Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de febreiro de 2012

E despois da seca, chegou O Dioivo

 O Dioivo chegou.
Despois dunha gorentosa vídeo-promoción polo retranqueira e entretida que era, chega a cachón un novo medio en galego (como se houbera tantos!)
Non podía ser noutro dia, un 29 de febreiro. Agora faránsenos máis curtos os 4 anos que teremos que agardar para celebrarlle o seu primeiro aniversario.
Dando mostras de continuar na mesma liña demostrada nos seus anuncios de saída, ao tempo que declaran que ao saíren escaldados das experiencias en medios tradicionais,  'non son tempos de papeis', tamén nos ofrecen o seu número cero precisamente en papel.
O Dioivo chegou e fíxoo cheo de contidos. Impresionante, hai que mollarse e consultalo acotío.


Matemáticas en catalán vs. matemáticas en galego

María Antonia Canals é toda unha referencia no ensino das matemáticas dos primeiros anos da escola. Isto é certo ata tal punto que incluso hai todo un apartado do web Descartes do MEC, adicado aos seus materiais: o Proxecto Canals. Tanto e tan bo foi o seu labor que desde o ano 2000 incluso hai un premio bianual para proxectos prácticos de innovación educativa dirixidos a todos os niveis educativos que leva o nome de Premio María Antonia Canals. Trátase de premios para traballos orixinais en catalán.
Alguén pode imaxinar un premio semellante para aportacións en galego? Alguén pode pensar que traballos como este e en galego, poidan contar coa axuda da Xunta para a innovación educativa? Alguén pode imaxinar un portal como Creamat, pero en galego? Ou que a nosa Consellería nos forneza de recursos como La Granja para a aprendizaxe das operacións,  pero en galego? Quen pode pensar en visitar un Museo das Matemáticas, pero en galego? E escolmas de recursos como edu3365.cat tanto para infantilprimaria, secundaria como para bacharelato,  pero en galego? E vídeos didácticos como os de edu3.cat, pero en galego? Ou, en definitiva, un buscador de materiais didácticos como ARC (con centos de resultados nas súas respostas)  pero en versión galega?
Está claro que non. Incluso poderíamos falar de negativas da Consellería a propostas para proxectos de normalización de materiais de matemáticas pois no seu currículo non se contempla o ensino das matemáticas nesta lingua (sic). A zunia chega ata tal punto que se chegaron a obstruír publicacións por parte doutras administracións polo curiosa eiva de estaren en galego.
E a quen lle temos que dar as grazas por todo isto?

martes, 28 de febreiro de 2012

Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística

Henrique Monteagudo, ofrécenos un discurso de ingreso na RAG no que establece a conexión necesaria entre normalización e identidade ou dito á contra: de como centralismo uniformizador vai da man da asimilación lingüística.
Unha aportación ben interesante que marca unha liña vermella encol da convivencia lingüística e a un tempo demostra que o PP xa a ultrapasou  xa no ano 2005.Evidénciase deste xeito que o seu interese de quen nos está a gobernar fica fóra de Galicia, aínda máis, es interese vai en contra todo o que se cualifique de galego e polo tanto en contra da Lei de Normalización Lingüística e de todo o ordenamento xurídico que a sutenta.
A RAG revalorízase con Henrique Monteagudo. Agardamos que isto sirva para incrementar o seu dinamismo  e apertura social e facela máis próxima para todos. Monteagudo ten unha recoñecida experiencia que pode ser aproveitada para mellorar esta institución.
Velaquí reproduzo tamén o discurso:


Excelentísimo Señor Presidente da Real Academia Galega, dignas académicas e académicos, autoridades e representacións presentes, Señor Reitor,  queridas amigas e amigos que me honrades coa vosa compaña,
miñas donas e meus señores:

luns, 27 de febreiro de 2012

Requiem por um neofalante que não foi

por Edelmiro Momám, no Portal Galego da Língua:


Vinha de começar a minha tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela. Partilhei, durante uma temporada, um dormitório numa residência universitária com um estudante do último ano de carreira duma faculdade de ciências experimentais. Ele era da Corunha, muito bom rapaz. Falava castelhano com quase todas a pessoas, agás comigo. Comigo falava galego com grande soltura e naturalidade. Mas só na intimidade. Se havia mais alguém, normalmente falava castelhano. Se por vezes continuava em galego, falava mas mais baixinho, entrecortado.

Non insistan na lingua inglesa



Voulle adicar varios post á cuestión do plurilingüismo. Velaí vai o primeiro, que trata sobre a cuestión da identificación do plurilingüismo co inglés e con que este abuso é o primeiro paso para a exclusión, incluso a morte, das linguas.
Conviña conectarmos estas ideas coa vixente lexislación, a que regula os chamados centros plurilingües xusto no sentido que Patricia Ryan denuncia nesta conferencia.
Vía Trafegando Ronseis

domingo, 26 de febreiro de 2012

Mini atlas xeobotánico de Galicia

O mini atlas xeobotánico de Galicia é un web que mereceu unha mención honorífica nos Premios Prisma da Casa das Ciencias á Divulgación Científica.
Trátase dunha ferramenta que nos achega aos espazos xeobotánicos galegos. Tamén é un excelente recurso educativo para aprender sobre o relevo, os vexetais, os seus hábitas e os espazos naturais protexidos da xeografía galega.
Foi realizado por María Jesús Mourazos González.
Moi recomendable.

sábado, 25 de febreiro de 2012

Henrique Monteagudo: 'Como vas defender o galego se non aceptas a realidade lingüística de Galicia hoxe en día?'

Marcos Pérez Pena entrevistou a Henrique Monteagudo en Praza Pública (alí contén audio):

Henrique Monteagudo ingresa este sábado ao mediodía na Real Academia Galega -para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009- cun discurso Facer país co idioma, que liga o proceso de normalización co propio proceso de construción do autogoberno. Monteagudo, profesor titular da USC e secretario do Consello da Cultura Galega, reclama estratexias máis acaídas para non entregarlles "aos inimigos do galego" os conceptos de bilingüísmo e liberdade lingüística, que a maioría da poboación asume como positivos.O discurso co que ingresarás na Academia liga normalización e construción nacional. Como foi o proceso destes últimos trinta anos para ambos os dous procesos?O proceso de normalización lingüística ten sentido no marco dun proceso máis amplo de reafirmación da identidade e de construción de Galicia como país, e que fóra dese marco a normalización perde o seu sentido. Polo tanto, se se quere impoñer un proxecto de reversión do autogoberno, a normalización do galego necesariamente vaise ver sacrificada. O preámbulo da Lei de Normalización é clarísimo neste sentido: explica por que se aproba a lei, fala do proceso de degradación producido polo centralismo, o que supuxo para Galicia como país e para a súa cultura, e que estamos nun proceso de recuperación e que nese proceso a lingua é fundamental.

Fala con nós



Desde o IES Joan Carballeira prepararon este vídeo para participar na edición 2011 de Correlingua.
Fala con nós a ritmo de Grease

venres, 24 de febreiro de 2012

Carta aberta ao SXPL

 As 'Cartas abertas' de Xabier Docampo  son cada unha unha perla para disfrutar con vagar. Primeiro podíamosllas ler en Vieiros, despois deixounos algunha no Xornal . Finalmente, ante a aniquilación dos medios en galego,había que buscalas no seu blogue blogue. Agora, volve, e cómpre recibilo cos brazos abertos, en Praza Pública:

Prezado Valentín: Entro con este ton confianzudo por mor da vella amizade que nos une e o desexo de non ocultala, por máis que esta carta vai amosar a miña discrepancia co Secretario Xeral.Ben sei que herdas unha cadeira que ferve e, con ela, o moito mal que até hoxe se lle veu facendo ás posibilidades de normalización da lingua propia (aínda que lle pese ao Valedor do Pobo) de Galicia. Sei tamén o difícil que che puxeron, e van poñer, o traballo de defendela e promovela, como dita a obriga do teu cargo. Mais, ao agardo de ver como fas o teu traballo, quero falarche do contido dunhas túas declaracións a un xornal, que foron publicadas o día 4 deste mes e ano, e nas que, entre outras cousas das que tamén discrepo, dis: “[O novo decreto do uso do galego no ensino] Era unha promesa electoral e está funcionando.” Ti cres que está funcionando ou, en realidade, é que ninguén mira se está funcionando ou non? E el non será que os que teñen que se preocupar polo seu funcionamento están a ollar para outro lado? A resposta verdadeira a estas preguntas é clara: non se está a cumprir o voso decreto de plurilingüismo!

Henrique Monteagudo: 'As estratexias contra o decreto foron derrotadas'

Iago Martínez entrevista a Henrique Monteagudo en El País. Aínda que eu non o acabo de entender pois non vexo por ningures  alternativas á Mesa ou a Queremos Galego.

O profesor Henrique Monteagudo (Muros, 1959) entra na Real Academia Galega case dous anos despois de ser elixido para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009. Mañá ás 12 do mediodía lerá o seu discurso de ingreso no paraninfo da Universidade de Santiago. Titúlase Facer país co idioma e non pretende resolver enigma ningún, senón ser “útil”, insiste, para o debate en curso. Impugna a “falsificación” da liberdade lingüística e coloca a normalización á beira do seu propio cantil: ou responde a un proxecto de autogoberno ou carece de sentido.Pregunta. Se aceptamos que a normalización lingüística e o autogoberno son inseparábeis, parece improbábel que este PP se implique na construción dun consenso similar ao dos oitenta.Resposta. Falta por ver como afecta o novo escenario, con Mariano Rajoy no Goberno: como responde o sector máis sensible do partido e como evoluciona Feijóo agora que se esvaeceron as súas opcións de facer carreira en Madrid. O PP gañou as eleccións, así que o problema é o país, non o PP. Somos conscientes de que este é un proceso de reversión do autogoberno, devolución de competencias e disolución de identidade? A normalización lingüística non é a recuperación de nada, é un proceso de innovación dunha sociedade que reclama para si instrumentos para decidir o seu destino.

De blogues.2

Lugares nos que aprendín cousas novas e interesantes nestas últimas semanas:

Perdre´s per haver perdut la llengua, (12/12/2011), por  David Valls, do blogue El català suma, da Plataforma per la Llengua
Historias, (23/01/2012), ... porque queren roubarnos o que hai
O caso Tarragona, (23/01/2012), O can de San Roque
O galego na rede, espello da súa situación na sociedade? (I),(27/01/2012), Caderno da lingua
La llengua dels barrufets, (2/02/2012), en Aprendre llengües
Plurilingüismo, (06/02/2012), ... porque queren roubarnos o que hai
Aquí non pasa nada, (0/02/2012), ... porque queren roubarnos o que hai
Sospeitosos, (09/02/2012), ... porque queren roubarnos o que hai
O galego na rede: gústanos (II), (10/02/2012) Caderno da lingua
A cota de mercado do galego en internet, (14/02/2012)Calidonia hiberna

xoves, 23 de febreiro de 2012

Da arela normalizadora

Un excepcional artigo de Mariló Candedo, poñendo a primeira pedra nun espazo completamente arrasado, en Praza Pública:

Hai tempo que quero escribir sobre normalización lingüística e dou tantas voltas sobre min mesma que acabo ficando no mesmo lugar de partida no que quedei desde a última vez que tal cousa fixen, administrando con enorme dificultade unha mestura de sentimentos que transitan nun neboeiro entre a ira e o desacougo, na procura dalgún claro sobre o que erguer a esperanza. Difícil combinatoria para quen traballa sabendo que a racionalidade pedagóxica resulta un ben escasamente apreciado polo poder político e, se cadra, non sempre atinadamente exposto para a comprensión da cidadanía.

Os Bolechas en movemento

Os Bolechas, saídos da punta do lapis de Pepe Carreiro hai xa 12 anos, móvense agora nas pantallas da TVG2, dentro do programa "Xabarín Club".
Ademáis esta simpática familia estrea web e poden seguirse desde diversas redes sociais: tuenti, facebook e twiter.


especial de Entroido from Os Bolechas on Vimeo.


martes, 21 de febreiro de 2012

Wampanoag, unha lingua resucitada

Hoxe, no día internacional da lingua materna, unha historia que é triste porque trata dunha lingua perdida hai tempo, pero chea de esperanza, porque está comenzando a recurperarse.
Mae Alice Baird ten sete anos, e a súa lingua materna é o wampanoag, unha fala desaparecida hai máis de 150 anos. Nin os seus pais falaban wampanoag, nin o fixeron os seus avós, nin os seus bisavós, nin os tataravós,....

Por medio da educación, as leis de restricción do uso da lingua, e a política lingüística en termos xerais, levada a cabo en norteamérica, a lingua wampanoag do norleste estadounidense, foi aniquilada a mediados do século XIX. Durante 150 anos non se volveu a oir ningunha palabra wampanoag. Porén no ano 1993 púxose en funcionamento o Wôpanâak Language Reclamation Project que ata o momento conseguiron establecer un dicionario de 11.000 palabras, o desenvolvemento dun curriculum para a aprendizaxe do wampanoag, e o asesoramento de especialistas nesa lingua. Todo isto foi posible grazas a centos de actas, documentos, e mesmo dúas edicións enteiras dunha biblia escrita fonéticamente en wampanoag e que forman o maior conxunto de documentos escritos nativos do continente.
Os Wanpanogag desenvolveron un sistema de escritura alfabética tan estendido que no século XVIII, as taxas de alfabetización wampanoag eran no seu pobo maiores que as do inglés entre os colonos.
Máis información sobre ésta e ata un total de doce linguas nativas norteamericans en: Our Mother Tongues

GeoClic

Unha chea de actividades de xeometría. Cómpre divulgar as que temos en galego, porque ademais de ser menos, moitas, entre elas as mellores,  son vetadas pola Consellería de Educación.
Basta un dato: no repositorio de contidos de Abalar hai 14 recursos de matemáticas en galego frente a 221 en castelán.

Rosalía de Castro: pioneira e profeta

por Pilar García Negro, en Terra e Tempo:
No próximo venres, día 24 de Febreiro de 2012, celebraremos unha efeméride ben especial: o 175 aniversario do nacemento da nosa escritora fundacional, Rosalía de Castro. Con tal motivo, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) pon a andar unha iniciativa  louvábel: pór de moda, instaurar o costume de, en tal data, agasallar(nos) unha fror e mais un libro en galego. O día de Rosalía e o día do libro galego, se callar social e institucionalmente, será un bon complemento para a celebración do Día das Letras Galegas, centrado nunha figura particular da nosa literatura, día que debera volver, coidamos, a ser laborábel, para que pudese ser feriado de verdade na honra da literatura galega, con actos na rúa e no ensino, como noutrora, e non pretexto para pontes turísticas onde fica totalmente esquecido o pretexto que as provoca. Este artigo quer se facer eco de tan feliz iniciativa e desexar que centros de ensino, concellos, asociacións culturais... se sumen a ela e a continúen en anos vindoiros. Oxalá que funcione como san antídoto de tanta alienación pseudocultural, de tanta españolía imposta.

luns, 20 de febreiro de 2012

Rock and roll Seixo



Versión en galego do clásico T.N.T de AC/DC, interpretado polos alumnos do CEIP de Seixo (Marín, Pontevedra). Gravado e producido por Lucas Cudilleiro, estudante en prácticas de educación musical na Universidade de Santiago de Compostela.
Vía CGENDL.

O valor sociolingüístico da prosa tabeliónica galega medieval

Este artigo volve a traerme á memoria un excelente web das cantigas medievais galego-portuguesas.
Por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:


Unha lingua é, alén dun instrumento para nos comunicarmos, un mecanismo de cohesión colectiva, unha poderosa ferramenta para a interacción social e, tamén, un rexo elemento de identificación individual e cultural. Os idiomas, por tanto, non responden só e univocamente ás necesidades humanas da expresión de sentimentos ou de ideas, mais abranxen unha notábel gama de funcións de carácter sociolóxico. Por isto, na literatura especializada lévase ponderado que a lingua é un xeito de percibirmos o mundo ou de o representarmos, tal e como expón Teresa Moure no seu lúcido ensaio Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética(2011). A través do frisón, do gaélico, do galego, do nepalí ou do polaco obtense unha singular interiorización da realidade, propia de cada nación ou de cada colectivo que emprega normalmente eses idiomas. Por exemplo, a lingua galega posúe moitos verbos (algúns deles xeosinónimos) que fan referencia á chuvia e aos seus tipos (barruzar, brecarbretemar oubretimarchoverchuviñarchuviscardebagoardiluviarmarmallarorballarorballiscar,poallarzarzallar etc.), que non se achan noutras linguas, na cales só existen unha ou dúas unidades verbais para tales situacións climáticas; o alto índice de pluviosidade na Galiza e a grande dependencia da economía tradicional galega a respecto da cantidade e da cualidade da chuvia fixo posíbel o aparecemento de todos eses verbos, sen equivalencias en zonas ou en países en que nin chove tanto nin se verifica ese notorio grao de dependencia para subsistir.

domingo, 19 de febreiro de 2012

Neno tradutor



Con humor. Vídeo sobre o uso prexuizoso das linguas. E de como os prexuízos lingüísticos sempre van acompañados de prexuízos sociais.

venres, 17 de febreiro de 2012

Menos galego e máis fútbol

Por máis que leo a noticia non sei que foi facer Valentín García, o Secretario Xeral de Política Lingüística (SXPL), a Vilagarcía. Suponse, ao ler o comunicado, que o seu cometido consistía en dar un pasiño na normalización do deporte. Pero non.
Se realmente se tratara de aumentar a visibilización do galego no ámbito deportivo non se entende por que non foi primeiro á Secretaría Xeral para o Deporte a tirarlle das orellas ao señor Lete, o seu responsable, por actuar en contra dos que deberían ser os principios fundamentais da SXPL. Efectivamente, neste mesmo blogue hai ben pouco denunciábase que na sección de novas deportivas están introducindo algunhas redactadas en castelán ([1], [2]). Se desde Política Lingüística non fixeron nada para que isto mudara, entendemos que, ou ben andan nas berzas, ou ben non lles interesa para nada a dignificación do idioma de noso. Se houbo chamada de atención, está claro que non lle fixeron caso, o cal tamén indicaría moi claramente que o proxecto da Xunta en materia lingüística consiste en reducir o seu uso á SXPL para despois reducir os cometidos e orzamentos da propia SXPL. A conclusión é sempre a mesma: menos galego.
Volvo a ler a noticia divulgada desde a SXPL e acabo completamente confuso. Valentín García reuniuse con Alberto Blanco, experto en promoción e técnicas e deportivas. Con que fin? O clube de baloncesto que dirixe Alberto Blanco posiblemente sexa todo un referente na práctica e promoción deportivas, mais non o é na práctica e promoción da lingua galega. Eis que un espera que a reunión non servira para estender as políticas lingüísticas do Clube de baloncesto vilagarcián a todo o deporte galego. Entón para que a reunión? Só se me ocurre unha explicación: para aplicar no deporte as políticas que leva a cabo a Xunta en materia de normalización. Así que pronto veremos aos xogadores de baloncesto, aos de bádminton, aos tenistas, e en xeral a todos  adicando o 50% dos entrenamentos e dos partidos ao fútbol. É o que ten a doctrina do equilibrio, que todos acaban xogando ao fútbol.

Amores prohibidos 2.0

A Navalla Suíza xuntouse coa Nasa para un novo proxecto inclasificable. Trátase de facer teatro 2.0, botando man do facebook, do tuenti, da plataforma Redenasa.tv, do IES A Cachada de Boiro...
Amores prohibidos 2.0 recolle o clásico do teatro, Romeo e Xulieta.
Romeo fala castelán, Xulieta, galego. Montescos e Capuletos son agora a representación do conflito lingüístico. Triunfará o amor ou acabará todo en traxedia?
Para saber máis:

Amores Prohibidos 2.0

View more presentations or Upload your own.

xoves, 16 de febreiro de 2012

Longa noite de pedra



39 segundos de ouro son os 39 segundos que dura o vídeo. A idea, a cor, a iluminación, a edición... e finalmente o ensino pois estes nenos aprenderon que esa longa noite era fría e dura, como a pedra.
Non é unha casualidade. Se un remexe no blogue de onde saeu este vídeo, Os ghatos misteriosos, do CEP Sequelo de Marín, comprobará que se respira por todas partes innovación educativa, desafortunadamente a asignatura máis esquecida por parte da Consellería.
Estou seguro de que tanto pais como alumnos están gozando e aprendendo con esta extraordinaria ferramenta.

mércores, 15 de febreiro de 2012

Comunicado pola defensa do traballo na normalización dos concellos

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) fixo público un comunicado en defensa do traballo realizado polos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos que foi apoiado pola Mesa, a Agal, AELG, os departamentos de filoxía galega das tres universidades galegas, o ILG, a RAG, e unha chea de concellos.
No comunicado ínstase a todas as administracións, especialmente á Xunta, que adquiran "o compromiso real de fomentar o uso e prestixio da lingua galega, con prácticas coherentes con ese compromiso e coa posta en marcha de medidas decididas e eficaces na procura da normalización lingüística", e, en concreto, promoven a creación dunha"estrutura real e coordinada de servizos técnicos para a normalización lingüística que abranga o conxunto do país", e non o churro argallado nos últimos meses que deixa no limbo tanto os postos de traballo como o traballo normalizador na administración local.


2012.02.15.CTNLa-Defensa Traballo Xusto Ilusionante Snl

Agasalla un libro e unha flor no día de Rosalía

A AELG está promovendo unha serie de actos organizados por concellos e asociación culturais para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o 175 aniversario do nacemento da nosa autora. Están previstos xa varios actos nas cidades galegas e previsiblemente se organicen máis noutros lugares nos vindeiros días. Cómpre estarmos atentos.
Desde a AELG recórdannos que o 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura polo que fan tamén as seguintes invitacións:

  • Á cidadanía, para que agasalle un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
  • Aos centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.
  • O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
  • Aos  concellos para que declaren ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e que o recollan nas súas programacións culturais. 

Eu falo galego porque o amo


Ámote from Seso Durán on Vimeo.

Outra perla do IES As Barxas de Moaña. Sobre un texto de Víctor Freixanes dúas rapazas de 1º da ESO, Uxía e Lucía, relátannos en que consiste o amor polo galego co tema Inda do grupo asturiano Xera de fondo.
Vía CGENDL.

martes, 14 de febreiro de 2012

Palabra de Avelino



Avelino é todo un exemplo a seguir para os que defenden o orgullo do noso. Sempre no tallo, e sempre na mesma dirección. Coa idea da defensa de todo o que teña arrecendo a galego.

luns, 13 de febreiro de 2012

Política lingüística (2)

por Xosé Ramón López Boullón, en Galicia Hoxe:

A política lingúística é un compromiso colectivo, non só do Goberno que teña a responsabilidade de gobernar. Éo de toda a sociedade. O goberno debe cumplir e aplicar a Lei de ormalización lingüística e o Plan de normalización lingüística, avaliar as estratexias, velar para que se cumpran os seus obxectivos e aplicar as medidas concretas necesarias para acadar eses obxectivos. Estas son as claves para desenvolver unha boa, eficaz e eficiente política lingüística.

O futuro do galego na USC


Establecer unha porcentaxe de uso das linguas no ensino na universidade é complicado. Na USC veñen facéndoo desde o curso 2003-2004. Se contabilizamos as horas de traballo atribuídas aos mestrados como horas de docencia na USC, obteríamos para o galegoo dato máis positivo do estudo: un total de 352.000 horas en castelán e, bastante menos da metade, 138.000, en galego (ver [1]).
Atendendendo únicamente aos graos e os dous primeiros ciclos, podemos ver na gráfica que a tendencia alcista dos dous últimos anos volve agora a valores próximos ao 20% despois dunha baixada de 6 puntos a respecto do curso pasado. É o que desde o Cartafol dixital enuncian como posible volta ao rego:
 Probablemente nos dous vindeiros cursos, unha vez que as diplomaturas e licenciaturas se vaian extinguindo e se vaian afortalando os graos, asistiremos a novos reaxustamentos e entremos nunha fase de estabilización arredor do 20% de docencia en galego
Comprobamos unha vez máis que a docencia en galego non alcanza ese suposto equilibrio que anuncian desde a Xunta. Neste caso, desde a SXPL,  non se establecen máximos para presencia do castelán tal e como si se determinaron para o ensino en galego no tramo non universitario. Así fica demostrado que o que realmente lle importa ao goberno é que a lingua galega non traspase os reducidos límites nos que está pechada.

domingo, 12 de febreiro de 2012

O partido da normalización



Hai algúns dias, creo que foi  Francisco Rei García a quen lle vin a denuncia que presento agora aquí.
Trátase dunha páxina de novas da Secretaría Xeral para o Deporte. Nela aparecen varias referencias en castelán. Seica o galego non é apto para o deporte, ou pode ser que a situación social do galego xa estea tan normalizada que non convén que sexa a lingua de difusión desde os portais oficiais da Xunta.
Vendo isto un pode adiviñar perfectamente cal é a política lingüística que se está a desenvolver. Por moito que se insista no contrario desde os altofalantes institucionais, está ben claro que se está actuar sistemáticamente en contra do consenso establecido no seu dia, punto por punto, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que adopte no ámbito das súas competencias as medidas tendentes a que os seus cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes fagan uso público tanto oral como escrito de xeito sistemático da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública; así mesmo as medidas conducentes ao mesmo nos concellos e deputacións de Galicia.
No caso de preguntármoslle á SXPL sobre este desprezo, dirían que eles non xogan este partido.
É certo, están orsai pois centran todos os seus esforzos en reducir aínda máis as xa febles axudas á normalización ( [1], [2])


xoves, 9 de febreiro de 2012

Cartos a esgalla

O novo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, vén de estrearse no Parlamento. Na crónica de Praza Pública sobre o asunto recollo a reflexión de Valentín quen, tendo en conta como está a situación económica dos concellos, os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos mesmos só se poderían manter "metendo cartos a esgalla pola porta para adentro".

O pozo sen fondo que pode facer tremer os orzamentos da Xunta por adicarllo a tapar os gastos dos SNL dos concellos podemos consultalo neste documento da CTNL. Hai 520.000 € para repartir en dous anos (2011-2012) polo que o presuposto para o presente exercicio é de 260.000 €.

260.000 € é aproximadamente o mesmo que recibiu da Xunta o Faro de Vigo o ano pasado.. Dúas veces e media esa cantidade foron para  La Voz de Galicia. Pola contra a Radiofusión non chegou nin un céntimo, e iso que, para summum do disparate, na convocatoria destas subvencións, no artigo 2, aparece, textualmente:
Poderán solicitar as axudas obxecto destas bases as empresas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.
Non vou remexer no protagonismo que estes medios lle ofrecen ao galego, nin á defensa da identidade de Galicia. Iso é evidente acotío. Só vou aportar unha cifra para clarificar cal é a realidade e facer abrollar a mentira de Valentín García na súa verdadeira dimensión. O mellor estudo, polo menos que eu teña coñecemento, sobre o uso das linguas nos medios, é A lingua das novas, coordinado por Túñez López e por López García. Á altura do ano 2004 a porcentaxe de informacións redactadas en galego nos xornais podíase cifrar nun 3,67%. Para maior escarnio, todo o mundo sabe que a situación da presenza do galego nos medios non fixo outra cousa que empeorar nestes últimos anos, e as directrices marcadas pola política lingüística da Xunta teñen unha clara responsabilidade nesta desfeita.
Cartos a esgalla, efectivamente, pero como sempre, para o castelán.

mércores, 8 de febreiro de 2012

Apoios a Carlos Callón

ProLingua tamén apoia a Carlos Callón no seu procesamento por esixir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.
Boto en falta o apoio da Irmandade Xurídica Galega, que se ben lle son de agradecer os actos de defensa da lingua no ámbito xurídico, sería da maior importancia que se pronunciara neste caso para demostrar claramente que do mundo das leis aínda hai unha punta de lanza real que empuxe polo galego.
Tamén boto en falta un pronunciamento institucional, de parte, por exemplo, da SXPL. Pero, desde estes lares o certo é quen non espero nada.
Os apoios pódense enviar ao correo imprensa@amesanl.org.

Velaquí o comunicado de ProLingua:

Unha vez máis, desde ProLingua, vémonos na obriga de facer nosa a coñecida frase atribuída ao dramaturgo suízo Friedrich Dürrenmatt: “Que tempos estes, en que hai que loitar polo que é máis evidente!”. O feito que motiva este comunicado reviste unha significativa gravidade:

martes, 7 de febreiro de 2012

Escola e sociedade. O esquecemento da lingua.

Imaxes da sociedade de 1970 e os desexos para unha nova educación e para sacar adiante unha renovación pedagóxica que eduque persoas con criterio. Algo do que andamos moi necesitados.

L'Escola d'Estiu de Rosa Sensat 1970: Escola i Societat from Rosa Sensat on Vimeo.

Escola, sociedade... e lingua.
Eu que comencei a escola neses anos non teño nin un punto que lle revisar nin unha coma que lle sacar ao que dicía o meste Antonio Cuadrench como resumo da Escola de Verán Rosa Sensat daquel  ano. Unha reflexión tan cargada de sentido que despois de catro décadas segue sendo actual. Porén si que teño algo que engadir.
Alén da discriminación social e económica eu ben puiden constatar a discriminación lingüística. A escola daqueles anos aplicaba un férreo programa de inmersión en castelán acompañado dun desprezo absoluto por todo o que tivese un mínimo aire galego. As clases que recibimos, eu e todos os da miña xeneración, foron única e exclusivamente no idioma de Castela. Non só descubrimos o mundo en castelán, senón que tamén aprendimos a non aprender o galego, ou incluso a esquecelo.
Pola contra, este vídeo fixo que recuperara das brétemas da memoria un capítulo da miña infancia ben significativo do que estou comentando.

A palabra inexistente
A señora Elvira era unha mulleriña tan comida pola idade que só con moita dificultade se lle podía ver a cara gardada polo pano negro que nunca sacaba da cabeza. Entrou na casa sen petar, había confianza, e exclamou en alto:
- Ai! Que cansada veño! E non sabes que?... esquencéronseme os panos! Como me anda o sentido!
A mulleriña quedara en traer uns tapetes e deixáraos na casa. Pero eu non a entendín, e entón comenzou a miña burla:
- 'Esquenceron', que es eso? Que significa esa palabra? Eso no existe! La señora Elvira no sabe hablar!
Había pouco que compraran na casa unha enciclopedia que se anunciaba como a obra na que colaboraban 35 premios Nobel, a enciclopedia realizada íntegramente en España. 25 tomos. Fun dereito aos aos andeis onde lucían os lombos de todos eses libros e procurei: esquencer, esquencimiento, esque... Nada, non viña. Confirmábanse as miñas sospeitas, a palabra non existía. Así llo comuniquei a toda a familia, a señora Elvira era algo tonta, non sabía falar, dicía cousas sen sentido, esquencían ou esquencer, que ben se veía que tiña que ser un verbo, non aparecía na enciclopedia. Non me fixeron moito caso, e a señora Elvira marchou na procura dos tapetes.

A palabra atopada
A casa de Maruxiña estaba a poucos pasos do colexio. Era unha casa na que prácticamente non había mobles. Por veces, de volta da escola, miña nai pasaba por alí de visita. Iso a min non me gustaba nada porque me aburría. Normalmente acababa marchando para unha sala na que só había unha mesa e tres ou catro libros. Os libros estaban ben. Tiñan debuxos e moi pouco texto: só unha ou duas frases ao pé de cada ilustración. Eran uns libros raros. Estaban escritos en galego. A min nunca se me ocurrira que poidera haber tal cousa ata que os descubrín. Pasei as páxinas nunha na que aparecía debuxada unha muller cunha senlla á cabeza: "De andar a servir se me esquenció el jallejo", e respondíalle un mozo: "Vaites, vaites"

Foi como unha labazada. Decateime de que eu era a criada da ilustración. De súpeto, sen máis explicacións, recuperei o significado da palabra esquecemento, fíxena miña, e con ela, din o primeiro paso para recuperar a miña lingua. Así foi como aprendín moito máis dun libriño que mais ben parecía unha banda deseñada, que dos 25 tomos da enciclopedia que viña de estrear.
Por certo, os libriños con debuxos, soubeno despois, eran as Cousas da vida de Castelao.


domingo, 5 de febreiro de 2012

Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios.

Esta semana USC presentaba as actas das II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" que se desenvolveron no pasado mes de novembro. O traballo está coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela.

Mercedes Queixas Zas colabora co artigo "Mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino. O decreto do plurilingüismo" no que cunha arte excepcional no manexo do bisturí argumentativo, disecciona os males que o decreto do plurilingüismo trouxo ao ensino e ao traballo normalizador na educación. Ao rematar de lelo un advirte que o decreto ao que se fai referencia non se distingue en nada da Real Cédula de Aranjuez (1768) , aquela que dicía: «Mando que la enseñanza se haga en lengua castellana dondequiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas».

Noutro artigo Mercedes Queixas xunto con Valentina Formoso alertan sobre a presunta elección da lingua do ensino polas familias traballando sobre as liñas e galego e a súa  eliminación por parte do actual goberno da Xunta: "agora a Administración fala de respectar a decisión dos pais, pero ataca directamente o dereito a recibir ensino en lingua galega a rapaces e rapazas en ámbitos urbanos". Varios artigos sobre a planificación lingüística nos últimos anos en centros que contaban con liñas de galego confirman que mediante a súa aplicación evitábase a exclusión do galego en contornas castelán-falantes.
Outros artigos achégannos as experiencias normalizadoras realizadas en Melide, Rianxo, Culleredo, Santiago de Compostela, ou desde diversos puntos da xeografía galega aproveitando as oportuinidades de conexión que nos ofrecen as TIC.
Un documento para ler e a ter moi en conta para aplicar na práctica diaria da normalización dos centros de ensino.
Un apunte final: non se me escapa que varios dos autores deste documento, como as dúas nomeadas máis arriba ou Belén Escariz, van participar no II Encontro de Equipos e docentes pola normalización, organizado pola CGENDL que se celebrará o vindeiro sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas. Toda unha garantía.

Pódenche interesar:
Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. Publicación das actas das I Xornadas "Educación e linguas en Galicia", do 2010.
II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" , coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. II Xornadas "Educación e linguas en Galicia" Publicado en novembro do 2011.

venres, 3 de febreiro de 2012

Un xuiz contra unha palabra, contra unha lingua, contra un pobo

Comenzos.
Ano 2006. Eduardo Álvarez, veciño da Coruña, e secretario comarcal da CIG-ensino reclamou que tiña dereito a recibir a súa notificación xudicial en galego, topónimo oficial incluído. O xuiz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, negoulle esta petición ao tempo que atribuía a un 'erro ortográfico' o uso da deturpación *La Coruña. Os medios recibiron esta notificación antes que o interesado.
Aparentemente o xuíz Antonio Fraga comenzou desprezando só un topónimo, unha palabra.


Enceréllase o asunto.
Entón foi cando Eduardo Álvarez denunciou públicamente o cinismo do xuiz Fraga Mandián: 'segundo o dicionario, cínico é aquel que mente descaradamente para xustificar unha ilegalidade, e iso é o que fai o xuíz'
Entón Fraga Mandián denúnciao por inxurias e nomea a unha xuíza substituta para que levase este novo xuízo que non había de estar exento de polémica pois a Eduardo Álvarez non se lle permitiu exercer as funcións propias da defensa. Como era previsible, a sentenza, de agosto do 2007, condenaba a Eduardo Álvarez a pagar 5.200 €. A cousa non queda aquí.
Recúrrese o xuízo no que se lle impuxera a multa ante a Audiencia Provincial. En xaneiro do 2008 declárase a súa nulidade.
Para manter o tirón mediático do caso, o xuíz fai unhas declaracións na radio nas que asegura que as queixas contra o uso do curioso topónimo non teñen sentido, pois tamén  non ten sentido pois no xulgado tamén 'tamén se escribe vivenda con dous bes'.
A Mesa presenta entón unha denuncia ao Consello Xeral do Poder Xudicial contra Fraga Mandián por 'facer apoloxía da desobediencia da legalidade', en concreto da Lei de Normalización Lingüística. Estamos en xuño do 2008.
Un ano despois sabemos que o xuíz contraatacou de novo, con outra denuncia por inxurias, desta volta contra Carlos Callón, o presidente da Mesa. No xuízo, decembro do 2010, Callón negouse a declarar porque non recibira as notificacións en galego, demostrándose así que neses cinco anos, a normalización na xustiza non avanzanra nin un milímetro. Xullo 2011: arquívase a denuncia. Porén o xuíz decano apelou e ten que se celebrar outro xuízo o vindeiro día 10.
Cantos xuízos!, cantos cartos gastados! cantos recursos mal empregados! E todo porque hai xentiña empeñada en que a nosa lingua non poida usarse con normalidade.

Diagnóstico social
Actuar contra unha palabra, como neste caso, contra un topónimo, non é un simple erro ortográfico. Comprobouse ben neste caso que a aparente desconsideración lingüística é moito máis, é un ataque a toda unha lingua, á esencia da nosa identidade. O xuíz ao escribir á mantenta o topónimo deturpado actúa contra todos nós como pobo. E se o pobo non se escandaliza, é que pouco importa a súa lingua nin súa forma de estar no mundo.
Cando vexo estas cousas son eu o que me escandalizo cando non vexo reaxir ao mundo da xustiza e, en xeral, a toda a sociedade desaprobando os ataques do xuíz decano contra un topónimo, contra unha persoa, e contra outra, e contra todos nós.
Despois de todas estas voltas confímase unha unha sospeita que manteño desde hai tempo: que na práctica social vivimos cos modos e as normas da época da ditadura franquista. Mantemos as formas democráticas pero o cerne dunha boa parte da  sociedade mantén as súas raíces nun proceder que sorbe os seus fundamentos na podremia do máis escuro espíritu fascista.



'Sinbad' e 'Galván en Saor', na Marela Tarabela

Estes son os dous últimos números da publicación do IES Ulloa de Lalín, A Marela Tarabela.
O primeiro deles trata sobre o Sinbad: o de Cunqueiro e o da película de Antón Dobao.


Open publication - Free publishing - More cine

Este número xira arredor de 'Galván en Saor', a novela de Xohán Cabana

xoves, 2 de febreiro de 2012

Karaokes



Este non é mais que un dos karaokes cos que podes probar as túas capacidades no mundo da música que nos achegan desde o blogue da CENDL do Barbanza: o paraugas da lingua.
E teñen máis, se prefires:
Galicia, cantado polo grupo Os Carunchos, sobre o poema de Manuel María
Iste vaise, de Fuxan os Ventos, sobre o poema de Rosalía de Castro
O Cuco, por Suso Vaamonde, máis Manuel María.



mércores, 1 de febreiro de 2012

Xornada histórica para os medios en galego: Praza Pública e Cartafol

Cartafol, unha revista que saía á luz hai un ano como semanario en papel de temática educativa, transfórmase agora en revista dixital pensada fundamentalmente para ser consultada nas tablets, tamén aparece en formato PDF.
Os cambios no Cartafol non paran aquí e convírtese tamén nunha revista de información xeral.
Despois da impresionante avalancha de Praza Pública, recibimos con enorme satisfacción este novo espazo para o galego e a información independente.
O que parece un novo rexurdir dos medios galegos e en galego, comenzara a finais de outubro con Tempos Dixital e ten perspectivas de continuar avanzando cun proxecto moi consolidado, Sermos Galiza, e unha iniciativa que cada día colle máis  forza, Vitaminas para o galego.
Despois duns anos horribles para os medios en galego coa desaparición de cabeceiras como A Peneira, A Nosa Terra, Xornal, Galicia Hoxe, volve a sair o sol na terra da nosa lingua.

Praza Pública bota a andar


Comenza a andar Paza Pública. A gozalo.
Que é Praza Pública?
Dirixido por Marcos Pérez Pena. Con David Lombao e Lara Graña na redacción.

P.S: e ésta foia a súa primeira portada:

A planificación das linguas e dos discursos: lingua común, lingua de mestizaxe e outras falacias a respecto do español

imprescindible Xosé R. Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

A lingua, como feito social e instrumento básico de comunicación, desempeña un papel de grande importancia nas nosas vidas. Ao mesmo tempo, tamén costuma ser elemento de identificación grupal ou de clase e símbolo da identidade nacional das persoas. É por iso que, alén de constituír un capital cultural relevante, tamén pode acabar por se converter nunha ferramenta do poder político e do poder económico para ambos mellor controlaren os individuos e as sociedades. Desde aquel lonxincuo dito nebrixano de que sempre a lingua fora compañeira do imperio até á constatación actual do predominio mundial do inglés ao servizo dos intereses xeopolíticos e económicos dos Estados Unidos e de Inglaterra, a evidencia da utilización da planificación lingüística como eficaz instrumento de dominio dos grandes estados fica cada vez máis ao descuberto.