Páginas

xoves, 14 de novembro de 2024

Máis alá do ensino

 por Luís Álvarez Pousa en Tempos Dixital:

Ningunha sorpresa. Agás nos discursos cerimoniais, que amparan desde hai anos as supostas bondades do imposible bilingüismo harmónico ou cordial, tódolos indicadores sinalan que o galego está máis ameazado ca nunca. Confrontando as estatísticas de antes e de agora do IGE, cabe pensar en que, de non remedialo a tempo, se faga inevitable a súa entrada en vía morta.

 

venres, 8 de novembro de 2024

Desleixo co galego


por Alberte Mera, Editorial no Diario Nós:

 

Após os datos do Instituto Galego (IGE) que certifican a maior perda de galegofalantes da historia da Galiza, o conselleiro de Cultura e Lingua informou onte dos orzamentos do seu departamento para o ano 2025. O proxecto de contas do Executivo que preside Alfonso Rueda certifica que as partidas para normalización lingüística serán de 11,96 millóns o ano que vén. As mozas e os mozos que non teñen o galego como primeira lingua minguaron desde 2008 en 133,3%, segundo os datos do IGE. Pola contra, naquel ano, 2008, o orzamento da Xunta da Galiza para normalización lingüística eran de 23,6 millóns de euros, case o dobre do que se dedicará para o ano que vén, e tendo en conta os efectos da inflación entre 2008 e o momento actual, aquela cifra do Goberno galego do PSdeG e do BNG equivalería a uns 31,4 millóns de hoxe. Iso si, o Executivo galego destinará no exercicio que vén o triple de cartos a aulas de relixión que á lingua. Así que nun día como o deste 31 de outubro, de Samaín, ás portas de Todos os Santos e Defuntos, cómpre reivindicar o pobo como coidador do idioma e cultura propias, mais tamén a non defunción do galego, do idioma e do pobo. A lingua precisa recursos, coidado e políticas de promoción. Implíquense, levanten os vetos ao galego no ensino e doten de recursos a normalización lingüística. É de dereito.

A verdade incómoda sobre o galego

 


por Xesús Veiga no Galicia Confidencial:

O estudo da institución estatística oficial da Administración galega certifica a existencia dunha verdade incómoda: entre os anos 2003 e 2023 rexistrase unha dinámica lingüística desfavorábel ao galego nos segmentos poboacionais de menor idade e nos núcleos territoriais de maior densidade urbana. Constatase, pois, a consolidación dunha dualidade significativa: non hai correspondencia entre a Galiza mais conectada aos novos procesos de comunicación e produción e as porcentaxes de utilización do galego como ferramenta habitual das relacións sociais.

 

xoves, 7 de novembro de 2024

Que é a imposición lingüística?

 


por Gonzalo Constenla, en Nós Diario:

Nas últimas semanas, por causa do denominado Pacto polo Galego proposto polo Goberno da Galiza aos grupos da oposición parlamentar, voltouse a escoitar o argumento da imposición lingüística. A linguaxe política costuma afastarse, e mesmo diverxer, da verdade das cousas. Porén, nun tema basilar como é o da nosa lingua parecería que se deberían empregar os termos cun mínimo de rigor e propriedade.

luns, 4 de novembro de 2024

15 anos, 13 liñas, 4 parágrafos, 0 propostas

9 parágrafos, iso é o que ocupa a resposta de Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, nun artigo publicado no Nós Diario explicando os 15 anos de política lingüística do PP despois do bipartito. 

Valentín destaca un obxectivo que, segundo el, guiou a política lingüística neste período, "conseguir que o galego se introducira nos novos e mutantes escenarios que xurdían". Desbota, polo tanto, asentar e reforzar os logros obtidos ata o momento. Non lle importa a realidade lingüística. Aposta con construír castelos no ar. Contra a crúa realidade receita unha fantasía lingüística. 

O centro do artigo está adicado a explicar os proxectos desenvolvidos pola Xunta nestes 15 anos no ámbito da normalización lingüística. Son só 4 parágrafos curtos, apenas 13 liñas. Que nos conta aí? Destaca 4 proxectos. En primeiro lugar fai referencia á Rede de Dinamización Lingüística, un ente que naceu pechando 15 servizos de normalización doutros tantos concellos e que morreu incluso antes de nacer. O seu maior logro foi pasear aos Bolechas, que acabaron convertidos nuns zombies de photocall. Nin dan medo, nin serven para outra cousa que para retratarse co secretario xeral a cambio duns 400.000 € anuais. 

O segundo gran proxecto que destaca deste período foi o Portal de Teleformación da Lingua Galega. Así, Valentín García pasa como unha apisoadora por enriba de todo o conflito dos CELGA, cursos que nun principio eran impartidos por persoal contradado. A CTNL fixera unha proposta no 2012 para regularizar a situación deste profesorado. A SXPL non fixo caso e nos anos seguintes rebentou un conflito laboral que durou varios anos e que desbaldiu anos de traballo, experiencia e coñecementos. A CTNL cualificou a actuación da Xunta como un "desmantelamento económico, técnico, e humano".  Nunha ampulosa, esaxerada e mentireira linguaxe afirma Valentín que o sistema de teleformación serviu para "incorporar á comunidade galegofalante as máis de 115.000 persoas foráneas chegadas nos últimos cinco anos". Nun panfleto propagandístico do 2018 a SXPL fachandeaba de que se matricularan nalgún curso 2.285 persoas (11.425 en 5 anos). Se comparamos esta ultima cifra coa de 115.000, ponse de manifesto que a mentira é considerable, dun 1000%. Xa temos unha medida da súa falta de vergoña.

O terceiro punto destacable da política lingüística destes tres quinquenios é o de dar apoio aos que usan a lingua galega no ámbito creativo (escrita, música, investigación, espectáculo). Hai que ter moito papo para afirmar isto despois dunha campaña soterrada contra a edición en galego e o incumprimento sistemático da lei do libro. Cómpre lembrar análises como as de M. Bragado en A lei zombie do libro. Un informe do CCG do ano 2015 daba conta da crise e devalo do teatro galego a partir do 2009; as artes escénicas galegas están en estado de coma. En canto á investigación en Galicia, só podemos destacar novas que aparecen cada pouco da falta de apoio da Administración Galega. De que nos está a falar Valentín? Pois dos Bolechas, outra vez,  e das presentacións de libriños de interese reducido. Por exemplo, cando estou escribindo isto acaba de presentar un libro dunha concelleira do PP da Golada. Non é casualidade, sempre é así.

O cuarto e derradeiro aspecto que menciona é o Proxecto Nós. Se fose hai uns anos falaríanos do Plan de dinamización do galego no tecido económico. Que foi del? Teño a completa seguridade de que ninguén sabe o que é, nin o que foi por dúas razóns. Porque non foi nada, agás propaganda que comezaba e remataba nas propias oficinas da SXPL, e porque daquilo non se obtivo nada. Alguén sabe que foi do portelo único para o galego? Alguén sabe das medidas para mellorar a hostelería vía o galego na internet? Quizais se lle quitamos a plabra "galego" e a substituímos por "castelán", quizais si. Alguén veu algunha vez o decálogo da Xunta sobre as vantaxes do galego na empresa? Máis aínda, todos puidemos comprobar como unha e outra vez, conselleiros e presidente da Xunta renegaban do galego diante de reunións con empresarios. Todo iso, e moito máis, aparecía nese plan pantasma, tan pantasma que nin a Valentín lle acordou citalo neste lacónico artigo pois resulta que isto é todo. Xa sei que este "todo" se reduce a "nada". Este é o mellor resumo da política lingüística dos 15 últimos anos. Non o digo eu, volvo a citar o artigo:

Aínda que podería seguir indefinidamente expoñendo consecucións da política lingüística dos últimos 15 anos, considero, porén, que cómpre aludir a que esta non constitúe só unha cuestión de proxectos e medios. Quero dicir que, para que ela teña éxito, debe lograr a implicación dunha cidadanía que estea disposta a participar do proxecto

Exactamente da mesma maneira eu podería seguir indefinidamente expoñendo os fracasos da política lingüística dos últimos 15 anos. Aínda máis, podería argumentar como cada un deles foi mil veces máis lesivo para a normalización que ficar fitando a punta do nariz. Porén eu non lle vou botar a culpa á cidadanía galega pois sei que os que brandiron as armas asasinas son aqueles que pousaron as súas nádegas nas cadeiras reservadas aos membros do goberno da Xunta. 

As últimas liñas do artigo adícanse a negar os resultados postos en evidiencia polo IGE. A mensaxe é que o panorama sociolingüístico galego está tan ben que os defectos apuntados na enquisa do IGE deben estar mal. Se o IGE nos dá uns datos, Valentín inventará outros para tranquilizar a súa conciencia de liquidador da lingua galega. 

Dito máis directamente: "Negamos a realidade que nos pon diante o IGE. Non fixemos outra cousa que prohibir o galego, reducilo, desprezalo, manter prexuízos vellos e crear outros novos e continuaremos así. A isto é ao que chamamos cordialidade lingüística de todo o que fique fóra deste marco diremos que rompe o consenso"

sábado, 2 de novembro de 2024

O Debate: Que supuxeron estes 15 anos de políticas lingüísticas da Xunta da Galiza para o galego?

 


por Marcos Maceira, en Nós diario: 

Que a situación do galego é grave e que se poden e deben tomar medidas para revertela, non o dicimos só A Mesa ou Queremos Galego. Após a mobilización social e as denuncias destes colectivos polo incumprimento continuado da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tanto a ONU en 2019 como Consello de Europa en 2015, 2019 e 2024, publicaron informes contundentes sen que a Xunta modificase nada. O Secretariado da Carta Europea das Linguas do Consello de Europa recibiu á Mesa en varias ocasións. O Conselleiro de Cultura e Lingua nin contestou ás dúas solicitudes de reunión feitas pola principal entidade social de defensa da lingua.

 Esta semana vimos de novo como exerce o PP a obriga legal de promover o uso e coñecemento do galego (art. 5 do Estatuto): eliminando o requisito de coñecemento para o funcionariado interino. Amplía así a modificación da Lei da Función Pública en 2009 que suprimía que unha das probas de oposición fose en galego e rebaixaba a mérito o requisito de coñecemento en sectores como a saúde.

No ensino non se contentaron con suprimir as liñas en galego existentes até 2009 e ratificadas polo TSXG, ou estabelecer unha porcentaxe máxima de docencia en galego, prohibilo nalgunhas materias ou eliminalo practicamente na educación infantil. Foron máis alá. A introdución de Edixgal conseguiu limitar máis a oferta (da propia Xunta) de materiais didácticos en galego nas materias onde non está vetado. A mesma sorte corre a nosa lingua na FP.

O acceso das crianzas a contidos audiovisuais está restrinxida ao 0,9% da oferta sen que a TVG sirva para corrixilo: hoxe emite menos contido infantil que cando comezou a Iniciativa Xabarín. Esta práctica de expulsar o galego é a habitual. Véxase a súa exclusión dos programas informáticos da propia Xunta como Minerva Nox na xustiza ou algúns dos empregados no Sergas. 
Isto explica o veto imposto ao noso idioma nas actividades comerciais: atención, información, documentación, sinaléctica, rotulación ou locucións. O PP avalouno en 2017 rexeitando a Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, impulsada pola Mesa. O galego non ten permiso para acceder a certos espazos. 
A historia debe ser rectificada, dicía Carvalho Calero. É posíbel mudar o rumbo do galego se estabeleceren todos os mecanismos para térmolo en todo e para todo.
Queremos Galego fixo públicos tres puntos mínimos baseados na vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade e única garantía para cumprir as obrigas da Carta Europea das Linguas. Partindo destes obxectivos cómpre estabelecer un calendario acordado entre Xunta, Estado, entidades locais e entidades sociais para aplicación e actualización nesta lexislatura de todas as medidas, cos recursos necesarios (humanos, técnicos, económicos...) e coas avaliacións necesarias. Este ten que ser o punto de partida para mudar o rumbo no ensino, administración, servizos públicos, actividades comerciais e económicas, a cultura e o lecer. 

 


por Valentín García, en Nós Diario: 
En 2021, saíu A lingua en 2050, un libro no que 25 persoas reflexionamos sobre o futuro do galego, entre elas eu, que, mentres escribía as primeiras liñas daquel texto, axiña me decatei da dificultade de predicir o futuro hoxe, cando os cambios aos que asiste a nosa sociedade se producen a velocidade de vertixe e cunha contundencia tan inapelable que confunde. 
Nesta ocasión, pídeseme que aborde a política lingüística gobernamental dos últimos 15 anos, unha análise que só é posible esbozar a partir desa premisa: os tres últimos lustros consistiron en teimar en conseguir que o galego se introducira nos novos e mutantes escenarios que xurdían, porque dese "estar no mundo hoxe" vai depender o seu futuro. 
Esa foi a meta da Rede de Dinamización Lingüística, creada en 2010 para coordinar as actuacións de promoción social entre as máis de 247 entidades asociadas. 
Idéntico obxectivo tivo o esforzo técnico e económico que se fixo no campo da autoaprendizaxe en liña, ben visible no Portal de Teleformación da Lingua Galega. No seu deseño, fíxose énfase en incorporar á comunidade galegofalante as máis de 115.000 persoas foráneas chegadas nos últimos cinco anos.
Dar apoio ao nutrido número de persoas que apostan pola lingua de noso como ferramenta da súa creatividade (escrita, música, investigación, espectáculo etc.) foi outra angueira egrexia. 
E, igualmente, convén mencionar o Proxecto Nós, iniciativa principiada en 2021 cos propósitos de garantir os dereitos lingüísticos no mundo dixital e de contribuír á dixitalización en galego do ecosistema empresarial. 
Aínda que podería seguir indefinidamente expoñendo consecucións da política lingüística dos últimos 15 anos, considero, porén, que cómpre aludir a que esta non constitúe só unha cuestión de proxectos e medios. Quero dicir que, para que ela teña éxito, debe lograr a implicación dunha cidadanía que estea disposta a participar do proxecto a través da súa actividade cotiá (familiar, empresarial, social), especialmente a que vive en contornas urbanas. Este é un reto que só é posible a través dunha acción cordial e integradora que, ao mesmo tempo que funciona, non provoque conflitos. Polo mesmo motivo, foi a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a que lanzou unha proposta de Pacto pola lingua que permita renovar o Plan xeral da lingua galega e consensuar as directrices da política lingüística futura.

As políticas lingüísticas destes tres lustros, baixo a premisa indicada, alcanzaron un número abundante de logros. Pode servir de mostra que o galego sexa: a lingua oficial de España distinta do castelán máis empregada e co índice máis alto de coñecemento de lectoescritura; o idioma maioritario entre as persoas nadas en Galicia e a lingua de comunicación cotiá de 7 de cada 10 persoas residentes en Galicia. 

Aínda que persisten problemas vellos e xorden outros novos, convén coincidirmos en que a lingua que foi o código de expresión das persoas que habitaron Galicia durante os mil últimos anos está en condicións de seguilo a ser durante os mil anos futuros grazas ao consenso e á cordialidade.

Kúta galego sempre


 por Bieito Lobeira en Nós Diario:

Hai nada, en 2022, co falecemento de Cristina Calderón aos seus 93 anos, morría tamén a última falante de háusi kúta, lingua do que no seu tempo foi un pobo orgulloso nas illas do sul do continente americano. Xa non hai ninguén con quen falar, ninguén que poida pronunciar séskin para se referir ao corazón, ou híxa para nomear o mar. Tampouco quen articule correctamente a expresión intraducíbel "mamihlapinatapai", que só nese idioma único no mundo viña significando, nun único termo, ese curioso momento en que dúas persoas se ollan e as dúas queren comezar algo, mais ningunha se atreve dar o primeiro paso. Así de lindo. Pois iso tamén morreu. Coa desaparición do háusi kúta gañou o supremacismo uniformista imperial e perdeu a humanidade.