Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xabier Iglesias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xabier Iglesias. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de xullo de 2011

Sermos Galiza na comunicación

por Xabier P. Iglesias, membro de Galiza Nova, no Xornal:

O peche do Galicia Hoxe fixo que volvese agromar o debate a respecto da necesidade nacional de térmonos uns media propios, que se asenten na defensa e dignificación da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e que actúen como activas palestras para a defensa dos intereses e dereitos do noso pobo.
A conmoción levou ao loito, o loito ao lamento, e o lamento máis unha vez á masoquista tradición da autoculpabilización. Estes días amosaron con crueza a faciana do paralizante sentimento de frustración que provocan nalgúns sectores os fracasos.
Quen estes días clamaba reivindicando unha iniciativa concreta a favor duns media comprometidos co país e a lingua, xa a ten. Onte foi presentada en Compostela a iniciativa social Sermos Galiza que pulará pola creación dun xornal dixital e máis dun semanario impreso antes de fin deste mesmo ano. Medios que ademais se sustenten economicamente na subscrición e nun accionariado popular, situando á sociedade civil galega coma o seu suxeito.
Non é un novo manifesto de denuncia máis. Trátase dunha proposta factíbel, necesaria e valente para deixar de laiarnos e pasar á acción creando medios de comunicación propios na nosa lingua propia. Avante pois con ela!

mércores, 25 de agosto de 2010

Uso e mal uso do galego

por Xabier P. Iglesias, en MundoGaliza:

Estas semanas un brillante artigo do compañeiro Carlos Callón en Galicia Hoxe serviu para dar inicio a un litixio dialéctico a conto do estado de saúde do noso idioma. Desta volta o debate non versaba sobre o retroceso no seu uso social, senón sobre o empobrecemento lingüístico do código.
Vaia por diante que non son filólogo, e que polo tanto véxome obrigado a envolver na prudencia debida as miñas afirmacións e xuízos. Porén, non hai ciencia, tampouco a filolóxica, que non poida ser abordábel por non-especialistas aplicando o mínimo de intelixencia e de sentido común que se lle presupón a calquera.
Na miña opinión o debate está desenfocado porque non se segmentan axeitadamente as diferentes cuestións que o compoñen. Porque se mesturan aspectos, que inda ligados a un tronco común, non son equivalentes e esixen de análises diferenciadas.
Comparto con Callón a evidencia de que a lingua galega está inmersa nun proceso de hibridación lingüística co idioma español, que a deturpa. Coincido en que este feito é un síntoma relevante da satelización do noso idioma, que padece a diglosia cando non a completa exclusión en amplos ámbitos de uso en beneficio do español, e que ademais é un indicador da falta de valorización do propio.
Os castelanismos, e a deturpación castelanizadora no fonético e no léxico, omnipresentes en amplos sectores de galego falantes, son ao igual que a crecente presenza de anglicismos e outros préstamos en linguas consolidadas coma o español, un efecto derivado da superposición, inda que sexa lateral, dun ou varios códigos sobre outros, claramente ligado con fenómenos de superposición cultural.
Os español falantes non empregan anglicismos, coma no pasado utilizaron galicismos, para darse a entender amabelmente a foráneos. As e os galegos non incorporamos palabras e expresións integramente españolas ao uso do noso idioma tampouco por esa causa. Sostelo é como mínimo unha imperdoábel inxenuidade que non ten asento argumental, inda que quen o faga sexa un filólogo como recentemente lin nun retruque ao artigo de Callón.
Ben, é certo. É preocupante a falta de valoración que denota o desleixo lingüístico cando se trata do uso do galego. É certo que determinadas perversidades lingüísticas que se perpetran contra da nosa lingua –mesmo por institucións e autoridades- non serían permisíbeis para outros idiomas (reparemos na ortografía ou na sintaxe…). É ademais, sensato e fundado acreditar en que esta situación está influída, se cadra mesmo determinada, polo feito de non tratarse dunha lingua plenamente normalizada no seu uso e en que debemos facer os esforzos colectivos e individuais necesarios para a corrixir, desterrando os barbarismos que desnaturalizan a nosa fala. Até aí perfecto.
Porén, discrepo da mestura intencionada ou subconsciente deste aspecto se se quer máis académico, científico e/ou filolóxico, con outros aspectos da situación do noso idioma, nomeadamente co relativo ao retroceso (cuantitativo enténdase) no seu uso.
Explícome. É desexábel, e fico certo de que existe unanimidade nisto, que o uso social dun idioma, máxime cando é o propio, sexa o máis correcto posíbel. Pero erramos por completo se no debate presente arredor do noso idioma, situamos en primeira plana e ao mesmo nivel a cuestión filolóxica-normativa e a súa necesaria normalización –entendida esta como proceso encamiñado a estender o uso da lingua propia de cara a súa hexemonía social-. Por iso, pese a me reivindicar como reintegracionista discrepo absolutamente da estratexia social do reintegracionismo.
Que nunha rúa de Vigo che espeten “me das fogo para o cigarro?” pode que resulte aberrante e inadmisíbel desde un punto de vista normativo, como o é escribir “bacacións”. Porén, dada a situación vixente do noso idioma, particularmente acredito en que é merecente de aplauso o esforzo lingüístico do que emana esa aberración fronte á imposibilidade cotiá de vivirmos un só día plenamente en galego na principal cidade de Galiza, por citar un exemplo concreto.
Son esas aberracións as que caracterizan as máis das veces o difícil tránsito das e dos monolingües en español ao galego; e dígoo desde a experiencia propia como neofalante desde os 14 anos. E malia que todas e todos debamos contribuír en axudar a quen comete tais incorreccións, a través da corrección amábel e non do reproche violento,  a través da sedución e non da culpa, o primeiro e fundamental, moi por diante diso, debe ser envolver en apoio e complicidade ese difícil tránsito, que topa con enormes resistencias e dificultades sociais. Antes e primeiro de nada habemos reforzar positivamente a quen decide usar o galego como lingua vehicular.
En que contribuímos á normalización lingüística do galego se ás barreiras sociais, culturais, resultantes da negación colonial da nosa lingua e cultura, lle engadimos tamén a barreira normativa? Eis a cuestión central neste debate.
Como sostén Xose Manuel Pereiro nun recente artigo en El País,  que considero que non contradí o defendido por Callón, eu tamén prefiro falantes dun galego formalmente deturpado á resignación fronte o retroceso imparábel no uso da nosa lingua. Do mesmo xeito que prefiro á viguesa AID no meu MP3 co seu hip-hop en galego que noutro idioma, malia que exista o enxebre xénero da regueifa.
Pode que sexa unha xerarquización resultado da desesperación, mais nesta altura para min debe prelar a promoción do uso sobre a corrección no manexo do noso idioma. Precisamente pola súa importancia para nós como pobo, como nación.

martes, 6 de xullo de 2010

Escenas de auto-odio (2)

Xa puxéramos por aquí a primeira parte, e agora recomendamos, e moito, a segunda.
por Xabier Iglesias, en Vieiros:
Hai días, a miña irmá colleu un taxi nunha céntrica rúa da cidade. Como ela falaba en galego, o taxista, un rapaz novo, preguntoulle se acaso era de fóra. Miña irmá respondeulle que non. Entón o rapaz informouna de que el era de Ponteceso, e subliñou a súa incredulidade afirmando que: “Nesta cidade ninguén fala galego”. Ela, por suposto, respondeulle que agora xa nin sequera os taxistas falan galego.
E tampouco falan galego os policías municipais, os empregados da banca, os caixeiros dos supermercados… Pero non se trata unicamente de que as persoas que atenden o público, por educación, respondan na lingua usada polos clientes, senón que mesmo hainas que pretenden ir máis lonxe e practican a tradución simultánea cando estes usan o galego. Por exemplo, se un cliente despois de entrar no bar di: “Tomarei un café con xeo”, o camareiro, invariablemente, repetirá en voz baixa: “Un café con hielo”. Calquera pensaría que tales apuntamentos resultan incómodos, porque o cliente pode interpretar que o camareiro está a corrixilo. Pero tamén é posible que o home estea asegurándose de ter comprendido ben o pedido para non traer, en lugar do café con xeo, poño por caso, un polo asado.
Non obstante, tamén hai casos en que as dúas expresións, en galego e castelán, non varían con independencia do idioma utilizado. Nesas situacións o camareiro non sentirá a necesidade de traducilas, e cando alguén di: “Por favor, póñame unha tapa de tortilla”, o camareiro non repetirá: “Una tapa de tortilla”, senón que, como moito, asentirá coa cabeza e traerá a tortilla.
Outra situación onde tamén funciona a tradución simultánea ocorre cando un cliente procura identificase co seu nome para, por exemplo, recoller algún obxecto depositado nunha tenda. A conversación transcorre así: “Déjeme un nombre y un teléfono” – dirá o dependente. “Anote; eu son Xoán Carballeira”. Non hai que facerlle. Horas máis tarde, cando pasemos a recoller o trebello, o papel pegado con cinta sobre a caixa dirá que aquel obxecto pertence a un tal Juan Carballeira.
Como corolario destas anécdotas, e sen ningún rigor científico, podemos concluír que os comerciantes vilegos desenvolven un activo labor a prol da normalización da lingua castelá. Mesmo, case estou por afirmar que os encargados de atender o público en Galicia son depositarios dunha misión superior: corrixir as imperfeccións do mundo que os rodea.
Xa que logo, a próxima vez que vostede tome un café con xeo, e máis se ao pedilo utiliza o acento neutro dos neofalantes, mire en fite nos ollos do camareiro: comprobará que, antes de verbalizarse, os arroutos de auto-odio agroman na mirada. E se tal cousa ocorre, quere dicir que con ese acto subversivo vostede ven de perturbar a orde natural das cousas. Saúde e que lle preste o café.

martes, 8 de xuño de 2010

Escenas de auto-odio (1)

por Xabier Iglesias, en Vieiros:

Despois da Guerra Civil, estaba prohibido falar en galego na escola e miña nai recorda que cando alguén teimaba a en desafiar a autoridade do mestre, tirábanlle fóra o idioma a labazadas. Semellante violencia practicada sobre os nenos polos antecesores ideolóxicos dos que agora defenden o pragmatismo da amnesia social, provocou que toda unha xeración desenvolvese mecanismos de protección internos. Así, o galego ficou desterrado da vida social; en particular nas cidades e de maneira especial na relación dos pais cos fillos.
Este é un dos motivos polo cal a maioría dos galegos urbanos menores de cincuenta anos teñen a día de hoxe o castelán como lingua materna. Polo mesmo, moitos deles levan no seu interior un galegofalante frustrado, e hainos que non perden a ocasión de utilizar o idioma cando teñen a oportunidade. Así, por exemplo, cando un destes galegos urbanos acode a un establecemento hostaleiro como pode ser unha casa de turismo rural, normalmente e salvo que o nivel de estrañamento da lingua galega teña acadado cotas preocupantes, procura utilizar o seu galego enferruxado nese lugar.
A conversación inicial entre o galegofalante ocasional e o encargado da casa de turismo rural pode transcorrer como segue: “Bos días, nós temos unha reserva”, dirá, escollendo coidadoso as palabras para non meter a zoca dándolle unha couce ao dicionario. E a continuación escoitará a resposta na boca do encargado: “¿Y a nombre de quién?”. E o galego urbano non entenderá por que teñen que responderlle en castelán se el está falando en galego. Pero todo ten unha explicación.
En primeiro lugar sucede que o galego urbano non ten acento galego e constrúe as frases con sintaxe castelá e no hotel, pensando na súa comodidade, pretenden axudalo falándolle en castelán: como un faría cos nenos, para entendérmonos. Ademais, o encargado do establecemento sente a necesidade de dicirlle: “Seica non sabe que aquí tamén falamos castelán? Estes señoritos pensan que non temos mundo ningún”. E do mesmo xeito que o galego da cidade procura practicar o seu galego, o galego do interior esfórzase por utilizar o castelán: “¿Encontró sin dificultad la Avenida de la Tierra Llana como le dije en el correo?” (Asegúrolles que teño escoitado tal cousa na boca dun hostaleiro).
En diante e durante todo o tempo que permaneza no hotel, o falante ocasional vivirá unha situación esquizofrénica. El pensa que unha vez identificado como galegofalante diante dos responsables do hotel, debe continuar expresándose en galego con eles. Coa súa familia, non obstante, empregará o castelán como adoita facer decote. Tamén as respostas que recibe da parte dos traballadores da casa son en castelán. Por último, e para acabar de complicar as cousas, os empregados da casa falan galego entre eles. E, agora si, o hóspede non entenderá nada e pensará que mellor tería feito pasando as vacacións en Asturias.
O sentimento de auto-odio non é máis que a manifestación dun profundo complexo de inferioridade. Prometo contarlles novos casos de auto-odio outro día.

martes, 16 de marzo de 2010

Os praceres cativos

por Xabier Iglesias, economista e escritor, en Vieiros



Adoezo por comer pementos con tortilla de pataca, acompañados de viño da Ribeira Sacra. Cando neno, tamén gozaba co recendo dos libros de texto os primeiros días de escola. Aventaba as follas diante do nariz mentres uliscaba neles. Son cousas que forman parte dos praceres cativos: intres, algúns deles cotiás, que axudan a soportar mellor os momentos menos agradables.


Teño que confesar que experimento outro do praceres cativos cando paseo polas rúas da Coruña e sorprendo unha conversa en galego entre a xente nova. Non é algo habitual. O galego non forma parte dos símbolos onde a xuventude sabe recoñecerse como grupo. Os que si teñen costume de falar galego son os vellos. Pero fálano entre eles, como un código agochado, e cando tratan cos netos ou cos fillos mudan o rexistro lingüístico. Claro que tampouco os vellos teñen a culpa. O éxito dos Bilingües, os que antes acompañaron a ditadura e agora a democracia, consiste en ter instalado entre as capas medias da sociedade a indiferenza pola lingua galega; o cal implica estar un nivel por debaixo hostilidade, pero ao cabo resulta máis prexudicial.

Con todo, a boa noticia está en que todo o mal que podían facer estes Bilingües, fixérono xa. De nada han servirlles as novas agresións, pois a medicina administrada en exceso provoca rexeitamento no organismo e as súas propostas producen o efecto contrario do que eles agardan. Pero non podemos esquecer que todo o veleno transmitido durante anos segue no corpo da sociedade, e a indiferenza pola lingua non desaparecerá malia desaparecer eles.

Resulta curioso comprobar como hoxe en día, cun uso do idioma galego normalizado no sistema educativo, boa parte da xuventude urbana ve na presenza do galego no currículo unha imposición académica, máis que o exercicio dun dereito. Este sentimento abonda na desafección dos novos polo idioma. Cousa que non resulta estraña, pois fóra das aulas, nas cidades, o galego leva camiño de se converter nunha lingua exótica. E a proba témola entre os triunfadores: deportistas ou empresarios por exemplo, onde tamén acabou calando a estratexia do bilingüismo monolingüe.

E tamén os pobos urbanos que rodean as cidades ofrecen idéntica diagnose. Quen visite Oleiros, Cambre, Mera, Sada ou Santa Cruz terá as mesmas dificultades para atopar galegofalantes entre a xente nova como na Coruña ou en Vigo. Xa que logo, con estes antecedentes non é aventurado supoñer que a presenza do galego nas cidades será testemuñal á volta de vinte anos. Todo o máis, acabará reducido ao uso de palabras soltas ou castrapeado en expresións como “un besiño” ou “hasta lueguiño”, que hoxe escoitamos polas rúas.

Quizais haxa quen pense que o meu temor é inxustificado, senón abertamente alarmista. É certo que o galego ten sobrevivido á intolerancia, primeiro, e despois ao desprestixio. Por que non ha vencer tamén contra a indiferenza? Quen sabe. Pero sería unha mágoa non darlle valor ás cousas até perdelas definitivamente.

Entre tanto, faga coma min e goce vostede dos praceres cativos. E non deixe que o amarguen os de sempre.