Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta José Luís Sucasas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta José Luís Sucasas. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de febreiro de 2015

Unha lingua de pobres, pailáns e bloqueiros

por José Luís Sucasas, na Praza Pública:

Logo e 35 anos do actual sistema monárquico parlamentario e no que se atinxe a Galiza, o BNG xa é considerado un partido da “casta”. Aos bloqueiros pódenos gustar máis ou menos que así nos consideren; eu diría que máis ben menos, xa que ingresamos no sistema “por imperativo legal” e sen acordar cos principios xerais do movemento, pero coa esperanza de traballar pola causa nacionalista dende o interior das institucións. Dende o comezo da súa andaina, o BNG fixo da lingua o seu estandarte e paseou o pendón en tódalas procesións. E fíxoo con tanta ansia e determinación que conseguiu inserir nos miolos da xente a imaxe de parella única, eterna e indisoluble: BNG e Lingua Galega; ou Lingua Galega e BNG, que tanto monta monta tanto. Póñovos un exemplo: Xosé Crespo, o alcalde de Lalín, subiu ao seu feisbu un artigo meu en Praza coa seguinte introdución: “Chamoume a atención este comentario, na revista dixital do BNG Praza Pública do Concelleiro do BNG José Luís Sucasas ....” Como Praza utiliza o galego, daquela é unha revista do BNG, debeu ser o seu razoamento municipal. E ollo, Crespo é do PP e galegofalante, dou fe.

domingo, 9 de marzo de 2014

A lingua dos peixes, dos paxaros e das mozas de aldea

por José Luís Sucasas, en Letra en Obras:

Na súa ansia por situarse no mundo, tódolos pobos, sexan grandes ou pequenos, remexen nos rexistros civís e camposantos na procura de persoeiros senlleiros que enfeiten os seus folletos turísticos; e se non atopan ningún, repasan o inventario das casas, por se viviu nelas durante algún tempo alguén importante ou famoso. Incluso Lalín -que nin é pobo grande nin pequeno, senón un “bota por ela”- ten os seus próceres: o matemático José Rodríguez, o astrónomo Ramón María Aller e o pintor Laxeiro. Fáltalle un escribidor para facer pleno en artes e ciencias, pero non lles preocupa: seica xa lle botaron o ollo a un e só están á espera de que espiche. Pola contra, en Vilanova de Arousa -nas antípodas do Deza e saída natural ao mar dos dezaos- teñen de sobra o que lles falta a Lalín: Ramón María Valle-Inclán e Julio Camba.

sábado, 11 de xaneiro de 2014

O polbo que nos matou

por José Luis Sucasas, en Praza Pública:

Semellaba que tiñamos o asunto finiquitado. Durante os anos da Pax Fraguiana, a regueifa mais rechamante fora o “L” floral dos xardíns da avenida Alfonso Molina, na entrada da Coruña: o monseñor alcalde a querer poñela e os bloqueiros a querer quitala. Pero como tódalas regueifas, sempre remata cansando algún dos contendentes, ou os dous; ou rematan leando sós, porque o que primeiro cansou foi o público que miraba apampado a arte de aparecer e desaparecer as cousas, da noite para a mañá. Case todos eramos conscientes que a normalización do galego non era cousa de dous días e que farían falla xeracións para atopar, levantar e asumir os marcos que estremaban o galego e mailo castelán. Pero os madrileños seguían a veranear en Sanxenxo, aínda que lle seguiran chamando Sanjenjo; os chairegos rillaban polbo no Carballiño, coma se fora o pulpo de toda a vida; e as pighas de García Barbón baixaban as filloas da Portuguesa de Castroverde, aínda que logo contaran ás amigas que probaran unhas crepes divinas onde Deus perdeu os zocos. O importante era o concepto e perseverar na dirección.

martes, 20 de setembro de 2011

O galego non atura a calor

por José Luís Sucasas, no Xornal:


O galego é idioma nado na brétema e as súas palabras arroladas en berce de musgo e orballo, e xaora que non atura ben a calor. Por iso non é de estrañar que Vieiros se nos fora en Xullo do ano pasado, e Galicia-Hoxe e Xornal de Galicia en Xuño e Agosto do ano que estamos. O demo do calmizo levounos por diante. Os que aínda conservades un chisco de memoria, lembraredes que o sol petou forte en Xullo de 2010: no entanto, no 2011 as fogaxes viñeron en Xuño e nos derradeiros días de Xullo e primeiros de Agosto. Todo vai cadrando. O galego é lingua de braña e xunqueira; e cando aperta o sol e a terra regaña pola seca, as palabras galegas morren esganadas coma peixes fóra da auga. A diferencia dos nosos vellos, que mais ben marchan coas xeadas do inverno.
O Xornal de Galicia foi unha aventura engaiolante, fermosa, e o que me parece mais importante, unha aventura necesaria. Se a metade da poboación galega, —cuarta arriba, cuarta abaixo—, votaPSOE e BNG, non parece descamiñado pensar que lle gustará ler a realidade contada dende unha óptica afín, ou cando menos non belixerante, co ideario desas formacións políticas. E tendo en conta que os xornais existentes mantiñan unha liña editorial poromompera, unha de dúas: ou os votantes de esquerdas non lían xornais, ou xa aprenderan a ler do revés. Había aínda unha terceira posibilidade, moi galega, por certo: E que lle imos facer, meu? Éche o que hai! Pero sexa cal for a situación lectora da esquerda votante, o que si estaba fóra de toda dúbida era a existencia dun mercado potencial abondo para garantir o éxito da empresa.
E logo, que foi o que fallou? Sempre hai mais razóns para que algo fracase cas que hai para que trunfe, así que non é difícil dar con elas. Que se a crise xeral, que se a crise do sector, que se a perda da Xunta polo Corazón Partido, que se esto ou aqueloutro. Pero a cuestión fundamental é que a xente non merca xornais e o mercado potencial pasa a ser unha entelequia mais paseando polo limbo dos xustos. A xente le os xornais, pero non precisa mercalos, xa que pode acceder a eles de balde no medio millón de bares, tabernas, casinos e demais centros de lecer, esparexidos por todo o país. Se á venda neses lugares lle engadimos os adquiridos polos entes públicos, xa temos completado o 99 por 100 do mercado efectivo e real da prensa escrita. Quedaríanos ese 1 por 100 para a compra do exemplar do domingo por parte da xente de a pe. Noutros tempos aínda se mercaba algún xornal de cando en vez para envolverlle a merenda dos cativos ou o bocadillo do marido albanel, pero agora co papel de aluminio e mailos táper, xa non ven a conto.
Os mais listos —somos un pais de listos, non o esquezamos— dicían que Xornal de Galicia era a crónica dunha morte anunciada. Xaora que non leron a novela de Gabo, pero aprenderon a frase. Tamén dicían o mesmo cando os meus amores adúlteros con Leididí. E tanto nun caso coma no outro, os listos levaban razón. Pero tanto a xente de Xornal coma este pillagaliñas que lles escrebe, cando menos intentámolo. Cousa que eles nunca fixeron nin nunca farán. Sentan na porta da casa e agardan pacientes o paso dos cadaleitos por diante. Iso é o que lles chista. Coma o negro Floro de Zobra, que cando pousaban as andoriñas vascas no verán, sentaba nos valados a velas pasar polos camiños, aguzando eternamente un pau coa navalla, sen falarlles, sen case miralas, só refungando entre dentes : cando non vos quede outra, xa viredes a min, xa...

luns, 25 de xullo de 2011

Misa e foguetes

por José Luis Sucasas, no Xornal deste 23/07/2011:


A últimos do mes de xuño asistín a unha cerimonia relixioso-festeira dun familiar da muller. Recibe o nome de Sacramento e, que eu saiba, é tradición endémica da comarca do Salnés. E non de todo o Salnés, senón das parroquias do rural e non todas. Así, en poucas palabras, a cerimonia en cuestión vén sendo a renovación do compromiso matrimonial, con oficio relixioso, banquete posterior, bombas de palenque e incluso agasallos dos asistentes. Algo así como as populares vodas de ouro ou prata, coa diferencia que o Sacramento está institucionalizado dentro da parroquia, e agás solteiros e outras excepcións, tódolos veciños rematan pasando polo aro.
Petaba o sol ese día e procurei a sombra da igrexa, pero pola parte de fóra. Arrimei o lombo na parede, acendín un chéster e pensei que ben podía aproveitar a postura e mailo tempo en argallar o argumento dalgún artigo para Xornal. A voz do crego oficiante chegábame nidia e potente dende un altofalante espetado no campanario. Eran palabras nun castelán metálico, case lineal. Xaora, non había dúbida, era a palabra de Deus Noso Señor. Cando o cigarro ía nas últimas, collín a cabicha entre o polgar e o maior e lanceina en voo parabólico riba dunha viña albariña que estremaba co atrio, Deus me perdoe!
Eu insistía en coller o fío dalgún artigo posible, mais era escusado: a palabra divina esfarelaba os meus intentos. Non sei, será que escoitei tanta e de tan novo, que como se me achegue non son quen de risparme dela. E será por iso tamén que moitas veces poño no coche Radio María sen querer. E mira que sei que é mentira! Aproveitando un silencio prolongado do altofalante veume ó maxín o vindeiro 25 de xullo e pensei que sería aquelado ir preparando unha homilía para data tan senlleira. Incluso me deu tempo a artellar os piares da prédica arredor dun feixiño de preguntas:
Por que se escolleu a data do 25 de xullo para o día nacional de Galiza? Por que precisamente o día do Apóstolo, que xa é patrón de España? Cales foron as razóns? Ten algo que ver a escolla deste día coa nosa sempiterna submisión e o medo a incomodar ó resto dos españois? Acaso foi unha mensaxe subliminal tipo “pódense botar fóra cataláns e vascos, pero non teñades perda, con nós sempre contaredes”?
Despois dun terzo de século democrático, recuou algo o noso autodesprezo por sermos diferentes e pobres? Cando falamos castelán seguimos a disimular o acento propio, húmido e tenro, para parecer outros que non somos pero que nos gustaría ser?
Nesas teimas andaba cando o estrondoso chis-pum dun foguete terra-aire rachou o silencio do mediodía e despegoume de golpe o lombo da parede. Non creo que lle dera tempo á cana a caer no chan cando unha ducia de músicos uniformados comezou a soprar o inconfundible chunda-chunda do himno español. A violencia das trompetas e timbais guindoume de novo o lombo contra a parede, coma nun retroceso de tiro de escopeta.
Recuperada a presencia de espírito, non me fixo falta axexar na porta travesa para saber que se cociñaba no interior do templo: nese intre preciso o crego erguía nas súas mans a ostia e mailo viño cara o ceo, e cando os volvía pousar na ara cerimonial, unha sorte de maxia xa os convertera en carne e sangue de Xesús.
Xa non dei retomado o fío do artigo matinado. Vinme transportado a fai trinta anos, con pelo vizoso tapando as orellas e unha chea de mozas trasfegando de neurona en neurona, nas festas patronais de Cadrón, Vilariño, Erbo, Cornado, San Xoán de Camba e tantos outros lugares da Galiza profunda. Ademais do pelo, que cambiou en todo este tempo? Porque as mozas seguen a rebulir nas neuronas.

venres, 24 de decembro de 2010

A curmá de Risco

Por saúde mental e, sobre todo, para non estar mal informado, xa hai moito tempo que non leo cousas como o suposto xornal La Voz de Galicia. Por esta razón pasaríame completamente desapercibida a monstruosidade que aquí presento; porén se non foi así é gracias a alguén que hai un par de semanas me enviou a barbaridade obra do tradutor automático do presunto medio de comunicación. Daquela non o colguei neste blogue porque non sabía como comentalo, hoxe que o señor José Luís Sucasas me fixo o traballo vin que non podía perder a oportunidade.

sábado, 10 de abril de 2010

De Alfonso X O Sabio a Zarrías I o Reparador

por José Luís Sucasas, administrativo de obra, en Vieiros.

Alfonso X reinou en Castela e León na segunda metade do século trece e pasou á historia coma o rei Sabio. Non me vou meter agora se o que sabía era ou non abondo para merecer tal alcume, pero o que si podemos dar por certo é que dominaba as dúas linguas que se falaban no seu imperio: o galego –no territorio do anexionado Reino Cristián de Galicia-, e o castelán –na meseta castelán e leonesa-. Á hora de plasmar en tinta os seus sabios pensamentos, o rei fixo unha escolla que determinou –para ben e para mal- o futuro dos dous idiomas: utilizou o castelán para os asuntos mundanos -xurídicos, técnicos, políticos...-, e reservou o galego para as mais fondas preocupacións da alma –poesía-.
Os motivos que o levaron a tal escolla descoñecémolos; mais sendo rei e sabio, puido ser que o fixera por unha cuestión práctica: o castelán imperaba na Corte e na meirande parte dos cortesáns, para quen en principio ían dirixidos o Lapidario, o Espéculo, o Libro dos Xogos, as Táboas Alfonsíes, as Sete Partidas ou o Foro Real. Así as cousas, o galego quedou para a vida diaria dos moradores do Cortello Galaico, ou para os da Corte naqueles intres de éxtase poético á sombra esquiva de calquera “encina” mesetaria. Tiveron que pasar sete séculos e tivo que consolidarse a supremacía de Castela sobre as demais Españas, para que un andaluz de Xaén emendase o entorto daquel primeiro rei sabio. Gaspar Carlos Zarrías, que así se chama o aceiteiro emendador, oficiando de Secretario de Estado de Cooperación Territorial das actuais Cortes de Castela, utilizou o galego nunha carta oficial (.pdf) dirixida ó seu par no Cortello de Galicia, o señor Alfonso Rueda, a conto dunhas diferencias de estilo e concepto na Lei galega de Caixas de Aforros. ¡Por fin, a lingua galega elevada a lingua ministerial e coñecendo sobre asuntos xurídicos, técnicos, políticos! ¡Nada de Cantigas de Santa María que van para ningures!
Entón imaxinei unha festa rachada de tres días seguidos, con bombas de palenque e de sete estalos, foguetes de cores polas noites, gaiteiros tocando na cima dos montes, as orquestras enchendo os 5000 palcos mortos de risa, a Táboas bailando un agarrado co Puy, o Aymerich coa Bacón, o Leiceaga coa Currás, o Fariña e mailo Vázquez rouceando arredor de si...Todo o divino parlamento adornado de bandeiriñas e flores de papel, e o Gayoso poñendo música nunha máquina de letras e números. Tres días de ledicia desaforada, festexando a reparación da afronta mesetaria iniciada sen querer había setecentos anos polo rei Alfonso X O Sabio e continuada querendo polos demais reis, a meirande gloria dunha parte das Españas.
Pois nada, ó final e remate non houbo a festa que eu pensaba e Galiza merecía. Porque deuse a casualidade de que a día de hoxe, sete séculos despois daqueles días de Alfonso X, o rei do Cortello cadrou ser Alberto I, da familia YJ (coma Rajoy, Rey, Romay, Feijóo...etc), coñecida inimiga da utilidade do idioma galego para cuestións alén das regueifas de borrachos ou da comunicación coas vacas con nome de muller. Non lle gustou, ou mellor dito, viuno coma unha burla cara o pobo galego (non sabía que el era o pobo galego), un menosprezo, una provocación, e eu que sei cantas aldraxes mais. ¿Pero non quedamos en que tiñan o programa informático DESVAN que traducía do galego ó castelán de repente e sen darse conta?
¡Maldita mala sorte a nosa! Para unha vez que a auga podía correr cara o noso rego, vai e témolo atrancado.

: