por Xoxé-Henrique Costas, no Nós Diario:
O pasado día 15 presentouse no Gaiás con todo boato, ouropel e fanfarria mediática o novo Plan Xeral da Lingua que unhas comisións de traballo elaboraron para a Xunta de Galicia. Nas imaxes da gala da presentación podíanse ver numerosos políticos e cargos públicos do PP e representantes de institucións, mais tamén persoeiros e famosos de diversos eidos. Entre os asistentes habíaos crédulos no futuro do idioma -non o dubido-, pero tamén notables incrédulos e mesmo recoñecidos haters do galego -non nos enganemos.
Falando estes días con algúns crédulos que participaron nas comisións de traballo dese PXL, confesáronme que o texto presentado era unha rebaixa dos documentos aprobados nas comisións porque o goberno galego lle metera as tesoiras. As comisións chegaran a uns acordos moi tímidos e moderados, case de mínimos ecuménicos, para que fosen aceptados polo goberno, pero o PP, inflexible, rebaixou aínda máis as rebaixas facendo gala da súa habitual tolerancia discriminatoria cara ao noso idioma.
Non lin aínda as 400 páxinas deste novo PXL, só examinei as conclusións de Promoción Exterior (galego no estranxeiro, galego arraiano e lusofonía) e compareinas co documento homólogo da Lingua Vital que coordinei e por iso coñezo ben o tema. Con tristura, pero sen sorpresa, podo decer que no da Xunta todo é parole, parole, parole, vaguidades, cartas aos Reis Magos e raquíticas abstraccións “bueniñas”. Ningunha concreción nin estratexia e si grandes lagoas e esquecementos. Se o resultado final foi chapodado, que me perdoen os crédulos nas intencións pactistas da Xunta pero enfiáronos polo cu dunha agulla.
Dous días despois, houbo no Consello da Cultura unha xornada sobre a promoción do galego nas universidades do exterior. A SXL non falou do Instituto Rosalía de Castro co nome completo (e iso que tamén figura así neste PXL chapodado da Xunta). Deume pena de nós ao saber que o instituto para a promoción do vasco, Etxepare, destina para 13 cátedras e 33 lectorados 4,6 millóns de euros (unha media de 100.000 euros por cada) cunha estratexia envexable de promoción da lingua e da cultura vascas; mentres, a SXL dedica aos 26 lectorados de galego 0,7 millóns de euros (unha media de 26.000 euros). Non hai ansia, non hai corazón, nin tampouco estratexia e planificación.
Eis a diferenza entre CRER na lingua e QUERER facer cousas pola ela (con intelixencia, orzamento, planificación, formación, alegría e ilusión) con NON CRER nas posibilidades da lingua e NON QUERER (Rueda e o PP da faixa de Galicia Bilingüe mandan) e por iso NON FACER nada por ela senón NIQUIRICAR (en galego de Vigo: aparentar que se fai algo sendo consciente de que non se vai facer nada). E os cínicos que niquirican son niquiriqueiros.
Os niquiriqueiros non son cribles. Como pretenden que traguemos que agora van crear o Instituto Rosalía de Castro para a promoción exterior do galego, cando tiveron 22 anos para facelo e non moveron un peleiro? Pero niquirican e enganan crédulos prometéndolles cousiñas. Outros crédulos saben que a lingua chumba e mais colaboran co poder lingüicida para non perder prebendiñas, postiños, subvencionciñas…porque non queren soltar a poltrona nin as leiriñas de poder ou figuración.
Os niquiriqueiros presentaron as actas do seu Concilio co aplauso entusiasta dos haters (véxanse as redes) e Rueda está na Gloria (Lago). Os crédulos que colaboraron neste PXL dinche estarían contentos con que polo menos se poidese facer un alguiño. Pero aos dous días o PP presentou os candidatos ás cidades en perfecto bilingüe: castelán/español. Pasou o día, pasou a romaría e volven marxinar o galego. Non hai vontade.
E NÓS? Encheremos cen veces A Quintán? Claro, pero non chega. Nós si queremos consenso para reverter esta agonía, pero consenso non é rendición nin renuncia a un futuro digno para o idioma. Tratemos de confrontar punto por punto e comisión por comisión o Plan da Xunta co Plan de Lingua Vital para que a xente mire e compare. Promovamos exposicións comparativas na TVG, na prensa, no Parlamento, nas universidades e centros de ensino para que e xente saiba o que propoñen os niquiriqueiros, os que queren para o noso idioma un futuro comatoso ou cataléptico, e o que propoñemos os que queremos para a nosa sociedade un futuro vivo e normal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario