Páginas

xoves, 7 de novembro de 2024

Que é a imposición lingüística?

 


por Gonzalo Constenla, en Nós Diario:

Nas últimas semanas, por causa do denominado Pacto polo Galego proposto polo Goberno da Galiza aos grupos da oposición parlamentar, voltouse a escoitar o argumento da imposición lingüística. A linguaxe política costuma afastarse, e mesmo diverxer, da verdade das cousas. Porén, nun tema basilar como é o da nosa lingua parecería que se deberían empregar os termos cun mínimo de rigor e propriedade.

Existe, pois, a imposición lingüística na Galiza? Na verdade, existe. Mais é no sentido contrario a como emprega o termo quen o está a usar, se aceitarmos o que di a ciencia. Estamos a falar dun fenómeno amplamente estudado na sociolingüística, sobre todo as súas consecuencias, baixo diferentes ópticas e denominacións, que se refire á dominación e control dunha lingua ou variedade lingüística sobre outras, a través de políticas e prácticas activas.

Desde que Uriel Weinreich publicase en 1953 os seus estudos sobre o contacto entre linguas, sucedéronse múltiples traballos de investigación que teñen explicado as causas e, moi en destaque, as consecuencias da imposición lingüística. Así, Charles Ferguson introduciu o concepto de diglosia, que conduz a crear unha xerarquía lingüística e que, como resultado, pode levar á asimilación, onde a lingua de menor prestixio vese substituída pola outra.

De por parte, Joshua Fishman enunciou o principio do desprazamento lingüístico, un proceso que se produz cando a lingua imposta acaba por substituír a lingua minorizada e, eventualmente, resulta na súa total extinción. Até se chegar a producir, iríanse completando unha serie de fases, a comezar coa imposición inicial por parte dos estados. A seguir prodúcese a marxinalización e relegación da lingua nacional a contextos non formais. Posteriormente, comeza o declinio interxeneracional, en que as novas xeracións tenden a adoptar a lingua dominante, o que supón unha perda continua no número de falantes, fase en que se encontra actualmente o galego.

Comezaría nesa altura o proceso de substitución lingüística, en que a lingua minorizada perde o seu uso funcional en moitos dominios, a lingua dominante tórnase o elemento principal de comunicación para a maioría da poboación e o idioma nacional fica relegado a contextos cerimoniais ou culturais. Neste proceso, costuma acontecer tamén o proceso de hibridación lingüística, tamén coñecida como mestizaxe lingüística, cando a comunidade de lingua vai adoptando elementos gramaticais, fonéticos ou léxicos da lingua dominante, mentres aínda mantén aspectos da súa lingua nacional. Esta fase, na que tamén se encontra actualmente o galego, tense interpretado como un intento de manter a identidade lingüística e cultural a pesar da presión por adoptar a lingua dominante.

Reversión do desprazamento lingüístico

Porén, o desprazamento e posterior substitución son fenómenos sociolingüísticos que se poden reverter. O proprio Fishman dedicou un seu traballo a como o conseguir e, posteriormente, outras e outros autores desenvolveron novos enfoques para a reposición e normalización das linguas minorizadas. Entre as accións propostas sitúase o enfoque interxeneracional, e a necesidade das crianzas aprenderen e usaren a lingua desde unha idade temperá.

Non menos importante é a criazón de espazos de usos onde a lingua poida ser usada con normalidade, tanto nas escolas, como nos medios de comunicación, eventos sociais, tribunais de xustiza, ou lugares de traballo. Paralelamente, proponse o método da inmersión lingüística, onde a lingua minorizada se empregue como método de instrución. Tense demostrado que estes programas de inmersión axudan o alumnado a desenvolveren unha competencia lingüística axeitada e a valorizaren o idioma, con óptimos resultados alí onde se levan aplicado.

A sociolingüística fai tamén moito fincapé na necesidade de políticas públicas decididas e activas que se empeñen na restitución lingüística, dotadas orzamentariamente de maneira eficaz, e que oferezan protección legal contra a discriminación por causa de lingua, xunto con incentivos económicos e sociais para o emprego da lingua minorizada, Estes poden motivar as persoas ao aprenderen e empregaren, e deberían incluír programas de emprego, bolsas de estudos ou recoñecimentos específicos. Así pois, a imposición lingüística leva á dominación dunha lingua sobre outra, resultando na marxinalización e posible extinción do idioma minorizado. Reverter este proceso require políticas públicas activas, aprendizaxe interxeneracional, espazos de uso normalizado e programas de inmersión lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario