O tristemente caso do alcalde de Baralla xustificando os crimes do franquismo, non ten pouco que ver co conto que se vai relatar aquí. Neste caso o escenario é a vila da Estrada, un concello no que os veciños temos que transitar por rúas que homenaxean ao réxime dictatorial. Tomo como exemplo dúas das máis céntricas: a rúa Calvo Sotelo e a rúa Iryda. O mantemento destes nomes como parte do rueiro estradense din moi pouco da defensa do carácter democrático da corporación municipal, e en última instancia, da propia veciñanza. O primeiro deles, Calvo Sotelo, rende homenaxe ao proto-mártir da cruzada, segundo a terminoloxía fascista. O segundo fai referencia ao "Instituto de Desarrollo y Reforma Agrario", unha institución creada polo réxime dictatorial que en Galicia se utilizou para a xestión das terras despois dos anegamentos provocados polos encoros.
O conto.
Os nenos deben aprender a coñecer o seu entorno, polo tanto é normal que realicen exercicios escribindo os nomes do lugares que coñecen. O protagonista desta historia, un neno de sete ou oito anos, galegofalante e de ollos moi despertos, tiña que escribir na clase de lengua española o nome dun par de rúas da vila xunto co do Concello. Isto foi o que redactou:
Nombre de las calles: Pérez Viondi, Calvo Soutelo
Nombre del Ayuntamiento: A Estrada
Efectivamente, Pérez Viondi é o nome da rúa na que está o colexio, e el sabíao moi ben. Onde residía o problema era na outra rúa.
Aínda non sexa consciente, como o neno, no seu imaxinario ten contruído un mundo esencialmente galego, escribiu
Soutelo. Entre outras cousas, o rapaz lembra cun especial brillo nos ollos, o ben que o pasara unha xornada xogando coa neve en
Soutelo de Montes, no veciño concello de Forcarei. Con estes antecedentes o cativo chegou sorprendido á casa coa libreta corrixida:
Sotelo, escribíralle o profesor en vermello por riba do
Soutelo en lápis. En vermello, tamén, outra corrección:
La Estrada.
Dá moito para pensar que este tipo de historias sigan sucedendo hoxe, case 40 anos despois da morte do ditador. Eu vexo nesta anécdota o futuro que nos espera coa recente aprobación da LOMCE. Teño por certo que as razóns que tivo o profesor de corrixir
La Estrada, son as mesmas que permiten que hoxe en día continúe a haber unha rúa que se chame
Calvo Sotelo.