Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de marzo de 2012

Web da RAG: é tempo de innovar

Grazas aos incansables esforzos da CTNL enterámonos da renovación completa do portal da RAG e da prometida publicación dun novo dicionario en liña.

Sobre o dicionario
Elaborado a partir dun amplo corpus do galego moderno, o seu carácter é normativo, polo que unha busca no Dicionario ofrece información sobre a pronuncia, grafía e significados correctos da palabra. Achega, ao mesmo tempo, información gramatical (xénero dos substantivos, formación do feminino, réxime dos verbos...) e, cando é pertinente, sobre o nivel de uso (rexistro formal ou familiar). As acepcións do termo buscado acompáñanse de sinónimos, antónimos e voces próximas semanticamente, ademais de ilustrarse con varios exemplos de uso. Asemade, o Dicionario incorpora a terminoloxía científica manexada nos niveis de estudos medios, así como as locucións e os fraseoloxismos de maior relevancia, cos seus significados e exemplos correspondentes.
No que se refire á súa consulta en liña, a páxina propón un sistema preditivo de busca que facilita a procura do termo. Na marxe dereita preséntanse os termos máis buscados polo público e a definición dunha "palabra á toa", ademais dun formulario que permite enviar calquera suxestión para favorecer unha mellora constante do dicionario. Ademais, unha aplicación permítenos enviar a Twitter a procura realizada, contribuíndo, deste xeito, á socialización do galego no seo das redes sociais.

Sobre o web
Afornunadamente despois da renovación do web da RAG, podemos atopar algo que non se parece nada ao orixinal.
A páxina principal está centrada nun listado de novas. Nunha barra lateral temos unha axenda de actos e algúns destaques. Desde esta mesma páxina principal podemos acceder a varios temas epigrafiados como A institución, O galego, Membros da Academia, Actualidade ou Letras galegas. Tamén temos acceso ás seccións adicadas ao Arquivo, Revistas,...
Pero vou destacar, polo momento, o apartado de Recursos. Desde aquí a RAG fornécenos con:

  • Normas ortográficas e morfolóxicas, o acordo do 2003 foi ata o momento completamente desaproveitado para avanzar na normalización. Xa sei que tal e como está a política lingüística continuaráselle a virar as costas ao éxito institucional que supuxo este acordo. Pero aquí está, para quen o queira consultar.
  • Cartografía dos Apelidos de Galicia, desafortunadamente non se renovou desde a súa edición no 2001
  • Dicionario de pronuncia da lingua galega, devólvenos a pronuncia formal estándar. Tamén temos esta posibilidade desde o novo dicionario en liña da RAG.
  • DIGATIC, é o dicionatrio galego das TIC. Ao ritmo que se desenvonven as novas tecnoloxías, compría renovalo e actualizado decote.
  • Dicionario galego da Televisión, nacido da necesidade de nomear os elementos da produción televisiva. Un produto do Termigal.

Xa dispoñíamos hai tempo da posibilidade de consulta do Volume I do MSG 2004 (Mapa Sociolingüístico Galego). Por fin (polo menos para min é así) temos acceso aos outros dous volumes. Xa os repasaremos con vagar.


-

venres, 30 de marzo de 2012

O galego no hospital

por un excelente Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

Non utilizo neste título o masculino singular para me referir ao conxunto prototípico de persoas galegas, uso que con certeza debemos condenar por sexista e por tanto discriminatorio para as mulleres. Refírome á lingua galega, que, como idioma natural e propio deste país, tamén está presente na vida hospitalaria, como non podía ser menos, aínda que tal presenza teña certas peculiaridades que a seguir se comentarán. Tamén podería suxerir este título que a lingua galega está hospitalizada porque sofre algunha doenza que require un tratamento e uns coidados especiais nun centro sanitario. No entanto, ben sabemos que non é así. E non de certo porque non precisase esa atención especializada que lle devolvese a plena saúde de que gozou en tempos pretéritos. Máis ben porque os gardiáns oficiais dela –a Xunta e o conxunto das institucións públicas– lle están a aplicar un severo plano de austeridade que só dá para un que outro coidado paliativo na propia morada, cal se dun doente terminal se tratar. E aínda temos a sospeita de que alguén lle estea a subministrar subrepticiamente medicación daniña co obxectivo de acelerar a súa morte.

mércores, 28 de marzo de 2012

Ameazas a un instituto balear pola defensa do catalán



Hai uns poucos días comentaba o caso de Jaume Bonet, o mestres xubilado que estaba en folga de fame en protesta pola política lingüística do goberno balear. Agora é a represión da defensa da lingua o que é noticia. Todo comenzou por outra iniciativa de defensa frente aos ataques ao catalán. Trátase da campaña Enllaçats per la llengua, que promovía o orgullo polo catalán e a súa defensa colgando lazos coa bandeira de barras. Nun instituto próximo a Palma, o IES Marratxi, elaboraron este vídeo durante un recreo, e coa libre participación de alumnos e profesores do centro. A Conselleria d'Educació con clara intención represora xa iniciou a apertura dun expediente ao profesorado do centro.
Debemos ter moi claro que o patrón polo que se desenvolve a política lingüística nas Baleares é o mesmo que o que sufrimos en Galicia. A resposta que deron alá xa a sufriron os Equipos de Normalización aquí no seu dia, e ninguén que defenda a lingua está libre deste tipo de ataques nun futuro. O que dá asco é que agora os paus choven desde o goberno. Pola contra, ninguén sabe deste tipo de ameazas, nin en Galicia nin nas Baleares, contra aqueles que atacan o galego ou o catalán. Pois éstes aínda han de recibir os parabéns!
O máis curioso do caso é que estas políticas fanse baixo o presunto impulso do plurilingüismo. Estraño o plurilingüismo ese que só toma medidas en contra da lingua propia.

Gheada no cerne da normalización

"A reganadentes comenzamos a emisión deste luns", "Un coche arrolou a catro transeúntes en Vilagarcía", "Unha muchedumbre ateigaba a praza do Obradoiro", "Vou a dicir unha cousa", "O fixo moi ben", "Lle pareceu ben", ....
..."Imos volver a reunirnos mañá pois o prezo do leite mantense e non chegamos a un acordo coas empresas".
 Alto aí! Iso é gheada!

Todas estas frases están recollidas das ondas da radio ou da televisións galegas. Escoitámolas decote. Pero unha pequena polémica destapouse desde que  El País nos traladaba esta nova informando que a presentadora Lorena Pose do programa A Revista da TVG, foi invitada pola dirección de informativos a abandonar a gheada coa que por veces nos regalaba na condución deste programa de lecer das fins de semana. Non tardaron en aparecer reflexións en contra desta reprobación da dirección da TVG pois a norma RAG permite a gheada e outras variantes dialectais, variantes que son empregadas habitualmente por moitos galego-falantes e que xa ten aparecido noutros programas como a mítica serie Mareas Vivas. Pola contra, tamén hai opinións noutro sentido, que  argumentan que permitir estes desvíos sería abrir unha porta a outros tales como bueno, ayer,...
O debate non remata aquí. Unha opinión máis ponderada é a de Carlos Callón, quen indica que é realmente rechamante que se lle pegue un aviso a unha presentadora polo uso eventual dun trazo dialectal mentras que tertulianos que repiten colaboracións semana tras semana nos espazos de comunicación públicos se negan a usar o galego ou ben haxa locutores que nunca diferenciaron unha bola dunha bóla. Callón propón establecer no ensino, adminsitración e usos formais dos medios os espazos para o estándar.
E velaí que todas estas achegas veñen desde a defensa e a procura dun futuro mellor para a nosa lingua. O que sucede é que estas discrepancias non fan outra cousa máis que evidenciar que ao galego aínda lle quedan moitos pasos que dar na súa normalización. Hoxe mesmo escoitei na canle 24 horas da TVE a unha presentadora canaria falar con seseo e acento desas illas. O español non ten problemas de normalización e este uso do seseo ten máis que ver coa identidade dos cidadáns canarios que con ningún outro aspecto estrictamente lingüístico.
Non atoparemos neste debate aos que non teñen interese ningún pola lingua e a súa calidade e prestixio. Non é unha cuestión principalmente filolóxica. Pola contra é, sobre todo, un cuestión de identidade. Por iso  non atoparemos neste debate aos que non teñen interese ningún pola lingua e a súa calidade e prestixio.
Así, cando escoitamos a un galego pola radio dicir "Imos a volver a reunirnos mañán pos o precio de a leite se mantén e non temos chegado a un acuerdo con as empresas " percibimos máis información do emisor sobre o seu desprezo polo propio que sobre a baixada do prezo do leite. E aquí si que non hai gheada.




Vídeo vía Gavieira



domingo, 25 de marzo de 2012

Carta boca arriba á concellería de Cultura da Coruña

por Diana Varela Puñal, no Galicia Hoxe:

Ante as declaracións verquidas polo alcalde da Coruña, o señor Carlos Negreira, afirmando que é "o desexo do Goberno municipal apostar pola pluralidade lingüística e cultural como unha oportunidade para os coruñeses", paréceme oportuno transcribir de xeito literal, con todo o que iso implica, dada a premura coa que foi redactada e os excesos propios de todo texto sen repouso, a carta que reenviei á Concellería de Cultura da Coruña, en resposta á súa programación cultural, que todas as semanas viñan enviando por correo electrónico:
Prezados Sres.:

sábado, 24 de marzo de 2012

Domingo Fontán

Documental do ano 1996 sobre Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia. Primeira parte:



Segunda parte: sobre a confección do seu mapa de Galicia


Terceira parte: actividade política e os seus últimos anos de vida


Vía Fundación Domingo Fontán

venres, 23 de marzo de 2012

Spanglish

por Suso de Toro, nun dos mellores artigos que eu nunca vin en anos, nas páxinas de El País:

Spanglish é un filme norteamericano entre a comedia e o drama, sóbranlle caras lindas e un cuarto de hora de prebe de azucre e con todo... Con semellar banal, trata de asuntos serios e complexos como as relacións de clase, de nais e fillas, o matrimonio, as linguas, a identidade persoal e colectiva.

Censuras en vida, censuras póstumas

por Pilar García Negro, profesora da UDC, en El País:


Cadroume ler no día 2 deste mes o artigo de Suso de Toro Aquilinaria carballesa, en que se facía eco da censura que se cerneu no seu día sobre a persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero, no comezo da cativa institucionalización autonómica. Agradoume moito o seu contido, pois o escritor evocaba os termos principais dun conflito onde o profesor mantivo a súa independencia de criterio e a súa defensa da lingua de xeito tal que non cabía no marco de control e distribución regulada da mesma e da súa literatura.
Dúas semanas despois, lin tamén con atención o artigo da profesora Helena Miguélez Carballeira, O outro tabú sobre Carvalho Calero, indubitabelmente provocado polo que citei de Suso de Toro, mais que non aparece nomeado por nengures. Nen este artigo nen nengún outro, ou estudo ou análise onde se examine a obra do profesor e se reivindique o seu legado. Bon comezo, abofé: denunciar pretensamente un silencio, aplicalo estritamente a quen se critica! Mais vaiamos aos termos principais do que á autora lle produce, seica, grande irritación.

En folga de fame pola lingua. O caso de Jaume Bonet

Jaume Bonet, docente xubilado de 64 anos, leva 23 días en folga de fame para protestar contra a política lingüística do goberno das Illas que nos últimos tempos está cometendo un ataque radical contra o catalán nas Baleares. De requerise o seu coñecemento para o acceso a un emprego público, a lingua propia pasa a ser só un aspecto máis de puntuación meritocrática. Ademais de establecerse a alternancia lingüística na toponimia,  IB3, a compañía de radio e televisión pública mallorquina, padece un continuado e sistemático proceso de castelanización.
Tal e como di o propio Jaume Bonet, os medios de comunicación responden a determinados intereses, por esta razón, unha noticia coa que os galegos estamos especialmente sensibilizados, está completamente oculta.Claro que, como sinala o lingüista Enric Serra, se o caso fose sobre os abusos cometidos en Papúa Nova Guinea ou na Patagonia, tanto medios como cidadáns ben pensantes comentarían o caso con cara de finxida preocupación. Isto é o que fixo a deputada balear do PP Ana María Aguilo, quen ante a pregunta de se se interesara polo estado de Jaume Bonet respondeu 'prefiero ir a visitar a personas que de verdad no pueden comer'. Sobran os comentarios a tanto desprecio e insensibilidade frente a unha postura de infinita dignidade, pois Jaume Bonet insiste en que non está a xogar e que o seu desafío vai moi en serio.
A acción de Jaume Bonet conta co apoio da organización á que pertence, Jubilats per Mallorca, que entregou un escrito a pasada semana aos 59 diputados autonómicos no que se reafirman na defensa do coñecemento e o uso da lingua propia.

No seguinte vídeo recibe as mostras de solidariedade dun recoñecido loitador polos dereitos humanos, candidato ao premio Nobel da paz,  Juan Carrero.



Para máis información: #vagadefamperlallengua e Jubilats per Mallorca


xoves, 22 de marzo de 2012

Datos do Instituto Galego de Estatística contra o decreto do plurilingüismo

Desde que o marqués de Laplace, un matemático ilustrado dos tempos da Revolución Francesa, nos explicara que o estudo estatístico dos datos da poboación é un aspecto fundamental para o bo goberno, para a toma de decisións para poder establecer políticas ben fundamentadas na realidade social  fíxose imprescindible ter en conta os informes estatísticos .
En Galicia temos un organismo, o Instituto Galego de Estatístico (IGE), que é o encargado de fornecernos dos datos que radiografían a sociedade galega. Nun informe emitido hai un par de anos o IGE debuxa os datos esenciais sobre o coñecemento e uso do galego como parte da enquisa de condicións de vida das familias do 2008. Invito quen queira a consultalo pois o IGE é un organismo fiable que ademais ten vocación de divulgación do seu traballo ao conxunto da sociedade. De todas formas vou destacar dous dos aspectos que tratan neste informe.
Un pode verse moi claramente no gráfico de barras superior. Así como todos lemos e escribimos de esquerda a dereita, cómpre ler o diagrama de barras en sentido inverso; isto é de dereita a esquerda. Ao facérmolo así estaremos observando cal é a tendencia do uso do galego. Se observamos a liña quebrada veremos como descende continuamente (de dereita a esquerda). Esta liña marca o uso de só galego/máis galego, e indícanos cara onde tende o futuro do uso do galego: sempre cara abaixo. Isto é indicativo de algo do que ninguén fala: do tremendo fracaso das políticas en materia de normalización levadas a cabo ata o momento. Estas políticas non só seguen na mesma liña dos anos anteriores, senón que se volveron moi agresivas en contra da normalización, polo que o futuro que se enxerga, de non producirse un cambio que polo momento non se albisca, é moi negro.
No segundo gráfico que rescatei do informe  do IGE 2008 represéntase a porcentaxe de uso de galego/castelán nas clases e faise unha comparación cos resultados dunha enquisa das mesmas características realizada no 2003. Podemos comprobar que mentres no 2003 o uso do galego como lingua vehicular preferente  no ensino se movía entre un 24% e un 61% segundo as idades, no 2008 estas cifras incrementáranse en todos os tramos para situarse entre un 42% e un 72%. Este maior uso do galego débese seguramente en boa medida ao decreto 124/2007  e ao ambiente favorecedor e de promoción que se construíra ao seu arredor. A pesar disto, de que por un período breve se estableceron os que deberían ser os mínimos para a promoción do galego no ensino, non houbo un cambio na mesma medida no resto da sociedade por non trasladarse esta mesmo impulso normalizador a outros ámbitos. Pensemos un pouco no mundo xudicial, sempre impermeable á súa galeguización.
Pois ben, a pesar de termos este panorama, que se detecta detrás dos datos que nos proporcionan organismos como o IGE, a Xunta que nos leva gobernando os tres últimos anos decide que a presenza social do galego é insoportable e procura a súa redución por todos os medios ao seu alcance, especialmente onde máis se avanzara e onde máis compría ese avance: no ensino.Deste xeito vemos como agora, aínda admitindo que os resultados para o uso do galego son especialmente malos nas franxas etarias correspondentes aos máis novos, enténdese que a mellor forma de enfocar o problema é reducindo máis a súa presenza, prohibíndolle ao profesorado o seu uso, ameazando a ese mesmo profesorado, restándolle prestixio ao uso do galego,  prohibindo a edición dos escasos libros de texto e materiais didácticos en galego, atrancando o traballo normalizador, actuando en contra de publicacións didácticas polo feito de estaren redactadas en galego, e excluíndo de facto a grandes masas da poboación xuvenil do contacto coa lingua galega. O enxendro que se agocha detrás de todos estas atrocidades chámase decreto do plurilingüismo, e só aplicando unha lóxica ao revés pode defenderse (ou odiando profundamente á lingua galega, claro).
Moitos máis datos, neste informe:
IGE_uso_linguas_2008

mércores, 21 de marzo de 2012

"El català, llengua vehicular!"


Composta por Josep M. Porté, velaí vai unha canción gabando ao catalán como a lingua vehicular e de cohesión para unha sociedade; o catalán como base da identidade, a tolerancia e a liberdade na escola.
Canto tardaremos nós en poder editar unha canción como esta?



Una terra d'acollida; una llengua sense estat.
Des d'Andorra a l'Alguer, des del Rosselló a Alacant, de Ses Illes a la Franja.
L'enciclopèdic Ramon Llull, el poeta Ausiàs March, Martorell i el seu Tirant.
Un model educatiu de qualitat; que no segrega i cohesiona.
Que l'actual model d'escola és el resultat d'esforços de tota una societat.
Que ha patit la demagògia, entrebancs i prohibicions, d'aquells que no l'han estimada.
Immersió, identitat, tolerància i llibertat a l'escola catalana.
Sense imposicions serem, més rics en coneixements i harmonia ciutadana.
El català llengua vehicular; combatent desequilibris.
Cal emprar-la per a mantenir, la competència desitjada.
Càntics d'Espriu i Verdaguer. Rodoreda, Joan Fuster, Martí i Pol i Jesús Moncada.
També Casals la difongué, més enllà de l'oceà, nostra llengua catalana.
Immersió, identitat, tolerància i llibertat a l'escola catalana.
Sense imposicions serem més rics en coneixements i harmonia ciutadana. 

martes, 20 de marzo de 2012

Feijóo destrozando o galego


Visto n´O Dioivo. Por Gonzalo Vilas.

Mil festas máis para a lingua galega

por Xosé González Martínez, presidente do foro Enrique Peinador, no Faro de Vigo; aínda que os do Faro colocaron o artigo o máis escondido que puideron. Tamén o reproduce Galicia Confidencial:

Un pobo que non canta na súa lingua é un pobo sen identidade de seu. Con palabras semellantes dixérao Prudencio Romo, músico e compositor, "alma mater" dá orquestra "Os Tamara" pouco antes do seu pasamento nunha entrevista emitida pola TVG ao comentar as razóns que vos moverán a cantar en galego. Ou seu acerto consistíu en recrear as vellas cantigas presentándoas en ritmos modernos que lles reportaron notables éxitos.

luns, 19 de marzo de 2012

A incompetencia dos que convocan probas de competencias

A Mesa denunciou ante a SXPL a convocatoria de probas de competencias clave aparecida no DOG do 17 de febreiro e publicada pola Consellería de Traballo e Benestar por traer un formulario de inscrición no que o galego estaba completamente excluído como se pode comprobar accedendo á ligazón.
Aquí podemos ver como quen convoca probas de competencias clave non serían quen de aprobalas. Tamén veremos como a SXPL cala.

O tren lip dub


Outra máis do IES As Barxas de Moaña. Desta volta coa versión que Eladio y los seres queridos fixeron do clásico 'O tren'  de Andrés do Barro.
Vía CGENDL

domingo, 18 de marzo de 2012

Normalización ou enxerto?

Xan de Xoana foi unha desas persoas célebres entre a súa veciñanza. Naceu e pasou toda a súa vida en Cereixo, unha das parroquas da Estrada. Calquera diría que lle faltaba un fervor.
A Xan de Xoana déraselle polos inventos. Contan del que andaba buscando a maneira de contruir un sacho para sacar sentado. Toda unha revolución na agricultura. Noutra ocasión colleu unha resta de galo e enxertoulla á cadela que el tiña coséndolla con fio e agulla na testa do animal.
-Esta cadela ha de parir ovos, verás.
Cando tal viu e oiu un veiño seu, de certo que debeu cismar no mesmo ca min cando leín a noticia de que grazas o empeño do novo secretario xeral de política lingüística, Valentín García, o xonal 'Tierras de Santiago' pasaba a chamarse 'Terras de Santiago' ao tempo que galeguizaba os seus contidos. É coñecida a relación de Valentín con 'Tierras' pois neste semanario publicou algúns artigos como un no que denunciaba o desmantelamento do servizo de normalización de Ames, aínda que el é responsable deste e doutros 15 pehes por partida dupla, primeiro como técnico da Rede de Dinamización, e despois  como político deste a dirección da SXPL.
A noticia foi da colaboración con 'Terras' foi divulgada mediante unha nota de prensa institucional da SXPL que se parece máis que nada a un enxerto. Paso a comentar tres ovos que saen del.
O primeiro. Podemos ler que desde a SXPL consideran
  de gran importancia que o xornal comece a editarse integramente en galego
E tería o seu aquel,... se fose certo. Bastaríalle a Valentín con botarlle un ollo ao exemplar que mantén entre as mans para comprobar por el mesmo que o total das páxinas en galego non chega ao 25%. Xa temos unha medida do que a SXPL considera completamente normalizado.
Como esta grosa mentira lles debía parecer pouca, continúa o comunicado. Segundo ovo:
“con esta medida iniciase un proceso de incremento do uso de galego nos medios de comunicación, a través de compromisos de colaboración coas empresas editoriais”. 
Habémolo ver. Polo momento dá moito que sospeitar que Praza e O Dioivo, medios que si están en galego e demostraron na súa curta historia unha clara intención de contribuir sen fisuras á normalización, non reciben este mesmo apoio insitucional. Veremos que o que precisamente non gosta á SXPL é ese compromiso co galego.
Terceiro ovo:
Deste xeito o xornal cumpre coas directrices feitas públicas pola secretaría xeral, e mesmo coa preocupación do Consello da Cultura Galega, de achegar o galego á xuventude, 
Que pinta aquí o Consello da Cultura Galega?. E por que non poñer a RAG? Ou o BNG? E ao PSdeG non lle interesa que a xuventude teña máis relación co galego? Ou tamén: 'Terras' é un xornal que ten unha liña especialmente atractiva para a xuventude? Vexamos de que trata. Algúns dos seus titulares son: 'El gobierno de Teo reorganiza las áreas de gestión municipal', 'El BBVA se incorporará al polígono industrial de Vedra', 'Vivienda protegida en Melide sin ocupar desde hace 4 años', 'O traballo das leiteiras de Calo e Cacheiras'. Pola contra, deféndese o funesto decreto de plurilingüismo que exclúe a grandes masas da xuventude do contacto co galego. Velaí onde se descubre o verdadeiro interese da SXPL.

Normalizar ou restrinxir?
A poco que fedellemos baixo o titular da nova comprobaremos que non se trata de ningún gran avance para a normalización. Sabemos que a SXPL asinou un contrato de colaboración coa empresa editora de 'El Correo Gallego' para que un semanario (non un diario) que se distribúe gratuitamente (polo que a súa contribución ao estatus da presunta lingua promovida se vería completamente tocado) só nos concellos dos arredores de Santiago (polo que máis do 90% da poboación non terá acceso a el), que ten a metade de páxinas dun xornal estándar e que finalmente, só ofrece unha cuarta parte de material en galego. Máis que normalizar o que parece que se está facendo é restrinxindo o uso da lingua  desprotexida para vendelo como como avance do seu uso. Visto isto, un xa comenza a sospeitar que o que está a facer a SXPL é pagarlle ao Grupo El Correo por pechar o 'Galicia Hoxe'
O que diría calquera sobre a presunta  contribución da SXPL á normalización dos medios sería o mesmo que lle contestou o veciño de Cereixo a Xan da Xoana:
- Galiña será, pero chéirame a can.

venres, 16 de marzo de 2012

Que é a toponimia?



Durante este mes estivo desenvolvéndose o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polo Instituto de Estudo Miñoranos en colaboración coa Universidade de Vigo e os concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Neste vídeo o especialista en toponimia Gonzalo Navaza salientou o perigo de perder esta riqueza de Galicia ao renomear espazos, rúas ou pontes esquecendo os topónimos que en moitos casos os identificaron durante milenios. Unha advertencia que sen descoñecer a vitalidade da lingua e o xeito dinámico das sucesivas poboacións que van ocupando os lugares, a situou nunha estratexia política que á vella usanza intenta "expandir a Civilización" sobre o que considera unha "terra incógnita", sen nomes propios. E o que é peor, sobre todo no eido urbanístico, en moitos casos eses cambios de topónimos están motivados nun prexuízo anti-galego, disfrazado de anti-rural.
Gonzalo Navaza explicou que, en Valencia a competencia en toponimia é municipal e isto levou a designar lugares como 'Manhattan Beach'.
No Campus Universitario de Vigo un profesor quixábase dun topónimo dunha rúa chamada 'Porto de Bois'. Comentaba este profesor que era unha vergoña mandar unha carta a outra universiade con este remite, pois os profesores estranxeiros, supoñamos que de Oxford, imaxinarían un lugar rodeado de bostas de vaca. 'Oxford' significa precisamente iso: 'Porto de Bois'.
Navaza tamén conta o problema da promoción urbanística na deturpación toponímica. En Vigo hai un lugar na parroque de Castrelos chamado o Pericoto. Chega unha construtora que constrúe un bloque de vivendas á que lle poñen o nome de 'La Colina de Castrelos'. Tamén en Vigo, o que nun principio era o hipermercado da Raposeira, é hoxe o Alcampo da Avenida de Madrid.
De onde son os forcaricenses? Os forcaricenses se son dalgún sitio, son de Forcariz.

xoves, 15 de marzo de 2012

Casouno unha intérprete



A Mesa denunciou dous casos de discriminación lingüística. Un deles foi o dun paciente que leva un retraso de 8 meses esperando a que lle entreguen en galego a documentación para que lle realicen unha operación. Chégase incluso ao caso de que se rin del polo feito de soliciar o que debería ser normal.
No outro caso solicitouse a un xulgado que unha voda se celebrase en galego; incluso se explicitou que de non ser así quería que se paralizasen os trámites ata que se asegurara a súa petición. Non foi así. A xuiza levou a cerimonia en castelán, mentres que unha intérprete os casaba en galego.
Finalmente Carlos Callón recorda neste vídeo informativo que desde o ano 2010, coa distribución do programa informático Minerva NOX, non é posible tramitar ningún documento en galego nos xulgados de Galicia.
Velaí unha vez máis que a liberdade de escolla é equivalente á imposición do español.
E que di a Xunta a todo isto? Pois como sempre, cala. Non lle importa. Non lle interesa que respecte o galego en Galicia pois ten posto o seu obxectivo en manter a imposición secular do castelán.

Mira por elas!

Mira por elas! é unha plataforma cidadá pola defensa da radio e da televisión pública galegas
Están promovendo un manifesto que comenza así:

Que defenda a identidade nacional de Galiza, promova o coñecemento e a difusión da súa historia e a súa cultura e impulse a normalización da súa lingua.

Entre os asinantes do manifesto están o PSdeG-PSOE, o BNG, EU, EI, AGAL, A Mesa, ProLingua, NEG, CIG, STEG, CCOO, UGT,...







mércores, 14 de marzo de 2012

Xeometría en galego: a páxina de Paulo Porta

Andaba pola arañeira da rede buscando recursos de matemáticas que me poideran ser de utilidade e fun dar cunha impresionante perla.
Menos mal que existe unha plataforma catalá, Creamat, que si mantén unha ligazón aos contidos aos que me estou a referir: a páxina de Paulo Porta, xa que estrañamente (?),  este portal non está ligado desde o proxecto Abalar, a pesar de que algúns recursos do web foron premiados pola Xunta dentro do programa SIEGA (Sistema de Información da Educación Galega).  Un dos apartados, que levou un premio SIEGA no 2003  trata sobre tanxencias. O outro traballo premiado é un impresionante percorrido polos poliedros e as súas propiedades. Ademais dunha presentación dos poliedros regulares, semiregulares e estrelas, o web ofrécenos arquivos pdf co desenvolvemento plano dunha enorme colección de poliedros e un apartado sobre a teselación do espazo.
Isto non é todo. No web de Paulo Porta tamén temos acceso a 18 demostracións visuais do teorema de Pitágoras.
E aínda hai máis. Case 30 métodos xeométricos para obter a cuadratura do cículo. Trátase, como se pode supoñer, de métodos que aproximan a área do círculo. Entre outras marabillas podemos ver un par de cuadraturas do padre Sarmiento, unha delas cunha aproximación excepcional, que nos daría un valor para  =3,1415926628 (as súas primeiras cifras son =3,141592653589). O método de Sarmiento ofrécenos un método para a obtención da área do cículo equivalente  unha precisión de  con 7 cifras decimais correctas!
Ademais de todo isto a páxina contén outros recursos relacionados co debuxo ou coa obra artística do autor.

martes, 13 de marzo de 2012

Valentim Fagim: 'Vivemos um processo de substituiçom linguística mui avançado'

Marcos Pérez Pena entrevista a Valentim Fagim, presidente da AGAL, para Praza (nesta ligazón contén audio):
Valentim R. Fagim preside desde 2009 a Associaçom Galega de Língua (AGAL), que o passado ano completou três décadas. É autor de obras didáticas como Do Ñ para o NH, Manual de língua para transitar do galego-castelhano para o galego-português, e o trabalho que desenvolve, pessoalmente e no seio da associaçom, consiste em mostrar aos galegos e as galegas que a língua da Galiza é a mesma que fala Lula da Silva. Esta será a década do Brasil, país que nom deixa de crescer economicamente e de ganhar peso internacional e que organizará, dentro de dous anos, o Mundial de Futebol e em 2016 os Jogos Olímpicos. Fagim pensa que a Galiza nom pode desaproveitar a oportunidade que lhe oferece a sua pertença ao mesmo espaço linguístico que o gigante brasileiro.
Como valoras a situaçom da língua hoje em dia?
Vivemos um processo de substituiçom linguística mui avançado. Isto é tam simples de constatar como ir a um parque, por exemplo na cidade de Santiago, e escutarmos a língua dos avós -que falam 90% em galego- e a língua das crianças -que falam 90% em castelhano-. Em Vigo os avós já nom falam 90% em galego. Por outra parte, cada nova geraçom fala um galego cada vez mais misturado com o castelhano. A minha avó, por exemplo, diz balor, a minha mai já dizia moho, e a mim chegou-me moho. Isto vemo-lo todos, nom fai falta ser um especialista.

Que é o plurilingüismo?

Velaí o significado do plurilingüismo.
No Bico da Ría tamén deron a súa versión
Vía CGENDL

Ponte.tv


Aquí hai debate en Ponte.tv
Este vídeo é a mellor carta de presentación dun novo medio local que podemos consultar na arañeira da rede. Trátase de Ponte.tv, unha televisión que ofrece reportaxes sobre a cidade de Pontevedra.
Sábado 11 de febreiro. Café Moderno de Pontevedra. O IES de Ponte Caldelas é o gañador do III certame de Club de Debate sobre o tema: "A democracia actual permite a participación cidadá?"
Con esta actividade, a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario, busca dinamizar do uso da lingua galega mediante o traballo da fluidez comunicativa e o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade.
Vía CTNL

luns, 12 de marzo de 2012

Máis galego na rede

Algunha vez temos boas noticias para a normalización.
O proxecto de Google para facerlle frente a facebook, Google+, nacido hai un ano, vén de incorporar a posibilidade de podérmolo xestionar en galgo. Así o anunciou A Mesa, quen foi a primeira en recoñecerlle a Google este paso adiante. A un tempo a asociación de defensa da lingua solicítalle a Google que traslade este exemplo a outros seus produtos da rede, como o Gmail ou Blogger.
Con este paso dado pola multinacional twiter fica soa como única rede social que non posibilita a súa xestión en galego.
Para levar adiante a incorporación do galego ás distintas plataformas tecnolóxicas A Mesa considera fundamental a implicación da SXPL. A ver se desta vez responden favorablemente ou, como ata  momento, lle continúan a virar as costas á nosa lingua ofrecendo únicamente actos floridos, simple escaparate dunha tenda que non ofrece produto ningún.
Nos últimos dias douse algún paso positivo. No último Consello da Xunta o goberno galego por medio da Secretaría Xeral de Innovación e Modernicación Tecnolóxica,  decidiu aprobar unha partida económica para financiar os custos que a Asociación Puntogal precise para a obtención do dominio '.gal'. Unha boa noticia que ten como protagonista á Xunta. Esperemos que haxa máis.

domingo, 11 de marzo de 2012

E ti como ligas en galego?



A Sala Nasa está a montar un proxecto inclasificable. Sexa o que sexa pode verse a súa evolución no blogue amores prohibidos 2.0.
Unha das súas achegas é ese vídeo onde unha chea de caras coñecidas nos explican os seus métodos para ligar. Se ti quixeras compartir coa tripulación da Nasa as túa metodoloxía, podes poñerte en contacto con eles.


sábado, 10 de marzo de 2012

Ai, se eu te leo



No CEIP de Antas de Ulla ou, como lles gusta dicir a eles mesmos, no centro xeográfico de Galicia, un colexio con 84 nenos e 13 mestres fixeron un lipdub sobre a base do Ai, se eu te pego, de Michel Teló. Pegáronlle unha reviravolta e aproveitaron o entroido para a gravación.
Vía Departamento de Galego

venres, 9 de marzo de 2012

Tanatomaquillaxe

por Carlos Callón, en El País:


Causou abraio en moita xente que Alberto Núñez Feijóo fichase dous lingüistas para executaren as políticas máis agresivas contra o galego en trinta anos. Como se pode comprobar cunha simple procura en internet, antes da derrota electoral do bipartito as persoas que porían rostro á desfeita defendían –ou dicían defender?– todo aquilo que despois destruíron de xeito activo.

xoves, 8 de marzo de 2012

Pilar versus piar



Eu son Pilar
Eu tamén son Pilar
E eu!
En Galicia somos 1.445.831 mulleres.
E todas somos Pilar
As mulleres somos un piar fundamental da economía de Galicia
Onte, hoxe e mañá
Porque sen mulleres non hai Galicia

Este é o anuncio da Xunta para o 8 de marzo. Como todo o que fan na Xunta, está pensado en castelán. Desta vez aínda tivemos sorte porque o traduciron ao galego. Pero claro, quedoulle feito un churro.
Eis unha consecuencia máis da desastrosa política lingüística que alicerza o goberno que sufrimos.

Volve o Correlingua!



Toda a información do Correlingua 2012 nesta dirección.
E que alguén me explique porque a SXPL mira esta festa de exaltación do galego con malos ollos.
Será porque a SXPL non está para darlle valor á nosa lingua, pois centra todos os seus esforzos na promoción do inglés.

martes, 6 de marzo de 2012

O plurilingüismo contra a lingua propia


Español from Fernando Tiberini on Vimeo.

A memoria mecánica, o uso dunha lingua que non é a da comunidade como no caso do español en Guatemala, unha escola desvinculada da comunidade, afastada da cultura do lugar, unha escola que non conta coa implicación familiar. Todos estes son factores que levan ao fracaso nas escolas que aparecen no documental. Isto é así tanto en Burkina Faso como en Pontevedra.
Este vídeo, que me chegou vía Xano Cebreiro, ten moitos máis valores que o que vou comentar sobre el; por iso recomendo velo enteiriño. Polo minuto 6 fálase do coñecemento endóxeno, o creado pola propia comunidade, en contraposición do coñecemento esóxeno, o que provén de fóra. Na escola tradicional priviléxiase o coñecemento esóxeno e isto resulta negativo porque xenera prexuízos. O desenvolvemento do individuo pasa por un fortalecemento do coñecemento propio; entón, sobre esa base, pódese acceder ao coñecemento esóxeno.
Este discurso implica, no caso da cuestión do plurilingüismo, que para acceder a outras linguas, debemos facelo desde a propia, cando ésta estea ben asentada. Eis que se o coñecemento doutras linguas pode ser importante, máis o terá que ser o da nosa. Isto significa que o actual discurso que nos chove (decreto, ordes centros plurilingües 1 e 2) desde a Consellería de Educación vai en contra do desenvolvemento do alumnado, contra a correcta aprendizaxe doutras linguas e mesmo é o principal alicerce sobre o que se contrúe todo o edificio de minusvaloración e desprezo da lingua e cultura galegas.
Cómpre, pois, cambiar de discurso.

luns, 5 de marzo de 2012

Canle TV versus Flocos


O substituto de Flocos é Canle TV, segundo o crítico cinematográfico Martin Pawley "nace como un tristeiro depóstito do pasado". O certo é que para esta viaxe non se precisaban alforxas. Polo momento, menos contidos (por exemplo non está o excelente documental Linguas Cruzadas [vídeo, unidade didáctica]) con menos información de cada un deles, ningunha novidade desde o peche de Flocos, e ningún indicio de programación.
O peor, na miña opinión, é o desleixo. A pesar de que tiveron a plataforma audiovisual pechada durante un ano, ao pé de todos os vídeos aparece o seguinte lema: 'Código para a tú web'. 
Sempre sucede así, o desprezo por unha cultura maniféstase primeiramente no descoido no uso da lingua.

domingo, 4 de marzo de 2012

Isto é galego


Isto é Galego. Episodio 1 from Cuac FM on Vimeo.
Isto é Galego, unha produción de Cuac FM, é o resultado dun traballo feito por voluntarios, con ilusión e creatividade. Procuraron facer un produto radiofónico entretido e dinámico.
O curso completo ten 13 capítulos;  pódese escoitar (ou descargar) o audio,  ou hai alternativa de seguilo nunha serie de vídeos da emisora.

Entrevista a Valentín García en EL País

Iago Martínez fíxolle unha magnífica entrevista a Valentín García no xornal El País.
Algunhas perlas:

'Ao conflito reretímonos sempre os que estamos impicados na cuestión do idioma, pero a nivel social non existe. Non é que non exista gora, é que tampouco existía antes.'
Sobre a cuestión de que en realidade non se cumpre o decreto do plurilingüismo:
'Mentres non teñamos evidencias en contra, estase a cumprir. Non podemos acutar de oficio como unha policía política. O sistema educativo está funcionando con normalidade. Non temos por que rasgarnos as vestiduras se a un libro lle falta unha frase, iso arránxase cunha nota a cada centro. En calquera outra área de doberno non pasaría dun breve, pero aquí ocupa titulares'
 
'Ti cres que alingua vehicular é tan importante na vida dun cidadán?' 
Sobre a cuestión de que a proximidade lingüística pode ser un atranco para a normalización:
'Non hai solucións puras. A proximidade tamén ten incovenientes, fai que o falante de castelán non vexa a necesidade de usar o galego. Eu pediríache que lle deras a volta: ao ser dúas lingua próximas e intercomprensibles, o conflito debería ser menor. O problema son os prexuízos na rúa e nos grupos que poden ter un interese ne defender unha postura ou outra.'
 
Pregunta:Por primeira vez hai un abismo entre a consideración das distintas linguas no Estatuto de Autonomía e o seu traslado ao sistema educativo. Que hai que cambiar: o decreto ou o Estatuto?
Resposta: Non hai que chegar a tanto. A venerable comisión que redactou o Estatuto non podía pensar nun horizonte como este. Hoxe calquer enxeñeiro en Galicia ten máis posibilidades de ir a traballar fóra e hai infitinade de publicacións especializadas que están só en inglés. En todo caso, o Estatudo dá para isto e para moito máis. Non podemos promocionar o galego combatindo outras linguas, porque xa están aquí e chegarán outra. O noso obxectivo ten que ser gañar usos onde nunca os houbo, non o esquenzamos.

'Non podemos perder a perspectiva. O Estatuto fai referencia á sociedade; o decreto, só ao ensino. Á escola correspóndenlle as patitudes e as actitudes, o uso é da sociedade. De que vale que un neno teña os manuais en galego se na rúa está todo en castelán?'

sábado, 3 de marzo de 2012

As mazás casamenteiras



"As mazás casamenteiras", é un novo traballo cinematográfico de Édelingua, do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón de Sada.
Como no caso doutro vídeo realizado por este mesmo Equipo, "Na oficina de obxectos perdidos",  está baseada nun texto de Séchu Sende.
Protagonizada por Alejandra e Miguel, de primeiro de ESO, e por Anna e Lucía, de 4º de ESO. Javier González Garrido (Genetic films), de 2º de Bacharelato, gravou, dirixiu e montou este filme no que o feito de valorar a esencia das cousas e non a súa aparencia e a casualidade ou o destino provocan o encontro de dúas persoas moi especiais, un mozo e unha moza moi tenros, amantes da lectura e tamén das mazás do país, as máis saborosas, aínda que non teñan boa "pinta".
Vía CGENDL

venres, 2 de marzo de 2012

Inglés versus portugués. O monolingüismo do plurilingüismo.


Noutra ocasión xa deixara por estes lugares outro vídeo dun spot da Xunta de Estremadura invitando aos cidadáns a aprender portugués. Neste de aquí a promoción pasa polas obvias oportunidades económicas que pode supoñer o coñecemento do portugués dunha terra fronteririza con Portugal. Nós compartimos cos estremeños esa proximidade. Pero é que ademais a nosa lingua, e en definitiva, a nosa cultura, fai que os galegos estemos nas mellores condicións de establecer relacións cos portugueses e, en definitiva, coa lusofonía que ningunha comunidade en toda Europa.
Unha das características do modelo imposto pola Consellería de Educación para o regulamento dos centros plurilingües é que está centrado única e exclusivamente no inglés. Isto non é plurilingüismo, é cosmopaletismo. Un cosmopaletismo que deriva dunha ideoloxía que, paradoxalmente, é mololingüe e que, en consecuencia, non pode traer mais que funestos resultados tanto para o ensino e a cultura como para a sociedade en xeral; tamén para a economía. Unha delas é que lle estamos pechando as portas a aprendizaxe do portugués cando os galegos temos, de partida, unha enorme ventaxa para implicármonos no seu coñecemento. Isto mesmo  recordábannolo tamén desde Lusoafonía, un dos blogues de Praza, co seguinte dato: no ensino secundario en Galicia contabilízanse 620 estudantes de portugués por 18.000 en Estremadura.
Este vídeo é a evidencia do mal que en Galicia estamos actuando desde o punto de vista político e económico pechándolle as portas a Portugal. Pois mentres nós cortamos as relacións con Portugal, son outros os que aproveitan as oportunidades de colaboración empresarial. O vídeo tamén destapa ata que punto non é neutra, senón completamente regresiva e desastrosa a política lingüística que está a levar a cabo a Xunta de Galicia, pois cun regulamento de plurilingüismo centrado única e exclusivamente no inglés está a destrozar, entre outras cousas, unha ponte que deberíamos ter permanentemente aberta con Portugal.
E así remata outro apunte sobre o plurilingüismo. Haberá máis. [o primeiro]

xoves, 1 de marzo de 2012

Día de Rosalía: de Ponteceso a Londres



O 24 de febreiro celebrouse o día de Rosalia. Este ano, ademais, tratábase de conmemorar o 175 aniversario do seu nacemento. Valaí algunhas  das lecturas que do alumnado do IES de Ponteceso.
E non podo deixar de recomendar o que fixeron no Cañada Blanch de Londres, Unha vez tiven un cravo, en galego:

Voice Recorder >>
En inglés:

Voice Recorder >>
En dariya:

Voice Recorder >>

Velaquí un exemplo do plurilingüismo ben entendido.