Perante a celebración do 160 aniversario do xornal Faro de Vigo e dos actos que con tal efeméride se están a levar a cabo, a asociación de defensa da lingua galega ProLingua quere expresar publicamente:1.- A nosa felicitación ao xornal Faro de Vigo polos seus 160 anos de existencia como referencia histórica e senlleira do xornalismo. Durante estes anos foi unha ventá de información do sur de Galicia e desexamos que continúe esta próspera singradura.2.- A nosa profunda decepción e desagrado por pretender Faro de Vigo render homenaxe a dúas figuras fundamentais deste país, Rosalía Castro e Francisco Fernández del Riego, presentando sobre eles dous libros en castelán, posto que estes dous persoeiros da nosa cultura e das nosas letras levantaron durante as súas vidas a mesma bandeira: a da reivindicación da lingua galega. A boa nova da saída de dous libros sobre Rosalía e D. Paco Del Riego convértese así en decepción e en mostra de inexplicable insensibilidade.Rosalía de Castro escribiu en 1863 o seu poemario Cantares Gallegos para dignificar o idioma galego e para rebater os que daquela o rexeitaban e denigraban por ser lingua de pobres. Hoxe, por desgraza, tería que volvelo facer cun prólogo non moi diferente, porque aínda hai, á vista deste e doutros actos, quen considera que o galego é un idioma de segunda. Pero o que nos semella máis triste é que se ignore a verdadeira razón de ser desta obra rosaliana: a lingua. Por iso non podemos máis ca manifestar o noso desagrado porque un xornal publicado en Vigo non homenaxee Rosalía cun volume na lingua que a autora moi conscientemente empregou.Del Riego mantivo unha inequívoca militancia nacionalista dende os seus anos mozos cando xa, como estudante, reivindicou unha universidade en galego. A súa militancia no Partido Galeguista levouno a ser un dos redactores do Estatuto de Autonomía do 36 e a refundar o partido a principios dos escuros anos corenta. Estivo dúas veces na cadea polo seu compromiso con Galicia e a súa lingua propia e fundou a empresa editorial Galaxia en 1950 para publicar libros unicamente en galego. Foi, así mesmo, director da revista Grial na que sempre predominou o galego ata que a censura permitiu que puidese ser monolingüe. Sempre loitou por unha prensa en galego, el que chegara a dirixir o semanario A Nosa Terra e que nunca deixou de colaborar en distintos xornais con artigos para concienciar o país da cultura propia. Del Riego foi o creador do Día das Letras Galegas, para o que escolleu a data que aparecía na dedicatoria de Cantares Gallegos, porque sabía que Rosalía era a matriarca desta cultura e deste país.Xa que logo, dende ProLingua, lamentamos que un xornal que dirixiu Álvaro Cunqueiro, e no que escribiron e escriben aínda persoas sobranceiras da nosa cultura, celebre o seu 160 aniversario pretendendo render homenaxe a estas dúas figuras das letras galegas en castelán, un xornal ademais que D. Paco Del Riego definía como a “casa solarega” de moitas figuras da cultura galega. Por isto mesmo semella decepcionante que ese Faro non queira alumear as nosas letras no seu 160 aniversario.3.- Arelamos que o Faro de Vigo corrixa eivas e inercias desgaleguizadoras e converxa no soño colectivo da defensa e ilustración da nosa lingua, da nosa cultura e dos nosos persoeiros. O exemplo dun Faro de Vigo respectuoso coa memoria e coa lingua dos que defenderon e traballaron por unha Galicia máis identificada cos seus valores, co seu patrimonio e coa súa cultura sería de efecto inmediato na sociedade viguesa en particular e galega en xeral.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 7 de novembro de 2013
Carta aberta ao Faro de Vigo
desde Prolingua emitiron este comunicado publicado na súa sección de Voces:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario