Páginas

domingo, 24 de novembro de 2019

A irrelevancia da política lingüística para a Xunta do PP

Non hai mellor mostra da irrelevancia da política lingüística que ver cal é o peso que se lle outorga nos orzamentos de cada ano. No seguinte gráfico temos unha comparación entre os orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un 500-avo dos da Xunta entre os anos 2002 e 2020. No ano 2009 estas dúas cantidades eran prácticamente coincidentes. No intervalo anterior incluso o orzamento para as políticas de promoción da lingua galega eran maiores que un 500-avo do orzamento total.


O gran descenso chegou a partir do 2010, coa chegada dos gobernos de Feijóo. A redución tivo o seu valor máis baixo no ano 2015, consumándose unha redución do orzamento da SXPL nun 73%!. Desde ese momento vemos que se mantivo nese baixo nivel, trazando unha liña paralela ao total da Xunta. Dito noutras palabras, o orzamento foise reducindo ata ficar nuns mínimos que desbotan calquera posibilidade de actuación eficaz a favor da lingua galega. Pola contra mantense un ataque continuado de exclusión do galego na infancia e na mocidade mediante o funesto decreto 79/2010, que limita e prohibe o ensino en galego. Ademais todo iso acompáñase dun continuo desprezo por parte dos que detentan as cadeiras de San Caetano que aproveitan todas cantas ocasións teñen para renegar do galego. Así, é moi habitual que nas novas da TVG o presidente da Xunta apareza falando en castelán. Fronte a estes desprezos a SXPL cala... e aplaude.
Xa comentamos anteriormente que no 2008 houbo prácticamente un empate entre o orzamento para a lingua galega e o 500-avo do total. Ademais o orzamento para o videiro ano está aos niveis do ano 2008 (só 300 millóns de € máis para o 2020). Temos pois unha boa referencia nese ano para ver todo o que se perderá de actuacións públicas na normalización para o vindeiro 2020; basta ver o gráfico seguinte.



Ningún comentario:

Publicar un comentario