Páginas

martes, 22 de outubro de 2024

Carta aberta a D. José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude


 por Carlos Negro, en Nós Diario:

O sábado 12 de outubro, neste mesmo xornal, publicou vostede "O galego: un tesouro de todos e todas", un artigo que eu, docente de lingua galega con moitos cursos ao lombo, lin con interese, pois agardaba coñecer se anunciaba algún cambio de estratexia dos nosos representantes públicos para evitaren a desfeita que padece o noso idioma, confirmada polas estatísticas do IGE e corroborada cada día nas aulas.

 

Debo confesarlle que os seus argumentos soáronme a canción de radiofórmula, cun retrouso moi exitoso entre as bancadas do Partido Popular. Si, esa máquina de gañar eleccións que leva case corenta anos a gobernarnos e que, en cuestións de política lingüística, aplica unha cortina de fume arredor do abandono do idioma, disimulado baixo distintas etiquetas aseghún as necesidades publicitarias da lexislatura: desde o bilingüismo harmónico ata o decreto do plurilingüismo, sempre o mesmo can con distintos colares, galeguismo de sorriso cordial con recendo a liberdade, of course. Mais, u-la liberdade de escolla se non existe un ámbito social que permita exercela?

 

Non mo tome a mal, pero asegúrolle que as/os docentes do ensino público levamos décadas a crear un clima amable arredor desa lingua propia que dá sentido á existencia da súa consellería. Pero insistir no concepto de amabilidade como receita sociolingüística resulta un truco de prestidixitador. Dito doutro xeito: ningunha familia de Galicia, á hora de impoñerlle aos seus fillos o estudo do inglés case desde naipelos, pregunta pola amabilidade do proceso, senón pola eficacia dos métodos para que a súa prole domine unha lingua que se vende como imprescindible. Daquela, falar de cordialidade cando se trata de recuperar o uso dunha lingua minorizada é desviar a atención con fogos de artificio.

 

Logo, nun intento de se gañar a confianza da parroquia, preséntase vostede como un galeguista convencido, apelando a factores identitarios dos que axiña renega poucas liñas máis abaixo. E, como non, reitera argumentos de empatía emocional que xa practicaron ilustres antecesores seus do case extinto sector da boina: enorgullécese do seu pai mestre, e claro, invoca a súa estirpe rural como garante de confianza. Como vai o señor conselleiro desprezar unha lingua que mamou desde o berce? Quen se atreve a cuestionar o seu agarimo polo galego? Non vou ser eu quen o poña en dúbida, pero non é o mesmo querer moito que querer ben, e se cadra a lingua precisa de menos flores e máis calculadoras, máis terapia de choque e menos liturxias de acompañamento.

 

Deixo para o remate a súa identificación simbólica do galego cun tesouro colectivo. De novo a gabanza desmesurada, a hipertrofia semántica, o valor abstracto que non se aplica a un contexto comunicativo real. Debería ser vostede máis prudente, pois os tesouros, na nosa tradición oral popular, pertencen ao ámbito da ledicia imaxinativa e non ao da normalización lingüística. E se relese o tratado de Álvaro Cunqueiro sobre as marabillas do trasmundo, sabería que os verdadeiros tesouros permanecen soterrados baixo terra, ben gardados por un encanto e sometidos ao poder da crenza, non aos xélidos preceptos do DOG. E non semella moi eficaz poñer a nosa mocidade a buscar riquezas intanxibles cando no patio de recreo o galego nunca suma. En definitiva, señor conselleiro, non agardamos que veña descubrirnos a trabe de ouro do noso patrimonio colectivo, senón que libere de cinismo un proxecto político que contempla a extinción do idioma como un proceso do que elude toda responsabilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario