por Xoán Antón Pérez Lema en Nós Diario:
Comeza esta semana coa expectativa do que vai dar a convocatoria da Xunta aos grupos parlamentarios para esta quinta, 24-O, dirixida, seica, a acadar un pacto polo galego. A convocatoria di realizarse sen límites nin apriorismos. Isto é, dende logo, necesario, mais con isto non abonda. Porque só poderá haber unha contorna axeitada para o diálogo se a Xunta recoñece que ha modificar substancialmente a política lingüística desenvolvida dende a chegada de Núñez Feijóo á Xunta en abril de 2009. Modificación substancial que require de varias accións políticas susceptíbeis de negociación coa oposición (hexemonizada dende as últimas eleccións nacionais galegas, convén non esquecelo, polo BNG) e cos axentes sociais. Mais que, por riba de todo, esixe unha ampla remuda do marco xurídico canto ao ensino. Non só garantindo o ensino das matemáticas, física e química e o mínimo de 50% do uso da nosa lingua fixado no Decreto de 2008, senón introducindo eficazmente o galego como lingua das escolas infantís, nomeadamente nos ámbitos urbanos que o Instituto Galego de Estatística identifica na súa macroenquisa de 2023 como máis desgaleguizados.De se cumprir esta condición debería existir capacidade en todos os interlocutores para o diálogo e a pescuda de acordos no ben dos intereses xerais do país. Mais, de non existir esta vontade no PPdeG, BNG e PSdeG non poderán desenvolver un diálogo sobre alicerces tan febles e haberían de proporlle á cidadanía, logo dunha ampla consulta cos axentes da sociedade civil, un plan alternativo que fose tamén susceptíbel de ser trasladado aos gobernos locais dos concellos e deputacións galegas e ao ámbito dos usos sociais da lingua.
Velaí a responsabilidade histórica do PPdeG e, nomeadamente, daqueles dos seus sectores que din estar a prol do coñecemento e uso do galego. Porque, nunha conxuntura na que medra substancialmente a conciencia cidadá do risco de perda da lingua os populares poden ficar inequivocamente identificados como parte substancial e xénese do problema. Neste senso, ninguén pode afirmar que a emerxencia lingüística actual veña xerada só pola lexislación do ensino, mais tampouco pode negar que o Decreto de plurilingüismo de 2010 foi e segue a ser axente substancial do proceso de desgaleguización das novas xeracións ao longo destes anos.
De existir bases para o diálogo cumpriría ampliar a negociación a outros eixos fundamentais para artellar políticas transversais eficaces para frear ou, polo menos, facer minguar a intensidade do proceso que estamos a vivir. Neste senso, cumpriría, entre outras accións i) redeseñar a función da CRTVG na elaboración e difusión de contidos infantís e xuvenís, na promoción e difusión da xeración musical e cultural en galego e na apertura do espazo comunicacional galego á lusofonía, ii) reformar a nosa lexislación de consumo para garantir a efectividade do dereito de todas as persoas consumidoras a que empresas e profesionais se comuniquen con elas, a pedimento, en galego, na liña da lexislación catalá e da proposta de iniciativa lexislativa popular de 2014 da Mesa para a Normalización Lingüística, iii) promover canda os Parlamentos autonómicos e axentes sociais e políticos dos outros países e territorios con lingua propia do Estado a reforma da lei orgánica do Poder Xudicial para garantirmos o dereito para usarmos do galego na administración de xustiza, o que require garantir o coñecemento xeral e amplo do galego por todos os operadores e empregados públicos da mesma e iv) adoptar o recente informe do Consello de Europa sobre o uso da lingua galega no ámbito de Galicia para identificar problemas e obxectivos, como vén de afirmar o sociolingüista, profesor da USC e directivo da RAG Henrique Monteagudo.
Trátase, xa que logo, de pormos o galego no centro da axenda política e social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario