Hai un ano Alfonso Vázquez Monxardín guiaba un roteiro polo cemiterio de San Francisco, situado nas abas do Montealegre. Tratábase dunha das actividades programadas pola Fundación Otero Pedrayo. O vídeo non ten outro mérito que o dun certificado dixital da celebración dese roteiro. Con todo, se un accede a este wikiloc creado polo propio Monxardín, comprobará que o paseo paga a pena.
Cun ano de atraso fun dar ata este camposanto. O estado de abandono e descoido é a primeira e a última impresión que levei do percorrido. Unha mágoa enorme que un lugar cheo de memoria galeguista e inzado dun rebumbio de tumbas fermosas, se é que tal adxectivo pode acompañar a tal outro substantivo.
No wikiloc de Monxardín hai información abonda sobre a localización e a descrición das personaxes. Con todo, vou deixar por aquí o percorrido que fixen eu, máis modesto, pero que dá para invitar a calquera a que repita a experiencia. A seguinte lista de fotos pode ser guía para un percorrido polo cemiterio e pode axudar a identificar as tumbas xa que, dentro dese estado de desleixo, non hai ningún tipo de indicación que nos permita facelo se non é confiando na propia pericia.
Para finalizar o percorrido, moi preto da entrada, tamén descansa a pobre Asunción, muller ourensá, asasinada por unha ex-parella súa o venres santo de 1891, que lle disparou ao vela acompañada doutro home. Cada 25 de novembro, na celebración do Día contra a violencia machista, fáiselle unha ofrenda floral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario