Páginas

xoves, 24 de outubro de 2024

Recuperar o galego é posíbel


 por Manuel Veiga Taboada en Nós Diario:

Dous recentes estudos informan do que xa sabemos: o galego decrece. Pero, máis alá do debate necesario, máis alá da responsabilidade do PP e máis alá tamén dos datos cuantitativos, hai que lembrar que as causas deste declive son máis fondas. O galego perde usuarios, porque antes foi desprovisto do seu uso legal. Unha longa historia sabida por moitos, aínda que non por todos. E hoxe segue a decrecer pola súa case total ausencia dos medios de comunicación e o seu minguado papel no ensino.

 

Porén, non todos os datos son negativos. Nunca tanta conciencia houbo sobre o problema da lingua, nin tantas persoas formadas que están a construír, con éxito, un galego para o futuro. Perdemos falantes, pero hai que lembrar que moitos dos que o empregaban até agora nin sequera tiñan conciencia de que fose unha lingua. Dicían: "Isto que se fala por aquí" ou "isto que falamos nós". A lingua dos trobadores, a do rei Afonso, chegara a ser considerada un "patois". En anos aínda non moi recuados, bastantes campesiños falaban galego non propiamente porque quixesen, senón porque non sabían falar outra cousa.

 

A lingua vai unida ao problema das clases sociais, ao debate das nacionalidades e, certamente, á política. Cando as zonas que máis falan galego, máis votan tamén por quen o ataca e, viceversa, as zonas que menos o usan son as que máis votos lles dan aos nacionalistas, entendemos perfectamente que non hai un problema lingüístico, senón ante todo un problema político. Cando observamos como moita xente que emprega o galego en familia (sobre todo nas cidades) non se atreve a utilizalo en público, comprobamos de novo que o problema é político. O seu uso, en moitos ámbitos, segue constituíndo unha marca, unha especie de luz vermella que indica que o poder segue en mans do castelán.

 

Por isto, o esencial non é xa pedir que o PP aplique outra política lingüística, aínda que tamén resulte necesario. O esencial e urxente é conseguir que o PP perda a súa maioría e deixe de ser o "okupa" de institucións nas que non cre. Non se trata, para iso, de que todos nos convertamos en nacionalistas, senón de defender o propio, sen menosprezar o alleo. Por isto, tamén, a lingua e o macro complexo celulósico de Altri representan dúas partes do mesmo problema. Atar de mans a lingua é o mesmo que maltratar a natureza. Non podemos deixar que nos priven dos dous elementos que nos definen: a casa e a conciencia.

 

Podemos ser optimistas ao respecto? Penso que si. Os números e as sondaxes ofrecen unha cara da realidade, pero a realidade é un prisma de moitas caras. Non conta só a lingua que falas, tamén pesa moito o grupo co que convives e os teus hábitos. A milleiros de galegos gustaríalle usar máis a súa lingua, pero necesitan un ambiente máis propicio, como pedía Elías Torres, hai pouco aquí en Nós Diario.

 

Pode que nunca deamos o paso adiante que a lingua necesita e que nos espere, como comunidade diferenciada, unha morte lenta. Pero tamén é posíbel reverter a situación, mesmo en pouco tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario