Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 31 de maio de 2022

O noticieiro da Estrada


O Concello da Estrada tivo a iniciativa de propoñer aos centros de ensino da vila a elaboración dun pequeno telexornal desenvolvendo algunha nova de escolla libre. No IES nº 1 decidíronse pola arte. Neste noticieiro dan a coñecer tanto as esculturas da Rúa da Cultura, a rúa na que están os IES da Estrada, así como os traballos que decoran o propio centro de ensino.
Na canle de You Tube do Concello poden verse os distintos telexornais elaborados nos centros.

 

domingo, 29 de maio de 2022

Vexo, veo, XaJAcobeo ou o paviBEllón para nenos

 


A manipulación dos nenos por parte da Xunta do PP no ámbito sociolingüístico acada niveis esperpénticos. A Axencia Galega de Turismo sacou un videoxogo cunha mestura perversa de galego e castelán, o videoxogo "Vexo, veo, Xacobeo" , así anunciado polo Consejo Jacobeo. Non lles chegou con expulsar o galego das aulas de infantil, agora promoven unha visión charramangueira da sociolingüística nun asqueroso acto de manipulación dos máis pequenos. Se por unha banda, un de cada catro nenos é incapaz de expresarse en galego, agora engadimos nas aulas nesgadas visións da lingua.

Para completar a desfeita da lingua, o pasado venres 27/05/2022 Nava Castro, a directora de Turismo entregoulles aos rapaciños de Caldas uns diplomas en castelán para reafirmar cal é a lingua da Xunta, a lingua do poder, e a lingua da exclusión.

Isto recórdanos a inauguración do Pavibellón de Baiona no 2011 co agravante de que agora os afectados son rapaciños. A intención da Axencia Galega de Turismo de do Consejo Jacobeo é estender esta adulteración aos 193.000 estudantes de infantil e primaria. 

xoves, 19 de maio de 2022

Fálao, ti que podes!


 Vídeo promocional da campaña de valorización da lingua galega elaborado pola Asociación Faladoiros de Vigo entre febreiro e maio de 2022 coa axuda de galegofalantes de todas as partes do mundo. 

Alí onde están non poden desenvolver o seu día a día en galego, mais os que vivimos en Galicia non temos desculpa para non falalo.

 Esta campaña foi feita grazas á colaboración de galegofalantes que, a pesar de non vivir na nosa terra, se esforzan por manter a lingua galega alá onde están. Desde todas as partes do mundo anímannos a empregala: "Fálao, ti que podes!"

mércores, 18 de maio de 2022

Clase con Anxo González Guerra: o Día das Letras

 A noite do venres, desde os tempos inmemoriais é a noite do Luar. Este espazo é unha fiestra á que se abren milleiros de fogares do país. Por esta razón as clases de Anxo González Guerra impartidas desde este programa son unha excelente forma der achegamento da lingua a boa parte da poboación. Ademais do programa dos venres, podedes seguir estas clases desde a canle de You Tube do profesor, tamén coresponsable do portal ogalego.eu. Nesta ocasión o tema principal é o Día das Letras. 

luns, 16 de maio de 2022

Que non apaguen a túa lingua!


 A Asociación Cultural “Vagalumes”, integrante da Plataforma Queremos Galego!, levará a cabo un acto público sobre a situación do galego e a ameaza que supón a nova lei do audiovisual para profundar na súa exclusión deste ámbito. Intervirá o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística Marcos Maceira. O acto terá lugar ás 20:30 h. na sala MOME da Estrada.

sábado, 14 de maio de 2022

Petiscos de ciencia

"Petiscos de ciencia" é un concurso de vídeos de divulgación científica da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC que tivo a primeira convocatoria este ano.Trátase dun concurso semellante a "Explícoche matemáticas 2.0" da CNL da Facultade de Matemáticas.

O primeiro premio foi para este vídeo de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, coordinadas por María José Mato Castro, do IES  Adormideras (A Coruña)

O segundo premio foi para de Manuel Villaverde Framil, coordinado por Manuel Vázquez Mourazos, do IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela)


mércores, 11 de maio de 2022

A poesía de Florencio

 

O cuarto capítulo de 'Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda' descobre a traxectoria poética poliédrica do protagonista do Día das Letras Galegas. O seu percorrido literario abrangue dende unha sensualidade unida á paisaxe do viño da súa terra, Valdeorras, ata a poesía satírica antifranquista e, xa dende o exilio, un feixe de poemas singulares na literatura galega que fan súa a forza tímbrica do léxico náhuatl e a musicalidade do son mexicano.

domingo, 8 de maio de 2022

O exilio mexicano

 Florencio Delgado Gurriarán chegou a México en 1939 a bordo dun dos chamados buques da liberdade. O capítulo 3 da serie sobre o protagonista do Día das Letras Galegas 2022 céntrase na vida do poeta valdeorrés no exilio e no seu activismo na diáspora xunto a outros galeguistas organizados arredor do Padroado da Cultura Galega de México.

venres, 6 de maio de 2022

O compromiso e a guerra


 

O capítulo 2 da serie ‘Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda’, baixo o título “O compromiso e a guerra”, afonda na participación do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 no galeguismo organizado e no papel que desempeñou na resistencia republicana durante a guerra civil.

luns, 2 de maio de 2022

Aquí medra a lingua: Da emoción á competencia

Último capítulo da serie "Aquí medra a lingua"  do Conselleo da Cultura Galega.

No CEIP de Moaña son conscientes de que o uso do castelán no entorno do centro é maioritario e que a transmisión interxeracional do galego dentro das familias hai tempo que non se produce. Por iso promoven o seu uso con actividades cunha importante dimensión emocional, para espertar apego pola lingua e que o alumnado remate a Primaria podendo expresarse tamén en galego.