Páginas

sábado, 26 de outubro de 2024

Vontade de pacto lingüístico?


 por Bieito Lobeira en Nós Diario:

Cando o Partido Popular tivo coñecemento dos datos do IGE sobre uso e coñecemento do galego fixo dúas cousas: a primeira –cónstame– congratularse coa confirmación da tendencia lingüisticamente españolizadora. E a segunda, adiar deliberadamente o coñecemento público deses datos co fin de gañar tempo para articular unha estratexia que intentase suavizar as evidentes responsabilidades propias, dispersándoas e colectivizándoas a través dun "pacto polo lingua" entre as forzas políticas.

O PP é consciente da existencia dun sector significativo da sociedade galega cun evidente sentimento de apego á Galiza e á súa lingua, sexa ou non galego falante. Cumpría por tanto construír un discurso "galeguista" especificamente dirixido a este segmento social para o seducir e, ao tempo, repartir culpas sobre a responsabilidade do desastre. E chamar ao consenso, mais dun xeito ben pintoresco. Porque quen pretende pactar fará o posíbel para xerar as condicións de diálogo e acordo. E o que fixeron foi, seguindo a orde de maior a menor responsabilidade, o seguinte:

Alfonso Rueda anuncia que vai convocar as forzas políticas, mais establece a "liña vermella" no que el denomina "imposición monolingüística". Santo rostro ten este señor. Porque, tal e como puidemos comprobar nun vídeo electoral de campaña (por iso o poño aquí de manifesto, porque foi un vídeo público) hai máis galego na atmosfera de Marte que na súa casa, sexa por liña familiar ascendente ou descendente, ou de afinidade matrimonial. Tanto ten. Curiosa ecuación: se falasen en galego sería imposición monolingüe; se o monolongüismo é español é un acto de pura liberdade. Hipócrita.

O conselleiro de cultura, máis bucólico, comeza autodefiníndose como "galeguista" e "neno do rural", e propón "un gran pacto pola lingua que nos encamiñe a restablecer o consenso político" para –agárrate Manuel– "liberarnos de imposicións, apropiacións patrióticas ou discursos identitarios". A ver, conselleiro. É de primeiro curso de pactos: se foses honesto, habería primeiro unha autocrítica polo resultado da acción gobernamental. E despois, estendes a man con educación e tacto. E sobre o da imposición, só lembrarei que a única lingua "imposta" (e non só historicamente) e ligada ao verbo "deber" (de coñecemento) é o español; o galego, de momento, é só un dereito.

E logo está ese estómago agradecido que interpreta o papel de secretario xeral de política lingüística, que afirma –manda truco!– que con estes datos "o galego vive o seu mellor momento" e que "o sistema educativo está a facer o seu papel". Aí si. Totalmente de acordo. Executa o papel previsto polo PP de exterminio do galego na infancia e na mocidade. Por certo, téñolle escoitado discursos xenófobos a xente da dereita e ultradereita, facendo responsábeis a inmigrantes da perda de postos de traballo ou da inseguranza na rúa. O que nunca escoitara é que se as crianzas non saben galego é tamén por culpa deles.
PS: Non é pacto o que queren. É pantomima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario