Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 29 de febreiro de 2016

Nico Casal, música de aquí para o mundo



Unha alumna do IE Cañada Blanch (Londres) fíxolle esta entrevista a Nico Casal, o compostelán que ocupa as cabeceiras dos xornais destes días por ser o autor da música da curta 'Stutterer', que levou o óscar nesta edición do 2016.
Paga a pena escoitar a este pianista, tanto no vídeo de arriba, como no de abaixo.

venres, 26 de febreiro de 2016

Ramón Vázquez: "A política lingüística do PP é absolutamente autoritaria"



O deputado de AGE, Ramón Vázquez, pon de relevo que o PP retirou o seu proxecto de lei de acuicultura fronte á aposición do sector. Pola contra mantense nunha política lingüística autoritaria a pesar de que todos os informes concordan en que se trata dun ataque á lingua galega. Así o informe para o Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias puxo, por segunda vez, en cuestión as políticas derivadas do decreto. A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, a Real Academia Galega recurso tras recurso, os informes do Instituto Galego de Estatística, o Consello Escolar de Galicia, o Consello Consultivo, a Mesa Sectorial de Educación,..., tamén se pronunciaron en contra do funesto decreto. Tamén o fixo a sociedade galega, en múltiples manifestacións, como aquela do 21 de xaneiro do 2010. Mais o PP, continúa coa que Ramón Vázquez cualificou moi acertademente de política lingüística absolutamente autoritaria... e exclusivista, engadiría eu.

xoves, 25 de febreiro de 2016

Rosalía sae á rúa



A Asociación Cultural Vagalumes sacou a Rosalía de Castro ás rúas da Estrada. Todo foi poñer un photocall rosaliano e moitos paseantes non dubidaron en ler diante da cámara algúns versos da escritora. 

Rosalía

por David Otero, en La Voz de Galicia:

Día grande en Galicia. Día nacional de Rosalía.Xa como case que á porta da primavera, unha máis das que tanto arelou Alvaro Cunqueiro para a nosa Lingua Galega e que nós outro tanto queremos ver cumpridas, a nosa cultura literaria, corpus universal, da man da nosa dona excelsa e primorosa, ponse fachendosa neste día e así coa nosa palabra, a abondosa lectura de frescura, vestirémola de gala a campar de marabilla tallando de galegas e de galegos como así é debido e como así compre ben.Hoxe día de Rosalía os nosos lexítimos desexos de pobo a se determinar máis galego, pasiño a pasiño sen dar marcha atrás e así será dicilo irrenunciablemente, como afirmou Antón Vilar Ponte, queren facérense un algo máis de sentir, algo máis realizados, postos a papel de agasallo, desde a memoria viva e activa a Rosalía, desde a alegría de tanto termos que celebrar na e coa obra da nosa universal cantora.

As augas que non falan

por Mercedes Rodríguez Fraga, no Buzón do lector de La Voz de Galicia:

Din que para vencer os medos hai que falar deles. Por iso decidín sentarme para intentar vencer o pánico polos últimos acontecementos relacionados coa nosa lingua. Si, a nosa lingua, a lingua propia de Galicia. Mal que lles pese a algúns, é así. Pensarán moitos que se trata de defecto profesional, pero neste caso, trátase soamente de xustiza. Estou tan acostumada a escoitar que hai que cumprir coa lexislación vixente, que hai que asumir o que nos toca... Pensan que dar a calada por resposta non é senón outra maneira de incumprir a lei. Pensan non; outra estratexia máis.

mércores, 24 de febreiro de 2016

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2016

Manifesto do Día de Rosalía 2016, que será leído nos actos que se celebran o 24 de febreiro, vía AELG;


Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida converdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.

luns, 22 de febreiro de 2016

O racismo lingüístico

Algunhas veces unha simple e anovadora denominación pode revelarnos toda unha realidade que antes ficaba oculta. Este é o caso  de conceptos como a de "morte das linguas" ou de "racismo lingüístico". Sobre este último, a editorial Laiovento  publicara un libro de lectura moi recomendable. Tratábase dunha obra colectiva coordinada por M. Pilar García Negro. Confeso que, no seu día, eu xa o lera mais, con todo, acabo de comprobar que on comprendía en toda a súa profundidade o concepto de racismo lingüístico. a revelación chégame desta historia, que paso a relatar.
Abdoulaye W. é negro como un chamizo. Non é de estrañar xa que procede do Senegal. Tampouco faría referencia a este aspecto se non fose fundamental para entender o que suceso que protagonizou na primeira clase de matemáticas do curso. O profesor que lles tocaba este ano era novo para eles. Comenzara relatándolles unha visión xeral da materia, Matemáticas A, de 4º da ESO: radicais, polinomios, funcións, semellanza, ...
Abdoulaye W. remexíase intranquilo na súa cadeira. Parecía que non podía concentrarse nas explicacións. Finalmente non puido máis e levantou a man:
- Profesor, las matemáicas no se dan en castellano?
- E logo?
- Es que siempre me las dieron en castellano y con el gallego,..., yo no me manejo muy bien.
- Pero, non hai xa moito tempo que viñeches para Galicia?
- Hace siete años.
- E ti non es de Vilapequena? Alí todos falan en galego.
- Si soy de allí. Pero cuando me miran...- Abdoulaye fai unha pequena pausa e despois, remarcando as primeiras palabras, e facendo referenciaá cor da súa pel, continúa:
- ...me veeen...y se ponen a hablarme en castellano.
O profesor non só comprendou con toda cureza ao significado do racismo lingüístico, senón que tamén se decatou de que que máis precisaba que eimpartise as aulas en galego era precisamente Abdoulaye W.

domingo, 21 de febreiro de 2016

Escolle non escoller


Manuel Núñez Singala é algo así como o rei Midas. Todo o que el toca duplica o seu valor. Hai un estilo que é o estilo Singala. Cando lemos, ou como neste caso, vemos e escoitamos algo de Singala, estámolo aproveitando dúas veces: unha, polo que di, outra por como o di. Por unha banda, aprendemos sociolingüística, pola outra, os profesores aprendemos como deberíamos contar as cousas.
Comprobádeo na etiqueta Manuel Núñez Singala, da listaxe de Persoas que está á dereita deste blogue.

sábado, 20 de febreiro de 2016

Asóciate (á Mesa)



Vídeo co que A Mesa comenzou unha nova campaña de captación de socios. A música e as ideas, excepcionais, de Diego Ameixeiras e Caxade.

Virxilio Vieitez: Retrato dun decolonizado

por Xoán Carlos Garrido Couceiro, en Terra e Tempo:


Acaba de rematar a exposición de fotografías de Virxilio Vieitez no Museo de Pontevedra. Cando facía a súa obra este creador nunca se imaxinou que fose exposta nun museo. Moito menos que tivera a repercusión que a levou a viaxar polo mundo e ser recoñecida polos profesionais da fotografía, polos historiadores da arte, críticos e especialistas que souberon apreciar o seu traballo.
Pero sobre todo os protagonistas das súas instantáneas xamais se lles ocorrería que fosen colgados en Madrid, Barcelona, Amsterdam e Nova York. E iso, esa falla de recoñecemento en vida que facía que os seus veciños non se sentiran intimidados pola cámara, que dialogaran con ela, que se relaxaran e foran eles mesmos diante da mirada amiga, é seguramente un ingrediente fundamental no éxito destes retratos. Compre lembrar que a maior parte destes son “posados”, hai vontade de ser visto e reproducido, mesmo se preparan para a ocasión e, aínda así, foi capaz de atrapar a naturalidade.
Virxilio achéganos nos seus negativos moita máis realidade que a que está no cadro. E non polo feito de que decidira saír do estudo, de prescindir do atrezzo e tirar as fotos na rúa. Sobre todom no enfoque de Virxilio, o que máis destacan son as ausencias. E iso que son fotos deliberadamente buscadas para subliñar os elementos que a intención do autor ou do receptor destas encargas pretendía. Sábese que Virxilio non buscaba o “marco incomparábel” nin as ruínas que fixeran contrastar as figuras que se pretendían destacar. De feito, Virxilio simplemente deixaba que a realidade se lle puxera diante da camara. Para el isto non era máis que un traballo, atendía unha demanda dos seus clientes. Só que quería que fose un traballo ben feito, que non fose unha chafallada, e que amosase dignidade alí onde houbese que meter o obxectivo por obrigas profesionais. E é así retrata tanta ausencia. Na exposición de Pontevedra había unha sala especial para expresar a unha destas, a da emigración. Subliñamos as fotos dos nenos e dos vellos que debían amosarse cos agasallos que lle chegaban dos emigrados. Mais neses e nos demais cadros fomos quen de atopar máis ausencias significativas.


Virxilio habitaba preto dun dos espazos máis fotografados do mundo, a rapa das bestas de Sabucedo. Aínda hoxe topamos alí todos anos con Cristóbal Hara e outros moitos dos mellores fotógrafos internacionais. Hai espazos paisaxísticos singulares e xoias do noso patrimonio como o Mosteiro de Acibeiro a 10 quilómetros da súa casa. Mais non serán nestes escenarios nos que se plasme a súa obra. Un un lugar emblemático que atraía a súa atención para inmortalizar ás mozas de Terra de Montes, sobre todo cando chegou a cor, foi a Gasolineira de Lamas. Mesmo unha das súas fotos máis significativas tiña como protagonista unha radio. Dorotea do Cará aparece sentada a súa beira, amosando unha expresión que cada quen poderá interpretar segundo as súas expectativas e ideas preconcibidas. Supoño que o seu parente terá a proba de que o agasallo froito do éxito na emigración chegou a bo porto e logrou compensar a Dorotea pola súa marcha ao aliviar a súa soidade. Mais outros apreciamos amargura nesta mistura de tradición e modernidade. Mesmo, quizais haxa quen bote man de esquematismos e vexa un signo de colonización cando precisamente na mirada do autóctono o que é excepcional non é o que forma parte do seu entorno habitual e que resulta singular para os de fóra pode ser habitual para nós.


Até que punto se abusou da categoría de colonialismo para aforrar profundar na complexidade?. Logo houbo que pagar caro o desuso dese concepto ao ser desprestixiado por quen o empregou alegremente mentres lle conviña para despois pasar ao seguinte que se puxera de moda. Certo que podemos atopar poses tipo James Dean e Marilyn Monroe nos “modelos” destas fotografías. Os peiteados eran semellantes aos que aparecían no cine, os nenos xogaban con avións e os “haiga” abundan. Eses coches que recibiron o nome da expresión do que quería mercar un vehículo para ostentar: “Déame el mas grande/mejor/rápido que haiga”. E o impresionante chale de indiano de Soutelo que servía de fondo buscado a varios dos seus retratos. Por certo, este non é obra de emigrantes, senón dun que quedando na Terra quixo facer unha obra que superase ás dos que viñan das américas.
Mais unha ollada simplificadora da obra de Virxilio pode levar a caer na cegueira para apreixar a realidade que el nos amosou, a realidade que nós somos. Podería mesmo empregar o título do libro de Albert Memmi, sen ler dito libro, e despachar esta obra como o retrato dun colonizado. Mais estaría incorrendo nun paradoxo, sería un xeito colonizado de despachar a quen simplemente se limitou a representar a mirada do nativo. Como se no canto de fotografar indios deixáramos que eles colleran a cámara. Virxilio reflicte unha visión limpa que nos axuda a autocomprendérmonos mellor. A saber máis de nós propios, de entrar na fenda aberta polo xeito en que nos achegamos ao universo desde o noso peculiar recanto.

Agora que volve a poñerse de moda o pensamento decolonial, para sorpresa dos compañeiros máis vellos da aula Castelao, que hai 30 anos tiñan traído a Pontevedra a algunha das figuras que outros veñen de descubrir agora. Consideramos que desta volta o concepto de colonización debe vir para quedarse. Non podemos permitir outra vez a súa banalización e o seu desleixo teórico. Claro que hai que ler a Enrique Dussel (ou ver en youtube) como xa daquela o teríamos que ter feito. Pero non vaiamos a cometer o erro de deixármonos colonizar polo pensamento decolonial. Porque como o propio Dussel recoñeceu cando estivo aquí, nas semanas de filosofía, na Galiza levamos tempo pensando por nós propios desde esa perspectiva decolonial e Castelao é un dos autores máis lúcidos nese sentido e quizais algún día será tamén recoñecido internacionalmente como lle aconteceu Virxilio.
Temos que pensar a nosa propia realidade. Para comprendela debemos botar man do pensamento universal e aplicar as categorías que nos poñan a altura do momento. Agora ben, non ocultemos os toxos que rodean á gasolineira que tentamos empregar como elemento que nos sitúe na actualidade, non desenfoquemos a paisaxe cotiá sobre a que temos que traballar. A crúa realidade non é máis que relación, proceso, estratexia, contradición, tensión, confronto... e iso é o que o pensamento ten que ser quen de atrapar.Quizais unha visita a obra de Virxilio nos sorprenda até que punto unha imaxe (sen filtros ideoloxistas) vale máis que mil pensamentos baleiros e abstractos. E que se el foi quen de reflectir a realidade en movemento cunha cámara que precisamente ten como función fixala quieta; a filosofía, unha filosofía decolonial, unha filosofía cos pés na terra, ten que estar aberta á propia situación desde a que pensamos. Cal foi o éxito de Virxilio a hora de reflectir coa súa cámara o seu mundo... ? pois seguramente o fundamental foi asumirse como parte dese mundo que retrataba.

xoves, 18 de febreiro de 2016

Gorentosos blogues de cociña


Cabeceira dun dos blogues de cociña 
Un blogue destacado da arañeira galega é o Capítulo Cero de Manuel Gago. Así que, para comenzar unha serie de referencias sobre a blogosfera gastronómica galega, teriamos que comenzar polo apartado de Capítulo Cero adicado á gastronomía, unha referencia por calidade, rigurosidade e incluso por antigüidade.
Dos blogues adicados exclusivamente ao aspecto culinario, o primeiro que atopei foi Bolboretas no bandullo, que leva publicando un par de receitas por semana desde hai máis de dous anos. Son comidas de elaboración sinxela e que ademais ten a axuda de fotografías de todo o proceso.
Kukiñas é un blogue bilingüe, pero non bilingüe ao estilo excluínte, senón bilingüe galego-inglés. Publica un par delas por semana e veñen acompañadas de fotos orixinais e orixinalmente asinadas. Ademais de varias categorías (cociña tradicional, oriental, lambonadas,...) tamén ten as receitas ordenadas por orde alfabética, o cal é toda unha ventaxa para buscar algún prato en especial.
Eu o que quero é xamón destaca por unha presentación clara, acompañada de fotografías que abren o apetito. Non se limita a expoñer a receita pois podemos encontrar comentarios e información sobre produtos ou tradicións culinarias doutros lugares. Unha outra virtude deste blogue é que nos dá acceso a outros da mesma temática na blogosfera galega, algo que sempre é de agradecer. Así que as seguintes son mérito exclusivo dos autores de Eu o que quero é xamón.
Receitas para todos os días é o blogue de Raquel Vergara, outro con fotos espectaculares. As receitas veñen numeradas paso a paso. De especial interese para os celíacos.
As pequenas viaxes (e algo de gastronomía) está mantido por José Luís Oliveira Varela, emprega unha visualización do blogger pouco habitual e ofrece unha versión en castelán das súas entradas. Tanto este blogue como os outros aquí presentados poden seguirse a través dos seus perfís nas redes sociais. Todos eles ofrecen algo máis que posibilidades gastronómicas, son tamén un exemplo da vitalidade social da normalización.
Teño a certeza de que hai 20 ou 30 anos isto sería imposible, non porque non houbese internet, senón porque daquela a educación represiva e o discurso oficial paternalista dunha lingua coutada e infantilizada,  impedía que abrollase espontánemente a lingua galega en público. Lembremos que antes de que A Mesa realizase as súas campañas para a rotulación dos comercios na época de rebaixas, ningún comerciante as anunciaba espontáneamente en galego. Agora, acabamos de velo, isto non é así. Sen ningún tipo de premeditación, creáronse varias publicacións gastronómicas que abren para a nosa lingua un novo espazo ao tempo que demostran que o galego pode estar presente en calquera tipo de ámbito público. Hai vitalidade e cómpre que todos, individual e colectivamente, premiemos este tipo de iniciativas. Así, que parabéns e grazas a todos eles.

martes, 16 de febreiro de 2016

Evanescencia na política lingüística

Hai uns días neste mesmo blogue faciamos unha denuncia  sobre a promoción que estaba a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) dun concurso de microrelatos no que só se podían enviar textos en castelán. O caso apareceu tamén no dixital Praza Pública. Con todo,  non se soubo de ningún comunicado nin disculpa oficial. Isto non significa que ás oficinas da SXPL non chegara a noticia, máis ben hai indicios de todo o contrario.
A forma habitual de acceder aos comunicados emitidos pola SXPL é mediante a listaxe de Novas. Aquí aparecen todas as noticias que se publicitan desde este organismo oficial... ou aparecían. Se buscamos agora a invitación a participar nese concurso en castelán, publicada o 06/02/2016 dentro desa listaxe, veremos que xa no está. Hai unha do día seguinte (07/02/2016) sobre o concurso "Nós tamén creamos!", e outra do anterior (05/02/2016) sobre os premios de "Inventa en galego". Pero o polémico convite agora xa non aparece, esvaeuse:


Se a SXPL emitiu ese comunicado é porque houbo algún tipo de cooperación coa entidade convocante, a Fundación Camilo José Cela, para a organización do concurso de microrelatos e, a un tempo, non houbo ningún coidado nin garantía para que o galego estivera presente nunha coloaboración da SXPL. Agora inténtase ocultar a metedura de pata borrando o acceso á noticia desde o portal principal da entidade.
Non me sorprendería que, dentro dun tempo tamén desaparececera tamén a propia páxina da noticia. Ao contemplar este tipo de prácticas non podo deixar pensar que, cando se esvaen noticias ou ligazóns o que realmente está sucedendo é a ocultación da colaboración da Xunta no esvaemento da nosa lingua

luns, 15 de febreiro de 2016

Os beneficios dun cerebro bilingüe



Unha chea de veces vin referencias a estudos sobre as ventaxas do coñecemento de máis dunha lingua. Comparto este vídeo precisamente por estar neste formato e explicar a cuestión moi brevemente pero máis alá dos tópicos más típicos.

Proposta de moción para todos os concellos galegos

A Mesa invitaba o pasado 8 de febreiro a que se presentase en todos os concellos galegos unha moción para instar á Xunta ao cumprimento da Carta Europea de Lingua Rexionais e Minoritarias:

O pasado 21 de xaneiro facíase público o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias[i], elaborado polo Comité internacional de expertos. Ao tempo, e baseadas neste informe, facíanse públicas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa ao Estado español[ii].
Nestas recomendacións, o Comité de expertos e o Comité de Ministros sinalan os aspectos que cómpre corrixir para o cumprimento efectivo das garantías que o Estado español e a propia Xunta de Galiza se comprometeron a cumprir ao ratificar a Carta en 2001,

domingo, 14 de febreiro de 2016

O asombro de Mr. Darwin

Portada do portal
Grazas ao blogue Cultura Científica Boiro, do IES Praia de Barraña, entereime de que o pasado 12 de febreiro celebrábase o 207 aniversario do nacemento de Charles Darwin (Shrewsbury1807-Down House 1882). Tirando do fío cheguei a saber dunha exposición producida polos Museos Coruñeses no bicentenario e para a que crearon un portal web, O asombro de Mr. Darwin,  que aínda pode disfrutarse, cargado de recursos e posibilidades didácticas. Entre elas está esta wikiteca, unha guía para o profesorado, un vídeo dunha representación teatral protagonizada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernánzdes, ou  esta outra presentación de Daniel Soutullo pensada tamén para o uso na aula:



sábado, 13 de febreiro de 2016

Os acentos

por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:
Hoxe, durante un xantar co neurobiólogo Xurxo Mariño -unha das mentes científicas máis brillantes que temos no país- falabamos de como a linguaxe se relaciona coa estrutura interna do noso cerebro e como a lingua na que aprendemos a falar condiciona, de algún xeito, a forma na que vemos o mundo. Da gramática, que é o asunto evidente cando falamos da estrutura profunda dunha lingua, acabamos por pasar ao tema dos acentos. Xa saben, eses pequenos sotaques que todos temos e que permiten que os nosos amigos nos poidan imitar nos aniversarios.

xoves, 11 de febreiro de 2016

A SXPL promove un concurso de microrelatos que exclúe o galego

O pasado 6/02/16, no renovado portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística (que presuntamente ten como finalidade a promoción e extensión do uso do galego) promocionaba a convocatoria dun concurso promovido pola Fundación Camilo José Cela (FCJC) No comunicado da SXPL indícase que os textos participantes deben comenzar coas seguintes palabras: “Mi padre se llama como yo, y yo me llamo como mi hijo...”. Ofrécese tamén a ligazón á convocatoria do concurso, cuxas bases, redactadas só en español indican que:


A pesar de que se autotitula como "Fundación Pública Gallega", a lingua galega fica fóra das actividades e da proxección pública da FCJC. Isto sucede a pesar de estar mantida cos cartos da das Deputacións da Coruña e Pontevedra, do Concello de Padrón e sobre todo, da Xunta. Este ano a partida orzamentaria deste organismo ascendeu a 257.294 €, máis da metade do que recibe a RAG. Este desbaldimento mantívose no tempo a pesar dos escándalos de corrupción asociados á Fundación desde o seu nacemento, ata o día de hoxe. Non só iso, senón que durante os últimos anos a Consellería de Educación mostrouse moi activa na promoción das actividades da FCJC. Pola contra bótase en falta a mesma dilixencia na divulgación das organizadas por outras fundacións. Dáse o signfcativo caso de que entre as notas de prensa emitidas pola Consellería de Educación non hai ningunha que faga referencia principal a Manuel María, quen vai ser o protagonista do Día das Letras deste ano.
Este caso ocorre nun panorama xeral de ataque frontal á lingua galega por parte dos organismos oficiais que paradoxalmente teñen o deber de ser o seu garante. Hai ben pouco a Consellería de Educación notificaba que "tomaría en consideración" un duro informe do Consello de Europa coa política lingüística que está a desenvolver a Xunta. Contrariamente o goberno galego continúa na súa liña de radicalismo antigalego nun escenario vergoñento: o ano pasado a SXPL non convocou os exames Celga, afianzouse a redución dos presupostos para a realización de actividades normalzadoras, o galego foi expulsado de moitos espazos do ámbito escolar mediante un decreto rexeitado pola sociedade, eliminouse a garantía do coñecemento da lingua galega por parte do funcionariado, o abandono dos SNL dos concellos é total, a RAG vese impelida a facer declaracións alertando dos agravios áo galego, ...o marco ideal para promocionar concursos nos que non se ten en conta a nosa lingua.

mércores, 10 de febreiro de 2016

21 días co galego. Edición do 2016

Despois das edicións dos anos 2013, 2014 e 2015, comenzou, desenvolveuse e rematou a edición do 2016. Foi outra vez unha xanela aberta á normalización da lingua galega, no que os protagonistas son os membros da comunidade educativa do IES da Pobra do Caramiñal.
A primeira semana estivo adicada ao uso do galego no deporte e na contorna, durante a segunda semana tratouse o tema do galego na música e no instituto, e a terceira centrouse no cine e no galego no ámbito familiar.
O desenvolvemento do proxecto, ademais de poder seguilo no blogue creado para o proxecto, podiamolo achar no Twitter, no facebook, no instagram ou na canle de You Tube do ENDL do centro. Todas as actividades teñen como fin o de provocar algunha reflexión sobre a situación sociolingüística en Galicia.
Aquí pódese acceder aos contidos deste ano:

martes, 9 de febreiro de 2016

Xente de aquí e acolá no LGx15

A CTNL continúa a subir as intervencións do acto LGx15. Cada unha delas é unha alfaia, razón pola que recomendo que esteamos atentos á canle de You Tube da CTNL. Hoxe recollo aquí dúas delas, unha con xente de aquí e outra con xente de acolá.



A primeira vez que vin esta actuación de Lucía Aldao e María Lado, hai xa cinco anos (nas XXI Xornadas de Lingua e Literatura, non din parado de rir. Cando saíron no Luar, volveume a pasar o mesmo. Nesta ocasión, a cousa foi a máis. O espectáculo é o mesmo, mais nesta ocasión ben se vía que estaban máis cómodas ante un público que entendían e compartían todo o seu hilarante discurso. Aínda que o coñezamos, cómpre revisitar esta actuación.



Carmen Grimaldi é unha andaluza que leva un ano vivindo en Galicia. Nesta intervención aposta pola intervención positiva, avoga pola inmersión lingüística cunha conferencia chea de optimismo titulada "O galego é"

No 6º aniversario da multipresentación das 55 mentiras sobre a lingua galega

por  Francisco Fernández Rei, en ProLingua:

Para Xabier P. Docampo, irmánA idea de crear unha plataforma totalmente apartidaria na que puidese participar calquera persoa defensora do galego, á marxe da súa ideoloxía, débese a un loitador incansable e romántico, o chairego Xabier P. Docampo, cando na primavera do 2009 o novo goberno do PP da Xunta de Galicia anunciaba medidas desprotectoras para a lingua galega que ameazaban ir desmantelando o que tantos anos, e con tantas ilusións e sacrificios, custara erguer. O 4 de abril dese ano Docampo xuntou en Compostela un grupo de doce persoas, todas elas con anos de defensa da lingua galega –e non menos románticas ca el– para lles explicar o seu soño e como procurar facelo realidade. Semanas despois, por cooptación, o grupo inicial xa o formaban case 200 persoas, que a través de Internet discutiron e aprobaron o manifesto fundacional de ProLingua, que axiña se traduciu a varias ducias de linguas estatais e minorizadas.

domingo, 7 de febreiro de 2016

"As nosas letras", un blogue colaborativo

Cabeceira do blogue "As nosas letras"
Traio aquí este estupendo blogue colaborativo. Aínda que se anuncia como un espazo para compartir actividades centradas no Día das Letras, ao remexermos un pouco nel vemos que é moito máis. Neste blogue acubíllanse entradas de todo tipo, desde o entroido á celebración do Día Contra a Violencia de Xénero ou o Día da Paz.
Outra característica do blogue é que non se pecha a ningunha das etapas educativas non universitarias. Nel podemos achar anotacións de actividades do alumnado de infantil, primaria e secundaria. Os centros participantes, aínda que a maioría son CEIPS, son moi variados na súa procedencia xeográfica: desde Ferrol a Vigo, Ourense ou Tui.
A participación está aberta a calquera que queira compartir o traballo realizado na aula. Unha sensacional idea que pode multiplicar a visibilidade do traballo na normalización lingüística nas escolas.
Chamoume a atención que despois de levar remexendo seis anos no ámbito da normalización no ensino, ata estes días non batera con este blogue, que xa ten unha longa traxectoria. Isto significa que necesitamos de proxectos coma este para procurar unha mellor conexión e coñecemento entre os que partillamos os mesmos obxectivos.
O proxecto ten unha conta Twitter para facilitar o acceso aos seus contidos, así como un correo no que poñerse en contaco cos organizadores.


venres, 5 de febreiro de 2016

Entrevista a Xurxo Souto



É unha entrevista, pero tamén é moito máis. Os autores do vídeo, argallado na Biblioteca do IES de Curtis, seguiron gravando despois da toma oficial e o vídeo resultante é unha festa, con música e baile incluídos.
Xurxo Souto transmítenos unha mensaxe postiva da lingua galega. É algo do que estamos moi necesitados. Ademáis faino moi ben, pois é un pozo de contos e historias. Entre outras cousas, explica moi ben unha idea que di recoller de Luísa Villalta, que a poesía galega é música.
A entrevista comenza conversando sobre ese magnífico programa radiofónico que era Aberto por reformas. Sabemos que o pecharon e que agora na Radio Galega non se emite música en galego. Cousas da cruzada contra a lingua dos gobernos do PP. Pregúntome que é o que gañamos con iso. Continúa Xurxo Souto contando como a poesía galega pode contarse desde a música

xoves, 4 de febreiro de 2016

A importancia dos nomes do mar de Galicia


Ao repasarmos as entradas deste blogue non tardaremos en chegar a unha na que dabamos conta de boa parte deste mesmo vídeo que temos aquí. Alí recollíase, con baixa calidade, unha parte da intervención de Xosé Lois Vilar nese acto organizado pola CTNL o pasado 25/11/15, celebrado na Sala Capitol de Santiago: o LGx15. Por iso, e con moita máis razón que daquela volvo a destacar a intervención do experto en toponimia marítima, desta volta coa intervención completa e cun vídeo ben realizado.
É unha moi boa noticia que a CTNL comence a subir estes vídeos. Conviña estar moi atentos á súa canle de You Tube nestes vindeiros días para non perder as outras intervencións do LGx15.
Sobre o presente vídeo vai un adianto dunha das cousas que nos conta Xosé Lois Vilar nesta intervención de 15 minutos. Un pouco máis aló do Cabo Silleiro hai unha rocha que recibe o nome do Cunichán. Ao escoitarmos este topónimo non poñeremos en dúbida de que é propiamente galego, mais ao saber a súa orixe levaremos unha pequena sorpresa. O nome fai referencia a un barco inglés, que afundiu ao bater nesa rocha o 25 de xaneiro do 1906. O barco chamábase Collingham. Hoxe, para aparentar modernidade, para ser cool, prefírese as expresións inglesas ás autóctonas. Esta historia móstranos que unha lingua normalizada, de xente instalada e orgullosa da súa cultura, procede exactamente no sentido contrario. Teremos que aprender dos mariñeiros de Baiona que lle deron o nome a eses baixos que están por fóra do Cabo Silleiro.

martes, 2 de febreiro de 2016

A tres bandas





A TRES BANDAS é un proxecto de Mariano Casas e Teresa Comoxo. Consiste nun comic en liña para aprender a entender a narrativa visual, e a debuxar banda deseñada. Feito mediante unha licenza remunerada da Consellería de Educación de Galicia no outono do 2015.
Foi pensado para  alumnos de segunda etapa de Educación Primaria, mais tamén pode ser aproveitado na Secundaria.
Inclúe una sección PRF (preguntas e respostas frecuentes) que explica, tanto a alumnos como a profesores, como pode ser utilizado na clase. A través de 19 historias sobre temas monográficos, Ramón e máis Matías contarános dende dentro dunha banda deseñada o funcionamento da linguaxe propia deste tipo de creacións.
O material é excelente. Pode ser aproveitado, por exemplo, para participar no concurso de Banda Deseñada que todos os anos se propón no Correlingua. O malo é que a Consellería de Educación, nesa ansia que ten por secundarizar a lingua galega, tivo a estúpida inicitiva de ofrecer a sección PRF en castelán e en galego. Debe ser para demostrar que o galego nunca pode ir só, e que polo tanto é inútil.

Vía A Profa

luns, 1 de febreiro de 2016

De blogues.51

Da Wikipedia