Páginas

sábado, 26 de outubro de 2024

O presente do galego

 


por Marta Dacosta en Nós Diario:

Tristes e furiosas. Así ficamos tras coñecer os datos do uso do noso idioma. Nosoutras, as profes de lingua, volvemos preguntarnos que máis podemos facer ou por que cargamos soas co peso da responsabilidade de procurar transmitirlles a lingua e o amor por ela, mentres vemos que o galego descende veloz a montaña que tentamos ascender. Haberá quen diga que cando nunha comarca coma a de Vigo, tan poboada, comprobamos que a rapazada non dá pronunciado o -n velar e non consegue construír unha frase enteira para preguntar unha dúbida, as que estamos equivocadas somos nós que lles impoñemos que falen galego. Que se non saben o que é aturuxo, lareira ou bandullo, as que estamos erradas somos nós que lles poñemos lecturas difíciles.

  

Fun lendo diferentes análises na prensa, tamén nas redes, mesmo as declaracións dos responsábeis. Coloquei a nova nos marabillosos encerados dixitais que agora temos, lin co alumnado, que ficou en silencio.

 

Até que unha mañá entrei polo instituto con toda a decisión e escribín no taboleiro da sala de profes: "Compas! Faládelle galego á rapazada. O futuro do galego non depende delxs, depende de NÓS, de que lle aprendamos a falar e querer a nosa lingua. Ánimo!".

 Arroutada ou certeza?

 Poñemos o foco neles que cada vez teñen máis dificultades para falar cunha pouca soltura e nos esquecemos que somos nós, as persoas adultas, as que lles transmitimos a lingua, o seu coñecemento, o amor por ela. E que tamén a nós nos ten que transmitir iso mesmo quen deseña as políticas lingüísticas en Galiza, eses señores do PP que, sen despeitearse, din que todo vai ben, que, se acaso, a culpa é dos que veñen de fóra.

 

Teñen a súa estratexia e teiman nela. Resulta insultante que conclúan que "practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida ", porque nin é case o 100%, nin hai maneira de vivir en galego coas súas políticas. Ou que sexan eles os que pidan altura de miras, e digan que hai que abordar o tema coas luces "largas" (sic).

Ningún comentario:

Publicar un comentario