Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Luis Davila. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luis Davila. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de maio de 2026

martes, 10 de xaneiro de 2017

As viñetas sobre prexuízos do calendario da ANL da Universidade de Vigo


Onte correu como o o lume polas redes sociais a noticia da edición dun calendario do 2017 publicado pola Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo. O seu éxito débese ás 12 viñetas (unha por mes) de Davila arredor dos prexuízos lingüísticos. Ben certo é que os cadriños de Davila non teñen desperdicio ningún, e todos eles gardan detrás súa moita miga que debullar. Así este calendario ben pode ser un excelente recurso educativo.
Presento aquí a portada porque me chamou a atención. Non lle vedes nada raro? Pensádeo un pouco e despois premendo aquí abaixo pódese descubrir o que me renxeu nesta viñeta, a ver se coincidimos.

xoves, 6 de outubro de 2016

En galego,... máis e mellor!

Nº 62 outubro 2016 en galego,. from ceiprandufe

É unha referencia para os ENDL, o boletín do CEIP de Randufe (Tui) leva editando o seu boletín "En galego,... máis e mellor" unha chea de anos. Estou seguro que todo aquel que dera dous pasos no traballo normalizador dun centro de ensino coñece a publicación. Cando esta Carta Xeométrica botou a andar xa saíran xa polo menos unha ducia de números. Non é nada fácil manterse durante tanto tempo, tal e como o fan con este boletín desde ese colexio, e moito menos nestes tempos nos que difundir e demostrar unha actitude de amor e afouteza pola lingua propia está desde mal visto ata penalizado desde os sumidoiros do poder.
Hoxe práceme comentar o feliz encontro da publicación do colexio de Tui con este blogue. No nº62 do boletín do colexio fan referencia a unha entrada de hai uns días na que comentaba unha viñeta do caricaturista Luis Davila. Só podo facer unha cousa, agradecerlle a Ricardo Alonso a mención e felicitalo polo seu labor nesas terras do sur da provincia.

xoves, 29 de setembro de 2016

Arredor dunha viñeta de Luis Davila


Cando a Mesa denunciou que o uso do galego no ensino infantil nas cidade estaba a uns niveis escandalosamente baixos (entre un 2% e un 5%) [12, 14, 15, 15bis] non poderían imaxinar que as causas fundamentais desta desfeita sociolingüístca viñeran explicadas nunha viñeta humorística como ésta de Luis Davila, O Bichero.
Houbo un tempo, na época heróica do Xabarín, no que a rapazada tiña un contacto directo co galego. As mellores series de debuxos animados emitíanse na galega nun programa que ademais estaba inzado de música galega do momento. A aposta actual da TVG, na liña da políticas lingüística da Xunta, consiste na emisión de debuxos animados en inglés. O fracaso deste invento ofrécenos unha boa medida da hiprocrisía sobre a que está montado o noso imaxinario social. Créase un discurso que baleira o fardel da utilidade a lingua galega para encher o da lingua inglesa. Neste proceso non mellora a aprendizaxe do inglés e destrózanse as ancoraxes da normalización lngüística. O único que gaña é un castelán ultraprotexido e ultraimposto. Velaquí espido o verdadeiro obxectivo da política lingüística sustentada polos dous personaxes caricaturizados, Feijóo e Rajoy. Eles representan o peor do racismo lingüístico. Ai! se os galegofalantes nos distinguíramos para cor da pel, toda a progresía estaría denunciando esta política de apartheid!
Os monicreques da viñeta non só cobran vida nas series que protagonizan nas pantallas de telvisión. Son tamén as figuras de múltiples videoxogos. Fagámonos unha pregunta: cando vimos a Bob Esponja ou a Pocoyo nun videoxogo en galego? Esta pregunta leva a outra: Cando se preocupou a administración por corrixir esta eiva? A resposta das dúas é a mesma: nunca. Non se pode aparcar este problema como se fose unha cuestión menor ou un pequeno pecado de desleixo. A rapazada adica, cada vez en maior número, o seu lecer a este tipo de xogos. Se o galego está vetado neste eido, estamos empuxando á cativada polo funil do castelán. E a isto non se lle denomina imposición?
Aínda hai outro protagonista na viñeta de Davila, ese pai comprometido coa cultura que quer educar ao seu fillo en galego. Que faga todo o posible por transmitirlle a lingua non significa que o rapaz a vaia empregar no seu entorno social. Cómpre a axuda de toda a comunidade para podelo facer. Neste punto encontrámonos coa cuestión da libre elección dos pais. Esta liberdade que só se garantiza se a escolla é o castelán. O pai do debuxo de Davila non ten dereito a esa liberdade.
Queda por falar do último personaxe, o neno. Pero, ...a quen lle importa o neno?

Máis:

sábado, 9 de xuño de 2012

Funcionarios sen galego


Esta estampa, de Luís Davila, tirada d´ O Bichero, xa ten o seu tempo. Trata da primeira iniciava contra o galego do goberno da Xunta: a eliminación das probas que acreditaban a competencia lingüística en galego. Teño por certo que un de fóra non é quen de entender, non xa que o chiste é ben triste, senón que precisamente niso reside a graza do chiste.
Vinllo a Marlou e non resistín a tentación.

martes, 26 de xullo de 2011

Entre bois

Unha de Davila que me quedara no arquivo desde hai ben de tempo pero que desafortunadamente sempre é actual:

xoves, 20 de xaneiro de 2011

Senadoras galegófobas

As senadoras María Dolores Pan e María Jesús Sáinz non quixeron usar o galego no senado. A primeira delas  asegurou amar á súa terra, os seus costumes e a súa lingua pero preferiu falar en castelán, "la lengua en la que entienden todos los ciudadanos"; a segunda xustificouse dicindo  que“desde luego amo a Galicia y a mi lengua gallega, de la que me siento muy orgullosa; por ello fue para mí un honor dar las primeras clases de gallego sin remuneración, pero voy a utilizar el castellano porque hablaré de un tema que afecta a todos los españoles”. Así as retratou Luís Davila

domingo, 28 de novembro de 2010

Davila versus Castelao

Luis Davila, reienterpretando a Castelao:
O ESCOLANTE ANDALUZ: ¿Cuánto año tiene?
- Non temos año ningún; temos unha ovella.

domingo, 22 de agosto de 2010

112

Supoño que todos os que teñen como lingua habitual o galego tiveron máis dunha experiencia deste tipo ao chamaren a algún número de suposta atención para algún tipo de servizo.
Unha nova achega de Luís Davila:

mércores, 28 de xullo de 2010

"Te la inco"

A noticia de que un policía ameazaba a unha xornalista andaluza por usar o galego ten hoxe unha nova interpretación da man de Davila: