Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 29 de novembro de 2013

Falemos Galego



E por fin o terceiro vídeo do alumnado de TIC do meu centro. A súa autora foi Irene Míguez e parece que se inspirou na coñecida campaña publicitaria "Vivamos como galegos"... ou non?

xoves, 28 de novembro de 2013

Gústanme os nomes en galego



Radio Fusión, a emisora das radios municipais galegas, quixo colaborar coa campaña Gústame o galego e fíxoo emitindo un spot sobre os nomes galegos.

A LOMCE resta aínda máis galego



Se o funesto decreto para o plurilingüismo está sendo un desastre educativo e un factor moi importante para a redución do uso e do prestixio do galego, a LOMCE afondará nese mesmo pozo, reducindo e acurralando aínda máis ao galego nas escolas. Algo que xa teño comentado e que agora a CGENDL explica moi ben neste oportuno tríptico.

mércores, 27 de novembro de 2013

LOMCE... Fóra da Escola



Xurxo Souto, Bolboreta e Anton Papaqueixos fan unha repichoca contra a wertgoñenta LOMCE.

martes, 26 de novembro de 2013

Fausto Galdo e o galego



O noso idioma está enfermo. Dase o paradoxo de que a mocidade ten un coñecemento da gramática moi superior ás anteriores xeracions, pero a súa vida diaria desenvólvena en castelán. Isto xa non sucede só nas cidades; nas vilas e no medio rural son cada vez máis os xóves que coñecen a lingua mais non a usan.

Goodbye rivers, Goodbye Springs



Un colexio de Irlanda do Norte recolleu a tradución de Rosalía é Mundial e fixo este fermoso recitado de Adiós ríos, adiós fontes, en inglés.
Visto no facebook de X. Henrique Costas

luns, 25 de novembro de 2013

#mundiala



O vindeiro 3 de decembro é o Día Internacional do Euskera. O Goberno Vasco puxo en marcha unha campaña desde un novo portal www.mundiala.net animando á cidadanía a enviar un chío co hastag #mundiala co obxectivo de que o euskera ocupe espazos non formais.
No seguinte spot dous xaponeses podemos ver a dous xaponeses que xa hai tres décadas aprenderon a falar en euskera. O anuncio forma parte da campaña #mundiala.
E nós aquí a velas vir. Cun goberno que só chega a producir mentiras querendo colgarse medallas que non lle corresponden no proceso da tradución do Twitter ao galego.



domingo, 24 de novembro de 2013

As traducións e a (in)visibilidade da literatura galega

por Xosé María Lema, nas Voces de Prolingua:

Cando en agosto de 2011 visitei, nunha viaxe organizada polo Seminario de Estudos da Costa da Morte, The Arthurian Centre preto de Camelford (Cornualles, Reino Unido), onde o principal atractivo é a lápida da suposta tumba do rei Artur dos antigos britanos, levei unha pequena alegría cando observei que entre os libros á venda no seu centro de interpretación se atopaba un do noso Álvaro Cunqueiro traducido ó inglés: Merlin and family. A alegría viuse logo toldada ó ver que se indicaba nos créditos que o libro fora traducido do Spanish (sic) Merlin e familia e outras historias.

Fraguas do Eume

Así é como aparece este folleto editado polo Faro de Vigo, segundo denuncia Prolingua.
E non só *Fraguas do Eume, senón tamén, nunha redacción en castelán, xúntanse outras perlas como "lingua de buey", "pé azul" ou "carballos y castaños".
Coleccionable prescindible.

sábado, 23 de novembro de 2013

Érguete e fala



Vídeo realizado por Denise Varela, do meu IES. Trátase dun traballo que realizou para a materia T.I.C. e no que colaboraron moitos compañeiros do seu grupo de 1º de bacharelato.
Vía Trafegando Ronseis

venres, 22 de novembro de 2013

Fala galego



Alberto Fariña, alumno do IES Pintor Colmeiro (Silleda, realizou este vídeo de promoción do uso da lingua galega como parte dun proxecto da materia TIC.
Vía Trafegando Ronseis

Memorias das Memorias dun neno labrego


Teño unha debilidade especial por Cándido Pazó pois penso que sabe transmitir os sentimentos mellor que ningún outro monologuista. Por iso, ao ver no blogue Millo Verde este vídeo, non resistín a tentación de compartilo tamén aquí.
De todas formas o vídeo non é máis que unha aproximación; para disfrutar realmente do teatro, cópre sentarse nas butacas dun.

xoves, 21 de novembro de 2013

Mulleres e lingua


Falan cinco mulleres da Agra do Orzán, e falan moi ben. A dobre discriminación: por ser galegofalante, e ademais, muller.

A falacía da modernía lingüística: léxico especializado español no galego

por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:


As modernas Sociolingüística e Socioloxía da Linguaxe teñen verificado que se dúas linguas conviviren no mesmo territorio en situación de desigualdade vai favorecerse unha utilización diglósica para os dous códigos: haberá, probabalmente, unha ben valorizada socialmente que será capaz de provocar continuas erosións na gramática e nas interaccións sociais daquela peor considerada; e esta existirá tamén e recibirá case sen remedio, na ausencia dunha boa e real política lingüística de restauración, todo o tipo de influencias do idioma mellor visto. Achamos así que a prosodia, a fonética e a fonoloxía, a morfoloxía, a sintaxe, o léxico, a semántica, a fraseoloxía e inclusive a pragmática poden verse afectadas pola presión da lingua de poder.

mércores, 20 de novembro de 2013

O galego que explica en 16 linguas a situación política de Cataluña



Fernando Castro é un galego que fala un mundo de linguas: galego, portugués,catalán, español, italiano, inglés, francés, alemán, polaco, húngaro, ruso, esloveno, checho, serbocroata, grego, indonesio,... e posiblemente algunha máis. Neste vídeo usa 16 desas linguas para explicar a situación que vive Cataluña. O vídeo forma parte dunha campaña iniciada o pasado 12 de novembro: The Catalan Porject.

Sen premios nacionais

por Xosé Luís Méndez Ferrín, no Faro de Vigo:

Dous dos chamados Premios Nacionales do Ministerio de Cultura de España, o de poesía e o de cómic, fóronlle concedidos este ano a Álvarez Torneiro e a Miguelanxo Prado por senllas obras escritas en lingua galega.

martes, 19 de novembro de 2013

Discurso de entrega premio San Martiño 2013

Vén de comenzar a súa andaina o espazo Tabeirós Montes, que ten como obxectivo ofrecer un portal cultural que sirva para dar a coñecer o activismo e creación cultural, aos artistas e creadores e inventariar os recursos que desde o punto de vista do noso patrimonio material e inmaterial teñen interese na comarca de Tabeirós e Terra de Montes.
A mellor forma de presentar este portal é con este discurso, lido na entrega do premio San Martiño 2013 por un dos receptores do premio, Carlos Loureiro. En Tabeirós Montes:


Antes de nada, e como de ben nacido é ser ben agradecido, quero darlle as miñas máis sentidas e profundas grazas á Asociación O Brado por me ter incluído na egrexia nómina dos e das loitadores e loitadoras a prol da normalización do idioma de noso. Dicía eu o outro día nun xornal que o marabilloso sería que non houbese que crear e outorgar premios por este labor xa que sería o mellor síntoma para o galego, mais mentres isto non chegue, que agardamos sexa canto antes, (aínda que semella que hai interese abondo de que O Brado perviva por moito tempo), pois amigas e amigos do Brado a seguir distinguindo a persoas e institucións para quen a normalización do noso idioma sexa prioritario especialmente para a nosa distinción como pobo, como país.

luns, 18 de novembro de 2013

venres, 15 de novembro de 2013

Se Justiça non me val?

por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:


Núñez Feixóo fixo, durante as eleccións, o imposíbel por succionar o voto dos contrarios á defensa e ilustración da nosa lingua maltratada. Unha vez dono da maioría absoluta, intentou contentar tamén os votantes conservadores algo galeguistas. Contratou, ao efecto, un experto sociolingüistica da Universidade de Vigo e aló cociñaron o Decreto chamado do Plurilingüismo. Nel aparéntase respectar o galego, pero retrocédese na súa protección a respecto da Lei de Normalización consensuada na Cámara.

A terceira póla





Como o Instituto da Lingua Galega (USC) organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa, o simposio Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, no que se analizarán a construción e as características da raia como fronteira, tamén lingüística, pareceume un bo momento para traer aquí estes documentais de Rubén Pardiñas do ano 2008, no quese fai referencia a ese illado val estremeño, o Val de Xálima, onde unha comunidade de 5000 habitantes mantén viva unha variedade de galego-portugués.

martes, 12 de novembro de 2013

Presentación do Proxecto de Normalización do CPI Virxe da Cela



Presentación dun Proxecto de Normalización para un CPI Virxe da Cela (Monfero) de pequenas dimensións (un total de 160 alumnos), nunha contorna rural de maioría galegofalante, e cun ENDL formado por só catro profesores.
Destacaría unha cuesitón: que os membros do Equipo de Normalización están orgullosos do seu proxecto e cren firmemente na dignificación do traballo normalizador, un aspecto fundamental para o seu desenvolvemento. Aparecen moi ben explicadas as liñas xerais do labor normalizador.
O que eu vexo repasando as diapositivas da presentación é moito traballo, moita ilusión, e, desafortunadamente, pouco presuposto. Conviña que a Administración pensara moi ben o que fai cando reduce os presupostos dos ENDL.
Agradécese a divulgación da estrutura do proxecto pois pode dar pautas de referencia a outros equipos que compartan algunha das características do centro para o que foi elaborado o que se presenta aquí.
Vía Xesteira, un blogue do que sentírmonos orgullosos.

luns, 11 de novembro de 2013

Eratóstenes e a medición do tamaño da Terra



Mañán está programada a vídeo-conferencia sobre as medidas do universo feitas polos gregos. A actividade está organidada pola Coordinadora Galega de ENDL e será compartida por milleiros de escolares de toda Galicia nun acto de reivindicación do uso do galego nas materias de carácter científico. Como introdución á xornada de mañán deixo aquí este vídeo. Posiblemente este sexa  que máis veces puxen nas miñas aulas. Unha breve introdución a un dos momentos estelares da historia da ciencia. Nel explícase moi claramente como Eratóstenes calcula as dimensións da Terra usando simplemente un pau, unha sombra e un paseo entre dúas cidades.

domingo, 10 de novembro de 2013

Ligazóns sobre Florence Nightingale




O abadi e a normalización lingüística

por Miguel Moreira Barbeito no Sermos Galiza:


O abadi é unha lingua de Papúa - Nova Guinea cunha comunidade de falantes de 4.300 persoas en lixeiro aumento que manifesta unha actitude positiva cara a ela en todos os tramos de idade. Unha lingua que desde hai tempo mantén un territorio e un número de falantes estábeis, circundada por outras pequenas comunidades con linguas diferentes. Nun contexto como este en que as persoas de tribos e linguas diversas conviven nunha situación de respecto mutuo as políticas lingüísticas carecen de sentido, de tal xeito que as persoas encargadas de administraren a comunidade do abadi poden non normalizaren a lingua para a salvaren. Máis aínda, para as linguas como esta os procesos de normalización supuxeron moitas veces a súa extinción, pois non subsisten cando se aplican procedementos pensados para aqueloutras de Occidente.

sábado, 9 de novembro de 2013

Sonunemprendedor

por Xosé Henrique Costas, nas Voces de Prolingua:


Si, así di o locutor dunha cuña publicitaria en galego que se emite estes días nas emisoras radiofónicas do país. Escóitase unha voz dun home novo que di de entrada sonunemprendedor con dous enes alveolares rechamantísimos que estoupan coa violencia de dous petardazos fonéticos nos oídos de todos os galegos e galegas que o escoitamos. E máis adiante, na mesma cuña, volve repetir sonemprendedor para remachar o cravo e por se non queriamos caldo.

Premios 'Somos a Curta!" III edición



Xa vai pola terceira edición do concurso Somos a Curta!, convocado polo Servizo de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación. Nesta ocasión a curtametraxe gañadora foi tamén a que levou o premio do público. A súa realización correu a cargo de Denís Losada Varela




O segundo premio foi para "Santiago 2024", obra de alumnas de Comunicación Audiovisual da USC. Neste caso a historia trasládase ao futuro. Despois do desastre da candidatura olímpica Madrid 2020, aparece por fin unha aposta segura, Santiago 2024.

venres, 8 de novembro de 2013

Kumbarikira



Kumbarikira urupukira
tsa kumbari utsu ukaima
kurachi wiri tima tsa katupi
tsa kumbarikira urupukira

Este exitoso rap dos nenos do pobo kukama kukamiria fai referencia a un relato do urupukira, unha especie de voitre natural do continente Americano: "compañeiro voitre /o meu compañeiro perdeuse/ de día non aparece/ o meu compañeiro o voitre".
Leonardo Tello, director de Radio Ucamara, un medio implicado na dignificación da comarca e na recuperación da lingua kukama-kukuramiria, comenta que "o voitre, é un animal que todos rexeitan. Sucédelle como á lingua indíxena que é considerada pola escola e o goberno como un idioma de salvaxes que se opoñen ao progreso. Os nenos aparecen coa boca vendada pola prohibición de falar a súa lingua e que avergoñados da súa identidade obrigan os seus avós a que tamén a abandonen. Isto sucede desde que a escola e mal chamado progreso chegaron á Amazonía. Deste xeito a xente é máis vulnerable e manipulable ante os poderes económicos que saquean as terras".

Vía IES Pintor Colmeiro

xoves, 7 de novembro de 2013

Carta aberta ao Faro de Vigo

desde Prolingua emitiron este comunicado publicado na súa sección de Voces:

Perante a celebración do 160 aniversario do xornal Faro de Vigo e dos actos que con tal efeméride se están a levar a cabo, a asociación de defensa da lingua galega ProLingua quere expresar publicamente:

mércores, 6 de novembro de 2013

Verbas: "eu quero galego"



Esta curta creada por Andrea Maseda Prado para o concurso de cutas sociolóxicas da UDC pretende alentar á dignificación, á defensa e á divulgación da nosa lingua. Un fermoso regalo.
Vía Brétemas

martes, 5 de novembro de 2013

Día da Ciencia Sen Galego

Para a SXPL o Día da Ciencia en Galego, xa non é 'en galego'
Indicativo do que é a política lingüística da Xunta de Galicia.
Á SXPL esvaéuselle o Día da Ciencia en Galego nesta edición do 2013.
Para acceder aos contidos que está preparando, polo momento non vos queda máis remedio que facelo desde esta entrada pois no web da SXPL, non temos acceso a nada. [P.S.: agora, despois de pasada a data, por fin están accesibles pero aínda así, bastante disimulados: non se destacan especialmente]
Indicativo do interese que se ten desde a Xunta na normalización da ciencia.
Como non se pode falar de estudo da ciencia en galego sen atentar directamente contra o decreto 79/2010, a SXPL recoméndanos o material dunha unidade didáctica de matemáticas en galego dun colexio de Vigo. E quedan tan fachendosos!
Indicativo do nível de cinismo ao que se chegou nas dependencias da política lingüística da Xunta.
Tal e como van as cousas, aínda veremos como celebran antes o Día da Ciencia en Galego en Londres ca en San Caetano.

P.S.: Pois na SXPL rectificaron ( o titular; seguen promovendo na práctica a exclusión do galego do ensino das materias científicas)

luns, 4 de novembro de 2013

Morrer en galego. Vivir en galego

por Francisco Castro en Praza Pública:


Como a vida é así, tocoume hai unha semana a morte da miña nai. Tiven que facerme cargo de toda a loxística asociada ao seu pasamento.

Ollos de aula. 10

Xa nos chegou o nº 10 da revista da Coordinadora Galega de ENDL para as familias. Nela podemos ler perlas como:

As familias debemos entender que a lingua galega non consti-túe unha especie de “roupa de domingo”que se usa só en ocasións especiais, e que logo se garda no armario, entre bólas de alcanfor, para que non se desgaste polo uso que se lle podería dar nos días laborais [...] somos nós, pais e nais, os que debemos dar un paso adiante, para que a lingua non resulte un adorno exótico nas vitrinas dos museos, senón unha ferramenta útil nas nosas bocas.E mentres todos nós non asumamos estas contradicións, seguiremos a predicar, mais sen dar trigo.

domingo, 3 de novembro de 2013

Biografía de Florence Nightingale

Na IV edición do Día da Ciencia en Galego homenaxéase a figura de Florence Nightingale como un referente fundamental na historia da estatística. Para facer outra aproximación a Nightingale, ofrecemos aquí unha adaptación da biografía de: J. J. O'Connor e E. F. Robertson dun espazo web fundamental para consultas sobre a historia das matemáticas: o MacTutor History of Mathematics Arquive


Florence Nightingale é recordada sobre todo polo seu traballo como enfermeira durante a guerra de Crimea e pola súa contribución á reforma das condicións sanitarias nos hospitais de campo militares. No entanto, o que non se coñece tan ben sobre esta incrible muller é a súa paixón polas matemáticas, especialmente pola estatística, e de como esta paixón xogou un papel importante nos labores que realizou durante a súa vida.
Nightingale leva o nome da cidade onde naceu, a Vila Colombia en Florencia, Italia, o 12 de maio de 1820. Os seus pais, William Edward Nightingale e a súa esposa Frances Smith, viaxaron por Europa durante os primeiros dous anos do seu matrimonio. A irmá maior de Nightingale nacera un ano antes en Nápoles. Os Nightingale chamaron ao seu primoxénita o nome grego da cidade, Parthenope.
William Nightingale apellidábase Shore pero cambiouno a Nightingale despois de herdar dun parente rico, Peter Nightingale de Lea, preto de Matlock, Derbyshire. A nenas creceron no campo e pasaban moito tempo en Lea Hurst en Derbyshire. Cando Nightingale tiña uns cinco anos o seu pai comprou unha casa chamada Embley preto de Romsey en Hampshire. Así a familia pasaba os veráns en Derbyshire e o resto do ano en Embley. Entra as viaxes dun lugar para outro, achegábanse a Londres, á Illa de Wight e visitaban a parentes.
Nun principio, a educación de Parthenope e Florence estivo en mans dunha institutriz, despois o seu pai, educado en Cambridge, asumiu esa responsabilidade. A Nightingale encantábanlle as súas leccións e tiña unha habilidade natural para estudar. Baixo a influencia do seu pai Nightingale familiarizouse cos clásicos, Aristóteles, Euclides, a Biblia e temas políticos.
En 1840 Nightingale suplicou aos seus pais que a deixasen estudar matemáticas en vez de:
... traballo de agulla e practicar bailes,
pero a súa nai non aprobaba esta idea. Aínda que William Nightingale amaba as matemáticas e transmitira este amor á súa filla, exhortouna a que seguise estudando temas máis apropiados para unha muller. Despois de moitas batallas emocionais, os pais de Nightingale finalmente déronlle permiso para que se lle ensinase matemáticas. Entre os seus titores estivo Sylvester, quen desenvolveu a teoría de invariantes xunto con Cayley. Dise que Nightingale foi a alumna máis destacada de Sylvester. As leccións incluían aritmética, xeometría e álxebra e, antes de que Nightingale empezase coa enfermaría, pasou tempo ensinando estes temas a nenos.
O interese de Nightingale nas matemáticas ía máis alá da materia en si. Unha das persoas que tamén influíron nela foi o científico belga Quetelet. El aplicara métodos estatísticos a datos de varios campos, incluíndo as estatísticas morais ou ciencias sociais.
A relixión xogou un papel importante na vida de Nightingale. A súa visión imparcial da relixión, inusual na súa época, debíase á actitude liberal que atopou no seu fogar. Aínda que os seus pais fosen da Igrexa Unitaria, Frances Nightingale preferiu que as nenas se criasen na fe anglicana. O 7 de febreiro de 1837, Nightingale creu escoitar o chamado de Deus, mentres camiñaba polo xardín de Embley, aínda que nese momento non sabía o contido dese chamado.
Nightingale desenvolveu un interese nos temas sociais da súa época, pero en 1845 a súa familia opoñíase firmemente á suxestión de Nightingale de adquirir experiencia nun hospital. Ata ese entón, o único traballo de enfermaría que fixera fora coidar de parentes e amigos enfermos. A mediados do século XIX a enfermaría non era considerada unha profesión axeitada para unha muller educada. Ás enfermeiras da época faltáballes adestramento e tiñan fama de ser mulleres vulgares e ignorantes, dadas á promiscuidade e ás borracheiras.
Mentres Nightingale estaba nunha viaxe por Europa e Exipto iniciada en 1849, cos amigos da familia Charles e Selina Bracebridge, tivo a oportunidade de estudar os distintos sistemas hospitalarios. A principios de 1850, Nightingale empezou o seu adestramento como enfermeira no Instituto de San Vicente de Paul en Alejandría, Exipto, que era un hospital da Igrexa Católica. Nightingale visitou o hospital do Pastor Theodor Fliedner en Kaiserwerth, cerca de Dusseldorf en xullo de 1850. Nightingale regresou a esa cidade en 1851 para practicar como enfermeira durante tres meses no Instituto para Diaconisas Protestantes e despois de Alemaña mudouse un hospital en St. Germain, cerca de París, dirixido polas Irmás da Caridade. Ao seu regreso a Londres en 1853, Nightingale ocupou o posto sen paga de Superintendente no ‘Establecemento para Damas Enfermas’ no número 1 da rúa Harley.
Marzo de 1854 trouxo consigo o inicio da Guerra de Crimea na que a Gran Bretaña, Francia e Turquía lle declararon a guerra a Rusia. Aínda que os rusos foron derrotados na batalla do Río Alma o 20 de setembro de 1854, o xornal The Times criticou as instalacións médicas británicas. En resposta a iso, o seu amigo Sidney Herbert, Secretario de Guerra británico, pediulle nunha carta a Nightingale que se convertese en enfermeira-administradora para supervisar a introdución de enfermeiras nos hospitais militares. O seu título oficial era ‘Superintendente do Sistema de Enfermeiras dos Hospitais Xerais Ingleses en Turquía’. Nightingale chegou com 38 enfermeiras a Escutari, un suburbio asiático de Constantinopla (hoxe Estambul) o 4 de novembro de 1854:
... o seu entusiasmo, a súa devoción e a súa perseveranza non cederían ante ningún rexeitamento ou dificultade. Firme e infatigablemente ocupábase do seu traballo con tal criterio, autosacrificio, valor, tenrura e todo iso cunha actitude tranquila e sen ostentación que gañaba os corazóns de todos aqueles aos cales os seus prexuízos de oficiais non lles impedían apreciar a nobreza do seu traballo e do seu carácter.

O feito de ser muller implicaba que Nightingale tiña que loitar contra as autoridades militares a cada paso para ir reformando o sistema hospitalario. Baixo condicións que se caracterizaban por soldados tirados sobre o chan rodeados de insectos e ratos e con operacións efectuadas em condicións anti- hixiénicas, non debe sorprendernos que cando Nightingale chegou a Escutari as enfermidades como a cólera e o tifo fosen comúns nos hospitais. Isto implicaba que os soldados feridos tivesen unha probabilidade sete veces maior de morrer no hospital dunha enfermidade que de morrer no campo de batalla. Mentres estivo en Turquía, Nightingale reuniu datos e organizou un sistema para levar un rexistro; esta información foi usada despois como ferramenta para mellorar os hospitais civis e militares. Os coñecementos matemáticos de Nightingale volvéronse moi efectivos cando usou os datos que reunira para calcular a taxa de mortalidade no hospital. Estes cálculos demostraron que unha mellora nos métodos sanitarios empregados, produciría unha diminución no número de mortes. Para febreiro de 1855 a taxa de mortalidade caera do 60% ao 42.7%. Mediante o establecemento dunha fonte de auga potable así como usando o seu propio diñeiro para comprar froita, vexetais e equipamento hospitalario, para a primavera seguinte a taxa decrecera outro 2.2%.

Nighingale usou esta información estatística para crear o seu Diagrama de Área Polar, ou 'coxcombs' como os chamou ela. Estes foron usados para dar un representación gráfica das cifras de mortalidade durante a Guerra de Crimea (1854-1856).
A área de cada cuña coloreada, medida dende o centro é proporcional á estatística que representa. A parte exterior azul representa mortes debidas a
... enfermidades infecciosas mitigables
ou, noutras palabras, enfermidades contaxiosas como a cólera e o tifo. Os anacos centrais vermellos mostran as mortes por todas as demais causas. As mortes nos hospitais de campo británicos alcanzaron o seu máximo en xaneiro de 1855 cando 2.761 soldados morreron por enfermidades contaxiosas, 83 por feridas e 324 por outras causas, cun total de 3.168 mortes. A media de homes na armada ese mes foi de 32.393. Usando esta información, Nightingale calculou unha taxa de mortalidade de 1.174 por cada 10 000, dos cales 1.023 de cada 10.000 debíanse a enfermidades infecciosas. De continuar así e sen a substitución frecuente de tropas, entón as enfermidades por si mesmas rematarían totalmente co exército británico en Crimea.
Mentes estas condicións insalubres non se limitaban aos hospitais militares de campo. Ao volver a Londres en agosto de 1856, catro meses despois da sinatura do tratado de paz, Nightingale descubriu que en época de paz, os soldados de entre 20 e 35 anos de idade tiñan unha taxa de mortalidade do dobre da dos civís. Usando as súas estatísticas, ilustrou a necesidade dunha reforma sanitaria en todos os hospitais militares. Ao impulsar a súa causa, Nightingale conseguiu chamar a atención da Raíña Victoria e o Príncipe Alberte así como a do Primeiro Ministro, Lord Palmeston. Os seus desexos de levar a cabo investigación formal fóronlle concedidos en maio de 1857 e levaron ao establecemento da Comisión Real para a Saúde do Exército. Nightingale sen chamar a atención pública e empezou a preocuparse polas tropas apostadas na India. En 1858 converteuse na primeira muller electa socia da Royal Statistical Society polas súas contribucións ás estatísticas do exército e hospitalarias.
En 1860 abriu a ‘Escola de Adestramento’ e o ‘Fogar Nightingale para Enfermeiras’ no hospital de St. Thomas en Londres, con 10 estudantes. Era financiada por medio do Fondo Nightingale, un fondo de contribucións públicas establecido na época en que Nightingale estivo en Crimea e que contaba con £50.000. A escola baseábase en dous principios. O primeiro, que as enfermeiras debían adquirir experiencia práctica en hospitais organizados especialmente con ese propósito. O outro era que as enfermeiras debían vivir nun fogar adecuado para formar unha vida moral e disciplinada. Coa fundación desta escola Nightingale lograra transformar a mala fama da enfermaría no pasado nunha carreira responsable e respectable para as mulleres. Nightingale respondeu á petición da oficina de guerra británica de consello sobre os coidados médicos para o exército en Canadá e tamén foi consultora do goberno dos Estados Unidos sobre saúde do exército durante a Guerra Civil estadounidense.
Case durante o resto da súa vida Nightingale estivo encamada debido a unha enfermidade contraída en Crimea, o que lle impediu continuar co seu traballo como enfermeira. Entrementes, a enfermidade non a detivo de facer campaña para mellorar os estándares de saúde; publicou 200 libros, relatorios e panfletos. Unha desas publicacións foi un libro titulado Notas sobre enfermaría (1860). Este foi o primeiro libro para uso específico no ensino da enfermaría e foi traducido a moitos idiomas. As outras obras publicadas de Nightingale inclúen Notas sobre os hospitais (1859) e Notas sobre a enfermaría para as clases traballadoras (1861). Florence Nightingale cría firmemente que o seu traballo fora o seu chamado de Deus. En 1874 converteuse en membro honorífico da American Statistical Association e en 1883 a Raíña Victoria outorgoulle a Cruz Vermella Real polo seu labor. Tamén foi a primeira muller en recibir a Orde ao Mérito de man de Eduardo VII en 1907.
Nightingale morreu o 13 de agosto de 1910 aos 90 anos. Está enterrada na Igrexa de St. Margaret, en East Wellow, preto de Embley Park. Nightingale nunca casou, aínda que non por falta de oportunidades. Cría que Deus decidira que ela debía ser alguén a quen:
... seleccionara claramente... para que fose solteira.
O Monumento de Crimea, foi erixido en 1915 en Waterloo Place, Londres, para honrar a contribución que fixo Florence Nightingale a esa guerra e á saúde do exército.

Eu fago voto de fidelidade, aínda outra volta, á lingua galega

por Xaquín Campo Freire, no Sermos Galiza:


Amigos: Acabo de ler nun xornal dixital un artigo: Galegos para sempre, do que che recomendo a lectura: “Galegos e en galego tamén despois da morte. O galego é a lingua maioritaria no país, pero a penas existe nos camposantos. Contra esta eiva, hoxe lánzase a campaña "Galegos para sempre", na que colaboran varias funerarias e unha parroquia de Carballo. Por Galicia Confidencial | Carballo | 30/10/2013”.

sábado, 2 de novembro de 2013

Florence Nightingale. A película



Florence Nightingale é unha das figuras escollidas para homenaxear nesta xornada reivindicativa que é o 'Día da ciencia en galego'. A elección de Florecence débese seguramente a que, aínda que é a precursora da fundamentación do traballo de enfermería, é tamén unha das figuras fundamentais na historia da estatística e este ano 2013 foi designado como Ano Internacional da Estatística
Nesta ocasión recollo unha película que recrea aspectos fundamentais da súa biografía