Axudádeme a cantar é un documental de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba (e goza) dunha extensión e diversidade importantes no territorio galego. Neste documental de seis capítulos contamos coa colaboración de tocadoras tradicionais e participantes en procesos de recollida e divulgación, así como de artistas modernas que beben das fontes desta tradición, falan das súas experiencias e comparten a súa arte connosco. Vía Consello da Cultura:
Coordinada por Renée DePalma, a unidade didáctica ‘Axudádeme a cantar pretende servir de punto de encontro entre os saberes populares e tradicionais cos académicos ao tempo que “visibiliza o papel central das mulleres no patrimonio musical e literario de Galicia, na súa faceta de cantantes e tocadoras de instrumentos de percusión de man”. O documento, orientado ao terceiro ciclo de educación primaria e extensible a outros niveis, xa está dispoñible para descarga. É un produto complementario da serie audovisual homónima elaborada polo CCG que percorre en seis capítulos a historia e presente deste tipo de literatura oral, sostido por mulleres, que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral. Vía Botóns
Ningún comentario:
Publicar un comentario