Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de abril de 2012

Manifesto de Vitaminas para o galego



Ubaldo Cerqueiro, de Quepasanacosta, presentounos o manifesto de Vitaminas para o galego nun festival celebrado o pasado venres en Santiago de Compostela.
Este manifesto será o protagonista das accións que Vitaminas para o galego levarán a cabo na vindeira edición do Día das Letras.
Vía Galicia Confidencial

Inspiraciencia. Relatos de ciencia en galego.

Inspiraciencia é un concurso de historias de inspiración científica que ten como obxectivo combinar a ciencia e escrita de forma participativa e ser un estímulo á innovación. O concurso ten dúas formas competitivas: contos (entre 800 e 1.500 palabras) e micro-historias (500 palabras).
Trátase dun proxecto da Unidade de Cultura Científica da Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Cataluña e o Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona (CSIC).
A competición ten dúas categorías: público en xeral adulto (máis de 18 anos) e as audiencias mozos (de 12 a 17 anos). As historias poden ser escritas en catalán, castelá ou galego.
Os relatos galegos premiados foron:
"Crecer" de Martín Pérez. Como Relato curto de Adultos
“Uchronia Labs”, de  Enrique Neira. Como Microrelato de Adultos.
“Carta de Nikola Tesla a Thomas Edison”, de David Novo. Como Microrelato Xuvenil.




domingo, 29 de abril de 2012

Quanto vale um idioma?

por Adela Figueroa, en Sermos Galiza:

No decurso destes últimos colóquios da lusofonia elaborou-se um manifesto oficial intitulado “MANIFESTO CONTRA A CRISE: A LÍNGUA COMO MOTOR ECONÔMICO”Deste parece-me importante destacar os últimos parágrafos, por acercar-se o dia das Letras Galegas e estar este nosso idioma mergulhado numa profunda crise , a diminuir o seu nº de falantes, e de utentes em geral.

sábado, 28 de abril de 2012

Album da ciencia: os matemáticos galegos

O Consello da Cultura Galega (CCG) tráenos á arañeira da rede un novo recurso que creo moi recomendable para o ensino e divulgación da ciencia. Trátase do Album da Ciencia, unha especie de dicionario on-line de biografías de científicos galegos. Polo momento temos un gorentoso adianto do que vai ser unha colección de 300 entradas cunha calidade excepcional, posiblemente debida aos coñecementos dunha considerable nómina de especialistas que podemos consultar aquí.
Polo de agora contamos cunha pequena mostra de biografías. Como por afición e traballo o que máis me interesa é o apartado dos matemáticos, recollo o publicado ata o momento polo CCG

Os matemáticos galegos
José Antonio López y Nobal (1763-1824). Exerceu como profesor de matemáticas na Academia de Guardas Marinas de Ferrol e estivo destinado no seu Observatorio Astronómico, o primeiro dunha institución en Galicia. É o autor dunha obra enciclopédica, Consideraciones Generales, na que se fai evidente a súa formación matemática.
Ángel Laborde Navarro (1773-1834). Foi o primeiro profesor de matemáticas do Real Colegio Militar de Santiago. Edita un libro de matemáticas básicas para o seu uso docente, probablemente o primeiro libro destas características imprimido en Galicia.
Pedro Antonio Cerviño Núñez (1757-1816). Natural de Campolameiro, destaca o seu labor como director da Escola de Náutica de Buenos Aires, onde impulsou un plan de estudos centrado nas matemáticas, sendo precursor desta ciencia na Arxentina.
Juan Jacobo Durán Loriga (1854-1911). Membro fundador da RSME, publicou unha gran cantidade de artigos de matemáticas. Destacan as súas investigacións nunha rama das matemáticas moi de moda a finais do XIX, a xeometría do triángulo.
Ramón María Aller Ulloa (1878-1966). Coñécese por ser o precursor do estudo da astronomía en Galicia. Foi profesor de Xeometría analítica e Análise Matemática na universidade compostelana. Como dato curioso e significativo querría destacar que no ano 1936 anunciase o que posiblemente podería ser o primeiro libro de divulgación científica en galego: Astronomía a ollo ceibe. A guerra civil e a dictadura impediron que isto fose posible.

Ademais deste Album da Ciencia, o Consello da Cultura Galega xa tiña outra colección ben interesante do mesmo estilo, o Album de Mulleres. Del destacaría o apartado dedicado a  María Josefa Wonenburger Planells. Unha figura mundial das matemáticas  [web]. Contén gran cantidade de recursos.O 28 de novembro do 2010 celebrouse nas dependencias do Consello da Cultura Galega  a xornada María Josefa Wonenburger Planells na creación de coñecemento  [web]. Inclúense  audios coas intervencións da xornada.
Otra muller deste Album, tamén figura destaca nas matemáticas e astronomía (traballou con Aller Ulloa), foi Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009), coñecida como a contadora de estrelas.

xoves, 26 de abril de 2012

Comulgando con rodas de muíño. O plurilingüismo

Eu, como comulgo con rodas de muiño, penso que introducir o ensino do inglés a nenos de 6 anos ou menos é beneficioso para a súa formación. Non me importa que José Manuel Vez, un experto da USC no ensino de linguas, diga todo o contrario.
Tampouco considero que sexa discriminatorio o decreto polo que se establecen os centros plurilingüies, pois paréceme moi positivo que, sobre todo os centros de ensino privado, substituán as clases en galego por outras en castelán con algunhas febras de inglés. A razón fundamental é que, como comulgo con rodas de muiño, non considero para nada negativo que eses rapaces acaben falando galego ao estilo Johnny Weissmüller nas películas de Tarzán: Eu Tarzán/ Ti Jane/ Aquí comer / Mañán marchar.
     O inglés é útil. Porén o galego é inútil. Eis o sentido de que a política lingüística de fomento do galego pase, en exclusiva, polo fomento do inglés. Así conseguiremos un inglés aínda aparentemente máis útil e un galego aparentemente aínda máis inútil. A consecuencia lóxica desta forma de entender o plurilingüismo vén sendo como se presentaba nun principio o caso do Colexio Jesús Maestro de Ponferrada, que para implantar unha sección bilingüe, eliminaba a posibilidade e escolla do galego como optativa. Velai que o plurilingüismo este non vai ser promotor da suma, senón que apostará pola resta, ou como dicimos agora os que comulgamos con rodas de muíño, contribuirá ao aforro en materia lingüística.
     O inglés, e non o galego, é o idioma que debe ocupar posición central na xestión da política lingüística. Razón ésta polo que conviña que o antes posible substituíramos a Secretaría Xeral de Política Lingüística por una academia de inglés, preferiblemente de xestión privada.
     Fíxose un Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras co obxectivo de que todos os galegos teñan competencia en inglés, pero non se fixo un  de potenciación do galego. Como os datos do Mapa Sociolingüístico 2004 aínda hai un 30% de utentes do galego entre os xóvenes (15 a 24 anos), non creo que sexa difícil reducir esta cifra mediante a aplicación dos plans plurilingües. Xa sei que isto vai en contra do Estatuto de Autonomía, pero é que a venerable comisión que o redactou non podía imaxinar que o artigo 5 viría de ser derrogado despois dunha disposición conxunta da Consellería de Educación e o Valedor do Pobo. Eis que agora, de facto o artigo 5.1 di que a lingua propia de Galicia é o inglés. Non podemos combatir o inglés promocionando o galego polo que combatiremos o galego promocionando o inglés.
     Como comulgo con rodas de muíño, entendo que o  plurilingüismo consiste niso, en deixar de usar o galego. Ou aínda máis, en aprender a desaprendelo, a deixalo de lado, a desprezalo (con moderación), a poñerlle límites, a non usalo nas clases de ciencias. Convírtese así o plurilingüismo nun perfecto oxímoron: canto máis plurilingüismo menos lingua (galega). Mais, con todo, eu son incluso galeguista. Por iso non me importa que se permita aos profesores de galego impartir a materia, iso si, sen imposicións.
     Non sei se o dixen, pero como comulgo con rodas de muiño, non só creo, senón que defendo que a potenciación dunha lingua forte como o inglés non intervén para nada na consideración do prestixio do galego. Así que estou encantado con que se desvíen os cartos que con cada vez máis saña nos retiran dos diversos impostos para que sexan xestionados por empresas privadas na implementación do plurilingüismo. Por iso tamén prefiro que se desvíen dotacións aos centros denominados plurilingües e que se privilexie ao profesorado que se comprometa a impartir aulas en inglés no canto de facelo en galego, porque penso que o prestixio do galego xa acadou cotas de consideración social suficiententemente altas e agora cómpre reducilas. Efectivamente, que na práctica non haxa medios de comunicación escritos en galego significa simplemente que todos sabemos ler moi ben en castelán. O feito de que o galego estea prácticamente excluído do mundo xudicial debe ser por axilidade; imaxinade que todos quixéramos declarar en galego como o ex-conselleiro Fernando Blanco que por culpa do seu empeño houbo que agardar 3 horas a que un tradutor verquera toda a declaración ao castelán.
     En definitiva, como acredito fundamentalmente no monilingüismo, defendo o que simpáticamente chaman plurilingüismo desde a Consellería de Educación.

Un dicionario que nace vello

por Manuel Rodríguez Alonso no Galicia confidencial:

Realmente o que fixo a RAG foi definir as palabras que figuran no Vocabulario ortográfico da lingua galega. Evidentemente, non puidemos ler todo o dicionario, que, polo de agora, non se ofrece en formato libro, o que non deixa de ser unha pexa para os lexicógrafos profesionais, pois, malia a utilidade que lles recoñecemos ás publicacións dixitais, necesitamos así mesmo o formato libro.

Unha okapi no Caurel: Sermos Galiza

"Okapis semellan animais que tenden á igualdade e á non discriminación. Polo nome non identificamos se okapi é femia ou macho. Aquí non hai plural excluínte"
Velaí o que é Sermos Galiza, un medio de comunicación que tendo como referencia Galicia preséntasenos  como unha ferramenta imprescindible para irmos construíndo un espazo de decisión propio a camiño do pleno autogoberno. Así Sermos Galiza é como unha okapi no Caurel, un animal estraño nun lugar que, visto como están as cousas, non é o seu: un medio en galego en Galicia e con vocación de non atacar a lingua e o orgullo propios, senón, moi pola contra, un animal que procura a igualdade e a non discriminación.
Teremos que ter coidado cos cazadores, por iso cómpre retirarlles a munición.

mércores, 25 de abril de 2012

'Amores prohibidos 2.0' no escenario virtual

Non é a primeira vez que fago referencia á suculenta proposta da nasa.tv chamada Amores Prohibidos 2.0.
Se volvo ao rego é porque a historia botou a andar chea de forza no espazo virtual.
Situémonos. Boiro 2012. Romeo e Xulieta son uns rapaces do instituto A Cachada que se namoran co conflito lingüístico como fondo.
Amores Prohibidos 2.0 é unha obra de teatro participativa e interactiva, adaptada a internet, que usa como escenario as redes sociais e  a plataforma Redenasa.tv
Neste espazo web estará toda a información sobre a obra. Cada personaxe terá o seu perfil, poderanse ver os vídeos, fotos e comentarios publicados por cada un deles. E tamén é aquí onde se poderá seguir a liña de tempo das súas conversas, tanto as que se produzan en Redenasa.tv como un extracto das emitidas desde Tuenti ou Twitter
Alén disto, se non queremos participar activamente pero si seguir a evolución da historia e as novas de cada dia,  Xespir publicará resumos no blogue 
No Praza publicaron un artigo do que saquei este vídeo, por provocar:

martes, 24 de abril de 2012

O modelo Burela, a lingua é para todos e todas

Con este máis que intersante artigo coloco aquí a primeira referencia a unha achega do Dioivo. Trata sobre o Modelo Burela e fanse algunhas reflexións a partir desda proposta de normalización lingüísitca. Por Moncho Mariño, no Dioivo:

Logo de trinta e tres anos desde a incorporación da lingua no sistema escolar de Galicia, os resultados son pobres. O uso do idioma propio está retrocedendo mesmo en áreas xeográficas e sociais onde se mantiña con aparente forza. Os usos diglósicos entre a mocidade urbana -e xa non tan urbana- son un feito incontestable.

RAG: dicionario e normas

Nestes últimos días a RAG vén de poñer á nosa disposción dúas ferramentas moi útiles: un dicionario en liña e a edición das normas ortográficas do 2003.
O dicionario, con máis de 50.000 entradas ademais do significado devólvenos sinónimos, antónimos, rexistro, propiedades gramaticais e incluso a posibilidade de escoitar a súa pronuncia. Toda a terminoloxía científica empregada nos estudos medios foi incorporada ao dicionario. Tamén é posible inserilo en calquer web o seu buscador tal e como se pode ver aquí mesmo. Basta con copiar un código html.


Realmente espilidos estiveron en Cabozo e no Proxecto Trasno, desenvolvendo aplicacións para Chrome e Firefox respectivamente encol do dicionario RAG.
Para completar as ferramentas para o uso correcto da lingua, a RAG tamén publicou en pdf a súa edición das "Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego", as normas do 2003. Foi unha mágoa que no seu día a este acordo normativo non se lle dera a importancia e publicidade insititucional que merecía, non xa para divulgalo, senón para contribuir á normalización cun sentimento identitario arredor dun proxecto común de todos os galegos. Eu teño a sospeita de que, alén do habitual desleixo do goberno da Xunta na altura, tamén influiu nesta falta de promoción a conciencia do importante papel normalizador e de afirmación identitaria que este labor podía traer consigo. Por descontado, xa sei que do actual goberno non pode esperarse nada que non sexan ataques á liña de flotación da normalización lingüística.

domingo, 22 de abril de 2012

Quen saíu cazar a lingua galega?

por Manuel Rivas, en El País:

Tivo a voz d’a alma perdida un estremecemento porvirista e o Viaxeiro acolleu unha Espranza: a de que algún día os homes que non tiñan alma chegarían a ter saudade d’ela”. Teño nas mans unha alma. O que Frazer (A póla dourada) chama unha alma externada, unha alma que anda por fóra e pousou nalgún lugar protector. Esta alma que eu teño na man, e da que tanta saudade tiñamos, é un libro. Un libro que brinca porque é un almeiro que emerxe do invisíbel. Un cardume que reúne escritos na maioría inéditos. Que vibra e escintila coa felicidade do rescate. Por fin, a obra completa de Manuel Antonio (1900-1930). E este que bule nas mans é o volume primeiro e tamén o máis agardado por esa natureza en gran parte oculta. O da prosa. Os detalles limiares, a calidade da edición, correspóndese coa importancia da obra. E así nace unha nova colección que se denomina Clásicos da Academia.

sábado, 21 de abril de 2012

O que custa defender o galego. O caso da RAG.

A RAG recibirá dos presupostos do estado únicamente un 38% do asignado o ano pasado. Ou dito doutro xeito, o recorte do Ministerio de Educación será do 62% pois se no 2011 recibiu un millón de euros agora só contará con 380.000.
A situación da institución presidida por Ferrín é, en palabras deste, 'grave', 'non queda marxe de maniobra'.
As outras academias da lingua sufrirán reducións da orde do 20% polo que á Real Academia Galega váiseselle aplicar un recorte que vén sendo o triplo das outras. Este agravio comparativo só pode ter como explicación que sexa un castigo do goberno polo mantemento por parte da RAG dunha postura firme na defensa do galego, concretamente por interpoñer un recurso contra o funesto decreto do pluriligüismo.
Resulta que a Academia é algo máis que unha institución pois ficou como o organismo competente en materia normativa e, alén disto, ostenta a representación institucional en materia lingüística. O desprezo do goberno español á RAG é, en consecuencia un insulto á nosa lingua e ao conxunto da cidadanía galega.
O papel da Xunta, neste caso e como vén sendo habitual, é o dun cinismo absoluto pois ao tempo que se lle enche a boca delcarando "o seu firme compromiso co labor da Real Academia", recorta pola súa banda os orzamentos e xustifica os agravios que chegan desde Madrid.
En resumo. Alén de aferrollados polo impedimento do acceso aos orzamentos correspondentes, desprezados dúas veces polos gobernos que no canto de cumprir coas súas obrigas na defensa dos organismos que por representaren algo moi noso son piares fundamentais da convivencia social, adícanse a minalos para baleiralos de contido.

venres, 20 de abril de 2012

Pousavasos pola lingua

5000 pousavasos como o da imaxe serán repartidos por toda a comarca do Barbanza. O deseño utilizado foi escollido nun concurso no que se presentaron moitos traballos [1] e [2]
 É unha das iniciativas do ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo. Moi orixinal e que ademais pode entenderse perfectamente desde a aposta feita desde a Coordinadora Galega de ENDL de aproveitar a vinculación da figura de Valentín Paz Andrade co mundo empresarial.
Non é a única acción deste tipo promovida desde ENDL. Teñen feito pegatinas, cartaces para repartir entre as empresas da contorna do instituto, unha ficha de traballo para que o alumnado observe e reflexione sobre o uso das linguas na empresa, diplomas de recoñecemento a establecementos do seu compromiso co galego e mesmo un vocabulario gastronómico para que poida ser aproveitado para a confección das cartas dos restaurantes.
Toda unha restra de iniciativas a ter en conta para calquera equipo de normalización. Ou, dito en plurilingüe, todo un brainstorming de propostas.

xoves, 19 de abril de 2012

Que plurilingüismo queremos

A Coordinadora Galega de ENDL avoga por un novo marco para a aprendizaxe de linguas en Galicia. Trátase dunha interesante proposta, a do plurilingüismo inclusivo, que se ofrece como solución ao ineficiente Decreto do Plurilingüismo que marxina á lingua galega do sistema educativo.


QUE PLURILINGÜISMO QUEREMOS

mércores, 18 de abril de 2012

O Xabarín fixo 18 anos

Moi recomendable web argallado desde o CEP Sequelo (Marín) e a EEI Monte da Guía (Vigo), con cancións, debuxos para colorear, e ducias de recursos.

O 18 de abril de 1994, ás 6 da tarde, botaba a andar na TVG unha emisión: o Xabarín Club, que pronto deixou de ser somentes un programa televisivo, convertíndose nun fenómeno social, nunha icona que foi normalizando a nosa lingua e xerando en nós un sentimento de identidade coa nosa propia cultura: a galega.

Rap desde a Fonsagrada: 'Achégate ao galego, que ten todo o que buscas'



Aid e García Mc xa teñen un novo compañeiro de profesión . Óscar Díaz Mon, "El Greira", rapeiro da Fonsagrada e alumno do IES Fentem Albei, é o protagonista deste vídeo pois foi el o autor e o intérprete do tema que podemos escoitar. Aquí aparece xunto aos seus compañeiros de 2º de bacharelato. De impresión, canto máis o escoitas, mellor che presta.
O vídeo presentouse ao certame do Correlingua 2012. Pasma lembrar que o ano pasado eles mesmos foran os gañadores deste certame. A calidade, as ideas, a capacidade dos que fixeron este traballo posible, os recursos que manexan,... son todos de primeira. Agora entendo perfectamente o comentario dun dos membros do xurado sobre que tiveran a elección do gañador máis difícil que nunca.
A letra da canción pode consultarse completa no you tube. Grazas por argallardes un produto tan gorentoso.

martes, 17 de abril de 2012

O galego nas rúas (de Ourense)



Catro alumnas de 1º de bacharelato do IES Blanco Amor pasearon polas rúas de Ourense na pescuda da cartelería en galego que podían atopar pola cidade. Fixeron fotos, ordenaron o seu traballo e explícannos as súa conclusións neste vídeo. Boa e interesante iniciativa.
Vía Camiño Longo

luns, 16 de abril de 2012

A Consellería de Educación xa escribe o galego á española


Xa non hai que disimular. A mesmiña Consellería de Educación xa escribe o galego á española.
De todos é coñecida a moda de quen fala en español consistente en comer os artigos especialmente nos topónimos: "El gobierno calla sobre el anuncio de Moncloa"
Sería inconcebible, por moito que os autores na fala non usen o artigo, que no web do Ministerio de Educación aparecese escrito algo semellante en castelán ("el congreso se celebra hasta el próximo sábado en Coruña", por exemplo ) pois o caso daría lugar a queixas e protestas polo mal uso da lingua. De feito, na anotación da noticia á que facemos aquí refencia e que atopamos neste portal do MEC, aparece correctamente escrito o topónimo 'A Coruña'.
Se xa é unha mágoa que o PPdeG renuncie á lingua galega, o que resulta inconcebible é que iso suceda tamén coa propia Xunta. Neste caso vemos ben claro como ultrapasando toda norma, desprezando mesmamente a Lei de Normalización Lingüística, a Consellería de Cultura e Educación, desoficializa na práctica o topónimo 'A Coruña' ao tempo que nos dá mostras do papanatismo instalado nas altas esferas do goberno galego.
Quen debería dar exemplo de respecto e coidado especiais pola lingua galega ofrécenos desleixo, menosprezo e auto-odio.

domingo, 15 de abril de 2012

Caderno da emoción e da palabra. Lois Pereiro.



Unha vez máis por medio da CGENDL chegoume a noticia deste vídeo de Lois Pereiro xunto co Caderno da emoción e da palabra, un caderno didáctico sobre o escritor e a súa obra. Dous boísimos traballos realizados no IES María Casares (Oleiros) encol da figura de Lois Pereiro, homenaxeada o ano pasado no Día das Letras. Pero haiche un problema.
Alguén tivo noticia no seu momento, no mes de novembro pasado, da publicación destes dous traballos? O número de reproducións no momento en que vin o vídeo era de 36, ridícula en comparación coa súa calidade e as súas posiblidades de aproveitamento didáctico. O problema é que a encargada de colgar o vídeo na arañeira da rede foi, como se pode comprobar, a SXPL. Tanto é o desleixo que demostra decote este organismo por todo o que teña un mínimo de compromiso co galego que, unha vez publicado o vídeo, a ninguén se lle ocurriu divulgalo polas redes sociais. No colmo do paradoxo o mesmo día da subida deste vídeo Anxo Lorenzo, o daquela secretario xeral de política lingüística, 'apostaba por aproveitar a potencialidade das redes sociais para estender o uso do galego'. Para poñerse a mexar e non botar gota.

sábado, 14 de abril de 2012

Homenaxe a Rosalía na Estrada



O pasado 24 de febreiro celebrouse o Día de Rosalía de Castro. N´A Estrada tivo lugar unha lectura de poemas organizada pola Asociación Cultural Vagalumes baixo o paraugas da AELG.
Tal e como ben di o condutor do acto, o escritor estradense David Otero, "gustaríanos un acto cívico e insitucional. Non foi posible" xa que o Concello d´A Estrada se negou a apoiar a declaración promovida pola AELG. Como pode comprobar calquera que vexa o vídeo, non se acha razón para esta negativa. Cal é o problema de celebrarmos todos os veciños xuntos unha festa na honra da escritora que marca o punto de restaruración da nosa literatura? Quizais o problema sexa precisamente ese, a exaltación do propio,  tal e como volveron a demostrar poucas semanas despois coa denegación do apoio que o concello d´A Estrada viña mantendo os últimos anos ao Correlingua. Un novo e claro caso de sectarismo que demostra que os nosos gobernantes non teñen ningún intese pola lingua e cultura galegas. Pregúnto se isto reflicte o sentir popular. Espero que non.



venres, 13 de abril de 2012

Apréndeo, aténdeo, ascéndeo, deféndeo?

por Isabel G. Couso en Letra en obras:


Hoxe aproveito este recuncho de opinión para facer un convite. Convídovos a escoitar, criticamente, durante uns 20 minutos a Radio Galega (escóllase o horario que máis conveña á rutina de cada quen). Aposto a que nese longo período de tempo haberá, polo menos, unha persoa falando castelán. E non perdo o desafío, abofé.

Compartindo esperanzas

por Iván Méndez López, na CTNL:

Nun lugar privilexiado da casa, teño unha figura que gardo como un gran tesouro polo emotivo e, sobre todo, pola forza da súa lenda, unha pequena placa no pé de madeira: "A loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso". A cita non podía ser doutro que de Castelao.

Voares de esperanza

Este texto, de Agustín Fernández Paz é o manifesto co que Queremos Galego convoca a manifestación do vindeiro 17 de maio.
A plataforma de defensa da lingua destaca que a TVG non cubreu o acto polo que leva 4 meses sen dar ningunha noticia sobre as organizacións que conforman Queremos Galego.

Voares de esperanzaDon Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

xoves, 12 de abril de 2012

'Galego, todo o que buscas' vídeo premiado do Correlingua 2012



Excelente, magnífico, impresionante,... ata o último segundo,  así é o vídeo 'Galego, todo o que buscas',  o merecedor do premio Correlingua da edición deste ano. É outro traballo máis de Édelingua, o Equipo de Normalización do IES Mosteirón (Sada).
O vídeo ten referecias a outros (tamén excelentes vídeos) realizados anteriomente polo mesmo Equipo. Trátase de 'Na oficina de obxectos perdidos' e 'As mazás casamenteiras' argallados encol de contos do libro Made in Galiza de Séchu Sende.
O xurado valorou  especialmente a súa emotividade e contido orixnal.
Parabéns mil veces merecidos.
Vía As Gabarras

http://edelingua.blogspot.com.es/2012/04/edelingua-gana-o-concurso-de-videos-do.html

Alba Nogueira: 'A Xunta ten competencia nos formularios xurídicos en galego, e non fai nada'

Montse Dopico entrevista a Alba Nogueira en Praza:

A profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago Alba Nogueira acaba de ser elixida académica correspondente da RAG. Doutora desde o 1997 cunha investigación sobre o réxime xurídico das auditorías ambientais, é ben coñecida polo seu compromiso coa defensa do idioma galego. Coautora, xunto con Luís Villares, Antonio Xavier Ferreira e Anxo Tato, da obra Estatuto xurídico da lingua galega, as súas liñas de traballo abranguen tamén o dereito administrativo económico ou o dereito público autonómico. Este ano mesmo ano publicou, con Eduardo Javier Ruiz, Íñigo Urrutia e Ralf-René Weingärtner Shaping language rights, un estudo sobre a Carta Europea das Linguas Minoritarias.


Que supón para vostede que a escolleran académica correspondente da RAG?
É unha satisfacción que pensaran nunha para algo así, e supoño que ten que ver co meu traballo no estudo do dereito sobre o galego. Os membros correspondentes estamos para colaborar no traballo científico da RAG, e no ámbito do dereito é onde poderei realizar a miña achega. Pois a función da RAG non é defender a lingua só no ámbito filolóxico, senón nun sentido máis amplo.

Carlos Callón: 'O reto é facer chegar á sociedade o discurso a prol da normalización'

Carlos Callón, entrevistado por Nel Vidal, da CTNL:

Carlos Callón preside a Mesa desde hai 10 anos e di estar con enerxía e novas ideas para continuar á fronte da asociación en defensa da lingua, que desenvolverá asemblea xeral o vindeiro 28 de abril en Ourense. Desta etapa como presidente da entidade destaca o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Conversamos con el sobre a Mesa, o discurso e as mensaxes a prol da normalización lingüística, a colaboración entre o social e o institucional, etc.


Carlos, vai agora para dez anos que fuches elixido presidente da Mesa, naquela disputada asemblea con dúas candidaturas en xuño de 2002. Que valoración xeral fas desta etapa?
Participei nas directivas dos dous anteriores presidentes da Mesa e por iso sei de primeira man que os adiantos para a asociación son acumulativos.
Se teño que avaliar esta última etapa salientaría como moi negativo que non damos tido a suficiente forza para mudar as políticas lingüísticas oficiais e poría no lado positivo o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Mais isto non é resultado do traballo dunha persoa: é un labor de equipo.

mércores, 11 de abril de 2012

Mazaricos versus Darío Xohán Cabana



Os mozos de 4º da ESO do CPI A Picota de Mazaricos ofrécennos a súa versión do poema de Darío Xohán Cabana "You shall overcome"



Vía Nel Vidal

19 de abril e 17 de maio

 19 de abril A Mesa e a súa sección xuvenil, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes convocan un paro no ensino medio


Queremos Galego convoca unha manifestación o 17 de maio

martes, 10 de abril de 2012

Autocensura lingüística: Quando somos nós que invisibilizamos a nossa própria língua

por Maurício Castro, no Portal Galego da Língua:

Há poucos dias, um companheiro falava-me do caso que lhe aconteceu como representante de umha entidade ecologista, quando tivo que renunciar a ser entrevistado num canal televisivo espanhol por se negar a deixar fora o seu idioma, que é o de todas e todos nós: o galego.
Este companheiro recebera um telefonema do canal de televisom espanhol Telecinco, para o entrevistar em relaçom a um conflito ambiental na comarca de Trasancos. Acedeu, claro, mas na altura da entrevista, quando começou a responder na nossa língua, o entrevistador pediu-lhe para falar em espanhol, ao qual este companheiro, com bom critério, se recusou. A entrevista ficou por aí...

'No niño novo do vento' desde a India


No niño novo do vento from Iván Carrera on Vimeo.

Non é a primeira vez que nos chega un vídeo desde a ONG Shanga (amigo), un proxecto que Neneta Herrero e uns amigos levan a cabo en Pubai, unha aldea de Orissa, na India nororiental.
En ocasións anteriores os nenos da escola 'María Soliña' creada pola ONG Shanga cantaron 'Eu chorar chorei'  e 'A saia de Carolina'. Agora temos unha versión do coñecido poema de Álvaro Cunqueiro 'No niño novo do vento'

luns, 9 de abril de 2012

Convocada folga estudiantil para parar os ataques ao galego

A Mesa e a súa sección xuvenil, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes denuncian que a porcentaxe semanal de horas que se imparten en galego non chega ao 20%.
As organizacións convocantes da folga piden que "o galego exista" , tamén nas materias científico-técnicas en que o decretazo "impón o uso obrigatorio do castelán"
Todos os representantes das organizacións convocantes da folga estudantil coincindiron en amosar a súa preocupación pola "calamitosa" situación do galego nas aulas de ensino medio. Segundo os seus datos, a media do horario semanal de aulas que se imparten na lingua propia de Galiza só no ensino medio é do 20%, "moi por debaixo, xa que logo, do propio límite fixado polo propio decreto", do 50-33% en función do grao de introdución da terceira lingua para unha parte do currículo. Neste aspecto, os convocantes advirten que se está a evidenciar "o uso da incorporación do inglés como coartada para eliminar aulas en galego".
Os convocantes do paro tamén denuncian como "especialmente preocupante" a "precaria" situación do galego en moitos dos ciclos formativos e no ámbito das ensinanzas especiais ou na Educación Permanente de Adultos (EPA). "O galego non se emprega nas aulas e nin sequera existen materiais ou recursos de apoio na nosa lingua"

domingo, 8 de abril de 2012

venres, 6 de abril de 2012

De blogues.3

Inmersió, (27/12/2010), por Silvio Falcón en Cando os outros calan
O taxista de Calcutá, (01/03/2012), por Séchu Sende en Made in Galiza
Qüestió d´evidència, (07/03/2012), por David Valls en So de llengües
Un mite a favor del multilingüisme (14/03/2012), Enric Serra i Casals en Aprendere llengües
Queremos igualdade de dereitos!, (14/03/2012), por Carlos Callón no seu blogue
Un escrito vergoñento do Sergas (15/03/2012), por Carlos Callón no seu blogue
Traductor de totes les llengües europees (18/03/2012), por Enric Serra i Casals en Aprendere llengües
Vaga de fam per la llengua (17/03/2012), por Enric Serra i Casals en Aprendere llengües

mércores, 4 de abril de 2012

luns, 2 de abril de 2012

Flashmob 'Falemos galego'



Flashmob para defensa e fomento do emprego do galego organizado polos EDL dos CEIP Nosa Sra de Xuvencos, CEIP Virxe da Pena da Sela, CEIP de Beariz e CPR Vila do Arenteiro.

domingo, 1 de abril de 2012

A SXPL, o sectarismo e a imposición

Cando me enterei de que Juan Constenla, o concelleiro de cultura da Estrada, dixera que o concello lle retiraba o apoio á edición do Correlingua deste ano, fíxoseme presente a imaxe unha imaxe que presenciara dous días antes: Valentín García e o seu veciño e amigo Juan Constenla acudían xuntos una representación teatral. no Teatro Principal da Estrada. Deducín inmediatamente que o secretario xeral de política lingüística non só coñecía de primeira man a decisión de impedir a celebración do Correlingua na Estrada, senón que tamén a compartía. A cuestión é entón por que hai menos dun ano Valentín presentaba xunto co anterior concelleiro de cultura os actos que se  desenvolverían encol do Día das Letras, sendo o primeiro a participación no Correlingua, e agora participa da súa prohibición. A ninguén se lle escapa que se o secretario xeral de política lingüística quixer, bastaría unha chamada ou unha pequena indicación aos seus amigos do concello da Estrada, para que deran un paso atrás e volveran a prestar o seu apoio a un Correlingua que celebrábamos con satisfacción todos os veciños da comarca.
A Festa dos Pereiriños era unha celebración tradicional que, logo de perderse, foi recuperada nos 90. Celébrase a fin do curso nunha carballeira acompañados de gaitas, un xantar e co galego como protagonista implícito en toda a festa. Valentín García participa na súa organización. Consiste nunha festa moi semellante ao Correlingua. Probablemente a diferenza maior sexa que o Correlingua é unha celebración centrada no orgullo e na reivindicación da lingua galega mentres que nos Pereiriños ten este carácter central. Será que desde o concello estradense e desde a SXPL renegan do galego? Mais ben penso que as razóns hai que buscalas no sectarismo e procuran afogar aquelo que non controlan directamente. Os impedimentos para a realización do Correlingua só poden entenderse se desde os organismos que os poñen e permiten hai un interese pola imposición dun único modelo de pensamento encol da normalización ou mellor dito, encol da aniquilación da normalización.
Desafortunadamente, por esta vez, comprobouse que o eu aventuraba estaba completamente acertado. Para comprobar en que medida se está actuar desde o sectarismo e en contra do galego, deixo aquí un vídeo dun informativo local no que se mostra con bastante claridade que é o que A Estrada e a súa comarca van perder nas vindeiras semanas.