Páginas

luns, 4 de novembro de 2024

15 anos, 13 liñas, 4 parágrafos, 0 propostas

9 parágrafos, iso é o que ocupa a resposta de Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, nun artigo publicado no Nós Diario explicando os 15 anos de política lingüística do PP despois do bipartito. 

Valentín destaca un obxectivo que, segundo el, guiou a política lingüística neste período, "conseguir que o galego se introducira nos novos e mutantes escenarios que xurdían". Desbota, polo tanto, asentar e reforzar os logros obtidos ata o momento. Non lle importa a realidade lingüística. Aposta con construír castelos no ar. Contra a crúa realidade receita unha fantasía lingüística. 

O centro do artigo está adicado a explicar os proxectos desenvolvidos pola Xunta nestes 15 anos no ámbito da normalización lingüística. Son só 4 parágrafos curtos, apenas 13 liñas. Que nos conta aí? Destaca 4 proxectos. En primeiro lugar fai referencia á Rede de Dinamización Lingüística, un ente que naceu pechando 15 servizos de normalización doutros tantos concellos e que morreu incluso antes de nacer. O seu maior logro foi pasear aos Bolechas, que acabaron convertidos nuns zombies de photocall. Nin dan medo, nin serven para outra cousa que para retratarse co secretario xeral a cambio duns 400.000 € anuais. 

O segundo gran proxecto que destaca deste período foi o Portal de Teleformación da Lingua Galega. Así, Valentín García pasa como unha apisoadora por enriba de todo o conflito dos CELGA, cursos que nun principio eran impartidos por persoal contradado. A CTNL fixera unha proposta no 2012 para regularizar a situación deste profesorado. A SXPL non fixo caso e nos anos seguintes rebentou un conflito laboral que durou varios anos e que desbaldiu anos de traballo, experiencia e coñecementos. A CTNL cualificou a actuación da Xunta como un "desmantelamento económico, técnico, e humano".  Nunha ampulosa, esaxerada e mentireira linguaxe afirma Valentín que o sistema de teleformación serviu para "incorporar á comunidade galegofalante as máis de 115.000 persoas foráneas chegadas nos últimos cinco anos". Nun panfleto propagandístico do 2018 a SXPL fachandeaba de que se matricularan nalgún curso 2.285 persoas (11.425 en 5 anos). Se comparamos esta ultima cifra coa de 115.000, ponse de manifesto que a mentira é considerable, dun 1000%. Xa temos unha medida da súa falta de vergoña.

O terceiro punto destacable da política lingüística destes tres quinquenios é o de dar apoio aos que usan a lingua galega no ámbito creativo (escrita, música, investigación, espectáculo). Hai que ter moito papo para afirmar isto despois dunha campaña soterrada contra a edición en galego e o incumprimento sistemático da lei do libro. Cómpre lembrar análises como as de M. Bragado en A lei zombie do libro. Un informe do CCG do ano 2015 daba conta da crise e devalo do teatro galego a partir do 2009; as artes escénicas galegas están en estado de coma. En canto á investigación en Galicia, só podemos destacar novas que aparecen cada pouco da falta de apoio da Administración Galega. De que nos está a falar Valentín? Pois dos Bolechas, outra vez,  e das presentacións de libriños de interese reducido. Por exemplo, cando estou escribindo isto acaba de presentar un libro dunha concelleira do PP da Golada. Non é casualidade, sempre é así.

O cuarto e derradeiro aspecto que menciona é o Proxecto Nós. Se fose hai uns anos falaríanos do Plan de dinamización do galego no tecido económico. Que foi del? Teño a completa seguridade de que ninguén sabe o que é, nin o que foi por dúas razóns. Porque non foi nada, agás propaganda que comezaba e remataba nas propias oficinas da SXPL, e porque daquilo non se obtivo nada. Alguén sabe que foi do portelo único para o galego? Alguén sabe das medidas para mellorar a hostelería vía o galego na internet? Quizais se lle quitamos a plabra "galego" e a substituímos por "castelán", quizais si. Alguén veu algunha vez o decálogo da Xunta sobre as vantaxes do galego na empresa? Máis aínda, todos puidemos comprobar como unha e outra vez, conselleiros e presidente da Xunta renegaban do galego diante de reunións con empresarios. Todo iso, e moito máis, aparecía nese plan pantasma, tan pantasma que nin a Valentín lle acordou citalo neste lacónico artigo pois resulta que isto é todo. Xa sei que este "todo" se reduce a "nada". Este é o mellor resumo da política lingüística dos 15 últimos anos. Non o digo eu, volvo a citar o artigo:

Aínda que podería seguir indefinidamente expoñendo consecucións da política lingüística dos últimos 15 anos, considero, porén, que cómpre aludir a que esta non constitúe só unha cuestión de proxectos e medios. Quero dicir que, para que ela teña éxito, debe lograr a implicación dunha cidadanía que estea disposta a participar do proxecto

Exactamente da mesma maneira eu podería seguir indefinidamente expoñendo os fracasos da política lingüística dos últimos 15 anos. Aínda máis, podería argumentar como cada un deles foi mil veces máis lesivo para a normalización que ficar fitando a punta do nariz. Porén eu non lle vou botar a culpa á cidadanía galega pois sei que os que brandiron as armas asasinas son aqueles que pousaron as súas nádegas nas cadeiras reservadas aos membros do goberno da Xunta. 

As últimas liñas do artigo adícanse a negar os resultados postos en evidiencia polo IGE. A mensaxe é que o panorama sociolingüístico galego está tan ben que os defectos apuntados na enquisa do IGE deben estar mal. Se o IGE nos dá uns datos, Valentín inventará outros para tranquilizar a súa conciencia de liquidador da lingua galega. 

Dito máis directamente: "Negamos a realidade que nos pon diante o IGE. Non fixemos outra cousa que prohibir o galego, reducilo, desprezalo, manter prexuízos vellos e crear outros novos e continuaremos así. A isto é ao que chamamos cordialidade lingüística de todo o que fique fóra deste marco diremos que rompe o consenso"

Ningún comentario:

Publicar un comentario