Páginas

luns, 16 de xuño de 2025

Retorcendo o significado das palabras: neutralidade para que?


 por Goretti Sanmartín, en Mundiario:

Son moitas as ocasións en que a dereita e os sectores máis reaccionarios se apropiaron de palabras connotadas positivamente para exercer o control ou para falsear a realidade. Ao famoso caso da proclamación dunha inxusta “liberdade” que pouco ten a ver co verdadeiro significado de “libre”, podiamos acrecentar o do “plurilingüismo” que o PP utilizou para reducir a presenza do galego, especialmente no ensino. Porque a diversidade lingüística só pode ser unha realidade facendo que as linguas minorizadas, as realmente discriminadas, teñan un apoio importante por parte das administracións. Non é que o digamos nós, nin o nacionalismo galego, nin a Sociolingüística xeral, nin a Academia e universidades. É que é unha evidencia constatada por autoridades europeas que denunciaron as restricións do uso do galego na docencia.


Mais por moito que recomende o Consello de Europa, a Xunta continúa coa súa política de asfixia do idioma galego. Por se ficaba aínda alguén con dúbidas, o presidente da Xunta acaba de xustificar que o galego non debe ter presenza no Parlamento europeo e escóitase o seu bater de palmas cando unha exacerbada presidenta da Comunidade de Madrid exhibe o seu desprezo por calquera lingua diferente do español.


Por iso, a estas alturas, non enganan a ninguén coa regulación proposta sobre a neutralidade na educación. Baixo ese concepto o PP deixa ver o seu desgusto por seren os centros de ensino espazos de crítica e reflexión, con debates que chocan coas súas apostas políticas. Noutros momentos foi o Prestige, a efervescencia do Nunca máis e a cadea humana impulsada polo colectivo de ensinantes de AreaNegra, os Non á guerra. Rapidamente a Consellaría de Educación remitiu unha circular aos centros prohibindo o Nunca Máis e o Non á guerra. Censura pura e dura. Autoritarismo sen cuartel. Pretensión de impor o pensamento único.


Nestes momentos hai varios discursos que molestan. Mais se un leva as de gañar é o da solidariedade co pobo palestino. As imaxes do asasinato, do xenocidio e limpeza étnica que Israel está practicando, o seu descaro cando agora xa nin piden desculpas por atentar contra obxectivos civís e impedir a axuda humanitaria, supuxeron un incremento da conciencia da sociedade civil. E así se estende o uso de panos palestinos, de pins, o despregamento de bandeiras (como a que está pendurada no Pazo de Raxoi), os debates e a frustración de milleiros de persoas que berran: non no meu nome!

Ningún comentario:

Publicar un comentario