Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 30 de abril de 2016

A Chave e a artesa

A Chave
A carta de presentación do proxecto A Chave é un canto á normalización:
O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e, antes polo contrario, que sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.
Polo de agora A Chave ofrece unha colección de léxicos de elaboración propia cos nomes galegos das algas, os cogomelos, as bolboretas, os anfibios, os réptiles, as aves e os cetáceos. No futuro tamén teñen previsto traballar na elaboración de dicionarios. Ademais, A Chave ofrece un directorio coas ligazóns a sitios web de referencia do ámbito da lingua, a cultura e a sociedade.

A artesa
A artesa nace dos XVIII Encontros para a Normalización. Consiste nunha caixa de recursos que nos permitirán crear espazos propios para o galego:

venres, 29 de abril de 2016

Regueifeiros e bertsolaris


Os bertsolaris son algo así como os regueifeiros vascos. Podemos ver con envexa como organizan un campionato nacional de bertsolaris e a emoción con que o viven, emoción derivada do orgullo polo propio.Velaquí unha excelente idea: poñer en contacto o espíritu bertsolari co espíritu regueifeiro, e con boas doses de humor abrir un espazo común entre ambas culturas. De aí o neoloxísmo regueibertso, que ata nos leva a pensar na poesía.
Quen o fixo? Pois o IES Marco co Camballón (Vila de Cruces), o IES Xulián Magariños Negreira (Baio) e o IES de Arratia. Parabéns a todos.
Co rexeitamento que me produce o fútbol aínda fun quen de dar visto o vídeo. Así que se o vin eu, debe velo todo o mundo. Non é o único desta collección. Polo momento hai un par deles máis: Ligando e Nomes galegos


Esta entrada permíteme ademais compartir un vídeo que vin hai tempo, e que non tivera ocasión de insertar por aquí:


BERTSOLARI PILOTO SPANISH SUB. from txintxua on Vimeo.

xoves, 28 de abril de 2016

Unha arpa para a segunda edición do Día da Ciencia en Galego deste curso


A CGENDL proxectara este curso dúas vídeoconferencias para celebrar o Día da Ciencia en Galego, unha dirixida ao alumnado de secundaria e outra para o de primaria. A primeria delas celelebrouse o pasado 4 de novembro, e nela participaron 109 centros e 6600 alumnos e estivera protagonizada polo profesor da Unversidade da Coruña, Xurxo Mariño. A de primaria adiouse no tempo, pero finalmente tivo lugar o pasado martes 26 de abril. Nela a profesora de tecnoloxía Susana Oubiña Falcón, explicou como deseñar, programar e facer soar unha arpa usando o software Scratch 2.0. Nesta ocasión participaron 2000 alumnos dun total de 37 centros.
Outro novo éxito da CGENDL á que todos os agradecementos que se lle fagan serán poucos.

O meu Manuel María

por María Xesús Nogueira, en EL Progreso:


SON DÍAS estes de falar de Manuel María nos centros de ensino de Galicia. A súa obra lese, recítase, cántase, interprétase... A celebración da súa palabra polas nenas e os nenos habíalle gustar a quen escribiu tantas páxinas pensando neles. Talvez sexa esa, senón a mellor homenaxe, a máis natural que se lle poida render a unha figura recoñecida pola banda das letras: lela. Seguramente foi o colexio o lugar onde moitas persoas construímos o noso Manuel María particular. O que cimenta a memoria. O que queda. O que subxace a aqueloutro Manuel María que, anos despois, leriamos na vida adulta, estudariamos e mesmo acabariamos explicando na aula. Hai palabras que, lidas, escoitadas e aprendidas, deixan pegadas indelébeis das que, se cadra, tardamos en decatarnos.

mércores, 27 de abril de 2016

VI volume do Atlas Lingüístico Galego



O 13 de abril presentouse o VI tomo do Atlas Lingüístico Galego, centrado nas variedades xeográficas da lingua vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. Se recollo hoxe a nova é porque batín con este vídeo de Nós TV no que entrevistan ao coodinador deste ciclópeo proxecto, Francisco Fernández Rei, no que explica moi claramente as características principais, tanto deste tomo, como dos futuros ou do conxunto do Atlas Lingüístico.
Máis información nesta nota do ILG


martes, 26 de abril de 2016

Precisamos a lingua se queremos vencer


Xa o ano pasado Marga Pazos foi protagonista nos Premios Mestre Mateo do 2015 por unha dobre razón. Por recibir o premio á mellor comunicadora, e polo seu discurso na recepción do premio que fóra destacado por ProLingua por amosar o seu compromiso como (re)transmisora da nosa lingua. Na gala deste ano volvimos a escoitarlle un discurso na mesma liña no que recollendo do imaxinario colectivo a impoñente figura de Castelao, e tomando como punto de partida o centenario a súa participación na primeira película de ficción galega, Miss Ledya, comenta:

se cadra, hai cen anos Castelao non podía supoñer que cen anos despois Galicia ía ter o seu propio sector audiovisual...., ou se cadra si. Seguramente si, porque Castelao era un home que tiña fe en nós. En nós como país quen de se erguer e de crer, e de crear. [...]

Temos unha televisión pública que ten como único accionariado os galegos e as galegas. E ao redor de todo isto toda unha industria que xera unha riqueza moi difícil de cuantificar. Eu non sei canto vale a supervivencia dun idioma, dunha cultura, dunha identidade. Como se pode tasar o que vale unha forma de ser, de pensar de vivir, que é o que nos define. Dicíao moi ben Manuel María:

“O idioma idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!”
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Con todo, a lingua parece ser o que menos importa nestes premios. A película que levou case todos, non estaba en galego. Nin tan siquera se sabe de ninguén que a puidera ver en ningún cine en galego. ... Ben, nin esa película nin ningunha outra. 

Máis en Saborea a lingua

domingo, 24 de abril de 2016

Xornada sobre a divulgación científica



O pasado día 20/04/16 celebrouse no Consello da Cultura Galega unha xonada sobre a divulgación da ciencia en Galicia e presentouse un informe sobre o estado da cuestión. A canle Nós TV fixo esta reportaxe (que me gustou moito) explicando algúns dos puntos esenciais desta xornada.
Tamén deixo aquí unha lista de reprodución de 3 vídeos gravados durante as sesións.




sábado, 23 de abril de 2016

Álbums ilustrados de 1º da ESO

Onte publicábamos os álbums ilustrados que fixeran os alumnos de 2º da ESO sobre a lectura de "Memorias dun neno labrego". Hoxe tócalle a quenda aos de 1º. Neste caso cada grupo traballou un libro distinto.
O alumnado de 1º A leu Dúas bágoas por máquina de Fina Casalderrey



O alumnado de 1º B fixo o seu traballo sobre O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo



Finalmente, o alumnado de 1º C traballou o Resalgario de Antonio Reigosa

venres, 22 de abril de 2016

Álbums ilustrados de "Memorias dun neno labrego"

O alumnado de 2º da ESO do meu centro estivo traballando as Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas. O certo é que a principios de curso, cando se trazaron as liñas principais do ENDL, estaba previsto que o autor visitara o noso centro. Desafortunadamente iso xa non foi posible, pero a pegada de Neira Vilas deixouse sentir en moitas das actividades que se realizaron este ano.
Como parte do traballo realizado co libro, cada un dos grupos de 2º elaborou un álbum ilustrado sobre o libro, velaquí o resultado:












A toponimia como tesouro onde escoller nomes galegos para os nosos fillos. O caso de Dodro

por César Varela García, en Terra e Tempo:

Veño de atoparme con unha xoven viciña que pasea o seu recén nado bebé con todo o orgullo.Pregúntolle polo nome e dí que se chama algo, que en tendín como,ARITZ; a seguir aclaroume que era un nome vasco,pois o pai do neno era de esa orixe.

xoves, 21 de abril de 2016

Xentilicios galegos

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo acaba de publicar un libriño sobre xentilicios elaborado por Xosé-Henrique Costas (aproveito a ocasión para agradecerlle o envío dun exemplar). O seu título é Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega. O esencial deste libro pódese consultar nesta publicación que a ANL subiu á rede.

Xentilicios para normalizar
Este  traballo ten un especial interese normalizador, xa que carecíamos dun manual de referencia sobre este campo. Xosé-Henrique coméntao nas primeiras liñas do prólogo:

Este libriño naceu dun cabreo prolongado no tempo. Cabreo por constatarmos como a diario na prensa de Galicia (en castelán) se deformaban e inventaban xentilicios sen criterio ningún
Velaí que son os xornais, que publican en castelán, os que de facto e sen criterio filolóxico ningún, estaban establecendo os nomes dos habitantes das localidades galegas co cal se produciu unha profunda barbarización dos xentilicios (uso o termo nas dúas acepcións que contempla o dicionario da RAG: como castelanización e como o feito de facer barbaridades, neste caso na lingua).
Estudando este tópico podemos comprobar como nos últimos tempos se volveron a dar pasos atrás. Hai uns anos, no libro de estilo de La voz de Galicia establecíase o seguinte:
 usaranse os xentilicios galegos en informacións en galego e os equivalentes casteláns, cando existan, nos textos en castelán [...] Naqueles casos nos que non haxa unha forma castelá, deberá empregarse a galega (Los arteixáns irán a la huelga,...)
Resulta realmente rechamante ese condicional, cando existan, referidos aos xentilicios galegos en castelán (!). Que significado ten. A pouco que un se empeñe, pode castelanizar os topónimos galegos que lle pete. Por que non *arteijanos? Cal é o criterio? A política deste xornal apostou por non ser directamente belicosa coa lexislación, polo que, respectando a Lei de Normalización Lingüística, hai un tempo que  emprega os topónimos orixinais e propios. Pola contra, hai unha tendencia á invisibilización do galego. Pensemo que isto é o que fai o xornal que máis euros recibe da Xunta, entre outras razóns, por realizar a súa actividade informativa orientada á normalización da lingua e a defensa da súa cultura.
Quizais se entenda como promoción da lingua a exclusións dos xentilicios galegos e a súa deturpación con formas acastrapadas. Pero isto terá que respondelo a Xunta.
No canto de avanzar cos anos, a cousa empeora. Agora a cousa ten esta pinta, un tanto estarrecedora:
En textos en castellano, los gentilicios de topónimos gallegos se usarán en su forma castellana, cuando exista [...], con la excepción de ourensano. Cuando no la haya, se empleará una perífrasis del tipo de «de As Neves». Excepcionalmente, se usarán las formas gallegas, como arteixán, fisterrán...
A orde está clara: primeiro a deturpación, en segundo lugar a perífrase. A forma galega mellor non usala. E este proceso repítese en todas as páxinas do xornal, todos os días, e cunha distribución considerable. Outro tanto podemos dicir de El Faro de Vigo ou El Correo Gallego, ....Acotío todas estas publicacións contribúen a estragar a lingua galega mediante a difusión de xentilicios inventados sen ningún tipo de soporte científico.Iso si, neste caso hai unha excepción, *ourensano. Seguindo este criterio, os habitantes de Outeiro de Rei terían que chamarse *outeranos (ou *outerinos), mais se seguimos o ditame dos Libros de Estilo, deberíamos enfrentarnos a *oteriense ou a chafalladas polo estilo.
Pouca xenerosidade cómpre na lectura da Lei de Normalización Lingüística para estender aos xentilicios o ditado de que a única forma a forma galega dos topónimos é a galega. Os xornalistas xa non teñen agora disculpa. Ao publicarse este manual, non deberían ter dúbida de cal é o xentilicio máis acaído a cada concello galego.

Os xentilicios das miñas comarcas
Como repasar todoso os xentilicios é unha lata, fun dereito a aqueles que me son máis próximos. Collín as comarcas do Barbanza, Tabeirós e Deza. Supoño que a todo o mundo lle interesará ter un coñecemento fundamentado dos topónimos da súa contorna.
Nesta relación que segue cursiva indica inventos recentes (tanto das defendidas polo autor como doutras achegas). O asterisco indica que non é forma recomendable, pero que se engade pola súa implantación ou por descoñecerse outra alternativa.

Boiro: *o/a boirense  - boirés/boiresa (Esta forma pretendidamente culta xa está sobradamente popularizada, non cabe proposta nova non sendo unha minoritaria forma popular boirés/boiresa
recollida en Catoira e que nós preferimos.)
Pobra do Caramiñal, A: *o/a pobrense
Rianxo: rianxeiro/rianxeira
Ribeira (Sta.Uxía): ribeirán/ribeirá

Cerdedo: cerdedés/cerdedesa -o/a *cerdedense
Estrada, A: *o/a estradense - estradés/estradesa (Estradense está totalmente interiorizado, sobre todo a partir do nome do equipo de fúbol local e de varias empresas, pero a formación correcta sería estratense ou, se se quere a forma non excelsa e máis popular: estradés, estradesa)
[ Eu engado o nome dunha coñecida empresa de autobuses: La Estradense, ou dunha cooperativa de queixos El labrador estradense. Como se ve, ningunha con vocación galeguista. Aínda que, por outra banda, tamén temos o Museo do Pobo Estradense.]
Forcarei: forcareiés/forcareiesa (Rexeitemos o esperpento de forcaricense que tanto repite a prensa, pois non hai ningún lugar chamado *Forcariz)

Agolada: agoladés/agoladesa - o/a aqualatense (Desbótese o agolense que ás veces lemos na prensa, por invento falido: porque o topónimo actual non é “Agola” e o étimo é AQUALATA.)
Dozón: castrexo/castrexa (O de castrexo vénlle polo topónimo “Castro de Dozón”)
Lalín: *o/a lalinense - lalinés/lalinesa
Rodeiro: rodeirao/rodeirá - cambote/cambota (En referencia ao val de Camba)
Silleda: *o/a silledense
Vila de Cruces: carbiao/carbiá ( Carbia era a antiga capital deste concello e carbiao era o seu xentilicio. Cando a capital pasou para As Cruces (Vila de Cruces) alguén inventou o xentilicio
tan formalmente castelán de cruceño, inaceptable en galego. Propomos a forma histórica carbiao ou a creación de formas xentílicas como crucés, crucense, etc.)

mércores, 20 de abril de 2016

30 anos da Mesa pola Normalización

En abril de 1986, a AELG, AS-PG, Federación de AA. Culturais Galegas e co apoio da Associaçom Galega da Língua convocouse un “Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística” que reuniu a case 500 asistentes. Entre as resolucións finais, acordouse constituír unha Mesa para a Normalización Lingüística que se encargase de poñer en práctica as conclusións daquel encontro.
Algúns puntos das propostas para o ensino eran estes:
I) Qué no próximo curso se imparta, como mínimo, o 25% de todo o ensino en galego; nos centros en que este obxectivo estéxa logrado, o novo obxectivo será, para o vindeiro curso, o 50%. Nestas procentaxes non se inclue, claro está, a asignatura de Língua e Literatura Galega.
II) Que o idioma de toda, absolutamente toda, a Administración educativa en Galiza, sexa o galego en exclusividade
III) Formación de equipos en todos os Centros que dinamicen e apoien o proceso normalizador; recoñecimento a efeitos laborais das horas ocupadas neste labor. Supresión do actual sistema de cursiños de galego que constituen unha rede caciquil máis preocupada en implantar a política lingüística da Xunta que en capacitar seriamente aos asistentes e incorporá-los á prática galega.
VII) Aumento da calidade e cantidade do material didáctico en galego sen discriminacións editoriais, ideolóxicas ou normativas. Promoción e introdución de material didáctico portugués para subsanar as caréncias que actualmente hai e por ser unha garantia de protección da nosa prática lingüística.
VIII) Galeguización do curriculum; que as disciplinas de Xeografia e Historia se fagan desde unha óptica galega non dependentes nen inmersas no ámbito español.
De total actualidade, non?
A principios deste mes A Mesa celebrou este aniversario. Con este motivo, o presidente da asociación, Marcos Maceira foi entrevistado no programa Área Pública da TVG.
Este pasado luns, o anterior presidente da Mesa, Carlos Callón, adicou o seu vídeo semanal tamén a este tema.
Nestes tempos, nos que a lingua e os seus falantes, estamos sofrindo un redobrado ataque, son moi necesarias todas as asociacións de defensa da lingua. Por iso, á pioneira, parabéns neste aniversario. Espero volverllo a dar cando cumpra o medio século, e agardo que daquela a situación do galego sexa mellor que a actual.

P.S.: “Os avanzos para o galego nestes 30 anos lográronse grazas ao compromiso da sociedade co seu idioma”, entrevista a Marcos Maceiras no Sermos Galiza

luns, 18 de abril de 2016

conTextos desde Ribadeo




Cando tiñamos o Planetaki de ENDL a man era moi fácil seguir o traballo dos Equipos de Normalización. Desde a súa desaparición isto complicouse bastante, por iso é de agradecer que se divulguen por todos os medios as actividades que se realizan arredor da lingua e a súa promoción nos centros de ensino. Foi éste o caso deste vídeo, divulgado por ProLingua, e que nos chega desde o IES Dionisio Gamallo (Ribadeo), da man de Suso Acevedo.
A idea é explicar, en formato audiovisual, o contexto no que xurdiu un texto. Neste caso estes rapaces de 2º da ESO fálannos de "As pozas demoradas" de Xavier Rodríguez Baixeiras. Preséntannos as dependencias do instuto, o punto de partida da poesía do escritor ribadense.
Xa que o proxecto se presenta en plural, conTextos, agardamos que non tarde en haber novas achegas. Estaremos atentos, e .... parabéns polo traballo. Nas tomas falsas respírase un moi bo ambiente para crecer aprendendo.

sábado, 16 de abril de 2016

A rosa dos ventos catalana



Imaxinades a Santiago Pemán, Martín Barreiro e Ana Celia participando nun vídeo de promoción da lingua argallado pola Mesa ou por ProLingua? Isto é o que sucede neste audiovisual promocional, pero con homes e mulleres do tempo cataláns.
Trátase de divulgar un acto que a Plataforma per la Llengua programou para o vindeiro 24 de abril nunha praza barcelonesa. Alí formarán unha rosa dos ventos, e cada un dos participantes, na súa variedade dialectal, proclamará un berro pola lingua común a todos eles.
Velaquí as distintas variedades das que se queren enorgullecer neste acto: septentrional, central, nord occidental, valenciá, menorquí, mallorquí, evissenc i formenterer e finalmente o alguerés. propio dunha comarca do occidente de Sardeña.
Isto tróuxome ao primeiro lugar da memoria un vídeo de enorgullecemento da nosa fala das Rías Baixas, Ghalegho, que ao pouco foi contestado por outro chegado de Ribadeo, Eu falo.
Poco despois, a CGENDL, puxera en funcionamento unha campaña, Presume de Galego, na que se invitaba á mocidade a iso, a presumir de ben que falan, e da súa propia e distintiva fonética.

xoves, 14 de abril de 2016

De blogues.55


  • Carteis conmemorativos do 50º aniversario de D. Ramón Aller, 01/04/16, na Marela Tarabela
  • A arte do insulto, 02/04/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Nomes galegos dos mamíferos 4, 02/04/16 en Debullando a fala
  • Manuel María. Compromiso coa Lingua Galega, 03/04/16, no blogue da biblioteca do IES Antón Losada, Retelladores do galiñeiro
  • A ‘lingua común’ do nacionalismo lingüístico, 05/04/16, por Laureano Xoaquín Araújo Cardalda no Café Federal
  • Tomara, 06/04/16, por César Lorenzo Gil en Dúbidas do galego
  • Proxecto de blogue: Galego sen bozas!, 08/04/16, no blogue do ENDL do IES Félix Muriel, Bico da Ría
  • conTextos: O Xardín (Ribadeo" e "As pozas demoradas" de Xavier Rodríguez Baixeiras, no web do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo)
  • Onte 1642: “De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal”, 14/04/16, por M. Bragado, en Brétemas
  • Onte 1643: Recortes en lectura pública, 15/04/16, por M. Bragado en Brétemas
  • Wikimaratón en Teleco, 15/04/16, en Trabalingua

martes, 12 de abril de 2016

Fáloche porque me entendes



"Fáloche porque me entendes" é un dos lemas cos que o alumnado do IES Félix Muriel (Rianxo) se retratou para este vídeo. Fixeron uns paneis e uns carteis de man con lemas ben gopos (gopos é como se di na miña terra guapos). O obxectivo, polo que podo enxergar, do que se ve no vídeo, é o de concienciar a un alumnado galegofalante da importancia de que non abandonen a súa lingua.
É incrible a cantidade de propostas e actividades que parten desde o ENDL do IES Félix Muriel. Esta que se presenta aquí só é unha delas. Pódense seguir no seu portal Bico da Ría, así como no blogue de aportacións dos alumnos, O castelo da lúa.

mércores, 6 de abril de 2016

Moreno Cabrera denuncia os perigos do bilingüismo forzoso



Neste vídeo do dixital Vilaweb, o profesor da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera, advirte dos perigos de caer na ideoloxía do bilingüismo forzoso. Trátase dunha intervención motivada pola súa adhesión ao manifesto Por un verdadeiro proceso de normalización lingüística na Cataluña independente, do que destaca o punto 2, no que se denuncia a ideoloxía do bilingüismo e, que desde o punto de vista científico, segundo Moreno Cabrera,  é punto que mellor subsetenta todo o manifesto.
O catedrático de lingüística xeral afirma que esta ciencia está dominada pola ideoloxía do supremacismo lingüístico. Comenta que se fala de linguas globais, no canto de falar de linguas impostas; que se fala de morte de linguas, no canto de falar de lingüicidio, de asasinato de linguas pois a morte parece algo natural. No caso do bilingüismo, explica como a lingüística oficial é usada para facilitar procesos de bilingüización forzosa, o que implica unha erosión da lingua dominada, que vai perdendo as súas características, que se vai fragmentando, perdendo vigor tanto no uso como na estrutura gramatical.

P.S.: Acaban de subir este vídeo no que, ademais da intervención de Moreno Cabrera podemos seguir outras da presentación do que se coñece como manifesto Koiné


martes, 5 de abril de 2016

Toxos e flores na presentación de "Astronomía a ollo ceibe"

Velaquí unha cousa que escribín para as Voces de ProLingua;

O 20 de maio do 1936, o xornal El Compostelano publicaba varias noticias sobre o Seminario de Estudos Galegos. Entre todas elas destacaba unha pola súa significación para a normalización da nosa lingua. Tratábase da presentación ante o Seminario dun libro de iniciación á astronomía titulado "Astronomía a ollo ceibe", o primeiro texto de divulgación científica en galego.

luns, 4 de abril de 2016

Coñecemento vs. uso


Velaquí todo un tratado do conflito que está na cerna do debate lingüístico actual. Cada vez que, con toda a razón,  se lle recrimina á Xunta a súa política lingüística, a resposta é sempre a mesma: "o coñecemento do galego é moi alto". É certo, mais tamén o é que isto, aínda que é un valor do que se lle pode tirar moito proveito cando se trata de alcanzar maiores niveis de normalización, non se ten en conta desde os organismos de goberno. Atendendo aos datos nos que tanto insiste a Xunta, o 99,16% da poboación galega entende o galego. Entón, por que cando se fan probas selectivas para a Administración, se pasa o traballo de elaborar cuestionarios en castelán? De que nos serve que toda a poboación entenda a nosa lingua se despois desde a propia Administración se realizan prácticas supremacistas, negándolle á lingua galega toda posibilidade de uso se non é mediada dunha sobrecargante bilingüalización?

O portal do Carrabouxo ten unha etiqueta adicada ao idioma. Dalí saquei esta viñeta, que só é unha de entre unha moi boa restra de reflexións sobre a situación sociolingüística de Galicia e a agresiva política lingüística que se está a praticar.

domingo, 3 de abril de 2016

Abril de libros

por David Otero, no Galicia Hoxe:

Non hai dúbida de que todos os meses de todos os anos serán de libros. Pero abril éo de maneira especial en dous días. Por unha parte o dous sendo o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL e pola outro o vintetrés DÍA MUNDIAL DO LIBRO. Dous días aos que lles aplicar maiores tons, fermosos gustares e saberes enormes, no andar marabilloso das lecturas polos soportes de non pasar endexamáis os tempos que son os libros. Velaí pois que neses obxectos tan feitos nosos aos que lle chamamos libros, neles, podemos vivir actividades de altas voltaxes, ben doces ou ben amarguechas por veces, chamadas lecturas (verdadeiros exercícios dos pensamentos) e así podernos sentir vivos en moreas de mundos inmedibles ou pequeniños, sempre amorosos, elásticos, que nos axudarán a facer máis sensible, sostible e habitable, este noso cheo de pobos con culturas e linguas de seu.

sábado, 2 de abril de 2016

Telexornal Manuel María do CPI Os Dices


Cando hai un par de semanas nos chegou o anuncio deste Telexonal, xa se enxergaba o que agora xa podemos disfrutar.  Unha peza audiovisual de visión obrigada nos centros de ensino, que asombrosamente, mellora cada ano. Vailles dar envexa aos profesionais da TVG,
Poderíamos asegurar que este é o telexornal case-ofical do Día das Letras. Chéganos, coma sempre, do CPI Os Dices (Rois).  Moi dinámico con conexións en directo en distintos lugares tales como a rúa Tabernas ou na casa-museo de Manuel María; entrevistando a toda unha serie de personaxes que teñen moito que contar sobre a vida e a obra do poeta outeirao: Darío Xohán Cabana, Fran Rei, Alberte Ansede, Dolores Vilavedra, Alfonso Blanco, Lois Diéguez, Felipe Senén, Miguel Anxo Fernán Vello, Inma López Silva, Saleta Goi, Uxía Senlle, Mero Iglesias, José Martínez... ( e creo que se me despistou algún).
Unha peza audiovisual de visión obrigada nos centros de ensino, que asombrosamente (parece imposible), mellora cada ano. Lembremos o Telexornal Díaz Castro (+ 7 poemas de Xosé María Díaz Castro + A obra de Díaz Castro , o adicado a Roberto Vidal Bolaño (+ a obra de Vidal Bolaño), e a Valentín Paz Andrade (+ compromiso con Galiza, + supervivente).
Grazas, un ano máis ao CPI Os Dices.

venres, 1 de abril de 2016

De blogues.54

Da Wikipedia

  • O PP reduciu nun 80% a dotación para bibliotecas de libros en galego, 16/03/16, por César Lorenzo Gil en BibosBardia
  • Booktrailer de De pergameos, follas voandeiras, libros ao punto gal. Breve historia da literatura galega, 16/03/16, no blogue de Mercedes Queixas
  • Videoconsolas sen xogos en galego, 16/03/16, por Vicente Cores, Damián Castro e Manuel Conde (2º ESO), no Bico da Ría
  • Que o galego non colla bozas!, 22/03/16, en Marlou
  • Parellas imposibles e falsos amigos, 23/03/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Armando de Lalín, o perpetuo axudante de Ramón María Aller, por Manuel Igrexas, en Historias do Deza
  • 50º cabotando de D.Ramón Aller, 28/03/16, en Toc-Toc-A-Ciencia, blogue do IES Ramón Mª Aller (Lalín)
  • 28 de marzo, a ollo ceibe, 28/03/16, en A Marela Tarabela, blogue da biblioteca do IES Ramón Aller Ulloa (Lalín)
  • 1.841, 28/03/16, no blogue de Carlos Callón
  • Inclusión: un video para o Día Internacional de Concienciación sobre o Autismo, 29/03/16, Música en secundaria, do IES As Barxas
  • A hipoteca do hospital Álvaro Cunqueiro, 29/03/16, por Pablo Vaamonde, no Pavillón de repouso.
  • Non agardei por ninguén, 31/03/03, por Aldara Tubío, no Bico da Ría
  • U- la emisión dos María Casares?, 31/03/03, no blogue Son de noso
  • Povisa tenta pescar nas augas revoltas, 31/03/16, por Pablo Vaamonde, no Pavillón de repouso
  • Poesía sobre lingua (1): "Lingua que rexeitaron os meus pais", Antón Tovar, 31/03/16, por Carlos Callón no seu blogue