Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de maio de 2010

En galego tamén se fai ciencia.

En galego tamén se fai ciencia é unha campaña promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística. As tres universidades galegas unidas polo galego.
Lembremos que o criticado decreto de plurilingüismo establece que no ensino no universitario as matemáticas, a tecnoloxía deberían impartirse en castelán. Para que?
Pois aquí temos as tres universidades tomando posición.
Texto da campaña: A defensa do galego vai máis alá do seu emprego literario ou da reflexión lingüística.
A defensa do galego inclúe tamén o seu uso cotián en todos os ámbitos da sociedade.
En espazos específicos de investigación, hoxe en galego tamén se fai ciencia




En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Na Nosa Terra informan da presentación da campaña por membros das tres universidades: O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé María Barxa; a secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Isabel García, e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area. Este último sinalou que a campaña, centrada un vídeo que se difundirá a través da páxina web "En galego tamén se fai ciencia", busca "transmitir a normalidade de empregar o galego tamén na ciencia" e defendeu o uso deste idioma "nestes tempos nos que algúns pretenden que se use para falar con galiñas, porcos e cans", apuntou.

Ademais, cualificou de "doma" e "castración" do galego as últimas medidas en materia de lingüística e asegurou que a iniciativa "suxire á sociedade explorar outras vías" fronte ao que considerou "políticas claramente equivocadas", engadiu.
Para ver máis vídeos, preme aquí.

Quitémoslles a carauta!

por Farruco Graña, profesor, en Vieiros
Un volcán durmido, iso parecía ao longo dos últimos trinta anos, anda a cuspir moreas de lava mentireira que anubran a paisaxe do noso país. De novo os nugalláns da verba espuria, de uso arteiro e traizoeiro, queren envelenalo todo cun manto uniformizador e gris. Teñen como obxectivo fundamental, antes con certo disimulo, agora con toda a fachenda, denigrar a nosa lingua. Fan da ignorancia un xeito de vida e gábanse de non saber e non querer aprender o galego.
Ata tal punto chegou a súa orxía trapalleira que o mesmo señor Feijoo viuse empurrado a matizar tanto despropósito. Nunha ocasión atopouse cunha persoa, empeñada en inventar pantasmas come-nenos-e-nenas castelán falantes, que insistía en que “castrapeiro” é un termo despectivo cara ás xentes que se expresan na lingua de Cervantes. Como se durante toda a vida as persoas que falaban galego ridiculizaran e discriminaran ao avogado da Coruña, o médico de Santiago, o militar de Ferrol ou Pontevedra, ou ao madrileño que empregaba a súa lingua, chamándolles “castrapeiros” cun ton pexorativo. Preso da súa mentira, o señor Feijoo tampouco puido, nin quixo, desvelar a verdade. Limitouse a comentar que: “Castrapeiro dícese del que habla mal una lengua”.
Canta fineza para ocultar tanto desprezo! É de supoñer que a máis dunha persoa lle virían as bágoas aos ollos lembrando as humillacións sufridas por non falar na lingua do imperio coa dicción debida. Pero ao señor Feijoo, e á caste de vergalláns que lle fan os coros na cuestión da lingua, iso nos os conmove. Moito aramio e pouco corazón.
O sarcasmo que coroaba este sainete era esperpéntico. Quen con tan pouco rubor estaba a deturpar a realidade de xeito tan mesquiño pretendía con ese comentario atacar ao brazo executor da política lingüística do actual goberno galego, o señor Anxo Lorenzo. Nesta parodia inmisericorde que deosta día a día a nosa lingua participan distintos actores de procedencia ben diversa. Pero todos a unha pivotan en torno a un obxectivo común: xustificar e levar á práctica unha política regresiva como nunca se fixera ata o de agora co noso idioma.
Que xentes alleas aos intereses do noso país participen desta farsa ten sentido. Canto menos valoremos o noso, menos caso nos farán e menos contaremos no taboleiro político, económico, social e cultural do noso contorno. Nos anos 80 ben caro o pagamos. Agora ben: que os nosos actuais gobernantes se deixen enlear por unha actitude intolerante e intransixente dunha minoría moi determinada non ten sentido ningún. É dunha miopía política de grande calado que só a soberbia do vencedor pode ocultar. Pero o tempo ha desvelar a verdade. O tempo… e a nosa reacción cívica. A de todas as persoas, da ideoloxía que sexa, que consideremos unha aldraxe o ataque que está a sufrir o noso principal sinal de identidade. Tal e como nos anos da transición reaccionamos cando nos quixeron reducir a unha autonomía de terceira división, tamén agora debemos facer valer o propio cunha defensa clara do noso principal sinal de identidade: a lingua de todos e todas nós. Fagámola valer día a día co seu uso espontáneo e cotián. Fagamos tamén dos nosos centros de ensino o seu principal foco de difusión entre a nosa mocidade; o noso futuro, o da nosa lingua.

O pero de Jesús Vázquez Abad, o adversativo.

Entrevista a Jesús Vázquez Abad, conselleiro de educación, no diario El País no día de onte.
Poderíamos pegar aquí a entrevista enteira... pero como este é un blogue de defensa da lingua galega, preferimos deixar a ligazón para quen a queira ver.
Tamén poderíamos deixar a cousa así... pero preferimos destacar un anaquiño da entrevista, para que vexamos por onde van os tiros.

P. ¿Le preocupa el abandono del gallego de los jóvenes?
R. Sí, llevamos más de 100 medidas del Plan de Normalización Lingüística en marcha. Y vamos a seguir trabajando para poner en marcha cientos de medidas. Pero desde que sólo existía la asignatura de gallego tres horas en semana, desde entonces, el gallego sólo hizo incrementarse en las aulas.
P. Hasta ahora.
R. Sí, ¿pero qué ha pasado? Ha bajado su uso. Pensar que el uso del gallego depende del aula es un error. Se intentó focalizar la dinamización del gallego sobre la enseñanza y provocó un rechazo amplio y no puedes poner una política lingüística en contra de la sociedad.

Está claro que a negra é nosa. Pero o  "pero" é de Jesús Vázquez.
Hai alguén que entenda o pero de Jesús Vázquez?
Di que desde que só se impartían tres horas semanais de clase en galego, a presenza deste incrementouse continuamente nas aulas. Pero antes de impartirse tres horas, non se impartía ningunha. Debería dicir entón: pero desde que non existía o galego nas aulas... Aclarado isto, cal é o sentido do pero de Jesús Vázquez? "O galego estaba desaparecido das aulas, pero non fixo outra cousa que incrementarse", está claro que o conselleiro está a lamentarse do incremento do uso do galego no ensino, pero non hai problema, a solución é doada.
Hai un segundo pero, pasemos a analizalo no seu contexto. Incrementouse o uso do galego nas aulas pero en xeral o seu uso baixou, di Jesús Vázquez. Curioso pero porque contrapón o incremento nas aulas á diminución global, a conclusión perversa da mente do conselleiro é que o incremento do galego nun ámbito merma as súas cifras a nível xeral. Isto faime lembrar a un profesor de bioloxía que almorzaba con leite destnatado porque tiña o colesterol moi alto, pero, dicía el, como non me baixa volverei a  tomalo enteiro. Claro, non se decataba de que o par de croissants cos que acompañaba o almorzo podían influir algo nos resultados das analíticas. O pobre profesor disfrutaba co leito enteiro pero fixo un difunto moi novo. Son os perigos de usar o razonamento adversativo.

O único assisado em tais circunstâncias é a discriminaçom positiva.

Entrevista a Carlos Velasco Souto, historiador, no Galicia Hoxe
Carlos Fco. Velasco Souto (Tomeza, Pontevedra, 1958) é doutor em Geografia e História pola Universidade de Santiago de Compostela e professor titular de História Contemporânea na Universidade da Corunha. Investigador especializado em temas de história social da Galiza é autor de vários livros e numerosos artigos em revistas especializadas. As suas obras de mais relevo som: A sociedade galega da Restauración na obra literária de Pardo Bazán (1875-1900), Pontevedra, Gáficas Portela, S. L., 1987; Agitacións campesinas na Galiza do século XIX, Santiago, Eds. Laiovento, 1995; Labregos Insubmissos, Santiago, Eds. Laiovento 2000; Galiza na II República, Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2000; O Agrarismo Galego, Santiago, Eds. Laiovento, 2002; 1936 Represión e Alzamento militar en Galiza, Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2006. Em colaboraçom com outros autores tem publicado La Compañía de Tranvías de A Coruña (1876-2005). Redes de transporte local, Madrid, 2006.
No âmbito da reconstruçom da nossa memória histórica democrática publicou recentemente A represión franquista en Oleiros (1936-1950), Oleiros, Ed. Trifolium, 2008; e assimesmo colaborou no volume colectivo A fuxida do Portiño. Historia, memoria e vítimas, Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2009.

Carlos, ti cres que o franquismo está totalmente desaparecido ou pola contra aínda subxace o veleno fascista nos "herdeiros que agora, sen enrubecer, se autocualifican de demócratas… Cal a respecto desta miña pregunta é a túa resposta ou reflexión?
O franquismo é vivo e bem vivo. É claro que subjaz esse veleno de que falas na ultra-direita espanhola neofascista virada democrata de toda a vida. Tenho para mim que o PP nom é mais que fascismo reciclado. Nom há mais que ver como fachendeiam com o seu aquel de presunta "superioridade", negando-se a qualquer revisom do passado antidemocrático de que procedem. Mas tampouco tenhem problema em quitar a máscara quando cómpre, por exemplo apoiando e promovendo canalhadas de puro corte criminoso com a guerra de Iraq, colaborando no assassinato de milhons de pessoas indefesas.

O franquismo perseguíu asañadamente o galeguismo, o idioma nacional galego, e os seus herdeiros vernizados de "modernidade" aínda o seguen perseguindo, non hai máis que ver o "Decretazo" deste goberno do PP, naturalmente español, que é unha vergoña, un ataque frontal ao galego propio do auto-odio, e dos lingüicidas. Concordas con esta miña breve reflexión?
Cuido que o PP (organizaçom à que adoito referir-me como os fascistas) está a exteriorizar neste ponto os complexos e auto-ódio próprios de um sector muito amplo da sociedade galega. Só que agravados agora pola imposiçom de um ultra-nacionalismo espanhol cavernário e excluinte com forte peso na sua direcçom de Madrid, que é a que ordena agir desse jeito a Feijóo e os seus. Estes, como bons cipaios, obedecem, mas provavelmente nom se teriam metido de seu em semelhante lieira.

Co "Decretazo", por máis que diga Anxo Lorenzo, ese "raro independente" secretario xeral de Política Lingüística, perpetúase a diglosia. Eu entendo que dada a situación actual do galego, e aínda así non deixará de ser difícil, o normal sería a discriminación positiva a favor do galego, claro, con esta paridade o Decreto do PP. Paréceme un disparate sen pés nin cabeza, un rexoubeo, algo propio da estolidez ou ignorancia. Cal é a túa opinión, Carlos?
Coincido inteiramente contigo. O único assisado em tais circunstâncias é a discriminaçom positiva.

O trilingüismo, nunha situación como a nosa, cheira a disparate, non che parece?
A disparate total. Nom conheço precedente nengum por aí fora. A mais, a quem se lhe ocorre dar à língua própria o mesmo tratamento que a umha estrangeira? Que se deixem de moê-la; o único que interessa a esses senhores é salvaguardar o predomínio do castelhano (única língua, aliás, que muitos dos seus mentores sabem falar, caterva de ignorantes!)
Cambiemos o terzo. Falemos da nosa historia máis recente. Teño diante de min A represión franquista en Oleiros (1936-1950). O teu libro libéranos e aclara moitos baleiros, moitas arañeiras, en calquera caso aínda quedan episodios que peneirar, non si?
Muitos, sim. Ainda bem que já imos tendo um conhecimento cabal de todo esse período… Mas ficam por reconstruir muitas histórias e muitos dramas particulares e colectivos; e nom digamos responsabilidades culposas.
A entrevista continúa no Galicia Hoxe tratando este último tema.

A CONGAPA e a nosa lingua

por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, no Galicia Hoxe
Esta semana pasada soubemos xa os artigos definitivos que configuran o decretazo contra o galego, unha vez que se publicou no Diario Oficial de Galiza. Ademais, segundo se soubo tamén estes días, se non se coñeceu antes a redacción última do decretazo non se debeu -desta vez- ao escurantismo do PP na cuestión. Parece que o que pasou foi que a norma recibiu a aprobación no Consello da Xunta antes mesmo de estar redixida, o cal sería unha nova irregularidade ás moitas que hai que sumar no proceso de elaboración e aprobación deste enganosamente chamado "decreto do plurilingüismo". Ou é que o Consello da Xunta pode darlle o visto e prace para a publicación no DOG a unha norma legal que aínda non está totalmente terminada, á que lle faltan aínda algúns artigos por escribir? Son moi precisos, tamén aquí, ben de luz e ben de taquígrafos.
Nos tribunais
Na súa concreción final, a norma mantén todos os trazos fundamentais que levaron ao seu rexeitamento polo Consello Consultivo, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, así como das diferentes organizacións representativas das comunidades educativas. Por iso nada máis saír publicado o decretazo no DOG xa foron varias as entidades que anunciaron que van presentar recursos para o tombaren nos tribunais. Ábrense así varios procesos xudiciais paralelos, que se suman á vía da denuncia internacional, nomeadamente ante o Consello de Europa.
Hai que subliñalo máis unha vez, porque é un feito moi grave. Non se coñece outro goberno democrático en todo o mundo que leve a cabo unha reforma educativa de tanto calado como a que está a facer Alberto Núñez Feijóo a nivel lingüístico en Galiza sen contar coa opinión de sindicatos, organizacións estudantís e asociacións de nais e pais. Lembrémolo: o decretazo nace rexeitado por todos os sindicatos do profesorado, por todas as agrupacións de estudantes con presenza e actuación no noso país e por todas as asociacións e federacións de nais e pais, agás unha. Esa excepción é a CONGAPA, a sucursal galega da CONCAPA, a Confederación Católica Nacional de Padres de Familia y padres de Alumnos. Que esta entidade de nais e pais de centros católicos apoie a norma non debe levarnos a engano, pois nin os sindicatos con presenza nestes colexios e institutos, nin a propia federación dos 125 centros católicos de Galiza están de acordo con esta medida unilateral que impón o goberno de Núñez Feijóo.
A remolque
Se analizamos un pouco a evolución da postura da CONGAPA a respecto da presenza do galego no sistema educativo, veremos que nos últimos anos actuou a remolque da opinión que en cada momento tivese o Partido Popular. Así, cando na última lexislatura de Manuel Fraga Iribarne se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, onde se falaba de impartir en galego a materia de matemáticas e de garantir un mínimo de presenza do 50% do noso idioma nas aulas, os portavoces desta confederación aplaudiron a proposta.
Quen procure nas hemerotecas, verá que cando o PP participou coa Consellaría de Educación do bipartito na presentación do novo decreto de fomento do galego que este partido tamén negociara, a CONGAPA tamén saíu adheríndose á nova norma. A promoción do galego nese momento estaba ben, non habería problema por incorporalo a novas materias, o 50% era de xustiza...
Mais cando, ao cabo de tres meses, o PP trasacordou e comezou a rexeitar o decretazo, a CONGAPA seguiuno. De feito, seguiu até tal punto o discurso de atacar o galego que algún dos seus portavoces (José Ramón Hermida) chegou a soltar esta xoia o ano pasado pola súa boca: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder".
No proceso de elaboración do decretazo, a CONGAPA tamén foi mudando de postura, segundo o punto onde puxese o seu acento nese momento o Partido Popular. Cando o presidente da Xunta dixo na véspera de fin de ano que o novo decreto ía basearse na aprendizaxe do inglés, todo foron louvores a esa idea. Desde a CONGAPA asegurábase que eles apoiaban a proposta porque era necesario garantir a aprendizaxe do inglés.
Cando se demostrou cantas sentenzas en contra acumulaban algunhas das ideas que o PP tiña a este respecto e se puxo o acento na idea da "elección dos pais", ese pasou a ser o seguinte punto polo que a CONGAPA se adhería ao decretazo. Se o PP pasaba a falar tamén na súa propaganda, e tras as inmensas mobilizacións sociais, dun 50% de galego nas aulas, entón esa cifra había que apoiala de novo.
O tema da suposta "elección das familias" é interesantísima. Porque o pasado 14 de maio a CONGAPA dubidaba de que puidese ser inconstitucional esta escolla, que apoiaban con fervor. No entanto, seis días despois, cando Alberto Núñez Feijóo presentou os trazos definitivos do decretazo, tras o Consello da Xunta semanal que aprobou esa norma que aínda non fora redixida, a CONGAPA volveu mudar de opinión. Xa que o presidente do Goberno galego anunciaba que non ía haber consulta (ou pseudoconsulta, máis ben) en primaria e en secundaria, Jorge Villarino, o presidente desta confederación de nais e pais de centros católicos, pasou a sinalar que esa posibilidade de escolla de materias nesas etapas "non aportaba gran cousa" (sic).
O que vemos, pois, é que a CONGAPA, a única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo, non seguiu en ningún momento ningún criterio pedagóxico nin racional de ningún tipo á hora de adherirse ás propostas que sucesivamente foi realizando o PP ao longo destes anos. Nin tan sequera -hai que dicilo- seguiu ningún criterio sustentado en pensar de forma seria e responsábel que sería o mellor para a educación dos seus fillos e das súas fillas. A única razón que guiou as sucesivas mudanzas de postura desta confederación (mesmo con algún cambio tan abrupto como o que experimentaron entre os días 14 e 20 deste mesmo mes de maio) foi servir de respaldo político para o partido ao que tan estreitamente se vincula.

“A esperanza para o galego é o pobo, non os políticos”

Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo, no Xornal de Galicia.
Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) reúne na súa última obra, Feijóo, o galego e nós, artigos publicados na prensa galega entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010. Todos, entre os que se inclúen varios de Xornal, serven para colaborar na “acción popular de intervención” contra a política que o PP de Feijóo exerce contra o galego.
Cal é o obxectivo da obra?
Contribuír, xuntamente con outros libros dunha liña semellante, coa sociedade civil que está respostando contra o ataque de Feijóo e o seu Goberno contra a nosa lingua. A idea é contribuír a esa actitude civil de resposta a unha agresión. Este é un libro de intervención, pero con valores literarios porque colaboran sinaturas moi importantes do país. Hai un nivel literario moi alto.
Só quedan autores e a sociedade civil na defensa do galego?
É que cada vez confío menos nos políticos, que lle vou facer! Cada vez creo máis na forza da sociedade civil, do pobo. Non me sinto representado polo PP, pero tamén desconfío do panorama político na dereita e tamén na esquerda deste mundo occidental capitalista. Creo máis na xente, e os escritores e intelectuais formamos parte deste colectivo. Esta é a miña confianza, a miña esperanza.
Esta resposta cívico-literaria ten precedentes noutros lugares?
Imaxino que ao longo da historia, as vangardas e a sociedade civil actúan contra a imposición colonialista, contra a glotofaxia da que fala Xosé Manuel Beiras. En Cataluña están nunha situación semellante, aínda que non tan dramática coma a nosa, pero están tamén porque a estratexia do PP esténdese a toda España; hai unha misión recentralizadora. Iso si, alí os defensores da lingua son máis, evidentemente.
No ámbito da lingua, quen nos dese ser Cataluña...
Nalgúns aspectos si, pero somos quen somos. Eu tampouco teño complexo de ser galego, temos unha historia diferente e témolo máis difícil. Se cadra, nese sentido, temos máis mérito ca eles. Nós non contamos co apoio da burguesía, agás certos sectores ilustrados.
Falta o consenso arredor da lingua que si hai en gran parte da política catalá?
Por sorte, parece que en Galicia tamén se chegou a un consenso das forzas progresistas e que o PSOE está disposto a apoiar a defensa da lingua, pero xa veremos como actúa no futuro.
Foi ese o grande erro das forzas progresistas?
Si, efectivamente, e creo que o bipartito estaba un pouco coutado por esa falta de cohesión co PSOE en relación coa lingua. Actuaron, na miña opinión, con excesiva prudencia na normalización, na loita política pola normalización do idioma.
Nos artigos do libro insístese moito na perversión dos termos ao falar do galego.
O concepto de liberdade está a ser usado pola dereita nos últimos tempos cunha enorme deportividade, debe ser unha consigna que teñen. Teñen unha visión da liberdade certamente curiosa e ácrata; queren liberdade para non cumprir as leis. Tamén falan de imposición e ese concepto, aplicado ao uso do galego nas aulas, é cínico porque saben perfectamente cal é a situación nos centros. Ademais, as leis hai que impoñelas, non hai outro xeito. Ou non é imposición o control de alcoholemia? E a Lei de Costas? Desgrazadamente, o galego por vía de imposición legal non conseguiu o seu obxectivo durante os catro anos do bipartito e mesmo está a recuar... É falso, é mentira ese diagnóstico da imposición do galego nas aulas.
Tamén se desprestixia a inmersión.
A inmersión non é máis que unha proposta pedagóxica, pero utilízana como sinónimo de afogamento. Eles mesmos, desde a Xunta, propoñen a inmersión en inglés, bolsas para Inglaterra... O cinismo, neste caso, é escandaloso.
No entanto, ese discurso calou.
A verdade é que si logran convencer e enganar a boa parte da sociedade, que está desinformada. Ademais, coinciden moitos medios de comunicación neste labor de desinformación ou de información nesgada. Falta cultura política e conciencia crítica. Logo de 40 anos de ditadura, hai boa parte da sociedade que non adquiriu condutas democráticas; aínda hai moita censura e moitos medos.
Tamén se critica a relevancia que se lle deu a un grupo minoritario como Galicia Bilingüe.
Os medios que lle deron cancha a Galicia Bilingüe (GB) están na mesma banda ideolóxica do PP e na práctica funcionan como GB. Chámanse bilingües ou reciben subvencións por escribir en galego e non o usan ou fano en cantidades ridículas. É o bilingüismo do monolingüismo. Claro que son bilingües, bilingües para elixir entre castelán e español. É algo esperpéntica a situación de GB e case dramático o eco que se lle deu na prensa a unha manifestación ridícula, pero tráxica, porque alí estaba tamén a Falange.
Hai quen di que o de GB é unha estratexia perfectamente planificada polo PP.
É tan perversa a política profesional... Non sei se hai unha estratexia, pero o que si é verdade é que soa a película de cinema negro, de espionaxe. Non o acabo de entender.
Non hai risco de que a mobilización a favor do galego acabe decaendo no futuro?
As mobilizacións próximas no tempo desgastan, así que haberá que ir distanciándoas entre si e ensaiar outros métodos. O que si creo é que hai unha porcentaxe moi importante, non sei se numericamente pero si desde o punto de vista da conciencia de país, que non está disposta a ceder. Baixará o número, pero non a intensidade e a conciencia. Hai tamén moitos castelanfalantes que están alporizados con este proceso de desprezo da lingua que promove Feijóo.
Na lingua, estabamos mellor con Fraga?
A min dáme moita rabia concederlle algo a Fraga, pero a súa estratexia, desde a perspectiva da dereita franquista, foi máis intelixente. Soubo ocupar o espazo do galeguismo moderado, ou rexionalismo, e gañou militantes. Feijóo está conseguindo o contrario, alporizando a xente do seu propio partido que ten unha relación moi natural co galego. O que pasa é que son tempos distintos e en España hai outra estratexia, como desterrar o Estado das Autonomías. É unha volta á recentralización, á unidade de España. Escápaseme a onde quere chegar este señor; se cadra a Madrid, iso é o que din.
A postura de Feijóo pode ser comprensible, pero a de Anxo Lorenzo...
Eu iso xa si que non o podo comprender. A única explicación para entender o de Anxo Lorenzo é a ambición, a ambición de colocarse nun cargo político de importancia en Política Lingüística. Unha ambición desmedida e enfermiza porque é alguén que é capaz de mudar da noite para a mañá, xa non a súa posición política, senón as súas teses profesionais como sociolingüista. Eu creo que cavou o seu propio oco negro para o futuro, porque cando regrese á Universidade, levará enriba unha lousa de desprestixio profesional absoluta. Non podo entender esa reviravolta como consecuencia da ambición. A ambición non é negativa, pero cando a ambición é de tal intensidade que chega a perturbar a túa propia visión da realidade, hai que cualificala como enfermiza e perigosa para el e para os demais, para os que confiaron no seu traballo.
Está o galego en perigo de extinción?
Non teño ningunha dúbida. Os meus alumnos non falan galego, ningún. En Vigo os cativos non falan galego, é evidente. Antes, polo menos falaban galego cos profesores na aula, pero agora resulta que se lles outorga absoluta liberdade para falar o que queiran. En que falan? Pois o castelán. A loita pola normalización do galego no ensino é urxentísima, pero non suficiente.
Pero na escola é clave.
É clave, sobre todo na etapa infantil, onde a desprotección do galego é absoluta. Que a Xunta decida a partir dos informes do centro a lingua maioritaria é perverso. Que lingua van elixir os pais desgaleguizados que falan entre eles en galego e se dirixen aos cativos en castelán? Non sempre a resposta dos pais será auténtica porque estará contaminada por esta deriva consolidada politicamente do galego como lingua de paletos e o castelán como lingua fina e de éxito. Este é o espírito do decreto.

domingo, 30 de maio de 2010

Meubook: portal galego de lectores, librarías e editores

A posta en contacto de autores, lectores, libreiros e editores será o obxectivo de Meubook, unha plataforma dixital que comezará a funcionar en xullo. Un catálogo en liña, a impresión baixo demanda e mesmo unha rede social na que interactuarán todas as pezas deste universo dixital serán algúns dos servizos que ofertará este portal de internet nacido en Galicia.
"A plataforma integra aos distintos elementos da cadea de valor do libro: editores, impresores, distribuidores e libreiros", explican.
Incluirá unha libraría virtual para a venda e distribución de libros, servizos de consulta, descarga de arquivos, edición a demanda, personalización de publicacións e xestión de vendas. Tamén pretende ser operador de arquivos de bibliotecas, museos e fundacións, alén dos seus servizos para particulares como asistente de maquetación de libros álbumes de fotografía. O laboratorio de Redes da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico e de Telecomunicacións de Galicia encárganse do desenvolvemento técnico do proxecto.
Para as librarías, Meubook achegará as tendencias do mercado e os gustos do público. Ao mesmo tempo, estas empresas contarán co seu propio espazo na plataforma e xestionarán a venda de facsímiles e produtos personalizados. O proxecto de Meubook está impulsado por varias empresas do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, varias institucións e editoras españolas e o seu desenvolvemento técnico corre a cargo da Universidade de Vigo.



Fonte: As Gabarras, e Vieiros

O teatro contra o galego.

Acabo de ir ver unha obra de teatro que é unha perla, "Master Class", todo un tratado sobre a arte, o teatro en especial. A actriz, Mabel Rivera, unha marabilla, perfecta. Para recomendarlla a todo o mundo. No entanto toda cara ten a súa cruz. Neste caso dúas cruces. A primeira: a escasa asitencia, apenas 60 butacas ocupadas. A asociación de comerciantes local repartira polo menos 20 entradas, pero das dúas filas reservadas para os ganadores das mesmas, só había tres ou catro prazas ocupadas. Todo o contrario de cando veñen grupos de teatro madrileños ou zorollos tales como "Un morto moi vivo", que é un atentado e un desprezo á nosa cultura , encheu a mesma sala varias veces. Unha pena.
Pero este bloque non está pensado para tratar de teatro, nin tan siquera de literatura en xeral. Imos ao noso, a segunda cruz. Menos mal que cheguei tarte e non me dou tempo a pensar se debía marchar antes do comenzo da obra de teatro. O problema estaba no programa de man, unha atrocidade contra o galego. Non sei que o escribiu e non entendo como é posible que o distribúan. Van de seguido as animaladas que aparece nun texto de non máis de quince frases. Transcribo literalmente.
Se xunta en María Callas unha capacidade de actriz....
Con a Callas pódese chegar a todo esto con gran facilidade, porqué todo fica innato nela, pero con un control, ....
El ofréceme as verbas, eu as achego ao corazón...
o fraxil istrumento vasallo da súa mán,...

sábado, 29 de maio de 2010

Máis zapatillas, máis galego




A campaña do CEIP de Aguiño complétase con estas pegatinas. Non podiamos deixar de pegalas aquí.

É difícil poñer unha foto de alguén que está a falar en galego de forma que cando se mire a foto se comprenda que é iso o que están facendo. Os do CEIP de Aguiño conseguírono, parabéns, velaquí están, falando en galego.

Unha última cousa: a quen lle tiran a zapatilla?

Síntete como na túa casa: fala sempre en galego

Que fan aquí todas estas zapatillas?, ou como dirían en Aguiño, que fan aquí todas estas rusas?











Excelente campaña do CEIP de Aguiño:
Trátase de sentírmonos como na nosa casa, falando sempre en galego.



'Os tradutores automáticos empeoran a calidade do galego'

Entrevista a Henrique Harguindey Banet, na Nosa Terra:
Henrique Harguindey Banet, catedrático de Francés, tradutor e escritor de distintas obras de literatura popular galega, vén de sacar do prelo 'Desaprenda a falar galego en 15 días cos erros dun tradutor automático' (Edicións Laiovento). Neste libro, que xa se atopa nos andeis das librarías, debulla as grallas derivadas do uso desta ferramenta informática
Cales son os erros máis comúns dos tradutores automáticos?
Cómpre ter en conta que hai tradutores de maior e menos calidade, pero, en xeral, sempre se dan confusións. A máis frecuente é a que se deriva dos distintos significados cos que pode contar unha palabra. En galego e castelán existe “planta”. En francés, existe “plante” (vexetal ou parte do pé), pero cando queremos referirmos a “nivel”, en francés emprégase “étage”, e non “plante”. Para traducirmos ao galego “sueño”, temos “soño” e “sono”, que son empregadas polo tradutor indistintamente malia teren significados diferentes. Depende de como os técnicos carguen estas verbas no tradutor.
Vostede refírese a erros “case inevitábeis” e a erros “evitábeis”.
Os inevitábeis aparecen por culpa de cruces da información, como na tradución “ateigado” por “atestado” cando esta última é substantivo e non adxectivo. Os evitábeis son aqueles que se producen porque a información foi mal introducida no tradutor. Un exemplo, “achaiadura” (urbanística) –tradución de “planeamiento” (urbanístico), en vez de “plano” (urbanístico). Ademais dos erros espectaculares, como Desván de los Monjes, existen outras grallas que chaman menos a atención, como a falta de concordancia, plurais inventados, pronomes persoais mal empregados...
Pódense evitar estas grallas?
É unha cuestión de control e de mellora da información. No caso dos erros inevitábeis cómpre contar cunha persoa que revise os textos. Non se pode verter tal cal a información e publicala sen máis, e menos en casos como nos medios de comunicación ou nas oposicións (como aconteceu o pasado ano nunhas probas da Xunta). O tradutor fornece unha primeira aproximación ao texto, pero é indispensábel revisalo. Trátase dunha ferramenta moi útil, pero hai que empregala con moito tino.
Como lle afectan á lingua galega estes erros?
Inciden moi negativamente na lingua se se lles dá entrada. Un tradutor reduce as posibilidades reais do idioma e pode introducir características alleas, sobre todo cando se trata de linguas semellantes. No caso dunha tradución entre o castelán e o galego introdúcense trazos do español como o “leísmo” e fíltranse outros do galego, como o infinitivo conxugado.
Que outras características do galego se perden ao usar o tradutor?
Ademais do infinitivo conxugado, pérdese o dativo de solidariedade. O tradutor nunca vai dar como resultado “paseiche moito frío” porque en español non se utiliza “te pasé mucho frío”. Tamén se perden toda a serie de sufixos expresivos ou diminutivos, como “tristeira”, “morriñenta” ou “choviscaba”. Trátase dunha expresividade propia do galego que ao partir doutra lingua para traducir vanse perdendo.
No libro fala da españolización do galego. A que se debe?
Sobre todo, ao léxico. E non só é culpa da ferramenta informática, tamén de quen se encargada de introducir nos tradutores a información. Estas persoas acoden a dicionarios normativos e, ás veces, elixen a forma menos galega da palabra. Entre “arrolo” e “nana”, escollen “nana”, ou entre “medrar” e “crecer”, escollen “crecer”. Isto acontece porque a normativa dos últimos anos recolleu palabras que, malia ser válidas en galego, non son tan senlleiras como as de sempre. Hai toda unha serie de léxico patrimonial que está a desaparecer. O léxico patrimonial vén substituíndose polo léxico que é común ao castelán. Xa non se emprega “silvas”, senón “maleza”.
Á vez considera que isto supón “perda de identidade”.
Se se incorpora toda unha serie de mecanismos alleos, vanse perder os propios. Os tradutores comportan unha calidade de lingua moi deficiente. O mellor para evitar estas eivas é aprender a lingua tanto na rúa, como na casa, como cos amigos, e perfeccionala cos estudos.
Na última parte da obra, ofrécelle aos lectores unha “reaprendizaxe” do galego en 15 días. Que busca?
Pretendo que se reflexione para mellorar a lingua e que se sexa consciente de que hai que revisar o traballo dos tradutores e perfeccionalos.

'O pacto pola lingua chámase Plan de Normalización’


Entrevista a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na Nosa Terra:
Carlos Callón (Ribeira, 1978) preside a Mesa pola Normalización Lingüística e participa na plataforma Queremos Galego. Profesor de Lingua e Literatura, vén de publicar o libro 'En castellano no hay problema' (Xerais, 2010), compilación de traballos sobre a situación do galego e as discriminacións que aínda padecen os falantes.
Un título que pretende provocar... unha reflexión.
Polo menos que pretende chamar a atención. Non desexamos que a xente que fala castelán teña dificultades para vivir nese idioma, mais tamén queremos poder vivir en galego, esa é a verdadeira igualdade.
No libro conta que o titular da súa primeira entrevista foi: “Me enternece ver a los niños hablar en gallego”. Avanzaríamos desde 1995?
Lamentabelmente, os medios seguen a reproducir en castelán entrevistas de persoas que se expresaron en galego. A presenza do noso idioma a nivel mediático é menor desde 1995. É certo que hai televisións locais que empregan o galego e que hai unha segunda canle da TVG na televisión dixital terrestre, mais o número de emisoras en español multiplicouse.
Ao longo do texto desliza numerosas discriminacións. Aumentan, diminúen ou se manteñen?
As discriminacións mantéñense, mais mellora a conciencia lingüística da poboación para opoñerse a elas. É positivo. No libro relato un caso dun cidadán que se queixa nun hospital porque non o entenden. Un exemplo que recollen todos os medios, mais trátase dun inglés. Se os periódicos tamén recollesen as discriminacións ao galego, encherían páxinas e páxinas todos os días.
Nun dos primeiros artigos propón un Acordo Nacional sobre a Lingua, como Feixóo.
Ese artigo é de 2002, un momento no que se percibía a necesidade de novos pasos cara un acordo que era posíbel. Tras esa proposta da Mesa redactouse o Plano de Normalización Lingüística, que se aprobou por unanimidade en 2004, apoiado por todos. O acordo que pide agora Feixóo xa existe, chámase Plano de Normalización. El participou nese proceso e agora non o aplica porque o consenso que propón é para matar o galego. Non quere dialogar, non recibe a Queremos Galego, anunciou que non vai ceder en aspectos como o decreto ou no coñecemento do galego na función pública. Non pide un pacto, pide unha adhesión.
Por outra banda, a toponimia deturpada está a desaparecer e contamos cunha normativa de consenso.
Aí si houbo un avance pero tardamos lustros despois de aprobar a Lei de Normalización en 1983 e a deturpación continúa desde a Administración central.

venres, 28 de maio de 2010

Eurovisión contra o galego

Hai aproximadamente un mes os representantes do PP no senado votaban en contra do uso do galego... no senado. O argumento, que incluso usou o presidente da Xunta, é que era moi caro. Canto? 100.000 € anuais. Ben serían 100.00 € repartir entre galego, euskera e catalán. Nós teríamos a culpa de aproximadamente 33.000 €. Moitos cartos, inasumible.
Nós non podemos facer outra cousa que darlles a razón, demasiado gasto. Moitos euros para a promoción, prestixio e visibilización da nosa lingua.
Hoxe, nun artigo de Galicia Hoxe preguntábanse canto custaba eurovisión. Por se non queredes ir á ligazón respóndovos eu, cada ano de concurso en Eurovisión equivalen a 9 anos de presenza do galego no senado.
Está claro, postos a escoller entre 1.Chiquilicuatre e 2.o galego, Feijóo prefire 1.el briquindans, 2. el crusaíto, 3. el maiquelyackson y 4. el robocop.
Perrea, perrea.

Sair do círculo vicioso

por Henrique Monteagudo, secretario do CCG, no xornal El País
O pasado 17 de maio Feijóo ofreceu un pacto lingüístico asentado en catro principios: a cooficialidade entre o galego e o castelán, a consideración do primeiro como lingua propia de Galicia, a acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e maila aplicación do principio de non discriminación. Despois dun ano liderando un goberno empeñado na erosión da súa propia lexitimidade a base de maltratar o idioma que identifica o país, resulta toda unha novidade que o presidente da Xunta se comprometa a asumir o artigo 5º do Estatuto de Autonomía de Galicia, vixente desde 1980. Non era sen tempo!
Pero esa oferta de pacto veu arroupada por declaracións contraditorias. Dunha banda, o secretario xeral do PP e conselleiro da Presidencia acusaba á oposición de querer voltar aos tempos da ditadura galeguista (polos vistos, moito peor cá de Franco). Case ao unísono, o mesmo partido profería un comunicado en que acusaba os/as manifestantes do Día das Letras de padeceren "mono de imposición". Coñécese que o galego é unha droga adictiva, e será por iso que as mobilizacións na súa defensa suman xa catro nun só ano, cun amplo eco cidadán. Agora se entende a contundencia das medidas preventivas aplicadas contra un perigo tan grave para a saúde pública!
Aínda máis contraditoria foi a aprobación no Consello da Xunta do pasado día 21 do decreto do plurilingüismo, que constitúe a chave do disenso entre o PP e os partidos da oposición, e o principal motivo de repulsa social á súa política lingüística. Como se pode propor un pacto, e ao tempo sancionar o decreto da discordia?
- O decreto da discordia. Ata chegarmos á proposta de pacto, o discurso lingüístico do PP foi mudando un algo ao longo do último ano. Cando as eleccións autonómicas, o problema consistía na "imposición do galego" e a receita era a "liberdade lingüística". Ante a contestación social que provocaron as primeiras medidas contra o galego (con xordas pero significativas réplicas dentro do propio partido), pasou a pórse o acento na denuncia da "inmersión lingüística" no ensino, que se remediaría con "equilibrio". A menciña ía ser o tal decreto, pero no seu proceso de elaboración saíu a lume o rexeitamento frontal non só dos consabidos colectivos de activistas, senón de canta institución tivo ocasión de pronunciarse, desde a Academia ata os consellos da Cultura, Escolar e Consultivo. Nunca tal se vira. Polo camiño, o goberno ía recuando, ao tempo que o presidente da Xunta gañaba protagonismo, ata acabar aparecendo el propio como responsable directo da desfeita.
Porque dunha desfeita se tratou: conforme medraba a alarma pública, ao sabor dos demoledores ditames que caían a vao un detrás do outro, a proposta inicial da Xunta foise esluíndo. Pero, por culpa da torpe arrogancia do Goberno, que adobiou cada paso atrás non cunha man tendida (madia leva!), mais cunha nova argallada, os ánimos, en lugar de aplacárense, queceron sen vagar. Dunha banda os primitivos apoios do PP se sublevaban contra a traizón, e doutra banda a oposición inzaba, cargándose de razóns. En cada ocasión, Feijoo atopou a maneira de non saír dun souto sen meterse noutro: pasouse do disparatado reparto por terzos co inglés á paridade entre galego e castelán, pero aderezando isto co descaso da votación familiar cada catro anos. A final, Consello Consultivo mediante, esta quedou fóra, adiada iso si baixo promesa dunha lei ad hoc (velaí o próximo souto), e o decreto limítase a esmagar os galegofalantes no ensino infantil, e excluír o uso do galego para matemáticas, tecnoloxías e física e química, en Primaria e Secundaria.
Decidir o idioma das clases por maioría simple da lingua dos estudantes é un procedemento, ademais de dubidosamente legal, gravemente daniño para o galego. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística referidos a 2008, o galego é xa lingua minoritaria na faixa de cinco a catorce anos (as cifras cantan: 25% galegofalantes, 39% castelanfalantes e 34% bilingües iniciais). Xa que logo, moita rapazada galegofalante quedará en minoría nas aulas, así que a regra da maioría simple terá un efecto multiplicador da exclusión do galego. Ademais, o decreto ignora a alta frecuencia de bilingües iniciais (para que lingua contarán?) e o feito de que en bastantes centros a proporción de falantes das dúas linguas se atopa equilibrada, tipo 55%-45%, máis ca tipo 95%-5%. Vale a mesma fórmula da maioría simple para situacións tan diferentes?
- A renuncia ao idioma. Doutra banda, por culpa da vixencia dos prexuízos contra o galego, reavivados agora pola crispación lingüística alentada desde certas instancias (entre elas, importantes sectores da propia Xunta e do PP), as familias galegófonas van sentirse apuxadas a renunciar ao seu idioma. Canto á pretensión populista de facer depender o uso das linguas de consultas ás familias, á parte as asisadas obxeccións legais do Consello Consultivo, debe lembrarse a crítica formulada recentemente por Habermas contra o desleixo de responsabilidades de certos políticos: "O retrato demoscópico da opinión da xente non é o mesmo que o resultado da formación dunha vontade democrática dos cidadáns deliberativamente constituída".
En definitiva, hai dez anos a porcentaxe do 50% para o galego podía considerarse un avance, pero nas actuais condicións constitúe un severo retroceso: segundo datos do IGE-2008, arredor do 72% dos estudantes entre 5 e 16 anos veñen recibindo o seu ensino maioritariamente en galego. O recorte imposto polo decreto tornaranse nunha fonte explosiva de conflitos: moitos profesores e centros xa anunciaron que se van negar á desgaleguización. O idioma propio do país esixe un tratamento igualador, non un goberno que, en nome dun impostado equilibrio, lava as mans, coma Pilatos, sobre o seu destino.
É certo que as previsións iniciais eran moito peores, pero a Xunta non pode arrogarse mérito ningún polas melloras parciais conseguidas no proceso de elaboración do decreto, dado que só recuou cando e onde se viu obrigada, releando con avaricia cada nova concesión, de modo e maneira que o resultado, non sendo bo para o idioma, constitúe unha derrota política para o PP. Se desde hai un ano o Presidente tivese optado por procurar o consenso, disporía agora dun decreto moito máis presentable, que contaría cun amplo apoio, incluído o groso do seu partido e do seu electorado.
- Cara ao futuro. A sinceridade da proposta de Feijoo comprobarase coa súa disposición a renunciar ao discurso de deslexitimación do galego, asumindo como propios, con todas as consecuencias, os principios que el mesmo evocou, abaixando a súa fachenda (ghavota, dicimos en muradán) e rectificando o rumbo. Foron el e o seu partido os que plantaron lume no conflito lingüístico, a eles corresponde a iniciativa para apagalo. Trátase de prestixiar a lingua, no canto de aventar prexuízos e reticencias na súa contra. De promover o seu uso, non de recortalo. De valorala como recurso estratéxico, fonte de creatividade e de cohesión; non desprezala como factor de discordia, atraso e illamento. De facer pedagoxía para a convivencia, non demagoxia para a división. De pular polo seu futuro, non de condenalo á agonía.
Dará o PP saído do círculo vicioso? Convencerase de que o idioma é asunto de interese xeral, así que ten que deixar de servir de monicreque en manobras de voo rasante? Finalmente: cal será o contido real do anunciado pacto pola lingua cando se acaba de expulsala ao ventimperio? Ovella será, pero cheirar cheira a can.

xoves, 27 de maio de 2010

Matemáticas contra o galego

O caixón das letras

por Xabier López López, escritor, na Nosa Terra
O goberno do meu Concello –e digo goberno porque non existe, por moi raro que lles pareza, Concellaría de Cultura ningunha– vén de editar hai uns días o típico-tríptico onde se nos anuncia con moito colorín aos veciños todos a máis ou menos extensa programación relacionada coas Letras Galegas deste ano. Fóra do grao de tino ou desatino da selección de actividades (cousas veredes!) o certo é que non deixei de bosquexar certo sorriso de incredulidade por un dos eventos relacionados: a celebración dunhas Xornadas de linguaxe administrativa galega nun centro de ensino. Que está ben, ollo; que si, que caralludo; que non ouso pór en dúbida que os alumnos de ciclo medio de Xestión Administrativa do IES merezan... O que non acabo de ver, isto é, o que non me remata de encaixar... En fin! Supoño que isto non deixa de ser un síntoma dunha doenza que se repite noutros moitos concellos, e quen di nos concellos ten que dicir “na sociedade”: a festa das letras xa non é máis ca un caixón de xastre onde cabe todo o que teña unha mínima relación co galego, o lavado de cara de quen está 364 días ao ano de costas á lingua de noso. Debemos ser o único país do mundo que se ve forzado a confundir –por activa e por pasiva– lingua e literatura. E así nos vai. Ben sei eu que endexamais me han dedicar un día das Letras Galegas. Pero estou certo que se o quecemento global amolega un día o siso de quen deciden estas cousas, maldita graza lle ía facer ao que quedase de min que aproveitasen un folleto coa miña cara para ir e espetar, poñamos por caso, que o “adjunto remito” debe quedar nun moito máis aquelado “achego coa presente”.l

'Hai que romper co bulo de que se falas galego perdes clientes'

Entrevista na Nosa Terra a González Conde, responsable de Viveiros Adoa:
O galego forma parte da identidade da empresa?
Adoa fundouse no 1991 e dende a súa constitución utilizamos o galego para todo. 

Por que decidiron apostar pola lingua propia?
Era o natural. Expreseime en galego toda a vida e vía irracional montar unha empresa que non falase en galego. En Adoa procuramos facelo todo na nosa lingua: dende a atención ao público á páxina web e a rotulación. O cento por cento do noso persoal fala en galego e se non o fai recomendámoslle que o faga. 

Teñen as etiquetas de información das plantas en galego?
Témolas co seu nome científico ou botánico, porque é máis universal, enténdeo todo o mundo e evita confusións... Pero algún cartel si que temos en galego.

Ten vantaxes ou inconvenientes usar o galego no traballo?
Penso que hai que romper co bulo de que se falamos en galego de cara ao público se perden clientes. En todos estes anos, e xa van case vinte, nós non tivemos ningún tipo de problemas neste sentido nin perdemos ningún cliente por este tema. Traballamos con todo tipo de público, empresas e institucións, e podo asegurar que o que a xente busca en nós é a profesionais que lle fagan ben as cousas e para iso o galego nunca supuxo un atranco. 

Animaría a outros empresarios a traballar en galego?
Si. Non crer na lingua materna como vehículo de comunicación empresarial e laboral é unha escusa como outra calquera para non apostar por ela no eido profesional. En 20 anos que levo neste negocio nunca tiven ningún incidente. A xente busca un servizo, que a atendan correctamente e que lle vendan un bo produto. Deberiamos de quitar eses prexuízos que temos as persoas, porque a lingua non ten ningún, eses falsos temores para expresarnos en galego, que é o normal. O galego ten que estar na rúa, en toda a sociedade non só a nivel político, sindical e administrativo.

O vixiante da praia

Así como hai zunantes que poñen todo o seu empeño en destrozar a nosa lingua e actúan, con completa impunidade, por certo, incumprindo a Lei de Normalización facendo bandeira de topónimos ilegais e deturpados, tamén hai xentes, como Xosé Lois Villar, aos que cómpre recoñecer o seu labor no estudo e no traballo que realizan na recuperación da toponimia.
Xosé Lois Vilar, historiador e arqueólogo do Instituto de Estudios Miñoranos, falou onte nas III Xornadas da Asociación de Museos e Centros de Patrimonio Cultural Marítimo de España dos máis de 1.300 nomes relacionados co mar (liña costeira, asentamentos e instalacións portuarias...) que recolleu en tan só 60 quilómetros de costa dende a desembocadura do río Miño até Nigrán. Vilar subliñou que destes 1.300 topónimos, máis de 1.000 non estaban rexistrados en ningún escrito coñecido e corrían o risco de esquecerse para sempre xunto coa tradición oral. 
Se, por exemplo, bogamos nunha dorna entre a desembocadura do Miño e Nigrán, agora xa sabemos onde o faremos.
Se, por exemplo, Carlos Negreira, Ignacio López-Chaves, Pedro Arias ou calquer outro zunante afoga en Praia América, ese non saberá onde afogou.

Desequilibrios

En Galicia Hoxe lemos o seguinte titular: "O predominio do castelán". No artigo que a desenvolve lémbrase que "O castelán é o idioma no que len habitualmente libros o 93,6% dos entrevistados. Un 5,5% le en Galego e só un 0,9% le nalgún idioma estranxeiro (inglés principalmente)"
U-lo o decreto que equilibre as vendas de libros en galego e en castelán?, ou se o preferides, en galego, castelán e inglés?

Galegosalegais, país-furancho

Hai un par de días nós comparábamos a ilegalidade de dar as clases en galego coa ilegalidade dos furanchos. Hoxe Fran P. Lorenzo fai o mesmo camiño en sentido inverso no Galicia Hoxe
Unha rosa é unha rosa é unha rosa, como rezaba aquel verso de Gertrude Stein, e Un furancho é un furancho é un furancho. Un furancho non é un bar, non é un establecemento hostaleiro, nin unha franquía de comida rápida, por moito que o afán regulador/desregulador da Xunta de Galicia teime agora en poñerlle nas trabes da porta unha placa con tres garfos e unha culler. Polo menos antano, no sur de Pontevedra e nas terras do agudelo, do viño novo de Betanzos, os furanchos marcaban a súa existencia efémera cunha póla de loureiro, ao romano xeito. O fenómeno metonímico actuou efectivamente e a esas tascas improvisadas tamén se lles acabou por chamar loureiros. Furanchos e loureiros dedicados a vender o excedente de viño dos pequenos colleiteiros locais. A natural alianza do xantar e do viño derivou en que moitas desas reservas rururbanas do benestar acabaran por acompañar o seu caldo fresco –o Ribeiro, o viño da Ulla, o Barrantes, o viño do Condado ou o tinto de Rubiós, que era, segundo Álvaro Cunqueiro, o mellor tinto galego que catara na súa vida– con aquilo co que calquera, na súa propia casa, acompañaría unha botella: empanada, xamón, chourizo, tortilla... os combustíbeis habituais da galega xente.Supoño que en San Caetano, ou onde queira que pare a sombriza Carmen Pardo, secretaria xeral de Turismo, deberon sentir axiña o berro colectivo por esta inesperada amputación. E Pardo, que moi oufana se referiu á "alegalidade" dos improvisados despachos de viño, foi emendada polo conselleiro Varela, quen un día despois se viu na obriga de aclarar que "ninguén falou da súa ilegalización nin moitísimo menos da súa eliminación". No canto de limitar os excesos de quen converte o furancho nun emporio gastronómico –tarta de queixo, café de pota, calippo de limón e pagos con tarxeta–, a Xunta prefire aplicar a lei seca, a do viño a pelo. E o que queira ofrecer comidas que se dea de alta como restaurante, anque sexa por mes e medio e no baixo lóbrego, ladrillo vista, dunha casa no medio do monte.
Pardo –que con paroxístico afán segue subvencionando a apertura de casas de turismo rural, e van mil, como se só aspirara a varrer a fauna autóctona e repoboar Galiza con alegres domingueiros chegados nun AVE inexistente– non se debeu decatar do erro supremo que suporía cargarse estas baiucas que, na práctica, seguirán a ser reguladas pola lei que aprobara o Bipartito para tal efecto.
¿Que será o próximo?, ¿precintar a rapa das bestas por razóns de salubridade?, ¿ou suprimir vía decreto a devoción á Virxe de Franqueira, porque é feíña e non dá a talla mínima? Quen o sabe.
Do que si estou convencido é de que no imaxinario do Partido Popular o furancho é ao restaurante o que o galego é ao castelán. O furancho, como a lingua galega, é a metáfora dese algo que sobra, inválido para ambicións maiores, desde logo completamente inútil para estudar matemáticas. O furancho, como o galego, pode existir pero de maneira limitada e preferentemente no seu reduto montesío. A aspiración de todo furancho, no sistema simbólico do PP, é converterse en restorán, medrar, devir español. Pero se o galego fai trampa, se o galego, sen lle facer dano a ninguén, quere independencia, botarlle un pouco de pan e queixo ao viño que el mesmo produce, daquela hai que eliminalo. É un galego alegal e este país noso, un país-furancho que eles teiman en botar abaixo pero que todos os días, nalgún lugar, reverdece baixo un ramallo de loureiro

Na lingua vivimos

Remexendo sobre o artigo de Xoán Costa, encontramos un post no que presenta un video moi interesante.
Podedes velo completo premendo na ligazón de arriba, ou nos anaquiños do You Tube de máis abaixo. Reproducimos a mensaxe de Xoán Costa:
In languages we live. Voices of the world é o título dun interesante documental de Canal Historia que trata a problemática actual de moitas linguas minoritarias en camiño de extinción. Foi traducido a español por “Sobre el origen de las lenguas” , deixando de lado, a tradución, o significado inglés da expresión, na lingua vivimos. É un filme danés e inglés no que se visitan máis de 20 linguas. Para reflexionar.









mércores, 26 de maio de 2010

Decreto 79

por Xoán Costa, no caderno xeral da AS-PG
Hai cifras que adquiren especial significado nas nosas vidas, e a outras a memoria transpórtanos unha e outra vez, cunha insistencia que mesmo dá medo. Cifras que son referentes supersticiosos, relixiosos, eróticos, históricos etc. Acaba de se publicar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e só ler Decreto 79 rexorden en min episodios dun tempo pasado, de hai máis de trinta anos. Non podo deixar de o asociar con aquel Decreto, chamado de Bilingüísmo, promulgado en xullo de 1979 nacido como resposta ao previsto nai Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentaban. Por sermos herdeiros daquel contexto e daquela situación, non debemos esquecer que nos debates que se deron nas Cortes, con Antonio Rosón - despois Presidente da Xunta- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das "linguas maternas" para desde aí aprender mellor o castelán. É o tempo, tamén, en que comeza a abandonarse o termo español e pasa a falarse de “castellano”. Aquel Decreto do 79 serviu de instrumento legal para iniciar unha persecución do elemento que debía ser legalizado, isto é, o ensino en galego. Non por casualidade o apartado 2 do artigo 3 condicionaba esta posibilidade “a la lengua materna de la población escolar” e “ a las opciones manifestadas por los padres de los alumnos a quienes afecte”
Desde aquela, e xa van anos, nin o ferrete da lingua materna nin a espada do dereito dos pais foron tan partidista e ideoloxicamente utilizados como alicerce da política lingüística da Administración como o foron na elaboración do Decreto que agora o DOG fai norma, mais, proba de que aquela filosofía nunca foi desbotada e se mantivo hibernada, móstrao con total evidencia a conduta da actual Administración, cun Presidente máis preocupado en intereses alleos que nos propios de Galiza.
Un proceder que leva a practicar a lexislación preventiva, xa que non de outro modo se pode entender que, despois de todas as análises e estudos que demostran a precaria situación do galego, moitas delas avaladas por quen ostenta a máxima representación en materia de Política Lingüística, se poda argumentar, como se fai na exposición de motivos do Decreto, que o Decreto 124/2007, que se derroga, ao non establecer o número mínimo de materias impartidas en lingua castelá “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía”. Claro que si, o mesmo argumento polo que se eliminaban os xudeus: poderían chegar a contaminar a raza aria.
Agora xa temos Decreto.
Decreto 79.
Un Decreto que utiliza a sociolingüística de modo perverso, que procura xustificación na enxurrada da forza dos votos do Partido Popular (cando xa sabemos que foron menos que os da oposición) nas elección de marzo de 2009.
79. Unha cifra para a memoria que agora nos transporta cara o 24 de agosto do ano 79 en tres cidades itálicas. Como un novo Vesuvio este Decreto 79 ameaza o noso dereito a existir, a vivir en galego e pretende converter a nosa lingua nun parque arquelóxico no que os turistas admirarán a gloria do seu pasado.
Mais non ha de ser así xa que o volcán verdadeiro é o que desde hai un ano sae á rúa, en erupcións cada vez mais fortes. Ríos de lava que sepultarán as intencións lingüicidas de quen agora nos goberna, de quen en palabras de Novoneyra, só loitou contra o seu pobo.

Recuperando o castelán

"O enfermo recupérase da enfermidade". Estar enfermo non é boa cousa, pero recuperarse, recobrar a saúde é o fin que buscamos todos cando estamos enfermos.
"Un veciño de Silleda recuperou o coche que lle desaparecera do garaxe". Que che rouben o coche non é boa cousa, menos mal que o recuperou, que volve a ter o que lle quitaran.
"Recuperaron a nave espacial que caeu no Mediterráneo". Perder un satélite é unha gran perda económica, conseguir rescatalo, recuperalo aliviará ao organismo encargado do seu uso.
"Os alumnos recuperaron as materias que suspenderan". O fracaso escolar sempre é traumático, recuperar, aprobar as materias pendentes é unha proba de avance e superación.
Titular de La Voz de Galicia: "Hoy entra en vigor el decreto que recupera las «mates» en castellano ". Que as mates se impartiran en galego era unha barbaridade, recuperalas para o castelán e un obxectivo fundamental para a dinamización (normalización cecais?) lingüística.
Para sermos sinceros, só lle encontramos sentido ao titular da Voz e recorrimos á etimoloxía da palabra recuperar (recú+perar). Está claro o seu significado: o primeiro sintagma indica iso, ir de recú, para atrás, sobre o segundo, perar, ben, non entraremos nos profundos significados onanistas do tema. Mais a cousa non acaba aquí.
Os zunantes de La Voz de Galicia continúan: "una de las críticas de los sectores opuestos a la legislación de la anterior Consellería de Educación era precisamente que los algoritmos y las ecuaciones se impartiesen en gallego. Algunos alumnos, decían, no entendían las clases". Todo o mundo sabe que o problema do ensino das matemáticas é o galego. Como en todo, o problema é do galego. En castellano no hay problema.
Os do taboleiro estamos seguros de que o vindeiro curso, con esas clases de matemáticas na lingua propia desta materia, van incrementarse os coñecementos exponencialmente. Xa o veredes. Os algoritmos en castelán sonche outra cousa. Xa o dicía un meu curmán cando chegaba á casa cun suspenso en latín: "é que o latín cambiou moito, xa non é como o de antes, papá"
Pois xa vedes, La Voz, no seu, recuperando a manipulación.

Enterrarse en galego

por Rubén Aramburu Molet, en Terra e Tempo
Na tardiña do día das letras visitei o cemiterio da nosa parroquia por ver como andaba o da imposición do galego nas portas do ultramundo. De entre 200 lápidas e cadriños con dedicatorias que están moi de moda, só atopei tres en galego. Nunha parroquia rural onde a maior parte da poboación exprésase en galego e fala moi mal o castelán, non deixa de ser un paradoxo, pero tamén a confirmación máis lapidaria da imposición dunha lingua, pois non hai maior imposición que tras pasar a vida falando en galego e chamándote, por exemplo, Regueiro ou Lusquiños, descanses para sempre baixo epitafios tales: falleció el día 4 de diciembre... su mujer e hijos apenados... Debe ser curiosa a lectura que farán os parentes dos finados xa que por aquí hai unha gran confusión á hora de pronunciar as gues e as xotas cando intentan falar en castelán, e non é raro ouvir: "ya le digue a mis higos".
Cando preguntas a un cura por qué non emprega o galego na liturxia é moi normal que conteste: -e que a xente non quere, non lle gusta…
Pero o máis contraditorio é a naturalidade con que asumimos este feito xa que ninguén fai problema polo tema, e o que chama a atención é que apareza unha lápida en galego, que até é interpretado como unha forma de distinguirse dos demais.
Poucas cousas hai que os galegos tomemos tan en serio como a derradeira viaxe cara o alén, aínda que nas vilas e cidades vai aparecendo a globalización fúnebre, e o mesmo é un enterro en Viveiro que en Móstoles. Moita da culpa é das modernas empresas funerarias, tan profesionais, pero que poucas veces teñen o acerto de lles ofertar aos parentes do defunto, unha esquela, ou unha lápida en galego. Que estraño este país, que non se enterra na lingua que fala!
Outra historia son os funerais. Nun arciprestado da Barbanza, hai xa anos que os cregos decidiron impulsar algo o galego na liturxia, e tiveron a xenial idea de que o momento idóneo eran os enterros e cabodanos. Así podes bautizar, casar e ir a misa dominical en castelán pero ten a seguridade de que o enterro será en galego. Con frecuencia escóitanse queixas de persoas que pediron a última misa en galego e foilles negada polo crego, escusando que non sabía, que non tiña libros, e outras porque non lle dá a gana pois el fala castelán. Un estudo moi interesante publicado polo Consello da Cultura Galega (Receptividade do galego na liturxia. D. lópez Muñoz. 2000) dicíanos que a maior parte dos cregos falan en galego todo o santo día, agás cando soben ao altar. Que pasa pois? Teño a certeza que é un problema de autoridade e inseguridade. A maior parte do clero non estudou galego (a idade media anda polos 70 anos), o non dominar a gramática nin a escrita perden seguranza e algo de poder. Tamén é certo que foron machucados e castigados de nenos por falar galego no seminario, e xa sabemos que o subconsciente fai magas.
O dos libros non se sostén. A tradución dos libros ao galego, se ben con moito retraso con respecto a Cataluña e Euskadi, xa está completa e subvencionada pola Xunta. Mesmo se repartiron miles de libros de balde, que esmorecen en húmidos recunchos de sancristías.
Cando preguntas a un cura por qué non emprega o galego na liturxia é moi normal que conteste: -e que a xente non quere, non lle gusta... A da lingua debe ser a única consulta democrática que ás veces se fai nas parroquias.
O cemiterio máis galeguizado que coñezo é o de Aguiño. Durante 40 anos, Francisco Lorenzo Mariño, cura da parroquia, exerceu un extraordinario labor pedagóxico a prol da nosa lingua. El mesmo deseñaba as lápidas, con debuxos de Castelao e coidando sempre a redacción en galego.
Hai anos unha orixinal iniciativa celebrouse en varias vilas galegas: "Galegos de por Vida". Asinábase un acta notarial dispondo que todo o referente ao pasamento (esquelas, lápidas, misas...) do "abaixofirmante" empregaríase o galego, e de non ser, gardaríase silencio, respectuoso.
Mesmo se editou un curioso catálogo de esquelas, epitafios, lemas para as cintas das flores,recordatorios...Das esquelas gustoume moito unha que dicía:
CARME TORRES GARCÍA
Villestro 31.2.1893
Villestro 31.2.1996
"Calade, que non é nada"

Eu xa ando a pensar no meu epitafio e dubido entre o "maloserá" ou usar aquel tan fermoso que relata Castelao en Cousas cando a velliña despedíase do seu amor de toda a vida dicindo:
-¡Deica logo, Eluterio

O paquete de Feijóo: a fala no desván

por Laura Lizancos, fotógrafa, no Xornal de Galicia
Un rapaciño, recén chegado a Londres, é escolarizado nun centro público da rede do Ministerio de Educación no exterior. Alí percátase do fraude: 4 horas semanais durante 10 anos da súa vida aprendendo inglés nunha escola galega só dan como resultado frustración: non entende nada, incompetente na lingua inglesa mesmo para os requerimentos básicos. No colexio de Portobello atopa fillos e netos de españois –a maioría galegos. Tamén a moitos alumnos ingleses que proxectan o futuro en España (entre outros, fillos de famosos futbolistas, seres “de intelixencia superior” que aprenden axiña a usar a lingua que lles dá de comer, sexa galego ou chinés). Saben en qué falaban todos no patio do recreo? En galego! (xa ve, señora. Aguirre, o que para vostede é folklore para moitos é unión e identidade).
De volta na Coruña, o neno repara que a lingua galega é tratada coma estranxeira, relegada ao apartheid máis pacato: galego na aldea e castelán para os da cidade. O porqué freudiano ven dende o século XIII, cando o reino de Castilla dominara aos sumisos galegos. Aínda así, mesmo en tempo franquista, en 1967, só o 13% dos nacidos en Galicia eran monolingües en castelán, pero foron os galego parlantes quen aprenderon a ser bilingües, non os “superiores” casteláns. Así foi como a lingua propia da terra –e non minoritaria– foi minorizada. Así ata que o Consello de Europa reclama ás institucións galegas que garantan os procedementos administrativos e xudiciais na lingua do país: “estraño dereito “de quen decide vivir na lingua do territorio que pisa. Por certo, ¿falará Amancio Ortega galego tras décadas amasando aquí a súa fortuna? Ignoro por que a mesma empresa que valora a fala do francés na Francia e considera un plus nos empregados o coñecemento do catalán en Cataluña, coarta a posibilidade de relacionarse cos clientes en galego. Será porque mesmo a Wikipedia continúa estereotipando aos galegos como tontos, brutos e pechados de mente?
A lingua non é posesión dos que choven “galeguismo á medida” e están a mexar por nós, nin dos que nin valentía teñen para denominar abertamente á súa Galicia segregacionista e monolingüe. Os mesmos que tentan meter mán –“ou pata”– na educación, elexindo o curriculum dos fillos. Iso permitiría, nun reducionismos básico, poder decidir que non lles ensinen a dividir –non están os tempos para quebrados– nin lles aprendan a xeografía mundial, xa a buscarán por internet cando toque ir de vacacións. Temos moitas autopistas da información, pero con buratos no camiño, no compromiso responsable coa educación. Tal vez, presidente, o seu correlixionario Sarkozy pode explicarlle o que propuxo nas aulas: recitar o himno patrio para fomentar a identidade. Máis teña presente o que di o noso: “Os bos e xenerosos, a nosa voz entenden, e con arroubo atenden, o noso ronco son, mais sóo os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden, non”…
Para rematar, propóñolles un “test” coa foto: nela, uns nenos contan confidencias ao oído. Pechen os ollos. Instálense nas emocións que lles traían pracer. Sintan, como cunha caracola na orella, a lingua coa que ríamos de pequenos. Agora, anote un calificativo para as seguintes “frases da semana”: 1) Rosa Díez e o termo de galego como insulto; 2) o “Pepiño” amolante do chaqueteiro Paquet Camps; 3) o xenio do presidente Feijóo “malversando” a Castelao; 4) o traicioneiro “desván dos monxes” do “docto conselleiro” da cultura galega. Agora revise a lingua que usou para anotalas. Pode ser útil para percatarnos da nosa relación coa fala dos avós e, sobre todo, coa que lle imos deixar aos nosos netos, se é que perdura ata entón.

O profesor idiota


A UAC (unidade de atención a centros) é un punto único de acceso ó soporte técnico e asesoramento nas TIC para os centros educativos de ensino non universitaria de Galicia. Este acceso ofrécese mediante teléfono, correo electrónico, fax ou web e a asistencia realízase tanto "on line" como "in situ". Polo tanto a uac é un servizo da Consellería de Educación que ten como usuarios única e exclusivamente a profesores e administrativos.
Eu tiven que lle facer unha consulta á UAC e mandáronme unha mensaxe confirmando que a estaban tramitando:
Informámoslle que a súa solicitude de servizo foi rexistrada na UAC cos seguintes datos[…]
Para máis información pode poñerse en contacto coa Unidade de Atención a Centros da Consellería de Educación

Ata aquí todo ben, pero resulta que seguín lendo:
Le informamos que su solicitud de servicio ha sido registrada en la UAC con los siguientes datos: […]
Para más información puede ponerse en contacto con la Unidad de Atención a Centros de la Consellería de Educación…

Non creo que haxa ningún profesor (adminsitrativo) que ao ler o primeiro parágrafo necesite do sengundo para entendelo. Se o houbera sería un idiota, do que, en pura lóxica, conclúo que a UAC considera que eu son un idiota. Aínda así, aínda sabendo que aos idiotas o mellor é non lles facer caaso, mandeilles unha instancia de protesta:
Na mensaxe que me enviaron vén o mesmo comunicado en galego e en castelán, do cal se deriva que o galego é unha lingua inúltil que ten que ir sempre da man do seu irmán maior, o castelán. O único sentido que ten o facer accións como esta é a de minusvalorar o idioma de noso e actuar na dirección contraria á normalización.

Estiven a punto de continuar, mais que nada para facerlles saber a opinión que eu teño sobre o que tivo a ocurrencia de duplicar o texto:
En el mensaje que me enviaron viene el mismo comunicado en castellano y en gallego, de lo cual se deriva que el gallego es una lengua inútil y que tiene que ir siempre de la mano de su hermano mayor, el castellano. El único sentido que tiene hacer acciones como esta es la de minusvalorar nuestro idioma propio y actuar en la dirección contraria a la normalización.

Pero polo momento non o fixen.
Xa hai máis dun mes disto. A única resposta que tiven a ta o día de hoxe foi unha confirmación de que estaban tramitando a miña queixa mediante un e-mail no que apareceía o primeiro parágrafo… e de seguido o segundo, claro… para o idiota.
Se hai algún idiota coma min lendo isto e que teña conta de correo da xunta podería mandarlles unha queixa nos mesmos termos que a miña. De suguro que recibe unha confirmación da tramitación da súa quixa, e seguro que o toman por idiota. A dirección para os idiotas: uac@edu.xunta.es

martes, 25 de maio de 2010

Publican no DOG un atentado contra o galego

A Real Academia Galega concluía sobre as Bases para a elaboración do decreto:
As Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización da lingua galega, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas.

E destacaba dous preceptos legais fundamentais que tanto as Bases como o decreto final incumpren:
Coñecer unha lingua é condición previa para poder exercer o dereito constitucional de usala.
O segundo concepto, tamén solidamente asentado na lei e na xurisprudencia, é a discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas: os poderes públicos están obrigados a removeren os obstáculos que impidan ou dificulten a plenitude dos individuos

O centro do ditame do Consello da Cultura de Galicia incidía na necesidade de volver ao PXNLG (Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega) que por ser acordo unánime do parlamento vén a ter as mesmas consideracións legais que unha lei xeral. Nese mesmo ditame indicábase que a dirección a seguir na normativa do decreto debía ser xusto a contraria da que se expoñía nas Bases e que continúa a aparecer reflectida no decreto vixente a partir de mañán:
En ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán.
 Os responsables políticos e o goberno galego deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso ou activo social


Cambiada a redacción pero mantendo o mesmo fondo as Bases convertíronse en Proxecto e pasou polas mans do Consello Escolar quen non chegou a debatelo pois parecíalles tal ataque á lingua e ás leis que saeu adiante unha emenda á totalidade.
O último capítulo foi o ditame do Consello Consultivo. Nas Bases figuraba unha crítica ao  decreto 124/2007 que os autores das mesmas repetiron incesantemente, que o Consello Consultivo consideraba un punto das mesmas non axustado a dereito, un punto que xa se sabía que era perfectamente legal baixo sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. No entanto o ditame do Consello Consultivo sobre o Proxecto foi absolutamente demoledor: vai contra a Carta Europea da Linguas Rexionais e Minoritarias, contra a Constitución, contra o Estatuto de Autonomía, contra a Lei de Normalización Lingüística, contra o PXNL,contra distintas sentenzas do tribunal constitucional, contra diversos ditames do Consello Consultivo, contra diversas leis xerais e, eu continúo, vai contra o galego. Ata tal punto este decreto é radical e cargado de ideoloxía racista que elimina de todo o articulado o termo normalización, e substitúe todos os "polo menos" referidos ao uso do galego por "como moito". En palabras do Consello Consultivo: "resulta contrario ao ordenamento xurídico" en máis da metade do seu articulado, precisamente na parte máis substancial do mesmo.
Todas as historias teñen a súa lóxica. Esta tamén e o final non podía ser doutro xeito. O xoves pasado o Consello da Xunta aproba o decreto, cando aínda estaba sen redactar. Calquera espectador un pouco avisado xa o debería sospeitar. Na nosa páxina favorita, a da SXPL, desde o xoves ata hoxe, non aparecían mais que noticias, digámolo así, secundarias, non había decreto por sitio ningún. A SXPL só fixo púbico o decreto hoxe, despois de aparecer publicado no DOG. A razón desta tardanza revélana no xornal El País, mais é doada de adiviñala, o Consello da Xunta aprobou o pasado xoves un decreto que aínda non estaba redactado. Ilegal ata o final.
A primeira resposta xa chegou: a CIG anunciou que "vai presentar Recurso Contencioso-Administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto do Plurilingüismo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza". Son os primeiros pero non serán os únicos, quen seguira, aínda que fose de lonxe todo este proceso, saberá que todo o mundo se posicionou contra este atentado.
Volveremos co tema. Xa contaremos o que vai pasar coa implantación deste funesto decreto.
Por certo, non só nos ilegalizaron o galego, senón tamén os furanchos. Mañán hei de colocar na entrada do instituto unha ponla de loureiro para indicar que alí se imparten clases de ciencias en galego.