Páginas

venres, 14 de maio de 2010

Academia Postal aposta polo galego

Entrevista a Francisco Nóvoa, director de Academia Postal, na Nosa Terra
Francisco Nóvoa dirixe o ourensán Grupo Academia Postal, fundado en 1968. Aínda que nun principio se especializou en formación e preparación de oposicións, co tempo esta empresa diversificou a súa oferta con servizos de informática, novas tecnoloxías, idiomas, formación ocupacional e continua para empresas privadas e administracións e ciclos formativos profesionais de ensino regulado. No ano 2003 o Grupo Academia Postal e Postal Editores foi recoñecida co Premio Lois Peña Novo pola defensa da nosa lingua.
Dende cando utiliza o galego na presentación dos seus servizos e na edición dos seus libros de texto?
Grupo Academia Postal emprega a lingua galega desde o ano 2000. Temos un Servizo de Normalización Lingüística que se encarga de redactar e corrixir todo o material que pasa polos nosos centros. Desde os seus inicios Academia Postal emprega a lingua galega en todos os ámbitos aos que se dedica: oposicións, cursos AFD (antigo FIP), informática... Pero o servizo leva constituído formalmente desde o ano 2006. O equipo de normalizadores traballa en galego a publicidade, elabora e realiza actividades para o persoal propio e alleo e traduce e corrixe o material que lle propoñen desde os seus centros e desde calquera empresa allea. Defendemos o cincuenta por cento do uso da lingua galega e da castelá e aos nosos alumnos facilitámoslles o material na lingua que soliciten. No ano 2009 levamos a cabo de maneira formal un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para utilizar o galego de maneira xeneralizada, na nosa actividade docente e editora.

Por que tomou esta decisión a empresa?
A decisión foi moi fácil. Estamos en Galiza, temos un patrimonio especial, a nosa propia lingua, que podemos compaxinar co castelán. Isto é motivo suficiente para o seu uso. Academia Postal decidiu empregar o galego en todos aqueles ámbitos que lle sexa posíbel porque quere contribuír ao proceso de recuperación da lingua galega en todos os seus usos, orais e escritos: temarios, exercicios, conferencias, publicidade, etc. O noso desexo é continuar co labor de dignificación do idioma galego e a divulgación da cultura galega, para que chegue ao maior número posíbel de persoas.

Que vantaxes supón usar o galego a nivel empresarial?
As vantaxes son as mesmas que as de empregar o castelán. Pero entendemos que usar o galego no noso labor ten un valor engadido e identificador dun pobo e da súa riqueza por ter unha lingua propia. Para min é unha satisfacción persoal poder defender a nosa lingua.

Que acollida tivo esta decisión entre os seu alumnado?
Non tivemos ningún problema. Si é verdade que a implantación se levou a cabo pouco a pouco dun xeito adecuado, sen imposición e con flexibilidade. Sentimos que o persoal que se achega a Grupo Academia Postal ve o uso do galego como un signo distintivo, como algo natural e propio. Non o trata como algo sorprendente. O material que se distribúe a nivel administrativo e escolar tamén está nesta lingua, algún incluso nas dúas linguas oficiais da nosa comunidade. Tamén observamos unha grande aceptación por parte de todo o persoal para participar en todas as actividades que se propoñen tanto a nivel educativo desde o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística como desde o Servizo de Normalización. Como centro homologado de ensino regrado o equipo de Dinamización e Normalización Lingüística de Academia Postal ocúpase de espallar a cultura galega entre os adolescentes que cursan os ciclos de grao superior nos que a lingua galega non figura como materia.

Animaría a outros empresarios a tomar a decisión de pasarse ao galego?
Por suposto. Todos aqueles que sintan o galego como como algo noso, sen desbotar as outras linguas, tanto a oficial como aquelas que nos axudan a entender máis o noso contorno, deberían sumarse ao galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario