Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de xaneiro de 2015

Lingua coa que queremos construírnos

por Marta Dacosta, no Sermos Galiza:

Nos inicios do meu camiño cara á lingua, están os anos de instituto. É certo que eu xa traía esa fame, por iso, cando en 1980 comecei recibir as primeiras aulas de galego, acabei de saber que me faltaba. E así a lembranza daquel profesorado do IES Santo Tomé do Freixeiro, en Vigo, ten un lugar importante na memoria da lingua, como aquel primeiro manual de galego, como o Rosalinda de Fausto a soar nunha clase ateigada. Logo souben que nese momento comezaba impartirse galego como materia. Mais naquel instituto xa había outras profes que impartían as súas aulas en galego, por exemplo matemáticas, algo que non pasaba desapercibido á nosa atención adolescente.

O galego dá vida, pola vida do galego

Declaración institucional da Real Academia Galega (web, pdf)

Grazas aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse, superando séculos de marxinación e décadas de persecución. Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación literaria aos medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo. Nesa certeza descansa a nosa confianza no seu futuro.

venres, 30 de xaneiro de 2015

Estrela na alba, o pensamento político de Castelao


Trátase dun documental do ano 2011, realizado con motivo do 125 aniversario do nacemento de Castelao. Se había unha data para recollelo neste andel virtual era a de hoxe, cando lembramos o seu nacemento.

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Axudas? aos medios en galego

Un gráfico vale máis que mil palabras. As publicacións en galego, tan hipersubvencionadas, poden chegar a recibir entre todas, 41.341 €. O grandes medios residentes en Galicia, ningún dos cales publica en galego, recibiron o ano pasado 40 veces esa cantidade.
Por poñer só un exemplo. Un dos convenios (houbo máis) que La Voz de Galicia asinou o ano pasado ascendía a 149.000 €. O colmo é que o concepto polo que llo deron foi o de "conseguir que cada vez sexa maior a implantación do galego nos medios de difusión en todos os ámbitos sociais, normalizando o seu uso a través da prensa escrita e das web dos xornais na súa liña informativa en calquera tipo de noticias, temas de actualidade, crónicas e igualmente nos artigos de opinión.". Idem con outras empresas periodísticas que todos temos na cabeza.
En vermello aparecen as barras dos orzamentos do goberno bipartito; en azul a dos gobernos posteriores presididos por Feijóo.


mércores, 28 de xaneiro de 2015

O acento de Feijóo


Agás unha subterránea e completamente prescindible presenza do galego, a iniciativa de apoio a empresas da Zona Franca de Vigo chamada VíaVigo é un bo exemplo de como se practica a exclusión da nosa lingua no ámbito empresarial recollendo recursos públicos. A propia cabeceira do proxecto é indicativa do desleixo coa que se trata ao galego xa que é a mesma tanto na versión en castelán (VíaVigo: aceleradora de empresas y emprendedores) como en galego (VíaVigo:aceleradora de empresas y emprendedores). 

A Feijóo correspondíalle facer unha visita ao centro no que se desenvolve o proxecto VíaVigo, na Zona Franca de Vigo. Como se trataba dun territorio desgaleguizado el non quixo facer uso da súa posición de poder para ofrecer unha mostra do que é o seu deber, o apoio ao galego. Chegou falando en castelán, e así continuou toda a xornada. Certificou, xa que logo, a súa traición á lingua galega.
Nun momento debéronlle pedir que ante unha  pizarra de cor morado, lles deixara unha mensaxe aos participantes en VíaVigo, e así o fixo. Curiosamente escribiuna en galego. A escritura require un esforzo, unha reflexión que non é característica da expresión oral. Esa pequena reflexión obrigoulle ao presidente a pensar sobre a alternativa: galego ou castelán? A impostura, aínda, non chega ao extremo de negar tamén a lingua na escrita. Así que se puxo a redactar:
"O importante é ter unha idea, pero o ma..."
Claro, había un problema. O seu galego é deficiente, titubeante. Como todos os galegos é vícitima dos prexuízos e a exclusión da lingua no ensino. No seu interior seguramente reforzounos nese momento, arrepentíndose de poñerse a escribir en galego:
- "Máis" escríbese con acento ou sen el? En castelán todos o sabemos escribir, pero claro, en galego,..., cambian tanto as normas.... Quen me mandaría a min poñerme a escribir isto en galego? ...Ah! non, Poño o símbolo matemático más (+) , Así non se nota...que ben! que listo son! - isto pensaba Feijóo mentres escribía:
"O importante é ter unha idea, pero o ma + import é crer ...."
Velaí a importancia das matemáticas, incluso para un presidente da Xunta. Claro que se as aprendera en galego non acarrexaría os prexuízos cos que agora pasea... Ben, tamén sería certo que nese caso tampouco sería presidente da Xunta pois parece que para selo hai que ser tamén un negacionista.

Renunciar ao idioma é morrer

por Ana Pontón, no Sermos Galiza:

Os últimos datos do IGE sobre o uso do galego poñen cifras a un desastre anunciado e denunciado. Desastre inducido por unha política centralista, que precisa destruír linguas e culturas para manter o seu proxecto económico, social e político. Por desgraza, falar da desaparición do galego non é alarmismo ou esaxeración. Mesmo, expertas do Consello da Cultura vaticinan o velorio pola lingua para dentro de corenta anos. Mentres algúns preparan gustosos as exequias para a lingua, moitas e moitos de nós non nos resignamos e pensamos que é preciso facer algo. O noso destino non pode ser a desaparición forzada. Queremos seguir aportando a nosa célula de universalidade.

luns, 26 de xaneiro de 2015

Pablo Iglesias e a lingua como cuestión secundaria

por Xosé Mexuto, no Sermos Galiza:

Nunha recente entrevista en El País, Pablo Iglesias -o líder, alfa e omega de Podemos- afirmou algo que, obvio é dicelo, non improvisou, PI non improvisa nada, que por algo encarna o novo paradigma da comunicación política: “A min o que me importa é que haxa unha sanidade pública para todos, que se estea atendendo en catalán, en euskera, en galego ou en castelán é para mín unha cuestión secundaria”.

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Por un futuro para a lingua

Por Clara Iglesias, en Tabeirós Montes:

Despois da publicación, en outubro de 2014, dos resultados da última enquisa do IGE sobre o uso do galego, puidemos ver como as nosas institucións tentaron ocultar a verdadeira e crúa realidade, deformándoa e adaptándoa ao seus espurios intereses.O certo é que non é preciso coñecer os resultados da enquisa para decatármonos do descenso brutal no uso do galego, nomeadamente entre as novas xeracións. Abonda con darmos un paseo pola rúa, acudirmos ao parque onde xogan os máis pequenos ou entrarmos nas aulas de calquera centro de ensino, sempre que levemos o oído atento. Mais, coa publicación destes datos tivemos a constancia documentada de que a nosa lingua propia deixou de ser a lingua habitual da maioría da poboación, como era até este momento, e de que en dez anos descenceu en 13 puntos a porcentaxe de uso. Unha vez comprobado isto, parece que non debería quedar lugar para a tranquilidade, pois resulta evidente que, despois de 12 séculos de existencia, o galego está finalmente situado nun perigoso punto de inflexión, con dous posibles camiños: ou ben se convirte en lingua residual (como xa o é entre os menores de 16 anos nos ámbitos urbanos) e acaba por desaparecer, vítima da diglosia, dos prexuízos e das malas políticas; ou ben, viramos a situación, transformamos a realidade.É evidente cal é a opción dos nosos dirixentes. Dise ás veces que as políticas lingüísticas non tiveron o efecto desexado; e, certamente así é para os que queremos futuro para a nosa lingua; mais, se atendemos ao cumprimento dos verdadeiros (e ocultos) obxectivos que a Xunta de Galiza se fixou nos últimos cinco anos, hai que recoñecer que as súas políticas resultaron eficientes: conseguiron, tal e como se propoñían, o desmantelamento do PXNL e de todos os acordos que a respecto da lingua tomaran os gobernos anteriores, levando adiante un proxecto premeditado e deseñado de destrución de todos e cada un dos nosos sinais de identidade, moi especialmente a nosa lingua . Non se pode entender doutro xeito o “Decretazo” do ano 2010 (en que se limita ou se prohibe explicitamente o uso do galego como vehicular no ensino), ou a Lei da Función Pública, na que se elimina a esixencia de coñecemento do galego para o acceso ás prazas, por poñer dous sonados exemplos. Ademais, a propia Xunta de Galiza encargouse de difundir unha imaxe negativa da nosa lingua e cultura, co obxectivo de reavivar antigos prexuízos: cando nos din que o galego nos ensimesma e nos illa do mundo están a nos dicir aquilo tan vello de que o galego é propio de pailáns e de paletos, de xentes que non teñen aspiracións de modernidade nin de universalidade.Mais os dirixentes do noso goberno saben ben que non poden revelar as súas verdadeiras intencións: a cidadanía non permitiría tal actitude. Polo tanto, teñen que intentar disimular o que están máis que fartos de saber: que as cousas van mal para a nosa lingua. Entón permítense o luxo e a desvergoña de interpretar a verdade ao seu interese, sen o máis mínimo pudor en revirala, en envorcala co de dentro para fóra. E así fan declaracións, como as realizadas polo Secretario Xeral de Política Lingüística, afirmando que a situación é mellor do que nunca foi, que todo vai estupendamente. Mesmo interpreta “á súa maneira” os datos tan incontestábeis do IGE: a porcentaxe dos que falan galego habitualmente baixou do 57% en 2001 ao 44% no 2014; pois ben, di que, se a estes lles sumamos os que declaran falar galego “algunha vez”, xa nos dá un 89% de galego-falantes, o cal está estupendamente… Coma se non soubésemos ben o que quere dicir nunha sociedade que vive inmersa nun conflito lingüístico entre unha lingua que ten o prestixio e mais unha lingua minorizada o que quere dicir falar esta lingua “algunha vez”! Tamén afirman que o coñecemento do galego acada valores mellores que nunca, coma se non soubésemos ben que unha cousa é a competencia e outra cousa é o uso; é dicir, non por sabermos unha lingua a imos utilizar, se non temos incentivos que nos animen a facelo ou se non percibimos que esa lingua é útil ou valorada socialmente. Tamén teñen a insolencia de cargarlles a culpa ás familias, por non lles falaren galego ás súas crianzas. Como se non soubésemos que os cidadáns actuamos con respecto aos valores que se nos transmiten e que se os pais e nais decidiron romperen a transmisión interxeracional do galego, seguramente non é por casualidade, senón porque as institucións públicas non lles están axudando a superaren os séculos de prexuízos lingüísticos que pesan sobre todos nós. A normalización lingüística é unha responsabilidade das institucións e son elas as que teñen que levar adiante as accións precisas para transformar as actitudes das sociedade.A nosa lingua é a expresión máis íntima da nosa particular interpretación da realidade; é a maneira en que nós, galegos e galegas, expresamos a nosa cultura e comprendemos o mundo que nos rodea. Non podemos abandonar o noso idioma; porque, se o fixeramos, deixariamos de ser quen somos. Polo tanto, cómpre que loitemos coas armas colectivas da mobilización social para manifestarmos o rexeitamento que nos producen as políticas encamiñadas á nosa propia destrución. Pero, é posible aínda transformar a situación, invertir o proceso e normalizar a nosa lingua? Por suposto que si: mais para que iso aconteza é preciso que as actuais políticas lingüísticas muden e que os nosos representantes públicos cumpran por fin coa súa obriga de promover verdadeiramente a normalización do galego, obriga que vén recollida no propio Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística. Mais somos nós, os cidadáns e cidadás quen temos que facer posible que isto aconteza. E para iso, comezaremos por manifestar o noso total rexeitamento á actual política lingüística da Xunta de Galiza. Por iso a Plaraforma Cidadá Queremos Galego convoca a todos os galegos e galegas a unha manifestación, que agardamos que será multitudinaria, en defensa da nosa lingua. Terá lugar o día 8 de febreiro ás 12 do mediodía en Santiago de Compostela.

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Primeira sentenza en lingua galega

por Xosé Rodríguez González no Galicia Confidencial


Hai trinta anos a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña ditaba a primeira sentenza en lingua galega. Formaban a Sala os maxistrados Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo. Este documento xurídico é un fito histórico que ten, como os grandes acontecementos, a súa propia intrahistoria. Cóntollela; pero antes cómpre que fagamos memoria: o derradeiro instrumento xurídico escrito en lingua galega é de 1532, relativo a un foro do mosteiro de San Clodio. A partir dese ano por razóns ben coñecidas o noso idioma deixouse de usar nos documentos legais. Foron catro séculos e medio de marxinación.

venres, 23 de xaneiro de 2015

Palabras de Ramón Valenzuela sobre a lingua

A biografía de Valenzuela dou para un par de libros autobiográficos (Non agardei por ninguénEra tempo de apandar) cargados de vivencias en momentos moi complicados, tantas que seguramente se poderían encher ben máis libros relatando simplemente os feitos da vida deste silledense da Bandeira.
Grazas a un compañeiro do departamento de matemáticas chegou ás miñas mans este outro libro de Ramón Valenzuela, Historia do galeguismo político, que contén a conferencia pronunciada polo autor o 16 de xaneiro do 1976 na Facultade de Económicas de Santiago así como algúns recortes de prensa sobre a polémica xenerada por esa multitudinaria conferencia.
Nestas páxinas trata Valenzuela tamén o tema da lingua. Por esa razón pareceume acaído traer aquí as súas palabras:
  Houbo e hai intrés en degradar o noso idioma. Nono entendo. Non entendo o intrés en manter un complexo de inferioridade que tanto mal nos ten feito mesmo na nosa economía e mais no noso desenrolo.
Sitúa as orixes do conflito lingüístico ao finalizar a guerra dos Irmandiños:
   A partir deste tempo perfiláronse en Galicia, dunha maneira neta e crarísima, dúas crases sociaes que parecera que viviran en dous mundos aparte. Mesmo falaban distinto.   Para entendelo non hai máis que ir ós escritos e crónicas feitas polos que sabían escrebir que eran os que, senéricamente, se chamaban señores, cuios escritos se fixeron enc astelán. Depóis ir á tradición e recoller cántigas, ás que os eruditos pódenlle deteirat o tempo, compostas pola crás produtora que non sabía escrebir e que compoñía en galego. A esta crás social chamábaselle, xenéricamente, peisanos.   Señores e peisanos.   Dúas crases con dous idiomas diferentes.   Unha crás enraizada na terra que traballaba pra outros, analfabeta, con canles moi cativos de protesta. Cántigas que ás veces eran verdadeiros panfletos. Ä par de revoltas locaes illadas, non había outra cousa.   Outra crás con vontade de castelanización, con tremendo temor de seren confundidos cos que chamaban peisanos. Esta crás, a máis podente económicamente, falóu un idioma híbrido que quería sere castelán e nono era; o pobo chamóulle castrapo.   O desprecio do señorío polo idioma galego trouxo consigo o desprecio por todo canto era consustancial coa Terra.   Andando o tempo o idioma castelán foi imposto en Galicia polos señores galegos.   Esta imposición abranguéunos a eles somente, e non abranguéu ós peisanos máis que de refreixo.

Máis adiante conclúe:
É, coma quen di, un carro con dúas rodas desparexadas. Unha división idiomática horizontal que delimita as capas sociaes.
Esta conferencia foi a faísca que prendeu un alporizado debate que xa estaba no ambiente político da época. O PSOE, UGT e outros partidos formaran a Plataforma de Convergencia Democrática co fin de dirixir o proceso posterior á dictadura. O PCE constituíra a Junta Democrática de España. Uns meses despois da conferencia uníronse ambas na coñecida co nome de Platajunta. En Galicia o movemento nacionalista queríalle dar protagonismo ás forzas galegas e propoñía organizarse arredor da AN-PG. Os asistentes á conferencia de Valenzuela escoitarían todo baixo as claves deste debate político. Así, non é de estrañar que se xenerara un intenso debate fronte á visión que Valenzuela facía de como foi o proceso de desenvolvemento histórico de desgaleguización
 
   Que ninguén lle bote a culpa ós cateláns, sendo que a culpa é dos propios galegos, porque aínda non atopéi ningún castelán que tivese a menos falar en galego en caso de o saber falar, e conste que os hai.
   Quererlle botar a culpa do noso atraso e desleigamento ós casteláns, ademáis de insusto, é un xeito de escapismo ou un xeito de desenfocar a loita.
  A loita cultural, a loita de crases non é contra do pobo irmán de Castela; eso sería un absurdo. A nosa lita de crases idiomática desenrólasen Galicia e dentro de Galicia. cousa certamente ben espranzadora pra min porque teño fe na crás traballadora.
Pasaron case catro décadas e hoxe podemos xulgar máis obxectivamente as palabras de Valenzuela. No ano 2006 a Xunta de Galicia editaba un libro que se podía descargar no web da Consellería de Cultura. Tal e como é hoxe a política de cultural podemos comprobar que xa non temos á nosa disposición o podernos achegar da man da Xunta a esta publicación. Menos mal que hai outras fontes.

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Asamblea de Queremos Galego na Estrada

Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.
O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.
A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüística. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita . Por iso, desde Queremos Galego convocamos esta asemblea aberta e libre para recoller a opinión de todas as persoas preocupadas pola situación da lingua e debater accións a levar a cabo.
A xuntanza celebrarase na sala de exposicións de Abanca na Estrada o vindeiro sábado 24 de xaneiro, ás 20: 30 h.


martes, 20 de xaneiro de 2015

Por que choramos ao cortar cebolas?


Onte nas Voces de Prolingua achegábasenos un artigo no que Fernando Moreiras mediante o que recibiamos unha boa nova para a lingua galega. Trátase dun proxecto da Asociación de Tradutores que consiste en subtitular vídeos de divulgación científica.
Polo momento a monlla de traducións deste novo espazo aínda é pequena, mais agardamos que unha vez que se (re)coñece o labor que realizan, non faga outra cousa que aumentar a bo ritmo.
A inicitiva será moi ben recibida por quen gusta da ciencia e da lingua, sobre todo en momentos tan negros para esa parella como os que estamos a sofrir nos últimos 5 anos. 
A nova proposta da Asociación de Tradutores debería ser acollida con entusiasmo por quen se supón que é o garante do ensino en Galicia, a Consellería de Educación e Cultura. Veredes que non vai ser así, pois o deles é outra cousa.

A Biblioteca Virtual e a nova aposta polo científico

por Fernando Moreiras, nas Voces de Prolingua:

A Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos é ben coñecida por ofrecer desde hai máis dunha década, de xeito gratuíto e a través de internet, unha chea de obras literarias traducidas á nosa lingua. Pero este ano, como novidade, decidimos saír da nosa zona de confort e facer unha incursión nun eido que destaca por unha moi reducida presenza do galego e que, desde o noso punto de vista, require un esforzo de normalización: o mundo da ciencia.
Nun principio pensamos na tradución de textos científicos clave e incorporalos en BiVir xunto coas demais obras; mais concluímos que estas traducións non chegarían a un público moi amplo e optamos por enfocar a cuestión cun obxectivo moi distinto: dirixírmonos aos galegos máis novos, encararmos a ciencia desde a base e facermos traducións de divulgación científica. Pero os tempos cambiaron moito, e o labor divulgativo que antes adoitaba facerse a través de libros ou revistas agora trasladouse a internet, e ten un enorme predicamento tanto nas webs de distintas institucións como en canles independentes de YouTube. Aí poderiamos chegar aos científicos do futuro, no medio que lles resulta máis natural, coa frescura e axilidade que buscan, e transmitíndolles a mensaxe de que o galego tamén é unha lingua para a investigación e a tecnoloxía.
Por iso demos inicio a unha serie de subtitulacións de vídeos divulgativos de moi distintas características: ciencias puras, ciencias da vida, ciencias sociais; temas moi serios e cousas moi curiosas, mais sempre con rigor e afán didáctico. O proxecto aínda está dando os seus primeiros pasos, mais xa podedes ver unha pequena mostra do que aspiramos a ofrecer na seguinte ligazón: http://tradutoresgalegos.com/documentos/videos.htm
Se tedes conta en YouTube e configurades o galego como idioma por defecto, os subtítulos xa aparecerán de forma automática nas vosas pantallas; se non é o caso, abonda con que fagades clic na pequena icona da engrenaxe e elixades a opción «Galego» no menú de subtítulos. Con isto xa podedes empezar a descubrir novos mundos dun xeito divertido e na nosa lingua.

luns, 19 de xaneiro de 2015

Polas fillas dos nosos fillos

manifesto de apoio á  manifestación do vindeiro 8 de febreiro convocada por Queremos Galego. Pódese asinar aquí.

Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.

A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüísitica. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita .

Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política.
O galego continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego

Necesitamos promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sítuanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social.

Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO.

Galegofalantes: caza e captura do mohicano

por Miguel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

O derrubamento do uso do galego entre as xeracións máis novas está a agravar dramaticamente a situación dos escasos galegofalantes que resisten en colexios e institutos de moitas vilas do país. Testemuñas que chegan de numerosos recantos confirman a emerxencia dunha paisaxe desoladora: institutos en lugares outrora galegofalantes onde xa ningún dos seus alumnos fala galego. Rapazas galegofalantes solitarias, marcadas socialmente, entre unha masa de alumnado lingüisticamente españolizado. Alumnas rurais que mudan de idioma á terceira semana de estadía no instituto da vila e que non volven recuperar o uso da súa lingua durante o resto da escolaridade. Adolescentes vilegos conscientemente educados en galego na familia, pero que usan o español en exclusiva no instituto por temor a ser marcados. Neofalantes por opción que afrontan en propia carne as actitudes excluíntes dos iguais e de sectores concretos do profesorado, xunto coa indiferenza cómplice do sistema. Estes son hoxe os rostros da traxedia lingüística que se desenvolve, diante dos nosos ollos, entre boa parte da nosa mocidade.

Galicia e o galeguismo en Díaz Castro

por Raúl Río Díaz, en Terra e Tempo:

Amei a Galiza porque onte era miña.
Agora a amo porque eu son seu.


Xosé María Díaz Castro


Sinto unha grande ledicia polo éxito que tivo a dedicatoria do Día das letras Galegas ao vilarego mais universal e lembro cando, a finais dos anos oitenta do século pasado, lle empecei a facer o busto en granito na nosa parroquia natal e algúns veciños dicíanme que non escribira nada sobre Os Vilares e que nunca fixera nada por Galiza, pois daquela aínda non fixera efecto o inmenso traballo de Alfonso Blanco Torrado para dar a coñecer a súa obra e a grande humanidade do poeta. Eu xa sabía que iso non era certo pois, aínda que el non era amigo de utilizar topónimos, ninguén mellor que el soubo expresar o sentimento do noso terrón nativo nin levar a esa obra ás paisaxes da súa nenez para facelas universais. Vendo os penedos e as rochas da Serra de Montouto enténdese moito mellor a poesía diazcastriana, como me dixo un estudoso da obra deste vilarego. Sabía case todos os idiomas de Europa pero escribiu na rica variante dialectal da nosa comarca para elevala a lingua literaria e para que non se perderan as verbas que falaba a súa avoa. Hoxe Os Vilares de Parga, ou de Guitiriz, son coñecidos porque fixo cen anos naceu alí o seu fillo mais ilustre, o poeta dos nosos nimbos.

domingo, 18 de xaneiro de 2015

Outra traizón da Xunta á lingua galega

denuncia dun novo desprezo do galego feito pola política lingüística da Xunta, en Prolingua:

A Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
X. M. Díaz Castro
Aproveitando a presentación da edición bilingüe en galego-éuscaro da obra de Díaz Castro Nimbos/Argi-koroak, o goberno vasco anunciaba unha proposta (https://www.irekia.euskadi.net/es/news/23710) conxunta coa Generalitat de Cataluña e a Xunta de Galicia para instar o Goberno de España a poñer en marcha unha iniciativa para a edición multilingüe (catalán-castelán-éuscaro-galego) de obras literarias representativas das linguas minorizadas.

sábado, 17 de xaneiro de 2015

El cantar del vasu



Non se trata dunha adaptación máis do popular tema Cup Song, ten un valor engadido, tal e como o tiña esa outra adaptación que fixeran no IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz). É un proxecto didáctico feito con todo o cariño pola tradición e transmisión da mesma. Iso é o que representa precisamente esa coreografía do vaso pasando dunhas mans a outras.
A iniciativa tivo os seus precedentes noutras semellantes reivindicando o gaélico e o eúskaro. Nesta ocasión a un vídeo magníficamente realizado súmase unha plataforma dixital creada ex profeso. Nela podemos atopar desde unha coidada explicación do proxecto ata un vistoso e atractivo logo creado para adornar os vasos que protagonizan a acción.
Colaboran no proxecto cantantes e xogadores dos equipos de fútbol asturianos.Tamén dispoñen de contas nas distintas plataformas dixitais e un apartado de noticias no que se recollen traballos de distintos centros escolares. Unha alfaia, feita con cariño, ilusión e profesionalidade.

Vía Damián Barreiro

venres, 16 de xaneiro de 2015

De blogues. 30

Imaxe da wikipedia

  • Poetemáticas 11 : Cantigas de escarnho e maldizer, 31/12/14 no blogue da Biblioteca do IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), A Marela Tarabela
  • Uves y llingües minoritaries, 02 /01/15, por Damián Barreiro en Cultura Basura
  • currículo de ESO e Bacharelato: COPIADE MALDITOS!.- cinismo de Rajoy e Wert en vea, 03/01/15, por Guillermo Meijón en Escola de ferrado
  • Onte 1194: Brétemas, 10 anos, 04/01/!5, por M. Bragado en Brétemas
  • O presente de Lewis Carroll, 05/01/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Onte 1197. Lingua prioritaria e de referencia para Abanca, 07/01/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Para aprendermos frases feitas, 09/01/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Lingua minguante, 09/01/15, por Santi Martínez López en Xogar a escribir
  • Onte 1202: Chamamento de Prolingua aos partidos políticos, 12/01/15, por M. Bragado en Brétemas
  • HISTORIAS DA LINGUA: LECTURA NORMATIVA, 13/01/15,  por Helena Villar Janeiro en Galego en rede
  • Onte 1204: Monumento a Martín Codax, 14/01/15, por M. bragado en Brétemas
  • Parga Pondal, Cabanillas e o autoodio selectivo, 14/01/15, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Carta aberta ao Conselleiro de Cultura

Pouco antes do nadal faciamos referencia ao premio Martín Códax outorgado ao grupo estradense Nao (por certo, este grupo nunca foi reclamado polo Concello para actuar en ningún acto ou festa). Esta carta que recollo aquí tráenos á memoria outra de Agustín Fernández Paz, cando rexeitou recibir os deturpados  Premios da Cultura 
por Pablo Carracedo (Jasper), cantante do grupo Nao, en Atlántico.net:

Hai uns días recibimos no correo da banda unha carta de felicitación asinada por Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) por ter recibido o Premio Martín Códax da Música Galega. Esta é a nosa resposta, a cal queremos facer pública:

mércores, 14 de xaneiro de 2015

Poesía dixital

Algunhas veces aparecen recursos tan extraordinarios que non facer referencia a eles significaría que este blogue non é merecente de seguir na arañeira dixital.
 Feito por Noelia Gómez Calvo, alumna de Xornalismo esta alucinante xeografía poética. Ai! se Fontán puidera velo!



Vía Linguas próximas

luns, 12 de xaneiro de 2015

Historias lingüísticas dos alumnos do IES Leiras Pulpeiro



Paula veu de Colombia pero leva en Galicia desde os 5 anos.Máis que pola escola ou os amigos, infórmanos de que coñeceu o galego a través do Xabarín Club. Estivo uns anos na Coruña, alí só falaba en galego coa profesora de galego. A pesar de falar ben na nosa lingua dinos que ten que mellorar moito o seu castrapo.
Kimberli estuda en Lugo e o seu seseo indícanos que non é orixinaria de alí. Conta que só escoitaba algunhas veces falar en galego na escola, e todas as tardes no Xabarín Club. A pesar de que fala a unha velocidade de Fórmula 1 informa que ten que pararse a pensar o que di para non acabar falando castrapo.
A familia de Daniel é castelanfalante. O seu contacto co galego aumentou ao ir medrando e relacionarse máis coa xente da súa vila e ao tratar cos compañeiros da escola.
Estas son tres historias lingüísticas doutros tantos alumnos do IES Leiras Pulpeiro (Lugo). Forman parte dun traballo que realizaron para a profesora Juncal Martínez.



Historia lingüística de Alba Villamor, Alba Gómez, Brais Pereira, Christian Lens from IES Leiras Pulpeiro on Vimeo.

Alba Villamamor falou galego ata os 3 anos. Ao entrar no sistema educativo comenzou a falar en castelán que é a lingua que emprega en todas partes, agás coa familia. A inseguridade é o trazo máis significativo de Alba pois asegura que cando trata con alguén que non ten confianza, aínda que lle falen en galego, ela faino en castelán sempre.
A familia de Alba por parte de pai non é galega polo que a lingua na que falou sempre foi o castelán. Desde pequena, na escola, sempre me falaron castelán, menos na clase de galego. Síntese incómoda falando castelán.
Brais, de familia galegofalante. Só fala en galego coa familia.
Christian é galegofalante por aprendizaxe familiar. Intenta falar en galego cos amigos, pero acaba falando sempre en castelán, aínda que ten a intención de falar sempre en galego.
De seguido outros catro testemuños desta interesante experiencia recollida do blogue do ENDL do IES Leiras Pulpeiro. Alí pódese consultar algún máis. Unha ducha de realidade.



Chamamento de ProLingua aos partidos políticos

comunicado de Prolingua facendo un chamamento aos partidos políticos para que expliquen claramente cal é o seu posicionamento sobre a política lingüística e que aclaren a súa disposición a establecer un acordo sobre a mesma ante as vindeiras eleccións. Velaquí o contido do chamamento:


Este ano electoral de 2015 debe ser o da decisión colectiva de mudar un rumbo catastrófico para o noso idioma, medio de comunicación habitual dunha boa parte do país e fundamento da cultura galega contemporánea. ProLingua avaliou con suma preocupación, sabemos que compartida por milleiros de persoas, sexa cal sexa a súa adscrición partidaria, as últimas cifras sobre o uso da lingua.

domingo, 11 de xaneiro de 2015

Novo menosprezo de Feijóo á que debería ser a súa lingua

No canto de dirixirse aos galegos, o anuncio do contrato de Iberdola coa empresa ferrolá Navantia feito por Feijóo, parece dirixido en exclusiva a Ignacio Sánchez Galán, presidente da empresa enerxética. Nas noticias puidemos escoitar ao presidente galego como presentaba a nova en español. Quen non seguira o telexornal pode escoitar as intervencións do presidente nos vídeos  ([1] e [2] )colgados no web da Xunta
Este menosprezo á cidadanía galega pola vía da exclusión da nosa lingua nun anuncio institucional é un exemplo moi clarificador de cal é a verdadeira consideración que o presidente da Xunta ten do galego. Esta presentación tamén dá a medida do cinismo de Feijóo pois hai só tres semanas que lle botaba a culpa ás familias significativo descenso do uso do galego evidenciado nos datos publicados polo IGE comparando datos do período 2001-2011.

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Axudas aos ENDL que non axudan aos ENDL

A Orde da convocatoria de axudas para as actividades dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) para o curso 13-14 publicouse no DOG onte, 9 de xaneiro. Tendo en conta os prazos necesarios para todos os trámites é de esperar que a finais de abril os centros poidan coñecer unha aproximación da dotación orzamentaria que terán para este curso que comenzou hai catro meses. Con esta carta de inseguridade na man poderán levar a cabo algunha actividade para celebrar o Día das Letras, ad maiorem Dei gloriam. Finalmente a principios de xuño os membros dos ENDL terán coñecemento de se o gasto feito o mes pasado aínda a cegas, pode ser pagado, ou non, a cargo da axuda solicitada pois con algo de sorte por esas datas sairá publicada a resolución definitiva.
A pregunta xurde de forma natural. Se os trámites administrativos precisan de prácticamente cinco meses, por qué non se fai a convocatoria a principios de curso? Ou, cal é a razón de que non se fagan convocatorias bianuais para poder afrontar unha planificación normalizadora coa seguridade de ter un determinado presuposto? Tamén se poderían asignar aos ENDL unhas cantidades a principios de curso en función da matrícula do centro e a dotación do curso anterior. Hai alternativas e non se aplica ningunha. Todo é vello e mal amañado.
A única xustificación a este retraso podería ser que as convocatorias teñan grandes modificacións dun ano para outro. Vexamos. Ao compararmos a orde deste curso coa do curso pasado  observamos os seguintes cambios:

  • Nun lugar substitúsese "dito decreto" por "devandito decreto", noutro "alternativamente" por "opcionalmente".
  • Hai un par de engadidos sobre información e presentación da documentación na sede electrónica da Xunta nos apartados 6.2 e 7.2.
  • Os cambios máis importantes están no apartado de baremacións das solicitudes. Se o ano pasado había oito ítems a avaliar que se valoraban de 0 a 3 puntos, na convocatoria deste curso redúcense a seis as variables avaliables que se valorarán entre 0 e 4 puntos. Por unha banda o que se fixo foi especificar a forma de puntuación a diversificación na tipoloxía de actividades programadas polo ENDL, e isto pode considerarse unha mellora pois clarifica como se debe realizar a puntuación. Pola contra elimináronse dúas variables que agora non se terán en conta:
  • Viabilidade e adecuación do proxecto para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa.
  • Grao no uso das competencias activas da lingua, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade.


Así que os esforzos para programar actividades que teñan incidencia na praxe normalizadora ou que atendan especialmente ao uso oral non serán tidos en conta para puntuar no baremo deste curso.

Para acabar de ver a dimensión do maltrato á normalización nos centros de ensino, basta con botarlle un ollo á dotación orzamentaria que lles chegará aos ENDL a final de curso. Prácticamente todas as cantidades están entre os 200 e 400 €. Hai cinco anos o rango estaba entre os 650 e os 1300 €. E non todo son cuestións económicas. Parece que á SXPL se lle esqueceu programar cursos de formación para os membros dos ENDL.

Isto que se debullou aquí non son máis que unhas poucas pingas da política lingüística que se está a desenvolver nos últimos anos. Por éstas e por moitas outras razóns os profesionais do ensino encargados da normalización e agrupados na Coordinadora Galega de ENDL emitiron a principios de curso un comunicado  pedindo a demisión do secretario xeral de política lingüística, comunicado que penso debemos ter máis presente.
Teño por certo que no caso de que chegase tal dimisión as cousas non cambiarían substancialmente en nada, por iso cando se chega a un extremos coma éste, non se está a pedir un cambio de caras, senón que o que se se precisa é un cambio completo de orientación. Temos aquí un caso concreto, o do funcionamento dos ENDL. Alén de poñer problemas ao seu funcionamento, non se fixo ningunha outra cousa nos últimos cinco anos. Ante este panorama creo que a resposta dos ENDL debe pasar, polo menos, en non colaborar activamente en ningunha das (poucas) propostas que saian do forno frío da SXPL.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Can castelán


Calquera que visite O Carballiño ten que dar unha volta polo Templo da Veracruz, esa espectacular construción do arquitecto Antonio Palacios. Pois alí mesmo, na explanada que rodea ao templo, será prácticamente imposible que non vexa este sinal. Ben podedes imaxinar o que opino eu sobre os que o colocaron aí. Non sei por que esta xente supón que os cans só entende o castelán.
Ao ver este sinal pasoume o que supoño que lle pasaría a moitos outros. Viñeronme á cabeza as palabras de Castelao:  "Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para a toda a nosa especie, Sons os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses. e renegan das inquedanzas que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca, e un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por qué? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
Está claro que os que puxeron o sinal ao pé do Templo da Veracruz non leron a Castelao.

martes, 6 de xaneiro de 2015

Cinco anos e un día

Pois si, xa van alá cinco anos e un día. Comenza a resultarme estraño non estar na noite de reis a darlle os últimos toques a esta entrada de aniversario.
Velaquí este retrato que coloquei un día sen pensalo moito pero que significa moito xa que vivimos nun deserto, un deserto para a lingua galega. Estes cinco anos consistiron nunha travesía no deserto. Se aínda estamos vivos é grazas aos oásis conformados polas asociacións e particulares que manteñen a conciencia social sobre o luxado estado do galego.
Velaquí o mamífero. Ten unha lingua ou dúas? Camelo ou dromedario? Bota a cabeza fóra para esculcar o mundo e fica pasmado ao comprobar como a política lingüística ten como único obxectivo manter a carcasa da SXPL mentres o seu interior está completamente baleiro. Nin unha medida normalizadora nestes cinco anos. Só a destrución do edificio que se estaba a levantar na etapapa do bipartito.

Seguiremos cruzando o deserto. Alén deste ermo hai unha terra fértil e chea de vexetación. A nosa terra, a que xeografiou Domingo Fontán e que tan ben describiu Otero Pedrayo.

Suspensión dos cursos de lingua galega no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid

comunicado de Prolingua:

Se os últimos datos proporcionados polo IGE sobre coñecemento e uso do galego en Galicia non resultan nada favorables para a lingua galega, algunhas novas relativas á situación do noso idioma fóra resultan tamén preocupantes. É o caso da nota publicada o día 27 de novembro do ano que acaba de rematar no blog Galego en Madrid (http://galegomadrid.blogaliza.org/) na que se informa de que “A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia comunica que non é posible realizar os cursos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas-Casa de Galicia en Madrid nas datas previstas, por razóns organizativas e xurídicas”.

Abanca e o galego

por Xoán Antón Pérez-Lema, na Praza Pública:


Algunhas persoas observarían este Nadal que a sinaléctica temporal das oficinas e máis a publicidade exterior da campaña de Nadal ían en castelán. E fontes oficiosas informan que tense decidido moi alto relegar o galego a un uso testemuñal.

domingo, 4 de xaneiro de 2015

"O soño" de Kepler


Se dispoñer na nosa lingua do libro O soño, de Johannes Kepler, é todo un luxo, esta xoia vén acompañada dunha impagable introdución do seu tradutor, Alfonso Blanco, na que se nos achega un perfil biográfico de Kepler e polo tanto tamén unha contextualización histórica ademais dunha introdución aos avatares sufridos por esta obra en particular. Por iso eu recomendaría  antes de nada ler primeiro as claves que nos debulla Alfonso Blanco. De certo que despois non hai quen pase sen ler O soño.
Unha primeira lectura  pódese facer sen atender ás anotacións. Pois cómpre saber que a maior parte do texto está nas máis de 200 anotacións, introducidas por Kepler entre 10 e 20 anos despois de ter escrito o libro. Ademais hai unha boa colección de notas desta edición tanto ao corpo principal do texto como ás anotacións de Kepler.
Da lectura de O soño obtemos un certificado de cal era o signo dos tempos. É do máis interesante comprobar por un mesmo como estamos diante dunha obra escrita nunha época cargada de supersticións pero que a un tempo é na que se está a incubar a revolución científica que daría un xiro copernicano á historia do pensamento da humanidade.
Poño como exemplo un par de notas, case consecutivas, que contan moito da mentalidade da época, substanciada na curiosa personalidade de Kepler. Nunha, a número 55, Kepler comenta en broma, mais con toda naturalidade, como os malos espíritos son considerados poderosos nas tebras. Por esta razón, cando se producen eclipses de Lúa eses espíritos desprázanse polo cono de sombra da Terra e invaden a Lúa. Velaquí a parte máxica do pensamento que Kepler utiliza para viaxar ao satélite. Pola contra na nota 57 o astrónomo calcula a velocidade á que deben viaxar eses espíritos para chegar a tempo á Lúa, isto é, antes de que remate a eclipse: 90.390 km/h. Éste é o exemplo da outra cara da moeda; nun mundo que cría que a uns metros, baixo os seus pés, os demos do inferno e o purgatorio realmente estaban a aplicar  tormentos aos pecadores, comezaba a abrollar o espírito do tratamento científico da realidade.

Un texto copernicano
O obxectivo co que fora elaborado nun principio O soño aparece explicado nunha carta que Kepler lle envía a Galileo para comentarlle os revolucionarios descubrimentos feitos co telescopio polo astrónomo italiano no 1610: "fundei unha astronomía nova como se fose para aqueles que habitan a Lúa". Kepler era un gran astrónomo, un perfecto coñecedor das disposicións dos planetas e as estrelas. O ano anterior publicara unha das grandes obras da ciencia de todas as épocas, Astronomía Nova, na que despois dun pulso de varios anos cos datos de Marte herdados de Tycho Brahe, da súa imaxinativa mente xurdiron as leis que serían a rocha sobre a que se había de fundar a nova física. Polo tanto non podemos pensar en ninguén mellor para explicar como un astrónomo selenita vería os seus ceos. Non era da mesma opinión o emperador Rodolfo II, que non lle permitiu a publicación. O problema estaba en que a astronomía lunar kepleriana era profundamente copernicana. Tomar o punto de vista dun habitante de Lúa era un movemento estratéxico moi intelixente. Este selenita pensaría que vive nun mundo inmóbil e desde a súa posición no satélite ofreceríase unha astronomía moi distinta á nosa. O cambio de punto de vista evidencia a febleza do xeocentrismo.
Para completar a xogada efectúa tamén un cambio de nomes. A Lúa recibe o nome de Levania e a Terra o de Volva. Así podemos distinguir dúas rexións ben diferenciadas na xeografía da Lúa: a cara que mira permanentemente á Terra, Subvolva, e a cara oculta, ou Privolva.
Kepler debulla as características máis importantes da astronomía lunar. Os días na Lúa duran un mes terrestre, divididos en aproximadamente 15 días de sol e outros tantos de noite. Tamén fala de como na Lúa as eclipses solares e de Volva se suceden coa mesma cadencia que para nós as de Lúa e Sol respectivamente. Desde Subvolva obsérvanse as fases de Volva, e o que resulta un unha toma de postura plenamente copernicana, tamén se pode comprobar a rotación diaria do noso planeta. Este cambio de denominacións, lonxe de ser inocente é un dardo mortal na cerna do xeocentrismo. O libro, así concibido, era un excelente texto de divulgación científica. Precisamente o que pretendía divulgar era o que facía complicada a súa publicación. Lutero e Calvino xa levantaran as palabras da Biblia como garante da inmobilidade da Terra.
A pesar de todo, Kepler non se rende. Convencido que a irracionalidade das críticas contra o De revolutinibus se debía á ignorancia en astronomía intenta unha nova estratexia. Engádelle unha historia para envolver esa xeografía lunar nunha narración imaxinaria recollendo a tradición das narracións de viaxes. O protagonista ten un soño que consiste na lectura dun libro. Ese libro relata a historia de Duracontus, un mozo islandés, quen finalmente grazas a unha invocación da nai comeza a escoitar na voz dun xenio a descrición da xeografía lunar kepleriana. Se ben con esta transformación o cambio de perspectiva proposto por Kepler pode perder forza ao estar adubado de xogos narrativos nos que incorpora a maxia, o estilo descritivo da parte científica é tan claro, tan distinto á primeira parte do Soño, que cómpre pouca perspicacia para que o libro siga mantendo a súa  carga de propaganda e defensa copernicana. Finalmente esta conversión do libro nunha historia fantástica tería indesexadas e terribles consecuencias tanto para a obra o como para a propio futuro de Kepler.
Katharina, a nai de Kepler foi acusada de bruxaría e unha copia do Soño sería usada como material contra ela no xuízo. A lectura do manuscrito facía moi doada a identificación da nai de Kepler coa menciñeira nai do protagonista do Soño. O libro convertérase nun magnífico apoio para acusación de bruxaría de Katharina.
Johannes asumiu directamente a defensa da súa nai . Isto foi unha preocupación continua e unha ruína económica durante os anos que durou o proceso. Moito se ten escrito e debatido sobre o proceso a Galileo e a prohibición da publicación do seu Diálogo. Estamos ante un caso das mesmas características, coa diferenza de que a represión protestante non estaba tan organizada como a Igrexa católica. Porén a súa ideoloxía e defensa fundamentalista estaba ben establecida na estrutura social da época.  Neste caso volvemos a ver un enfrontamento no que o poder actúa contra a nacente revolución científica que estaba a socavar os piares do coñecemento férreamente controlado pola oficialidade.

Non hai ningunha dúbida de que O soño era un ensaio para a difusión do copernicanismo. Non concordo para nada coa adscrición, mil veces repetida, desta obra como  precursora da ciencia-ficción. Aínda que isto signifique ir en contra da clasificación dada por dous grandes xenios da divulgación científica como Carl Sagan e Isaac Asimov, se O soño pode ser considerada pioneira dun estilo, éste sería precisamente o da divulgación científica.

sábado, 3 de xaneiro de 2015

A situación do noso idioma: o fondo da cuestión

por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:


Por máis que é gastado, repetido e esperábel, non me acabo de habituar á hipocrisía e ao cinismo de quen, mantendo unha posición de hostilidade obxectiva contra o idioma do país ou simplemente dedicándose a marear a perdiz, a través do confusionismo verbo da situación lingüística na Galiza, aparentan estar conmovidos, sorprendidos ou preocupados cando a correspondente enquisa, neste caso do IGE, pon en evidencia o acelerado retroceso de usos do galego nos últimos anos, en particular. Especialmente irritantes foron as ladaíñas, que supuraban ao mesmo tempo unha dose descomunal de desvergoña e incuria intelectual, do presidente da Xunta, do Conselleiro de Educación, do Secretario Xeral de Política Lingüística e do Presidente da Real Academia Galega. Parece como se os dados nada tiveran que ver coas políticas que, desde as institucións, se encargan de promover con saña inusitada, até o extremo de privar o noso idioma do osíxeno que unha administración pública autonómica, minimamente identificada co país, debería fornecerlle. Non son precisamente esas políticas, de protección e amparo para os seus usos, como idioma oficial que teoricamente é, senón de acoso e derrubo, de marxinación absoluta, mesmo no sistema educativo, un dos servizos públicos considerado normalmente como lugar privilexiado para dotar de competencia lingüística na lingua propia e para restaurar o seu uso nas novas xeracións. Non imos describir a penosa hexemonía do español como lingua docente real en todos os chanzos educativos, sexa cal for a lingua familiar ou social do alumnado, nin imos denunciar a nula, por proscrita, desautorizada e reprimida, política favorábel a posibilitar a restauración de usos do noso idioma en todas as funcións e en todos os ambientes. Nunha sociedade onde a Administración de Xustiza é a primeira en pasarse polo forro os dereitos lingüísticos dos utentes conscientes do galego, que se lle recoñecen a un estranxeiro en relación co seu idioma, nun proceso xudicial, non cabe confusión sobre o que pasa. Mesmo esa Administración pode, paradoxalmente, violar con contumacia a legalidade en materia de toponimia, nas súas sentenzas xudiciais, deixando claro quen manda e a súa disposición intransixente a españolizar todo, sen que quede oco para a diversidade orixinaria sequera como unha pegada. Non vou falar do que pasa na vida social e, moi en particular, das posibilidades de procurar traballo: como norma, non hai empresa mediana ou grande onde a pretensión, xa de por si épica pola súa escaseza, de achalo sen agachar o galego, sexa verificábel. Quen fixo ou fai uso do noso idioma en todos os ambientes e para todas as funcións é consciente da súa exclusión, do seu desamparo e da potencial conflitividade que debe asumir en moitos contextos. Só non ve esta realidade quen non a vive porque non o usa ou limita o seu uso a situacións coñecidas, controladas e sen interrogantes.

xoves, 1 de xaneiro de 2015

De blogues 29


  • Os apelidos galegos de Gas Natural Fenosa, 01/12/14, por Gonzalo Hermo en AGOn
  • Querida Radio Galega (A voo de tecla, 22/05/2010), 02/12/14 por Xavier Alcalá, na súa páxina persoal
  • De fozabibliotecas, 03/12/14, na Marela Tarabela
  • Onte 1164: Círculo de Lectores abandona o libro galego, 03/12/14, por M. Bragado en Brétemas
  • Funcións sociais da lingua. Estereotipos e prexuízos, 02/12/14, por Olga Amigo en Verbas do Tempo
  • Quen dixo medo!, 04/12/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de Lingua
  • O noso voto conta, 05/12/14, por Mercedes Queixas no seu blogue
  • Galicia Bilingüe e o merengue, 05/12/14, por Xavier Alcalá, na súa páxina persoal
  • Como pintaría Picasso a letra P?, 08/12/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • HISTORIAS DA LINGUA I, 09/12/14, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
  • El castellà no és una llengua espanyola; ni tan sols és la llengua de Castella,09/12/14, por Bernat Gasull nos Articles d'opinió da Plataforma per la Llengua
  • Quen falará na nosa lingua cando marchemos?, 09/10/14, pola Confederación de ANPAS galegas
  • Amor sen fronteiras, 10/12/14. porla Churrusqueira en Zarampagalegando
  • Heroínas da nosa lingua, 14/12/14, por Sarela Betanzos Freire, no Bico da Ría. Esta entrada vale por un cento. Mil veces recomendable.
  • Escapismo, 14/!2/!4, en El toupo que fuza
  • O monolingüismo castelán consolídase en Galicia, 15/12/14, por Luís na Eiriña de pedra
  • HISTORIAS DA LINGUA II, por Helena Villar Janeiro, en Galego na rede
  • Rescate do galego, 16/12/14, por M. Bragado, en Brétemas
  • III A LINGUA E O GLAMOUR, 21/12/14, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
  • Os de fóra como escusa, 21/12/14, por Suso no Toupo que fuza
  • Onte 1180: «Tita», o documental, 21/12/!4, por M. Bragado en Brétemas
  • Bo Nadal! (en ambigramas), 24/12/!4, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • CONTO DE NADAL: UN MAGO EN NOITEBOA, 25/12/14, un conto ben fermoso, por Xabier P. Docampo no seu blogue
  • HISTORIAS DA LINGUA IV, 26/12/14, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
  • Onte 1186: Posición orixinal, 27/12/14, por M. Bragado en Brétemas
  • HISTORIAS DA LINGUA V. PAX GLIACIANA, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
  • Feliz 2015, sr. conselleiro, 30/12/14, pola Confederación das ANPAS galegas
  • Ponte nas ondas,30/12/14, por M. Bragado en Brétemas
  • NON HAI NADAL PARA O PROFESORADO CELGA, 31/12/14 en Lingua precaria