Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Anxo Fernán Vello. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Anxo Fernán Vello. Amosar todas as publicacións

sábado, 21 de novembro de 2020

Lingüicidio


por Miguel Anxo Fernán-Vello no Diario de Pontevedra:

 

O profesor Moreno Cabrera, da Universidade Autónoma de Madrid, define o lingüicidio como a actividade etnocida realizada co obxectivo de que unha determinada lingua deixe de falarse. E engade que esta actividade -criminal, diría eu- adoita levarse a cabo pola forza, prohibindo a lingua, relegándoa no ensino ou castigando severamente aos que a usan mediante un "lavado de cerebro" consistente en convencer aos que a falan de que se trata dunha lingua inútil, innecesaria, inferior, limitada, imperfecta, empobrecedora e inculta. ¿Sóalles isto aos lectores a respecto do idioma galego, tanto no plano histórico como, en boa parte, no momento actual?

 

sábado, 11 de xaneiro de 2020

Váisenos o galego?

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicaé:

EU, VAIA isto por diante, non son alarmista, nin mesmo pesimista. Gosto, iso si, de dubidar, de inquirir, de interpelar. E acredito, por outra banda, na reacción social e política, na activación dunha conciencia crítica, tamén colectiva, fronte á realidade. Que acontece co idioma galego? O Consello de Europa, do cal o Reino de España forma parte dende o ano 1977, acaba de pronunciarse sobre o proceso de desgaleguización idiomática que sufrimos, porque "a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida" e porque "a proporción de alumnos con dominio do galego como idioma ten diminuído significativamente".

martes, 24 de setembro de 2019

Notas ao vivo: Morte das linguas (69)

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Segundo a Unesco cada dúas semanas desaparece unha lingua no mundo. E, das aproximadamente 7.000 linguas vivas no planeta, unhas 2.500 están a día de hoxe en perigo de extinción. A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, diante do lingüicidio en marcha, di que implementar unha boa política lingüística pode reforzar as comunidades de falantes, revitalizando as súas linguas maternas e transmitíndoas ás xeracións futuras. E a Unesco creou o Programa de Linguas en Perigo xustamente para apoiar a comunidades e gobernos facilitándolles ferramentas e servizos necesarios para reanimar os espazos lingüísticos, que son parte fundamental da cultura dos pobos e da cultura universal.

sábado, 1 de xuño de 2019

Sobre a morte do galego

por Miguel Anxo Fernán Vello, en El Progreso:


A escritora e doutora en Lingüística Xeral pola Universidade de Santiago de Compostela, da cal é profesora, Teresa Moure, afirmou recentemente nun artigo xornalístico, con rotundidade e perentoriedade, que o idioma galego está a morrer, e que tal circunstancia é unha “verdade incontroversa”. E case ao mesmo tempo tíñamos noticia de que toda a propaganda electoral da dereita española enviada ao noso país desestima, por falta de uso e con ánimo, nalgúns casos, de claro menosprezo, o “idioma propio de Galicia”, tal como consta expresamente no noso Estatuto de Autonomía.

martes, 16 de abril de 2019

Matemáticas en galego

por Miguel Anxo Fernán Vello, Sermos Galiza:



Ano 2019. Século XXI. A literatura escrita en galego, pola súa propia calidade e polo esforzo dos seus autores e autoras, é recoñecida en boa parte do mundo. O idioma galego, que é un idioma internacional, pai e nai do portugués, sofre, no seu propio territorio nativo ou nacional un Decreto de Plurilingüísmo (2010), aprobado polo Goberno do Partido Popular na Xunta, que impide que as clases de matemáticas, tanto en primaria como en secundaria, se poidan impartir en galego. ¿Que pretende a dereita etnocida e anticultural galega con esta medida contra o idioma do país, convertido así de facto en lingua de segunda?

luns, 4 de marzo de 2019

Notas ao vivo: O tesouro do idioma (41)

por Miguel Anxo Fernán Vello no Sermos Galiza:



Castelao tiña conciencia plena do valor do idioma galego e no “Sempre en Galiza” (Vol. I. Cap. XXXIV) deixouno ben claro: “Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo”. E, por outra banda, Castelao sabía moito ben, e así o afirma no seu ensaio político por excelencia, que o idioma galego era o “pai” e a “nai” do portugués.

domingo, 24 de xuño de 2018

Notas ao vivo: Idioma en perigo (6)

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

No ano 2015 faleceron en Galiza 31.403 persoas, a maioría delas galegofalantes, e só houbo 19.346 nacementos. Por outra banda, como é ben sabido, nos últimos anos volveu caer sobre nós a sombra da emigración, e entre 2009 e 2015 máis de 142 mil persoas, todas elas menores de 35 anos e con coñecemento da lingua propia, abandonaron o país.

domingo, 3 de xuño de 2018

Notas ao vivo: O idioma e a ignorancia (3)

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Un grupello reducido de antigos alumnos da Escola de Náutica da Coruña abandonaron o acto de homenaxe á súa promoción, a do ano 1968 -celebrábase o 50 aniversario da mesma-, porque as autoridades presentes, alcalde da Coruña, secretario da UDC e un representante da Xunta, utilizaban en tan solemne acto académico o idioma galego, lingua propia e oficial da universidade e do país. Particularmente, un dos ex alumnos, bocalán e malfalado, ergueu a voz, mentres abandonaban el e outros a sala, para bramar cheo de carraxe contra o uso do idioma galego en tal contexto, afirmando que tal utilización era unha vergoña. Mais tamén é certo que a inmensa maioría dos antigos alumnos e persoas diversas asistentes ao acto manifestaron en todo momento a atención precisa e o respecto debido en tan formal, e por outra banda entrañábel, cerimonia universitaria.

sábado, 10 de marzo de 2018

O odio ao galego

por Miguel Anxo Fernán Vello en El Progreso:


CONTAN AS crónicas que dúas funcionarias da Delegación da Xunta da cidadede de Lugo se negaron a atender en idioma galego a unha cidadá que lles demandaba unha determinada información, e aínda por riba unha das dúas empregadas públicas, ademais de enxalzar alegremente ao ditador Franco, desexou a morte expresa do idioma no que escribiu don Ánxel Fole: "Pues si se pierde mejor", expresou —con ánimo sepultureiro— a traballadora administrativa do órgano colexiado do Goberno galego, que toma o nome da Xunta do Reino de Galicia creada en 1528.

xoves, 8 de outubro de 2015

Lingüicidio neofranquista

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Había xa un certo tempo (mais non tanto, porque sempre están aí) que os lingüicidas non se manifestaban de xeito tan expreso no seu odio etnocida, na súa práctica radical da “alterofobia”. Recentes investigacións no ámbito da neurobioloxía (University College de Londres) dan conta de que os individuos que odian non adoitan perder o xuízo senón que son moi conscientes dos pasos que dan e das accións a levaren a cabo contra os individuos odiados. Mais, no caso que nos ocupa, os odiados non son directamente os individuos —aínda que indirectamente tamén o sexan—, pois ese odio propio do xenocidio cultural ao que aquí nos referimos vai dirixido contra os idiomas distintos ao español ou castelán que se falan no denominado oficialmente Reino de España ou Estado español: “Todo Estado é oligárquico” (Jacques Rancière).

xoves, 21 de maio de 2015

Don Ricardo

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Cando se cumpriron dez anos do pasamento do sabio profesor, do intelectual polígrafo e do escritor total que foi don Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), eu lembraba naquela altura que don Ricardo, como ninguén no seu tempo, soubera ver, dende unha fonda tensión que lle fornecía o coñecemento de Rosalía e de Castelao, a raíz e o froito dunha nación chamada Galiza: unha forma de harmonía futura —pensaba eu— na cal brillaría ben alta a figura e a obra do mestre ferrolán. Mais a día de hoxe, cando xa se teñen

xoves, 29 de decembro de 2011

Desgaleguización

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Aínda nos finais do século XIX o idioma galego, na súa forma oral, era utilizado practicamente por toda a poboación do “noso bon país”, aquel país das “frondosas carballeiras” que fan “doce o vivir”, tal como cantou Rosalía de Castro. Mais non tardou en se formar no horizonte, aos poucos máis grisallo, como unha arañeira cega, a primeira vaga climática da desgaleguizaciónlingüística. A Galiza moderna comezaba a incorporar funcionarios de toda condición, establecíanse as chamadas profesións liberais e, sobre todo nas cidades, o castelán —única lingua oficial daquela— irá ocupando terreo, no ensino, na ideoloxía e na economía, como unha mancha de aceite a impor co seu avance unha lenta substitución do idioma propio por aquel que vén, como o seu nome indica, da nova Castela tan querida por Antonio de Nebrija. Manuel Curros Enríquez, á altura do ano 1886, viu no castelán un “idioma estraño”; traído, madia leva, pola nobreza e o clero casteláns que viñan ocupar os mellores postos administrativos e de poder real no vello Reino dos galegos. O primeiro acto, “opus nigrum”, da desgaleguización estaba servido. O castelán pasaba a ser o idioma do poder e o galego convertíase, visto como dialecto, na lingua inferior do pobo, este na súa maioría analfabeto. E levamos, con inevitábeis trazos épicos e dramáticos sobre nós, unha historia de máis de 100 anos de desgaleguización idiomática.

xoves, 7 de xullo de 2011

Entre sociópatas desnortados (o caso de Galicia Hoxe)

por Miguel Anxo Fernán Vello, desde o seu Caderno Aberto, sección que mantiña no Galicia Hoxe:


Remataba eu o que acabaría sendo o meu derradeiro artigo en Galicia Hoxe (o artigo número 2.081 dun Caderno Aberto agora xa pechado) dando conta de que o espírito etnocida imposto sobre nós renovaba todos os días, por activa ou por pasiva, o “meu (noso) parte de desaparición”. E esas palabras, ao meu ver, plenamente vixentes e oportunas ecoaron en min ao día seguinte cando tiven noticia directa —golpe xeado de machada— da desaparición de Galicia Hoxe, “único diario en galego”. Vaia aquí, en primeiro lugar, a miña solidariedade e todo o meu afecto persoal cara aos xornalistas, homes e mulleres, que conformaban unha equipa de gran nivel profesional, humano e xornalístico, e vaia tamén nestas liñas o meu agradecemento a Caetano Díaz e a Xosé Manuel Rey Nóvoa, que me permitiron levar a cabo en Galicia Hoxe unha importante experiencia profesional como articulista (exactamente dende o 13 de xuño de 2003 até hoxe), fundamental para min na miña formación como xornalista de opinión e no meu ánimo literario en xeral. Sempre lles estarei agradecido.
Galicia Hoxe foi ao mesmo tempo, para min, un soño e unha realidade, e esa realidade, fermosa no seu deseño formal e recoñecíbel tamén na calidade da súa Redacción, acabou sendo borrada do mapa, que ninguén se engane, tanto pola acción de costas viradas da inmensa maioría dos lectores galeguistas e nacionalistas como polo odio etnocida contra a lingua galega presente no Goberno da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo. Só unha caste de activa frialdade política e de activo antihumanismo propio de sociópatas explica o asasinato “a sangue frío” (así mesmo falou Caetano Díaz) dun xornal diario, único en galego, que constituía, en tanto medio de comunicación —róubolle agora as palabras, resituándoas, á Real Academia Galega—, o máis importante “elemento basilar no uso público dunha lingua”, porque “a historia da normalización do galego a través dos xornais ofrécenos unha cartografía na que nos situar no mundo” e porque os medios de comunicación son un “baremo decisivo para medir o estado xeral dunha sociedade, do seu apagamento ou da saída á luz”.
Eu non quero, amigas e amigos, deixarme levar por ese tipo de pesimismo que mira aos pés, porque prefiro mirar aos ollos (Chesterton), mais o certo é que coa desaparición de Galicia Hoxe a sociedade galega experimenta un “apagamento” (velaí tamén os casos de Vieiros, A Peneira e A Nosa Terra, entre outros); un apagamento que, aos poucos, cega todo camiño para un tipo de optimismo (outravolta Chesterton) que trate de “estrañarse do mal”. Porque no caso de Galicia Hoxe —2.943 números editados e máis de 130.000 páxinas escritas todas elas en galego— o mal non está só representado pola brigada de demolición feijooniana (a alma cívica e política de Galicia nunca llo perdoará) senón tamén polo desleixo, a neglixencia e o desinterese da maioría do nacionalismo cultural e político galego, fragmentado, enfrascado, desnortado, atomizado, sectarizado. Talvez sexa este, se non o corriximos, o noso máis triste fado.

luns, 27 de xuño de 2011

Confesión lingüística

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Sen dúbida, os que somos galegofalantes naturais e espontáneos, persoas que actuamos na vida con debida educación, tolerancia e respecto por todos os demais, cada vez temos menos posibilidades -campo de actuación, enténdase así- para sermos como somos (nós mesmos) no noso propio país, pois só por utilizar o idioma propio de Galicia, a lingua na que pensamos e soñamos, pasamos a ser considerados como "distintos", raros, sectarios, "nacionalistas", por unha parte considerábel -tantas veces ignorante e intoxicada intelectual e politicamente- da poboación. A xenial Rosalía de Castro -unha das máis grandes mentes literarias europeas do seu tempo- cuñou aquilo de "estranxeira na súa patria". E eu mesmo, aquí e agora, debo confesalo, así tamén me sinto. E ademais síntome "estranxeiro", debo recoñecelo -e non sen profunda dor-, nun tipo de sociedade, a nosa, na que unha boa parte dos seus creadores artísticos -non no ámbito literario, mais si no da plástica, por exemplo- é refractaria ao idioma de Luís Seoane, Reimundo Patiño ou Leopoldo Nóvoa. ¿E se falamos das Universidades? No ámbito dos "templos do coñecemento" -agás contadísimas excepcións- o idioma galego brilla pola súa ausencia, e cando un visita eses lugares percibe de xeito inmediato a gran alienación existente, a pobreza de sensibilidades que se exhibe -cousa que moito sorprende- e o tantas veces nulo exercicio intelectual de aproximación á realidade que se verifica. Pobre país o noso, e pobres todos nós. Pois o nacionalismo cultural e político galego, sobre todo o político -xa non falamos do nacionalismo español incrustado no noso vello país-, pouco soubo facer até o momento para lle devolver á nosa cidadanía a dignidade, en plenitude, de sermos nós mesmos. Eu hoxe, meus caros lectores -isto é unha confesión-, síntome, como Rosalía no seu día, estranxeiro na miña patria. Triste estranxeiro. Mais rodeado, iso si, dun espírito etnocida, por activa ou por pasiva, que renova todos os días a sinatura do meu (noso) parte de desaparición.

mércores, 18 de maio de 2011

Imposición do inglés

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Imponse o inglés por aquí e acolá, na publicidade, no comercio, na economía, na empresa, na ciencia, na música lixeira, na política, na internet, na linguaxe diaria... Eu lembro un estudo realizado hai varios anos polo British Council que concluía que arredor de 2.000 millóns de persoas ían estudar o idioma inglés no horizonte dunha década, no camiño de se converter así enidioma global ou lingua franca da era moderna. Segundo datos fornecidos polo Consello Británico, na actualidade un terzo dos libros que se publican no mundo ven a luz en inglés e o 75% da bibliografía científica tamén está na lingua de Shakespeare. Como ben lembra Simon Kuper, o inglés comezou a se impor no ámbito internacional ao menos dende o ano 1919, cando o Tratado de Versalles se redactou en inglés ademais de en francés, e hoxe mesmo, co que ten chovido, a lingua de Winston Churchill é utilizada a miúdo -así tamén o lembraba José Saramago- comoinstrumento de dominación. ¿Acaso Disney non prohibiu no seu día para América Latina que os seus personaxes recibisen os nomes en castelán? O certo é que na actualidade, seguindo ao escritor Julio Llamazares, o cidadán español medio, moi moderno el, consome no canto de biscoito plum-cake, obtén tickets, merca compacts, usa slips, cursa masters, fai zapping, aparca no parking, come bacon, bebe bitter, practica squash, vai ao pub, usa crema after-shave e almorza corn-flakes. ¿Ou non é así? Fíxense vostedes, no denominado Festival de Eurovisión (Eurovision Song Contest) -pura mediocridade cancioneiril- a maioría dos países europeos presentan cancións en inglés, e no último festival celebrado cantaron en inglés Bulgaria, Grecia, Suecia, Dinamarca, Alemaña e Austria, entre outros países. Dende os romanos sábese ben que a lingua é compañeira do imperio, e talvez por iso o 90 por cento dos alumnos franceses fala cada vez mellor o inglés e peor o francés, e talvez por iso nas xuntanzas dos dirixentes das grandes empresas francesas se fala cada vez máis en inglés..

domingo, 24 de abril de 2011

Situacións idiomáticas

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe do 22/04/2011, facendo de notario da realidade lingüística da sociedade galega real:

A miúdo, na experiencia diaria, asistimos a variadas situacións nas que os falantes de galego, idioma propio de Galicia, sofren no seu propio país clara falta de cordialidade no trato conversacional, cando non rexeitamento de diverso tipo ou desatención evidente. Na miña experiencia persoal, dende hai ben anos, teño sido obxecto de reaccións verbais agresivas por parte de funcionarios da administración ou dependentes de comercio, só por utilizar na miña xestión o idioma que todos din "amar tanto". Nos últimos anos semellaba que este tipo de reaccións contra a lingua galega tiña diminuído (e un, cándido e inxel, pensaba que a democracia e a civilización avanzaban), mais, dun tempo a esta parte, todo indica que estamos de novo diante dunha corrente que despreza e "sinala" (e xa non é só un problema de pésima educación e falta de afabilidade ou cortesía) a aquela persoa que utiliza lexitimamente e con naturalidade o seu idioma, que é propio e oficial noso. O outro día nunha oficina bancaria coruñesa unha señorita funcionaria do banco en cuestión, que utilizaba un incorrecto castelán trufado de acento galego, espetoulle con frío e rudo encono a unha muller que ben pasaba dos setenta anos a seguinte frase: "Señora, es que no la entiendo. Hábleme en castellano". E a señora, tal como dicía García-Sabell que facían os galegos en situación adversa ou comprometida, baixou a cabeza e non soubo por un intre que facer nin que dicir, até que alguén lle dixo á funcionaria: "¡Renuévele la libreta!". Xulguen vostedes. A min o outro día fixéronme repetir tres veces unha mesma frase porque un señorito espelido, mozo de farmacia (a todas luces de procedencia galega), non quería entendela, amosando así unha notábel falta de profesionalidade na atención comercial e exhibindo un desprezo bárbaro, non exento de xenreira, a un cliente do seu establecemento. E todo isto acontece no ano 2011, aquí e agora. Algo se fixo mal, por suposto, e algo se fai mal. Pobo estraño o noso. O veleno inoculado non deixa de actuar.

xoves, 7 de abril de 2011

Supervivencia do idioma galego

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Inaugúrase un gran centro comercial na cidade da Coruña e en toda a publicidade que se realiza, mesmo na que se exhibe na Televisión de Galicia, ignórase completamente o idioma propio e oficial do noso país. Nin unha soa frase no idioma no que soñou e escribiu Rosalía de Castro. Nin unha soa frase publicitaria na lingua literaria de Galicia por excelencia, na que se construíu no pasado e se constrúe no presente un dos edificios literarios máis importantes -si, máis importantes: sáibano os galegos ignorantes- de toda Europa. Nin unha soa frase, en definitiva, na lingua propia de Galicia, que fala dende tempo inmemorial a inmensa maioría do pobo galego. E diante de tanto desprezo por parte deste gran centro comercial cara ao noso idioma -puro foro deShopping Bussines promovido, seica, por importantes empresarios galegos-, un non pode evitar preguntarse se non corre polo sangue destes paisanos e potentados unha célula sequera de mínima galeguidade, de recoñecemento do país e da súa cultura, de respecto elemental e democrático polo idioma que figura nos seus apelidos. ¿Pódese e débese ignorar un idioma oficial -que é ademais o "propio" de Galicia- cando se presenta no propio país un complexo comercial seguindo técnicas publicitarias dirixidas ao público en xeral? Mínimo amor, ínfimo ou ridículo amor se lle ten a Galicia e á súa historia como pobo e como cultura cando se ignora deste xeito a fala dos "avós que temos mortos". Eu non sei se este centro comercial que está a piques de inaugurarse respectará posteriormente o idioma galego na cartelaría interior, nas promocións comerciais internas e na publicidade permanente que seguirá á súa apertura. Non o sei. Aquí pode pasar de todo. Os empresarios galegos na súa inmensa maioría non contemplan o galego como lingua de comunicación e teñen por costume -son contadísimas as excepcións- desprezar abertamente o seu uso. E a sociedade galega non sabe, non contesta. Así a supervivencia do galego como idioma -está a morrer aos poucos- ten os anos contados..

luns, 28 de marzo de 2011

O pesadelo

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Di dona Odiadora Profesional do Galego (de aquí en diante Odiproga) que un neno ten pesadelos por ter que estudar Coñecemento do Medio nun libro en galego. A situación é tal (informan as crónicas) que o pequeno chegou a dicirlle á súa proxenitora frases como esta: "Mamá, esta noite soñei que a miña profe me quitaba o libro das mans". E a feridísima proxenitora denunciou, facendo gala de hiperbólica visión infantilista: "Sinto que mando o meu fillo ao campo de batalla". Marzo do ano 2011. Fica ben claro que tanto dona Odiproga como a proxenitora requintada viven noutra realidade, noutro país físico e "mental", e alguén con competencia en materia de conduta humana (ou elas mesmas, na intimidade, como Aznar) debera analizar as súas actitudes tanto no plano afectado polo pedagóxico como no que ten que ver co do sentido común. Resulta que a materia Coñecemento do Medio debe ser impartida en galego, pois así o establece a normativa aprobada pola Xunta, mais a proxenitora en cuestión pretende, porque si, que o seu fillo de seis anos utilice, contra os criterios pedagóxicos e o sentido común (e neste caso tamén legal), o libro de dita materia en castelán, cando todos os demais alumnos o utilizan con normalidade e naturalidade en galego. ¿Será consciente esta señora do dano que lle está a causar ao seu fillo, só por tratar de impor a súa ideoloxía política extremista en contra da lingua galega? "Sinto que mando o meu fillo ao campo de batalla". Pobre soldadiño infante, vítima el da fobia organizada contra o idioma propio de Galicia. E a nai, aínda por riba, di a todos os ventos que "es gallega de pura cepa". ¿Que clase de galega será esta señora que despreza, como todos os "odiproga" (odiadores profesionais do galego), a máxima creación colectiva do pobo do que todos formamos parte? O verdadeiro pesadelo consiste en asistirmos á morte lenta do noso idioma e ao mesmo tempo vermos como os etnocidas (máscaras de odio), "gallegos de pura cepa", perseguen con malsá teimosía antes de tempo o seu cadáver..

xoves, 3 de marzo de 2011

Breogán"s Lighthouse

Por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe, no que fala da publicación dunha antoloxía bilingüe da literatura galega que se presenta hoxe en Londres.

Hoxe preséntase en Londres por todo o alto a antoloxía bilingüe galego-inglés Breogán"s Lighthouse. An Anthology of Galician Literature, realizada na súa integridade polo catedrático de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro Santos. Publicada pola editora londiniense Francis Boutle Publishers, a magna obra levada a cabo por Antonio de Toro, editor do volume, contempla 800 anos de literatura galega, dende o século XIII -a poesía medieval galega é unha das xoias da humanidade, que dixo no seu día Octavio Paz- até a actualidade, constituíndo así a máis importante mostra de literatura galega (máis de 650 páxinas) traducida a outro idioma. 150 autores seleccionados e arredor de 350 textos literarios escolmados demostran ben ás claras a existencia dunha literatura galega antiga e moderna que nos sitúa -o noso país non chega aos 30 mil quilómetros cadrados e non supera os 3 millóns de habitantes- entre as culturas europeas donas dunha literatura de seu con máis brillante cultivo da expresión literaria, algo que agora terán a ocasión de comprobar, en perfecta visión panorámica, os lectores ingleses. Os textos literarios incluídos no Breogán"s Lighthouse foron traducidos ao inglés directamente do galego por David Clark, Alan Floyd, Anne MacCarthy, John Rutherford, Ana Gabín e Juan Casas, o que lle engade ao conxunto literario unha calidade textual en inglés fóra de toda dúbida. Mais o gran mestre creador, executor e proxector deste tesouro do idioma galego ofrecido ao mundo anglófono, así o debemos valorar e expresar, é o profesor Antonio de Toro. Catedrático de Filoloxía Inglesa e director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, Antonio de Toro é unha autoridade internacionalmente recoñecida en literatura inglesa e irlandesa, e é autor, entre outras, de dúas publicacións fundamentais: Poesía irlandesa contemporánea(1999) e La literatura irlandesa en España (2007). Agora toda Galicia (Faro de Breogán) está en débeda con Antonio de Toro..

luns, 21 de febreiro de 2011

O país das palabras

Adicionar legenda
por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Lembra Víctor Freixanes, comentando O libro da vaca -1.600 páxinas de Pedro Benavente e Xesús Ferro Ruibal publicadas polo Centro Ramón Piñeiro-, que para nos referir ao becerrotemos no noso idioma 64 formas diferentes, e que, segundo o noso entrañábel animal teña os cornos, as distintas denominacións do mesmo chegan case a cincocentas. E isto, amigos lectores, é realmente extraordinario. Sen dúbida, Galicia, a través do seu idioma propio, posúe unha riqueza lingüística de amplísimo espectro, e tanto é así que até a última edición doVocabulário Ortográfico da Língua Portuguesa de Porto Editora (2009) -o galego é pai do portugués, non o esquezamos- incorpora, grazas ao traballo realizado pola Academia Galega da Língua Portuguesa, arredor de 800 formas léxicas propiamente galegas que hoxe deixaron de ter uso habitual na chamada lusofonía; palabras tan fermosas como, por exemplo, lóstrego ou brétema. O Dicionario da Lingua Galega de Isaac Alonso Estravís -o mellor dicionario do idioma galego realizado até o momento- anda xa perto -agora na súa versión electrónica actualizada- das 127.000 entradas, o que dá mostra da inmensa potencia léxica coa que contamos. ¿E que podemos dicir da nosa riqueza toponímica? A toponimia galega -lémbranolo Ferro Ruibal- é a máis voluminosa de toda España e, case con toda seguridade, se incluímos aquí a denominada microtoponimia, é tamén a máis voluminosa de Europa. E aí temos outro gran dicionario, este de incalculábel valor en todos os sentidos. Pois ben, lembrábao estoutro día en Pontevedra o arqueólogo Xosé Lois Vilar: en menos de 10 anos perderanse en Galicia entre 1 millón e 1 millón e medio de topónimos. Unha ameaza e unha realidade. Un dos nosos grandes tesouros lingüísticos -patrimonio cultural galego e universal- corre un serio perigo de desaparición. ¿Que se está a facer na actualidade para impedir que isto ocorra? Se non se salva a toponimia de xeito urxente, perderase para sempre. E o país e nós morreremos tamén coas palabras..