Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Eduardo Pondal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eduardo Pondal. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de outubro de 2023

Impresentábel

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Cen anos despois de que Eduardo Pondal –a requerimento do músico Pascual Veiga– escrebese a letra para un Himno galego (1890), o investigador Manuel Ferreiro estaba en condicións de estabelecer o texto verdadeiro, submetido, a través dos anos, a varias deturpacións. Quen traballamos desde hai décadas coa literatura de Rosalía de Castro e doutros clásicos sabemos ben o labor continuo de corrección que cómpre realizar neles para restaurarmos o sentido orixinal do escrito polos nosos antepasados. “Corrección” non significa refacción, xustamente o contrario: significa devolución ao texto da súa literalidade; recuperación, pois, da vontade autorial e do sentido que ela imprimiu ao seu poema ou á súa prosa. Pondal non escapa a esta necesidade de restauración e, no poema a que nos referimos, ela, a restauración, tórnase máis necesaria aínda por se tratar da letra do Himno nacional galego.

 

xoves, 26 de outubro de 2017

Eduardo Pondal en 5 minutos



A fundación Eduardo Pondal xunto con Asubío Média ilustran en cinco minutos a vida de Eduardo Pondal. Unha produción que estará traducida en 5 idiomas, intentando así que o coñecemento da vida do poeta teña un maior alcance
Vía RAG

xoves, 16 de marzo de 2017

No centenario da morte de Eduardo Pondal

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

luns, 13 de marzo de 2017

Conferencia de Pilar García Negro celebrando o centenario de Pondal



O vindeiro venres 17 de marzo, ás 19:30, na Sala de exposicións de Abanca, na Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes proponnos unha conferencia de Pilar García Negro sobre a obra de Eduardo Pondal. Con este acto querse lembrar o centenario da morte do poeta, acontecida na Coruña o 8 de marzo de 1917.


Eduardo Pondal é un dos grandes poetas do Rexurdimento galego (xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez). Pondal estivo fondamente comprometido na defensa da nosa nación e da nosa lingua e participou en numerosas actividades de signo galeguista e democrático, como o Banquete de Conxo (1856), xuntanza de estudantes e artesáns, que simbolizou a unión da reivindicación de clase coa reivindicación nacional. Eduardo Pondal creou na súa poesía un universo mítico onde os celtas simbolizan a dignidade que Galiza debe recuperar. El sentiuse o bardo, o cantor do pobo que ten a obriga de incitarnos a recuperar a forza e o orgullo de sermos quen somos e que nos quere espertar dun longo sono que debe rematar: “desperta do teu sono / nazón de Breogán”.
O nome de Pondal é moi coñecido por ser o autor da letra do noso Himno. O texto encargoullo o músico Pascual Veiga, que organizou na Coruña en 1890 un Certame Musical para premiar a composición que, sobre o texto de Pondal, mellor expresase o “espírito galego”. Finalmente, foi no Centro Galego da Habana onde o Himno se fixo “oficial” para todos os actos; interpretouse por primeira vez no Gran Teatro desta cidade o 20 de decembro de 1907, nunha velada para honrar a memoria de Pascual Veiga.
A obra de Eduardo Pondal foi menos comprendida que a de Rosalía e a de Curros, quizais polo seu carácter fondamente renovador e pola riqueza en cultismos léxicos do seu rexistro literario; mais, a actitude de rebeldía fronte á decadencia do noso país e á desaparición dos nosos sinais de identidade sitúao como poeta comprometido e é a cerna da súa produción.
A obra de Pondal non está obsoleta, senón que segue a manter a súa vixencia. Continúa pendente a “redención” do pobo galego e a recuperación da nosa autoestima colectiva.
En canto a Pilar García Negro, é sobradamente coñecida polo seu traballo político, intelectual e xornalístico. Actualmente é profesora na UDC e autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación.
Sobre a problemática do galego ten publicado infinidade de artigos e varios libros como O galego e as leis, a súa tese de doutoramento, primeiro libro en que se aborda a cuestión crucial da lexislación lingüística e se demostra o desequilibrio legal entre español e galego; Sempre en galego, Dereitos lingüísticos e control político, Da fala á lingua. Un proceso inacabado… Ten intervido tamén en numerosos simposios e congresos sobre sociolingüística e linguas europeas non normalizadas. Foi cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, en Galiza, de 1985 a 1990; tamén foi membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico da mesma.
Publicou edicións e estudos sobre moitos autores e autoras da nosa literatura, como Lamas Carvajal, Blanco Amor, Castelao, Manuel María, María Mariño, Carvalho Calero e un longo etc. No ano 2010, con O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Militante do movimento nacionalista desde 1975, foi deputada polo BNG no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... foron os seus temas de atención preferente. Á sua iniciativa débese a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os dereitos das mulleres".
Participa tamén moi activamente no mundo asociativo e colabora con diversas institucións culturais e pedagóxicas: entre outros cargos, foi presidenta da Agrupación Cultural "Alexandre Bóveda"; é colaboradora da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística; presidenta da federación de asociacións culturais Galiza Cultura…
Vén de ser recoñecida pola AELG co premio Escritora na súa Terra, que recibirá en Lugo no próximo mes de xuño.


mércores, 8 de marzo de 2017

No centenario da morte de Eduardo Pondal

Como a Consellería de Cultura e Educación, e en xeral a Xunta, desprezaron a celebración do centenario de Pondal, non queda máis remdio que botar man dos recursos de  quen si se acorda del. Neste pequeno vídeo temos a Sabela, lendo Meniñas da Cruña, tirado do facebook da Fundación Eduardo Pondal

Suso, do facebook da Fundación Eduardo Pondal



martes, 10 de febreiro de 2015

Con Pondal o 8F

por Xoán Costa, no Sermos Galiza:

Millares de persoas percorren a cidade. Desde a Porta Faxeira até a Praza da Quintana, pasando pola Porta da Mámoa. Millares de persoas a defenderen, a defendermos o dereito a vivirmos na “nobre e harmoniosa fala de Breogán”.