Páginas

martes, 8 de xullo de 2025

40 anos de placebo normalizador?


 por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:

En 2024, Alberte Facal realizou 367 enquisas sociolingüísticas nos 18 concellos galegófonos do Eo-Navia para analizar alí a situación do noso idioma. Hai poucos días presentou os resultados nun congreso internacional en Ovedo.


O galego no Eo-Navia ten 35.000 falantes pero non é cooficial no Principado (apenas se declarou unha breve cooficialidade no concello da Veiga con escasos resultados prácticos). Este galego de Asturias foi recoñecido nunha lei autonómica de 1998 baixo a etiqueta de "galego-asturiano", pero a súa tutela normativa depende da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA), quen creou no seu seo unha Secretaría Llingüística para el Navia-Eo, organismo que se encarga da súa tutela, normas, cursos, publicacións etc. É decer: para a ALLA o galego é un apéndice subalterno do asturiano, pois na práctica nin é lingua nin variedade, é un OFNI (obxecto filolóxico non identificado) pero, como está en Asturias, "ye asturianu". Esquizoglosia pura: unha academia dunha lingua tutelando noutra.


Sen oficialidade, sen vínculos co resto do territorio galegófono (calquera achega é considerada "inxerencia colonizadora de Galicia"), case sen presenza no mundo escolar e administrativo, totalmente ausente na TPA, sen recursos nin planificación, coa toponimia asturianizada etc., o galego de Asturias esmorece por unha dobre imposición ou triglosia: lingua A castelán, lingua B asturiano, lingua C galego de Asturias, e os materiais de lingua e literatura producidos en Galicia son rexeitados pola administración asturiana por non estaren peneirados pola ALLA.


Pois aínda con este panorama tan avesío, o galego é a lingua autóctona máis falada en Asturias, pois 70% dos eonaviegos falan (case) sempre o galego. Pero a triglosia pasa factura e os novos datos de Facal son terribles: pasamos nos maiores de 60 anos dun 82% de uso a un 43% de uso nos menores de 30. Nas dúas últimas xeracións perdeuse a metade dos falantes.


O uso da lingua

Se debullamos no estudo do Facal, achamos asemade gromos esperanzadores, porque as actitudes dos menores de 30 anos son favorabilísimas ao galego: 87% desexa que a lingua teña academia diferente da ALLA, 93% quere que se estude na Universidade de Ovedo (onde hai materias de asturiano en diversos graos pero ningunha de galego, nin sequera no Centro de Linguas, onde se estudan 15 idiomas pero non o galego), e porcentaxes semellantes de adhesión á lingua atopamos nos usos administrativos, escolares e mediáticos.


Os datos de Facal contradín o III Informe da ALLA sobre o Eo-Navia (2022). Para a ALLA, 66% da xente chama eonaviego ao que fala, dato que lle valeu para impor ao goberno e medios asturianos o uso do glotónimo eonaviego, por ser "o preferido da xente" (e porque "gallego" seica era pexorativo!), cando a Facal só lle sae un 2,5% de persoas que usen o glotónimo eonaviego. Para a Academia de la Llingua Asturiana, 64% da xente di que o que fala é mestura de galego e asturiano, mais para Facal é só un 15%. Para a ALLA, 13% da xente pensa que é unha variedade galega; para Facal 78% da xente pensa que o galego é a lingua máis parecida ao que fala. Estas diferenzas só se poden entender pola burda manipulación que fixo a ALLA nas súas enquisas para tentar desvincular estas falas do galego, a comezar polo propio nome, e convencer diso a autoridades e medios asturianos.


Facal comparou tamén o uso da lingua entre o Eo-Navia (sen oficialidade) e as zonas veciñas de Galicia (con oficialidade desde hai 40 anos) e os datos son… semellantes: segundo o IGE, no Lugo oriental o uso do galego anda no 81,5% e na Mariña luguesa no 68%; segundo Facal, o uso na Montaña eonaviega anda no 71% e na Mariña eonaviega no 63%, unhas porcentaxes equiparables. Que podemos tirar destas semellanzas de resultados? Que malia a ausencia de oficialidade e de medidas protectoras, a triglosia de Asturias non erosionou moito o uso do galego no Eo-Navia, quizais pola veciñanza con Galicia e ser Ribadeo a referencia comercial, cultural e de lecer; ou que 40 anos desta aparente normalización en Galicia foron puro placebo, pois malia a oficialidade, o descenso de falantes é semellante nas dúas ribeiras do Eo.


En calquera caso, son datos para a reflexión: os 40 anos desta normalización ralentizaron pero non detiveron a hemorraxia de falantes. Este modelo non nos vale, señores do Pacto pola Lingua. Destas e doutras análises deberíase ocupar con urxencia e prioridade o Seminario de Sociolingüística da RAG, pero leva 13 anos sen se reunir, será porque todo vai moito ben.



Ningún comentario:

Publicar un comentario