por Xosé Mexuto en Mundiario:
O galego perde falantes, nomeadamente nas xeracións novas, e xa non é a lingua maioritaria do país. Era visto. O fenómeno é complexo e ten varias focaxes posíbeis. Mais unha evidente ten a ver co balance dos 15 anos de goberno ininterrompidos da dereita á fronte da Xunta. 15 anos dan para moito. Hai poucos gobernos na Europa occidental que resistan 15 anos, así que é obvio que algunha responsabilidade na materia lle compete a ese goberno de tan longa traxectoria.Ben, e basicamente que fixo o Goberno galego en materia de política lingüística durante estes tres lustros? Pois actuar sobre o ensino, desandando os tímidos pasos adiante dados polo bipartito durante o período 2005-2009. Quen tivese crianzas en idade escolar ao longo dese tempo e vivise o inmediato impacto nas aulas que supuxo a chegada de Feijóo -empoleirado pola inefábel Galicia Bilingüe e pola inaudita campaña contra la imposición del gallego- sabe ben do que estou a falar.
Por vez primeira na historia da autonomía, un goberno, o dun PP máis españolista que o de Fraga, lexislou a redución da presenza do galego no ensino, a empecer que en determinadas circunstancias -se así o considerase a comunidade escolar- se puidesen estabelecer fórmulas de inmersión na lingua propia do país, a minorizada, a que se acha en situación de desvantaxe quer do punto de vista material quer do punto de vista xurídico (lembremos que en 1986 o Tribunal Constitucional reputou como inconstitucional a Lei de Normalización Lingüística por colocar o galego á altura do castelán, isto é, por estabelecer que o coñecemento daquel fose tan deber como o dominio deste e non apenas un dereito que se pode exercer ou non).
Sumemos a iso, por exemplo, a postergación da programación infantil na TVG, a desatención das plataformas dixitais (por que é moito máis doado ver produtos audiovisuais lexendados en catalán ou en euskera do que en galego?), a inacción da administración ante a evidencia de as emisoras de radio non cumpriren os compromisos sobre o uso galego selados ao obteren as licenzas públicas correspondentes ou a falta de impulso ao noso idioma nos meios escritos a pesar de estes recibiren cuantiosísimos subsidios da administración autonómica.
Engadamos tamén a ausencia clamorosa de campañas institucionais a prol do uso da lingua, decorrente da teoría oficial do convivio harmónico entre o galego e castelán, ideoloxema insustentábel pois non pode haber harmonia cando a situación de desigualdade é manifesta.
En fin, que todo iso está perfectamente calculado e responde a unha política consciente por parte da Xunta. Non é laissez faire, laissez passer. Non é deixar que o mercado coloque cada quen no seu sitio, como se as linguas fosen mercadorías. Non é que a Xunta non faga nada. É pior: si que o fai e faino cun propósito determinado, o de practicar unha política lingüística deliberadamente enderezada a debilitar o débil e reforzar o forte.
Aquí o que está impondo o Goberno galego é o castelán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario