Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Nel Vidal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nel Vidal. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de xuño de 2025

Para que serve o galego? Sobre metalingüística, PAU nas rodas e homicidios imprudentes


 por Nel Vidal no Praza Pública:

Este texto podería entrar no exame de Lingua Galega e Literatura das PAU. Reúne todos os requisitos, tamén os non explicitados: fala sobre lingua e está escrito por un home.

luns, 18 de maio de 2020

A normalización lingüística. Unha introdución para a ESO


Unha explicación sobre o que é a normalización lingüística, o estatus legal do galego, as entidades para o fomento da lingua e exemplos de accións e campañas de normalización lingüística. É unha explicación gravada para a ESO. Feita por Nel Vidal

xoves, 30 de abril de 2020

30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer



Para coñecermos máis (a) música en galego actual velaquí unha selección de 30 grupos/artistas de todos os estilos, especialmente pensada para xente moza feita por Nel Vidal. Ademais do vídeo temos en Edupuzle unha proposta para traballalo, unha ruleta de palabras en Educaplay e, como non! un Kahoot!
Unha actividade gorentosa e moi, moi completa.



sábado, 1 de decembro de 2018

Malas linguas: Afinar o discurso



Na anterior entrada xa faciamos referencia a estas xornadas organizadas pola Deputación da Coruña na que se presentaban as intervencións da xornada desenvolvida no Pazo de Mariñán o pasado 23/20/18. Segundo o programa dese día, aínda nos faltaba a intervención da tarde protagonizada por dous referentes no traballo normalizador: Nel Vidal e Valentina Formoso.
O primeiro deles propuxo non dirixir os discursos ás institucións, senón levalos a accións. Fixo memoria dun dos Cursos de Verán de Carballo no que se publicara Unha outra guía para a intervención lingüística.
Todas as accións sociolingüística deben ter tres características esenciais: empatía, positividade e a proactividade. Como mostra, tres botóns: apego, "gústame o galego", "cantas cousas".
Rematou a súa intervención falando da inmersión lingüística, indicando que "o goberno galego non está en contra da inmersión, está en contra do galego"

Valentina Formoso reclamou uque todo discurso de defensa da lingua tivese un sustrato mínimo e irrefutable. A lingua é patrimonio, polo tanto ten valor e hai que conservalo, ademais as linguas suman. Pódese usar a lusofonía como unha porta especialmente para os galegos pero advertiu que apelar a este discurso pode ser unha navalla de dobre fío.
O esencial é emitir discursos variados pois a non todos lle vai servir o mesmo para achegarse ao galego pois cada quen ten o seu pasado lingüístico e os seus prexuízos.
Valentina distinguiu entre as accións a levar a cabo segundo nos dirixamos a contornas galego-falantes ou castelán-falantes. Aos primeiros hai que reforzarlles a idea de que son modelo, que serán os transmisores da lingua e con eles hai que traballar a calidade lingüística e os comportamentos diglósicos. Nos amientes castelán-falantes cómpren políticas de inmersión, tal como aquelas liñas de galego en infantil. Destacou que non existe ningún programa da Xunta para inmersión de forasteiros. Comentou que nos centros de ensino se levan a cabo programas de inmersión en español aos inmigrantes hispanoamericanos, que xa saben español e que pola contra fican excluídos da integración na nosa lingua. Cómpren programas de inmersión, e programas ben organizados nos que forme e informe a profesorado e familias.

venres, 16 de febreiro de 2018

Unha ducia de cousas para darlle á lingua



Unha enorme alegría levei ao ver solto pola rede este vídeo no que se achega de forma maxistral o valor da lingua galega como central para os galegos e tamén, para os que non o son.
Cal é o segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela? Pois é un lugar rotulado íntegramente en galego, un lugar no que a lingua de comunicación é o galego. Cal é o elemento que valoran os turistas como o que ofrece de Galicia un destino turístico atractivo?
Nel Vidal mostra múltiples potencialidades da lingua chegando a todolos públicos a través de cousas cotias e convídanos a que empreguemos o galego como elemento diferenciador, que pode aportar valor a produtos e servizos que se asocian ao mesmo.
Nel traballa a prol do uso e prestixio do galego como técnico de normalización lingüística. Foi presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (aínda que isto non signifique nada necesariamente; hai contraexemplos)

xoves, 14 de setembro de 2017

Unha lingua para a festa, e viceversa

por Nel Vidal no Praza Pública:

"A mí me gustan más grandes / Que no me quepan en la boca”, “Chingan cuando yo les digo / Ninguna me pone pero”, “Me dice papi vente adentro así me preñas”, “Tengo puta nueva to' los fines de semana”, “A ella le gusta que le den duro y se la coman”, “Agárrala, pégala, azótala, pégala”... É triste recoñecer que a única vez que vin unha atracción infantil de festa en Euskadi me chamara a atención que non soase ningunha canción do tipo destas de Becky G., Maluma, Arcángel, Daddy Yankee ou Trébol Clan. Sorprendentemente para min estaba a soar música infantil en éuscaro. E é que, si, no noso país é frecuente escoitar nas festas que pagamos todas e todos, a todo volume, eses temas nas chilindradas ás que levamos as nosas nenas e os nosos nenos, sen que nos chame xa a atención, porque, ademais, son semellantes a algunhas das que soan en festas infantís de aniversario ou comuñóns, que as rapazas e os rapaces bailan e cantan en festas ou bailes, e non tan diferentes, incluso, dalgunhas sobre as que se teñen preparado coreografías en campamentos de verán ou festivais escolares. Escollín exemplos dos máis explícitos dalgunhas das cancións máis duras, é certo, pero todas reais e escoitadas por min nun paseo pola zona de atraccións dunha festa hai un par de semanas.

mércores, 28 de setembro de 2016

Nanas para adormecer unha lingua

por Nel Vidal no dixital Praza Pública:

Acción propagandística, si. Non foi outra cousa a publicitación da Cesta Benvida que, sen ser máis ca unha caixa de mostras, desde a Xunta se encargaron de que se comparase coa caixa finlandesa. Esa coa que no país nórdico se garanten sustento e abrigo básico para os primeiros meses de vida e que, ademais, vai acompañada de axudas sociais e económicas ata a maioría de idade.

luns, 2 de marzo de 2015

Fagamos contas sobre 35 anos de política lingüística

Retallos de dúas achegas fundamentais sobre a análise da política lingüística, recollidas das xornadas Fagamos Contas celebrada o pasado 13 de decembro do 2014 en Lugo, organizadas pola Fundación Galiza Sempre. Tratábase de repasar e avaliar os 35 anos de goberno autonómico en diversos ámbitos.
Os temas tratados nestes casos son os da evolución sociolingüística, balance dos modelos impostos pola Xunta no ensino vs. "inmersión" lingüística, a situación do galego no resto de campos (económico, asociativo, mediático, mocidade, ...) ou eficacia do discurso do nacionalismo sobre a lingua.
Non se poden deixar de ver. A primeira delas ofrécenola Mercedes Queixas




Na segunda temos a Nel Vidal Barral:

sábado, 7 de febreiro de 2015

A liña descendente que debemos erguer. Sobre o futuro do galego a partir da realidade actual

por Nel Vidal, na Revista de Llengua i dret:

Os últimos datos sobre o uso do galego feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a partir da Enquisa de Condicións de Vida das Familias de 2013, certifican a percepción xeral sobre o uso da lingua galega na xente nova: a da perda acelerada do idioma nos últimos anos. De non se aplicaren as medidas axeitadas canto antes, e de non chegarse a un acordo xeral e global para o mantemento do galego como lingua viva, esa liña descendente pode ir cara ao deixarmos de ser.

martes, 16 de decembro de 2014

Sobre a situación da lingua galega

por Nel Vidal en ideas.gal:

Quizais o mellor balance de contas que podemos facer con respecto á situación da lingua galega despois destes 35 anos de autonomía sexa o dos datos do seu uso, onde se constata unha perda continua e acelerada de falantes.

luns, 20 de outubro de 2014

Está na nosa man existir

por Nel Vidal en La Voz de Galicia:

Coñecemos estes días datos sobre o uso habitual da lingua galega, feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir do Censo de 2011. Aínda que hai que ter prudencia coas cifras, pois non son dun estudo sociolingüístico con análises e correccións, senón a resposta directa da xente a unha pregunta, hai dúas grandes conclusións xerais: que en dez anos baixou considerablemente (-14 puntos) o uso habitual do galego no conxunto do país, do 57 % da poboación en 2001 ao 43 % en 2011; e que a zona onde se mantén un maior uso do galego espontáneo é a Costa da Morte, Terra de Soneira e Bergantiños.

venres, 18 de xullo de 2014

Nel Vidal: "Co decreto do plurilingüismo que prohibe o ensino en galego de diversas materias ou que deixa o galego como residual en infantil é moi difícil dar pasos"

Belén Puñal entrevistou hai xa máis dunha semana a Nel Vidal para o Sermos:

Esta semana comeza en Carballo a décima edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que organizan na nosa vila a Universidade da Coruña e a CTNL, a Coordinadora das e dos técnicos de normalización da lingua. O tema que centrará o encontro este ano, a transmisión interxeracional, é tan espiñento como crucial para o futuro da lingua. Mentres que a gran maioría das persoas maiores de 65 anos, case o 90% usan o galego, menos do 20% das e dos menores de 14 anos falan o galego e non chega ao 5% a porcentaxe de cativos e cativas que o empregan nas dúas grandes cidades do país: A Coruña e Vigo.
-Como xurdiu a idea de dedicarlle esta edición do curso de verán á transmisión interxeracional?
-Cada ano, céntrase o curso nunha temática concreta na que consideramos que hai que incidir no traballo para a normalización lingüística. Xa levamos un tempo dándolle voltas á transmisión interxeracional como punto fundamental para a normalización lingüística. É aí onde está a gran fractura, o gran problema do galego, como causa e como consecuencia, na transmisión interxeracional. Ás xeracións máis novas, ou non se lles transmite, nalgúns casos, ou non o utilizan na práctica como lingua de uso normal.

xoves, 3 de xullo de 2014

Corazóns, cabezas, bocas

por Nel Vidal no Sermos Galiza:

Tantas veces teño calado o meu desacordo como veces teño escoitado que o que nos fai falta para mellorar no proceso de normalización lingüística son máis mans que traballen.
Que se necesitan máis mans? Sempre, claro. Que o que se necesitan son máis mans? Oxalá. Ese “o” sería determinante para simplificar moitas cousas. Porque..., que queremos que fagan esas mans?

domingo, 18 de maio de 2014

O mellor galego do mundo

por Nel Vidal en La Voz de Galicia:

Son abondas as persoas que a diario falan galego e que din que non o saben falar ben, porque falan o de aquí, e non o fan igual que, por exemplo, o presentador do telexornal. Pois vou dar un dato obxectivo e, incluso, como se adoita dicir, cientificamente demostrado: as galegas e os galegos, e, claro, tamén as bergantiñás e bergantiñáns, falamos o mellor galego do mundo. Si, é así, somos nós quen mellor en todo o mundo falamos a nosa lingua.

luns, 3 de marzo de 2014

Nel Vidal: "En lugar de normalizar, “desnormalízase”, enviando mensaxes prácticas contrarias ao galego desde o propio goberno".

Gosto especialmente das entrevistas porque nos poden achegar visións máis claras e directas. Mágoa que hai tempo que non proliferan, cando menos as que caerían dentro do ámbito deste blogue. Por iso é unha alegría dobre o atopar algunha coma esta que Carme Vidal lle fai a Nel Vidal para o Sermos Galiza:

O próximo sábado a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) desenvolverá a súa asemblea xeral. O seu presidente, Nel Vidal Barral, técnico no Concello de Carballo, trasládanos a valoración do colectivo que traballa pola normalización e que está a vivir o momento de maior precariedade e maiores retrocesos no proceso dos últimos tempos.

-Un dos obxectivos de CTNL é detectar eivas no traballo de normalización lingüística, cales son as máis notorias?
Distinguiría dous tipos de eivas, unhas fixadas no Estatuto, é dicir, de carácter técnico derivadas da administración ou do goberno que deberían ser as máis fáciles de mudar e logo están as eivas sociais que son consecuencia do proceso histórico, dos prexuízos e da propia situación, máis complexas para transformar. O que pretende o traballo de normalización é rematar con eses prexuízos mais é preciso tamén mudar as outras eivas para facer efectivo o traballo de normalización. A nivel político e administrativo temos unha lexislación moi frouxa coa que é difícil avanzar e, polo outro, non hai unha estrutura técnica forte para facer unha planificación e intervención de acordo coas necesidades.

venres, 4 de outubro de 2013

Se até do que comemos depende o futuro da lingua!

por Nel Vidal, no Sermos Galiza:

Disque somos o que comemos e, si, en boa parte, creo que si..., e o que escoitamos, e o que facemos, e o que vemos, e o que bebemos, e o que lemos... E o que non lemos nin bebemos tamén é determinante para configurar o que somos, claro!
E, para sermos de aquí, para podermos seguir a ser en galego, teremos que comer produtos tamén de aquí? Pois, tamén creo que si...

domingo, 16 de xuño de 2013

30 anos de Lei de Normalización Lingüística

Carlos Callón, Isabel Vaquero, Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Socorro García Conde e Nel Vidal fan unha valoración para Sermos Galiza ([1] e [2]) con motivo do 30 aniversario da promulgación da Lei de Normalización Lingüística (LNL).

martes, 4 de xuño de 2013

Polo d+ m= ;-)

por Nel Vidal en Praza Pública:

Aí atrás chamáranme dunha radio para intervir nun debate sobre como a mocidade estaba a “esnaquizar a lingua” nas redes sociais, mensaxes de móbil, etc., e o prexudicial que iso era para o ensino e o idioma. Supuxeran, claro, que eu, ao ser técnico de normalización lingüística, estaría máis ca indignado con tal desfeita…

xoves, 21 de febreiro de 2013

O conflito non che é cousa nosa

por Nel Vidal, no Sermos Galiza:

A normalización lingüística non procura ningún conflito..., mais atópao.
Cando unha persoa galegofalante ten que lle facer unha consulta á súa compañía de teléfono, contratar un seguro para o seu coche ou solicitar un certificado na Seguridade Social, o que quere é que lle resolvan algunha dúbida relacionada co servizo de telefonía, ter cubertos os posíbeis sinistros que poida ter conducindo ou obter ese certificado para realizar algún trámite.
Mais, se non lle permiten obter eses servizos en galego, quen é que está a provocar conflito: quen nega ese dereito ou quen quere usar normalmente a súa lingua?

mércores, 6 de febreiro de 2013

Detrás da pancarta

por Nel Vidal, no Praza:

Non é bo para o traballo estar todo o día detrás da pancarta. Claro que non é bo, porque cada vez que iso ocorre é que alguén foi despedido, que se recortaron dereitos, que se rebaixaron salarios, que houbo un evitábel accidente laboral ou que a xente ten que traballar máis e cobrar menos, e iso a que pode traballar.