Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de febreiro de 2015

Nós cantar cantamos


O curso pasado no IES Pintor Colmeiro fixemos unha colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa chamada "Nós cantar cantamos" que consistía na recollida e divulgación de 36 poesías doutras tantas autoras para construir un taboleiro colgando unha cada día e así unir o Día de Rosalía co Día da Poesía.
O equipo de poetas é de luxo. E as ilustracións, outra marabilla; foron realizadas nas aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC do IES “Ramón Mª Aller Ulloa”. O libro que recompila todo este traballo é unha alfaia máis nese Día de Rosalía que xa brila máis que ningún outro na constelación das celebracións do ano.
O título do poemario fai referencia ao poema de Cantares: "Eu cantar cantei"

Outras publicacións arredor do Día de Rosalía:

Olá, novo consenso!

por Miguel Penas, na Praza Pública:


Fevereiro de 2015 pode ser um mês que marque um ponto de inflexom na história da nossa língua no atual território da Galiza. Começou com umha importante mobilizaçom social em favor do galego e finalmente termina com bom sabor de boca, fruto da assinatura dum acordo de colaboraçom entre o Presidente do governo galego e o Chefe de Estado português. Parece evidente que a língua importa, ainda na Galiza do século XXI.

Velada poética. A nosa casa da lingua

por Manuel González Prieto, nas voces de Prolingua:
Pra haber bon pan, ten que haber boa sementeira
Onde o rapaz sachou, nunca millo faltou
Quen pranta e cría, ve alegría 
Si queres ter que comer, tes que sementar e coller 
Si ques ter bon viño, inxerta de boa cepa 
Xunto á auga pon carballeiras e verás que logo medran 
Unha palla non fai palleiro, pero axuda o compañeiro.
                                                                 O saber popular

venres, 27 de febreiro de 2015

Día de Rosalía con Antía Cal



Este vídeo é outro adianto do documental "Tita" no que se fai un retrato da pedagoga Antía Cal, unha mestra que trouxo a Galicia a innovación pedagóxica que se traballaba Escolas de Verán Rosa Sensat. Nese audiovisual explicarase por que a súa obra ‘O libro dos nenos’, escrita en 1958, estivo oculta ata o día de hoxe. O libro permanece aínda inédito, e espérase que a Deputación de Lugo o publique nesta primavera, 60 anos despois de que fose escrito.
Antía Cal fundou en Vigo no ano 1961 a Escola Rosalía de Castro, pioneira na introdución do galego no ensino.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Arredor de Rosalía. Proxección de "I ante aquel silencio mudo"


Con motivo do “Día de Rosalía” a Asociación Cultural “Vagalumes” ten previsto levar a cabo a proxección de “I ante aquel silencio mudo”, curtametraxe sobre Rosalía de Castro na que, fronte á idea máis xeral e convencional da nosa poeta nacional, se descubre agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como aparece no vídeo, conscientemente galega.
Arredor desta proxección levarase a cabo un coloquio e a lectura do manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega  (AELG) deste ano a respecto da conmemoración rosaliana.
Este acto terá lugar o vindeiro sábado 28 de febreiro na sala de exposicións de Abanca na Estrada ás 20:30 h. A entrada é libre e gratuíta. Estarán á venda exemplares deste vídeo para quen tivera interese.

mércores, 25 de febreiro de 2015

De noite e de día

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

Podería suxerir este título unha reflexión sobre o paso do tempo ou sobre o rutinario movemento de rotación terrestre que regula os nosos hábitos diúrnos e nocturnos.
Podería, se cadra, incitar a procura dunha opinión ao redor de certo investimento público galego de máis de 300.000 euros en aproximadamente 50 segundos de promoción turística (6.000 euros por segundo) enlatados, sen ningún tipo de identificación xeográfica, en abstracto e onde se aterra en helicóptero, no comezo e final do videoclip dun cantante de orixe española e asentado en Miami, neto de galego mais sen vínculo coñecido con esta terra, que renova os usos tradicionais dun mosteiro para achegalos a unha xuventude rendida ao culto ao corpo so pretexto de moito dance de calores e baías. A versión oficial do goberno é que este impresionante clip terá un impacto mundial, pois representa a imaxe de Galiza como un pobo moderno e alegre cunha mocidade preparada para todo (!)

martes, 24 de febreiro de 2015

"Eu son Rosalía" da Bandeira a Silleda



Estes de arriba son os meus futuros alumnos. Eles son Rosalía.
Estes outros, os de abaixo, son os meus alumnos de agora, e que pronto o deixarán de ser. Eles tamén son Rosalía.

luns, 23 de febreiro de 2015

Deixemos de reclamar o Día Das Letras Galegas para Carvalho Calero: dediquémosllo!

por Manuel López Foxo, no Sermos Galiza:

Levamos quince anos, si, quince anos!, agardando un acto de elemental xustiza: que a Real Academia Galega recoñeza a inmensa figura de don Ricardo Carvalho Calero, que promova o seu estudo e divulgue a súa obra. E nada. Nin ao cumprírense os 50 anos da publicación da 1ª edición d´A xente da Barreira, nin os 50 anos da 1ª edición da súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, nin os 50 anos da súa entrada na Universidade de Compostela como profesor de Lingua e Literatura Galegas, nin os 50 anos do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, nin tampouco ao cumprírense os 10, os 20 ou os 25 anos da súa morte… Nada. Xa cambiou catro veces a RAG de presidente e a institución da rúa Tabernas segue sen recoñecer a quen entrou nesa institución en 1958, nada menos que da man de don Ramón Otero Pedrayo, don Florentino López Cuevillas e don Xesús Ferro Couselo, a quen incluso tivo a oportunidade de ser nomeado presidente da Real Academia Galega tras a morte de Sebastián Martínez Risco e a quen en 1971 redactou as Normas Ortográficas da Academia Galega. Nin o seu vello amigo Francisco Fernández del Riego conseguiu desde a presidencia da Academia que lle dedicasen o Día das Letras Galegas, tendo que deixar o cargo con esa grande frustración persoal. De verdade, pode haber maior sectarismo que o que unha maioría de académicos da RAG exerce coa figura de Carvalho Calero? Podemos seguer a agardar algo dunha institución cultural que entre as súas normas non escritas ten a de non dedicarlle endexamais o Día das Letras Galegas a quen ousou defender unhas teses lingüísticas diferentes ás normas que aprobaron en 1982 a Real Academia e o Instituto da Lingua Galega?

venres, 20 de febreiro de 2015

A lus do mundo, tralas pegadas de Díaz Castro

A lus do mundo é tamén un proxecto que podemos consultar na rede. Foi seleccionado pola Fundación Barrié para participar na Convocatoria de Proxectos Escolares. Contou ademáis coa colaboración da Asociación Cultural Xermolos e o Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña.

Estamos diante dun espazo web no que podemos destacar os seus roteiros. En dous deles, o de Guitiriz e o de Vilariño dos Cregos, aldea natal do poeta, o instituto ofrece visitas guiadas polo propio alumnado. Pola contra, o terceiro roteiro é un paseo virtual polos arquivos, vídeos e audios, sempre xirando arredor de Díaz Castro.
Tampouco podemos deixar de consultar a variedade de recursos didácticos que con ilusión e esforzo nos achegan desde o IES Poeta  Díaz Castro(Guitiriz) . Non podo deixar de facer referencia aos de matemáticas, coas aportacións dese espíritu inquieto que é Víctor Pollán. Nun deles faise un achegamento con datos e gráficas á educación e analfabetismo durante o século XX en Galicia.
Un traballo que se agradece e que ofrece unha mostra do bo facer nun traballo colaborativo de moitos profesionais do ensino, neste caso, desde Guitiriz.

mércores, 18 de febreiro de 2015

Sr. Presidente (I)

por David Otero, no Sermos Galiza:

Quen se dirixe a Vde é un galego, mestre con corenta anos de servizo, entre aldeán e urbano, pois nacín en Compostela, pero a tribu élle do Ribeiro alto, Punxín e San Amaro. Estou contento e feliz de ir de camiño a dicirse, como Manuel María, aínda que el xa o fixo en vida, galego normalizado e xa que logo todos os días esperta na marabilla de sentir ( un pouco máis que onte) como se vai construíndo Galicia e en especial o Pobo do Galego e por iso, se o tiver Vde a ben, referirlle o que segue para que me dea atención ( e grazas pois de antemán se así for).

martes, 17 de febreiro de 2015

A nosa identidaz

por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:

Cadroume ouvir un corte radiofónico do recentemente nomeado conselleiro de Cultura e de Educación, onde mencionou a lingua galega e a cultura como elementos fundamentais da nosa identidaz. Para nada vou facer identificación automática ou mecánica deste castelanismo con este novo cargo público. Ben sei o asentadas que están as “verdá” ou “verdaz” e tantos castelanismos máis, e o difícil que resulta desterralos. Non hai máis que atender á dificultade extrema que encerra a palabra “crise” para o presidente da Xunta, que sempre a usa como “crisi” ou directamente “crisis”. Temos que ser benevolentes. Hai que recoñecer que o galego é para algúns galegos o idioma de máis difícil adquisición ou fixación. O galego non ten a culpa, claro está. Tena unha exigua ou nula motivación, porque a identidade pretendida é outra e, daquela, o galego público impostado é un postizo, unha especie de sublingua que pouco importa falar ben ou mal. O actual conselleiro citado ten unha magnífica fonética. Mágoa que sexa utilizada -doutro xeito, endexamais sería nomeado- e vaia servir ás políticas que esmagan na práctica o alto valor concedido nominalmente á lingua e á cultura.

Gallego

por Félix Jorquera, no Sermos Galiza:

O líder de Podemos en Uruguai, Jorge Castrillón, referiuse hai uns días nunha entrevista ao termo gallego, como paleto. Anteriormente a este episodio, o director de cine Pedro Almodóvar e a líderesa de UPYD, Rosa Díez, tiveran tamén desplantes ao noso pobo con declaracións desafortunadas.

domingo, 15 de febreiro de 2015

De blogues.32

Da Wikipedia

  • A historia de cando Séchu Sende fixo ouigha co espíritu de Castelao, 30/01/15, por Belén Quinteiro, no blogue De cando Manuel Antonio se mudou á miña bañeira
  • TVG pide a una presentadora que no utilice la ‘gheada’, 01/02/15, en marlou
  • Manifesto RAG: “O galego dá vida, pola vida do galego”, 01/02/15, por Carmela Castro, no Bico da Ría
  • Wert: educar sen atender á tribo, 03/02/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
  • Uns e ceros, 04/02/15, por María Alonso Fernández e Bruno Dacosta Fernández, en matemáXicas
  • Martín Códax, Enrique Iglesias e a chuva, 05/02/15, en GzMúsica.com
  • Cantas máis?, 06/02/15, por Sarela Betanzos Freire, no Bico da Ría
  • O que ouvem os portugueses quando ouvem galego?, 06/02/15, por Marco Neves en Certas palavras
  • Coca mallorquina vexetal, 08/02/15, en Bolboretas no bandullo
  • Toponimia galega Eo-Navia, 09/02/15, na Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo
  • O GALEGO A ÚNICA BANDEIRA, 09/02/15, por Francisco X. Fernández Naval, na noite branca
  • Un consenso sobre educación e galego?, 11/02/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
  • O galego esfúmase a cada pouco un pouco máis, 11/02/!5, por Andrea de la Iglesia, en Lingua de Negueirós
  • Porque insistem os galegos em falar galego?, 11/02/15, por Marcos Neves en Certas palavras
  • Mapa da Terra Eo-Navia., 12/02/15, por Suso Acevedo en El toupo que fuza
  • COMO SE APRENDE UNHA LINGUA, 12/012/15, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
  • Por que non derogar o decreto do plurilingüísmo?, 13/02/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago

Unha lingua de pobres, pailáns e bloqueiros

por José Luís Sucasas, na Praza Pública:

Logo e 35 anos do actual sistema monárquico parlamentario e no que se atinxe a Galiza, o BNG xa é considerado un partido da “casta”. Aos bloqueiros pódenos gustar máis ou menos que así nos consideren; eu diría que máis ben menos, xa que ingresamos no sistema “por imperativo legal” e sen acordar cos principios xerais do movemento, pero coa esperanza de traballar pola causa nacionalista dende o interior das institucións. Dende o comezo da súa andaina, o BNG fixo da lingua o seu estandarte e paseou o pendón en tódalas procesións. E fíxoo con tanta ansia e determinación que conseguiu inserir nos miolos da xente a imaxe de parella única, eterna e indisoluble: BNG e Lingua Galega; ou Lingua Galega e BNG, que tanto monta monta tanto. Póñovos un exemplo: Xosé Crespo, o alcalde de Lalín, subiu ao seu feisbu un artigo meu en Praza coa seguinte introdución: “Chamoume a atención este comentario, na revista dixital do BNG Praza Pública do Concelleiro do BNG José Luís Sucasas ....” Como Praza utiliza o galego, daquela é unha revista do BNG, debeu ser o seu razoamento municipal. E ollo, Crespo é do PP e galegofalante, dou fe.

venres, 13 de febreiro de 2015

O mapa dos xacementos arqueolóxicos de Silleda



Un dos piares do proxecto premiado co Antonio Fraguas no IES Pintor Colmeiro (Silleda) é a xeolocalización da toponimia do Concello de Silleda. Ao introducir no mapa da microtoponimia de Silleda os xacementos arqueolóxicos do concello polo que superáronse os 1000 topónimos identificados.
Neste mapa que presentamos nesta entrada están identificados  petróglifos, mámoas e castros. De consultardes o mapa da microtoponimia tamén os acharedes. Hai que agradecerlle ao arqueólogo Israel Picón a súa colaboración para a localización destes importantes xacementos.
Para facer un breve percorrido por algún destes lugares pódese consultar esta entrada do blogue do instituto público de Silleda. É enorme o traballo que está a realizar Xoán Carlos García Porral xunto co Departamento de Lingua (Fe Fernández, Xesús Cociña, Mª Xosé Ledo e Mª Luz Núñez ). Agora ademáis contamos coa colaboración dun bo grupo de alumnos de 2º de bacharelato que están engadindo novas entradas no mapa; eles son  David Varela Salgado, Samuel Rodríguez López, Carlos Mato Rodríguez e Jorge Méndez Bértolo.

Disco raiado, baby!

excelente artigo de María Reimóndez, no Sermos Galiza:

Hai algún tempo circulaba polas redes un vídeo dunha muller nunha película tipo anos 40 que se achegaba irritada a un tocadiscos do cal non deixaba de saír o último (e insoportable) tema de Enrique Iglesias, levantaba a agulla con aceno brutal e dicía: «Hasta el coño ya!». Esta imaxe véuseme moito á cabeza nos últimos días que tanto se falou de tan importante artista por estes medios nosos e hoxe enfíame ben con outras cuestións que andan vira que vira en canto se abre o «debate sobre a lingua» en certos medios (que adoitan ademais ter pouca tradición en usala, será por iso).

xoves, 12 de febreiro de 2015

Parabéns para ti


A quen lle habería que lle dar os parabéns é aos autores desta inicitiva: a Mesa pola Normalización Lingüística e o concello de Carballo por acertar cun evento de especial recordo nas nosas vidas, sobre todo na dos máis pequenos, e que no seu momento culminante, no que lle cantan ao agasallado a canción de felicitiación, acaba sendo en castelán ou en inglés.
Para facilitar que nenas e nenos, e tamén maiores, celebren e feliciten os aniversarios en galego, impulsouse desde Carballo a gravación dunha canción co seu correspondente videoclip. Esta proposta feliz e festeira contou coa colaboración do Coro Vagalume.
Un pasiño máis para a normalización. Ben feito!
Agora estaría ben que os medios, sobre todo os públicos, difundiran esta boa nova. Veremos se sucede así.

Lingua e Cultura

Mercedes Queixas fai a súa aportación á xornada Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?, organizada pola Fundación Galiza Sempr een ideas.gal:

Facer contas dos círculos concéntricos que, como pobo, fomos quen de nacer e medrar no nobelo destes trinta e cinco anos.

Apuntamentos encol da manifestación de Queremos Galego

por Manuel Mera, no Sermos Galiza:

A mobilización do pasado domingo a prol do galego foi un éxito de participación. Foino malia que os medios de comunicación máis importantes silenciaron en boa medida a convocatoria, e cando se viron obrigados a comentala, fixérono dándolle sobre todo a voz á Xunta do PP para desalentar a protesta. Foi acertado que Queremos Galego anunciase a manifestación con moita antelación, para xerar así expectativa e ademais puidese chegar a toda a base social do nacionalismo, que ten un metabolismo moi lento ao carecer de medios de comunicación de masas propios. Mesmo, neste caso, resultou secundario que a consigna e máis o cartaz necesiten dun intérprete para entender cal era o obxectivo da convocatoria.

mércores, 11 de febreiro de 2015

Presume de galego


Traballo audiovisual do bacharelato de Artes o IES María Soliño (Cangas)

Novamente o PP nos obriga a defender a nosa lingua

por Francisco Calo Lourido, en Terra e Tempo:

Perdín a conta das manifestacións que levamos feito por mor da lingua e, vista a progresiva baixada de falantes que denuncian os resultados estatísticos

Galego e política

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

Hai agora seis anos a cimeira do PPdeG partillaba canda Rosa Díaz (UPyD) e os sectores máis extremistas contra o “status” xurídico e social da nosa lingua unha demostración nas rúas compostelás contra o Decreto do Goberno de coalición que regulaba o galego no ensino. Decreto que obtivera a aprobación da representante do PP, Manuela López Besteiro, malia trasacordasen no último intre por razóns de cálculo electoral.
Deste xeito, o PP rachaba o consenso lingüístico ( presente no Plan de Normalización do 2004, aprobado pola unanimidade do Parlamento) para tentar apañar uns milleiros de votos. Poucos cuantitativamente, pero fulcrais para acadar cadanseu escano adicional nas circunscricións d’A Coruña e Pontevedra. A ladaíña, o conto, da imposición do galego comezaba.

martes, 10 de febreiro de 2015

"O galego resúltalles un moribundo demasiado lento e molesto", Begoña dixit

por Goretti Sanmartín, no Sermos Galiza:

Hai cinco anos asistiamos a unha reacción social sen precedentes após decidiren os gobernantes do PP comezar unha cruzada contra o noso idioma. Non é unha casualidade que o inicio de todo este proceso se situase no ensino, por máis que porfíen en afirmar que hoxe crianzas e mocidade reciben moito máis estímulos lingüísticos de fóra do sistema educativo, neses espazos de lecer onde "din dirixir" as súas medidas de política lingüística. Porén, o conflito -por algo sería- estivo situado desde o primeiro momento en anular as posibilidades de teren nenas e nenos das primeiras idades unha importante porcentaxe de exposición ao galego e de facer irreal a aposta por un ensino en galego, con competencias exercitadas día a día nas diferentes materias. De aí que fixesen públicas as Bases para o decreto da persecución do galego un 30 de decembro e que non escoitasen as voces nin os pronunciamentos da comunidade educativa, científica, cultural nin asociativa para daren un paso atrás nas súas pretensións. O obxectivo estaba moi claro naquela altura.

Con Pondal o 8F

por Xoán Costa, no Sermos Galiza:

Millares de persoas percorren a cidade. Desde a Porta Faxeira até a Praza da Quintana, pasando pola Porta da Mámoa. Millares de persoas a defenderen, a defendermos o dereito a vivirmos na “nobre e harmoniosa fala de Breogán”.

luns, 9 de febreiro de 2015

A lingua nunha bandexa de cartón


Se hai tres anos deixaba neste blogue unha foto dun tal marra que para min representaba o retrato dun home dono da súa lingua e farto dos que a atacan. A foto era da manifestación do 18 de outubro de 2009. Xa que logo, van alá máis de cinco anos.
Onte, na manifestación de Queremos Galego, chegando á Praza da Quintana, a súa estampa resaltou nos meus ollos como unha estrela relucente. A súa figura destacaba na marea de milleiros de almas que ateigaban o lugar. Nun impulso roubeille esta foto mentres entraba na praza. Era este mesmo home, cheo de dignidade. Era o mesmo lema: "contra os que odian o galego", nunha montura simple que revelaba o sentimento que lle saía da alma. A el non lle cómpren adobíos nin técnicas de markéting para mostrar a súa afouteza coa defensa do galego. Un pau e unha bandexa de cartón. Nunca un material tan pobre alcanzou tan alto valor. 
Por suposto que non sei quen é, pero agradézolle que estivera alí, dando exemplo nesa mañán fría de febreiro. El é a dignidade dun pobo, o galego, desprezado polos seus gobernantes.
Sei que Feijóo, Jesús Vázquez ou Valentín García non son quen de lle mirar directamente aos ollos do home que levaba a lingua nunha bandexa de cartón.

P.S.:Teño un sabor dóce na boca desde que o vin.

Salvarmos a nosa lingua

por José M. Castro, na Praza Pública:

O galego sofre dun desprestixio histórico como consecuencia de sometementos que veñen acontecendo durante máis da metade da súa milenaria historia e que, máis recentemente, vén estando asociado á carencia dunha burguesía nacional que o defendese. Para a xestión desta situación precisamos ter presente a compoñente resultante de autoodio, que constitúe unha diferenza significativa cos casos do catalán e o éuscaro.

sábado, 7 de febreiro de 2015

En pé



Velaquí os mozos do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) espallando polo aire os versos dun poeta que merecería máis recoñecementos, Ramón Cabanillas.
Nesta ocasión o poema elixido é  En pé, publicado na obra Da terra asoballada

Xabier P. Docampo: "A situación da lingua cada día vai a peor desde que este goberno está no poder"

Carme Vidal entrevista a Xabier P. Docampo para o Sermos Galiza:

Xabier P. DoCampo, un dos escritores máis recoñecidos e queridos da nosa literatura, estará o domingo en Compostela para participar na manifestación de Queremos Galego.
-E se lle preguntara a cantas manifestacións pola lingua leva asistido?
Son incontábeis porque sempre que alguén se manifesta a favor da lingua, así sexa o mesmo demo, pode contar con que alí estarei. Niso son totalmente evanxélico. Aínda que se reúnan catro, alí estarei e estarei mentres sinta que a miña lingua non acada sequera o estatus de oficialidade que ten recoñecido, que é o mínimo.

Lingua coa que queremos construírnos

por Marta Dacosta, no Sermos Galiza:

Nos inicios do meu camiño cara á lingua, están os anos de instituto. É certo que eu xa traía esa fame, por iso, cando en 1980 comecei recibir as primeiras aulas de galego, acabei de saber que me faltaba. E así a lembranza daquel profesorado do IES Santo Tomé do Freixeiro, en Vigo, ten un lugar importante na memoria da lingua, como aquel primeiro manual de galego, como o Rosalinda de Fausto a soar nunha clase ateigada. Logo souben que nese momento comezaba impartirse galego como materia. Mais naquel instituto xa había outras profes que impartían as súas aulas en galego, por exemplo matemáticas, algo que non pasaba desapercibido á nosa atención adolescente.
O certo é que naquela década a lingua e a necesidade de debater sobre a súa presenza no ensino ocupou unha parte importante do noso tempo: no instituto, no Colexio Universitario, na Facultade. Sempre reclamando máis presenza.

A liña descendente que debemos erguer. Sobre o futuro do galego a partir da realidade actual

por Nel Vidal, na Revista de Llengua i dret:

Os últimos datos sobre o uso do galego feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a partir da Enquisa de Condicións de Vida das Familias de 2013, certifican a percepción xeral sobre o uso da lingua galega na xente nova: a da perda acelerada do idioma nos últimos anos. De non se aplicaren as medidas axeitadas canto antes, e de non chegarse a un acordo xeral e global para o mantemento do galego como lingua viva, esa liña descendente pode ir cara ao deixarmos de ser.

Voltamos a Compostela

por Carme Adán, no Sermos Galiza:

Voltamos a Compostela o domingo 8 de febreiro con gañas de festa. Con gañas de cantar e bailar pola nosa lingua. Con gañas de sentir a familiar humidade da Quintana ateigada de xente. Voltamos a Compostela porque nos peta. Porque somos así, teimosas e teimosos.

venres, 6 de febreiro de 2015

Alea iacta est

O rapaz, que cursa 1º da ESO comentaba cheo de ilusión a cantidade de cousas que aprendían na clase de Ciencias Sociais. Ademáis este ano estaban usando as novas tecnoloxías pois comenzaran a traballar con presentacións dixitais.
- ...si, e hai un que se chama Xulio César que inventou moitas frases famosas.
- E logo?, sabes que frases? -preguntoulle o pai
- Si, alea iacta est, que significa la suerte está echada.
- Como? que?..
- E ten máis, tiña moitas: vini, vidi, vici que é vine, vi y vencí.
- Pero ese traballo non era o estabas a facer onte pola tarde no ordenador?
- Sí, é ese
- Pero, non estaba en galego?
- Si, claro
- E como traduces esas frases ao castelán?
- Faino así o profesor. Eses son os apuntes que nos dou. Tamén a de y tu también Bruto?, tamén está en castelán, todas as traducións veñen en castelán.
- E logo? é que non se pode traducir do latín ao galego?... Seica o galego non ten nada que ver co latín...
- Pois pode que non se poida, o profe non o dixo.
- Así que na clase de sociais, ademáis  de aprender de Xulio César, aprendedes que o galego non serve para asegún que cousa, non?
Houbo un silencio....
- Vin, vin,..... -comenzou a dicir o rapaz
- E vencín
- Vin, vin, vencín... así creo que me gusta máis.
- Veña, déixame o power point que lle vou sacar unha foto para un post.
Sobre isto dos prexuízos e a situación social do galego, a pesar de todos os atrancos e dificultades, que ninguén diga, pois,  alea aiacta est.

Por nós, a nosa lingua seguirá viva

por Sabela Bará, no Sermos Galiza:

A miña lingua nai é o galego e as primeiras palabras que falei foron nela. Os meus primeiros anos de vida foron en galego, mais a entrada na escola cambiou as cousas. A miña mestra non o falaba e as miñas compañeiras e compañeiros, tampouco. Os meus libros estaban en español e ensináronme os números, a ler e a escribir nesa lingua. O meu idioma, fóra do ámbito familiar, mudou. Nunca esquecín que nacera falando galego, ao contrario que lles sucede a moitas nenas e nenos, e dende moi pequena defendín o idioma, mais até acabar o instituto non fun quen de ser monolingüe en galego.

8F: respostas xa para o galego

editorial do Sermos Galiza:

A lingua está nunha situación límite, dramática, e as respostas deben ser agora e, visto o visto, só poderán vir do impulso social. Estamos no tempo do desconto, por empregarmos terminoloxía deportiva, e ou se reverten as políticas en curso ou en moi poucos anos o galego terá na Galiza un status similar ao do gaélico en Irlanda. Ou talvez peor, pois que o gaélico na república celta goza dunha protección legal da que carece o galego na Galiza, tratado como se fose unha lingua estranxeira de segunda (a lingua estranxeira de primeira, o inglés, camiña cara se converter na segunda do ensino no país).
De nada vale facermos un exercicio de profecía apocalíptica se non contribuírmos para pór remedio á situación. E o remedio pasa inescusabelmente por exercermos os nosos dereitos como cidadás e cidadáns. Facelo no día a día e no plano individual, séndomos esixentes coas administracións públicas e até coas empresas privadas, póndomos no debate social que hai un dereito humano elemental, o dereito a vivir con normalidade na nosa lingua, que está moi lonxe de se respectar.

xoves, 5 de febreiro de 2015

Suzanne Talhouk fala dos prexuízos lingüísticos no Líbano



Suzanne Talhouk é libanesa. Os seus sentimentos sobre o árabe son os mesmos que os que podemos sentir nós coa nosa lingua. Non está de moda falar do imperialismo, máis neste documento séntese a súa presenza nun acto cotián: ao pedir a carta nun retaurante e ver como lle respondían cunha mirada de certo desprezo. Quen non sentiu o mesmo algunha vez ao pedir un café con leite, logo de que lle responderan: con leche?
Este exemplo é a evidencia de que hai moitos axentes colonizadores entre nós. Xente que tragou o discurso da negación da cultura e a historia de Galicia e que hoxe actúan como peóns do barbarismo uniformizador. Son os soldados da ignorancia e do auto-odio.
Fronte a isto cómpre tomar exemplo de persoas como Suzanne,  presidenta de Feil Amer, unha asociación que promove o uso do árabe entre a mocidade libanesa, Aquí podemos escoitala demandando iniciativas para revitalizar esa lingua, modernizándoa e usándoa como medio de expresión creativa. A súa intervención pon o foco na recuperación da identidade da poboación arabefalante, e en liberarse do seu complexo de inferioridade.
Entre o seu discurso recollo un par de retallos que soan ben cando se len, pero que chegan ao corazón cando os oímos na voz emocionada de Suzanne:
"se alguén quere matar un pobo, o único xeito de matar un pobo, é matar a súa lingua. Esta realidade coñécena ben as sociedades desenvolvidas. Os alemáns, os franceses, os xaponeses ou os chineses, todos os pobos son conscientes diso. Por iso lexislan para protexer as súas linguas. Santifícanas."

"A lingua non é só para falar, simples palabras saíndonos pola boca. A lingua representa etapas específicas das nosas vidas, e os termos que están ligados ás nosas emocións Entón, cando digo: "liberdade", "soberanía", "independencia" cada un de vostedes crea unha imaxe específica no seu cerebro. Hai sentimentos específicos dun día específico nun período histórico específico. A lingua non son unha, dúas ou tres palabras ou letras postas en fila. "
A información chegoume vía Xusto Rodríguez

martes, 3 de febreiro de 2015

Regulación lingüística e vía xudicial

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Cando españolizar significa descatalanizar (ou desgaleguizar), xorden vultos coma Wert e normas como a Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, de mellora da calidade educativa (LOMCE). Cando o galeguismo (é dicir, esencialmente o idioma galego) é unha mancha e non unha distinción, cómpre quen fregue na nódoa rabuda ata facela desaparecer, sen medo a lixar o fardo nin queimar as unllas.

Declaración non institucional

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

O pasado 30 de xaneiro foi unha data para a multiconmemoración.

luns, 2 de febreiro de 2015

8F: por que defendemos a lingua?

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

Desde a Plataforma Queremos Galego convocamos para o 8 de febreiro vindeiro unha grande mobilización na defensa da nosa lingua. Terá a súa saída ás 12h dese domingo días 8, desde a Alameda de Santiago.

domingo, 1 de febreiro de 2015

De blogues.31

o bilingüismo e a harmónica, 16/01/15, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Onte 1027: A colleita 2014 de Fervenzas Literarias, 17/01/15, por M. Bragado en Brétemas
Todo é mentira, señor axente!!!, 17/01/15, por Pedro Feijoo no blogue Un consentido común
ELEN DENUNCIA A L'ONU ELS ABUSOS LINGÜÍSTICS, 17/01/15, por Ferran Suay en de l'horta estant
Non é secundario que a educación pública sexa en castelán ou galego, 19/01/15, en Cousas de Imeneo
CUMPRIR ANOS EN INGLÉS, 19/01/15, por Helena Villar Janeiro en Galego na rede
Os médicos que non falaban galego, 19/01/15, tirado das Mir e unha noites
feismo e idiotez, 20/01/15, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Topo Que?: obradoiro escolar sobre toponimia, 20/01/15, en Toponimia de Vigo
Os relatos de Fredric Brown, 20/01/14, por Carlos Medrano en Xogos de lingua
Resposta da SXPL a ProLingua sobre a suspensión dos cursos de galego en Madrid, 21/01/15, en Galego en Madrid
O día que se escoitou o galego na televisión de Franco, 21/01/15, en Biosbardia
Un anuncio na SER compara os galegos cun mono “y no veas que acento gallego tenía”, 22/01/15, en Cousas de Imeneo
«Alphabet Grand Central», 25/01/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
A Cañiza e Riveira, 26/01/15, por César Lorenzo Gil, en Dúbidas do galego
Castelao en Rianxo sempre, 26/01/!5, por Sergio Lamas e Iván Caamaño no Bico da Lingua
E ASÍ FOI COMO CHEGAMOS Á XUSTIZA, 27/01/15, por María de Fausto en Lingua Precaria
Auschwiz, 70 anos despois sigue aberto, 27/01/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
Enfiando palabras,27/01/14, no blogue Galego en Madrid
Onte 1219: «Ranilda» ou o audiovisual no CEIP A Lama, 29/01/15, por M. Bragado en Brétemas
Alonso Incoerente Montero, 30/01/15, por Xavier Alcalá na súa páxina
Onte 1221: Pola vida do galego, 31/01/15, por M. Bragado en Brétemas
Paz Lingüística, por Favor!, 31/01/15, en marlou