; os alumnos, máis secundariamente. Se os docentes tiveramos máis compromiso poderiamos conseguir mellorar a situación. Isto tampouco é sinxelo se temos en conta a presión da que falabamos antes, que case obriga, se queres facer unha carreira investigadora, a darlle prioridade ao inglés na publicación dos traballos. E o estudantado xa foi máis receptivo ca hoxe en día. Téñenme marchado estudantes de clases de materias optativas que eu imparto, con poucos alumnos, porque as clases as dou en galego; e non porque sexan de fóra de Galicia...

Referiuse antes á necesidade de afianzar a presenza do galego no ámbito da divulgación. É un problema de canles específicas?
Hai bos divulgadores da ciencia e bos espazos de divulgación, como os museos científicos, como os da Coruña, que se pasaron ao galego. É un terreo onde o galego non está mal, se o comparamos con outros territorios, pero aínda así hai problemas. Non se trata só da inexistencia dunha canle, tamén ten moito que ver cos contidos. Os investigadores non saben pre-dixerir os resultados das investigacións para que logo os divulgadores poidan dispoñer dese material. Máis que de canles, o problema é a falla de alta divulgación, a que deben realizar os propios investigadores porque coñecen ben o seu traballo e poden rebaixarse a expoñelo dunha maneira sinxela. Isto, que se está facendo mellor en Cataluña ou Valencia, deberiámolo intentar aquí. 

Como podemos conseguilo?
Primeiro, valorando nos currículos o traballo de divulgación. Segundo, creando plataformas, por entes públicos ou privados, que recollan información sobre o que se está investigando no país e fagan unha pre-dixestión, unha recolección da produción científica para que os divulgadores saiban o que se está a investigar en Galicia. Iso si, cómpre facelo dende a obxectividade, porque cando se len os comunicados de prensa da Universidade parece que estamos inventando cousas todos os días e a realidade non é así. 

Ante a comunidade científica, un traballo en galego pode ter menos prestixio?
En divulgación, non. Esa barreira idiomática existe máis no traballo especializado pero na divulgación científica está superado.

Parécelle un problema a inexistencia de manuais de ciencias en galego na Universidade?

Elaborar e, sobre todo, manter un manual científico é caro e complicado, e os grandes manuais que se están a empregar na Universidade renóvanse máis ou menos cada catro ou cinco anos. Daquela, manter unha liña editorial de manuais en galego implica unha grande dificultade e custos importantes. Normalizar o galego nos manuais científicos é tarefa complicada. Porén, creo que o espazo que pode e debe ocupar o galego é o dos materiais de apoio na nosa lingua. 

En 1978, xunto co profesor Antón Santamarina, diferenciou os usos de chan, solo terra. O descoñecemento da terminoloxía técnica en galego é unha pexa máis para o emprego da nosa lingua na ciencia?
En absoluto. Nas linguas próximas o 70% dos termos científicos son comúns, así que iso non é un problema. Debemos ser precisos e rigorosos co noso capital cultural idiomático; poñer como escusa o vocabulario específico científico en galego é un absurdo. 

Na súa traxectoria como docente impartiu clase en Cataluña e noutros lugares do estado con lingua propia. En comparación co contexto científico galego cales son as principias diferenzas que percibiu?
O uso do idioma propio na docencia universitaria, sobre todo en Cataluña, é o máis salientable. Aló os profesorado emprega con moita maior frecuencia o catalán, mentres que aquí o uso do galego nas carreiras científicas anda polo 10%. En cuestión de textos e publicacións tamén hai unha maior normalización do catalán, pero a grandes riscos non se escapan desa presión do inglés que a nós tamén nos afecta tanto.
 
É comparable a defensa da diversidade ambiental coa defensa da diversidade lingüística?
Hai uns aspectos biolóxicos vinculados á linguaxe, xa que é o mecanismo de expresión dunha especie. Pero aínda así o idioma, ao meu ver, ten unha importancia maior, xa que é un valor cultural dunha riqueza indubidable. Un signo que pertence e identifica a unha comunidade humana. Eu atreveríame a dicir que perder unha lingua é case peor que perder unha especie, pois con ela vaise parte da historia e da pegada que un país deixou na historia. 

En Galiza a desprotección do medio natural e do patrimonio lingüístico semellan ir parellas. É cousa de que este pobo non valora o seu ou tamén inflúe ese falso progreso da economía de mercado?

As dúas cousas. Coa actual concepción de progreso estase a prexudicar a todos aqueles elementos ou valores intanxibles que non implican un beneficio económico inmediato. De todos os xeitos, comezan a emerxer movementos que pretenden precisamente poñer en valor todos eses intanxibles que o mercado deixa de lado e que son unha riqueza que non podemos perder. E por suposto, tamén afecta o coidado que cada pobo teña do seu. Hai comunidades que protexen o seu medio natural, o seu patrimonio cultural e o seu idioma. Isto en Galicia aínda é unha materia pendente. 

A mestura do moderno e do tradicional que se produce no terreo agrario, poderíase aplicar tamén á lingua?
Non me gusta moito a comparación co modelo agrario; o idioma ten que ser algo máis, non pode ser un reduto, debe enchoupar a toda a sociedade. Aínda que comece impulsado por pequenos grupos, co idioma temos que pretender gañar á maioría. Malia que, segundo os datos, a tendencia na sociedade é a de abandonar o monolingüismo en galego e castelán e converxer nun bilingüismo, no que haxa competencias semellantes entre galego e castelán, a nosa lingua ten que servir para manternos ligados ao noso país, á nosa terra.
 

Veraneantes

por Manuel Xestoso González en Terra e Tempo:

A política cultural da actual Xunta de Galiza foi tan absolutamente errática dende o inicio da lexislatura que a única dúbida que lle podía suscitar á abraiada cidadanía era a de se as súas actuacións estaban presididas pola incompetencia ou pola mala fe. O tempo, lamentabelmente, está demostrando que é unha combinación de ineptitude e hostilidade cara á cultura e a lingua propias a que dirixe o proceder dos responsábeis culturais do goberno galego. 

Un episodio recente pon de manifesto -por enésima vez- a estraña mestura de arbitrariedade e despiste que rexe as iniciativas da Consellaría de Cultura. Refírome á creación do denominado Festival das Rías Baixas, un evento que se celebra en Vigo e Pontevedra durante o mes de xullo e que pretende -segundo declararon as autoridades nunha presentación oficiada, por suposto, en Madrid- "converterse nun referente entre os grandes festivais das artes escénicas". 

Segundo o relato da propia consellaría, o festival xurdiu como unha iniciativa do actor Sancho Gracia, o director de escena Miguel Narros e o produtor Celestino Aranda. A idea contou co inmediato beneplácito da Xunta e da Deputación de Pontevedra, que non vacilaron en poñer á súa disposición os medios materiais para pór en marcha un proxecto cuxo incerto resultado poderemos avaliar nas cidades de Vigo e Pontevedra durante o mes de xullo. 

O primeiro que chama a atención é a receptividade da Xunta a unha proposta procedente de tres figuras cuxa relación coa dinámica cultural galega é tan espectral que a propia páxina web do festival -unha páxina que, por certo, só se pode consultar en castelán- debe botar man dun argumento patético para xustificala: Sancho Gracia posúe unha casa en Mondariz. Se non fose tan grotesco, poderíase ironizar tirando a conclusión de que a consellaría considera que son máis de fiar os veraneantes que os da casa. 

Non obstante, non queda moito espazo para sarcasmos cando obtemos o dato de que este festival de nova creación vai contar cun orzamento que duplica o que a Xunta lles asigna á totalidade dos festivais xa existentes. Até o de agora, o discurso oficial puña como pretexto a crise económica para aplicarlles voluminosas rebaixas ás axudas ao sector e, en xeral, á cultura. A este respecto, cómpre lembrar que dende a chegada de Roberto Varela á Consellaría de Cultura, o seu departamento protagonizou un enfrontamento practicamente ininterrompido coas compañías de teatro e danza por mor duns recortes que ameazan a súa existencia. Concretamente, os festivais viron como as subvencións que recibían da Administración se reducían, nalgúns casos, até os niveis de hai vinte e cinco anos. Pero, polo visto, a recesión non afecta ás ideas promovidas polos turistas. 

Non deixa de ser elocuente que, xustamente durante as datas nas que ten lugar o novo festival, se celebran dúas mostras con máis dun cuarto de século de existencia e unha relevancia indiscutíbel na historia do teatro galego: a Mostra de Teatro Cómico de Cangas e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Tamén coincide no tempo co desenvolvemento do Via Stellae compostelán, que malia a súa curta vida, estaba transformándose nunha cita obrigada para os amantes da música antiga. Estes certames enfróntase agora cun panorama incomprensíbel: por unha banda, a Xunta denégalles os recursos económicos necesarios para o seu crecemento e mellora apelando á austeridade necesaria en tempos de crise; pola outra, inviste os fondos que lles escamotea nun evento que competirá abertamente con eles. 

A perplexidade de calquera espectador informado se incrementará aínda máis cando descubra cal é a programación da primeira edición do Festibaixas. Un festival que aspire a unha certa densidade cultural debe compaxinar dous obxectivos: mostrar espectáculos, tendencias e compañías de difícil acceso durante o resto do ano e servir como estímulo para a creación de novos públicos. As escollas realizadas polos directores deste Festival das Rías Baixas, pola contra, semellan máis próximas á programación das festas de verán de calquera concello de tamaño medio -dirixidas a encher o ocio estival con representacións comerciais de entretemento- que a cumprir este duplo propósito de manterse en sintonía coa contemporaneidade e de propiciar o contacto entre a comunidade e os creadores. 

Co respecto debido a todos eles, as palabras do conselleiro a propósito do "estimulante camiño da experimentación, a vangarda e a relectura dos clásicos" atopan unha difícil aplicación a un programa inzado de nomes como os de Julio Bocca, Ana Belén e Luz Casal e de espectáculos con títulos tan ilustrativos como Romancero gitano ou Versos, bandoleros y canciones. Dende logo, hai meritorias excepcións, pero as súas virtudes quedan considerabelmente diminuídas entre a maravallada de obras que despiden o inconfundíbel aroma do consumo rápido. 

Pero, se cadra, resulta máis abraiante a inusitada docilidade con que a nosa sociedade se axusta aos excesos do salvaxe espolio que sofre a cultura. Son poucas as voces que exercen de conciencia crítica e as que existen son sospeitosamente esquivadas polos medios de comunicación. No canto de avivarse o debate promóvese o silencio. Un silencio que lle permite aos veraneantes gozar de barra libre.